Novas da lingua

Rexistros541 a 570 de 5153
24/09/2024. CURSOS E CONGRESOS

Xornada divulgativa na USC sobre lingua e matemáticas

Hoxe, 24 de setembro de 2024, ás 16:00 h, terá lugar na Facultade de Filoloxía da Universidade de Santiago de Compostela a Xornada Lingua e Matemáticas, organizada pola Comisión de Normalización Lingüística da Facultade de Matemáticas da USC.

A asistencia é libre ata completar a capacidade da sala. Consulta o programa.
24/09/2024. AXUDAS E PREMIOS

Volven os premios Youtubeiras+ con fachenda ao cadrado

Xa podes consultar as bases da nova edición dos premios Youtubeiras+, unha iniciativa promovida por 10 concellos galegos, a Deputación da Coruña e as universidades da Coruña, Santiago de Compostela e Vigo co obxectivo de promover a creación de contidos en galego no YouTube e en TikTok, así como visibilizar os perfís das persoas creadoras.

Poden optar a estes premios todas as persoas maiores de 14 anos con canles de YouTube e/ou TikTok autoproducidas. As canles deben ter a maioría dos seus vídeos en galego e, como mínimo, un deles subido a partir do 15 de novembro do 2023 co cancelo #youtubeiras, sen restricións de privacidade. Os títulos, as descricións e os subtítulos permanentes (de habelos) teñen que estar en galego. O xurado outorgará 7 premios: dous deles valorados en 1250 € e cinco en 1000 €.

O prazo de inscrición das canles remata o 15 de novembro de 2024.

Na páxina web do proxecto podes consultar as bases completas desta edición, visitar os recusos formativos que hai dispoñibles en liña e coñecer as canles gañadoras da pasada edición de 2023.
20/09/2024. DINAMIZACIóN

As familias de Pontevedra tamén poderán recibir o outono con Apego

O Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Pontevedra presenta o programa Apego no outono, destinado a ofrecer espazos de lecer e socialización en galego para as familias do concello con nenos e nenas de 0 a 6 anos. Trátase dun amplo abano de actividades (cantigas, arrolos, recitados, xogos de dedos e contos, narración oral, música e actividades didácticas sobre os oficios tradicionais galegos e o artesanado ) que se desenvolverán desde o vindeiro mércores, 25 de setembro, ata o 30 de novembro. Todas as actividades son de balde, mais cómpre inscribirse previamente.

Para ampliar información sobre o programa e mais os trámites de inscrición, preme aquí.
20/09/2024. INVESTIGACIóN

O Concello de Carballo edita un estudo sobre o topónimo Verdillo

O pasado 12 de setembro tivo lugar en Carballo a presentación pública do informe Verdillo ou Berdillo? Informe da investigación sobre o topónimo Verdillo ou Berdillo (Carballo), do século XV ao século XXI, autoría de Xosé Mª Lema Suárez.

O emprego do topónimo con “v” era unha reivindicación social antiga que se materializou en 2017 cando o Consello Parroquial de Verdillo, recentemente constituído, comezou a empregar a forma “Verdillo”, en lugar da oficial “Berdillo”. Posteriormente, a pedimento deste Consello Parroquial, o Concello de Carballo trasladou unha consulta formal ao Seminario de Onomástica da RAG que, tras o pertinente estudo, ditaminou que efectivamente a forma correcta é Verdillo.

Malia que o cambio no nomenclátor da Xunta de Galicia está aínda pendente, o Concello de Carballo editou este exhaustivo estudo onomástico para poñelo ao dispor de toda a cidadanía.

Na páxina web municipal podes ampliar información.
20/09/2024. DINAMIZACIóN

O Foro Enrique Peinador organiza un acto para reivindicar o galeguismo empresarial

O vindeiro 24 de setembro, ás 12:30 h, terá lugar no Pazo da Deputación Provincial de Pontevedra o acto “Galeguismo empresarial: comprometidos co futuro”, organizado polo Foro Enrique Peinador co apoio da Deputación de Pontevedra e mais a Xunta de Galicia. O evento ten como finalidade impulsar o uso do galego no ámbito empresarial, reafirmando o compromiso co noso idioma e a nosa identidade.

O acto está aberto a toda a cidadanía, mais cómpre confirmar asistencia. Podes ampliar información premendo aquí.
20/09/2024. INVESTIGACIóN

Presentación pública do libro gañador do I Premio Internacional de Estudos Galegos

A Asociación Internacional de Estudos Galegos anuncia a presentación da obra Colocacións co verbo soporte 'dar' en galego e español mailos seus equivalentes en lingua croata, autoría do investigador Alejandro Martínez Vicente e publicada pola UMinho Editora. Trátase do traballo gañador do I Premio Internacional de Estudos Galegos, convocado en 2024 pola AIEG co apoio da Secretaría Xeral de Política Lingüística e a Editora UMinho.

A presentación terá lugar o vindeiro 26 de setembro, ás 19 h, en formato virtual e será retransmitida na canle de YouTube da AIEG.
19/09/2024. DINAMIZACIóN

Monicreques e narración oral en galego para os nenos e nenas de Moaña

Os nenos e nenas de Moaña terán ocasión de gozar a partir de mañá, 20 de setembro, e durante todas as tardes dos venres do vindeiro outubro de cinco espectáculos infantís (monicreques e narración oral en galego) que se desenvolverán no marco do programa municipal de dinamización lectora e lingüística “Rechouchíos”, que organiza o Servizo de Normalización Lingüística, o Servizo de Igualdade e a Biblioteca Pública Municipal de Moaña.

Os espectáculos celebraranse en diferentes centros socioculturais do concello e a entrada é de balde, ata completar a capacidade das salas.

Podes consultar o programa completo premendo aquí.
19/09/2024. CURSOS E CONGRESOS

Cursos de formación en lingua galega para o PDI da Universidade da Coruña

O Servizo de Normalización Lingüística (SNL) da Universidade da Coruña convoca dous cursos de formación en lingua galega para o persoal docente e investigador (PDI) desta universidade, que se desenvolverán en liña a través do Campus Virtual entre o 14 de outubro e o 15 de decembro de 2024. Os cursos son os seguintes: Curso de actualización de competencias lingüísticas (destinado ao PDI que xa posúa un certo dominio do idioma galego e precise ampliar e asentar os conceptos) e Curso superior de competencias lingüísticas (destinado ao PDI que queira acadar coñecementos de nivel avanzado).

O prazo de presentación de solicitudes remata o 30 de setembro de 2024.

Na páxina web do SNL da UDC podes obter máis información sobre os contidos e os trámites de inscrición.
19/09/2024. CURSOS E CONGRESOS

Obradoiro de alfabetización en galego para o colectivo inmigrante da Laracha

O Concello da Laracha organiza unha nova edición do programa “A Laracha acolle”, deseñado para favorecer a inclusión social e cultural das persoas inmigrantes empadroadas no municipio, prestando especial atención ao colectivo das mulleres. No marco deste programa desenvolverase a partir do vindeiro 1 de outubro de 2024 un obradoiro de alfabetización nas dúas linguas oficiais de Galicia (galego e castelán), que se completará coa creación do espazo de expresión e participación cultural “Exprésa-T”, onde os participantes terán ocasión de poñer en práctica os coñecementos lingüísticos adquiridos e coñecer os nosos costumes e valores culturais.

Na páxina web do Concello da Laracha podes ampliar información sobre esta iniciativa.
19/09/2024. CURSOS E CONGRESOS

Cursos de formación lingüística para a comunidade universitaria da UVigo

A Universidade de Vigo publica a convocatoria de cursos de formación en lingua galega do primeiro cuadrimestre do curso académico 2024/2025, dirixidos á comunidade universitaria e organizados pola Área de Normalización Lingüística. Os cursos ofertados son os seguintes: Curso de iniciación á lingua galega (40 h); A calidade lingüística no teu TFG ou TFM (30 h); Avanza co galego (40 h); Curso de linguaxe administrativa e xurídica (40 h); Os erros máis frecuentes na lingua galega (30 h); Escribir en internet (30 h).

As sesións desenvolveranse durante os meses de outubro e novembro de 2024, na modalidade en liña. O prazo de inscrición remata o 26 de setembro de 2024, e os trámites deben facerse a través da plataforma virtual https://bubela.uvigo.es.

Podes ampliar información premendo aquí.
18/09/2024. OUTRAS

Os Zeta falan galego

As persoas nacidas entre mediados dos anos 90 e comezos da década dos 2000 pertencen á denominada xeración Zeta e o seu compromiso co galego será decisivo para a supervivencia do noso idioma no futuro. A Televisión de Galicia emitiu o pasado mes de maio de 2024 Os Zeta falan galego, unha serie documental dirixida por Manuel Darriba na que diferentes mozos e mozas galegofalantes pertencentes a esta xeración falan dos seus hábitos lingüísticos.

Podes ver os dous capítulos (de 20 minutos de duración cada un) na plataforma AGalega.
17/09/2024. CURSOS E CONGRESOS

Os XXVI Encontros para a Normalización Lingüística tratarán a importancia da escolla lingüística nos actos funerarios

Co xa vén sendo costume, coa chegada do outono o Consello da Cultura Galega convoca unha nova cita para o encontro, o debate e a reflexión sociolingüística. Nesta edición, os XXVI Encontros para a Normalización Lingüística preséntanse baixo o lema “Vivir e perdurar na nosa lingua” e teñen como obxectivo reflexionar sobre a importancia da lingua escollida nos actos funerarios, tanto nas cerimonias civís como nas das confesións relixiosas. A xornada rematará cunha visita comentada pola Cidade Vella compostelá, conducida por Manuel Gago.

Os Encontros terán lugar o 15 de outubro de 2024, na sede do Consello da Cultura Galega en Santiago de Compostela. A inscrición é gratuíta e as prazas (limitadas a 100) cubriranse por orde de chegada das solicitudes.

Na páxina web do CCG podes consultar o programa completo e mais acceder ao formulario de inscrición.
16/09/2024. DINAMIZACIóN

"Entender para vivir", recital en homenaxe a Luísa Villalta

No marco do seu programa de actividades en homenaxe a Luísa Villalta, autora á que se lle dedicou o Día das Letras Galegas 2024, o Consello da Cultura Galega (CCG) organiza o recital “Entender para vivir”, no que unha ducia de amizades de Luísa Villalta porán voz e conversarán coa obra da autora, nun diálogo plural que combina xornalismo, narrativa, ensaio, teatro e poesía.

A actividade terá lugar o vindeiro mércores 18 de setembro, ás 18:30 h, na sede do CCG, en Santiago de Compostela. A entrada é libre e gratuíta, ata completar a capacidade da sala.


13/09/2024. OUTRAS

Convocatoria de probas para a obtención dos certificados Celga

A Secretaría Xeral da Lingua da Xunta de Galicia publica unha nova convocatoria de probas para a obtención dos certificados de lingua galega, dos niveis Celga 2, 3 e 4. Poderán presentarse todas as persoas maiores de dezaseis anos ou que os fagan no ano natural da convocatoria, nacionais ou estranxeiras. As probas realizaranse en Santiago de Compostela e en Ponferrada na segunda quincena de novembro de 2024. As datas concretas publicaranse no Diario Oficial de Galicia, así como na páxina web da Secretaría Xeral de Política Lingüística.

O prazo de presentación de solicitudes é de quince días hábiles, contados a partir do seguinte ao da publicación da convocatoria.
12/09/2024. DINAMIZACIóN

Medrando con Apego no concello de Carballo

O Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Carballo presenta as actividades que van desenvolverse neste último cuadrimestre do ano no marco do programa Medrando con Apego, deseñado para promover a socialización en galego de nenos e nenas de 0 a 6 anos. A programación inclúe, entre outras actividades, obradoiros de seguridade viaria, obradoiros didácticos, espectáculos musicais, contos, xogos ou camiñadas pola natureza.

Todas as familias de Carballo adscritas ao programa Apego poden tramitar a súa inscrición nas diferentes actividades a través do enderezo electrónico “snl@carballo.gal”

Na páxina web do SNL de Carballo podes obter máis información sobre esta iniciativa.
12/09/2024. CURSOS E CONGRESOS

A USC organiza unha nova edición das Xornadas “Educación e linguas”

A Comisión de Normalización Lingüística da Facultade de Ciencias da Educación e o Servizo de Normalización Lingüística da Universidade de Santiago de Compostela organizan unha nova edición das Xornadas “Educación e linguas”, nas que se debaterá sobre a situación actual e os desafíos da normalización lingüística no ámbito educativo e se presentarán diferentes iniciativas e campañas de promoción do uso do galego implementadas neste ámbito nos últimos anos.

As sesións desenvolveranse os días 26 e 27 de setembro de 2024 na Facultade de Ciencias da Educación da USC. A inscrición é de balde e podes facela a través deste formulario.
12/09/2024. INVESTIGACIóN

Preséntase o primeiro volume da obra Quod vulgus vocat. Contribución á nomenclatura galega das aves

Onte, 12 de setembro de 2024, tivo lugar en Santiago de Compostela a presentación pública do primeiro volume da obra Quod vulgus vocat. Contribución á nomenclatura galega das aves, un estudo do mestre, naturalista e divulgador científico Xosé Manuel Penas Patiño, publicado por Andavira Editora coa axuda económica da Xunta de Galicia.
Neste primeiro volume, que en breve estará accesible no Portal da Lingua Galega, recóllense e estúdanse 171 denominacións galegas de aves, pertencentes ás diferentes especies ornitolóxicas que sobrevoan o ceo de Galicia. O estudo completarase no futuro con outros dous volumes, ata chegar a un total de 625 denominacións.

Podes ampliar información premendo aquí.
11/09/2024. CURSOS E CONGRESOS

Curso sobre o aproveitamento das redes sociais no traballo de normalización lingüística

A Coordinadora de Traballadores/as de Normalización da Lingua organiza o curso “As redes sociais, unha ferramenta valiosa para a normalización lingüística”, no que os/as participantes terán oportunidade de coñecer as oportunidades que ofrece a contorna dixital nos procesos de normalización lingüística e aprender a optimizar as redes sociais que temos ao noso dispor.

O curso será impartido por Verónica Ramallal Trevín, CEO de Pekecha, e desenvolverase en Santiago de Compostela os días 17, 24 e 31 de outubro de 2024. O prazo de inscrición estará aberto entre o 16 de setembro e o 7 de outubro.

Na páxina web da CTNL podes consultar o programa completo e obter máis información sobre os trámites de matrícula.

11/09/2024. DINAMIZACIóN

A USC convoca o TriviGal 2024

A Comisión de Normalización Lingüística da Facultade de Veterinaria da USC, co apoio do Servizo de Normalización Lingüística, convoca o III TriviGal, unha partida de trivial en galego organizada no marco do programa #BenVida USC, que se desenvolverá o vindeiro martes 17 de setembro de 2024 a partir das 18:15 h na Cafetaría da Facultade de Veterinaria.

O equipo gañador recibirá como premio un lote de produtos galegos e mais un exemplar do xogo de mesa “Ti non es de aquí?”. A inscrición estará aberta ata o 17 de setembro ás 12 h.

Para obter máis información sobre esta iniciativa ou consultar o texto completo da convocatoria, preme aquí.
11/09/2024. CURSOS E CONGRESOS

Aberto o prazo de matrícula en dúas actividades formativas do CIOV

O Centro de Interpretación de Oralidade de Vigo (CIOV) anuncia que xa está aberto o prazo de inscrición en dúas actividades formativas que se desenvolverán durante os vindeiros meses de setembro, outubro e novembro de 2024. Trátase concretamente do Módulo de improvisación oral en verso impartido por Branca Trigo, que se desenvolverá entre o 25 de setembro e o 23 de outubro de 2024; e o Módulo de ferramentas teatrais para a narración oral, que impartirá Déborah Vukušić do 3 de outubro ao 12 de novembro de 2024.

Para inscribirse en calquera dos dous módulo só é preciso enviar un correo electrónico co nome completo e un teléfono de contacto ao seguinte enderezo: actvidades.snl@vigo.org
11/09/2024. AXUDAS E PREMIOS

Accesibles en liña os vídeos gañadores do “Vémolo Nós 2024”

A segunda edición do concurso de vídeos “Vémolo Nós”, un certame deseñado para fomentar o uso do galego como lingua de divulgación científica, xa ten gañadores. Os vídeos que recibiron o primeiro premio nas diferentes categorías desta edición de 2024 foron: Falando de vacas, de Rocío Mateiga Souto, na categoría “Divulgación do coñecemento”; Homenaxe a Carolina, de Iria Losada Rodríguez, na categoría “Descubrindo a USC”; e Aaron Bennett Kleinschmidt, un estadounidense aprendendo galego, de Iker Fernández Villar, na categoría “A utilidade do galego”. Podes ver todos os traballos galardoados (tanto co primeiro coma co segundo premio) nesta lista de Youtube.

A entrega de premios terá lugar nun acto organizado pola Universidade de Santiago de Compostela en outubro de 2024.

Na páxina do Servizo de Normalización Lingüística da USC tes toda a información sobre esta iniciativa.
09/09/2024. AXUDAS E PREMIOS

Adega Pazo Lalón e Kaleikoi, empresas galardoadas cos Premios Bacelos de Prata 2024

O xurado da décimo sexta edición dos Premios Bacelos de Prata acordou por unanimidade que as entidades galardoadas este ano 2024 son a Adega Pazo Lalón, con sede no Concello de Leiro (Ourense), e mais a empresa de Rodeiro (Pontevedra) Kaleikoi, como recoñecemento á súa aposta polo uso do idioma galego como marca de calidade, tanto na etiquetaxe dos seus produtos como na comunicación publicitaria.

Podes consultar a acta do xurado premendo aquí.

O acto de entrega dos premios terá lugar o 5 de outubro de 2024, no Pazo dos Ulloa (Esposende, Ribadavia).
05/09/2024. CURSOS E CONGRESOS

O Concello de Ribeira organiza un curso preparatorio para as probas Celga

O Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Ribeira organiza un curso de lingua galega dirixido a persoas maiores de 16 anos que teñan pensado presentarse ás probas oficiais que organiza a Xunta de Galicia para a obtención do certificado Celga. O curso é de balde e as sesións comezarán a partir do vindeiro 17 de setembro de 2024, todos os martes e mércores de 19:00 a 21:00 horas. A inscrición estará aberta ata o mesmo 17 de setembro e para tramitala só é preciso enviar un correo electrónico co nome, apelidos e teléfono de contacto ao enderezo normalizacion@ribeira.gal.
05/09/2024. CURSOS E CONGRESOS

Xornadas de microtoponimia en Carballo

Hoxe, 5 de setembro de 2024, comezan nas Escolas do Xardín Agra de Caldas de Carballo as Xornadas de microtoponimia, que continuarán ata o vindeiro 26 de setembro en diferentes lugares do concello. O programa, que inclúe as intervencións de diferentes historiadores/as e especialistas en toponimia, pecharase coa proxección das primeiras pezas dunha serie audiovisual sobre microtoponimia carballesa e a actuación das cantareiras de Arume de Verdillo, que interpretarán cantigas con referencias a topónimos locais.

A asistencia é de balde e está aberta a toda a cidadanía, ata completar a capacidade dos diferentes espazos.

Podes ampliar información premendo aquí.
05/09/2024. DINAMIZACIóN

O outono tamén chegará á Coruña con moito Apego

O Servizo de Normalización Lingüística do Concello da Coruña anuncia as actividades que se desenvolverán no Centro Sociocultural Ágora durante os vindeiros meses de setembro, outubro e novembro de 2024, no marco do proxecto Apego. O programa, dirixido a familias con nenos/as de 0 a 6 anos, inclúe espectáculos de música, teatro e narración oral.

Na páxina web do SNL do Concello da Coruña podes obter máis información sobre as diferentes actividades (datas e horarios) e mais sobre os prazos de inscrición.

05/09/2024. AXUDAS E PREMIOS

Axudas para a investigación en lingua galega na Universidade da Coruña

O Servizo de Normalización Lingüística (SNL) da Universidade da Coruña convoca axudas, tanto económicas como dirixidas ao asesoramento lingüístico, para a redacción e defensa en galego de teses de doutoramento, traballos de fin de mestrado e traballos de fin de grao. Pode acceder a estas axudas o alumnado de titulacións oficiais da UDC, excepto o do grao en Galego e Portugués: Estudos Lingüísticos e Literarios; do dobre grao en Español: Estudos Lingüísticos e Literarios, e Galego e Portugués: Estudos Lingüísticos e Literarios; e mais do dobre grao en Inglés: Estudos Lingüísticos e Literarios, e Galego e Portugués: Estudos Lingüísticos e Literarios, así como o daqueles estudos de cuxa natureza e/ou de cuxo contido se derive o uso da lingua galega nos mencionados tipos de traballo de investigación.

O prazo de solicitudes para as axudas económicas estará aberto ata o 31 de outubro de 2024.

Para consultar o texto completo da convocatoria preme aquí.
04/09/2024. DINAMIZACIóN

Ames presenta o programa de Apego para o último cuadrimestre do ano

As familias residentes no concello de Ames adheridas ao proxecto Apego poderán gozar durante os vindeiros meses de setembro, outubro, novembro e decembro de 2024 dun amplo abano de actividades didácticas e lúdicas deseñadas para fomentar o uso do galego na socialización da primeira infancia. A programación inclúe xogos, contos, música, espectáculos teatrais, maxia, cine, excursións e mesmo a visita do Apalpador.

Para consultar o programa completo e obter máis información sobre os trámites de inscrición, preme aquí.
03/09/2024. CURSOS E CONGRESOS

Cursos de acollemento lingüístico e de preparación das probas Celga en Carballo

O Servizo de Normalización Lingüística (SNL) do Concello de Carballo organiza unha nova edición do obradoiro de acollemento lingüístico dirixido a persoas de fóra de Galicia que queiran achegarse á lingua e cultura galegas. As sesións desenvolverase desde o 10 de setembro ata o 19 de decembro de 2024, todos os martes e xoves de 17:30 a 19:00 horas, no centro social Escola de Arrabaldes, na Milagrosa. As persoas interesadas poden inscribirse enviando un correo electrónico a snl@carballo.gal no que indiquen o seu nome e apelidos e mais un teléfono de contacto.

Así mesmo, desde ese mesmo SNL organízanse cursos preparatorios das probas Celga 2, 3 e 4, dirixidos a todas as persoas interesadas. As sesións terán lugar todos os xoves, de 19:00 a 21:00 horas, no centro social Escola de Arrabaldes, desde o 12 de setembro ata o 28 de novembro de 2024. A inscrición pode tramitarse enviando un correo co nome e apelidos e mais un número de teléfono de contacto a snl@carballo.gal.

Na páxina web do SNL do Concello de Carballo podes ampliar información.
30/08/2024. DINAMIZACIóN

Regueifas e rock en galego para rematar o verán en Vigo

O Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Vigo organiza dúas actividades lúdicas deseñadas para crear espazos de lecer en galego, dirixidas tanto ao público infantil e familiar, como ao xuvenil e adulto.

No primeiro caso, os máis pequenos/as da casa e as súas familias poderán gozar dos cinco concertos de rock en galego de Pakolas que terán lugar en diferentes puntos da cidade ao longo do mes de setembro. Para o público xuvenil e adulto, organizaranse (nos mesmos días e lugares mais en diferente horario) outros cinco espectáculos de regueifas, nos que actuarán diferentes membros da Asociación ORAL de Galicia.
30/08/2024. DINAMIZACIóN

O Concello de Santiago presenta o seu programa de Apego para o mes de setembro

O Departamento de Lingua Galega do Concello de Santiago de Compostela presenta o programa de actividades que se organizarán no vindeiro mes de setembro no marco do proxecto Apego (deseñado para fomentar o uso do galego na socialización da primeira infancia). Trátase dunha oferta moi variada que inclúe obradoiros de cociña, actividades de psicomotricidade, ciencia, contos, xogos e espectáculos lúdicos.

Podes ampliar información sobre as diferentes actividades, así como sobre os trámites de inscrición, premendo aquí.