Novas da lingua

Rexistros571 a 600 de 5153
29/08/2024. EMPREGO

Praza de técnico/a medio/a de tradución na Deputación de Pontevedra

A Deputación de Pontevedra publica no BOP do 5 de agosto de 2024 a convocatoria dunha praza de técnico/a medio/a de tradución, encadrada na escala de Administración especial, subescala técnica, clase técnico/a medio/a e integrada no subgrupo A2. O sistema de selección será a oposición libre, reservada a persoas con discapacidade. As persoas aspirantes deben estar en posesión do título de grao, licenciatura ou ter finalizados os tres primeiros cursos da licenciatura en filoloxía, en tradución, interpretación e linguas aplicadas ou equivalentes, ou estar en condicións de obtelo o día en que remate o prazo de presentación de instancias.

O prazo de presentación das solicitudes é de 20 días naturais, contados a partir do día seguinte ao da publicación da convocatoria no BOE, mediante extracto.

Podes consultar o texto completo da convocatoria premendo aquí.
28/08/2024. DINAMIZACIóN

O Festiletras 2024 enche a aldea do Couto de cultura, lingua e mar

Entre o 30 de agosto e o 1 de setembro de 2024 terá lugar na aldea do Couto (Ponteceso) a 42 edición do Festiletras, o programa cultural que organiza anualmente a Fundación Eduardo Pondal e que este ano xunta música, artesanía, obradoiros didácticos, divulgación científica e diversas actividades lúdicas e culturais baixo o título Unha lingua para poder amar a mares!.

Nesta edición de 2024 o Consello da Cultura Galega colabora na programación organizando o venres 30 de agosto “Un paseo polo fondo do mar no Festiletras”, un espectáculo dirixido ao público infantil que estará guiado por Lucho Penabade e Yago Espasandín.

Podes ampliar información premendo aquí.

27/08/2024. CURSOS E CONGRESOS

Grupo de conversa para practicar galego na Coruña

As Bibliotecas Municipais do Concello da Coruña organizan “Coa lingua de fóra”, unha actividade formativa dirixida a persoas adultas que desexen practicar galego nun grupo de conversa dinamizado por unha persoa nativa. O grupo reunirase na Biblioteca Ágora a partir do 2 de outubro de 2024, todos os mércores en horario de 19:00 a 20:15 h.

O prazo de inscrición estará aberto entre o 16 e o 30 de setembro de 2024.

Podes obter máis información sobre esta iniciativa premendo aquí.
27/08/2024. EMPREGO

Propostas de resolución definitiva das bolsas e prazas en centros de estudos galegos no exterior

A Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude publica as propostas de resolucións definitivas das dúas convocatorias públicas para cubrir sete bolsas de formación en lectorados de lingua, literatura e cultura galegas de universidades de Madrid, Barcelona, París, Río de Janeiro, Roma, Salvador de Bahía e Zádar; así como cinco prazas nos lectorados de universidades de Cork, Leipzig, Oxford, Vitoria e Varsovia.

Podes consultar os documentos nas seguintes ligazóns:

-Proposta de resolución definitiva de bolsas de formación en lectorados de lingua, literatura e cultura galegas

-Proposta de resolución definitiva de prazas en lectorados de lingua, literatura e cultura galegas
27/08/2024. AXUDAS E PREMIOS

Resolución de axudas para a edición en galego de recursos didácticos

A Secretaría Xeral da Lingua da Xunta de Galicia publica, no DOG do 1 de agosto de 2024, a resolución da convocatoria de axudas para a edición en lingua galega de recursos didácticos curriculares non universitarios. Podes consultar a listaxe de entidades beneficiarias premendo aquí.
31/07/2024. DINAMIZACIóN

#veránlingua, o cancelo que che permite conectar con iniciativas normalizadoras aproveitando o tempo de lecer e as redes sociais

A Coordinadora de Traballadoras e Traballadores de Normalización da Lingua lanza de novo este verán o cancelo #veránlingua.

Con el poderás seguir as propostas da CTNL nas redes X e Instagram durante o mes de agosto. Tanto a actualidade coma iniciativas, lecturas, campañas, documentos ou recursos de interese.
29/07/2024. AXUDAS E PREMIOS

XXVII Premio de Investigación Concello de Pontedeume

O BOP da Coruña publica hoxe, 29 de xullo de 2024, as bases reguladoras do XXVII Premio de Investigación Concello de Pontedeume.

A este premio poden presentarse traballos escritos en lingua galega que se centren en aspectos de Pontedeume e a súa Comarca, dende a perspectiva da descrición propia da Etnografía ou das interpretacións propias da Antropoloxía Social e Cultural e da Etnohistoria.

O prazo de presentación remata o 13 de setembro.
29/07/2024. AXUDAS E PREMIOS

Axudas da Deputación de Pontevedra aos concellos de menos de 50 000 habitantes, para a realización de actividades dinamizadoras

A Xunta de Goberno da Deputación de Pontevedra aprobou o 26 de xullo o reparto de 150 000 euros entre 35 concellos da provincia de menos de 50 000 habitantes.

O propósito destas axudas consiste en apoiar actividades de dinamización da lingua galega: obradoiros, proxectos audiovisuais, programación de espectáculos, premios literarios, etc. Podes consultas a asignación por concellos na nova publicada pola Deputación.
29/07/2024. OUTRAS

Novo récord da Praza dos Libros de Carballo

O Concello de Carballo fixo público o informe sobre a Plic 2024, que nesta edición bateu o récord de vendas ao superar os 1700 exemplares nos catro días de edición.

O balance da Concellaría de Arquivos, Bibliotecas e Normalización Lingüística déixanos outro dato moi positivo: case a metade dos libros mercados foron publicados en lingua galega.
26/07/2024. OUTRAS

A Associaçom Galega da Língua, novo órgano consultivo da CPLP

A Associaçom Galega da Língua (AGAL), histórica entidade do reintegracionismo galego, foi recoñecida como observadora consultiva polo Conselho de Ministros da Comunidade dos Países de Língua Portuguesa.

O acordo, tomado o 19 de xullo, converte a AGAL na cuarta entidade recoñecida pola CPLP, canda o Consello da Cultura Galega, a Academia Galega de Língua Portuguesa e a Associação de Docentes de Português na Galiza.
24/07/2024. INVESTIGACIóN

O Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades crea a colección Tesouro paleogalaico

Baixo o título Documentación epigráfica do teónimo deus Lar Berobreus. Edición e comentario lingüístico, o CIRP inaugura unha nova liña de publicacións resultado do estudo do material lingüístico prelatino de Galicia polo proxecto TPGal, Tesouro Paleogalaico.

As distintas investigacións, estruturadas en dous grandes bloques (onomástica e léxico), verán a luz a través da colección do mesmo nome, recementemente presentada polo Centro Ramón Piñeiro e a Secretaría Xeral da Lingua.
24/07/2024. DINAMIZACIóN

Tíralle da Lingua; Coreografíate e Certame de Curtas: abertas as inscricións nestas tres actividades da AS-PG

A Asociación Socio-Pedagóxica Galega publica, na sección de novidades da súa web, a apertura de inscricións en tres actividades normalizadoras cun importante percorrido no ámbito do ensino:

Tíralle da Lingua. XXIII Certame de Lingua Oral: antes do 15 de novembro de 2024. A entrega de vídeos, antes do 22 de novembro.

IV Certame Coreografíate: recepción de vídeos antes das 14 horas do 15 de novembro de 2024.

XIV Certame Curtas: antes das 14 horas do 8 de novembro de 2024.

Clicando nos nomes das iniciativas, podedes acceder ás bases completas.
24/07/2024. AXUDAS E PREMIOS

Premios á creación e produción de contidos dixitais en galego

No marco do XII Festival Carballo Interplay, que terá lugar entre os días 24 e 27 de abril de 2025, o Concello de Carballo publica dúas convocatorias de premios que teñen como obxectivo poñer en valor, visibilizar e fomentar o traballo dos creadores e creadoras que difunden contidos en lingua galega en Internet.

No BOP da Coruña do 24 de xullo de 2024 podes consultar as bases completas:

-Bases dos premios a mellor contido dixital en galego Festival Carballo Interplay 2025. Prazo de inscrición ata o 23 de febreiro de 2025.

-Bases do premio a produción de contido dixital en galego Festival Carballo Interplay 2025.Prazo de inscrición ata o 31 de marzo de 2025.
23/07/2024. OUTRAS

Novos glosarios multilingües de voleibol de praia, trampolín, escalada e surf

A Delegación xeral para a lingua francesa e as linguas de Francia do Goberno francés, en colaboración coa Rede panlatina de terminoloxía (Realiter), publica catro novos glosarios multilingües co léxico básico de deportes que acadaron a categoría de olímpicos nas últimas edicións: voleibol de praia, trampolín, escalada e surf.

De elaborar as correspondencias en galego para os glosarios de voleibol de praia e trampolín ocupouse o SNL da Universidade de Santiago, que tamén colaborou, xunto coa Universidade de Vigo e a Federación Galega de Montañismo, no vocabulario de escalada. Das correspondencias en galego para o vocabulario de surf ocupouse a Facultade de Filoloxía e Tradución da Universidade de Vigo.

Podes consultar estes catro novos glosarios (xunto co de rugby, publicado en 2023) premendo aquí.
18/07/2024. AXUDAS E PREMIOS

Axudas concedidas pola Deputación de Pontevedra aos SNL municipais

A Deputación de Pontevedra publica, no BOP do 18 de xullo de 2024, a listaxe de axudas concedidas no primeiro semestre de 2024 para o mantemento dos servizos de normalización lingüística dos concellos da provincia.

Podes consultar a listaxe de entidades beneficiarias premendo aquí.

16/07/2024. DINAMIZACIóN

IX Concurso de subtitulación de vídeos TED ao galego

O Servizo de Normalización Lingüística da Universidade de Santiago convoca o IX Concurso de subtitulación de vídeos TED ao galego, co obxectivo de estimular a presenza do galego na comunicación e a divulgación científica e de fomentar a existencia de recursos divulgativos audiovisuais neste idioma. Como novidade, nesta edición a temática dos vídeos non ten que estar circunscrita exclusivamente ás ciencias da saúde, senón que se abre o abano para dar cabida a todas as disciplinas científicas. Existen dúas modalidades de participación, unha dirixida a alumnado, PDI ou PTXAS da USC durante o ano 2024 (modalidade A) e outra destinada a persoas alleas á USC (modalidade B). Os participantes da modalidade A terán a posibilidade de inscribirse nun obradoiro formativo. Outorgaranse varios premios cunha dotación económica que vai desde os 200 aos 300 euros, ademais dun diploma honorífico.

O prazo para inscribirse no certame remata o 27 de setembro de 2024.

Para consultar as bases completas preme aquí.

16/07/2024. EMPREGO

Bolsas de formación no Centro Ramón Piñeiro

A Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude convoca dez bolsas de formación no Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades. Os/as beneficiarios/as colaborarán nos seguintes proxectos: Bibliografía da literatura galega; Fraseoloxía Galega; Corpus de referencia do galego actual (Corga); Cantigas de Santa María; Prosa literaria medieval; Terminoloxía científico-técnica; Recursos para o desenvolvemento das tecnoloxías da fala; Base de datos do ALIR; Dicionarios de literatura; e Literatura infantil e xuvenil.

As actividades de formación iniciaranse coa incorporación da persoa seleccionada (previsiblemente o 1 de decembro de 2024) e rematarán, en calquera caso, o 30 de novembro de 2026. O prazo de presentación de solicitudes é dun mes, contado a partir do día seguinte ao da publicación desta convocatoria.
12/07/2024. LEXISLACIóN

Aprobado no Congreso o Proxecto de Lei que permitirá o uso do galego ante o Tribunal Supremo e a Audiencia Nacional

O Congreso dos Deputados aprobou onte, 11 de xullo de 2024, por maioría absoluta o Proxecto de Lei orgánica de dereito de defensa, que ten como obxecto regular o dereito de defensa, recoñecido no artigo 24 da Constitución Española. No que respecta ao uso das linguas oficiais, o texto recolle expresamente que as persoas teñen dereito “nos procesos ante órganos con xurisdición en todo o Estado, a empregar calquera das linguas oficiais da comunidade autónoma onde residan ou onde se iniciaran as actuacións xudiciais, así como a recibir en calquera desas linguas a comunicacións producidas”.
A efectos prácticos, esta nova Lei garantirá o dereito a empregar o galego, o catalán e o éuscaro nos procesos xudiciais ante órganos como o Tribunal Supremo, a Audiencia Nacional ou os Xulgados Centrais.

A partir de agora, a iniciativa continuará a súa tramitación no Senado.

Podes ampliar información premendo aquí.
12/07/2024. AXUDAS E PREMIOS

A Xunta de Galicia resolve as axudas ás entidades locais para a promoción do galego

A Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude publica a resolución das subvencións ás entidades locais para a promoción do galego durante o ano 2024. Estas axudas están destinadas á creación, mantemento ou reforzamento de servizos de normalización lingüística; así como ao desenvolvemento de programas de dinamización da lingua galega.

Podes consultar a listaxe de entidades beneficiarias premendo aquí.
11/07/2024. OUTRAS

O Concello do Porriño publica unha guía de linguaxe administrativa

O Servizo de Normalización Lingüística (SNL) do Concello do Porriño, no marco das funcións de asesoramento lingüístico que ten encomendadas, acaba de publicar unha Guía de linguaxe administrativa, co obxectivo de fornecer ao cadro de persoal deste concello dunha nova ferramenta que lle axude a resolver as súas dúbidas máis recorrentes e a mellorar a calidade lingüística do seu traballo.

Este nova guía complementa un traballo anterior, editado tamén polo SNL en 2022, centrado no uso de linguaxe inclusiva na redacción de documentos administrativos públicos.
10/07/2024. CURSOS E CONGRESOS

Curso de lingua galega para o PAS das universidades galegas

A Escola Galega de Administración Pública convoca as actividades de formación para o persoal de administración e servizos (PAS) das universidades do Sistema universitario de Galicia. Entre os cursos ofertados inclúese un de carácter lingüístico: “A normativa do galego estándar: actualización gramatical, ortográfica e léxica”, que se desenvolverá na modalidade mixta de teleformación e mais telepresenza durante os meses de setembro e outubro de 2024. O prazo de presentación de solicitudes comeza o día seguinte ao da publicación da convocatoria no Diario Oficial de Galicia e rematará o día 22 de xullo de 2024.
09/07/2024. INVESTIGACIóN

Recursos e novas metodoloxías para as aulas de Lingua Galega e Literatura

O Consello da Cultura Galega (CCG) publica o documento de traballo Recursos e novas metodoloxías para as aulas de Lingua Galega e Literatura, elaborado por Pilar Ponte e Sofía Rama no marco da xornada «Recursos para a aprendizaxe de lingua, literatura e cultura galegas na educación secundaria. Cara a unha plataforma colaborativa», organizada polo propio CCG, en colaboración co Instituto da Lingua Galega, en abril de 2023.

No documento ofrécese un análise sobre a necesidade dun cambio metodolóxico na materia de Lingua Galega e Literatura en educación secundaria, así como unha reflexión sobre os posibles contidos dun repositorio de recursos educativos para o ensino desta materia. Tamén se inclúe un anexo cunha selección de recursos accesibles actualmente en Internet.
09/07/2024. AXUDAS E PREMIOS

A Deputación de Pontevedra crea o circuíto “+Escénicas”, para a promoción das artes escénicas en galego

A Deputación de Pontevedra publica as bases reguladoras para a creación, regulación e convocatoria para o ano 2024 do circuíto “+Escénicas” de apoio á programación de espectáculos profesionais de artes escénicas en galego nos concellos de menos de 20.000 habitantes da provincia de Pontevedra. Ao abeiro desta convocatoria crearase con vixencia indefinida o catálogo “+Escénicas”, ao que poderán acceder os concellos para solicitar os espectáculos en galego que desexen incluír nas súas programacións.

O prazo de inscrición de espectáculos no catálogo por parte das compañías é do 10 ao 24 de xullo de 2024. Posteriormente, os concellos poderán presentar as súas solicitudes do 2 ao 16 de setembro de 2024.

Podes consultar as bases completas do programa premendo aquí.
08/07/2024. OUTRAS

As Letras Galegas 2025 renderán homenaxe á poesía popular oral e ás cantareiras galegas

O Plenario da Real Academia Galega acordou, na sesión ordinaria do 5 de xullo de 2024, que o Día das Letras Galegas do vindeiro ano 2025 estará dedicado á poesía popular oral e ás cantareiras galegas. En representación de todas elas, homenaxearanse as figuras de Adolfina e Rosa Casás Rama (Cerceda); Eva Castiñeira (Muxía); e Prudencia e Asunción Garrido Ameijende e mais Manuela Lema Villar, as tres Pandeireteiras de Mens (Malpica de Bergantiños).

Con esta homenaxe colectiva a RAG quere poñer de relevo a gran contribución que as cantareiras e pandeireteiras fixeron á cultura galega e, ao mesmo tempo, busca visibilizar o traballo das novas xeracións de artistas que están a levar o noso idioma por todo tipo de palcos e escenarios (nacionais e internacionais) con repertorios que beben da fonte da poesía popular oral.

Na páxina web da RAG atoparás máis información.

08/07/2024. CURSOS E CONGRESOS

Cursos de linguaxe administrativa galega dirixidos ao persoal de seguridade pública de Galicia

A Academia Galega de Seguridade Pública convoca cursos de linguaxe administrativa galega (dous de nivel medio e un de nivel superior) na modalidade de teleformación, dirixidos ao pesoal dos servizos de seguridade pública de Galicia. O prazo de presentación de solicitudes será desde o día seguinte ao da publicación da convocatoria no Diario Oficial de Galicia e ata o 26 de xullo de 2024.

Podes consultar o texto completo da convocatoria premendo aquí.
05/07/2024. INVESTIGACIóN

Elsa Quintas e Marcos Maceira confirman con datos as limitacións existentes para usar o galego

Edicións Laiovento acaba de sacar do prelo a obra Liberdade para o galego. Política, uso e disposición da lingua, autoría de Elsa Quintas e Marcos Maceira. O traballo documental realizado por ambos os dous autores nos informes periódicos solicitados á Mesa pola Normalización Lingüística polo Comité de expertos do Consello de Europa para a Carta Europea das Linguas Rexionais ou Minorizadas ou, en 2019, polo Relator especial da ONU para os dereitos da minorías, foi o xermolo deste ensaio, no que se ofrecen datos e se reflexiona sobre as limitacións existentes para usar libremente o galego nos principais ámbitos sociais.
05/07/2024. AXUDAS E PREMIOS

Resolución das axudas para o fomento do galego a centros de ensino privado

A Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude da Xunta de Galicia publica a resolución definitiva das axudas aos proxectos de fomento do uso do galego nos centros de ensino de titularidade privada que imparten ensinanzas regradas de niveis non universitarios.

No DOG do 5 de xullo de 2024 podes consultar a listaxe de centros beneficiarios.
04/07/2024. INVESTIGACIóN

O alumnado do IES Xermán Ancochea Quevedo recolle o léxico patrimonial da contorna de Trives

O alumnado do IES Xermán Ancochea Quevedo cédelle ao Instituto da Lingua Galega (USC) o froito do seu proxecto de investigación sobre o léxico patrimonial da contorna de Trives. Trátase dun traballo realizado neste último curso escolar 2023-2024 no que compilaron arredor de 200 termos de léxico tradicional en risco de desaparición recollidos nos concellos de Manzaneda, Castro Caldelas, San Xoán de Río, Chandrexa de Queixa e A Pobra de Trives. Agora o ILG incorporará esta valiosa información ao corpus do proxecto Tesouro do léxico patrimonial galego e portugués.

Esta información foi obtida do xornal O Sil.

Tamén podes coñecer máis datos sobre o proxecto educativo nesta entrevista a Iria Fernandez (docente de Lingua Galega no IES Xermán Ancochea Quevedo) emitida en Radio Valdeorras o pasado 3 de xullo.
04/07/2024. OUTRAS

A Universidade de Vigo difunde a historia do galego en banda deseñada

A Área de Normalización Lingüística (ANL) da Universidade de Vigo acaba de sacar do prelo unha nova publicación en banda deseñada na que se fai un percorrido polos fitos fundamentais da historia da lingua galega. O obxectivo é sensibilizar a mocidade sobre o gran valor cultural que supón termos un idioma propio, ofrecendo unha ferramenta que permite achegarse, de xeito visual e accesible, aos datos máis salientables da historia social do galego.

Podes descargar de balde a obra en formato PDF na páxina web da ANL.

Se o precisas, no Diario da Universidade de Vigo tamén podes ampliar información sobre esta publicación.
04/07/2024. INVESTIGACIóN

O ILG contará cun Foro Social como órgano de asesoramento externo

O Instituto da Lingua Galega da Universidade de Santiago de Compostela constituíu formalmente o seu Foro Social, un órgano de asesoramento externo integrado por 12 membros procedentes de entidades sociais de diferentes ámbitos (educativo, editorial, cultural, científico, dos medios de comunicación...). As funcións deste Foro Social serán “debater as tendencias e cambios nas demandas sociais que resulten de interese para o desenvolvemento das actividades de investigación, difusión e transferencia do Instituto, prestar apoio na elaboración e implantación dos plans estratéxicos do centro e trasladar á sociedade información sobre o ILG”.

No Xornal da USC tes máis información sobre esta iniciativa.