Novas da lingua

Rexistros601 a 630 de 5153
03/07/2024. DINAMIZACIóN

Certame de música xuvenil en galego Nova Nicra

A Asociación Cultural Gazafellos do Val, coa colaboración do Concello de Negreira, organiza o certame de música xuvenil en galego “Nova Nicra”, dirixido a bandas ou solistas de entre 12 e 18 anos (tamén poden inscribirse bandas con integrantes menores de 12 anos, sempre que sexan menos da metade da formación). Os participantes deben presentar unha canción escrita en lingua galega, que terá que ser unha composición propia ou a musicalización propia dun poema galego, inédita e non premiada anteriormente noutro certame. O prazo de inscrición remata o 3 de novembro de 2024.
As bandas ou solistas seleccionadas polo xurado (un máximo de 5) actuarán en directo o 30 de novembro en Negreira. O/a gañador/a será premiado coa gravación nun estudio profesional do tema finalista (ou outro da súa elección) e mais a realización dun videoclip.

Para consultar as bases completas do certame e acceder á ficha de inscrición, preme aquí.
03/07/2024. DINAMIZACIóN

O Concello de Santiago convídate a gozar dun verán con moito Apego

O Departamento de Lingua Galega do Concello de Santiago de Compostela presenta o programa de actividades do proxecto Apego que se van desenvolver ao longo deste mes de xullo de 2024. Os luns os/as nenos/as terán ocasión de xogar, cociñar e experimentar coa ciencia; mentres que os martes poderán gozar de tardes de contos para imaxinar novos mundos. Os mércores crearanse espazos de entretemento activo a través do xogo (libre ou guiado) e dous xoves do mes poderán asistir aos espectáculos de Çé Orquestra Pantasma (día 4) e Raquel Queizás (día 18).
A asistencia ás diferentes actividades ofertadas require inscrición previa, cubrindo cadanseu formulario.

Podes ampliar información premendo aquí.
02/07/2024. DINAMIZACIóN

Curtas gañadoras do certame Nós tamén creamos! 2023-2024

A comisión de selección da duodécima edición do certame Nós tamén creamos! acordou que os traballos premiados co primeiro premio neste curso 2023-2024 son: Caracola, da EEI do Vao (Poio); Quen levou a Lúa?, do CEIP Carlos Casares (Nigrán); Quen levou a Lúa?, do CEIP Igrexa-Calo (Teo); e O que ten que aprender un cempés, do CEIP Viñagrande-Deiro (Vilanova de Arousa).

Así mesmo, foron galardoadas cun accésit as curtas Quen levou o pemento de Padrón, das EEI da Escravitude, Pontecesures, Arretén e Extramundi de Arriba (Padrón); Chocolata, do CEIP Plurilingüe Condesa de Fenosa (O Barco de Valdeorras); e A sopa queima, do CEIP Ramón Otero Pedrayo (A Laracha).

Se queres participar na convocatoria do vindeiro curso 2024-2025, no Portal da Lingua Galega tes toda a información que precisas para tramitar a inscrición.

28/06/2024. OUTRAS

Bernardo Penabade, impulsor do Modelo Burela, despídese das aulas

"O educador eterniza-se em cada ser que educa". Así remata o vídeo-homenaxe que xeracións de alumnado lle dedicaron a Bernardo Penabade Rei na data da súa xubilación.

Persoa coñecida por unha traxectoria difícil de resumir, o mundo da normalización lingüística está en débeda con el por lanzar desde o IES Perdouro o Modelo Burela, así como o Proxecto Neo. Ambos os dous son tomados como referencia na colaboración entre o ámbito do Ensino e a Administración, pola planificación do diálogo intercultural na Mariña e o labor de recuperación da identidade lingüística da súa sociedade. Así o contou o Consello da Cultura Galega na web serie Aquí medra a lingua.

Na actualidade, é membro da Comisión Técnica do Centro de Documentación Sociolingüística de Galicia, desde onde participa na organización dos Encontros para a Normalización Lingüística.
28/06/2024. DINAMIZACIóN

O alumnado do IES Castro Alobre implícase coa galeguización do comercio vilagarcián

O alumnado do IES Castro Alobre de Vilagarcía presentou a nova edición da campaña “Implicados co galego”, unha iniciativa que organiza anualmente o Equipo de Dinamización da Lingua Galega do centro, co apoio do Concello de Vilagarcía, cun dobre obxectivo: fomentar o uso do galego no ámbito socioeconómico e apoiar o pequeno comercio da cidade. Nesta edición de 2024 distribuiranse entre os comercios 6.000 bolsas da compra de tea con seis deseños diferentes, seleccionados a partir dun certame realizado entre o propio alumnado.

No xornal La Voz de Galicia podes ampliar información sobre a campaña e ver a galería de imaxes cos seis deseños empregados nas bolsas de tea.
28/06/2024. INVESTIGACIóN

O CIRP elabora o mapa da toponimia presente na lírica profana galego-portuguesa

O Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades (CIRP) presenta Canticar. Cartografía da lírica profana galego-portuguesa, un recurso que permite visualizar nun mapa a toponimia medieval presente na lírica profana galego-portuguesa, ao tempo que axuda a comprender as dimensións sociopolíticas nas que foron elaborados os textos, pois posibilita a reconstrución das fronteiras dos reinos peninsulares entre os séculos XII e XIV.
26/06/2024. CURSOS E CONGRESOS

Cursos de linguaxe administrativa e mais preparatorios para o Celga nas EEOOII

A Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional convoca cursos de linguaxe administrativa galega en liña (niveis medio e superior) e mais cursos preparatorios para a obtención dos certificados de lingua galega (niveis Celga 2, 3 e 4), que se impartirán nas escolas oficiais de idiomas de Galicia no curso 2024/2025. Os cursos de linguaxe administrativa están dirixidos ao persoal das administracións autonómica e local galegas, así como ao da Administración periférica do Estado en Galicia, exceptuando o persoal docente e sanitario. Aos cursos preparatorios dos Celga poderán asistir todas as persoas maiores de dezaseis anos interesadas. O prazo para a presentación das solicitudes abranguerá dende o día 1 ata o 12 de xullo de 2024, para os cursos do primeiro cuadrimestre (setembro-decembro); e dende o 11 ata o 22 de novembro de 2024, para os cursos do segundo cuadrimestre(febreiro-abril).

Para consultar o texto da convocatoria, preme aquí.
25/06/2024. INVESTIGACIóN

Modesto García Quintáns doa á RAG 8000 microtopónimos compilados en Dumbría

O enxeñeiro en topografía Modesto García Quintáns doa á Real Academia Galega un total de 8000 microtopónimos xeorreeferenciados no Concello de Dumbría, que pasarán a formar parte do banco de datos da plataforma Galicia Nomeada.

O compromiso deste profesional nado en Dumbría, así como o inmenso labor realizado durante anos, fóronlle recoñecidos tanto pola RAG coma pola Xunta de Galicia nun acto de honra organizado na súa localidade o 19 de xuño de 2024. Amplía a información aquí.
21/06/2024. CURSOS E CONGRESOS

Xornada "A intelixencia artificial: un novo desafío para o ensino da lingua, literatura e cultura galegas na educación secundaria"

A Sección de Lingua, Literatura e Comunicación do Consello da Cultura Galega organiza unha actividade para reflexionar sobre os desafíos que traen canda si as ferramentas de intelixencia artificial xerativa; sobre o impacto que teñen na docencia de lingua, literatura e cultura galegas no ensino medio; e tamén sobre as oportunidades que nos ofrecen.

A xornada, que leva o título A intelixencia artificial: un novo desafío para o ensino da lingua, literatura e cultura galegas na educación secundaria, vai ter lugar o 9 de xullo de 2024 no pazo de Raxoi. Toda a información sobre horarios, programa e inscrición atoparala aquí.
21/06/2024. AXUDAS E PREMIOS

Marilar Aleixandre recibe o Premio Luís Porteiro Garea 2024

O xurado da sétima edición do Premio Luís Porteiro Garea acordou outorgar este galardón a Marilar Alexandre, catedrática da Área de Didáctica das Ciencias Experimentais e profesora ad Honorem da Facultade de Ciencias da Educación da USC desde a súa xubilación en 2017. O xurado recoñece con este galardón o compromiso co idioma das disciplinas científicas da profesora Alexandre, que tamén foi pioneira no ensino das ciencias en galego na Educación Secundaria e na elaboración de materias didácticos no noso idioma dende o ano 1976.

O premio Luís Porteiro Garea, que leva o nome do profesor de dereito civil e membro das Irmandades da Fala que en 1915 pronunciou a primeira lección en galego na USC, ten como finalidade recoñecer o traballo de persoas, entidades ou colectivos que traballan, ou traballaron, a prol do galego na universidade.

No Xornal da USC atoparás máis información sobre esta iniciativa.
20/06/2024. AXUDAS E PREMIOS

O alumnado do CPI O Cruce premia o uso do galego nas empresas de Cerceda

O alumnado de 3º e 4º de ESO do CPI O Cruce, en Cerceda, outorgou o I Premio ao uso do galego nas empresas 2024, un galardón instaurado por primeira vez neste curso escolar no marco dun proxecto educativo da materia de Lingua Galega. O obxectivo é recoñecer publicamente os negocios de Cerceda que destaquen por usaren o galego nos rótulos, información, traballo, atención ao público, publicidade e redes sociais. Nesta primeira edición o negocio premiado foi IPR Xestión.

Podes ampliar información sobre esta iniciativa no xornal Nós Diario.
20/06/2024. AXUDAS E PREMIOS

Resolución das axudas a centros de ensino público para o fomento do galego

A Secretaría Xeral da Lingua da Xunta de Galicia publica a resolución definitiva das axudas aos proxectos de fomento do uso do galego nos centros de ensino de titularidade pública que imparten ensinanzas regradas de niveis non universitarios.

No DOG do 20 de xuño de 2024 podes consultar a listaxe de centros beneficiarios.
19/06/2024. INVESTIGACIóN

O CiTIUS e o ILG presentan a “Carballo”, o primeiro modelo lingüístico de IA para o galego

O CiTIUS (Centro Singular de Investigación en Tecnoloxías Intelixentes) e o ILG (Instituto da Lingua Galega), ambos os dous adscritos á Universidade de Santiago de Compostela, veñen de anunciar un novo fito para o idioma galego. Trátase da creación de Carballo, un modelo de linguaxe de gran escala e alta calidade en galego, que permitirá a creación de novas ferramentas e aplicacións de Intelixencia Artificial xerativa con tecnoloxía lingüística (como poden ser bots de charla, tradutores ou correctores automáticos).

Carballo nace ao abeiro do Proxecto Nós (impulsado pola Xunta de Galicia e a USC) e mais o Proxecto Ilenia (promovido polo Ministerio para a Transformación Dixital e da Función Pública) e para o seu adestramento empregouse un corpus de arredor de 2.100 millóns de palabras.

Na páxina web do CiTIUS tes información detallada sobre esta iniciativa.

19/06/2024. INVESTIGACIóN

Análise sobre a actividade e o volume de negocio que xera o idioma galego no sector cultural

O Observatorio da Cultura Galega, departamento do Consello da Cultura Galega que se ocupa do estudo e a análise estatística da realidade cultural en Galicia, presenta o seu novo informe A produción en lingua galega no ámbito cultural, no que se ofrece a porcentaxe aproximada da actividade e mais o volume de negocio que xera a produción de bens ou servizos realizados no noso idioma no sector da cultura, ao tempo que se achegan suxestións sobre as medidas que serían necesarias para incrementar a demanda de bens ou servizos en galego, fornecidas polos propios responsables das entidades culturais.

Con este novo traballo complétase a radiografía presentada nun informe anterior, O valor económico do galego, tamén elaborado polo CCG, no que se cuantifican, en termos de valor económico e emprego, as actividades asociadas á lingua galega.
18/06/2024. CURSOS E CONGRESOS

Publicada a oferta de formación para o profesorado 2024-2025 da AS-PG e a CIG-Ensino

A Asociación Socio-Pedagóxica Galega e a Confederación Intersindical Galega publican a oferta conxunta de formación para o profesorado que van organizar no vindeiro curso, o 2024-2025. Ademais do acceso ao programa, está aberta a matrícula a través da web de calquera das entidades.
18/06/2024. DINAMIZACIóN

Convocatoria para participar no Plan Proxecta+ 2024-2025

A Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional publica a convocatoria que regula o Plan Proxecta+ e establece as bases para a participación dos centros de ensino non universitario sostidos con fondos públicos dependentes desta Consellería durante o curso escolar 2024/25. Entre o conxunto de programas que se ofertan atópanse os seguintes relacionados directamente coa promoción do idioma galego: Nós tamén creamos!; Fitofaladoiro; Proxectos de innovación en dinamización lingüística; Proxecto didáctico Antón Fraguas; e Cóntame un conto.
Os centros educativos teñen de prazo para presentar as solicitudes de participación ata o 15 de xullo de 2024.

Podes consultar o texto completo da convocatoria premendo aquí.
18/06/2024. OUTRAS

O CIOV ponlle o ramo ao curso cun espectáculo de improvisación oral en verso

O vindeiro 27 de xuño de 2024, ás 19:00 h, terá lugar no Café de Catro a Catro (Vigo) un espectáculo de improvisación oral en verso promovido pola Asociación ORAL de Galicia e mais o Centro de Interpretación da Oralidade de Vigo (CIOV). No evento participarán o alumnado do CIOV deste ano 2024, o seu mestre Kike Estévez e, como invitado, o regueifeiro Bieito Lobariñas. A entrada é libre.

Podes ampliar información premendo aquí.
14/06/2024. INVESTIGACIóN

Dous novos títulos súmanse á colección Gallaeciae Monumenta Histórica, editada polo CCG

O Consello da Cultura Galega e o Instituto de Estudos Miñoráns presentan os dous novos títulos que se suman á colección Gallaeciae Monumenta Histórica: Os mosteiros de Santa María de Tomiño e Santa Baia de Donas na Idade Media. Estudo histórico e colección documental, de Víctor Rodríguez Muñiz; e Documentos medievais de Santa María de Baiona (1274-1531), de Xulián Maure Rivas.

A colección Gallaeciae Monumenta Historica é un proxecto do Consello da Cultura Galega que ten como obxectivo poñer ao dispor dos investigadores e do público xeral o amplo corpus de documentación medieval de Galicia, un tesouro documental que dá conta da evolución do idioma galego e das visicitudes históricas de Galicia no seu conxunto.

O acto de presentación terá lugar hoxe, 14 de xuño de 2024, ás 20:00 horas, na Sala de cultura do Instituto de Estudos Miñoráns, en Gondomar.
13/06/2024. DINAMIZACIóN

Primeiro centro de estudos galegos en Asia

Un acordo entre a Secretaría Xeral da Lingua e a Universidade Woxen, no estado indio de Telangana, propicia a creación do "primeiro centro de estudos galegos en Asia", segundo informa en redes sociais a propia universidade.

O responsable será o profesor e sociolingüista bengalí Anik Nandi, gran coñecedor e estudoso da situación social da lingua galega.
13/06/2024. OUTRAS

Homenaxe da Irmandade da Sanidade Galega ao doutor Carlos Guitián

Carlos Guitián, doutor ourensán pertencente Escola Médica Compostelana e involucrado desde o seu compromiso profesional e persoal no obxectivo de galeguizar a vida dos galegos e galegas, tamén no xeito de tratar as súas doenzas, recibirá o 15 de xuño de 2024, en Ourense, a homenaxe da Irmandade da Sanidade Galega.

Tal como informa a asociación, esta constará de dous actos: ás 11:30 h a instalación dunha placa á súa memoria na casa en que viviu, na avda. da Habana; e media hora despois, no paraninfo do Instituto Otero Pedrayo, un acto académico de recoñecemento á súa traxectoria. No mesmo acto, ingresarán na Irmandade da Sanidade Galega dezasete novos irmandiños e irmandiñas, médicos e demais profesionais do sistema sanitario galego.
13/06/2024. AXUDAS E PREMIOS

Convócanse os Premios da Cultura Galega para o ano 2024

A Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude convoca os Premios da Cultura Galega para o ano 2024 nas seguintes modalidades: Letras, Artes Visuais, Artes Escénicas, Música, Audiovisual, Lingua, Patrimonio Cultural e Promoción Exterior. Poderán ser candidatas as persoas, colectivos ou entidades que se distingan pola súa traxectoria vinculada co obxecto da modalidade correspondente. As candidaturas só poderán ser presentadas por institucións e entidades culturais ou profesionais, públicas ou privadas, relacionadas co obxecto de cada premio.

O prazo de presentación é de dous meses, contados desde o día seguinte ao da publicación da convocatoria.
12/06/2024. DINAMIZACIóN

O Festichío volve a Moaña con máis música e xogos infantís en galego

O Servizo de Normalización Lingüística, o Servizo de Muller e Igualdade e a Biblioteca Pública Municipal do Concello de Moaña organizan unha nova edición do Festichío, un festival de música e xogos dirixido a público infantil e familiar. O evento terá lugar o vindeiro venres, 14 de xuño de 2024, a partir das 18:30 h, no arboredo da Xunqueira (Meira) e os/as máis pequenos/as e a súas familias poderán gozar dunha sesión de arrolos coa Fundación Legar, da actuación musical de María Faltri e dunha eira chega de xogos cun protagonista moi especial: o paporrubio. A entrada é de balde.

Podes consultar máis información sobre esta iniciativa premendo aquí.
10/06/2024. OUTRAS

O filólogo xaponés Takekazu Asaka ingresa na RAG como membro de honra

A Real Academia Galega celebrou o pasado sábado, 8 de xuño de 2024, unha sesión extraordinaria e pública en Cambados para acoller ao filólogo Takekazu Asaka (1952, Tokyo, Xapón) como membro de honra da institución. Embaixador da lingua e da cultura galegas no Xapón nas últimas tres décadas, Takekazu Asaka ensinou galego durante máis de quince anos en universidades do seu país natal e é autor de obras pioneiras para a aprendizaxe do noso idioma desde o xaponés. Así mesmo, traduciu ao xaponés obras literarias de clásicos da literatura galega, como Rosalía de Castro, Ramón Cabanillas, Uxío Novoneyra e os trobadores medievais.

O seu discurso de ingreso leva por título Do poñente ó nacente. Unha ollada desde Xapón á lingua e á cultura galegas. De darlle a resposta encargouse o académico Francisco Fernández Rei, que reflexionou sobre a traxectoria vital e académica de Takekazu Asaka e de como as relacións cruzadas entre lingua, literatura, paisaxe e música tradicional condicionaron esa traxectoria.

Na páxina web da RAG podes ampliar información.
10/06/2024. CURSOS E CONGRESOS

IX Xornada de Onomástica Galega. Os outros nomes

A Real Academia Galega, coa colaboración da Deputación Provincial de Pontevedra e o Museo de Pontevedra, presentan o programa da IX Xornada de Onomástica Galega. Os outros nomes, que nesta edición se centrará na onomástica de ámbitos tan diversos como a astronomía, a zooloxía ou a intelixencia artificial, entre outros. A xornada terá lugar o 19 de outubro de 2024 no Museo de Pontevedra. O prazo de inscrición remata o 16 de outubro.

Na páxina web da RAG podes consultar o programa completo, así como a información necesaria para tramitar a inscrición.
10/06/2024. EMPREGO

Bolsa de colaboración na Unidade de Publicacións do Consello da Cultura Galega

O Consello da Cultura Galega publica a convocatoria de catro bolsas de colaboración en diferentes proxectos de investigación que se están a desenvolver nesta entidade. Unha destas bolsas, de perfil lingüístico, estará adscrita á Unidade de Publicacións do CCG. Para optar a ela cómpre estar en posesión do título de licenciatura ou grao en Filoloxía Galega, Galego-Portuguesa, Lingua e Literatura Galegas, ou titulacións equivalentes. As bolsas finalizarán o 31 de agosto de 2025 e terán unha duración máxima de doce meses. O prazo de presentación de solicitudes é dun mes, contado a partir do día seguinte ao da publicación desta convocatoria.
03/06/2024. DINAMIZACIóN

A corporación municipal de Ames comprométese a activar o “Modo galego”

As concelleiras e concelleiros de todos os partidos políticos que conforman a corporación municipal de Ames asinaron o pasado 30 de maio de 2024 un documento mediante o cal se comprometeron a activar o “Modo galego”, é dicir, a fomentar o uso da lingua galega en todos os ámbitos da súa vida durante, polo menos, tres semanas. A proposta partiu da Real Academia Galega, que quixo facer extensible á Corporación municipal o proxecto “Modo galego, actívao!”, unha experiencia de inmersión lingüística na que participaron preto de 2.000 alumnos amesáns.

Na páxina web do Concello de Ames podes ampliar información.
03/06/2024. AXUDAS E PREMIOS

Acto de entrega dos V Premios Mil Primaveras

A Coordinadora de Traballadores/as de Normalización da Lingua organiza un acto público de entrega dos V Premios Mil Primaveras, que terá lugar o vindeiro sábado 8 de xuño, ás 19:30 h, no Salón de Actos do Pazo de Cultura de Pontevedra, e que estará conducido polas artistas Rilo & Penadique.

Os Premios Mil Primaveras teñen como obxectivo a difusión e posta en valor de proxectos de fomento do galego que, polo súa calidade, poidan servir de modelo e inspiración.

Para obter máis información sobre esta iniciativa, así como sobre os proxectos galardoados nesta quinta edición, preme aquí.


31/05/2024. AXUDAS E PREMIOS

Os XXVIII Premios Lois Peña Novo xa teñen gañadores/as

O xurado dos Premios Lois Peña Novo deu a coñecer os/as gañadores/as da vixésimo oitava edición destes galardóns, deseñados para animar o proceso de normalización lingüística no eido das administracións públicas, na vida institucional de Galicia e na sociedade en xeral. Nesta edición de 2024 os/as premiados/as son o Concello de Carballo, pola súa política lingüística enfocada á normalización do galego en todos os ámbitos e á cohesión social da poboación inmigrante; María Jesús Lago (xefa de servicio de Traballo Social da EOXI de Vigo), pola súa defensa do uso do galego no ámbito sanitario; e Carlos Pajares (catedrático de Física de Partículas e exreitor da USC), polo seu impulso ao uso do galego no eido universitario.

A información foi obtida do xornal Galicia Confidencial.

Na páxina web do colectivo Galeguizar Galicia podes informarte sobre as edicións anteriores deste premio.
30/05/2024. DINAMIZACIóN

O Concello de Fene organiza unha nova edición do campus lingüístico “Verán máis alá”

O Concello de Fene organiza unha nova edición do campus lingüístico “Verán máis alá”, deseñado co obxectivo de facilitar unha alternativa de lecer educativo en lingua galega e promover a conciliación da vida laboral e familiar. O programa está dirixido ao alumnado escolarizado en educación infantil e primaria, nado entre os anos 2012 e 2020 (idades de referencia de 3 a 12 anos). Organizarase en dúas quincenas, a primeira do 1 ao 15 de xullo e a segunda do 16 ao 31 de xullo de 2024 (pódese participar nas dúas, ou nunha soa). A matrícula provisional pode facerse por medios telemáticos (os días 3 e 4 de xuño) ou presencial (do 5 ao 7 de xuño). Nesta última modalidade cómpre solicitar cita previa os días 29, 30 e 31 de maio.

Podes consultar o texto completo das bases reguladoras para a matriculación no programa “Verán máis alá 2024” premendo aquí.
29/05/2024. DINAMIZACIóN

O programa Toponimízate percorrerá doce municipios galegos na edición de 2024

A Real Academia Galega e a Secretaría Xeral da Lingua da Xunta de Galicia presentaron a nova edición do programa Toponimízate. Falámosche dos nomes da túa terra, deseñado para preservar e divulgar o patrimonio toponímico galego.

A acción principal consiste na organización de charlas divulgativas, que nesta edición de 2024 se desenvolverán en 12 concellos galegos. Os/as asistentes terán a ocasión de coñecer a historia e a motivación dos topónimos do seu municipio, así como de familiarizarse coa plataforma colaborativa Galicia Nomeada. As sesións serán impartidas polo filólogo Vicente Feijoo, coordinador técnico do Seminario de Onomástica da RAG, que contará coa colaboración na parte etimolóxica do académico e profesor da Universidade de Vigo Gonzalo Navaza.

Podes ampliar información sobre esta iniciativa premendo aquí.