Novas da lingua

Rexistros631 a 660 de 5280
08/04/2024. AXUDAS E PREMIOS

Os V Premios Mil Primaveras xa teñen gañadores

O xurado dos V Premios Mil Primaveras fixo públicos os catro proxectos gañadores desta edición, por seren modelos de boas prácticas no ámbito da normalización lingüística e porque “favorecen a reflexión e a acción, potencian a oralidade, reforzan a formación e introducen a nosa lingua en ámbitos de interese para a mocidade”. As iniciativas galardoadas son Aquí tamén se fala, CeibaRimas, Elos. Engánchate ao galego! e Recuncho Gamer.

Os Premios Mil Primaveras están organizados pola Coordinadora de Traballadores/as de Normalización da Lingua, coa colaboración económica da Deputación Provincial de Pontevedra.

Podes ampliar esta nova premendo aquí.
08/04/2024. DINAMIZACIóN

Chega unha nova edición do Galegote Rock a Pontevedra

O Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Pontevedra presenta o programa da nova edición do Galegote Rock, deseñado para promover os grupos musicais que cantan en galego e crear espazos de uso para o noso idioma no ámbito do lecer. No marco deste programa, o vindeiro 27 de abril de 2024 celebraranse 14 actuacións de música en galego, tanto para público adulto como infantil, en diferentes locais da cidade.

Na páxina web do Concello de Pontevedra podes consultar o programa completo. Tamén podes manterte ao día das últimas novidades a través do Facebook da iniciativa.
08/04/2024. INVESTIGACIóN

Ivo Castro e Henrique Monteagudo conversan sobre a correspondencia entre J. Leite de Vasconcelos e A. Martínez Salazar

A Cátedra de Estudos Galegos da Universidade de Lisboa, en colaboración co Consello da Cultura Galega, organiza a iniciativa Vidas paralelas, unha serie de entrevistas que culminan nun encontro-coloquio, coa finalidade de propiciar unha reflexión retrospectiva sobre os cruzamentos culturais entre o mundo galego e o portugués. A primeira entrega céntrase no ámbito filolóxico e terá como protagonistas a Ivo Castro (catedrático Universidade de Lisboa e o primeiro director-fundador da súa Cátedra de Estudos Galegos) e a Henrique Monteagudo (catedrático de Filoloxía Galega da USC), que conversarán sobre a correspondencia entre José Leite de Vasconcelos e Andrés Martínez Salazar. O coloquio será moderado por Rosario Álvarez e terá lugar o vindeiro xoves, 11 de abril de 2024, ás 18:00 h, na sala D. Pedro V da FLuL.

Para ampliar información preme aquí.
08/04/2024. DINAMIZACIóN

A Real Academia Galega e o Concello de Ames levan o proxecto ‘Modo galego, actívao!’ ao ensino secundario

Concello de Ames e Real Academia Galega reforzan a súa colaboración a través do proxecto Modo galego, actívao!, coa sinatura dun convenio cuxo horizonte de execución chega ata o curso 2025-2026.

Froito desta cooperación, realizáronse xa dous estudos sociolingüísticos que deron pé a intervencións dentro e fóra das aulas amesás e reportaron datos de valor para analizar o comportamento lingüístico da rapazada. No anuncio do novo acordo, saliéntase a continuación das liñas de traballo en marcha, así coma o inicio de experiencias nos primeiros cursos da ESO.
08/04/2024. INVESTIGACIóN

Anxo Angueira ingresa na Real Academia Galega cun discurso sobre Rosalía de Castro

O vindeiro 27 de abril de 2024, a Real Academia Galega celebrará unha sesión extraordinaria con motivo da recepción como académico de número de Anxo Angueira Viturro.

O profesor da Universidade de Vigo, escritor e actual presidente da Fundación Rosalía de Castro, pronunciará o discurso titulado I es a noite, i es a aurora. A poética da luz en Rosalía de Castro . O acto, de carácter público, terá lugar no auditorio municipal de Padrón ás 12 h.
08/04/2024. CURSOS E CONGRESOS

XXXIII Xornadas de Lingua e Literatura

A Asociación Socio-Pedagóxica Galega e a CIG-Ensino organizan unha nova edición das Xornadas de Lingua e Literatura co obxectivo de ofrecer ferramentas didácticas útiles para a docencia da lingua e a literatura galegas, así como reflexionar sobre o proceso de normalización lingüística no ámbito do ensino. As sesións, dirixidas ao colectivo de profesorado non universitario de Galicia, terán lugar o 13 de abril de 2024 no IES As Fontiñas (Santiago de Compostela).

Podes consultar o programa completo premendo aquí. A inscrición é de balde e podes facela cubrindo este formulario.
05/04/2024. OUTRAS

A Mesa presenta o informe da Liña do Galego do ano 2023

A Mesa pola Normalización Lingüística presentou o informe do ano 2023 da Liña do Galego, un servizo gratuíto que atende consultas sobre dereitos lingüísticos, tramita queixas sobre a súa vulneración e recolle parabéns para as entidades que os respectan.

Ao longo deste ano tramitáronse 450 queixas, atendéronse 650 consultas e recibíronse 29 parabéns. No que respecta concretamente ás queixas, no ano 2023 a maior parte estiveron relacionadas con discriminacións e exclusións lingüísticas do galego (28%), coa toponimia deturpada (25%) e coa ausencia do galego nas páxinas web e servizos en liña (22%). Sobre a tipoloxía de entidades implicadas, como xa acontecera en anos anteriores, a administración pública (estatal, autonómica e local) concentrou máis da metade das reclamacións (54%). O informe inclúe tamén un capítulo específico no que se enumeran os principais éxitos acadados como resultado da tramitación destas queixas.

Podes consultar o documento completo premendo aquí.
05/04/2024. DINAMIZACIóN

A Universidade de Vigo activa o plan de madriñas e padriños “galego de tranquis”

A Vicerreitoría de Extensión Universitaria e a Área de Normalización Lingüística da Universidade de Vigo inician a segunda fase da súa campaña “Galego de tranquis”, que botou a andar en outubro de 2023 co obxectivo de animar ao alumnado que non é galegofalante a falar e escribir en galego nas redes sociais, sen afogos nin presión. Nesta segunda fase, os promotores da iniciativa activan o plan de madriñas e padriños “galego de tranquis”, para poñer en contacto a persoas que desexan comezar a falar ou escribir en galego con outras que xa o dominan e queren axudar no proceso de aprendizaxe.

Na páxina web da iniciativa atoparás os formularios para apuntarte como aprendente ou como madriña/padriño.
05/04/2024. AXUDAS E PREMIOS

Premios de poesía, relato curto e tradución na UVigo

A Área de Normalización Lingüística da Universidade de Vigo convoca os Premios de poesía, relato curto e tradución 2024, dirixidos a todos os membros da comunidade da Universidade de Vigo en activo. Os orixinais deberán estar escritos en lingua galega de acordo coas Normas ortográficas e morfolóxicas do idioma galego da Real Academia Galega e do Instituto da Lingua Galega (NOMIG, 2003). O certame está dotado con 700 € para o primeiro premio e dous accésits de 250 € en cada unha das tres categorías. O prazo de admisións de orixinais remata o día 12 de abril de 2024.

Podes consultar as bases completas premendo aquí.
05/04/2024. AXUDAS E PREMIOS

Axudas para os SNL da Administración local de Pontevedra

A Deputación de Pontevedra convoca unha liña de axudas, dirixida a concellos e outras entidades locais da provincia, para a creación, mantemento ou reforzo dos servizos de normalización lingüística (SNL) municipais durante o ano 2024. No caso das axudas á creación de SNL, poden optar os concellos de ata un máximo de 50.000 habitantes, ou ben as agrupacións de concellos, mancomunidades ou entidades locais menores da provincia que non conten con este servizo. Para o mantemento ou reforzo do SNL, poden optar os concellos que conten con este servizo e queiran mantelo ou reforzalo (contratando persoal a maiores ou incrementando a xornada existente).

O prazo de presentación de solicitudes será dun mes, contado a partir do día seguinte ao da publicación da convocatoria e do extracto no BOP de Pontevedra e na Base de Datos Nacional de Subvencións.
04/04/2024. DINAMIZACIóN

Chega o FalaRedes 2024

A Secretaría Xeral de Política Lingüística presenta a nova edición do programa de dinamización lingüística FalaRedes, que este ano 2024 bota a andar o vindeiro 7 de abril en Allariz co primeiro pase de Made in Galiza, un espectáculo teatral de Séchu Sende que reflexiona sobre a actitudes lingüísticas. O programa completo inclúe 12 actividades (música, teatro, monicreques, exposicións e obradoiros), que se desenvolverán en diferentes concellos adscritos á Rede de Dinamización Lingüística desde este mes de abril ata o remate do verán.

Podes ampliar esta nova premendo aquí.
03/04/2024. DINAMIZACIóN

O alumnado do CEIP López Ferreiro fai un trato co galego

O Equipo de Dinamización da Lingua Galega do CEIP López Ferreiro (Santiago de Compostela) está a desenvolver unha nova edición da súa campaña Fai un trato co galego!, que o centro puxo en marxa no curso 2020-2021 co obxectivo de animar ao alumnado a xogar e relacionarse en lingua galega. Nesta edición participan no proxecto máis dun cento de alumnos e alumnas de 5º e 6º curso de primaria, que tamén animan a institucións e comercios a usar o galego na súa actividade cotiá.

No seu blog podes consultar as diferentes actividades que se están a desenvolver ao abeiro deste proxecto de innovación educativa en dinamización lingüística.
03/04/2024. AXUDAS E PREMIOS

Resolución provisional das axudas da Deputación da Coruña aos SNL municipais

A Deputación da Coruña publica a resolución provisional das subvencións a concellos e entidades locais da provincia da Coruña para a creación, mantemento e reforzo dos servizos de normalización lingüística durante o ano 2024.
Os solicitantes teñen un un prazo de 10 días hábiles, contados a partir do día seguinte ao da publicación da resolución provisional no Boletín Oficial da Provincia, para comunicar, se é o caso, a desistencia da solicitude, presentar solicitude de reformulación, alegacións ou emenda de erros. Transcorrido o prazo de 10 días sen que por parte dos solicitantes se desista expresamente, a subvención considerarase aceptada tacitamente.

Podes consultar a resolución premendo aquí.
02/04/2024. DINAMIZACIóN

A primavera chega a Pontevedra con moito Apego

As familias do concello de Pontevedra inscritas no proxecto Apego poderán gozar durante os vindeiros meses de abril, maio e xuño dun amplo programa de actividades lúdicas e didácticas pensadas para fomentar o uso do galego na socialización da primeira infancia.
O programa inclúe obradoiros musicais, cantigas, arrolos, recitados e primeiros xogos para familias con bebés de 0 a 3 anos. As familias con nenos/as de máis idade poderán participar en obradoiros didácticos, xogos tradicionais, contos e actividades musicais. A maiores, organizaranse unha serie de actividades guiadas nas que o mundo dos oficios tradicionais galegos e o artesanado será o fío condutor.

Na páxina web do proxecto Apego podes ampliar información e consultar o programa completo.
02/04/2024. INVESTIGACIóN

Convócase a XIII edición do Proxecto Didáctico Antonio Fraguas Fraguas

A Fundación Antonio Fraguas Fraguas convoca, en colaboración coa Secretaría Xeral de Política Lingüística, a décimo terceira edición do Proxecto Didáctico Antonio Fraguas Fraguas, que ten como obxectivo alentar entre a comunidade escolar a investigación sobre o patrimonio etnográfico, antropolóxico, lingüístico, xeográfico, histórico e artístico de Galicia. Un capítulo do traballo deberá tratar algún aspecto lingüístico (toponimia, antroponimia, léxico, fraseoloxía...) relacionado co tema proposto. Poden participar todos os centros docentes públicos dependentes da Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades da Xunta de Galicia que impartan ensinanzas de educación primaria, ESO ou bacharelato. Outorgarase un premio de 7.000 euros para o traballo gañador en cada unha das dúas modalidades: ensino primario e ensino secundario. O prazo de presentación de candidaturas remata o 1 de xuño de 2024.
Podes consultar as bases completas do certame premendo aquí.
01/04/2024. DINAMIZACIóN

Ciclo de debates e proxeccións sobre a lingua galega no cinema

A Universidade de Vigo organiza, co apoio da Deputación de Pontevedra, o ciclo A lingua galega no cinema, dirixido por Simone Saibene. O programa da primeira parte deste ciclo inclúe proxeccións e debates, que terán lugar durante o meses de abril e maio de 2024 na sede do Parque Nacional das Illas Atlánticas de Galicia (edificio Cambón, Vigo). A entrada ás diferentes sesións é de balde e non se require reserva previa.

Podes consultar o programa completo da primeira parte do ciclo premendo aquí.
01/04/2024. INVESTIGACIóN

I Xeira do CLARIAH-GAL, rede de investigación estratéxica centrada nas actuais infraestruturas europeas de investigación para as humanidades e as ciencias sociais

O Instituto da Lingua Galega organiza, o vindeiro 2 de maio de 2024 unha xornada para presentar o nodo galego de CLARIAH-ES e difundir as iniciativas de Humanidades Dixitais e de Tecnoloxías Lingüísticas para a investigación en Humanidades e Ciencias Sociais emprendidas en Galicia.

Ademais de conferencias e comunicacións por convite, durante o evento presentaranse pósters de proxectos, liñas de investigación, recursos ou grupos de investigación relacionados coas liñas temáticas da Xeira.

A cita vai ter lugar na Facultade de Filoloxía da Universidade de Santiago de Compostela. Infórmate con máis detalle nesta ligazón.
01/04/2024. OUTRAS

Cinco webseries en sección oficial e catro candidatos ao premio de Mellor Contido Dixital en Galego no Carballo Interplay

Chega o Carballo Interplay 2024, entre o 4 e o 7 de abril. Nesta edición, participarán na sección oficial, organizada en catro grupos temáticos, as webseries galega Nómades, dirixida por Marta Insua; Poscoito, de Héctor Rodríguez; Pulp Air, de Anita Pico e Rent-a-pal, de Irene Pin.

Como finalistas do premio ao Mellor contido dixital en galego, serán presentados: as webseries O Carozo, de María Aragón; Ecos dun verán, de Álex Tajuelo e María Rego; e Delirio Sketchs de Bea Saiáns. Ademais, Canta o xogo, vídeos musicais sobre videoxogos a cargo de Iago Gordillo.
01/04/2024. INVESTIGACIóN

A Crónica Troiana, protagonista das IV Xornadas Irmandinhas de Betanzos

No marco do 650º aniversario da edición da Crónica Troiana, esta obra centrará as IV Xornadas Irmandinhas de Betanzos, que se van celebrar do 10 ao 16 de xuño de 2024. Ademais, prevense actos de homenaxe durante a celebración da XXV Feira Medieval de Betanzos.

A versión galega consérvase nun manuscrito de 1373, composto por 1854 pergamiños, custodiado actualmente na Biblioteca Nacional de España. Segundo informa o BNG, este partido político chegou a un acordo co Goberno español para a cesión temporal a unha institución galega, con vistas a que a instalación poida ser permanente.
26/03/2024. AXUDAS E PREMIOS

Axudas para a promoción do galego na Administración local

A Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades da Xunta de Galicia publica as bases das subvencións ás entidades locais para a promoción do galego durante o ano 2024. As axudas están destinadas á creación, mantemento ou reforzamento de servizos de normalización lingüística; así como ao desenvolvemento de programas de dinamización da lingua galega. Poderán optar a estas axudas os concellos ou os agrupamentos de concellos con poboación igual ou superior aos 3.000 habitantes.

O prazo de presentación de solicitudes é dun mes, contado a partir do día seguinte ao da publicación desta convocatoria.
20/03/2024. DINAMIZACIóN

A USC convoca o II Concurso de Vídeos "Vémolo Nós"

O Servizo de Normalización Lingüística e as Comisións de Normalización Lingüística dos distintos centros e organismos da Universidade de Santiago de Compostela convocan a segunda edición do concurso de vídeos "Vémolo Nós", dirixido a todos os membros da comunidade universitaria da USC no curso académico 2023/2024. O certame ten como obxectivo promover a produción e a difusión de vídeos curtos e orixinais que fomenten o galego como lingua de divulgación científica. Os vídeos deben ser inéditos, estar en lingua galega e ter unha duración máxima de cinco minutos. Outorgarase dous premios (un de 1.500 euros e outro de 300 euros) en cada unha das seguintes categorías: Divulgación do coñecemento, Descubrindo a USC e Protagonista: o galego. O prazo de presentación de solicitudes remata o 24 de xuño de 2024.

Podes consultar as bases completas da convocatoria e ver os vídeos gañadores da primeira edición premendo aquí.
19/03/2024. DINAMIZACIóN

XXI Certame literario Concello de Ames

O Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Ames convoca unha nova edición do Certame Literario Concello de Ames, que ten como obxectivo principal promover a creatividade en lingua galega. O concurso conta con dúas modalidades (narrativa e poesía) e en cada unha delas establece tres categorías, segundo a idade das persoas participantes. Os textos, de tema libre, deben ser inéditos e estar escritos en lingua galega.

O prazo de presentación de orixinais remata o 24 de abril de 2024.

Para ampliar información preme aquí.
19/03/2024. CURSOS E CONGRESOS

Xornada sobre a galeguización da Igrexa na Transición

Coincidindo co centenario de Alfonso Zulueta de Haz, persoa comprometida coa aculturación da Igrexa en Galicia e impulsor da empresa da tradución da Biblia ao galego dende as linguas orixinais, o Consello da Cultura Galega organiza a xornada Igrexa e lingua na Transición, na que se analizará como xurdiron aquelas grandes inquedanzas a prol da galeguización da Igrexa e cales foron os principais movementos e iniciativas que botaron a andar neste período.
As sesións terán lugar o 23 de abril de 2024 na sede do Consello da Cultura Galega. A inscrición é gratuíta e as prazas cubriranse por rigorosa orde de inscrición.

Para consultar o programa completo e acceder ao formulario de inscrición, preme aquí.
19/03/2024. DINAMIZACIóN

Aberto o prazo de inscrición no concurso escolar de carteis da campaña
para o comercio "Somos Boiro"

O Concello de Boiro e a Asociación Boirense de Empresarios organizan a primeira edición do concurso de carteis “Somos Boiro”, en colaboración cos equipos de dinamización lingüística do municipio. O premio está organizado en catro categorías por idades: ata 6 anos, de 7 a 9, entre 10 e 14 anos e para maiores de 15 anos.

“Somos Boiro” ten como finalidade sensibilizar os alumnos e a veciñanza na importancia do consumo local, o valor do patrimonio e da lingua galega.
O prazo para presentar propostas remata o 1 de abril de 2024. Tes toda a información na páxina do Concello.
18/03/2024. DINAMIZACIóN

O Correlingua volve á rúa en maio para reinvidicar os nosos dereitos lingüísticos

Dende aquí até acolá, galego xa!” é o lema co que o Correlingua percorrerá as rúas de once localidades galegas durante o vindeiro mes de maio. Ademais da coñecida carreira, o programa de 2024 inclúe tamén unha regueifa colectiva, obradoiros de escrita creativa e dous concursos: crealingua (concurso libre de creación artística en galego) e cantalingua (concurso de música en galego).

Correlingua é unha iniciativa da Mesa pola Normalización Lingüística, CIG-Ensino e a AS-PG que ten como obxectivo sensibilizar a sociedade, nomeadamente a poboación infantil e moza, sobre a importancia de defender os nosos dereitos lingüísticos, a través de actividades colectivas e lúdicas. No sitio web da iniciativa podes ampliar información.
18/03/2024. CURSOS E CONGRESOS

Formación lingüística para o persoal da Administración local

A Escola Galega de Administración Pública publica a convocatoria de actividades de formación para o persoal da Administración local galega. Entre a formación programada, ofértase un curso de redacción de documentos técnico-xurídicos en galego, na modalidade de teleformación, que se desenvolverá entre o 20 de maio e o 6 de xuño de 2024.

O prazo de presentación das solicitudes comezará ao día seguinte da publicación da convocatoria no DOG e rematará o 27 de marzo de 2024.
15/03/2024. DINAMIZACIóN

A Facultade de Veterinaria da USC premia o uso do galego nos traballos académicos do alumnado

A Comisión de Normalización Lingüística da Facultade de Veterinaria do Campus de Lugo (USC) volve convocar os seus certames “Escolle en galego”, para promover o uso da lingua galega nos traballos académicos do alumnado (traballos de clase, memorias de prácticas, casos clínicos, cadernos de actividades...), e “O teu traballo ten premio”, para premiar a calidade lingüística na elaboración dos traballos de fin de grao (TFG) presentados ao longo do curso 2023-24.

O alumnado interesado en participar no certame “Escolle en galego” ten de prazo para entregar os seus traballos ata o 30 de setembro de 2024. Outorgarase un primeiro premio de 100 euros e un segundo premio de 75 euros.

Para participar no certame “O teu traballo ten premio” o prazo remata tamén o día 30 de setembro de 2024. Neste caso o xurado outorgará un primeiro premio de 250 euros e un segundo premio de 125 euros.
15/03/2024. DINAMIZACIóN

Chega “Ben veñas, maio” para fomentar a creatividade en galego entre a mocidade de Pontevedra

O Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Pontevedra e mais a Coordinadora de Equipos de Normalización e Dinamización da Lingua Galega dos IES e CIFP de Pontevedra presentan unha nova edición do programa multidisciplinar de certames "Ben veñas, maio", dirixido ao alumnado matriculado nos institutos públicos do concello, co obxectivo de fomentar a creatividade e o uso do galego entre a mocidade. Ao abeiro deste programa organizaranse certames nas seguintes modalidades: vídeos de Tik Tok e reels de Instagram; música; curtametraxes; fotografía; banda deseñada; narración curta; e poesía. O prazo de admisión de traballos remata o 12 de abril de 2024.

Para consultar as bases completas, preme aquí.
15/03/2024. AXUDAS E PREMIOS

III Premio de Investigación xurídica en lingua galega Xosé Luis Franco

A Facultade de Ciencias Xurídicas e do Traballo da Universidade de Vigo convoca o III Premio de Investigación xurídica en lingua galega Xosé Luis Franco. O certame comprende dúas modalidades: unha para o estudantado de calquera grao ou mestrado matriculado no sistema universitario de Galicia e do Estado e outra para o estudantado da Facultade de Ciencias Xurídicas e do Traballo, nos graos en Dereito, PCEO Ade-Dereito e Relacións Laborais e Recursos Humanos, e nos mestrados en Avogacía, Menores en situación de desprotección e conflito e Dirección e Xestión Laboral. Ademais, as persoas participantes deben acreditar a matrícula nos cursos 2021/2022, 2022/2023 ou 2023/2024. Outorgarase un premio de 500 euros en cada unha das modalidades e un diploma acreditativo. O prazo de presentación dos traballos remata o 12 de abril de 2024.

Para consultar as bases completas da convocatoria preme aquí.
15/03/2024. DINAMIZACIóN

Nabiza Girl explícalles aos mozos e mozas como falamos e sentimos

Algarabía Animación estrea nas redes sociais Así falamos, así sentimos, un proxecto audiovisual elaborado coa técnica stop motion protagonizado por Nabiza Girl, a superheroína galega amante da lingua creada por Isabel Risco. A iniciativa, dirixida principalmente á mocidade, ten como obxectivo fomentar o uso do galego entre este sector da poboación, polo que se difundirá nas redes sociais que máis usan: Tiktok e Instagram. O primeiro episodio, que leva por título Reseso, xa está dispoñible na rede e os seguintes emitiranse ao longo deste mes de marzo: sábado 16, martes 18, venres 22, luns 25 e mércores 27.

No xornal Código Cero tes máis información sobre esta iniciativa.