Novas da lingua

Rexistros721 a 750 de 5145
08/03/2024. DINAMIZACIóN

9 de marzo: Día do Galego no Bierzo

Mañá, 9 de marzo de 2024, data na que se conmemora o Día do Galego no Bierzo, darán comezo as XVI Xornadas Martín Sarmiento, organizadas pola Comisión Cultural “Martín Sarmiento” de Vilafranca, en colaboración coa Xunta de Galicia, a Junta de Castilla y León, a Real Academia Galega, o Consello Comarcal do Bierzo e diferentes concellos e entidades culturais da comarca. Ademais dos habituais intercambios didácticos e lúdicos entre os centros educativos bercianos que participan no programa de galego, este ano terá especial protagonismo no programa de actividades a presentación do primeiro Dicionario do Galego do Bierzo, editado pola Universidade de Vigo e elaborado pola berciana Sara Rodríguez Fernández.

Así mesmo, o 12 de marzo, no transcurso destas xornadas terá lugar a entrega do IV Premio Antonio Fernández Morales.

Podes ampliar información sobre esta iniciativa premendo aquí.
06/03/2024. AXUDAS E PREMIOS

Agadic convoca axudas para a creación audiovisual en lingua galega

A Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) convoca subvencións para o ano 2024 destinadas a impulsar a creación de obras audiovisuais en galego a través do apoio á realización e posprodución de curtametraxes e a produción de longametraxes. O prazo para a presentación de solicitudes é dun mes, contado a partir do día seguinte ao da publicación desta convocatoria.

Para consultar o texto completo coas bases, preme aquí.
06/03/2024. DINAMIZACIóN

O Concello de Santiago presenta as actividades do proxecto Apego para o mes de marzo

O Departamento de Lingua Galega do Concello de Santiago de Compostela presenta o programa de actividades do proxecto Apego que se van desenvolver neste mes de marzo e que, como vén sendo habitual, inclúe xogos, espectáculos en diferentes formatos e contos (que neste mes estarán dedicados á igualdade). Todas as actividades son de balde. As persoas que desexen asistir só deben estar inscritas no proxecto e cubrir o formulario que se lles enviará por correo electrónico.

O proxecto Apego ten como obxectivo fomentar o uso do galego na socialización da primeira infancia e actualmente conta xa con 675 familias adheridas no concello de Santiago.

Para ampliar información, preme aquí.
05/03/2024. CURSOS E CONGRESOS

XXXIV Cursos de verán de lingua e cultura galegas "Galego sen fronteiras"

A Real Academia Galega e o Instituto da Lingua Galega da Universidade de Santiago de Compostela convocan a trixésimo cuarta edición dos Cursos de verán de lingua e cultura galegas "Galego sen fronteiras", dirixidos a alumnado de fóra de Galicia que quere aprender galego e familiarizarse coa nosa cultura. Estes cursos estivais, que se desenvolverán entre o 3 e o 24 de xullo de 2024, organízanse en tres niveis diferentes: elemental, medio e superior. O prazo de inscrición remata o 5 de abril de 2024.

Para ampliar información sobre o programa dos cursos e os trámites de matrícula preme aquí.
01/03/2024. AXUDAS E PREMIOS

Axudas da Deputación de Pontevedra para a edición de obras en galego de difusión cultural

A Deputación de Pontevedra publica as bases reguladoras para optar ás axudas para a edición de obras en galego de difusión cultural, dotadas neste 2024 cun orzamento de 90 000 euros. A convocatoria está dirixida a entidades sen ánimo de lucro, que poderán recibir ata 12 000 euros.

Con estas axudas, preténdese fomentar a publicación de obras con interese social e cultural para a provincia de Pontevedra. Deste xeito, os traballos deberán tratar aspectos relacionados coa provincia, co seu patrimonio material, inmaterial ou artístico, ou con persoas e colectivos relevantes desta. Ademais, deberán estar editados en galego e non poderán ser distribuídos como suplemento doutra publicación.

O prazo de presentación de solicitudes remata o 26 de marzo de 2024.
01/03/2024. AXUDAS E PREMIOS

Convocado o VII Premio Luís Porteiro Garea, distinción a persoas ou colectivos promotores do uso do galego na USC

Luís Porteiro Garea, insigne membro das Irmandades da Fala, foi o primeiro profesor da Universidade de Santiago de Compostela en impartir unha clase en galego. Na súa honra, a Universidade recoñece anualmente traxectorias ou iniciativas, tanto de persoas vinculadas hoxe á institución como que pasaron anteriormente por ela, que contribuíron á normalización da lingua galega na propia USC.

A entrega do premio correspondente á sétima edición, de carácter simbólico, realizarase en setembro, no mesmo mes en que Porteiro Garea, en 1915, impartiu a súa lección. O prazo para presentar candidaturas remata o 30 de abril de 2024. Podes consultar as bases e a documentación requirida na páxina web do premio.

01/03/2024. OUTRAS

A CTNL convídate a descubrir as curiosidades da toponimia compostelá

A Coordinadora de Traballadores/as de Normalización da Lingua convoca as súas socias e socios á Asemblea Xeral ordinaria de 2024, que terá lugar o sábado 9 de marzo de 2024, a partir das 10:00 da mañá na Sala Circular do Auditorio de Galicia.

Para poñer o peche á xornada, ás 16:30 h terá lugar o roteiro Descubrindo Compostela, un percorrido circular de aproximadamente unha hora e cuarto guiado polo lingüista Xosé Ramón López Boullón, que falará das curiosidades da toponimia compostelá. A actividade está aberta ao público xeral (socios/as e non socios/as da CTNL) e para asistir non é precisa inscrición.

Para ampliar información, preme aquí.
01/03/2024. DINAMIZACIóN

Volven os pasatempos de A Píllara á hostalaría de Carballo

O Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Carballo e a Asociación de Hostalaría de Carballo organizan unha nova edición da campaña de dinamización lingüística para difundir o patrimonio natural e lingüístico entre a clientela do sector hostaleiro. A principal acción da iniciativa consistirá na distribución de gardamanteis con pasatempos en galego da revista A Píllara, e tras o éxito da primeira edición (na que se distribuíron 20 000 exemplares), nesta ocasión repartiranse 50 000 exemplares entre os establecementos que desexen adherirse á iniciativa.

Na páxina web do SNL do Concello de Carballo podes ampliar información.
01/03/2024. CURSOS E CONGRESOS

Formación lingüística para o persoal da administración pública galega

A Escola Galega de Administración Pública publica a convocatoria de actividades de formación continua para o persoal da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, das entidades públicas instrumentais do sector público autonómico e da Administración institucional. No que respecta á formación de carácter lingüístico, ofértanse os seguintes cursos: “A normativa do galego estándar: actualización gramatical, ortográfica e léxica” (modalidade mixta: teleformación e telepresenza), “A calidade da redacción administrativa. Técnicas para unha boa redacción dos documentos administrativos” (teleformación) e “Redacción de documentos técnico-xurídicos en galego” (teleformación).

O prazo de presentación de solicitudes será de dez días naturais desde o día seguinte ao da publicación da convocatoria no Diario Oficial de Galicia.
28/02/2024. DINAMIZACIóN

Competición regueifeira en Carballo

O Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Carballo organiza a Liga da Regueifa, unha competición que se desenvolverá por parellas ao longo do mes de maio de 2024 (os sábados, a partir das 20:00 h), con diferentes eliminatorias, nos establecementos de hostalaría de Carballo que se sumen á iniciativa. Os gañadores/as das disputas parciais serán galardoados con pan de ovo, e o gañador/a da final recibirá unha boneca (agasallos comúns na regueifa tradicional).

Na páxina web do SNL de Carballo tes máis información sobre a iniciativa.
28/02/2024. DINAMIZACIóN

En liña a nova edición de Primavera das Letras dedicada a Luísa Villalta

A Real Academia Galega presentou en Sada a nova edición do seu proxecto didáctico Primavera das Letras, que este ano ten como protagonista á docente, violinista e escritora Luísa Villalta, a quen se lle dedica o Día das Letras Galegas 2024. No acto de presentación participaron as comunidades educativas do CEIP Sada y sus Contornos e do IES Isaac Díaz Pardo. No web atoparás diferentes materiais lúdicos e didácticos para o profesorado e o alumnado de infantil e primaria, entre os que destacamos o conto biográfico Violino, Inglesa e o libro xigante. Pequena biografía de Luísa Villalta, autoría de Xoán Babarro e Ana María Fernández.

Nos vindeiros días estrearase, dentro da sección “Lingua Guapa”, unha serie audiovisual con entrevistas a autores/as de literatura infantil e xuvenil en galego, e tamén se publicarán as bases do certame “Contádenos o voso Día das Letras 2024”, que ten como obxectivo facilitar espazos de participación onde os centros escolares poidan contar como celebran as Letras Galegas.

Para ampliar información, preme aquí.
26/02/2024. CURSOS E CONGRESOS

Obradoiros de acollemento lingüístico en Santiago de Compostela

O Departamento de Lingua Galega do Concello de Santiago de Compostela organiza dous obradoiros de acollemento lingüístico, un deles dirixido a persoas doutras comunidades lingüísticas que se achegan por primeira vez ao galego (nivel iniciación) e outro para aquelas que xa realizaron unha primeira aproximación e que desexan continuar a súa formación (nivel continuación). Os cursos teñen unha duración de 36 horas, distribuídas en dúas sesións semanais. A matrícula é gratuíta e o prazo de inscrición estará aberto ata o 13 de marzo de 2024.

Para ampliar información preme aquí.
26/02/2024. DINAMIZACIóN

Volve Lingua de Namorar, o concurso en liña de mensaxes de amor

A Secretaría Xeral de Política Lingüística e a Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado da Xunta de Galicia convocan unha nova edición de Lingua de Namorar, un concurso en liña de mensaxes de amor en lingua galega, dirixido á mocidade e pensado para dinamizar o uso do galego nas relacións persoais e nas novas tecnoloxías.

As bases establecen 3 categorías: A (persoas de 14 a 19 anos); B (persoas de 20 a 35 anos) e C (persoas de 14 a 35 anos, só para Instagram). Outorgaranse tres premios en cada unha das categorías A e B (1º- patinete eléctrico; 2º- altofalante bluetooth JBL; 3º. cascos sen fíos), e un único premio na categoría C (patinete eléctrico).

O prazo para enviar as mensaxes remata o 1 de abril de 2024.

Podes consultar o texto completo das bases premendo aquí.
23/02/2024. DINAMIZACIóN

Santiago e Padrón acollen os actos centrais do Día de Rosalía 2024

Institucións, entidades culturais e centros educativos do país conmemoran hoxe, 23 de febreiro, o Día de Rosalía de Castro, e nesta edición de 2024 Padrón e Santiago de Compostela acollerán os principais actos institucionais desta homenaxe colectiva dedicada á escritora que se converteu nun dos principais símbolos da lingua e a cultura galegas.

A Fundación Rosalía de Castro, en colaboración coa a Xunta de Galicia, o Concello de Padrón, o Concello de Santiago de Compostela, a Asociación Raigame, a Asociación de Hostelería Compostela, Hostalaría.gal, o Hostal dos Reis Católicos e a Asociación de Gaiteiros Galegos, organizou un programa de actividades que se desenvolverán en Padrón e Santiago de Compostela ao longo de toda a xornada do 23 de febreiro. O acto institucional central terá lugar no Hostal dos Reis Católicos, ás 12:00 h, cunha lectura de poemas rosalianos, música e degustación do Caldo de Gloria.

Pola súa parte, a Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG), co apoio de CEDRO, tamén celebra este 23 de febreiro actos na Coruña, Vigo e Lugo, mais o seu acto central conmemorativo terá lugar o sábado 24 de febreiro, ás 12:00 h, no Panteón de Galegos Ilustres (Santiago de Compostela), no que se fará unha lectura pública de fragmentos da obra rosaliana e mais do Manifesto da AELG, asinado este ano por Carlos Callón. No web da AELG podes consultar o seu programa completo de actividades.
22/02/2024. DINAMIZACIóN

Os neofalantes do IES Marco do Camballón cóntannos a súa experiencia co idioma galego

O Clube da Lingua do IES Marco do Camballón (Vila de Cruces) presenta a peza audiovisual Neofalantes, unha pílula lingüística na que alumnado e profesorado do centro de procedencia moi variada (Marrocos, Inglaterra, Venezuela, China, Andalucía, Asturias, Romanía...) explican a súa experiencia vital co idioma galego. O obxectivo é dobre, por un lado preténdese demostrar que noso idioma pode ser unha importante ferramenta de integración para o alumnado que procede de fóra de Galicia e por outro quérese animar aos falantes habituais de galego para que lles falen neste idioma aos novos/as compañeiros/as, porque é o único xeito de que estes poidan melloraren a súa competencia lingüística.

Este traballo enmárcase no Proxecto Matrix, que procura animar a falar galego ao alumnado non galegofalante inicial e reflexionar sobre os distintos tipos de falantes; e mais na campaña “Aquí tamén se fala", deseñada para que o propio alumnado teña un rol activo na normalización lingüística da súa contorna.
22/02/2024. DINAMIZACIóN

A segunda edición do certame “Petiscos de ciencia” xa ten gañadores

Onte, 21 de febreiro, coincidindo coa conmemoración do Día Internacional da Lingua Materna, a Comisión de Normalización Lingüística da Facultade de Ciencias do Campus de Lugo da USC fixo entrega dos premios da segunda edición do certame “Petiscos de ciencia”, deseñado para fomentar a creación de recursos audiovisuais en lingua galega de temática científica.

Nesta edición de 2023, o primeiro premio foi para o traballo O efecto Tyndall, presentado por Diego Lois Ojea, do IES Plurilingüe Pintor Colmeiro de Silleda. Así mesmo, o traballo Neutrinos, presentado por Nuria Castro González, Alejandra Chamorro García e Xiomara Silva Vázquez, do IES Laxeiro de Lalín, foi galardoado co segundo premio.
22/02/2024. INVESTIGACIóN

A RAG compila en dous volumes os discursos e ideoloxías sobre a lingua do período 1916-1936

A Real Academia Galega presenta a obra Ideas, propostas e debates sobre a lingua (1916-1936), publicada en dous volumes coa edición literaria de Henrique Monteagudo, Nélida Cosme e Mª Dolores Sánchez Vales. A obra compila máis dun cento de textos relevantes sobre o idioma galego publicados en libros, opúsculos e distintas publicacións periódicas durante o período 1916-1936, dúas décadas protagonizadas pola actividade das Irmandades da Fala, Nós e o Seminario de Estudos Galegos.

Os dous volumes están accesibles de balde na páxina web da RAG:
-Ideas, propostas e debates sobre a lingua (1916-1936): 1. Lingua nacional, idioma moderno
-Ideas, propostas e debates sobre a lingua (1916-1936): 2. A demanda da norma

Podes atopar máis información sobre esta iniciativa premendo aquí.
22/02/2024. CURSOS E CONGRESOS

A USC convoca unha nova edición do curso de habilidades comunicativas

O Servizo de Normalización Lingüística da USC abre a matrícula da 2ª convocatoria do período lectivo 2023-2024 do Curso de habilidades comunicativas, dirixido a alumnado que vai redactar ou defender en galego traballos académicos de curso, traballos de fin de grao, traballos de fin de mestrado ou teses. O curso (que se desenvolverá ao longo dos meses de febreiro, marzo e abril de 2024) pode realizarse de xeito completo ou por módulos: A redacción científica, Falar en público e Presentacións dixitais eficientes.

Máis información sobre os contidos de cada módulo e os prazos de matrícula na súa páxina web.
21/02/2024. AXUDAS E PREMIOS

XV Premio Rosalía de Castro de Lingua

A Sección de Normalización Lingüística da Deputación da Coruña convoca unha nova edición do Premio Rosalía de Castro de Lingua, que ten como obxectivo recoñecer iniciativas de normalización lingüística ou traxectorias de persoas, colectivos e entidades que destaquen polo seu compromiso coa promoción e dignificación do idioma galego. Establécense tres categorías: unha para recoñecer o labor daquelas persoas que máis destaquen na promoción da lingua galega de calidade e cunha identidade propia e unhas características xenuínas para empregala en todos os estratos sociais; outra para a entidade que máis destaque na promoción do galego; e unha terceira para o proxecto de dinamización lingüística que estea dirixido especificamente aos sectores de menor idade (infancia e mocidade) e que atenda espazos emerxentes do uso da lingua. A dotación económica do premio é de 5.000 euros para cada unha das categorías. O prazo de presentación de candidaturas publicarase no anuncio de publicación da convocatoria elaborado a través do Sistema Nacional de Publicación de Subvencións, e rematará ás 14:00 h do 30 de abril de 2024.

Para consultar o texto coas bases completas deste premio, preme aquí.
21/02/2024. DINAMIZACIóN

A UNESCO conmemora hoxe o Día Internacional da Lingua Materna

Hoxe, 21 de febreiro, conmemórase o Día Internacional da Lingua Materna, unha celebración instaurada pola UNESCO en 1999 para festexar a riqueza que supón a diversidade lingüística do planeta. "Educación multilingüe: un piar da aprendizaxe interxeracional" será o eixo temático das actividades organizadas neste 2024.

Desde o CDSG convidámoste a visitar a selección temática “Día da Lingua Materna”, onde atoparás unha ducia de recursos audiovisuais de temática lingüística extraídos de Proxector.
19/02/2024. AXUDAS E PREMIOS

Canles gañadoras dos Premios Youtubeiras 2023

O pasado sábado, 17 de febreiro de 2024, tivo lugar no Teatro Principal de Santiago de Compostela a gala dos sétimos Premios Yoububeiras e estas foron as canles gañadoras da edición de 2023: “OU ké! ” (Premio Canle), “Recuncho Gamer” (Premio Youtubeira), “O Faiado Podcast” (Premio Youtubeira Revelación), “Unha fin de semana en Londres” da canle “todomalva Gz” (Premio Vídeo), “olaxonmario (Premio Calidade Lingüística), “Fica coa Bola” (Premio Pioneiro), “Youtube en galego” (Premio Rede), e “Savia Nova” (Premio do Público).

Os Premios Youtubeiras están organizados polos servizos de normalización lingüística de nove concellos galegos, a Deputación da Coruña e as universidades da Coruña, Santiago de Compostela e Vigo, para fomentar a produción de contidos en galego en Internet e darlle visibilidade á comunidade youtubeira.
19/02/2024. DINAMIZACIóN

Xornada 'Contar a ciencia desde nós'

A Comisión de Normalización Lingüística da Facultade de Ciencias da USC conmemora o Día Internacional da Lingua Materna organizando a xornada 'Contar a ciencia desde nós'.

Esta sesión, que terá lugar o 21 de febreiro de 2024, ás 12 h, no salón de actos da Facultade, pon o foco na importancia de formar en ciencia nas linguas maternas, tanto en contextos formais -o ensino- coma nos informais -a divulgación científica.

Para coñecer a iniciativa en detalle, consulta o programa.
19/02/2024. DINAMIZACIóN

Acordo entre a Federación de Cineclubs de Galicia e Agadic para a difusión de produción cinematográfica

A Axencia Galega das Industrias Culturais e a Federación de Cineclubs de Galicia (Feciga) renovaron o convenio de colaboración que veñen mantendo co obxecto de apoiar a proxección de películas nas 14 localidades onde teñen as súas sedes os espazos integrados no colectivo, así como a ampliación das programacións estendidas da Filmoteca de Galicia. En 2024, concretarase en 19 ciclos e sete semanas de cine nos cineclubs Pontevedra, Lumière de Vigo, Adega de Vilagarcía de Arousa, Cangas, Poleiro de Goián, Bueu, Padre Feijoo de Ourense, Groucho Marx do Barco de Valdeorras, O Carballiño, Valle-Inclán de Lugo, Val Miñor de Nigrán, Serie B de Narón, O Acomodador de Allariz e Os Papeiros de Chantada.

Na programación ofrecerase unha escolma representativa da programación da Filmoteca de Galicia do último ano, da que un mínimo do 20% dos programas corresponderá á produción galega máis recente.

16/02/2024. DINAMIZACIóN

Chega unha nova edición do Festival Rosalía cun grande atrevemento

A Deputación da Coruña e o Concello de Santiago presentaron o programa da sexta edición do Festival Rosalía, deseñado para “pór en valor a diversidade e a calidade da creación artística da nosa lingua e as novas dimensións que se lles outorga desde diferentes disciplinas tanto á figura de Rosalía como ao noso idioma”. Baixo o lema Un grande atrevemento, as rúas de Compostela encheranse de poesía, teatro, música, artesanía e narración oral durante os vindeiros días 23 e 24 de febreiro.

Se o precisas, podes atopar máis información sobre esta iniciativa tanto na páxina web do Concello de Santiago como na da Deputación da Coruña.
16/02/2024. INVESTIGACIóN

Presentación pública do volume Toponimia de Antas de Ulla

O Seminario de Onomástica da Real Academia Galega e a Asociación Galega de Onomástica presentan o volume Toponimia de Antas de Ulla, unha obra de Andrea Santiso Arias que indaga na orixe e o significado de 163 topónimos deste municipio lugués. A presentación pública terá lugar hoxe, 16 de febreiro de 2024, ás 18:30 h na Casa da Cultura de Antas de Ulla. No acto intervirán Andrea Santiso (autora do volume), Víctor F. Freixanes (presidente da RAG), Antón Santamarina (coordinador do Seminario de Onomástica da RAG), Ana Boullón (representante da Asociación Galega de Onomástica) e Pilar García Porto (alcaldesa de Antas de Ulla).

Este traballo, accesible en liña en formato dixital, intégrase na colección Terra Nomeada, creada para recompilar e estudar os nomes de lugar habitados e algúns dos principais accidentes xeográficos dos concellos de Galicia.
16/02/2024. CURSOS E CONGRESOS

Obradoiro de acollemento lingüístico no Concello de Carballo

O Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Carballo organiza un obradoiro de acollemento lingüístico dirixido a persoas de fóra de Galicia que queiran achegarse á lingua e cultura galegas. As sesións comezarán en marzo, todos os martes e xoves de 18:00 h a 19:30 h, no centro social Escola de Arrabaldes, na Milagrosa. As persoas interesadas poden inscribirse ao longo deste mes de febreiro enviando un correo electrónico a snl@carballo.gal no que indiquen o seu nome e apelidos e mais un teléfono de contacto.
16/02/2024. CURSOS E CONGRESOS

Cursos preparatorios para obter os Celga 2, 3 e 4

A Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia anuncia a convocatoria de cursos de lingua galega preparatorios das probas para obter os certificados dos niveis Celga 2, Celga 3 e Celga 4. A oferta inclúe tanto cursos na modalidade presencial como na modalidade en liña, que poderán ser solicitados por todas as persoas maiores de dezaseis anos ou por aquelas que os fagan no ano 2024.

O prazo para a presentación das solicitudes será de 15 días hábiles, contados a partir do seguinte ao da publicación da convocatoria.
15/02/2024. DINAMIZACIóN

O Concello da Coruña presenta a programación de Apego do primeiro semestre de 2024

O Servizo de Normalización Lingüística do Concello da Coruña presentou o programa das actividades (contos, música, teatro, obradoiros didácticos....) que se van desenvolver na cidade durante este primeiro semestre de 2024 no marco do proxecto Apego, dirixido a familias con nenos e nenas de 0 a 6 anos.

As actividades desenvolveranse na aula 8 ou no auditorio do Centro Ágora. Podes obter máis información sobre o programa e mais os trámites de inscrición premendo aquí.
14/02/2024. EMPREGO

Prazas para profesorado de Lingua Galega e Literatura no ensino secundario

A Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades publica a convocatoria do procedemento selectivo para ingreso e acceso aos diferentes corpos de inspectores de ensino, profesores e mestres. Entre as prazas ofertadas para o corpo de profesores de ensino secundario inclúense 80 para a especialidade de “Lingua Galega e Literatura”. Así mesmo, ofértanse 7 prazas para a especialidade de “Galego” no corpo de profesores de escolas oficiais de idiomas. O proceso de selección será o de concurso-oposición.

O prazo de presentación de solicitudes é de quince días hábiles, contados a partir do seguinte ao da publicación da convocatoria.
13/02/2024. DINAMIZACIóN

Xa podes conseguir as entradas da gala dos Premios Youtubeiras 2023

O vindeiro sábado 17 de febreiro de 2024, a partir das 20:00 h, terá lugar no Teatro Principal de Santiago de Compostela a gala na que se darán a coñecer os/as gañadores/as dos Premios Yoububeiras 2023. O evento será conducido por Nuria Vil e Gabri Fuentes e contará coa actuación musical de Mondra.
A asistencia é gratuíta, mais cómpre retirar previamente as entradas. Podes facelo entre o 13 e o 17 de febreiro na zona C do Teatro Principal de Santiago de Compostela ou na billeteira do teatro unha hora antes do evento.

Para ampliar información, preme aquí.