Novas da lingua

Rexistros721 a 750 de 5280
19/01/2024. AXUDAS E PREMIOS

Axudas ás entidades locais para a compra de novidades editoriais en galego

A Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades publica unha convocatoria de subvencións dirixidas ás entidades locais de Galicia para a compra de novidades editoriais en galego en formato físico e para mellorar as coleccións bibliográficas das bibliotecas e/ou axencias de lectura públicas de titularidade municipal, integradas na Rede de Bibliotecas Públicas de Galicia.

O prazo para a presentación de solicitudes é dun mes, contado a partir do día seguinte ao da publicación da convocatoria.
19/01/2024. OUTRAS

Cinemas_Gal, nova canle en Filmin con cine galego e en galego

A plataforma de cine en liña Filmin incorpora unha nova canle dedicada ao cine galego e en galego. Cinemas_Gal, elaborada coa colaboración da Xunta de Galicia, presenta de xeito agrupado todos os filmes en galego ou con subtítulos en galego, así como os de autoría galega, que forman parte do catálogo da plataforma.

Neste momento ofértanse 74 títulos clasificados nas seguintes categorías: “éxitos recentes do cine galego”, “éxitos internacionais en galego”, “autores galegos”, “curtametraxes galegas”, “documentais”, “o mellor cine europeo en galego”, "cine portugués" e “música”.
18/01/2024. OUTRAS

Actualizada a información sobre o fondo de publicacións periódicas do CDSG

O Centro de Documentación Sociolingüística de Galicia publica en liña o Boletín de Sumarios 2023, un produto documental que inclúe os sumarios dos números das revistas que se incorporaron á hemeroteca do centro ao longo do ano pasado.

Tamén podes consultar a nosa colección completa actualizada a través do Catálogo de publicacións periódicas do CDSG.

Estas revistas pódense consultar en sala ou levar en préstamo naqueles casos en que dispoñamos de máis dun exemplar. No caso das dixitais, desde o boletín e o catálogo pode accederse directamente a elas.
18/01/2024. CURSOS E CONGRESOS

Cursos de linguaxe administrativa e xurídica galega para o persoal da Administración pública

A Escola Galega de Administración Pública convoca, en colaboración coa Secretaría Xeral de Política Lingüística, vinte e sete cursos de linguaxe administrativa galega e tres de linguaxe xurídica galega (niveis medio e superior) para persoal ao servizo das distintas administracións da Comunidade Autónoma de Galicia. Todos os cursos se desenvolverán na modalidade de teleformación. O prazo de presentación de solicitudes estará aberto entre o 19 e o 31 de xaneiro de 2024.

Podes consultar o texto completo da convocatoria premendo aquí.
18/01/2024. CURSOS E CONGRESOS

Nova edición do curso de lingua e cultura galegas do programa Aula GaliciaAberta

A Secretaría Xeral da Emigración da Xunta de Galicia, dentro do seu programa Aula GaliciaAberta, organiza unha nova edición do curso en liña de lingua e cultura galegas, dirixido principalmente á comunidade galega no exterior. O curso, que se emitirá todos os martes a través do Facebook Live de GaliciaAberta, é gratuíto e non precisa inscrición previa.

A edición deste ano 2024 incorpora como novidade a participación unha vez ao mes dun persoeiro/a relevante da cultura galega. Na primeira sesión, que tivo lugar o pasado martes 16 de xaneiro, a convidada foi a poeta Yolanda Castaño.

Para ampliar información, preme aquí.
18/01/2024. INVESTIGACIóN

O ILG presenta un dicionario para divulgar o traballo das mulleres no eido da lexicografía

O Instituto da Lingua Galega facilita a consulta en liña, así coma a descarga en formato dixital, do dicionario Mulleres na lexicografía, un proxecto dirixido pola investigadora María José Domínguez Vázquez co obxectivo de visibilizar e reivindicar a mulleres de todo o mundo relevantes no eido da lexicografía. Neste momento incorpora 40 entradas con información sobre a vida, traxectoria profesional e bagaxe sociocultural destas profesionais.

A obra desenvólvese como proxecto didáctico de aprendizaxe colaborativa no marco do Mestrado Mundus en Lexicografía (EMLex) e está aberta ás propostas do público usuario. En 2023 recibiu o 1º premio dos XIV Premios á Introdución da Perspectiva de Xénero na Docencia e na Investigación, concedidos pola Universidade de Santiago de Compostela.
18/01/2024. DINAMIZACIóN

O programa “21 días co galego e +” incorpora os centros de educación infantil

A Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia presenta unha nova edición do programa 21 días co galego e +, que este ano como novidade tamén incorpora centros de educación infantil. Baixo o lema “Medrar en galego” participarán nesa iniciativa 10 centros de educación infantil e primaria das catro provincias, entre o 17 de xaneiro e o 6 de febreiro de 2024. O obxectivo é falar exclusivamente en galego durante 21 días, desenvolvendo diferentes propostas didácticas deseñadas para reflexionar sobre os usos lingüísticos persoais e a situación xeral do idioma galego.

Podes manterte ao día do desenvolvemento do programa a través do seu blog.
17/01/2024. OUTRAS

Convócanse probas de avaliación en competencias clave

A Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade convoca probas de avaliación en competencias clave para persoas que non teñan título da ESO ou Bacharelato e desexen cursar accións formativas dos certificados de profesionalidade dos niveis 2 e 3 de cualificación profesional.

Como novidade, a convocatoria deste ano ofrece dúas oportunidades para superar as probas. A primeira será, previsiblemente, a mediados de xuño; as persoas ás que lle quede pendente algunha parte poderán tentalo de novo a mediados de outubro. O prazo de presentación de solicitudes
remata o 15 de febreiro de 2024. Máis información na convocatoria no DOG.

As competencias clave que se valorarán son matemáticas, lingua castelá, lingua galega e inglés. No Campus Virtual da Consellería podes atopar materiais de autoformación para preparar as probas.
16/01/2024. AXUDAS E PREMIOS

Axudas para a tradución do libro galego

A Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades da Xunta de Galicia publica a convocatoria de axudas para o libro galego, tanto no que se refire á tradución para outras linguas de obras publicadas orixinariamente en galego como á tradución para o galego de obras publicadas orixinariamente noutras linguas.
O prazo de presentación de solicitudes é dun mes, contado a partir do día seguinte ao da publicación da convocatoria.

16/01/2024. AXUDAS E PREMIOS

Subvencións para a edición de publicacións periódicas en galego

A Secretaría Xeral de Medios da Xunta de Galicia publica a convocatoria de subvencións para o ano 2024 destinadas a empresas que realicen publicacións periódicas escritas integramente en galego.
O prazo para presentar as solicitudes é dun mes, contado a partir do día seguinte ao da publicación da convocatoria.
15/01/2024. AXUDAS E PREMIOS

Axudas para a distribución de audiovisual en galego na provincia da Coruña

A Deputación da Coruña publica as bases reguladoras do programa de subvencións a empresas audiovisuais para o apoio á distribución, comercialización e exhibición audiovisual en lingua galega na provincia da Coruña durante o ano 2024. Esta convocatoria contempla dúas modalidades, unha de apoio aos contidos audiovisuais galegos (longametraxes, curtametraxes, documentais, etc. feitas en Galicia) para a súa distribución e exhibición en lingua galega (VO, VOSG ou dobraxe); e outra para a distribución en lingua galega (VO, VOSG ou dobraxe) de contidos audiovisuais non galegos (feitos fóra de Galicia).

O prazo de presentación de solicitudes estará aberto desde o 22 de xaneiro ata o 22 de febreiro de 2024, ás 14:00 horas, tal e como se indica no extracto da convocatoria.
15/01/2024. AXUDAS E PREMIOS

Axudas para o fomento do galego no ensino

A Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesioonal e Universidades da Xunta de Galicia publica dúas convocatorias de axudas para a presentación de proxectos de fomento do uso do galego no ámbito do ensino non universitario durante o curso 2023/2024, unha dirixida a centros de titularidade pública e outra a centros de titularidade privada.
En ambos os casos, o prazo de presentación de solicitudes é dun mes, que se contará a partir do día seguinte ao da publicación das respectivas convocatorias.
12/01/2024. CURSOS E CONGRESOS

I Congreso Internacional de Paratradución, Interlinguas e Transmedia

A Facultade de Filoloxía e Tradución da Universidade de Vigo organiza a primeira edición do congreso internacional ParatradIT. Con esta iniciativa, búscase desenvolver eventos científicos que tomen como obxecto de estudo as circunstancias sociais, culturais, políticas e, sobre todo, tecnolóxicas vixentes para traducir entre linguas, na era das narrativas transmedia en pantalla e fóra dela.

As sesións terán lugar do 20 ao 22 de marzo de 2024, tanto en modalidade presencial coma en rede. Para saber máis do programa ou de como inscribirte, visita a páxina de ParatradIT.
12/01/2024. AXUDAS E PREMIOS

Nova edición do Premio Literario Descubrindo Oleiros

O Concello de Oleiros convoca a décima edición do Premio Literario Descubrindo Oleiros, un concurso que procura dar a coñecer espazos do municipio e contribuír á normalización do uso oral e escrito do galego, capacidade que lle confire, como entidade local, o Estatuto de autonomía de Galicia.

Poderán concorrer ao premio todos os rapaces e rapazas de 3º a 6º de primaria; mozas e mozos de 16 e 17 anos que cursen ESO e persoas maiores de 18 anos empadroadas ou escolarizadas no Concello de Oleiros.

O prazo para presentarse é de un mes a contar desde o día seguinte á publicación das bases no Boletín Oficial da Provincia.
11/01/2024. CURSOS E CONGRESOS

A Universidade de Vigo organizará o XXI Encontro Nacional de Estudantes de Tradución e Interpretación

Os días 18 e 19 de abril de 2024, o campus de Vigo acollerá por primeira vez unha edición do ENETI, iniciativa xurdida en 2001 para fortalecer o contacto, intercambio de ideas e promoción dos futuros tradutores e intérpretes.

O Comité Organizador, coma o público destinatario, está composto por estudantes: Alba Carballal, Ana Doval, Melanie Varela e María Herrero. Na web oficial do evento iranse coñecendo, progresivamente, as confirmacións do programa, obradoiros e actividades.
10/01/2024. EMPREGO

O día 17 remata o prazo para presentarse ao proceso selectivo dun técnico/a de normalización lingüística do Concello de Carral

O Concello de Carral publicou o 28 de decembro de 2022 as bases xerais e específicas dos procesos selectivos para cubrir varias prazas, no marco do proceso extraordinario de estabilización do emprego temporal, entre as que se inclúe unha de técnico/a de normalización lingüística (persoal laboral, grupo I).

Coa publicación da convocatoria no BOE o pasado 28 de decembro de 2023, abriuse o prazo de presentación de solicitudes de 20 días naturais que rematará o 17 de xaneiro.

10/01/2024. EMPREGO

O Concello de Vigo recolle unha praza de técnico/a de normalización lingüística na súa oferta de emprego público 2023

No Boletín Oficial da Provincia de Pontevedra do 8 de xaneiro de 2024, o Concello de Vigo publica a súa oferta de emprego público 2023; un total de 77 prazas aprobadas, entre as que se inclúe unha de técnico/a de normalización lingüística. Amplía a información no BOP.
10/01/2024. AXUDAS E PREMIOS

O 13 de xaneiro celébranse os III Premios Galegos da Regueifa

Os Premios Galegos da Regueifa Espalla Rimas 2024, convocados por iniciativa do grupo La Voz de Galicia en colaboración con varias entidades, cítannos o vindeiro 13 de xaneiro, ás 18 h, no Pazo da Cultura de Carballo.

Novamente, mestres e mestras da regueifa xuntaranse coas voces máis novas en desafíos, que son tamén unha festa de celebración da vitalidade da improvisación oral en galego.
10/01/2024. DINAMIZACIóN

En liña o Calendario científico escolar 2024 en galego

O CSIC acaba de publicar o Calendario científico escolar 2024, un recurso pensado para achegar a cultura científica á xente nova e crear referentes inspiradores, visibilizando especialmente as figuras de mulleres científicas e tecnólogas. Nesta edición, que fai a quinta, incorpora conmemoracións relacionadas coa agricultura e as ciencias do mar.

Tanto o calendario coma os recursos didácticos que o completan ofrécense en 11 idiomas en formato dixital descargable.

A Unidade de Divulgación Científica e Cultural e o Servizo de Normalización Lingüística da Universidade da Coruña colaboran co CSIC na preparación da edición en galego e na distribución de mil exemplares en papel.

10/01/2024. DINAMIZACIóN

A web de LGx15 integra as intervencións da edición de 2023

Experiencias, argumentos, opinións, propostas...Todo o que ofreceron os protagonistas desta edición do LGx15 está xa ao voso dispor, xunto coas invertencións de anos anteriores, na páxina coa que a CTNL difunde palabras para o futuro do galego.

Se non puideches asistir ou queres volver ver algún destes oito vídeos, preme aquí.
09/01/2024. OUTRAS

A RAG comeza o Ano Luísa Villalta cunha web dedicada á autora

A Real Academia Galega inicia as súas actividades destinadas á difusión da vida e obra de Luísa Villalta, a escritora homenaxeada co Día das Letras Galegas 2024. A web especial, que a institución vén de estrear, irá actualizándose con nova información, recursos e acceso ás diversas iniciativas que se van desenvolver ao longo do ano.
29/12/2023. CURSOS E CONGRESOS

Cursos de galego para non galegofalantes na USC

O Centro de Linguas Modernas da USC presenta a oferta formativa para o segundo semestre do curso 2023/2024 nos campus de Santiago e de Lugo, na que se inclúen cursos de galego para non galegofalantes nas seguintes tres modalidades: “cursos semestrais para non galegofalantes”, “cursos intensivos para non galegofalantes” e “cursos intensivos para PDI e PI da USC (preparatorios das probas de acreditación de nivel B da USC)”. Os cursos están dirixidos principalmente á comunidade universitaria, mais tamén están abertos a todas as persoas interesadas maiores de 16 anos.

Para obter máis información sobre esta oferta formativa, así como sobre os trámites e prazos de matrícula, preme aquí.
27/12/2023. INVESTIGACIóN

Doa a túa voz para que a IA poida falar e entender galego

A Xunta de Galicia e a Universidade de Santiago de Compostela presentan a campaña AgasallaNós, que se está a desenvolver no marco do Proxecto Nós. O obxectivo é que os falantes de galego doen a súa voz, para poder crear recursos orais e conversacionais con todos os acentos e variantes dialectais que existen en galego, facilitando deste xeito a interacción coas tecnoloxías de Intelixencia Artificial: GPS, asistentes de voz, Chat GPT etc.

O proceso de doazón é sinxelo. Consiste en rexistrarse na plataforma Common Voice e doar a túa voz lendo frases xeradas pola plataforma (tamén podes validar as doutras persoas).

Na páxina web da campaña tes toda a información que precisas para colaborar.
27/12/2023. AXUDAS E PREMIOS

I Premio Internacional de Estudos Galegos

A Asociación Internacional de Estudos Galegos (AIEG) convoca, co apoio da Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia e da UMinho Editora, a primeira edición do Premio Internacional de Estudos Galegos, que terá carácter trianual para facelo coincidir co Congreso da AIEG. Poden optar a este premio os/as investigadores/as que desenvolven a súa pescuda no ámbito xeral dos Estudos Galegos en universidades de fóra da Galicia e que presentaron o seu traballo académico nos últimos tres anos anteriores ao 31 de decembro do ano previo á celebración do Congreso da AIEG.

Os traballos deben estar redactados en lingua galega e o/a gañador/a recibirá unha dotación económica de 2.000 euros, así como a posibilidade de publicar a obra en formato de libro electrónico na UMinho Editora.

O prazo de presentación de candidaturas estará aberto entre o 1 de xaneiro e o 1 de marzo de 2024.

Podes consultar as bases completas do premio premendo aquí.

27/12/2023. OUTRAS

Cibercarracho, palabra do ano 2023

O Portal das Palabras, proxecto promovido pola Real Academia Galega e a Fundación Barrié, acaba de facer público que “cibercarracho, -a” é o termo elixido como Palabra do Ano 2023. Trátase dun neoloxismo de rexistro coloquial que emprega o humor “para designar a persoa que comete un acto delituoso por medio das tecnoloxías da información e da comunicación”. Dado que se trata dun neoloxismo de recente creación, o termo non aparece aínda no Dicionario da RAG, que si recolle desde 2018 o sinónimo “ciberdelincuente”.

Podes ampliar esta información premendo aquí.
26/12/2023. AXUDAS E PREMIOS

Héctor Carré gaña o V Premio Daniel Domínguez de guión en galego

A Asociación Sindical de Guionistas Galegos (AGAG) fixo público o traballo gañador da quinta edición do Premio Daniel Domínguez de guión en galego, un certame deseñado para potenciar a lingua galega no audiovisual e promover os autores e autoras que escriben no noso idioma. Nesta edición o guión premiado foi “Sinais”, de Héctor Carré, que recibirá 2.000 euros en metálico e unha subscrición gratuíta e ilimitada ao mercado online da plataforma Filmarket Hub.

Así mesmo, os/as autores/as dos traballos finalistas (Uxía Diéguez Santiago por “Furtivo” e Gumersindo Novoa Rodríguez por “As cores da alma”) tamén serán galardoados/as cunha subscrición a Filmarket Hub.

Na páxina web da AGAG tes toda a información sobre esta iniciativa.
22/12/2023. CURSOS E CONGRESOS

Oferta formativa do Centro de Interpretación da Oralidade de Vigo

O Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Vigo anuncia a oferta formativa do Centro de Interpretación da Oralidade para o ano 2024. En concreto, o programa de formación inclúe un curso de improvisación oral en verso, que será impartido por Kike Estévez, e mais un curso de narración oral e contacontos, que impartirá profesorado experto na materia.

Para obter máis información sobre as datas de realización, os contidos didácticos ou os trámites de inscrición, preme aquí.
20/12/2023. DINAMIZACIóN

Calendario de publicación dos vídeos do LGx15 2023

O pasado 28 de outubro tivo lugar no Teatro Principal de Pontevedra a novena edición do LGx15, un proxecto promovido pola Coordinadora de Traballadores/as de Normalización da Lingua no que, a través de charlas breves e amenas, se transmiten argumentos e experiencias para influír no futuro do galego. Se non puideches asistir, agora podes consultar en liña os vídeos dos/as seis participantes (Paco Veiga, Kiko da Silva, Carlos Airas, Fran da Lobeira, Magdalena Sánchez e Neves Rodríguez), que se irán publicando ata final de ano na canle de Youtube da CTNL. Nesta mesma canle atoparás tamén todas as charlas das edicións anteriores, así como diferentes listas de reprodución temáticas.

Podes consultar o calendario completo das publicacións dos vídeos do LGx15 2023 premendo aquí.
20/12/2023. DINAMIZACIóN

Cantos de Nadal, Aninovo e Reis para animar o comercio local de Narón

O Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Narón e a Asociación de Comerciantes de Narón organizan un obradoiro de cantos de Nadal, Anivovo e Reis, que será impartido por Pablo Díaz e Olga Kirk o vindeiro 26 de decembro de 2023, ás 17:30 h, na Biblioteca Pública Municipal de Narón.
A actividade, que forma parte do campaña Narón gaña co galego, ten como obxectivo promover o uso da lingua galega no comercio local. As persoas participantes no obradoiro terán oportunidade de poñer en práctica os coñecementos aprendidos cantando e pedindo aguinaldo nos comercios da zona do Alto.

Para participar cómpre inscribirse no correo: a.pita@naron.gal

Na páxina web do SNL do Concello de Narón tes toda a información sobre esta iniciativa.
20/12/2023. AXUDAS E PREMIOS

II Premio de oratoria en formato podcast “Ramón Otero Pedrayo”

A Asociación Amigos de Otero Pedrayo, en colaboración coa Secretaría Xeral de Política Lingüística, convoca o II Premio de oratoria en formato podcast “Ramón Otero Pedrayo”, dirixido a alumnado de educación secundaria e universitaria de entre 15 e 23 anos. O obxectivo do certame é incentivar as habilidades comunicativas orais e a expresión correcta mediante o cultivo da oratoria. Os temas das pezas, que deberán estar en lingua galega, serán preferentemente os do “universo oteriano”: o medio ambiente, a paisaxe, a sostibilidade, o territorio, o patrimonio, a historia, a xeografía, a etnografía, a comunicación oral e a tradición oral.

O xurado outorgará diferentes premios (produtos Coren e mais un portátil), valorados todos eles en 3.000 euros.

O prazo para enviar as pezas estará aberto entre o 10 de febreiro e o 25 de xullo de 2024.