Novas da lingua

Rexistros751 a 780 de 5280
20/12/2023. DINAMIZACIóN

Festa do Apego en Compostela para o público infantil

O Departamento de Lingua Galega do Concello de Santiago de Compostela convida a todos os/as nenos/as e as súa familias a rematar o ano gozando en galego na Festa do Apego, un espectáculo deseñado para crear espazos de uso para o noso idioma no ámbito do lecer infantil. O evento, que inclúe música, teatro, contos, xogos, obradoiros e maxia, terá lugar o 23 de decembro de 2023 no Auditorio de Galicia. A entrada é aberta e de balde ata completar a capacidade en cada actividade.

Para consultar o programa completo, preme aquí.
20/12/2023. AXUDAS E PREMIOS

Axudas concedidas pola Deputación de Pontevedra a entidades culturais para a promoción do galego

A Deputación de Pontevedra publica a listaxe de axudas concedidas durante o segundo semestre de 2023 a entidades culturais sen fin de lucro da provincia de Pontevedra, para desenvolver actividades de promoción do idioma galego durante o ano 2023.

Podes consultar a listaxe de entidades beneficiarias premendo aquí.
19/12/2023. AXUDAS E PREMIOS

Premio para os mellores proxectos de innovación educativa en dinamización lingüística

A Secretaría Xeral de Política Lingüística e a Dirección Xeral de Ordenación e Innovación Educativa da Xunta de Galicia convocan o programa de proxectos de innovación educativa en dinamización lingüística, dirixido a centros docentes de titularidade pública da Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades durante o curso 2023/2024. Entre os proxectos presentados seleccionaranse cinco, considerados como excelentes, que recibirán cada unha deles unha dotación económica de 2.000 euros. O prazo de presentación de solicitudes remata o 12 de marzo de 2024.

Podes consultar as bases completas da convocatoria premendo aquí.

18/12/2023. OUTRAS

Homenaxe a O Tío Marcos d´a Portela no Liceo de Ourense

A Asociación de Medios en Galego (AMEGA) fixo neste 2023 dez anos de vida e para poñer o ramo a esta primeira década de existencia vai celebrar unha homenaxe a O Tío Marcos d´a Portela, a primeira publicación de carácter xornalístico redactada integramente en lingua galega. Na homenaxe tamén se falará da conexión co idioma galego e co galeguismo de Basilio Álvarez, crego, político e xornalista do que acaba de publicarse unha biografía asinada polo profesor Miguel Cabo. O acto terá lugar hoxe, 18 de decembro de 2023, no Liceo de Ourense, ás 11:00 h.

Na páxina web da AMEGA tes toda a información sobre esta iniciativa.
18/12/2023. AXUDAS E PREMIOS

Outórganse os premios Novos Poliedros á innovación científica en galego entre a mocidade

Igaciencia e a Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia entregaron os premios correspondentes á III edición de Novos Poliedros.

Nesta ocasión, obtiveron o recoñecemento á innovación científica en galego os seguintes sete institutos: o IES Monelos, o IES Menéndez Pidal-Zalaeta e o IES Rafael Puga Ramón, da Coruña; o IES As Lagoas, de Ourense; o IES Santiago Basanta Silva, de Lugo, e o IES de Meaño e mais o IES do Barral, de Pontevedra.

Este concurso homenaxea a Evarist Galois, creador do concepto de grupo e da simetría científica, buscando incentivar entre a rapazada o interese pola ciencia, en particular pola xeometría e pola simetría, amosándolle a súa importancia no estudo do universo, da estrutura química ou dos seres vivos.

18/12/2023. OUTRAS

Uxía, o chatbot que fala en galego

A empresa de Pontevedra TICGAL presenta a Uxía, o seu asistente de voz trilingüe: en galego, inglés e castelán.

Foi construído coa ferramenta GLPI, a máis coñecida de código aberto, como servizo web; se ben continúa o seu desenvolvemento para estenderse á comunicación multicanal. Así mesmo, TICGAL continúa traballando no adestramento de Uxía para ampliar coñecementos e funcionalidades segundo se lles demande.
15/12/2023. INVESTIGACIóN

Xoán Antonio Pillado reúne nun libro os alcumes populares de Cambados

O vindeiro mércores 20 de decembro de 2023, ás 20:00 h, terá lugar no Salón de Congresos e Exposicións José Peña (Cambados) a presentación da obra Onomástica popular cambadesa, autoría do profesor Xoán Antonio Pillado Silvoso. Trátase dun estudo que explica a orixe e o significado de máis de 800 alcumes do concello de Cambados.

No acto intervirán, ademais do propio autor, Liso González (concelleiro de Cultura de Cambados), o editor Antón Mascato e o académico Francisco Fernández Rei, que asina o limiar da obra.

No Diario de Arousa podes ampliar información sobre esta iniciativa.

13/12/2023. INVESTIGACIóN

Presentación pública do Dicionario do galego do Bierzo

Sara Rodríguez Fernández, investigadora da Universidade de Vigo e exalumna do programa de Lingua Galega do Bierzo, é a autora do Dicionario do galego do Bierzo, unha obra lexicográfica editada pola Universidade de Vigo que recolle 15.000 termos do galego falado no Bierzo, co obxectivo de preservar e divulgar este importante patrimonio lingüístico.

O vindeiro sábado, 16 de decembro de 2023, terá lugar a presentación pública desta obra no Museo da Radio de Ponferrada, ás 12:00 h.
12/12/2023. DINAMIZACIóN

A UVigo outorga o distintivo "Gal Ego" 2023 á Facultade de Educación e Traballo Social

A Universidade de Vigo acordou conceder o distintivo de galeguización «Gal Ego» 2023 á Facultade de Educación e Traballo Social do campus de Ourense. Trátase do primeiro curso académico no que se concede este distintivo, deseñado para recoñecer publicamente a facultade ou escola universitaria que máis promova o emprego do galego. O recoñecemento outórgase a través dunha convocatoria pública anual e ten unha vixencia de catro anos. Ademais dunha insignia deseñada para a exposición pública, os centros que obteñan o "Gal Ego" recibirán tamén unha contía de 3.000 euros, que poderán destinar a actividades de promoción lingüística.
Nesta primeira edición tamén se acordou outorgarlle un galardón honorífico á Facultade de Filoloxía e Tradución do campus de Vigo.

No Diario da Universidade de Vigo podes ampliar información sobre esta iniciativa.
12/12/2023. DINAMIZACIóN

A Mesa presenta o Catálogo de Nadal 2023

Como é costume por estas datas, A Mesa pola Normalización Lingüística presenta o Catálogo de Nadal 2023, unha iniciativa desenvolvida no marco do proxecto Abertos ao Galego, que compila diferentes propostas de agasallos no noso idioma. O obxectivo é achegarlles aos potenciais consumidores ideas de agasallos para estas datas festivas e, ao mesmo tempo, fomentar un consumo responsable que aposte pola calidade, o comercio de proximidade e a lingua galega.

Podes ampliar esta información premendo aquí.
12/12/2023. DINAMIZACIóN

Xa podes ver os traballos finalistas e gañadores do #TEDSaúde 2023

O xurado do VIII Concurso de subtitulación de vídeos TED de ciencias da saúde ao galego (#TEDSaúde) fixo pública a acta na que dá a coñecer os finalistas e gañadores da edición de 2023. O certame #TEDSaúde está promovido polas comisións de normalización lingüística das facultades de Ciencias, Enfermaría, Farmacia, Medicina e Odontoloxía, Óptica e Optometría, Psicoloxía e Veterinaria da Universidade de Santiago de Compostela, co apoio do Servizo de Normalización Lingüística, para contribuír á creación de recursos divulgativos en galego en novos soportes na área de ciencias da saúde.

Na páxina web do SNL da USC podes ver todos os traballos finalistas e gañadores nas diferentes edicións.
11/12/2023. OUTRAS

O comunicador dinámico AsTeRICS GRID está dispoñible en galego

O Departamento de Orientación do IES Eusebio Baleirón, co asesoramento do Equipo de Dinamización da Lingua Galega, traduce ao galego a interface do comunicador dinámico AsTeRICS GRID.

Esta aplicación permite a utilización de pictogramas e imaxes para propiciar e mellorar a comunicación de persoas con dificultades. Así mesmo, a nova versión tamén axudará a difundir materiais xa elaborados en galego.
05/12/2023. DINAMIZACIóN

VII Certame de música infantil e xuvenil “Quero cantar”

A Deputación da Coruña convoca a sétima edición do Concurso “Quero Cantar”, coa intención de fomentar o uso da lingua galega, así como a creatividade poética e musical entre a poboación infantil e xuvenil. O certame está dirixido a solistas ou grupos musicais, formados por rapaces e rapazas de ata 16 anos, que interpreten unha composición en galego con letra e música orixinais e inéditas. Establécense dúas categorías (infantil e xuvenil), segundo a idade dos participantes. Os tres primeiros clasificados de cada categoría terán a oportunidade de gravar a súa maqueta nun estudio profesional, e recibirán como agasallo material musical e/ou produtos culturais galegos. A maiores, os primeiros clasificados de cada categoría gravarán un videoclip da canción gañadora e o gañador/a da categoría xuvenil participará tamén nun programa formativo. O prazo para a presentación de solicitudes remata o 15 de marzo de 2024, ás 14:00 h.

Podes consultar as bases completas do certame premendo aquí. No sitio web da iniciativa tamén podes coñecer os temas participantes nas edicións anteriores.
04/12/2023. DINAMIZACIóN

Dezanove centros de ensino galegos súmanse á campaña #Aquítaménsefala

O pasado curso 2022-2023 botaba a andar no IES Rafael Dieste (A Coruña) a campaña de dinamización lingüística Aquí tamén se fala galego, deseñada para promover o uso do galego no comercio local da cidade e, ao mesmo tempo, demostrar que as actitudes lingüísticas do sector socioeconómico son favorables ao noso idioma. O éxito da iniciativa, así coma o seu impacto mediático, foi tal que outros centros de ensino secundario do país quixeron sumarse ao proxecto neste curso 2023-2024. Así pois, o alumnado de todos os centros adscritos á campaña #Aquítaménsefala terá a oportunidade de exercer como técnicos/as de normalización lingüística, intervindo nos usos lingüísticos da súa contorna. Tamén dedicarán especial atención á música e á cultura galega, realizando gravacións e entrevistas que se divulgarán nas redes sociais.

Se queres obter máis información sobre este proxecto, preme aquí.

04/12/2023. AXUDAS E PREMIOS

O Festival Carballo Interplay premia a creación e produción de contidos dixitais en galego

Entre os días 4 e 7 de abril de 2024 terá lugar o XI Carballo Interplay, o festival de contidos dixitais que organiza anualmente o Concello de Carballo. No marco deste festival, convócanse dous premios que teñen como obxectivo principal o fomento da creación e a difusión de contidos audiovisuais orixinais en lingua galega en Internet.

No BOP da Coruña do 30 de novembro de 2023 podes consultar as bases completas:

-Bases dos premios a mellor contido dixital en galego do Festival Carballo Interplay 2024. Prazo de inscrición ata o 22 de febreiro de 2024.
-Bases do premio a produción de contido dixital en galego Festival Carballo Interplay 2024. Prazo de inscrición ata o 8 de marzo de 2024.

Na páxina web do Carballo Interplay tes toda a información sobre este festival.
29/11/2023. DINAMIZACIóN

Bota a andar a nova edición do certame Enreguéifate

Os concellos de Ames, Carballo, Pontevedra, Santiago de Compostela e Teo convocan unha nova edición do certame Enreguéifate, pensado para apoiar a difusión da improvisación oral en verso e contribuír, por medio dela, á promoción do uso da lingua galega. O certame inclúe dúas categorías, unha para público xeral e outra para público escolar (alumnado do ensino non universitario). Os participantes deben mandar as súas regueifas en galego, de temática libre, nun vídeo de 3 minutos de duración máxima. O xurado outorgará diferentes premios: a regueifa máis brava, a máis aguda, a máis diversa, a máis reivindicativa, a mellor cantada e a mellor falada.

O prazo para enviar os vídeos estará aberto entre o 12 de xaneiro e o 1 de marzo de 2024.

No web do certame podes consultar as bases completas.
29/11/2023. INVESTIGACIóN

A USC facilita de balde a súa colección completa de Esenciais

O Servizo de Normalización Lingüística da Universidade de Santiago de Compostela acaba de abrir o acceso gratuíto a 15 novos títulos da súa colección de Esenciais, polo que agora toda a colección está accesible en liña de balde.

A coleción Esenciais, que podes consultar na Libraría Dixital da USC, está composta por 55 recursos de apoio didáctico en galego, dirixidos tanto ao profesorado como ao alumnado, que condensan en poucas páxinas a parte máis significativa dunha materia.
29/11/2023. AXUDAS E PREMIOS

XXIV Premios Manuel Beiras

O Concello de Santiago e a Cámara de Comercio de Santiago de Compostela convocan a vixésimo cuarta edición dos Premios Manuel Beiras, que este ano levan por lema “En galego, naturalmente”. Estes galardóns teñen como finalidade recoñecer o compromiso coa normalización lingüística no sector empresarial compostelán, premiando o uso do galego na comunicación comercial nas seguintes categorías: "empresa cun uso continuado da lingua galega", "empresa de nova incorporación ao uso da lingua galega" e "empresa innovadora no uso do galego". Poden concorrer a este premio as empresas radicadas do concello de Santiago de Compostela, entendendo aquelas que teñen a súa sede social no municipio ou que realizan unha importante actividade nel. As empresas poderán presentar directamente a súa candidatura ou seren propostas por calquera outra persoa ou entidade. O prazo para presentar as candidaturas remata o 11 de decembro de 2023. O acto oficial de entrega de premios terá lugar o 18 de decembro de 2022 no Teatro Principal, ás 20 h.

No sitio web da iniciativa atoparás as bases completas da convocatoria, así como información sobre edicións anteriores.
29/11/2023. DINAMIZACIóN

Nadal en Rede comeza a súa actividade agasallando música para acompañar as festas

A XI edición de Nadal en Rede está preparada para levar teatro, música, monicreques e contadas a 41 concellos e entidades pertencentes á Rede de Dinamización Lingüística. Son propostas orientadas a público familiar e adulto que animan a desfrutar de actividades en lingua galega durante estas festas. O programa vaise desenvolver entre o 1 e o 30 de decembro de 2023.

Nesta ocasión, a Secretaría Xeral de Política Lingüística completa a proposta co lanzamento dun disco de cancións de Nadal do grupo folk Ailá, oito temas tradicionais cos que ambientar estas festas en galego nas casas e no comercio. Goza xa de Ailá de Nadal.
28/11/2023. OUTRAS

Palabra do Ano 2023: o público xa pode facer as súas propostas

A Real Academia Galega e a Fundación Barrié abren a campaña para a elección popular da Palabra do Ano 2023. Accede ao Portal das Palabras e vota nesta ligazón ata o 10 de decembro.

De entre as suxestións recibidas, publicarase a lista de termos máis repetidos ou significativos, entre os que poderás escoller na votación final, entre o 12 e o 25 de decembro. A palabra con maior apoio ocupará o podio que antes correspondeu a "comadre", "tanxugueiras", "nós", "sentidiño", "deseucaliptización", "afouteza" "irmandade", "refuxiado" e "corrupción".
27/11/2023. INVESTIGACIóN

Charla sobre as potencialidades da intelixencia artificial para a lingua galega

Hoxe, 27 de novembro de 2023, ás 19.30 h, terá lugar na sede da Agrupación Cultural Alexandre Bóveda (A Coruña) a charla “Intelixencia artificial e novas tecnoloxías lingüísticas: oportunidades para a lingua galega”, impartida por Rubén Cela, director da Oficina Técnica do Proxecto Nós. A conferencia está aberta a todo tipo de público non especializado que queira facer unha aproximación ás tecnoloxías da linguaxe e ás súas potencialidades para as linguas minorizadas. Só precisas enviar previamente os teus datos de contacto a través do formulario que aparece na páxina web da AC Alexandre Bóveda.
27/11/2023. AXUDAS E PREMIOS

Convocadas as axudas a teses de doutoramento en galego na USC

Co obxectivo de que a lingua galega sexa de uso normal na redacción e defensa das teses de doutoramento, a Universidade de Santiago de Compostela convoca axudas para a súa realización, co apoio do Servizo de Normalización Lingüística.

O importe das axudas será de 3000 € para o curso académico 2023/2024, que se repartirán cun importe máximo de 400 € por solicitude aceptada. O prazo de presentación remata o 30 de setembro de 2024 e require que se efectúe con posterioridade á lectura e defensa da tese. Consulta a convocatoria para acceder á información completa.
22/11/2023. OUTRAS

Xoán González-Millán protagoniza a última biografía publicada no Álbum de Galicia

Dolores Vilavedra e Alejandro Alonso asinan a biografía de Xoán González-Millán (O Grove, 1951 - Nova York, 2002) que hoxe se incorpora ao Álbum de Galicia. Únense aquí o coñecemento do intelectual e o recoñecemento ao estudoso, crítico literario e principal difusor da cultura galega nos ámbitos académicos internacionais.

Xunto co texto biográfico, atoparás outros recursos documentais de valía para coñecer esta figura grovense referente da diáspora contemporánea: galería fotográfica, obra activa e pasiva, vídeos ou recursos en liña.
22/11/2023. DINAMIZACIóN

A Deputación da Coruña divulga nas súas redes as palabras da ciencia

Ao longo deste mes de novembro, coincidindo coa conmemoración do Mes da Ciencia en Galego, a Área de Normalización Lingüística da Deputación da Coruña está a desenvolver a terceira edición da campaña #AsPalabrasDaCiencia, coa que quere poñer de relevo a idoneidade do galego como lingua vehicular da ciencia. A acción principal da iniciativa consisten en difundir nas redes sociais da deputación (Facebook, Twitter e Instagram) contidos que nos axudan a coñecer mellor as persoas e centros de referencia na investigación e divulgación científica, así como a rememorar fitos históricos da nosa ciencia. Entre os internautas que divulguen estes contidos sortearanse diferentes lotes de libros en galego de temática científica.

Se precisas máis información, preme aquí.
21/11/2023. DINAMIZACIóN

Petiscos de divulgación científica no Campus de Lugo da USC

A Asociación de Investigadores AgroMar organiza este ano 2023 a nova edición de “DivulgaT. Petiscos de divulgación científica”, unha iniciativa deseñada para promover a utilización do galego como ferramenta para a comunicación científica e para darlle visibilidade ao traballo desenvolvido polos investigadores/as do Campus de Lugo, a través de charlas divulgativas de 10 minutos de duración.

As sesións terán lugar os días 23 e 30 de novembro de 2023, a partir das 19:30 h, no Vello Cárcere de Lugo. A asistencia é libre e de balde, mais cómpre facer a reserva da butaca a través das seguintes ligazóns:

-Reservas para a sesión do 23 de novembro
-Reservas para a sesión do 30 de novembro

Para ampliar información, preme aquí.
20/11/2023. AXUDAS E PREMIOS

"Habelas hainas" 2023. Xornada divulgativa de investigación matemática

A Comisión de Normalización Lingüística da Facultade de Matemáticas e o Seminario de Iniciación á Investigación da USC cítannos, un ano máis, na xornada "Habelas hainas". No programa, investigadores e investigadoras da facultade achéganse a temas de interese para o alumnado de grao e mestrado, dun xeito ameno e divulgativo.

"Habelas hainas" 2023 terá lugar o vindeiro 23 de novembro, ás 16:00 h, na Aula Magna da Facultade de Matemáticas da USC, e rematará cun magosto ás 20 h. Podes inscribirte a través desta ligazón.
15/11/2023. AXUDAS E PREMIOS

Entregado o I Premio de Podcast Ramón Otero Pedrayo

O I Premio de oratoria en formato podcast Ramón Otero Pedrayo, convocado pola Asociación de Amigos Otero Pedrayo, xa ten gañadores. Trátase de Raquel González Calvo, primeiro premio polo podcast ‘O mundo en feminino de Otero Pedrayo’; Miguel Blanco, segundo por ‘As sete vacas da Tebra’ e Naihara Darriba, terceiro por ‘Aturuxo’.

O obxectivo deste certame, dirixido a alumnado galego de entre 15 e 25 anos, é incentivar o cultivo da expresión oral e da oratoria entre a mocidade ao tempo que se homenaxea a Otero Pedrayo, mestre nesta disciplina.

Fóra de concurso, o xurado fixo unha valoración moi positiva de ‘Aprendendo sobre Otero Pedrayo’, podcast colectivo elaborado polo alumnado do IES Milladoiro.




15/11/2023. AXUDAS E PREMIOS

Convocatoria dos premios a curtas de animación en galego Nós tamén creamos!

A Secretaría Xeral de Política Lingüística e a Dirección Xeral de Ordenación e Innovación Educativa da Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades convocan os premios a curtas de animación en galego elaboradas no marco do programa Nós tamén creamos! para o curso académico 2023/2024.

Esta proposta, está dirixida a alumnado de Educación Infantil e Primaria e organizada en catro categorías con cadanseu premio. Os centros públicos admitidos no programa Nós tamén creamos! quedarán inscritos de oficio no certame. Para os demais centros de titularidade pública, o prazo de presentación das solicitudes remata o día 1 de febreiro de 2024. A data límite de envío das curtametraxes será o 30 de maio de 2024. Consulta toda a información aquí.
14/11/2023. INVESTIGACIóN

A Real Academia Galega estuda a relación entre lingua e xénero

A Real Academia Galega ofrece na súa páxina web o volume Lingua e xénero en Galicia: estado da cuestión, que asina a académica María López Sández e mais os técnicos do Seminario de Sociolingüística da RAG, Xaquín Loredo Gutiérrez e Gabino S. Vázquez Grandío.

A obra trata de explorar a relación entre os usos lingüísticos en Galicia e a variable sociocultural de xénero. Para isto, os seus autores fan unha revisión das investigacións precedentes nesta materia e, a seguir, ofrecen unha análise detallada de datos obtidos nos principais bancos, censos e enquisas sociolingüísticas.

Para ampliar información preme aquí.
14/11/2023. AXUDAS E PREMIOS

O Concello de Ames entrega o VI Premio Lingua e Empresa

O pasado xoves 9 de novembro tivo lugar o acto público de entrega do VI Premio Lingua e Empresa, promovido anualmente polo Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Ames para fomentar o uso do galego na actividade económica local. Nesta edición as empresas galardoadas foron Nós Televisión, do Milladoiro, na categoría de uso consolidado da lingua galega; e o negocio de hostalaría O Transistor, de Bertamiráns, na categoría de empresas que que incorporaron o galego nos dous últimos anos.