Novas da lingua

Rexistros781 a 810 de 5153
31/01/2024. OUTRAS

A RAG presenta a programación de homenaxe a Luísa Villalta no seu Ano das Letras

A Real Academia Galega presenta o programa de actividades que levará adiante para dar a coñecer ou axudar a afondar na personalidade e na obra de Luísa Villalta, homenaxeada co Día das Letras Galegas 2024.

No mes de marzo, vaise estrear unha serie web de seis episodios a través dos que coñeceremos os aspectos fundamentais da vida e obra da autora. Este audiovisual, considerado pola Academia unha das apostas máis fortes da programación, acompañarase de múltiples iniciativas entre as que segue destacando a dedicada aos máis cativos, o proxecto Primavera das Letras.

Podes ampliar esta información e manterte ao tanto das novidades na sección especial sobre Luísa Villalta creada pola RAG.
31/01/2024. DINAMIZACIóN

Nova entrega de 70 minutos con

A Asociación Socio-Pedagóxica Galega, en colaboración coa Deputación da Coruña, publica unha nova entrega do proxecto 70 minutos con, entrevistas con persoeiros da cultura galega que reflexionan sobre o seu ámbito de actividade.

Nesa ocasión, incorpóranse os encontros con Ramón Nicolás, Paula Carballeira, Marilar Aleixandre, Suso de Toro e Elena Vázquez Cendón. Podes velos todos na canle de Youtube da AS-PG.
31/01/2024. DINAMIZACIóN

Novos materiais para traballar a lectoescritura e a adquisición de vocabulario en lingua galega

A Secretaría Xeral de Política Lingüística presenta Divertímonos xogando coas nosas palabras, un material didáctico, de carácter lúdico e manipulativo, orientado ás primeiras etapas educativas.

A combinación de recursos que recolle esta caixa de xogos permite realizar ata nove actividades coas que traballar a conciencia léxica, silábica ou fonémica. Tes toda a información aquí.
29/01/2024. DINAMIZACIóN

A creatividade en galego chega ás aulas hospitalarias a través do “kamishibai”

A Xunta de Galicia presentou O kamishibai do hospital, un proxecto didáctico elaborado polas mestras Pilar Porta e Marta Peña que introducirá a creatividade en galego nas aulas hospitalarias a través da técnica tradicional xaponesa do “kamishibai”, un teatro de papel que permite contar historias de xeito creativo. O kamishibai do hospital está deseñado para as etapas educativas de Infantil, Primaria e Secundaria, e ademais de traballar contidos como as emocións, os valores sociais, a lingua e a creatividade artística, busca tamén normalizar a existencia de enfermidades na infancia e na adolescencia.

Na páxina web da Secretaría Xeral de Política Lingüística podes obter máis información sobre esta iniciativa.
29/01/2024. DINAMIZACIóN

VOGAL: unha nova ferramenta para atopar series e películas en galego

A enxeñeira informática Inés San Luís presenta VOGAL, unha nova ferramenta gratuíta que permite localizar series e películas con versión orixinal galega. Trátase dun catálogo elaborado a partir da base de datos colaborativa "The Movie Database", que proporciona información sobre o contido da serie ou do filme, así como da súa dispoñibilidade nas diferentes plataformas en liña.
29/01/2024.

O noso fútbol profesional comprométese publicamente co galego

Despois de conseguir que máis de 170 centros educativos do país, así como diferentes artistas de referencia para a mocidade (Viggo Mortensen, James Rhodes ou Tanxugueiras) se adherisen á súa iniciativa, os promotores da campaña “Aquí tamén se fala” suman un novo éxito ao lograr que o fútbol profesional tamén se comprometa publicamente co noso idioma. Segundo anuncian na súa páxina web «Dépor, Racing, Lugo e Celta berran con orgullo que en Riazor, na Malata, no Anxo Carro e en Balaídos “Tamén se fala galego”».

Podes obter máis información no sitio web da iniciativa.
26/01/2024. DINAMIZACIóN

O Concello de Ames presenta as actividades do proxecto Apego para o primeiro semestre de 2024

O Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Ames presentou o programa das actividades que van desenvolverse durante este primeiro semestre de 2024 no marco do proxecto Apego, ao que que xa están adheridas máis de 400 familias do concello. En concreto, ofértanse 16 actividades lúdicas (música, contos, monicreques, teatro, obradoiros didácticos...), dirixidas ás familias que estean a esperar un bebé ou que teñan nenos/as de entre 0 e 6 anos, co obxectivo de fomentar o uso do galego na socialización da primeira infancia.

Podes ampliar información premendo aquí.
26/01/2024. DINAMIZACIóN

RAG e PuntoGal convocan a sétima edición do seu certame de microrrelatos

Dominio PuntoGal e a Real Academia Galega organizan o VII Certame de Microrrelatos, co obxectivo de reforzar a presenza do idioma galego e da identidade propias no mundo dixital. Poden participar todas as persoas que o desexen, e para facelo deben presentar un relato en lingua galega, orixinal, inédito, de temática libre e cunha extensión máxima de 200 palabras (título incluído). Establécense tres categorías, segundo a idade dos participantes, e outorgaranse tres premios por cada unha das categorías. O prazo de presentación dos textos estará aberto entre o 1 e o 29 de febreiro de 2024.

Os microrrelatos deben presentarse no sitio web relatos.gal, onde tamén atoparás as bases completas do certame.
24/01/2024. DINAMIZACIóN

Xogos populares en galego para os nenos e nenas de Carballo

O Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Carballo organiza, no marco do Proxecto Apego, unha actividade de xogos populares en galego dirixida a familias con nenos e nenas de 0 a 6 anos. A iniciativa desenvolverase hoxe mércores, 24 de xaneiro de 2024, na planta alta do mercado municipal. A entrada é libre e gratuíta ata completar capacidade. Todas as persoas interesadas poden inscribirse a través do correo electrónico snl@carballo.gal.
23/01/2024. OUTRAS

O mosteiro de San Martiño Pinario acolle unha exposición sobre os 55 anos de liturxia en galego

A editorial Sept, co apoio da Xunta de Galicia e do Arcebispado de Santiago, organiza a exposición “55 anos da liturxia en galego (1969-2024)”, que pode visitarse no mosteiro de San Martiño Pinario ata o 29 de febreiro de 2024. A mostra está composta por seis paneis que dan conta da historia da lingua galega na liturxia, desde 1969 (ano da aprobación do galego como lingua litúrxica nas dioceses de Galicia) ata a actualidade.

Para ampliar información sobre esta iniciativa, preme aquí.

22/01/2024. EMPREGO

Convocatoria para impartir docencia de galego no ensino secundario cubrindo interinidades e substitucións

A Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades convoca un procedemento para a elaboración das listas de interinidades e substitucións para impartir docencia no corpo de profesores de ensino secundario en diferentes especialidades, entre elas a de “Lingua e literatura galega”. O prazo de presentación de solicitudes estará aberto ata o vindeiro 31 de xaneiro de 2024.

Podes ampliar información, así como como consultar o texto completo da convocatoria, premendo aquí.
19/01/2024. DINAMIZACIóN

Viggo Mortensen súmase á campaña “Aquí tamén se fala” en defensa do galego

O coñecido actor Viggo Mortense quixo amosar o seu apoio á campaña de dinamización lingüística “Aquí tamén se fala”, enviando unha mensaxe na que reivindica que as linguas son “o tesouro dos pobos” e amosa o seu apoio, como falante, á lingua galega. A campaña “Aquí tamén se fala” é unha idea orixinal do IES Rafael Dieste (A Coruña), á que actualmente están adheridos máis de 160 centros educativos do país. O seu obxectivo é darlles a oportunidade aos mozos e mozas de que exerzan coma se fosen técnicos/as de normalización lingüística, intervindo nos usos lingüísticos da súa contorna.

Non é a primeira vez que Viggo Mortensen amosa o seu interese polo idioma galego, pois durante a súa recente participación no recital Poetas Di(n)versos, que tivo lugar o pasado mes de novembro de 2023 na Coruña, tamén recitou en galego un poema da súa autoría.
19/01/2024. DINAMIZACIóN

A CRTVG presenta as súas novas plataformas de contidos dixitais en galego

A Corporación de Radio e Televisión de Galicia (CRTVG) presenta Agalega, a súa nova plataforma de contidos dixitais con máis de 1.400 contidos en lingua galega para todos os públicos, en aberto e gratuítos (información, cine, series, animación, podcasts, música...). Esta nova plataforma está accesible a través do web agalega.gal, de Google Play e de App Store.

Xunto con esta plataforma principal, a CRTVG creou tamén outras dúas plataformas específicas: AGalega Audio (tamén en Google Play e APP Store), con todos os contidos da Radio Galega; e Xabarín (tamén en Google Play e App Store), con contidos para o público infantil.

Podes ampliar información premendo aquí.
19/01/2024. AXUDAS E PREMIOS

Axudas ás entidades locais para a compra de novidades editoriais en galego

A Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades publica unha convocatoria de subvencións dirixidas ás entidades locais de Galicia para a compra de novidades editoriais en galego en formato físico e para mellorar as coleccións bibliográficas das bibliotecas e/ou axencias de lectura públicas de titularidade municipal, integradas na Rede de Bibliotecas Públicas de Galicia.

O prazo para a presentación de solicitudes é dun mes, contado a partir do día seguinte ao da publicación da convocatoria.
19/01/2024. OUTRAS

Cinemas_Gal, nova canle en Filmin con cine galego e en galego

A plataforma de cine en liña Filmin incorpora unha nova canle dedicada ao cine galego e en galego. Cinemas_Gal, elaborada coa colaboración da Xunta de Galicia, presenta de xeito agrupado todos os filmes en galego ou con subtítulos en galego, así como os de autoría galega, que forman parte do catálogo da plataforma.

Neste momento ofértanse 74 títulos clasificados nas seguintes categorías: “éxitos recentes do cine galego”, “éxitos internacionais en galego”, “autores galegos”, “curtametraxes galegas”, “documentais”, “o mellor cine europeo en galego”, "cine portugués" e “música”.
18/01/2024. OUTRAS

Actualizada a información sobre o fondo de publicacións periódicas do CDSG

O Centro de Documentación Sociolingüística de Galicia publica en liña o Boletín de Sumarios 2023, un produto documental que inclúe os sumarios dos números das revistas que se incorporaron á hemeroteca do centro ao longo do ano pasado.

Tamén podes consultar a nosa colección completa actualizada a través do Catálogo de publicacións periódicas do CDSG.

Estas revistas pódense consultar en sala ou levar en préstamo naqueles casos en que dispoñamos de máis dun exemplar. No caso das dixitais, desde o boletín e o catálogo pode accederse directamente a elas.
18/01/2024. CURSOS E CONGRESOS

Cursos de linguaxe administrativa e xurídica galega para o persoal da Administración pública

A Escola Galega de Administración Pública convoca, en colaboración coa Secretaría Xeral de Política Lingüística, vinte e sete cursos de linguaxe administrativa galega e tres de linguaxe xurídica galega (niveis medio e superior) para persoal ao servizo das distintas administracións da Comunidade Autónoma de Galicia. Todos os cursos se desenvolverán na modalidade de teleformación. O prazo de presentación de solicitudes estará aberto entre o 19 e o 31 de xaneiro de 2024.

Podes consultar o texto completo da convocatoria premendo aquí.
18/01/2024. CURSOS E CONGRESOS

Nova edición do curso de lingua e cultura galegas do programa Aula GaliciaAberta

A Secretaría Xeral da Emigración da Xunta de Galicia, dentro do seu programa Aula GaliciaAberta, organiza unha nova edición do curso en liña de lingua e cultura galegas, dirixido principalmente á comunidade galega no exterior. O curso, que se emitirá todos os martes a través do Facebook Live de GaliciaAberta, é gratuíto e non precisa inscrición previa.

A edición deste ano 2024 incorpora como novidade a participación unha vez ao mes dun persoeiro/a relevante da cultura galega. Na primeira sesión, que tivo lugar o pasado martes 16 de xaneiro, a convidada foi a poeta Yolanda Castaño.

Para ampliar información, preme aquí.
18/01/2024. INVESTIGACIóN

O ILG presenta un dicionario para divulgar o traballo das mulleres no eido da lexicografía

O Instituto da Lingua Galega facilita a consulta en liña, así coma a descarga en formato dixital, do dicionario Mulleres na lexicografía, un proxecto dirixido pola investigadora María José Domínguez Vázquez co obxectivo de visibilizar e reivindicar a mulleres de todo o mundo relevantes no eido da lexicografía. Neste momento incorpora 40 entradas con información sobre a vida, traxectoria profesional e bagaxe sociocultural destas profesionais.

A obra desenvólvese como proxecto didáctico de aprendizaxe colaborativa no marco do Mestrado Mundus en Lexicografía (EMLex) e está aberta ás propostas do público usuario. En 2023 recibiu o 1º premio dos XIV Premios á Introdución da Perspectiva de Xénero na Docencia e na Investigación, concedidos pola Universidade de Santiago de Compostela.
18/01/2024. DINAMIZACIóN

O programa “21 días co galego e +” incorpora os centros de educación infantil

A Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia presenta unha nova edición do programa 21 días co galego e +, que este ano como novidade tamén incorpora centros de educación infantil. Baixo o lema “Medrar en galego” participarán nesa iniciativa 10 centros de educación infantil e primaria das catro provincias, entre o 17 de xaneiro e o 6 de febreiro de 2024. O obxectivo é falar exclusivamente en galego durante 21 días, desenvolvendo diferentes propostas didácticas deseñadas para reflexionar sobre os usos lingüísticos persoais e a situación xeral do idioma galego.

Podes manterte ao día do desenvolvemento do programa a través do seu blog.
17/01/2024. OUTRAS

Convócanse probas de avaliación en competencias clave

A Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade convoca probas de avaliación en competencias clave para persoas que non teñan título da ESO ou Bacharelato e desexen cursar accións formativas dos certificados de profesionalidade dos niveis 2 e 3 de cualificación profesional.

Como novidade, a convocatoria deste ano ofrece dúas oportunidades para superar as probas. A primeira será, previsiblemente, a mediados de xuño; as persoas ás que lle quede pendente algunha parte poderán tentalo de novo a mediados de outubro. O prazo de presentación de solicitudes
remata o 15 de febreiro de 2024. Máis información na convocatoria no DOG.

As competencias clave que se valorarán son matemáticas, lingua castelá, lingua galega e inglés. No Campus Virtual da Consellería podes atopar materiais de autoformación para preparar as probas.
16/01/2024. AXUDAS E PREMIOS

Axudas para a tradución do libro galego

A Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades da Xunta de Galicia publica a convocatoria de axudas para o libro galego, tanto no que se refire á tradución para outras linguas de obras publicadas orixinariamente en galego como á tradución para o galego de obras publicadas orixinariamente noutras linguas.
O prazo de presentación de solicitudes é dun mes, contado a partir do día seguinte ao da publicación da convocatoria.

16/01/2024. AXUDAS E PREMIOS

Subvencións para a edición de publicacións periódicas en galego

A Secretaría Xeral de Medios da Xunta de Galicia publica a convocatoria de subvencións para o ano 2024 destinadas a empresas que realicen publicacións periódicas escritas integramente en galego.
O prazo para presentar as solicitudes é dun mes, contado a partir do día seguinte ao da publicación da convocatoria.
15/01/2024. AXUDAS E PREMIOS

Axudas para a distribución de audiovisual en galego na provincia da Coruña

A Deputación da Coruña publica as bases reguladoras do programa de subvencións a empresas audiovisuais para o apoio á distribución, comercialización e exhibición audiovisual en lingua galega na provincia da Coruña durante o ano 2024. Esta convocatoria contempla dúas modalidades, unha de apoio aos contidos audiovisuais galegos (longametraxes, curtametraxes, documentais, etc. feitas en Galicia) para a súa distribución e exhibición en lingua galega (VO, VOSG ou dobraxe); e outra para a distribución en lingua galega (VO, VOSG ou dobraxe) de contidos audiovisuais non galegos (feitos fóra de Galicia).

O prazo de presentación de solicitudes estará aberto desde o 22 de xaneiro ata o 22 de febreiro de 2024, ás 14:00 horas, tal e como se indica no extracto da convocatoria.
15/01/2024. AXUDAS E PREMIOS

Axudas para o fomento do galego no ensino

A Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesioonal e Universidades da Xunta de Galicia publica dúas convocatorias de axudas para a presentación de proxectos de fomento do uso do galego no ámbito do ensino non universitario durante o curso 2023/2024, unha dirixida a centros de titularidade pública e outra a centros de titularidade privada.
En ambos os casos, o prazo de presentación de solicitudes é dun mes, que se contará a partir do día seguinte ao da publicación das respectivas convocatorias.
12/01/2024. CURSOS E CONGRESOS

I Congreso Internacional de Paratradución, Interlinguas e Transmedia

A Facultade de Filoloxía e Tradución da Universidade de Vigo organiza a primeira edición do congreso internacional ParatradIT. Con esta iniciativa, búscase desenvolver eventos científicos que tomen como obxecto de estudo as circunstancias sociais, culturais, políticas e, sobre todo, tecnolóxicas vixentes para traducir entre linguas, na era das narrativas transmedia en pantalla e fóra dela.

As sesións terán lugar do 20 ao 22 de marzo de 2024, tanto en modalidade presencial coma en rede. Para saber máis do programa ou de como inscribirte, visita a páxina de ParatradIT.
12/01/2024. AXUDAS E PREMIOS

Nova edición do Premio Literario Descubrindo Oleiros

O Concello de Oleiros convoca a décima edición do Premio Literario Descubrindo Oleiros, un concurso que procura dar a coñecer espazos do municipio e contribuír á normalización do uso oral e escrito do galego, capacidade que lle confire, como entidade local, o Estatuto de autonomía de Galicia.

Poderán concorrer ao premio todos os rapaces e rapazas de 3º a 6º de primaria; mozas e mozos de 16 e 17 anos que cursen ESO e persoas maiores de 18 anos empadroadas ou escolarizadas no Concello de Oleiros.

O prazo para presentarse é de un mes a contar desde o día seguinte á publicación das bases no Boletín Oficial da Provincia.
11/01/2024. CURSOS E CONGRESOS

A Universidade de Vigo organizará o XXI Encontro Nacional de Estudantes de Tradución e Interpretación

Os días 18 e 19 de abril de 2024, o campus de Vigo acollerá por primeira vez unha edición do ENETI, iniciativa xurdida en 2001 para fortalecer o contacto, intercambio de ideas e promoción dos futuros tradutores e intérpretes.

O Comité Organizador, coma o público destinatario, está composto por estudantes: Alba Carballal, Ana Doval, Melanie Varela e María Herrero. Na web oficial do evento iranse coñecendo, progresivamente, as confirmacións do programa, obradoiros e actividades.
10/01/2024. EMPREGO

O día 17 remata o prazo para presentarse ao proceso selectivo dun técnico/a de normalización lingüística do Concello de Carral

O Concello de Carral publicou o 28 de decembro de 2022 as bases xerais e específicas dos procesos selectivos para cubrir varias prazas, no marco do proceso extraordinario de estabilización do emprego temporal, entre as que se inclúe unha de técnico/a de normalización lingüística (persoal laboral, grupo I).

Coa publicación da convocatoria no BOE o pasado 28 de decembro de 2023, abriuse o prazo de presentación de solicitudes de 20 días naturais que rematará o 17 de xaneiro.

10/01/2024. EMPREGO

O Concello de Vigo recolle unha praza de técnico/a de normalización lingüística na súa oferta de emprego público 2023

No Boletín Oficial da Provincia de Pontevedra do 8 de xaneiro de 2024, o Concello de Vigo publica a súa oferta de emprego público 2023; un total de 77 prazas aprobadas, entre as que se inclúe unha de técnico/a de normalización lingüística. Amplía a información no BOP.