Novas da lingua

Rexistros811 a 840 de 5153
10/01/2024. AXUDAS E PREMIOS

O 13 de xaneiro celébranse os III Premios Galegos da Regueifa

Os Premios Galegos da Regueifa Espalla Rimas 2024, convocados por iniciativa do grupo La Voz de Galicia en colaboración con varias entidades, cítannos o vindeiro 13 de xaneiro, ás 18 h, no Pazo da Cultura de Carballo.

Novamente, mestres e mestras da regueifa xuntaranse coas voces máis novas en desafíos, que son tamén unha festa de celebración da vitalidade da improvisación oral en galego.
10/01/2024. DINAMIZACIóN

En liña o Calendario científico escolar 2024 en galego

O CSIC acaba de publicar o Calendario científico escolar 2024, un recurso pensado para achegar a cultura científica á xente nova e crear referentes inspiradores, visibilizando especialmente as figuras de mulleres científicas e tecnólogas. Nesta edición, que fai a quinta, incorpora conmemoracións relacionadas coa agricultura e as ciencias do mar.

Tanto o calendario coma os recursos didácticos que o completan ofrécense en 11 idiomas en formato dixital descargable.

A Unidade de Divulgación Científica e Cultural e o Servizo de Normalización Lingüística da Universidade da Coruña colaboran co CSIC na preparación da edición en galego e na distribución de mil exemplares en papel.

10/01/2024. DINAMIZACIóN

A web de LGx15 integra as intervencións da edición de 2023

Experiencias, argumentos, opinións, propostas...Todo o que ofreceron os protagonistas desta edición do LGx15 está xa ao voso dispor, xunto coas invertencións de anos anteriores, na páxina coa que a CTNL difunde palabras para o futuro do galego.

Se non puideches asistir ou queres volver ver algún destes oito vídeos, preme aquí.
09/01/2024. OUTRAS

A RAG comeza o Ano Luísa Villalta cunha web dedicada á autora

A Real Academia Galega inicia as súas actividades destinadas á difusión da vida e obra de Luísa Villalta, a escritora homenaxeada co Día das Letras Galegas 2024. A web especial, que a institución vén de estrear, irá actualizándose con nova información, recursos e acceso ás diversas iniciativas que se van desenvolver ao longo do ano.
29/12/2023. CURSOS E CONGRESOS

Cursos de galego para non galegofalantes na USC

O Centro de Linguas Modernas da USC presenta a oferta formativa para o segundo semestre do curso 2023/2024 nos campus de Santiago e de Lugo, na que se inclúen cursos de galego para non galegofalantes nas seguintes tres modalidades: “cursos semestrais para non galegofalantes”, “cursos intensivos para non galegofalantes” e “cursos intensivos para PDI e PI da USC (preparatorios das probas de acreditación de nivel B da USC)”. Os cursos están dirixidos principalmente á comunidade universitaria, mais tamén están abertos a todas as persoas interesadas maiores de 16 anos.

Para obter máis información sobre esta oferta formativa, así como sobre os trámites e prazos de matrícula, preme aquí.
27/12/2023. INVESTIGACIóN

Doa a túa voz para que a IA poida falar e entender galego

A Xunta de Galicia e a Universidade de Santiago de Compostela presentan a campaña AgasallaNós, que se está a desenvolver no marco do Proxecto Nós. O obxectivo é que os falantes de galego doen a súa voz, para poder crear recursos orais e conversacionais con todos os acentos e variantes dialectais que existen en galego, facilitando deste xeito a interacción coas tecnoloxías de Intelixencia Artificial: GPS, asistentes de voz, Chat GPT etc.

O proceso de doazón é sinxelo. Consiste en rexistrarse na plataforma Common Voice e doar a túa voz lendo frases xeradas pola plataforma (tamén podes validar as doutras persoas).

Na páxina web da campaña tes toda a información que precisas para colaborar.
27/12/2023. AXUDAS E PREMIOS

I Premio Internacional de Estudos Galegos

A Asociación Internacional de Estudos Galegos (AIEG) convoca, co apoio da Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia e da UMinho Editora, a primeira edición do Premio Internacional de Estudos Galegos, que terá carácter trianual para facelo coincidir co Congreso da AIEG. Poden optar a este premio os/as investigadores/as que desenvolven a súa pescuda no ámbito xeral dos Estudos Galegos en universidades de fóra da Galicia e que presentaron o seu traballo académico nos últimos tres anos anteriores ao 31 de decembro do ano previo á celebración do Congreso da AIEG.

Os traballos deben estar redactados en lingua galega e o/a gañador/a recibirá unha dotación económica de 2.000 euros, así como a posibilidade de publicar a obra en formato de libro electrónico na UMinho Editora.

O prazo de presentación de candidaturas estará aberto entre o 1 de xaneiro e o 1 de marzo de 2024.

Podes consultar as bases completas do premio premendo aquí.

27/12/2023. OUTRAS

Cibercarracho, palabra do ano 2023

O Portal das Palabras, proxecto promovido pola Real Academia Galega e a Fundación Barrié, acaba de facer público que “cibercarracho, -a” é o termo elixido como Palabra do Ano 2023. Trátase dun neoloxismo de rexistro coloquial que emprega o humor “para designar a persoa que comete un acto delituoso por medio das tecnoloxías da información e da comunicación”. Dado que se trata dun neoloxismo de recente creación, o termo non aparece aínda no Dicionario da RAG, que si recolle desde 2018 o sinónimo “ciberdelincuente”.

Podes ampliar esta información premendo aquí.
26/12/2023. AXUDAS E PREMIOS

Héctor Carré gaña o V Premio Daniel Domínguez de guión en galego

A Asociación Sindical de Guionistas Galegos (AGAG) fixo público o traballo gañador da quinta edición do Premio Daniel Domínguez de guión en galego, un certame deseñado para potenciar a lingua galega no audiovisual e promover os autores e autoras que escriben no noso idioma. Nesta edición o guión premiado foi “Sinais”, de Héctor Carré, que recibirá 2.000 euros en metálico e unha subscrición gratuíta e ilimitada ao mercado online da plataforma Filmarket Hub.

Así mesmo, os/as autores/as dos traballos finalistas (Uxía Diéguez Santiago por “Furtivo” e Gumersindo Novoa Rodríguez por “As cores da alma”) tamén serán galardoados/as cunha subscrición a Filmarket Hub.

Na páxina web da AGAG tes toda a información sobre esta iniciativa.
22/12/2023. CURSOS E CONGRESOS

Oferta formativa do Centro de Interpretación da Oralidade de Vigo

O Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Vigo anuncia a oferta formativa do Centro de Interpretación da Oralidade para o ano 2024. En concreto, o programa de formación inclúe un curso de improvisación oral en verso, que será impartido por Kike Estévez, e mais un curso de narración oral e contacontos, que impartirá profesorado experto na materia.

Para obter máis información sobre as datas de realización, os contidos didácticos ou os trámites de inscrición, preme aquí.
20/12/2023. DINAMIZACIóN

Calendario de publicación dos vídeos do LGx15 2023

O pasado 28 de outubro tivo lugar no Teatro Principal de Pontevedra a novena edición do LGx15, un proxecto promovido pola Coordinadora de Traballadores/as de Normalización da Lingua no que, a través de charlas breves e amenas, se transmiten argumentos e experiencias para influír no futuro do galego. Se non puideches asistir, agora podes consultar en liña os vídeos dos/as seis participantes (Paco Veiga, Kiko da Silva, Carlos Airas, Fran da Lobeira, Magdalena Sánchez e Neves Rodríguez), que se irán publicando ata final de ano na canle de Youtube da CTNL. Nesta mesma canle atoparás tamén todas as charlas das edicións anteriores, así como diferentes listas de reprodución temáticas.

Podes consultar o calendario completo das publicacións dos vídeos do LGx15 2023 premendo aquí.
20/12/2023. DINAMIZACIóN

Cantos de Nadal, Aninovo e Reis para animar o comercio local de Narón

O Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Narón e a Asociación de Comerciantes de Narón organizan un obradoiro de cantos de Nadal, Anivovo e Reis, que será impartido por Pablo Díaz e Olga Kirk o vindeiro 26 de decembro de 2023, ás 17:30 h, na Biblioteca Pública Municipal de Narón.
A actividade, que forma parte do campaña Narón gaña co galego, ten como obxectivo promover o uso da lingua galega no comercio local. As persoas participantes no obradoiro terán oportunidade de poñer en práctica os coñecementos aprendidos cantando e pedindo aguinaldo nos comercios da zona do Alto.

Para participar cómpre inscribirse no correo: a.pita@naron.gal

Na páxina web do SNL do Concello de Narón tes toda a información sobre esta iniciativa.
20/12/2023. AXUDAS E PREMIOS

II Premio de oratoria en formato podcast “Ramón Otero Pedrayo”

A Asociación Amigos de Otero Pedrayo, en colaboración coa Secretaría Xeral de Política Lingüística, convoca o II Premio de oratoria en formato podcast “Ramón Otero Pedrayo”, dirixido a alumnado de educación secundaria e universitaria de entre 15 e 23 anos. O obxectivo do certame é incentivar as habilidades comunicativas orais e a expresión correcta mediante o cultivo da oratoria. Os temas das pezas, que deberán estar en lingua galega, serán preferentemente os do “universo oteriano”: o medio ambiente, a paisaxe, a sostibilidade, o territorio, o patrimonio, a historia, a xeografía, a etnografía, a comunicación oral e a tradición oral.

O xurado outorgará diferentes premios (produtos Coren e mais un portátil), valorados todos eles en 3.000 euros.

O prazo para enviar as pezas estará aberto entre o 10 de febreiro e o 25 de xullo de 2024.
20/12/2023. DINAMIZACIóN

Festa do Apego en Compostela para o público infantil

O Departamento de Lingua Galega do Concello de Santiago de Compostela convida a todos os/as nenos/as e as súa familias a rematar o ano gozando en galego na Festa do Apego, un espectáculo deseñado para crear espazos de uso para o noso idioma no ámbito do lecer infantil. O evento, que inclúe música, teatro, contos, xogos, obradoiros e maxia, terá lugar o 23 de decembro de 2023 no Auditorio de Galicia. A entrada é aberta e de balde ata completar a capacidade en cada actividade.

Para consultar o programa completo, preme aquí.
20/12/2023. AXUDAS E PREMIOS

Axudas concedidas pola Deputación de Pontevedra a entidades culturais para a promoción do galego

A Deputación de Pontevedra publica a listaxe de axudas concedidas durante o segundo semestre de 2023 a entidades culturais sen fin de lucro da provincia de Pontevedra, para desenvolver actividades de promoción do idioma galego durante o ano 2023.

Podes consultar a listaxe de entidades beneficiarias premendo aquí.
19/12/2023. AXUDAS E PREMIOS

Premio para os mellores proxectos de innovación educativa en dinamización lingüística

A Secretaría Xeral de Política Lingüística e a Dirección Xeral de Ordenación e Innovación Educativa da Xunta de Galicia convocan o programa de proxectos de innovación educativa en dinamización lingüística, dirixido a centros docentes de titularidade pública da Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades durante o curso 2023/2024. Entre os proxectos presentados seleccionaranse cinco, considerados como excelentes, que recibirán cada unha deles unha dotación económica de 2.000 euros. O prazo de presentación de solicitudes remata o 12 de marzo de 2024.

Podes consultar as bases completas da convocatoria premendo aquí.

18/12/2023. OUTRAS

Homenaxe a O Tío Marcos d´a Portela no Liceo de Ourense

A Asociación de Medios en Galego (AMEGA) fixo neste 2023 dez anos de vida e para poñer o ramo a esta primeira década de existencia vai celebrar unha homenaxe a O Tío Marcos d´a Portela, a primeira publicación de carácter xornalístico redactada integramente en lingua galega. Na homenaxe tamén se falará da conexión co idioma galego e co galeguismo de Basilio Álvarez, crego, político e xornalista do que acaba de publicarse unha biografía asinada polo profesor Miguel Cabo. O acto terá lugar hoxe, 18 de decembro de 2023, no Liceo de Ourense, ás 11:00 h.

Na páxina web da AMEGA tes toda a información sobre esta iniciativa.
18/12/2023. AXUDAS E PREMIOS

Outórganse os premios Novos Poliedros á innovación científica en galego entre a mocidade

Igaciencia e a Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia entregaron os premios correspondentes á III edición de Novos Poliedros.

Nesta ocasión, obtiveron o recoñecemento á innovación científica en galego os seguintes sete institutos: o IES Monelos, o IES Menéndez Pidal-Zalaeta e o IES Rafael Puga Ramón, da Coruña; o IES As Lagoas, de Ourense; o IES Santiago Basanta Silva, de Lugo, e o IES de Meaño e mais o IES do Barral, de Pontevedra.

Este concurso homenaxea a Evarist Galois, creador do concepto de grupo e da simetría científica, buscando incentivar entre a rapazada o interese pola ciencia, en particular pola xeometría e pola simetría, amosándolle a súa importancia no estudo do universo, da estrutura química ou dos seres vivos.

18/12/2023. OUTRAS

Uxía, o chatbot que fala en galego

A empresa de Pontevedra TICGAL presenta a Uxía, o seu asistente de voz trilingüe: en galego, inglés e castelán.

Foi construído coa ferramenta GLPI, a máis coñecida de código aberto, como servizo web; se ben continúa o seu desenvolvemento para estenderse á comunicación multicanal. Así mesmo, TICGAL continúa traballando no adestramento de Uxía para ampliar coñecementos e funcionalidades segundo se lles demande.
15/12/2023. INVESTIGACIóN

Xoán Antonio Pillado reúne nun libro os alcumes populares de Cambados

O vindeiro mércores 20 de decembro de 2023, ás 20:00 h, terá lugar no Salón de Congresos e Exposicións José Peña (Cambados) a presentación da obra Onomástica popular cambadesa, autoría do profesor Xoán Antonio Pillado Silvoso. Trátase dun estudo que explica a orixe e o significado de máis de 800 alcumes do concello de Cambados.

No acto intervirán, ademais do propio autor, Liso González (concelleiro de Cultura de Cambados), o editor Antón Mascato e o académico Francisco Fernández Rei, que asina o limiar da obra.

No Diario de Arousa podes ampliar información sobre esta iniciativa.

13/12/2023. INVESTIGACIóN

Presentación pública do Dicionario do galego do Bierzo

Sara Rodríguez Fernández, investigadora da Universidade de Vigo e exalumna do programa de Lingua Galega do Bierzo, é a autora do Dicionario do galego do Bierzo, unha obra lexicográfica editada pola Universidade de Vigo que recolle 15.000 termos do galego falado no Bierzo, co obxectivo de preservar e divulgar este importante patrimonio lingüístico.

O vindeiro sábado, 16 de decembro de 2023, terá lugar a presentación pública desta obra no Museo da Radio de Ponferrada, ás 12:00 h.
12/12/2023. DINAMIZACIóN

A UVigo outorga o distintivo "Gal Ego" 2023 á Facultade de Educación e Traballo Social

A Universidade de Vigo acordou conceder o distintivo de galeguización «Gal Ego» 2023 á Facultade de Educación e Traballo Social do campus de Ourense. Trátase do primeiro curso académico no que se concede este distintivo, deseñado para recoñecer publicamente a facultade ou escola universitaria que máis promova o emprego do galego. O recoñecemento outórgase a través dunha convocatoria pública anual e ten unha vixencia de catro anos. Ademais dunha insignia deseñada para a exposición pública, os centros que obteñan o "Gal Ego" recibirán tamén unha contía de 3.000 euros, que poderán destinar a actividades de promoción lingüística.
Nesta primeira edición tamén se acordou outorgarlle un galardón honorífico á Facultade de Filoloxía e Tradución do campus de Vigo.

No Diario da Universidade de Vigo podes ampliar información sobre esta iniciativa.
12/12/2023. DINAMIZACIóN

A Mesa presenta o Catálogo de Nadal 2023

Como é costume por estas datas, A Mesa pola Normalización Lingüística presenta o Catálogo de Nadal 2023, unha iniciativa desenvolvida no marco do proxecto Abertos ao Galego, que compila diferentes propostas de agasallos no noso idioma. O obxectivo é achegarlles aos potenciais consumidores ideas de agasallos para estas datas festivas e, ao mesmo tempo, fomentar un consumo responsable que aposte pola calidade, o comercio de proximidade e a lingua galega.

Podes ampliar esta información premendo aquí.
12/12/2023. DINAMIZACIóN

Xa podes ver os traballos finalistas e gañadores do #TEDSaúde 2023

O xurado do VIII Concurso de subtitulación de vídeos TED de ciencias da saúde ao galego (#TEDSaúde) fixo pública a acta na que dá a coñecer os finalistas e gañadores da edición de 2023. O certame #TEDSaúde está promovido polas comisións de normalización lingüística das facultades de Ciencias, Enfermaría, Farmacia, Medicina e Odontoloxía, Óptica e Optometría, Psicoloxía e Veterinaria da Universidade de Santiago de Compostela, co apoio do Servizo de Normalización Lingüística, para contribuír á creación de recursos divulgativos en galego en novos soportes na área de ciencias da saúde.

Na páxina web do SNL da USC podes ver todos os traballos finalistas e gañadores nas diferentes edicións.
11/12/2023. OUTRAS

O comunicador dinámico AsTeRICS GRID está dispoñible en galego

O Departamento de Orientación do IES Eusebio Baleirón, co asesoramento do Equipo de Dinamización da Lingua Galega, traduce ao galego a interface do comunicador dinámico AsTeRICS GRID.

Esta aplicación permite a utilización de pictogramas e imaxes para propiciar e mellorar a comunicación de persoas con dificultades. Así mesmo, a nova versión tamén axudará a difundir materiais xa elaborados en galego.
05/12/2023. DINAMIZACIóN

VII Certame de música infantil e xuvenil “Quero cantar”

A Deputación da Coruña convoca a sétima edición do Concurso “Quero Cantar”, coa intención de fomentar o uso da lingua galega, así como a creatividade poética e musical entre a poboación infantil e xuvenil. O certame está dirixido a solistas ou grupos musicais, formados por rapaces e rapazas de ata 16 anos, que interpreten unha composición en galego con letra e música orixinais e inéditas. Establécense dúas categorías (infantil e xuvenil), segundo a idade dos participantes. Os tres primeiros clasificados de cada categoría terán a oportunidade de gravar a súa maqueta nun estudio profesional, e recibirán como agasallo material musical e/ou produtos culturais galegos. A maiores, os primeiros clasificados de cada categoría gravarán un videoclip da canción gañadora e o gañador/a da categoría xuvenil participará tamén nun programa formativo. O prazo para a presentación de solicitudes remata o 15 de marzo de 2024, ás 14:00 h.

Podes consultar as bases completas do certame premendo aquí. No sitio web da iniciativa tamén podes coñecer os temas participantes nas edicións anteriores.
04/12/2023. DINAMIZACIóN

Dezanove centros de ensino galegos súmanse á campaña #Aquítaménsefala

O pasado curso 2022-2023 botaba a andar no IES Rafael Dieste (A Coruña) a campaña de dinamización lingüística Aquí tamén se fala galego, deseñada para promover o uso do galego no comercio local da cidade e, ao mesmo tempo, demostrar que as actitudes lingüísticas do sector socioeconómico son favorables ao noso idioma. O éxito da iniciativa, así coma o seu impacto mediático, foi tal que outros centros de ensino secundario do país quixeron sumarse ao proxecto neste curso 2023-2024. Así pois, o alumnado de todos os centros adscritos á campaña #Aquítaménsefala terá a oportunidade de exercer como técnicos/as de normalización lingüística, intervindo nos usos lingüísticos da súa contorna. Tamén dedicarán especial atención á música e á cultura galega, realizando gravacións e entrevistas que se divulgarán nas redes sociais.

Se queres obter máis información sobre este proxecto, preme aquí.

04/12/2023. AXUDAS E PREMIOS

O Festival Carballo Interplay premia a creación e produción de contidos dixitais en galego

Entre os días 4 e 7 de abril de 2024 terá lugar o XI Carballo Interplay, o festival de contidos dixitais que organiza anualmente o Concello de Carballo. No marco deste festival, convócanse dous premios que teñen como obxectivo principal o fomento da creación e a difusión de contidos audiovisuais orixinais en lingua galega en Internet.

No BOP da Coruña do 30 de novembro de 2023 podes consultar as bases completas:

-Bases dos premios a mellor contido dixital en galego do Festival Carballo Interplay 2024. Prazo de inscrición ata o 22 de febreiro de 2024.
-Bases do premio a produción de contido dixital en galego Festival Carballo Interplay 2024. Prazo de inscrición ata o 8 de marzo de 2024.

Na páxina web do Carballo Interplay tes toda a información sobre este festival.
29/11/2023. DINAMIZACIóN

Bota a andar a nova edición do certame Enreguéifate

Os concellos de Ames, Carballo, Pontevedra, Santiago de Compostela e Teo convocan unha nova edición do certame Enreguéifate, pensado para apoiar a difusión da improvisación oral en verso e contribuír, por medio dela, á promoción do uso da lingua galega. O certame inclúe dúas categorías, unha para público xeral e outra para público escolar (alumnado do ensino non universitario). Os participantes deben mandar as súas regueifas en galego, de temática libre, nun vídeo de 3 minutos de duración máxima. O xurado outorgará diferentes premios: a regueifa máis brava, a máis aguda, a máis diversa, a máis reivindicativa, a mellor cantada e a mellor falada.

O prazo para enviar os vídeos estará aberto entre o 12 de xaneiro e o 1 de marzo de 2024.

No web do certame podes consultar as bases completas.
29/11/2023. INVESTIGACIóN

A USC facilita de balde a súa colección completa de Esenciais

O Servizo de Normalización Lingüística da Universidade de Santiago de Compostela acaba de abrir o acceso gratuíto a 15 novos títulos da súa colección de Esenciais, polo que agora toda a colección está accesible en liña de balde.

A coleción Esenciais, que podes consultar na Libraría Dixital da USC, está composta por 55 recursos de apoio didáctico en galego, dirixidos tanto ao profesorado como ao alumnado, que condensan en poucas páxinas a parte máis significativa dunha materia.