Novas da lingua

Rexistros871 a 900 de 5153
31/10/2023. EMPREGO

A Valedora do Pobo convoca unha bolsa para realizar tarefas lingüísticas

A Valedora do Pobo convoca unha bolsa destinada á formación en prácticas para colaborar na comunicación escrita, edición e asesoramento, corrección lingüística e tradución das diversas publicacións da institución. As persoas aspirantes deben estar en posesión do grao en Tradución e Interpretación, en que a lingua de orixe principal da súa combinación lingüística (1ª lingua ou lingua A1) sexa a lingua galega; grao en Lingua e Literatura Galegas; grao en Estudos de Galego e Español con itinerario en lingua galega e española; ou equivalentes. A bolsa terá unha duración dun ano e a persoa beneficiaria recibirá unha asignación de 1.300 euros mensuais, suxeitos á retención que legalmente proceda.

O prazo de presentación de solicitudes é de 15 días hábiles, contados a partir do día seguinte ao da publicación da convocatoria no Diario Oficial de Galicia.
31/10/2023. DINAMIZACIóN

Farmatermos: terminoloxía farmacéutica nas redes

A Comisión de Normalización Lingüística da Facultade de Farmacia da Universidade de Santiago de Compostela promove a iniciativa #farmatermos, que ten como obxectivo divulgar a través das redes sociais a terminoloxía farmacéutica de uso máis común. Cada semana divulgarase unha imaxe cun termo farmacéutico, acompañado dunha ligazón ao bUSCatermos, para quen desexe ampliar información.

A colección estréase co termo comprimido.
27/10/2023. DINAMIZACIóN

Alexander Fleming e Domingo García-Sabell serán os homenaxeados no XIV Día da Ciencia en Galego

No XIV Día da Ciencia en Galego, que este ano leva por título “Saúde para todos”, renderáselles homenaxe ao científico británico Alexander Fleming, que pasou á historia por ser o descubridor da penicilina, e mais ao médico e intelectual galego Domingo García-Sabell. No marco desta conmemoración, Igaciencia organizará ao longo de todo o mes de novembro unha serie de videoconferencias didácticas dirixidas a centros de ensino galegos, especialmente aos de secundaria. Serán as seguintes:

- A Física de partículas no século XXI, impartida por Diego Martínez Santos. Data: 3 de novembro, ás 12:00 horas.
- Historia de vocación dun médico reumatólogo, impartida por Fco. Javier de Toro Santos. Data: 17 de novembro, ás 12:00 horas.
- A complexidade escondida no miúdo, impartida por Mónica Cartelle Gestal. Data: 24 de novembro, ás 12:30 horas.

O prazo de inscrición para asistir en liña a estas charlas remata unha semana antes da súa emisión.
27/10/2023. CURSOS E CONGRESOS

Congreso internacional “Patrimonio cultural inmaterial e educación”

Transcorridas xa dúas décadas da aprobación da Convención para a salvagarda do patrimonio cultural inmaterial (PCI) da Unesco, a Asociación Ponte... nas Ondas!, a Universidade de Vigo, a Universidade de Trás-Os-Montes e Alto Douro e mais o Centro de Cultura Popular Xaquín Lorenzo organizan o congreso internacional “Patrimonio cultural inmaterial e educación”, no que se reflexionará sobre o papel do ensino superior na identificación, valoración, interpretación e dinamización do PCI galego-portugués. As sesións terán lugar os días 16, 17 e 18 novembro de 2023 en Ourense e en Vilarelho da Raia (Chaves, Portugal).

Para coñecer o programa completo do congreso e obter máis información sobre os trámites de inscrición, preme aquí.
27/10/2023. INVESTIGACIóN

Proxecto de investigación para aprender a falar galego en Madrid

No marco do proceso de elaboración da súa tese doutoral, a investigadora Vera Santomé está a organizar un proxecto sociolingüístico que ten como obxectivo construír horizontalmente un espazo seguro no que os/as participantes (que deben ter entre 18 e 30 anos) poidan falar galego en Madrid e, ao mesmo tempo, contribuír a que persoas de diferentes lugares tamén aprendan o noso idioma empregando as redes sociais.

No marco deste proxecto desenvolveranse entrevistas individuais e grupos de discusión para decidir como van usarse as redes sociais e para deseñar conxuntamente os obradoiros presenciais que van organizarse no segundo semestre do curso (2024).

Se estás interesado/a en participar, podes ampliar información sobre esta iniciativa premendo aquí.
27/10/2023. AXUDAS E PREMIOS

Resólvense os Premios San Martiño de Normalización Lingüística 2023

O Padroado dos Premios San Martiño de Normalización Lingüística fixo públicos os/as galardoados/as da súa trixésimo segunda edición. Na categoría “Comarca de Tabeirós-Terra de Montes”, o premio foi para a Pastelería Mimela, xestionada por Antonio Sanmartín Chao. Na categoría “Galicia enteira” recibe o premio desta edición o programa da Televisión de Galicia (TVG) Dígocho eu. Por último, o obradoiro de gaitas García de Riobó foi o galardoado na categoría “Toda unha vida”.

O acto de entrega destes premios que promove o Concello da Estrada, terá lugar o 15 de novembro, ás 20:30 h, no Teatro Principal da Estrada.
27/10/2023. AXUDAS E PREMIOS

Resolución provisional das axudas da Deputación da Coruña para o audiovisual en galego

A Deputación da Coruña publica a resolución pola que se aproban de xeito provisional as subvencións para a distribución, comercialización e exhibición audiovisual en lingua galga na provincia da Coruña durante o ano 2023.

A partir do día seguinte ao da publicación desta resolución, abrirase un prazo de 10 días hábiles para que os solicitantes poidan comunicar, se é o caso, a desistencia da solicitude, presentar solicitude de reformulación, alegacións ou emenda de erros. [Ver a resolución definitiva].
26/10/2023. OUTRAS

Datas e lugares das probas para a obtención do Celga

A Secretaría Xeral de Política Lingüística (SXPL) anuncia as datas e lugares de realización das probas para a obtención dos certificados de lingua galega (niveis Celga 2, 3 e 4), que foron convocadas ao abeiro da resolución publicada no DOG do pasado 4 de setembro de 2023.

As probas realizaranse en Santiago de Compostela (IES Antonio Fraguas Fraguas) e Ponferrada (na Escola Oficial de Idiomas da localidade) nas seguintes datas:

-Celga 2: 28 de novembro de 2023
-Celga 3: 25 de novembro de 2023
-Celga 4: 18 de novembro de 2023 para as persoas admitidas cuxo primeiro apelido empece polas letras V, W, X, Y, Z, A, B, C, D, E, F e G; e 19 de novembro de 2023 se o primeiro apelido empeza por H, I, J, K, L, M, N, Ñ, O, P, Q, R, S, T e U.
25/10/2023. DINAMIZACIóN

A Escola da Regueifa de Carballo medra con novas propostas

Un ano despois da súa creación, a Escola da Regueifa de Carballo duplica participantes e acumula premios que recoñecen o seu labor a prol da preservación e difusión da regueifa, así como de asegurar o relevo xeracional.

Froito desde impulso, o Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Carballo, responsable da escola, propón novas actividades como a xornada para aprender sobre regueifa bailada e decoración de regueifas, da man da Escola do Alprende. Se estás interesada ou interesado, a cita é o 27 de outubro, ás 19 h, no mercado municipal. Acceso libre.
24/10/2023. DINAMIZACIóN

A Asociación de Funcionarios para a Normalización Lingüística promove un acto de restauración da memoria lingüística

A Asociación de Funcionarios para a Normalización Lingüística (AFNLG) promove, un ano máis, o Día da Restauración da Memoria Lingüística de Galicia, co obxectivo de fomentar o uso do galego no ámbito dos ritos funerarios e das últimas vontades, e facer pedagoxía sobre a incoherencia de enterrar os falecidos con lápidas escritas nun idioma diferente ao que falaban en vida.
Con este motivo e ante a proximidade da celebración do Día de Defuntos, o vindeiro sábado 28 de outubro terá lugar un acto simbólico na igrexa e cemiterio de Amoedo (Pazos de de Borbén) no que se substituirá a lápida de Marisol Míguez e Raúl Pereira por outra en galego, en coherencia co labor a prol da cultura galega que este matrimonio desenvolveu en vida. No acto participarán os seus familiares, o abade da parroquia, o alcalde do Concello e mais a secretaria da AFNLG. De poñer a música ocuparanse Óscar Franco, que tocará a zanfona, e mais Mateo Vázquez, que compuxo expresamente para a ocasión a peza Repenique da Galeguidade.
24/10/2023. DINAMIZACIóN

Aprender galego "de tranquis" na Universidade de Vigo

A Área de Normalización Lingüística da Universidade de Vigo lanza unha campaña para axudar a sumarse ao galego ás persoas da comunidade educativa, sexa cal sexa o seu dominio e as súas posibilidades de empregalo.

#GalegoDeTranquis, que é o cancelo para as redes sociais, anima a falar e escribir en lingua galega sen afogos, sen presión e como un acto voluntario. Suxire formas de apropiarse do idioma ao ritmo que cada persoa decida, a través de mensaxes que aparecerán en distintos espazos dos campus e do labor de voluntarios e voluntarias.

Se queres coñecer mellor a campaña, aquí tes as claves.
20/10/2023. AXUDAS E PREMIOS

Axuntar premia a Rodrigo Cuevas pola súa defensa do galego

A Xunta Directiva de Axuntar, asociación prá normalización del galego de Asturias, acordou o pasado mes de setembro crear os Premios Folgueira, co ánimo de recoñecer publicamente as persoas, institucións ou iniciativas que traballan a prol da dignificación do galego en Asturias. Nesta primeira edición, o galardoado co Premio Folgueira 2023 foi o artista multidisciplinar Rodrigo Cuevas. Así mesmo, Axuntar acordou premiar na categoría Folgueira Dixital a Juan Carlos Riopedre Villa, responsable do equipo informático que elaborou o sitio web axuntar.eu; e recoñecer como Socio de Honor a Benigno Fernández Braña.

Os galardóns entregaranse o vindeiro 28 de outubro de 2023 na Casa da Cultura de Boal, ás 16:00 h, no transcurso do acto público de presentación do II Informe sobre a lingua del Eo-Navia. Bilingüismo en Asturias.

Podes obter máis información sobre esta iniciativa premendo aquí.
19/10/2023. DINAMIZACIóN

Novos adhesivos de Alingua para Whatsapp e Telegram

A Asociación de Entidades Locais pola Lingua Galega (Alingua) ofrécenos unha nova entrega de adhesivos para empregar nas conversas de Whatsapp ou Telegram. Trátase das coñecidas ilustracións (denominadas en inglés “stickers”) que empregamos habitualmente nas conversas para expresar mensaxes curtas ou sentimentos dun xeito instantáneo.

Podes descargar os novos adhesivos de Alingua nas seguintes ligazóns:

-Adhesivos para Whatsapp.

-Adhesivos para Telegram.
19/10/2023. DINAMIZACIóN

Concurso escolar para elaborar a exposición das Letras Galegas 2024

A Secretaría Xeral de Política Lingüística convoca un concurso para elaborar a exposición sobre Luísa Villata, a autora homenaxeada o Día das Letras Galegas 2024, dirixido aos centros de ensino público non universitario. Os/as participantes deben elaborar unha exposición relacionada coa obra, época e lingua de Luísa Villalta, e/ou a situación sociolingüística da etapa histórica na que viviu. O concurso consta de dúas categorías, unha para os centros de educación infantil e primaria e outra para os restantes (educación secundaria obrigatoria, bacharelato, formación profesional e ensinanzas de réxime especial). Outorgarase un premio en metálico de 2.000 euros para cada categoría.

O prazo de presentación dos traballos remata o 19 de xaneiro de 2024.

Para consultar o texto completo da convocatoria, preme aquí.
18/10/2023. AXUDAS E PREMIOS

Premio da Cultura Galega para Ponte... nas ondas! e para os Cursos de Verán Galego sen Fronteiras

O xurado dos Premios da Cultura Galega fixo públicas as persoas, colectivos ou iniciativas que son recoñecidas este ano 2023 polo seu labor no ámbito da creación, conservación e difusión cultural. Nesta edición a entidade galardoada na categoría de Lingua foi Ponte... nas ondas!, unha iniciativa transfronteiriza que promove o
intercambio lingüístico entre centros educativos da Eurorrexión Galicia – Norte de Portugal. Así mesmo, tamén resultaron galardoados os Cursos de Verán Galego sen Fronteiras, organizados pola Real Academia Galega desde 1988, na categoría de Proxección Exterior.

Nas restantes categorías, os/as premiados/as son Yolanda Castaño (Letras), o Museo do Gravado á Estampa Dixital (Artes Visuais), PistaCatro (Artes Escénicas), a Banda de Música Unión de Guláns (música), a produtora Portocabo (Audiovisual) e Eduardo Pardo de Guevara (Patrimonio Cultural).

Para ampliar esta información, preme aquí.
18/10/2023. CURSOS E CONGRESOS

O CIRP organiza unhas xornadas sobre os 40 anos da Lei de Normalización Lingüística

O Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades organiza as Xornadas Olladas no pasado, 2023, que baixo o título “Ramón Piñeiro e o seu tempo, 1915-1990. 40 anos de Lei de Normalización Lingüística” analizará a xénese, a concepción e a incidencia desta norma nos diferentes ámbitos sociais durante estas últimas catro décadas.

As sesións terán lugar os días 3 e 4 de novembro de 2023 no Salón de actos do Pazo de San Roque, en Santiago de Compostela (Rúa San Roque, 2).
18/10/2023. AXUDAS E PREMIOS

Resólvense as axudas para a tradución do libro galego

A Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades publica, no DOG do 17 de outubro de 2023, a listaxe de entidades beneficiarias das axudas dirixidas á tradución para outras linguas de obras publicadas orixinariamente en galego e á tradución para o galego de obras publicadas orixinariamente noutras linguas.

Podes consultar o texto completo da resolución premendo aquí.
18/10/2023. CURSOS E CONGRESOS

Curso de habilidades comunicativas na USC

O Servizo de Normalización Lingüística da USC abre a matrícula da 1ª convocatoria do seu Curso de Habilidades Comunicativas para o período lectivo 2023-2024, dirixido a alumnado que vai redactar ou defender en galego traballos académicos de curso, traballos de fin de grao, traballos de fin de mestrado ou teses. O curso pode realizarse de xeito completo ou por módulos: A redacción científica, Falar en público e Presentacións dixitais eficientes.

Máis información sobre o contido e a inscrición na súa páxina web.
13/10/2023. CURSOS E CONGRESOS

A Lobeira Today e Café Derby 21 ofrécennos un pequeno avance dos XXV Encontros

O vindeiro martes, 17 de outubro, temos unha cita nos Encontros para a Normalización Lingüística, e xa son XXV. Nesta ocasión, diriximos o foco ao ámbito económico para reflexionar sobre dereitos dos consumidores e consumidoras con respecto ao uso do galego; así como o éxito das marcas que ligan a súa actividade á proximidade, sustentabilidade e calidade, en cuxa esencia está tamén a lingua. Para rematar, o mago Teto ofreceranos unha actuación contaxiada polo espírito destes Encontros.

Como adianto, os divulgadores A Lobeira Today e Café Derby 21 elaboraron tres pequenas entrevistas que serven de avance dalgúns dos temas que se tratarán na sesión presencial. Xa podes velas na canle de Youtube do Consello da Cultura Galega e tamén nas redes sociais dos nosos colaboradores: @aLobeiratoday e @cafederby21.
11/10/2023. AXUDAS E PREMIOS

A Deputación da Coruña publica as bases que rexerán as axudas aos SNL municipais en 2024

A Deputación da Coruña publica as bases reguladoras da convocatoria de subvencións dirixidas aos concellos, agrupacións de concellos, mancomunidades e outras entidades locais da provincia da Coruña para a creación, mantemento e reforzo dos servizos de normalización lingüística durante o ano 2024.

Poderán participar todos os concellos da provincia da Coruña de 5000 ou máis habitantes, ou agrupacións de concellos e mancomunidades que, entre eles, cheguen a esa cifra mínima. Así mesmo, tamén poden solicitar as axudas os concellos da Coruña, Santiago de Compostela e Ferrol, mais unicamente para persoal técnico de reforzo do SNL xa creado.

O prazo de presentación de solicitudes remata o 21 de novembro de 2023 ás 14:00 horas, segundo se recolle no anuncio do extracto da convocatoria que se publica no BOP do 18 de outubro, por conduto da Base de Datos Nacional de Subvencións.
11/10/2023. DINAMIZACIóN

Homenaxe a Ramón Castromil no Día da Galeguidade Empresarial

Co gallo da conmemoración do Día da Galeguidade Empresarial, o Foro Enrique Peinador organizou un acto de homenaxe pública ao músico e empresario Ramón Castromil Ventureira, coincidindo co 30 aniversario da galeguización da empresa de autobuses Castromil, da que foi presidente.

A homenaxe consistiu nun acto académico, que tivo lugar onte, 10 de outubro de 2023, no Salón Nobre de Fonseca, en Santiago de Compostela. No marco deste acto, as tres universidades galegas realizaron un pronunciamento conxunto a prol da incorporación da lingua galega ao mundo empresarial. Tamén participaron representantes das empresas Embutidos Lalinenses, Seguridade A1 e Navantia, como exemplo de entidades que apostan polo galego na súa actividade empresarial. Posteriormente, ás 13:00 horas, tivo lugar a inauguración dun busto de Ramón Castromil na Intermodal de Santiago de Compostela, realizado coa colaboración do Concello de Santiago e a Secretaría Xeral de Política Lingüística.
11/10/2023. DINAMIZACIóN

Outono de música e poesía para o alumnado de secundaria da Coruña

O Servizo de Normalización Lingüística do Concello da Coruña organiza unha nova edición de Falamos secundaria, un programa de dinamización lingüística dirixido aos IES públicos municipais que ten como principais obxectivos a creación de espazos de uso para o galego, así como o fomento de actitudes favorables e do uso social do noso idioma entre a mocidade. Nesta edición do outono de 2023 organizaranse, no auditorio do Centro Ágora, dúas actividades: a charla-concerto "Popsía", de Fran Amil (o 25 de outubro a partir das 12:00 h) e o concerto da Banda AldaoLado (o 15 de novembro, a partir das 12:00 h).

Na páxina web do SNL do Concello da Coruña tes máis información sobre os trámites de inscrición.
10/10/2023. OUTRAS

Incorporamos ao Álbum de Galicia a biografía de Marcial Valladares

Xa podes consultar no Álbum de Galicia a biografía de Marcial Valladares (1821-1903): escritor, columnista e folclorista, nado e finado en Vilancosta (A Estrada), que está considerado como un dos precursores do uso literario do galego. Como escritor pasou á historia grazas a Majina, ou a filla espúrea, publicada por entregas en 1880 na revista La Ilustración Gallega y Asturiana, que o converteu no primeiro novelista moderno no noso idioma. No ámbito da lingüística deixounos como legado o Diccionario gallego-castellano (1884) e os Elementos de gramática gallega (1892).

O filólogo e profesor da Universidade de Vigo Xosé A. Fernández Salgado asina o texto biográfico, que nos ofrece acompañado dunha selección documental onde atoparás unha galería fotográfica, documentos, vídeos, audios e recursos en liña relacionados co “señor de Vilancosta que se honraba de ser galego”.
10/10/2023. DINAMIZACIóN

O LGx15 trae novas ideas para o futuro da lingua

A Coordinadora de Traballadores/as de Normalización da Lingua organiza unha nova edición do LGx15, un proxecto pensado para difundir, a través de charlas breves e amenas, argumentos e experiencias inspiradoras para o futuro do galego. Nesta edición de 2023 os participantes serán Carlos Airas, Paco Veiga, Magdalena Sánchez, Kiko da Silva, Fran da Lobeira e Neves Rodríguez, que tamén se encargará da presentación do acto. De poñer a música ocuparase Xiao Berlai.

O acto terá lugar o sábado 28 de outubro de 2023, ás 19:00 h, no Teatro Principal de Pontevedra.

Podes conseguir xa a túa entrada, a través da venda anticipada, premendo aquí.
10/10/2023. DINAMIZACIóN

Bota a andar Toponimízate 2023

Mañá, 11 de outubro de 2023, bota a andar a sexta edición da campaña Toponimízate. Falámosche dos nomes da túa terra, promovida pola Real Academia Galega e a Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia co obxectivo de preservar e divulgar o patrimonio toponímico galego.

A principal acción da campaña consiste na organización de charlas divulgativas, que nesta edición terán lugar en 12 concellos galegos. Os/as asistentes a estas charlas terán a ocasión de coñecer a historia e a motivación dos topónimos do seu municipio, así como de familiarizarse coa plataforma colaborativa Galicia Nomeada.

Para ampliar información sobre esta iniciativa e coñecer o calendario concreto das charlas, preme aquí.
10/10/2023. DINAMIZACIóN

XXII Concurso de relato oral Tíralle da Lingua

A Asociación Socio-Pedagóxica Galega organiza a vixésimo segunda edición deste certame, dirixido á comunidade educativa, co obxectivo de normalizar o uso oral do galego e contribuír a que este idioma se converta en instrumento normal de comunicación e creación de historias no ámbito educativo. Os participantes poderán contar historias en galego, de base popular, de base literaria ou de creación propia, durante un tempo máximo de cinco minutos. Na fase final o xurado outorgará un primeiro premio de 250 euros e, se o considerase oportuno, un segundo de 150 euros. Os centros de ensino dos participantes premiados tamén recibirán un premio do mesmo importe. O prazo para realizar a inscripción remata o vindeiro 14 de novembro de 2023.

Para acceder ás bases completas do concurso e mais á ficha de inscrición, preme aquí.
10/10/2023. LEXISLACIóN

Publicado o decreto de creación do Observatorio da Lusofonía Valentín Paz Andrade

A Vicepresidencia Primeira e Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes da Xunta de Galicia publica no DOG de hoxe, 10 de outubro de 2023, o Decreto 134/2023, do 28 de setembro, polo que se crea e se regula o Observatorio da Lusofonía Valentín Paz Andrade. Trátase dun órgano colexiado de asesoramento, colaboración institucional e participación social en materia de lusofonía no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia, do que formarán parte as entidades galegas relacionadas con Portugal e co ámbito lusófono.

A entidade deberá quedar formalmente constituída nun prazo máximo de seis meses a partir da entrada en vigor deste decreto.
09/10/2023. OUTRAS

A Mesa presenta o informe anual da Liña do Galego

A Mesa pola Normalización Lingüística presentou o informe do ano 2022 da Liña do Galego, un servizo gratuíto que atende consultas sobre dereitos lingüísticos, tramita queixas sobre a súa vulneración e recolle parabéns para as entidades que os respectan.
Segundo os datos recollidos neste último informe, ao longo do ano tramitáronse 469 queixas, atendéronse 536 consultas e recibíronse 43 parabéns. En termos xerais, os usuarios e usuarias queixáronse pola ausencia de uso, discriminación e deturpación do galego en todos os ámbitos sociais, mais foi a deturpación da toponimia o motivo que máis queixas suscitou (22%). No que respecta á tipoloxía de entidades implicadas, como xa acontecera en anos anteriores, as administracións e institucións públicas volveron ser as que máis queixas recibiron neste 2022 (51%).

Podes ampliar información premendo aquí.
06/10/2023. INVESTIGACIóN

O Consello da Cultura Galega cuantifica o valor económico do galego

Hoxe, 6 de outubro de 2023, tivo lugar na sede do Consello da Cultura Galega a presentación pública do informe O valor económico do galego, no que se cuantifican, en termos de valor económico e emprego, as actividades asociadas á lingua galega.

No que respecta ao impacto directo, o estudo conclúe que “a contribución económica directa das actividades vinculadas ao galego ascende a 1440 millóns de euros de VEB e 27 702 empregos equivalente a tempo completo. Con respecto ao total da economía galega, xeran un 2,5 % do VEB. En termos de emprego, un 2,7 % dos postos de traballo equivalentes a xornada completa en 2019”.

Se sumamos a este cómputo tamén o impacto indirecto (aquel que as actividades vinculadas ao galego xeran noutros sectores da economía) , “o impacto total sobre a economía galega das actividades vinculadas á lingua galega no ano 2019 representa un 3,4 % da produción da economía, o 4,7 % do VEB (2694,6 millóns de euros) e o 4,8 % do emprego equivalente a tempo completo (49 893 postos de traballo)”.

O documento está accesible en formato PDF, tanto para a súa lectura como para a descarga, no sitio web do CCG.
06/10/2023. OUTRAS

Manuel María entra no Álbum de Galicia

O Consello da Cultura Galega incorpora ao Álbum de Galicia a entrada do escritor Manuel María (Outeiro de Rei, 1929 – A Coruña, 2004), cun texto biográfico asinado por Alberte Ansede, presidente da Fundación Manuel María de Estudos Galegos.

A esta colaboración, engádeselle unha selección de documentación, materiais audiovisuais e referencias web de entre a inxente produción que Manuel María, figura fundamental da cultura galega do século XX, orixinou co seu labor literario e activista.