Novas da lingua

Rexistros871 a 900 de 5280
30/08/2023. DINAMIZACIóN

XI Certame de monólogos cómicos en lingua galega

O Servizo de Educación do Concello da Coruña organiza a undécima edición do Certame de Monólogos Cómicos en Lingua Galega, que se desenvolverá durante o primeiro trimestre do ano 2024. O obxectivo desta iniciativa é fomentar o uso do galego e mellorar a competencia oral entre o alumnado de ESO, bacharelato e FP dos centros de ensino do Concello da Coruña. Con antelación á celebración do certame, as persoas inscritas poderán participar nos Obradoiros de introdución á interpretación de monólogos cómicos. Outorgaranse diferentes premios en cada unha das tres categorías establecidas.

Os centros interesados teñen de prazo para realizar a súa inscrición ata o 15 de marzo de 2024.
30/08/2023. DINAMIZACIóN

Aberto o prazo de inscrición no TED Saúde 2023

As comisións de normalización lingüística das facultades de Ciencias, Enfermaría, Farmacia, Medicina e Odontoloxía, Óptica e Optometría, Psicoloxía e Veterinaria da Universidade de Santiago de Compostela, co apoio do Servizo de Normalización Lingüística, convocan o VIII Concurso de subtitulación de vídeos TED de ciencias da saúde ao galego.
O obxectivo do certame é contribuír á creación de recursos divulgativos en galego en novos soportes na área de ciencias da saúde. Existen dúas modalidades de participación, unha dirixida a alumnado, PDI ou PAS da USC durante o curso 2022-2023 (modalidade A) e outra destinada a persoas alleas á USC (modalidade B). Os participantes da modalidade A terán a posibilidade de inscribirse nun obradoiro formativo. Outorgaranse varios premios cunha dotación económica que vai desde os 150 aos 300 euros, ademais dun diploma honorífico.
O prazo para inscribirse no certame remata o 30 de setembro de 2023.

Para consultar as bases completas preme aquí.
29/08/2023. DINAMIZACIóN

Comeza o Festiletras 2023

A Fundación Eduardo Pondal organiza o Festiletras 2023, que un ano máis encherá a aldea do Couto, en Ponteceso, cun amplo programa de actividades culturais (literatura, música, cine, teatro, artesanía...) que se desenvolverán entre os vindeiros días 1 e 3 de setembro.
Nesta edición, o Consello da Cultura Galega colabora co Festiletras levando o espectáculo Circo galaico de Títeres Alakrán.

Podes consultar o programa completo premendo aquí
28/08/2023. EMPREGO

Bolsas de formación no Centro Ramón Piñeiro

A Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades publica o concurso público de once bolsas de formación no Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades. Os/as beneficiarios/as colaborarán nos seguintes proxectos: Tesouro paleogalaico (TPGal); Corpus de referencia do galego actual (Corga);Corpus documentale latinum Gallaeciae (Codolga); Bibliografía informatizada da lingua galega (Bilega); Terminoloxía científico-técnica; Informes de literatura; Recuperación de textos literarios e xornalísticos galegos; Lírica profana galego-portuguesa; BiRMED: Bibliografía de Referencia do Arquivo Galicia Medieval; Dimensións da identidade colectiva de Galicia; e Legados literarios.
O prazo de presentación de solicitudes é dun mes, contado a partir do día seguinte ao da publicación desta convocatoria.
26/07/2023. CURSOS E CONGRESOS

Cursos de galego para non galegofalantes

O Centro de Linguas Modernas da USC presenta a oferta formativa para o primeiro semestre do curso 2023/2024, na que se inclúen cursos de galego para non galegofalantes (niveis básicos A1 e A2) que se poderán realizar tanto no campus de Santiago coma no de Lugo. Para realizar estes cursos non é necesario ser membro da comunidade universitaria, xa que están abertos a calquera persoa interesada maior de 16 anos.

Para consultar as bases da convocatoria, así como a listaxe de cursos ofertados (cos respectivos horarios e prazos de matrícula), preme aquí.
26/07/2023. CURSOS E CONGRESOS

VI Xornada da Comisión Especializada de Nomes Xeográficos

A Real Academia Galega, a Xunta de Galicia, a Comisión Especializada de Nombres Geográficos e o Instituto Geográfico Nacional (IGN) organizan a VI Xornada da Comisión Especializada de Nomes Xeográficos, que nesta edición leva por título Os nomes xeográficos e o mundo dixital. As sesións, abertas ao público xeral interesado no tratamento dos nomes xeográficos, terán lugar o 21 de setembro de 2023 na Cidade da Cultura de Galicia. O prazo de inscrición remata o 11 de setembro.

Para obter máis información, preme aquí.
26/07/2023. EMPREGO

Oferta de traballo no Centro de Estudos Galegos da Universidade de Heidelberg

A Universidade de Heidelberg convoca un posto de docente investigador/a asociado/a, adscrito ao seu Centro de Estudos Galegos. O contrato, de media xornada (19,75 horas semanais), terá dous anos de duración. Os/as candidatos/as deben posuír o mestrado en Filoloxía Galega, calquera outra Filoloxía dunha lingua romance, Estudos Iberoamericanos,Tradución e Interpretación, Lingüística Teórica ou Aplicada, Estudos Culturais ou Literarios e eidos relacionados, sempre que a especialización fose no galego. Así mesmo, deben ter o galego como primeira lingua ou lingua materna, ou competencia lingüística equivalente. O prazo para enviar candidaturas remata o 27 de xullo de 2023.

Podes consular o texto completo da convocatoria premendo aquí.
18/07/2023. OUTRAS

O Álbum de Galicia incorpora a biografía de Afonso o Sabio

Henrique Monteagudo asina a biografía de Afonso o Sabio (Afonso X de Castela e IX de León-Galicia), un monarca culto que soubo reinar para un pobo multilingüe e que nos deixou como legado sobranceiro as Cantigas de Santa Maria: unha xoia literaria, musical e pictórica da cultura europea do século XIII.

Xunto co texto biográfico atoparás outros recursos documentais (galería fotográfica, documentos de interese, vídeos, audios, recursos en liña...) que axudan a debuxar a figura deste monarca que pasou á historia como “o Sabio”, un alcume que, en palabras do propio profesor Monteagudo, “ninguén lle pode, en xustiza, disputar”.
17/07/2023. OUTRAS

A debate no Festigal a situación actual das linguas do Estado español

O vindeiro 25 de xullo, ás 19:25 h, no marco da programación do Festigal, terá lugar a mesa redonda A loita polas linguas no Estado español: unha necesidade dos pobos, na que se analizará a situación actual destes idiomas, así como as iniciativas que se están a desenvolver para avanzar na súa normalización.

No debate participarán Idurre Eskisabel (secretaria xeral de Euskalgintzaren Kontseilua), Francesc Marco Palau (secretario da Plataforma per la Llengua), Anna Oliver (presidenta de Acció Cultural del País Valenciá), Paul Bilbao (Comité redactor do Protocolo de Donostia) e Marcos Maceira (presidente da Mesa pola Normalización Lingüística). A moderadora será Elsa Quintas (directora do Observatorio de Dereitos Lingüísticos).
17/07/2023. DINAMIZACIóN

RedeCinema achega o cine en galego a 18 concellos do rural

A Secretaría Xeral de Política Lingüística e a Axencia Galega das Industrias Culturais presentaron RedeCinema, un ciclo de cine de verán (ao exterior e con gran pantalla), dirixido a todos os públicos, que levará o audiovisual en lingua galega a 18 concellos rurais adscritos á Rede de Dinamización Lingüística. Entre as obras que se proxectarán están Cuñados, Melancolía, A Galiña Turuleca, A illa das mentiras, Engurras, Eroski-paraíso, Jacinto e O que arde.

Podes ampliar información sobre esta iniciativa, así como coñecer o calendario completo de proxeccións premendo aquí.
17/07/2023. DINAMIZACIóN

Gadis convida a mocidade a amosar a súa creatividade en galego

Gadisa, en colaboración coa Consellería de Cultura da Xunta de Galicia, organiza o I Concurso de Nova Creatividade Galega, dirixida a mozos e mozas de entre 18 e 30 anos. Os participantes deben publicar en TikTok un vídeo orixinal de menos de 60 segundos en galego no que amosen a súa creatividade nalgunha destas disciplinas: música; creatividade audiovisual; poesía; deseño e creatividade gráfica. Os/as autores/as do vídeo con mellor contido e do vídeo con mellor calidade técnica recibirán de premio un iPhone e mais uns Airpods. Entre o resto dos participantes sortearanse 10 vales de compra de 50 euros. O prazo para participar remata o 17 de setembro de 2023.

Podes consultar as bases completas do certame premendo aquí.
12/07/2023. CURSOS E CONGRESOS

Seminario en liña sobre o futuro dos centros de estudos galegos no exterior

O Centro de Estudos Galegos do Algarve e o Centro de Investigação em Artes e Comunicação (CIAC) organizan o seminario en liña “Os estudos galegos no exterior. Propostas e debates para un diagnóstico”, no que se analizarán as traxectorias e os desafíos futuros dos centros de estudos galegos (CEG) nas universidades de fóra de Galicia. Estará presentado e moderado por Daniel González Palau (director do IGADI) e nel participarán Carlos Pazos-Justo, María Jesús Botana Vilar, Attilio Castellucci e Takeshi Kakihara.
O seminario terá lugar o vindeiro venres, 14 de xullo de 2023, de 12 a 13:30 h. A asistencia é gratuíta, mais cómpre inscrición previa.
11/07/2023. DINAMIZACIóN

En liña os vídeos gañadores de “Explícoche matemáticas 2.0”, edición de 2023

O xurado do certame “Explícoche matemáticas 2.0” fixo públicos os traballos gañadores da edición de 2023. Trátase dun concurso organizado pola Comisión de Normalización Lingüística da Facultade de Matemáticas da USC e a Fundación Barrié, co obxectivo de promover o uso do galego como medio de transmisión do coñecemento matemático entre o alumnado de 3º e 4º de ESO e 1º e 2º de Bacharelato dos centros de educación secundaria de Galicia.
Nesta edición os vídeos gañadores foron: “Cero e os infinitivos”, do IES Isaac Díaz Pardo, de Sada (1º premio); “Teoría de grafos en 2 minutos”, do IES Eusebio da Guarda (2º premio); “Domingo Fontán”, do Colexio Santa Teresa de Jesús, de Ourense (3º premio); e “Teoría de grafos”, do IES Otero Pedrayo, de Ourense (3º premio). Podes velos todos nesta lista de Youtube.

Na páxina do Servizo de Normalización Lingüística da USC tes máis información sobre esta iniciativa.
11/07/2023. AXUDAS E PREMIOS

Resolución das axudas para o fomento do galego nos centros de ensino privados

A Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades publica a resolución da convocatoria de subvencións, dirixidas a centros de ensino non universitario de titularidade privada, para proxectos de fomento do galego durante o curso escolar 2022/2023.

Podes consultar a listaxe de centros beneficiarios premendo aquí.
11/07/2023. CURSOS E CONGRESOS

Cursos de linguaxe administrativa galega dirixidos ao persoal de seguridade pública de Galicia

A Academia Galega de Seguridade Pública convoca cursos de linguaxe administrativa galega (dous de nivel medio e dous de nivel superior) na modalidade de teleformación, dirixidos ao pesoal dos servizos de seguridade pública de Galicia. O prazo de presentación de solicitudes será desde o día seguinte ao da publicación da convocatoria no Diario Oficial de Galicia e ata o 28 de xullo de 2023.

Podes consultar o texto completo da convocatoria premendo aquí.
10/07/2023. AXUDAS E PREMIOS

Entrega oficial dos premios do VI Concurso de microrrelatos organizado pola RAG e PuntoGal

Hoxe, 10 de xullo de 2023, terá lugar ás 17:30 h, na Fundación Luis Seoane (A Coruña), o acto de entrega de premios do VI Concurso de microrrelatos organizado pola Real Academia Galega e a asociación PuntoGal, en colaboración coa revista Luzes. A entrada é libre ata completar a capacidade do auditorio.

Os/as autores/as dos nove relatos gañadores son Nel Vidal Barral, Nada Misa, Mónica Fraga Rodríguez, Andrea Bravo López, Mencía Jorge Cabaleiro, Beatriz Martínez García, Ainhoa Valverde Silva, Arwen Fernández García e Mai Lemmen.

Na páxina web da RAG xa está accesible a publicación cos relatos gañadores desta edición.
06/07/2023. CURSOS E CONGRESOS

Aberto o prazo de inscrición na VIII Xornada de Onomástica Galega

A Real Academia Galega, coa colaboración da Deputación Provincial de Pontevedra e o Museo de Pontevedra, organiza a oitava edición da Xornada de Onomástica Galega, que nesta ocasión se centrará na relación entre a onomástica e a cultura popular. A xornada terá lugar o 21 de outubro de 2023 no Museo de Pontevedra. O prazo de inscrición remata o 14 de outubro.

Para consultar o programa completo ou obter máis información sobre os trámites de inscrición, preme aquí.
06/07/2023. AXUDAS E PREMIOS

Xa están na rede os traballos gañadores do “Nós tamén creamos! 2023”

A Secretaría Xeral de Política Lingüística e a Dirección Xeral de Ordenación e Innovación Educativa da Xunta de Galicia fixeron pública a resolución da XI edición de Nós tamén creamos!, un certame que ten como obxectivo fomentar a creatividade en galego e o uso das TIC entre o alumnado de educación infantil e primaria. Nesta edición recibiron o 1º premio os seguintes traballos: Tonino. Un pingüín en Ames (EEI do Milladoiro, Ames), O cascabel da gata (CEIP Plurilingüe Feliciano Barrera, Ponteareas) e Sígueme (CEIP Padre Feijoo, Allariz). Así mesmo, foron recoñecidos cun accesit: Non fai falta a voz (CEE A Barcia, Santiago de Compostela), A princesa do Caurel (CEIP A Canicouva, Vigo) e A Princesa do Caurel (CEIP Plurilingüe Virxe do Carme, Sober).

Podes ampliar información sobre esta iniciativa premendo aquí.
05/07/2023. AXUDAS E PREMIOS

Resolución das axudas da Xunta de Galicia aos concellos para a promoción do galego

A Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia publica a resolución das subvencións ás entidades locais para o ano 2023, destinadas á creación, mantemento ou reforzamento dos seus servizos de normalización lingüística; así como ao desenvolvemento de programas de dinamización lingüística. Podes consultar a listaxe de entidades beneficiarias premendo aquí.
30/06/2023. EMPREGO

Bolsas de colaboración no Consello da Cultura Galega

O Consello da Cultura Galega publica a convocatoria de catro bolsas de colaboración en diferentes proxectos de investigación que se están a desenvolver nesta entidade. Unha destas bolsas, de perfil lingüístico, estará adscrita á Unidade de Publicacións do CCG. Para optar a ela cómpre estar en posesión do título de licenciatura ou grao en Filoloxía Galega, Galego-Portuguesa, Lingua e Literatura Galegas, ou titulacións equivalentes. As bolsas finalizarán o 30 de xullo de 2024 e terán unha duración máxima de nove meses. O prazo de presentación de solicitudes é dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación desta convocatoria.
30/06/2023. OUTRAS

Informe sobre o uso do galego na docencia da USC no curso 22-23

O pasado mes de marzo o Servizo de Normalización Lingüística (SNL) da USC adiantaba os gráficos cos datos sobre os usos lingüísticos docentes no curso 2022-2023, con información segundo o tipo de titulación (grao ou mestrado), o departamento no que se imparte a docencia ou a categoría do profesorado. Unha vez rematado o curso, o SNL presenta agora o informe O galego na docencia: curso 22-23, cunha análise máis detallada destes datos.
Malia que a realidade sociolingüística dos diferentes centros e titulacións é moi diversa, en termos xerais, a docencia en galego na USC chega ao 25% (acadando o 33% nos másters). Así pois, o SNL conclúe que, sendo certo que a presenza do galego na USC “está por baixo do que cabería agardar dunha lingua que se define como "propia" desta institución”, se temos en conta os datos de cursos anteriores, “a evolución é positiva”.
30/06/2023. AXUDAS E PREMIOS

Resólvese a convocatoria para a realización de proxectos de innovación educativa en dinamización lingüística

A Secretaría Xeral de Política Lingüística e a Dirección Xeral de Ordenación e Innovación Educativa da Xunta de Galicia resolveron a convocatoria para a realización de proxectos de innovación educativa en dinamización lingüística durante o curso académico 2022/2023, dirixida a centros de ensino de titularidade pública. Os cinco proxectos aos que se lle outorgou a consideración de excelentes, e polo tanto recibirán unha dotación económica de 2.000 euros, son: "A literatura galega a escena", do IES Martaguisela (O Barco de Valdeorras); “3,2,1... Acción!”, do CEIP Plurilingüe de Reboreda (Redondela); “Rachando roles”, do CIFP Rodolfo Ucha Piñeiro (Ferrol), o IES Ricardo Carvalho Calero (Ferrol) e o CEIP A Solaina (Narón); “Luces, cámara... A falar!”, do IES Ramón Cabanillas (Cambados); e “Musigalíza-te”, do CPI Plurilingüe Antonio Orza Couto (Boqueixón). A maiores, recibiu tamén unha Mención de Honra o proxecto "Comer e ler en galego", do CIFP Paseo das Pontes (A Coruña). Todos estes proxectos serán difundidos na páxina web da Secretaría Xeral de Política Lingüística.

Podes consultar o texto completo da resolución premendo aquí.
30/06/2023. DINAMIZACIóN

Vídeos gañadores e finalistas do “Vémolo Nós 2023”

O xurado da 1ª edición do concurso “Vémolo Nós” (un certame de vídeos curtos deseñado para fomentar o galego como lingua de divulgación científica) fixo públicos os traballos gañadores nas diferentes categorías. Os vídeos premiados foron: Con: as dinámicas costeiras e cambio global, de Alejandro Gómez, na categoría “divulgación do coñecemento”; O cronómetro, de Paulo Miguel Mouriño, Celia Eiras e Estrela Ocaña, na categoría “descubrindo a USC”; e A costa galega en galego, de Alejandro Gómez, na categoría “a utilidade do galego”. Podes ver todos os traballos gañadores e finalistas nesta lista de Youtube.
A entrega de premios terá lugar nun acto organizado pola Universidade de Santiago de Compostela en setembro de 2023.

Na páxina do Servizo de Normalización Lingüística da USC tes máis información sobre esta iniciativa.
29/06/2023. OUTRAS

Luísa Villalta será a autora homenaxeada no Día das Letras Galegas 2024

O Plenario da Real Academia Galega acordou, na sesión ordinaria do 29 de xuño de 2023, que as Letras Galegas do vindeiro ano 2024 estarán dedicadas a Luísa Villalta (A Coruña, 1957-2004): intelectual polifacética, música e creadora literaria. Como escritora, foi especialmente recoñecida a súa faceta poética, mais tamén nos deixou un importante legado no campo da narrativa, o ensaio, o articulismo e a tradución.

Na páxina web da RAG podes ampliar información.
28/06/2023. OUTRAS

Nova Escola Galega celebra 40 anos educando desde a diferenza para o común

A asociación pedagóxica Nova Escola Galega organiza un programa de actos de conmemoración do seu 40 aniversario, que terán lugar entre os días 30 de xuño e 2 de xullo de 2023 no Museo do Pobo Galego. No marco do I Congreso NEG terán lugar as exposición dos diferentes grupos de traballo da asociación, a conferencia de Mª Ángeles Llorente, a presentación dun relatorio sobre educación pública, a lectura do manifesto Modelo de Educación Pública que defendemos, o nomeamento de socios e socias de honra, así como outras actividades de carácter festivo, coma a actuación musical de A Banda da Loba ou un xantar de irmandade. O programa pecharase coa celebración dunha asemblea de socios/as.

Podes obter máis información sobre esta iniciativa, así como sobre os trámites para inscribirte nos actos, premendo aquí.
27/06/2023. LEXISLACIóN

O Concello de Narón xa conta con ordenanza de normalización lingüística

O Concello de Narón publica, no BOP da Coruña do 27 de xuño de 2023, a súa Ordenanza de normalización lingüística, documento no que se recollen as obrigas e liñas de actuación que rexerán os usos lingüísticos tanto deste ente municipal e os organismos que del dependen (padroados, organismos autónomos, sociedades, centros de formación, escolas, bibliotecas municipais, escolas infantís municipais etc.), como das empresas adxudicatarias, concesionarias ou contratas cando actúen en función desa adxudicación, concesión ou contrato.

No Kit para a normalización en rede podes consultar a listaxe completa de ordenanzas e regulamentos lingüísticos en vigor na Administración local galega.
27/06/2023. AXUDAS E PREMIOS

A Deputación de Pontevedra publica as axudas concedidas aos concellos para a promoción do galego

A Deputación de Pontevedra publica, no BOP do 27 de xuño de 2023, a resolución das axudas concedidas durante o primeiro semestre deste ano a diferentes concellos da provincia de Pontevedra para o mantemento de servizos de normalización lingüística, así como para o desenvolvemento de actividades de dinamización e promoción do idioma galego.
Podes consultar a listaxe de entidades beneficiarias premendo aquí.

26/06/2023. AXUDAS E PREMIOS

Luís Davila recibe o Premio Trasalba 2023

Por primeira vez, a Fundación Otero Pedrayo outorgou o Premio Trasalba a un ilustrador, pintor e viñetista. Trátase de Luís Davila, o Bichero, que ve recoñecida, deste xeito, a "súa implicación coa defensa da nosa lingua e a nosa cultura a través do humor e dunhas mensaxes moi próximas á sociedade galega", un referente na reivindicación sociolingüística.

A laudatio, nun acto organizado na Casa Grande de Cimadevila, correspondeulle a Carlos Blanco, amigo e compañeiro de Davila na súa faceta de creador de espectáculos teatrais.
23/06/2023. DINAMIZACIóN

Os Bolechas convídante a facer deporte en galego

A Secretaría Xeral de Política Lingüística, no marco do programa FalaRedes 2023, levará este verán a 15 concellos galegos o espectáculo de monicreques Os Bolechas deportistas xogan no tempo, para concienciar os nenos e nenas de 4 a 9 anos sobre a importancia de levar unha vida activa, e animalos/as a usar o galego na súa práctica deportiva.
Na páxina web da iniciativa atoparás o calendario completo do espectáculo, así como unha sección de recursos educativos que podes descargar en formato PDF: unidade didáctica, ficha para colorear, encrucillado, sopa de letras e test de avaliación.
23/06/2023. OUTRAS

Recursos en galego para unha biblioteca inclusiva

Gálix publica, coa colaboración da Xunta de Galicia, a guía Para a inclusión, na que presenta unha selección de materiais e recursos en galego que deben formar parte dunha biblioteca inclusiva. A guía, dirixida ás persoas que exercen o labor de mediación lectora (familias, persoal de bibliotecas e profesorado dos centros educativos), estrutúrase nos seguintes apartados: audiolibros; libros con pictogramas; libros de lectura fácil; libros en braille; libros sen texto; libros de abecedario, dicionarios visuais e coleccións básicas; xogos e xoguetes; libros sobre desigualdade e diversidade.

Para obter máis información ou acceder ao documento en formato PDF, preme aquí.