Novas da lingua

Rexistros91 a 120 de 5153
18/12/2025. DINAMIZACIóN

Dispoñible en liña o catálogo de videoxogos en galego

Se che gustan os videoxogos e tes dificultades para atopar xogos en galego nas diferentes tendas e plataformas dixitais, agora dispós dun catálago de videoxogos en galego accesible en Internet que che permitirá coñecer todos os recursos dispoñibles no noso idioma clasificados segundo o seu xénero.

A iniciativa é autoría de Recuncho Gamer e nace co obxectivo de darlles visibilidade aos videoxogos en galego e promover o seu uso como recurso educativo útil para normalización lingüística.
15/12/2025.

Ponte... nas Ondas!, elixida pola Unesco para presentar o proxecto web de boas practicas na salvagarda do PCI

En decembro de 2022 a UNESCO incluíu oficialmente a iniciativa Ponte... nas ondas! no seu Rexistro de Boas Prácticas na Salvagarda do Patrimonio Cultural Inmaterial (PCI). O pasado venres, 12 de decembro de 2025, no transcurso da 20ª Sesión do Comité Intergobernamental do PCI que tivo lugar en Nova Delhi (India), Ponte... nas ondas! foi tamén a iniciativa elixida a nivel mundial pola UNESCO para presentar o proxecto piloto da nova plataforma web que está a elaborar para difundir e promocionar este rexistro oficial de boas prácticas. O lanzamento da versión difinitiva da plataforma terá lugar no vindeiro ano 2026, no marco da 21ª Sesión do Comité Intergobernamental do PCI.

Podes ampliar información premendo aquí.
15/12/2025. INVESTIGACIóN

O CCG presenta o repositorio dixital “Papés d´emprenta condenada”

Os textos producidos en lingua galega entre os anos 1797 e 1846, que xa foran compilados na colección bibliográfica Papés d´emprenta condenada (editada por Ramón Mariño Paz e Damián Suárez Vázquez e publicada en tres volumes polo Consello da Cultura Galega), poden consultarse agora en formato web a través dun arquivo dixital homónimo.

Con este repositorio dixital o CCG ponlle o ramo a un proxecto de máis de 15 anos de investigación no que se confirma que entre os Séculos Escuros e o Rexurdimento tamén houbo unha rica produción literaria en lingua galega, concretamente unha “efervescencia de papés —follas soltas, diálogos satíricos, proclamas— que serviron de vehículo para o debate ideolóxico entre absolutistas e liberais”. Así mesmo, os documentos son de grande utilidade para o estudo do proceso de estandarización do galego escrito moderno.
15/12/2025. CURSOS E CONGRESOS

A UVigo organiza unha xeira para reflexionar sobre o futuro da filoloxía galega

O vindeiro mércores, 17 de decembro de 2025, terá lugar na Facultade de Filoloxía e Tradución da Universidade de Vigo a xeira As linguas, tamén o galego, na que se debaterá sobre os retos futuros da filoloxía galega. O encontro está organizado pola Área de Normalización Lingüística da UVigo e ten como obxectivos “motivar a reflexión colectiva sobre os retos actuais da lingua e a literatura galegas; difundir investigacións recentes en ámbitos como a neoloxía, análise do discurso ou creación literaria e promocionar espazos de colaboración que impulsen novas liñas de traballo”.

No Diario da Universidade de Vigo tes máis información.
11/12/2025. CURSOS E CONGRESOS

LingüisticaMente V. Diálogos entre a lingüística, a psicoloxía e a psicolingüística

Mañá, 12 de decembro de 2025, terá lugar na Facultade de Psicoloxía da Universidade de Santiago de Compostela a xornada LingüisticaMente V. Diálogos entre a lingüística, a psicoloxía e a psicolingüística, organizada polo Instituto da Lingua Galega, o Instituto de Psicoloxía e o Grupo Procesos Cognitivos e Conduta da USC.

Os relatores serán Lucía Vieitez (IPsiUS), que falará sobre o rol da identidade de xénero na interacción entre a gramática e a emoción; e Francisco Dubert (ILG), que tratará a representación da variación na competencia lingüística.

A asistencia é libre ata completar a capacidade da sala.

Podes ampliar información premendo aquí.

11/12/2025. DINAMIZACIóN

Xa podes descargar o Calendario Apego 2026

As familias con nenos/as de 0 a 6 anos, as ludotecas e o persoal das escolas infantís teñen ao seu dispor un novo recurso didáctico deseñado para promover a aprendizaxe e uso do galego a través do xogo. O Calendario Apego 2006, que se pode descargar de balde na páxina do proxecto Apego, contén cancións infantís, refráns, recitados e adiviñas para que os/as máis pequenos/as da casa poidan seguir medrando con apego á lingua ao longo do vindeiro ano.
11/12/2025. OUTRAS

M8 por ler, a rede do libro en galego

A Fundación Cultural Galega Xistral presenta o proxecto web M8 por ler, “un lugar de encontro, intercambio e conversa arredor do libro galego”. Trátase dunha iniciativa de carácter interactivo onde atoparás as principais novidades sobre a produción literaria galega e, ao mesmo tempo, os lectores e lectoras que se rexistren poderán recomendar, valorar e redactar as súas propias recensións sobre os libros que desexen.
11/12/2025. DINAMIZACIóN

Chega unha nova edición de Nadal en Rede

A Secretaría Xeral da Lingua da Xunta de Galicia presenta a nova edición do programa de dinamización lingüística Nadal en Rede, que ao longo deste mes de decembro percorrerá diferentes concellos adscritos á Rede de Dinamización Lingüística con actividades de música, máxia, teatro, narración oral, espectáculos circenses e un obradoiro de xogos de mesa para que os nenos e nenas poidan gozar destas festas en galego.

A maiores, no Portal da Lingua Galega tamén se ofrece un repositorio de recursos con panxoliñas e nadais, modelos de cartas para escribirlles aos Reis Magos ou discursos para que estes poidan dirixirse aos nenos e nenas na nosa lingua.

Podes consultar o repositorio e mais o calendario de actividades premendo aquí.
09/12/2025. CURSOS E CONGRESOS

Curso de introdución á lingua e á cultura galegas

A Secretaría Xeral da Lingua da Xunta de Galicia oferta, a través da súa Plataforma de Teleformación, o Curso de introdución á lingua e á cultura galegas, dirixido a todas as persoas interesadas en achegarse ao idioma galego, especialmente a aquelas que non teñen coñecementos previos, ou teñen uns coñecementos moi básicos.

O curso consta de cinco unidades temáticas, que inclúen exercicios de autocorrección e actividades de resposta aberta. Para apoiar a aprendizaxe, tamén se elaborou un manual, accesible en liña de xeito gratuíto.

No Portal da Lingua Galega tes máis información sobre esta iniciativa.
09/12/2025. AXUDAS E PREMIOS

Premio “Quero Cantar” de música infantil e xuvenil 2026

A Deputación da Coruña convoca a novena edición do Premio “Quero Cantar”, coa intención de fomentar o uso da lingua galega, así como a creatividade poética e musical entre a poboación infantil e xuvenil. O certame está dirixido a solistas ou grupos musicais, formados por rapaces e rapazas de ata 16 anos, que interpreten unha composición en galego con letra e música orixinais e inéditas. Establécense dúas categorías (infantil e xuvenil), segundo a idade dos participantes. Os tres primeiros clasificados de cada categoría terán a oportunidade de gravar a súa maqueta nun estudio profesional, e recibirán como agasallo material musical e/ou produtos culturais en galego. A maiores, os primeiros clasificados de cada categoría gravarán un videoclip da canción gañadora e o gañador/a da categoría xuvenil participará tamén nun programa formativo.

O prazo para a presentación de solicitudes estará aberto entre o 1 de xaneiro e o 25 de marzo de 2026. Podes consultar as bases completas do certame premendo aquí.
04/12/2025. DINAMIZACIóN

Lugo gozará dun Nadal en galego, barrio a barrio

A Asociación de Empresarias de Lugo (AELU), coa colaboración da Xunta de Galicia, está a organizar a campaña O Nadal en galego, barrio a barrio, deseñada para crear espazos de lecer en galego no tempo de Nadal. No marco deste programa desenvolveranse diferentes actividades lúdicas (obradoiros de redacción de cartas de Nadal en galego, talleres de animación á lectura e cantos de panxoliñas tradicionais) en dez barrios do concello de Lugo.

Para ampliar información, preme aquí.
04/12/2025. DINAMIZACIóN

Nova edición da campaña “Un outono cheo de letras”

A Área de Normalización Lingüística da Deputación da Coruña promove unha nova edición da campaña “Un outono cheo de letras”, unha iniciativa promovida para fomentar o libro e a lectura en galego. Ata mediados de decembro difundirase nas redes sociais da Deputación contido relacionado con esta campaña co cancelo #UnOutonoCheodeLetras e todas as persoas que interaccionen entrarán no sorteo de dez bonos-libro de 100 euros cada un. Estes bonos poderanse empregar en calquera libraría da provincia da Coruña.

Podes obter máis información sobre esta iniciativa premendo aquí.

02/12/2025. AXUDAS E PREMIOS

Resólvense os XXVI Premios Manuel Beiras

O Concello de Santiago e a Cámara de Comercio celebraron onte, 1 de decembro de 2025, no Teatro Principal a gala de entrega dos XXVI Premios Manuel Beiras, deseñados para recoñecer publicamente o compromiso co galego do sector empresarial compostelán. As empresas galardoadas desta edición foron A Grileira (tenda especializada en instrumentos musicais tradicionais), Aqueladas (produtora audiovisual), na categoría de nova incorporación ao galego; e Nós Televisión, na categoría de empresa cunha comunicación innovadora.

Podes ampliar esta nova premendo aquí.
01/12/2025. INVESTIGACIóN

A UVigo presenta a Escolma de termos científicos II

A Unidade de Cultura Científica e da Innovación (UCC+i) da Universidade de Vigo presenta a Escolma de termos científicos II, un glosario de vocabulario científico-técnico que contén unha selección de 31 termos das áreas da informática, a xestión pública e a bioloxía mariña.

A obra é autoría de docentes e investigadores da UVigo e completa unha entrega anterior presentada a comezos de ano, ambas as dúas elaboradas no marco do Plan de Ciencia de Ida e Volta 2025-2026.
01/12/2025. AXUDAS E PREMIOS

Bases das axudas para a distribución de audiovisual en galego na provincia da Coruña

A Deputación da Coruña publica as bases reguladoras do programa de subvencións a empresas audiovisuais para o apoio á distribución, comercialización e exhibición audiovisual en lingua galega na provincia da Coruña durante o ano 2026. Contémplanse dúas modalidades, unha de apoio aos contidos audiovisuais galegos (longametraxes, curtametraxes, documentais, etc. feitas en Galicia) para a súa distribución e exhibición en lingua galega (VO, VOSG ou dobraxe); e outra para a distribución en lingua galega (VO, VOSG ou dobraxe) de contidos audiovisuais non galegos (feitos fóra de Galicia).

O prazo de solicitude comezará ás 08:00 horas do 16 de xaneiro de 2026, e rematará ás 14:00 horas do 16 de febreiro de 2026, tal e como aparece recollido no extracto da convocatoria publicado a través da Base de Datos Nacional de Subvencións.

27/11/2025. CURSOS E CONGRESOS

Aberto o prazo de envío de propostas para o CIDS2026

Todas as persoas interesadas en participar no VIII Congreso Internacional de Dialectoloxía e Socioligüística (CIDS 2026) teñen de prazo para enviar as súas propostas ata o 15 de decembro de 2025.

O congreso, que organiza o Instituto da Lingua Galega da Universidade de Santiago de Compostela (USC) en colaboración co Projeto Atlas Linguístico do Brasil, desenvolverase entre os días 13 e 16 de xullo de 2026 na Facultade de Filoloxía da USC, baixo o título “Cartografías da lingua: variación, contacto e planificación”.
25/11/2025. DINAMIZACIóN

Na Baña, a creatividade en galego terá premio este Nadal

O Concello da Baña organiza o IV Concurso de postais de Nadal en galego, co obxectivo de promover a creatividade e o uso do galego no tempo de Nadal entre a comunidade escolar. O certame está dirixido especificamente a todas as persoas de ata 16 anos matriculadas no CPI San Vicenzo, ou empadroadas na Baña.

Outorgaranse diferentes premios segundo a categoría e as persoas gañadoras recibirán unha caixa con agasallos relacionados co material escolar. O prazo para presentar os traballos remata o 10 de decembro de 2025.

Para consultar as bases completas do certame, preme aquí.
24/11/2025. OUTRAS

Medra o uso do galego na USC por segundo ano consecutivo

O Servizo de Normalización Lingüística da Universidade de Santiago presenta o informe sobre o uso do galego, do castelán e doutras linguas na actividade docente no curso 2025-26, elaborado a partir da información que declara o profesorado na súa programación docente.

En termos xerais, detéctase un incremento por segundo ano consecutivo no uso do galego na actividade docente da USC, que na actualidade se achega ao 30%. Concretamente, impártese en castelán o 66,6% das horas docentes, en galego o 29,2%, en inglés o 2,2% e noutros idiomas estranxeiros o 2%. Con todo, malia que 10 dos 29 centros da USC imparten máis da metade da súa docencia en galego, a realidade é moi diversa se analizamos os datos atendendo a variables como o tipo de estudos, as áreas de coñecemento ou o campus no que se imparte a docencia.

Podes consultar o estudo completo premendo aquí.
24/11/2025. DINAMIZACIóN

Accesible en liña o documental “Promover o galego dende o local. Ames”

O Concello de Ames e Nós Televisión presentan o documental “Promover o galego dende o local. Ames”, unha peza audiovisual de 37 minutos de duración que ten como obxectivo darlle visibilidade ao traballo que se realiza desde as administracións locais para normalizar o uso da lingua galega.

O documental céntrase concretamente en catro proxectos desenvolvidos polas concellarías de Normalización Lingüística, Mocidade, Educación e Promoción Económica do Concello de Ames, baixo a dirección e coordinación do Servizo de Normalización Lingüística municipal. Os proxectos analizados son: Galetiktokers; os Premios Lingua e Empresa; o Certame Literario de Ames; e o programa Modo galego, actívao! (este último organizado en colaboración coa Real Academia Galega).

O documental está accesible na canle de Youtube de Nós Televisión, na canle número 9 de R en toda Galicia e na plataforma Movistar Plus+ en todo o Estado español.

Se precisas máis información, preme aquí.
24/11/2025. OUTRAS

Gemini, a IA de Google, incorpora o galego

Gemini 3 Pro, o novo modelo de intelixencia artificial presentado a semana pasada pola empresa multinacional Google, integra por primeira vez o galego, o catalán e o éuscaro, o que supón un importante avance na normalización destes idiomas minorizados no ámbito tecnolóxico. Gemini 3 xa está dispoñible a través Google AI Pro e Ultra no Modo IA da Busca, así como na aplicación de Gemini.

No xornal dixital Código Cero tes información detallada sobre este tema.
21/11/2025. CURSOS E CONGRESOS

Curso “Biografías lingüísticas e transmisión do galego: unha mirada crítica”

O Instituto da Lingua Galega e o Grupo de investigación MetalingüísTICa da USC organizan o curso Biografías lingüísticas e transmisión do galego: unha mirada crítica, dirixido a profesorado de ensino primario e secundario (especialidades de Lingua galega e literatura e de Lingua castelá e literatura). Nas sesións, que terán lugar o 29 de novembro de 2025 na Facultade de Filoloxía da USC, reflexionarase sobre a conciencia lingüística crítica como metodoloxía para reflexionar sobre a transmisión interxeracional da lingua galega e a súa incorporación ás biografías lingüísticas do alumnado.

O profesorado dos centros públicos e concertados pode inscribirse ata o 21 de novembro, a través da ligazón www.edu.xunta.gal/fprofe (código do curso G2502039). O resto de asistentes teñen de praza ata o 27 de novembro de 2025 para formalizar a inscrición.

Podes ampliar información premendo aquí.
21/11/2025. INVESTIGACIóN

Preséntase no CCG o Cancioneiro sociolingüístico das Terras do Bolo

O vindeiro luns, 24 de novembro de 2025, ás 12:00 horas terá lugar na sede do Consello da Cultura Galega a presentación pública do libro Cancioneiro sociolingüístico das Terras do Bolo, autoría de Xosé Lois Foxo.

A publicación contén a transcrición melódica e fonética de 416 composicións propias da literatura popular de transmisión oral (cantares, romances, cantos de arada e recitados, rondas e parrafeos, reis e aninovo, aguinaldos etc.) recollidas entre 1962 e 2025 nas Terras do Bolo, xunto con 424 fotografías. O material preséntase acompañado por un estudo musicolóxico e outro sociolingüístico.

No acto intervirán Rosario Álvarez, presidenta do Consello da Cultura Galega; Valentín García, secretario xeral de Lingua da Xunta de Galicia; Rosendo Luís Fernández, deputado provincial da Deputación de Ourense; Xosé Lois Foxo, autor do libro, e informantes do Cancioneiro.
20/11/2025. AXUDAS E PREMIOS

Resolución das axudas para dinamización lingüística concedidas pola Deputación de Pontevedra

A Deputación de Pontevedra publica a resolución das axudas concedidas a entidades culturais para o desenvolvemento de iniciativas de dinamización da lingua galega durante o ano 2025.

Podes consultar a listaxe de entidades beneficiarias premendo aquí.
17/11/2025. CURSOS E CONGRESOS

A Universidade de Vigo organiza o simposio “A educación tamén en galego”

A Área de Normalización Lingüística e a Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte da Universidade de Vigo organizan o simposio A educación tamén en galego, no que se porá en valor o idioma galego como ferramenta para o estudo nos graos en Educación Infantil e Educación Primaria, así como para a formación de profesionais do ámbito do ensino.

A xornada, dirixida tanto a estudantado e profesorado do centro como a todas as persoas interesadas en xeral, terá lugar o 19 de novembro de 2025 na Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte da UVigo.

A inscrición pode tramitarse a través da propia páxina web do simposio ou enviando un correo electrónico ao enderezo: simposio.galego.educacion@gmail.com.
14/11/2025. DINAMIZACIóN

Máis rechouchíos en galego para despedir o ano en Moaña

O Concello de Moaña presenta a nova oferta de dinamización lingüística para o público infantil e familiar, organizada ao abeiro do programa Rechouchíos. As actividades (teatro, narración oral, circo, malabares, música en directo...) desenvolveranse durante os meses de novembro e decembro de 2025, e concretamente os contacontos do 14 de novembro e do 26 de decembro terán intérpretes en lingua de signos de XOGA (Organización de Diversidade Sensorial de Galicia).

Rechouchíos é o un programa organizado polo Servizo de Normalización Lingüística, o Servizo de Benestar Social, Muller e Igualdade e a Biblioteca Pública Municipal do Concello de Moaña, co obxectivo de fomentar a lectura en galego e crear espazos de uso para o noso idioma no tempo de lecer dos máis pequenos.

Para ampliar información, preme aquí.
13/11/2025. AXUDAS E PREMIOS

Entréganse os XXXV Premios San Martiño de Normalización Lingüística

O pasado martes, 11 de novembro de 2025, tivo lugar no Teatro Principal da Estrada o acto de entrega dos XXXV Premios San Martiño de Normalización Lingüística, uns galardóns cos que o Concello da Estrada quere recoñecer publicamente o labor de persoas e entidades comprometidas coa normalización do idioma galego.

Nesta edición os galardoados foron “O Recuncho da Lingua” (asociación e programa radiofónico impulsado por Pilar Bernárdez), na categoría "Comarca Tabeirós-Terra de Montes"; o músico Abraham Cupeiro, na categoría “Galicia enteira”; e o médico Ramiro Varela Cives, na categoría “Unha vida enteira”.
12/11/2025. DINAMIZACIóN

Nova edición do Club de Debate Alingua

A Asociación de Entidades Locais pola Lingua Galega-Alingua presenta a nova edición do Club de Debate Alingua, unha iniciativa colaborativa promovida polos servizos de normalización lingüística de varios concellos galegos que ten como como obxectivo a dinamización lingüística e cultural no ámbito educativo, fomentando a fluidez comunicativa en galego, o pensamento crítico e o respecto pola diversidade de opinións. Poden participar equipos mixtos de entre 4 e 10 estudantes de 3º e 4º de ESO, 1º de Bacharelato e ciclos formativos. Haberá diferentes premios económicos nas fases previas e o equipo que gañe a fase final poderá gozar dunha viaxe multiaventura.

Os equipos interesados en participar poden inscribirse a través do SNL do seu concello. Nesta edición participan os concellos de Ames, Betanzos, Carballo, Dodro, Ferrol, Narón, Pontedeume, Pontevedra, Ribeira, Rois, Santa Comba, Santiago, Teo, Val do Dubra e Vilagarcía de Arousa.

O prazo de inscrición estará aberto ata o 27 de novembro de 2025.
12/11/2025. AXUDAS E PREMIOS

Convócanse os Premios Manuel Beiras 2025

O Departamento de Lingua do Concello de Santiago e a Cámara de Comercio de Santiago de Compostela convocan a vixésimo sexta edición dos Premios Manuel Beiras, que este ano levan por lema “O galego é o punto”. Estes galardóns teñen como finalidade recoñecer o compromiso coa normalización lingüística no sector empresarial compostelán, premiando o uso do galego na comunicación comercial nas seguintes categorías: "empresa cun uso continuado da lingua galega", "empresa de nova incorporación ao uso da lingua galega" e "empresa innovadora no uso do galego".

Poden concorrer a este premio as empresas radicadas no concello de Santiago de Compostela, entendendo aquelas que teñen a súa sede social no municipio ou que realizan unha importante actividade nel. As empresas poderán presentar directamente a súa candidatura ou seren propostas por calquera outra persoa ou entidade. O prazo para presentar as candidaturas remata o 21 de novembro de 2025.

No sitio web da iniciativa atoparás as bases completas da convocatoria, así como información sobre edicións anteriores.
12/11/2025. DINAMIZACIóN

Comeza a campaña para elixir a Palabra do Ano 2025

A Real Academia Galega e a Fundación Barrié, a través do seu proxecto Portal das Palabras, convida a cidadanía a participar na escolla da Palabra do Ano 2025, partindo da premisa de que o idioma forma parte da nosa identidade como pobo e a través das súas palabras podemos definir colectiva e simbolicamente as nosas experiencias.

Todas as persoas interesadas poden enviar as súas propostas ata o 1 de decembro de 2025, ás 23:59 h. Tras seleccionar os termos máis populares e de maior carga semántica, abrirase un novo período de votación entre o 3 e o 21 de decembro para elixir definitivamente a palabra que mellor describe este ano que está a piques de rematar.
11/11/2025. CURSOS E CONGRESOS

Curso de lingua galega na Pontenova

O Concello da Pontenova organiza un curso de lingua galega dirixido a todas as persoas interesadas en mellorar a súa competencia lingüística, con independencia do seu nivel previo de coñecemento. O curso, de 40 horas de duración, será impartido por Xosé Lastra Muruais e as sesións desenvolveranse a partir do 12 de novembro de 2025 (todos os mércores, de 19:00 a 20:00 horas).

A inscrición é gratuíta e pode tramitarse chamando ao teléfono 982 34 22 77.

Podes ampliar información premendo aquí.