Novas da lingua

Rexistros931 a 960 de 5153
15/09/2023. CURSOS E CONGRESOS

A Universidade de Vigo organiza unha xornada sobre os videoxogos en galego

Hoxe, 15 de setembro, terá lugar na Universidade de Vigo a xornada “Voute preservar, miñoca!”, que ten como obxectivo poñer de relevo a importancia do uso do galego nos videoxogos, un ámbito de especial importancia para intervir nos usos lingüísticos da xente moza. As sesións desenvolveranse ao longo de toda a xornada no edificio Redeiras, na praza do Berbés, e están abertas a todas as persoas interesadas.

Podes consultar o programa completo premendo aquí. No Diario da Universidade de Vigo tamén podes obter máis información sobre esta iniciativa.
13/09/2023. DINAMIZACIóN

O Concello de Mos organiza un ciclo de cine en galego

O Concello de Mos, coa colaboración da Deputación de Pontevedra, organiza un ciclo de cine en galego no que se proxectarán tres exitosos e galardoados filmes, a través do proxecto “cinenarua.com”. O vindeiro 23 de setembro proxectarase “As bestas”; o 21 de outubroO corpo aberto” e o ciclo pecharase o 18 de novembro con “Matria”. Todas as proxeccións terán lugar no Centro Dotacional do Troncoso, ás 21:30 h.

Podes ampliar información premendo aquí.
13/09/2023. DINAMIZACIóN

Orgullo da nosa lingua: a mostra itinerante que xa está percorrendo concellos galegos

Arteixo, Ribeira, Marín e Redondela son os primeiros destinos onde poderá verse a exposición Orgullo da nosa lingua: o galego é un tesouro para compartir.

Consta de 9 paneis, con materiais complementarios aos que se accede a través de códigos QR. O propósito da Secretaría Xeral de Política Lingüística, que é a que a organiza, consiste en mostrar a riqueza do galego, alimentar o sentimento de pertenza e convidar a cidadanía a falalo.

Existen dúas modalidades de visita, con ou sen guía. Para coñecer as datas e horarios concretos en cada localidade, preme aquí.
11/09/2023. AXUDAS E PREMIOS

Resólvense os Premios Bacelos de Prata 2023

A Asociación Álvaro das Casas fixo públicos os galardoados da décimo quinta edición dos Premios Bacelos de Prata, que teñen como obxectivo recoñecer o labor de empresas que apostan polo galego como marca de calidade na etiquetaxe dos seus produtos. As entidades galardoadas nesta edición de 2023 son a Adega Tapias Mariñán, da denominación de orixe Monterrei; e a sociedade de gandeiros galegos Leite Noso, comercializadora de marcas como Deleite ou Muuu.

Podes consultar a acta do xurado premendo aquí.

O acto de entrega dos premios terá lugar o 7 de outubro de 2023, no Pazo dos Ulloa (Esposende, Ribadavia).
08/09/2023. INVESTIGACIóN

Vocabulario panlatino do rugby

Coincidindo co comezo en Francia da Copa do Mundo de Rugby, o Servizo de Normalización Lingüística (SNL) da Universidade de Santiago convídanos a consultar o Vocabulario panlatino do rugby – linguas romances e éuscaro, unha nova obra lexicográfica na que o SNL colabora ofrecendo as correspondencias léxicas en lingua galega.
O vocabulario está editado pola Delegación xeral para a lingua francesa e as linguas de Francia, en colaboración coa Rede panlatina de terminoloxía (Realiter), e nel atoparás máis de 200 termos relacionado co rugby: regras, técnicas de xogo, faltas, sancións, posicións dos xogadores, equipamento etc.
07/09/2023. OUTRAS

A Semente presenta un documental conmemorativo do centenario da creación das Escolas de Ensino Galego

Neste ano 2023 no que se cumpren cen anos da creación das "Escolas do Insiño Galego" (proxecto educativo impulsado en 1923 na Coruña por ilustres integrantes das Irmandades da Fala), a rede de escolas de ensino galego Semente presenta o documental “Aprender na língua própia. Das Escolas de Ensino Galego á Semente”, producido por Aqueladas S. Cooperativa e cofinanciado pola Deputación da Coruña. A estrea tivo lugar onte, 6 de setembro de 2023, na sede da Agrupación Cultural Alexandre Bóveda e durante o mes de setembro proxectarase tamén noutras salas. Na páxina de Facebook da Semente tes toda a información sobre os lugares, datas e horarios das proxeccións.

Podes ver un pequeno adianto do documental premendo aquí.
06/09/2023. AXUDAS E PREMIOS

Bernardo Penabade, Premio Meendinho 2023

O vindeiro sábado, 9 de setembro, terá lugar o acto público de entrega do Premio Meendinho 2023, un galardón que outorga anualmente a Fundaçom Meendinho a persoas e entidades que destacan no eido da dinamización cultural e lingüística, tendo en conta a dimensión internacional do idioma galego. O homenaxeado nesta décimo cuarta edición é Bernardo Penabade Rei, docente no IES Perdouro de Burela. Entre os moitos méritos que o fan merecente do galardón, a Fundaçom Meendinho destaca o seu traballo no eido do reintegracionismo e tamén o feito de ter sido un dos principais impulsores do Modelo Burela, un proxecto de intervención educativa e sociolingüística que botou a andar en 2003 e que recolleu xa múltiples recoñecementos e galardóns.

O acto terá lugar a partir das 12:00 h na sala “A Arca da Noe”, en Vilar de Santos.

No xornal Cronica3 A Mariña atoparás máis información sobre a iniciativa, así como un perfil biográfico do homenaxeado.
05/09/2023. OUTRAS

SeamlessM4T, o novo modelo de tradución de Meta, inclúe o galego

A empresa Meta acaba de presentar o seu no novo modelo de tradución mediante IA multilingüe e multimodal, SeamlessM4T, que permitirá que as persoas se comuniquen a través de voz e texto en diferentes idiomas, entre eles o galego. O obxectivo de Meta é empregar este sistema para mellorar a tradución e transcrición de contido en diferentes redes sociais (Facebook, Instagram, Messenger, WhatsApp e Threads).

Podes ver unha demostración do sistema SeamlessM4T premendo aquí.

Nesta nova de Código Cero tamén podes obter máis detalles sobre a iniciativa.
04/09/2023. OUTRAS

Probas para a obtención dos certificados Celga

A Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia convoca probas para a obtención dos certificados de lingua galega, dos niveis Celga 2, 3 e 4. Poderán presentarse todas as persoas maiores de dezaseis anos ou que os fagan no ano natural da convocatoria, nacionais ou estranxeiras. As probas realizaranse en Santiago de Compostela e en Ponferrada na segunda quincena de novembro e, de ser o caso, na primeira quincena de decembro de 2023. As datas concretas publicaranse no Diario Oficial de Galicia, así como na páxina web da Secretaría Xeral de Política Lingüística.

O prazo de presentación de solicitudes é de quince días hábiles, contados a partir do seguinte ao da publicación da convocatoria.
01/09/2023. OUTRAS

“O corno”, primeiro filme en galego que opta á Cuncha de Ouro no Festival de San Sebastián

A 71 edición do Festival de Cine de San Sebastián terá lugar entre os días 22 e 30 de setembro de 2023 e por primeira vez un filme en lingua galega ten presenza na súa Sección Oficial, optando á Cuncha de Ouro deste prestixioso festival internacional. Trátase da longametraxe O corno, dirixida pola cineasta Jaione Camborda, que está ambientada na Illa de Arousa en 1971 e conta a historia de María, unha muller que traballa como mariscadora pero tamén é coñecida polo seu labor de parteira.

A película poderá verse nas salas de cine no vindeiro outono.
01/09/2023. CURSOS E CONGRESOS

Obradoiros de acollemento lingüístico en Santiago de Compostela

O Departamento de Lingua Galega do Concello de Santiago de Compostela organiza dous obradoiros de acollemento lingüístico (nivel iniciación e nivel continuación), dirixidos a persoas doutras comunidades lingüísticas. O obradoiro de “iniciación” está deseñado para persoas que se achegan por primeira vez ao galego e o de “continuación” para aquelas que xa teñen uns coñecementos básicos e desexan continuar a súa formación.
A inscrición é gratuíta e o prazo para realizala remata o 15 de setembro de 2023.

Tes toda a información sobre os horarios das sesións e mais os trámites de inscrición na páxina web do Departamento de Lingua Galega do Concello de Santiago.
01/09/2023. AXUDAS E PREMIOS

V Premio Daniel Domínguez de Guión en Galego para Longametraxe

A Asociación Sindical de Guionistas Galegos (AGAG) convoca a quinta edición deste premio deseñado para potenciar a lingua galega no audiovisual e promover os autores e autoras que escriben no noso idioma. Os guións presentados deberán estar escritos en lingua galega, ser orixinais e inéditos, e estar elaborados para longametraxes de ficción. O/a autor/a do guión gañador recibirá un premio cunha dotación económica de 2.000 euros.
O prazo de presentación dos traballos remata o 1 de novembro de 2023.

Podes obter máis información premendo aquí.
01/09/2023. AXUDAS E PREMIOS

Axudas á investigación en galego na Universidade de Vigo

A Universidade de Vigo publica unha convocatoria de axudas, dirixidas ao seu alumnado, para incentivar o uso do galego nas teses de doutoramento, nos traballos de fin de grao e nos traballos de fin de mestrado universitario oficial, así como para premiar a calidade lingüística nestes traballos de investigación. As persoas interesadas en redactaren e defenderen a tese de doutoramento, TFG ou TFM oficial en lingua galega contan co apoio lingüístico e asesoramento da Área de Normalización Lingüística da UVigo.
O prazo de presentación das solicitudes para optar a estas axudas remata o 15 de setembro de 2023.

Para consultar o texto completo da convocatoria, preme aquí. Tamén podes obter máis información sobre esta iniciativa no Diario da Universidade de Vigo.
31/08/2023. AXUDAS E PREMIOS

Agadic convoca novas axudas para o audiovisual galego

A Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) convoca unha liña de axudas para o desenvolvemento de proxectos audiovisuais galegos para o ano 2023, na que estarían incluídos aqueles en versión orixinal en lingua galega. En concreto, serán subvencionables: Proxectos de longametraxe cinematográfica previstos para ter unha duración mínima de 60 minutos, de ficción, animación ou documental de carácter creativo; Proxectos de series de ficción previstos para ter unha duración total mínima de 150 minutos; Proxectos de series de animación previstos para ter unha duración total mínima de 100 minutos; e Proxectos de series documentais previstos para ter unha duración total mínima de 100 minutos.
Entre os requisitos esixidos sinálase que os proxectos deben ter como versión orixinal calquera das linguas oficiais en España. No caso das coproducións con empresas estranxeiras, a longametraxe poderá ter como versión orixinal algunha das linguas oficiais da Unión Europea.

O prazo de presentación de solicitudes remata o 11 de setembro de 2023.

No DOG do 9 de agosto podes consultar o texto completo da convocatoria.
[modificación das bases no DOG do 1 de setembro]
31/08/2023. AXUDAS E PREMIOS

Resolución das axudas para a edición en galego de recursos didácticos

A Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades publica a resolución da convocatoria para o ano 2023 de subvencións destinadas á edición en lingua galega de recursos didácticos curriculares e complementarios para os niveis non universitarios.

Podes consultar a listaxe de entidades beneficiarias premendo aquí.

30/08/2023. CURSOS E CONGRESOS

O SNL da Mancomunidade de Ordes oferta un curso de preparación das probas Celga

O Servizo de Normalización Lingüística da Mancomunidade de Ordes anuncia a convocatoria dun curso de galego deseñado para preparar as probas CELGA, de 40 horas de duración. As sesións terán lugar os luns e mércores, de 10:00 a 12:30 h, desde o 20 de setembro ao 15 de novembro de 2023. As persoas interesadas teñen de prazo para inscribirse ata o 15 de setembro de 2023.

A maiores, entre o 11 de xaneiro e o 14 de marzo de 2024 está prevista tamén a organización dun curso básico de lingua galega, de 20 horas de duración.

Para obter máis información debes poñerte en contacto co SNL da Mancomunidade de Ordes, a través do teléfono 981680002 (ext. 120) ou do enderezo electrónico irene.bravo@mancomunidadeordes.gal.

30/08/2023. DINAMIZACIóN

XI Certame de monólogos cómicos en lingua galega

O Servizo de Educación do Concello da Coruña organiza a undécima edición do Certame de Monólogos Cómicos en Lingua Galega, que se desenvolverá durante o primeiro trimestre do ano 2024. O obxectivo desta iniciativa é fomentar o uso do galego e mellorar a competencia oral entre o alumnado de ESO, bacharelato e FP dos centros de ensino do Concello da Coruña. Con antelación á celebración do certame, as persoas inscritas poderán participar nos Obradoiros de introdución á interpretación de monólogos cómicos. Outorgaranse diferentes premios en cada unha das tres categorías establecidas.

Os centros interesados teñen de prazo para realizar a súa inscrición ata o 15 de marzo de 2024.
30/08/2023. DINAMIZACIóN

Aberto o prazo de inscrición no TED Saúde 2023

As comisións de normalización lingüística das facultades de Ciencias, Enfermaría, Farmacia, Medicina e Odontoloxía, Óptica e Optometría, Psicoloxía e Veterinaria da Universidade de Santiago de Compostela, co apoio do Servizo de Normalización Lingüística, convocan o VIII Concurso de subtitulación de vídeos TED de ciencias da saúde ao galego.
O obxectivo do certame é contribuír á creación de recursos divulgativos en galego en novos soportes na área de ciencias da saúde. Existen dúas modalidades de participación, unha dirixida a alumnado, PDI ou PAS da USC durante o curso 2022-2023 (modalidade A) e outra destinada a persoas alleas á USC (modalidade B). Os participantes da modalidade A terán a posibilidade de inscribirse nun obradoiro formativo. Outorgaranse varios premios cunha dotación económica que vai desde os 150 aos 300 euros, ademais dun diploma honorífico.
O prazo para inscribirse no certame remata o 30 de setembro de 2023.

Para consultar as bases completas preme aquí.
29/08/2023. DINAMIZACIóN

Comeza o Festiletras 2023

A Fundación Eduardo Pondal organiza o Festiletras 2023, que un ano máis encherá a aldea do Couto, en Ponteceso, cun amplo programa de actividades culturais (literatura, música, cine, teatro, artesanía...) que se desenvolverán entre os vindeiros días 1 e 3 de setembro.
Nesta edición, o Consello da Cultura Galega colabora co Festiletras levando o espectáculo Circo galaico de Títeres Alakrán.

Podes consultar o programa completo premendo aquí
28/08/2023. EMPREGO

Bolsas de formación no Centro Ramón Piñeiro

A Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades publica o concurso público de once bolsas de formación no Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades. Os/as beneficiarios/as colaborarán nos seguintes proxectos: Tesouro paleogalaico (TPGal); Corpus de referencia do galego actual (Corga);Corpus documentale latinum Gallaeciae (Codolga); Bibliografía informatizada da lingua galega (Bilega); Terminoloxía científico-técnica; Informes de literatura; Recuperación de textos literarios e xornalísticos galegos; Lírica profana galego-portuguesa; BiRMED: Bibliografía de Referencia do Arquivo Galicia Medieval; Dimensións da identidade colectiva de Galicia; e Legados literarios.
O prazo de presentación de solicitudes é dun mes, contado a partir do día seguinte ao da publicación desta convocatoria.
26/07/2023. CURSOS E CONGRESOS

Cursos de galego para non galegofalantes

O Centro de Linguas Modernas da USC presenta a oferta formativa para o primeiro semestre do curso 2023/2024, na que se inclúen cursos de galego para non galegofalantes (niveis básicos A1 e A2) que se poderán realizar tanto no campus de Santiago coma no de Lugo. Para realizar estes cursos non é necesario ser membro da comunidade universitaria, xa que están abertos a calquera persoa interesada maior de 16 anos.

Para consultar as bases da convocatoria, así como a listaxe de cursos ofertados (cos respectivos horarios e prazos de matrícula), preme aquí.
26/07/2023. CURSOS E CONGRESOS

VI Xornada da Comisión Especializada de Nomes Xeográficos

A Real Academia Galega, a Xunta de Galicia, a Comisión Especializada de Nombres Geográficos e o Instituto Geográfico Nacional (IGN) organizan a VI Xornada da Comisión Especializada de Nomes Xeográficos, que nesta edición leva por título Os nomes xeográficos e o mundo dixital. As sesións, abertas ao público xeral interesado no tratamento dos nomes xeográficos, terán lugar o 21 de setembro de 2023 na Cidade da Cultura de Galicia. O prazo de inscrición remata o 11 de setembro.

Para obter máis información, preme aquí.
26/07/2023. EMPREGO

Oferta de traballo no Centro de Estudos Galegos da Universidade de Heidelberg

A Universidade de Heidelberg convoca un posto de docente investigador/a asociado/a, adscrito ao seu Centro de Estudos Galegos. O contrato, de media xornada (19,75 horas semanais), terá dous anos de duración. Os/as candidatos/as deben posuír o mestrado en Filoloxía Galega, calquera outra Filoloxía dunha lingua romance, Estudos Iberoamericanos,Tradución e Interpretación, Lingüística Teórica ou Aplicada, Estudos Culturais ou Literarios e eidos relacionados, sempre que a especialización fose no galego. Así mesmo, deben ter o galego como primeira lingua ou lingua materna, ou competencia lingüística equivalente. O prazo para enviar candidaturas remata o 27 de xullo de 2023.

Podes consular o texto completo da convocatoria premendo aquí.
18/07/2023. OUTRAS

O Álbum de Galicia incorpora a biografía de Afonso o Sabio

Henrique Monteagudo asina a biografía de Afonso o Sabio (Afonso X de Castela e IX de León-Galicia), un monarca culto que soubo reinar para un pobo multilingüe e que nos deixou como legado sobranceiro as Cantigas de Santa Maria: unha xoia literaria, musical e pictórica da cultura europea do século XIII.

Xunto co texto biográfico atoparás outros recursos documentais (galería fotográfica, documentos de interese, vídeos, audios, recursos en liña...) que axudan a debuxar a figura deste monarca que pasou á historia como “o Sabio”, un alcume que, en palabras do propio profesor Monteagudo, “ninguén lle pode, en xustiza, disputar”.
17/07/2023. OUTRAS

A debate no Festigal a situación actual das linguas do Estado español

O vindeiro 25 de xullo, ás 19:25 h, no marco da programación do Festigal, terá lugar a mesa redonda A loita polas linguas no Estado español: unha necesidade dos pobos, na que se analizará a situación actual destes idiomas, así como as iniciativas que se están a desenvolver para avanzar na súa normalización.

No debate participarán Idurre Eskisabel (secretaria xeral de Euskalgintzaren Kontseilua), Francesc Marco Palau (secretario da Plataforma per la Llengua), Anna Oliver (presidenta de Acció Cultural del País Valenciá), Paul Bilbao (Comité redactor do Protocolo de Donostia) e Marcos Maceira (presidente da Mesa pola Normalización Lingüística). A moderadora será Elsa Quintas (directora do Observatorio de Dereitos Lingüísticos).
17/07/2023. DINAMIZACIóN

RedeCinema achega o cine en galego a 18 concellos do rural

A Secretaría Xeral de Política Lingüística e a Axencia Galega das Industrias Culturais presentaron RedeCinema, un ciclo de cine de verán (ao exterior e con gran pantalla), dirixido a todos os públicos, que levará o audiovisual en lingua galega a 18 concellos rurais adscritos á Rede de Dinamización Lingüística. Entre as obras que se proxectarán están Cuñados, Melancolía, A Galiña Turuleca, A illa das mentiras, Engurras, Eroski-paraíso, Jacinto e O que arde.

Podes ampliar información sobre esta iniciativa, así como coñecer o calendario completo de proxeccións premendo aquí.
17/07/2023. DINAMIZACIóN

Gadis convida a mocidade a amosar a súa creatividade en galego

Gadisa, en colaboración coa Consellería de Cultura da Xunta de Galicia, organiza o I Concurso de Nova Creatividade Galega, dirixida a mozos e mozas de entre 18 e 30 anos. Os participantes deben publicar en TikTok un vídeo orixinal de menos de 60 segundos en galego no que amosen a súa creatividade nalgunha destas disciplinas: música; creatividade audiovisual; poesía; deseño e creatividade gráfica. Os/as autores/as do vídeo con mellor contido e do vídeo con mellor calidade técnica recibirán de premio un iPhone e mais uns Airpods. Entre o resto dos participantes sortearanse 10 vales de compra de 50 euros. O prazo para participar remata o 17 de setembro de 2023.

Podes consultar as bases completas do certame premendo aquí.
12/07/2023. CURSOS E CONGRESOS

Seminario en liña sobre o futuro dos centros de estudos galegos no exterior

O Centro de Estudos Galegos do Algarve e o Centro de Investigação em Artes e Comunicação (CIAC) organizan o seminario en liña “Os estudos galegos no exterior. Propostas e debates para un diagnóstico”, no que se analizarán as traxectorias e os desafíos futuros dos centros de estudos galegos (CEG) nas universidades de fóra de Galicia. Estará presentado e moderado por Daniel González Palau (director do IGADI) e nel participarán Carlos Pazos-Justo, María Jesús Botana Vilar, Attilio Castellucci e Takeshi Kakihara.
O seminario terá lugar o vindeiro venres, 14 de xullo de 2023, de 12 a 13:30 h. A asistencia é gratuíta, mais cómpre inscrición previa.
11/07/2023. DINAMIZACIóN

En liña os vídeos gañadores de “Explícoche matemáticas 2.0”, edición de 2023

O xurado do certame “Explícoche matemáticas 2.0” fixo públicos os traballos gañadores da edición de 2023. Trátase dun concurso organizado pola Comisión de Normalización Lingüística da Facultade de Matemáticas da USC e a Fundación Barrié, co obxectivo de promover o uso do galego como medio de transmisión do coñecemento matemático entre o alumnado de 3º e 4º de ESO e 1º e 2º de Bacharelato dos centros de educación secundaria de Galicia.
Nesta edición os vídeos gañadores foron: “Cero e os infinitivos”, do IES Isaac Díaz Pardo, de Sada (1º premio); “Teoría de grafos en 2 minutos”, do IES Eusebio da Guarda (2º premio); “Domingo Fontán”, do Colexio Santa Teresa de Jesús, de Ourense (3º premio); e “Teoría de grafos”, do IES Otero Pedrayo, de Ourense (3º premio). Podes velos todos nesta lista de Youtube.

Na páxina do Servizo de Normalización Lingüística da USC tes máis información sobre esta iniciativa.
11/07/2023. AXUDAS E PREMIOS

Resolución das axudas para o fomento do galego nos centros de ensino privados

A Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades publica a resolución da convocatoria de subvencións, dirixidas a centros de ensino non universitario de titularidade privada, para proxectos de fomento do galego durante o curso escolar 2022/2023.

Podes consultar a listaxe de centros beneficiarios premendo aquí.