Novas da lingua

Rexistros991 a 1020 de 5153
14/06/2023. AXUDAS E PREMIOS

Traballos gañadores dos V Premios de podcast “O vello dos contos”

O xurado dos Premios de podcast en galego e portugués Xosé Mosquera Pérez "O vello dos contos" fixo públicos os traballos gañadores da quinta edición deste certame escolar, organizado polo IES Rosalía de Castro de Santiago de Compostela, Arraianos Producións e a asociación Ponte... nas Ondas!, coa colaboración da Secretaría Xeral de Política Lingüística.

Na categoría de educación primaria, o podcast gañador do primeiro premio foi “Un pobo lírico”, do CEIP de Atín-Cela (Mos), mentres que na categoría de educación secundaria o principal galardón recaeu no traballo “Ping Pong con Francisco Fernández del Riego”, do IES de Cotobade.

Podes consultar todos os traballos premiados, así coma os finalistas e premiados nas diferentes edicións, premendo aquí.
13/06/2023. AXUDAS E PREMIOS

Camilo Nogueira e Carlos Varela son distinguidos coa insignia de honra da Irmandade Xurídica Galega

A celebración da XIV Asemblea da Irmandade Xurídica Galega foi o escenario escollido para distinguir como insignes irmandiños ao político nacionalista Camilo Nogueira e ao xurista Carlos Varela, fiscal da Fiscalía Superior da Galiza, polo impulso da Lei de normalización lingüística e pola súa expansión no ámbito da Xustiza, respectivamente.

A data escollida non foi casual, xa que o 15 de xuño cumpriranse 40 anos da aprobación da Lei.

09/06/2023. DINAMIZACIóN

O IES Rafael Dieste ofrécenos a súa banda sonora con máis de 100 temas en galego

O alumnado de 4º da ESO do IES Rafael Dieste, que xa nos demostrara que na Coruña tamén se fala galego, agasállanos agora coa Banda sonora do curso 22/23, creada de xeito cooperativo polos propios alumnos e alumnas, e composta por máis de 100 temas en galego de todos os xéneros musicais. A maiores, na difusión da súa iniciativa contan coa colaboración da plataforma Galeguiza_t, que está a publicar de xeito periódico na súa páxina de Instagram as reaccións da rapazada ao escoitar unha selección destes temas. Todas estas impresións tamén están recollidas nun documento en formato PDF, que permite o acceso aos temas musicais propostos a través de códigos QR.
09/06/2023. AXUDAS E PREMIOS

Resolución de axudas para o fomento do galego nos centros de ensino públicos

A Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades publica a resolución da convocatoria de subvencións, dirixidas a centros de ensino non universitario de titularidade pública, para proxectos de fomento do galego durante o curso escolar 2022/2023.

Podes consultar a listaxe de centros beneficiarios premendo aquí.
07/06/2023. INVESTIGACIóN

Presentación pública da obra Toponimia de Ribeira

O vindeiro venres, 9 de xuño de 2023, ás 20:00 h, terá lugar no Centro Cultural Lustres Rivas (Ribeira) a presentación pública da obra Toponimia de Ribeira, que indaga na orixe e significados das 215 formas que designan as entidades de poboación deste concello. No acto intervirán Fernando Cabeza Quiles (autor do volume), Víctor F. Freixanes (presidente da RAG), Antón Santamarina (coordinador do Seminario de Onomástica da RAG), Luz Méndez (presidenta da Asociación Galega de Onomástica), Carlos H. Fernández Coto (presidente de Apatrigal) e Manuel Ruiz Rivas (alcalde en funcións de Ribeira).

Se precisas máis información, preme aquí.
07/06/2023. DINAMIZACIóN

A Deputación da Coruña organiza un programa de actividades sobre a represión do idioma galego

A Deputación da Coruña organiza un programa de actividades de concienciación lingüística que ten como fío condutor o ensaio O libro negro da lingua galega, autoría de Carlos Callón.
En concreto, nos vindeiros días terán lugar as seguintes iniciativas ao abeiro do programa 5 séculos a silenciaren o galego. Dámoslle voz?: un debate na Libraría de Rosa, en Boiro, no que ademais do autor tamén participará Olaxonmario (9 de xuño, ás 20:20 h); un segundo debate na Casa do Taberneiro, en Santiago de Compostela, no que Carlos Callón estará acompañado por Neves Rodríguez e Héctor López de Castro (10 de xuño, ás 12 h); e un roteiro guiado pola cidade da Coruña (11 de xuño, ás 11:30 h e 18:30 h; e 3 de xullo, ás 20:30 h).
06/06/2023. OUTRAS

O Proxecto Nós dá os seus primeiros froitos

A Xunta de Galicia e a Universidade de Santiago de Compostela presentaron publicamente as tres primeiras ferramentas elaboradas ao abeiro do Proxecto Nós. Trátase dun tradutor neuronal multilingüe, dun recoñecedor de voz que entende o galego oral e o converte en texto, e dunha aplicación de síntese de voz que a partir dun texto escrito é quen de ler en galego. O tradutor está xa dispoñible no web do proxecto e as outras dúas aplicacións tamén estarán en breve accesibles ao público.

O Proxecto Nós é unha iniciativa da Xunta de Galicia e ten como obxectivo o desenvolvemento de tecnoloxías, ferramentas e aplicacións que permitan o uso do galego nos ámbitos de aplicación da Intelixencia Artificial. Do desenvolvemento do proxecto encárgase a Universidade de Santiago de Compostela, a través do Instituto da Lingua Galega (ILG) e do Centro Singular de Investigación en Tecnoloxías Intelixentes (CiTIUS).

Podes obter máis información premendo aquí.
02/06/2023. AXUDAS E PREMIOS

Os IV Premios Mil Primaveras entregaranse o 9 de xuño en Pontevedra

A Coordinadora de Traballadores/as de Normalización da Lingua convida a toda a cidadanía a asistir ao acto público de entrega dos IV Premios Mil Primaveras, que terá lugar no Salón de Actos do Pazo de Cultura de Pontevedra o 9 de xuño de 2023 ás 19:30 horas. O acto contará tamén coa actuación da contadora Marta Ortiz e a cantautora Sofía Espiñeira, creadoras do espectáculo “Matrioskas”.
Os Premios Mil Primaveras outórganse anualmente co obxectivo de difundir e poñer en valor aqueles proxectos que, polo súa calidade, poidan servir de modelo de boas prácticas no ámbito da normalización lingüística.

Para ampliar información preme aquí.
02/06/2023. INVESTIGACIóN

O alumnado do IES Manuel Murguía estuda a diversidade lingüística de Arteixo

O alumnado do IES Manuel Murguía (Arteixo) desenvolveu durante os últimos meses un estudo sobre os repertorios lingüísticos familiares e a diversidade lingüística da súa contorna. O traballo realizouse no marco dun proxecto de colaboración entre este centro educativo e a Universidade de Santiago de Compostela, polo que contaron coa colaboración das investigadoras da USC María Caamaño, Gabriela Prego e Luz Zas. Trátase dun proxecto educativo de carácter etnolingüístico que incluíu enquisas, dramatizacións, videocreacións e microrrelatos. Os resultados foron presentados no Salón de Actos da Facultade de Filoloxía (USC) o pasado 23 de maio de 2023, nun acto que pode verse na canle de Youtube da USC.
02/06/2023. INVESTIGACIóN

Atopan unha receita en galego do século XV no arquivo da Real Chancillería de Valladolid

Os investigadores Ricardo Pichel (Universidad de Alcalá e Instituto da Lingua Galega da USC) e Rodrigo Pousa Diéguez (Universidade de Vigo) publican un artigo na Revista Murguía dando conta do achado dun documento histórico de gran relevancia para a historia social da lingua galega. Trátase en concreto dunha “receuta da meliza”, un texto médico de natureza farmacéutica no que se receita unha menciña para unha persoa con doenzas gastrointestinais. Tal e como sinalan os autores do artigo, o documento, datado na segunda metade do século XV e custodiado no arquivo da Real Chancillería de Valladolid, constitúe “a primeira mostra coñecida até o momento no espazo cultural galego de literatura técnica de natureza médica non asociada ao mundo animal”.

Podes ler un extracto deste artigo premendo aquí.
01/06/2023. AXUDAS E PREMIOS

Resolución provisional das axudas da Deputación da Coruña aos SNL municipais

A Deputación da Coruña publica a resolución provisional das subvencións a concellos e entidades locais da provincia da Coruña para a creación, mantemento e reforzo dos servizos de normalización lingüística durante o ano 2023. Tal e como se indicaba nas bases reguladoras, estas axudas están condicionadas ao carácter estrutural do posto de traballo.
Podes consultar a resolución premendo aquí.
31/05/2023. OUTRAS

Eduardo Pondal, nova entrada no Álbum de Galicia

Manuel Ferreiro Fernández, recoñecido especialista na obra de Eduardo Pondal (1835-1917), asina a biobliografía dun dos grandes poetas do Rexurdimento e autor do Himno Galego.

A través dela, así como da documentación e o material audiovisual que a acompaña, trázase o retrato da persoa, o intelectual e o político que dedicou a súa vida e a súa obra á redención nacional, como antecesor das Irmandades da Fala.

29/05/2023. DINAMIZACIóN

O alumnado do IES Rafael Dieste demostra que na Coruña tamén se fala galego

O alumnado de 4º da ESO do IES Rafael Dieste (A Coruña) está a desenvolver a campaña de dinamización lingüística Aquí tamén se fala galego, baixo a coordinación do seu profesor de Lingua Galega, Alberto Pombo, e coa colaboración do Equipo de Dinamización Lingüística que coordina Arcadio González Novoa. A iniciativa ten como obxectivo promover o uso do galego no comercio local da cidade e, ao mesmo tempo, demostrar que as actitudes lingüísticas do sector socieconómico son favorables ao noso idioma. Na actualidade, adheríronse xa case 400 establecementos (ximnasios, cafetarias, perruquerías, talleres, restaurantes, tendas de alimentación, asesorías legais...), que colocaron nos seus locais un cartel co lema da campaña.

Na páxina web do IES Rafael Dieste podes obter máis información e no Instagram da súa biblioteca podes ver as fotos que envían os negocios, demostrando con orgullo que o tecido socioeconómico da Coruña non é hostil ao galego.
26/05/2023. AXUDAS E PREMIOS

Fallada a II edición dos Premios de investigación xurídica en lingua galega Xosé Luis Franco Grande

No trascurso do acto de celebración do Día das Letras Galegas, a Facultade de Ciencias Xurídicas e do Traballo da Universidade de Vigo deu a coñecer os nomes dos estudantes gañadores deste galardón.

O premio Xosé Luis Franco Grande está dirixido a fomentar o emprego da lingua na investigación xurídica entre o estudantado de grao e mestrado. A modalidade xeral recoñeceu nesta ocasión traballos que abordan o dereito na UE e o caso do afundimento do Prestige. Na modalidade B, para alumnado da Universidade de Vigo, destacaron unha investigación sobre patentes e outra sobre o concepto de terrorismo.

Todos eles foron salientados pola calidade lingüística, metodoloxía e rigor técnico. Máis información, aquí.
26/05/2023. EMPREGO

Praza de tradutor/a en lingua galega na Deputación de Pontevedra

A Deputación de Pontevedra publica as bases da convocatoria para a provisión, en réxime de interinidade, dunha praza de tradutor/a en lingua galega (funcionario/a A2), adscrita ao Servizo de Normalización e Servizos Lingüísticos. O sistema de selección será a oposición libre. Os/as aspirantes deberán posuír o título de licenciado/a ou graduado/a en Filoloxía Galega e Española, en Lingua e Literatura Galegas, en Tradución con especialidade en galego ou equivalentes. O prazo para presentar as solicitudes será de 10 días naturais, contados a partir do día seguinte ao da publicación da convocatoria no Boletín Oficial da Provincia de Pontevedra.
25/05/2023. OUTRAS

A Deputación de Pontevedra conmemora o 60 aniversario do Día das Letras Galegas coa web "O camiño andado das Letras"

O Departamento de Lingua da Deputación de Pontevedra reúne na web O camiño andado das Letras fichas didácticas de cada unha das personalidades que foi homenaxeada o 17 de maio, desde 1963.

A iniciativa botou a andar o 23 de febreiro, data de nacemento da primeira protagonista do Día das Letras Galegas, Rosalía de Castro, e rematou o 17 de maio, data de publicación de Cantares Gallegos. Para cada persoeiro, elaborouse unha ficha destinada ao público infantil e outra ao público adulto.
25/05/2023. AXUDAS E PREMIOS

Os XIV Premios Rosalía de Castro de Lingua xa teñen gañadores/as

A Deputación da Coruña fixo públicos os/as gañadores/as dos XIV Premios Rosalía de Castro de Lingua, uns galardóns que teñen como obxectivo recoñecer o labor de persoas, colectivos e entidades que destacan polo seu compromiso coa promoción e dignificación do idioma galego. Na categoría de persoas, nesta edición o xurado acordou premiar a Daniel Romero, xestor cultural e técnico de normalización lingüística do Concello de Fene, por "abrir novos camiños e innovar en diferentes ámbitos sociais e de dinamización da lingua”, así como polo seu “exemplo, coherencia e compromiso” na súa traxectoria de máis de 40 anos dedicados á normalización lingüística. Na categoría de entidades, o galardón recaeu ex aequo no Museo do Pobo Galego e en Orgullo Galego, por seren ambas propostas "divulgadoras e mantedoras de coñecemento e contido cultural". Pola súa parte, a iniciativa Pakolas. Rock infantil e familiar en galego foi premiada na categoría de proxecto de dinamización lingüística, por "utilizar unha linguaxe universal, a música, para involucrar calquera xeración no uso normalizado da nosa lingua".

Para ampliar información, preme aquí.
25/05/2023. AXUDAS E PREMIOS

Resólvense os XXVII Premios Lois Peña Novo

O xurado dos Premios Lois Peña Novo deu a coñecer os/as gañadores/as da vixésimo sétima edición destes galardóns, deseñados para animar o proceso de normalización lingüística no eido das administracións públicas, na vida institucional de Galicia e na sociedade en xeral. Nesta ocasión os/as premiados/as son o xornal dixital Gciencia, por darlle visibilidade ao galego nas redes sociais; a lingüista, guionista e presentadora Rosa Castro Legazpi, pola súa contribución á consolidación da lingua galega nos medios de comunicación; e o historiador Felipe Senén López, pola súa ampla traxectoria na defensa do patrimonio cultural de Galicia.
24/05/2023. EMPREGO

Praza de técnico/a de normalización lingüística no Concello de Vilagarcía

O Concello de Vilagarcía publica as bases para a provisión dunha praza de técnico/a medio de normalización lingüística (funcionario/a, grupo A2). O proceso selectivo será o concurso-oposición. Os/as participantes deben posuír a licenciatura en Filoloxía Galego-Portuguesa, Filoloxía Galega ou Filoloxía Hispánica (subsección Galego-Portugués); o grao en Lingua Galega ou calquera outra licenciatura/grao, sempre que se dispoña do Celga 5. O prazo de presentación de solicitudes é de vinte días naturais, a partir do día seguinte ao da publicación do correspondente anuncio de convocatoria no Boletín Oficial do Estado.

Podes consultar o texto completo das bases premendo aquí.
24/05/2023. INVESTIGACIóN

Cuestionario para avaliar o estado dos Estudos Galegos a nivel internacional

A Asociación Internacional de Estudos Galegos (AIEG) convida a todos/as os/as docentes e investigadores/as que están ou estiveron vinculados aos Estudos Galegos en universidades no exterior a participar nunha enquisa destinada a avaliar o estado actual dos Estudos Galegos a nivel internacional. O cuestionario forma parte dun proxecto de investigación promovido pola AIEG e coordinado por Carlos Pazos-Justo, no que tamén participan María Jesús Botana Vilar, Attilio Castellucci e Takeshi Kakihara. Os resultados serán presentados nun webinario que previsiblemente se organizará o vindeiro mes de xullo. A enquisa estará accesible en liña ata o vindeiro 31 de maio de 2023.
23/05/2023. INVESTIGACIóN

A mocidade imaxina o futuro do galego dentro de tres décadas

Tras a publicación en 2021 de A lingua en 2050, Catro Ventos Editora presenta agora un novo volume, coordinado tamén por Fernando Ramallo, co retruque da xente moza. A lingua en futuro: a mocidade imaxina o 2050 é unha obra colectiva na que dezasete persoas novas de diferentes ámbitos (ciencia, música, tradución, xornalismo, docencia…) valoran a situación actual do idioma galego e imaxinan o seu futuro dentro de tres décadas.
O obxectivo dos dous volumes é contribuír ao debate sobre a situación sociolingüística actual e propoñer estratexias e metodoloxías de traballo que garantan un futuro próspero para o galego.
23/05/2023. DINAMIZACIóN

Alingua estrea a webserie "O gran reto"

A Asociación de Entidades Locais pola Lingua Galega (Alingua) estreou a pasada semana a webserie O gran reto, realizada en formato Vlog e presentada por María Rúa, tamén creadora do contido. O gran reto consiste en que tres persoas castelanfalantes (cada unha delas protagonizará un capítulo semanal) vivan 21 días en galego, superen os desafíos que se lles presenten e nos relaten a súa experiencia.

Xa podes ver en liña o primeiro capítulo: O gran reto de Darío.
22/05/2023. DINAMIZACIóN

A USC convoca a segunda edición do certame “Petiscos de ciencia”

A Comisión de Normalización Lingüística da Facultade de Ciencias da USC, coa colaboración do Servizo de Normalización Lingüística, convoca a segunda edición do concurso de vídeos “Petiscos de ciencia”, dirixido a alumnado da ESO, de formación profesional e de bacharelato dos centros de ensino de Galicia. O alumnado, que poderá participar en grupos de ata tres estudantes coordinados por un docente, debe elaborar un vídeo en galego de entre 30 e 90 segundos no que se presenten petiscos ou pílulas sobre calquera tema relacionado coa ciencia. Outorgarase un primeiro premio de 200 euros e un segundo de 100. O prazo para a presentación dos traballos remata o 15 de outubro de 2023.

Para consultar as bases completas do concurso ou obter máis información sobre os trámites de inscrición, preme aquí.
22/05/2023. CURSOS E CONGRESOS

XVI Curso de Verán sobre Dinamización Lingüística

O Servizo de Normalización Lingüística da Universidade da Coruña presenta o programa do XVI Curso de Verán sobre Dinamización Lingüística "Traballando en lingua", que organiza coa colaboración do Concello do Carballo e a Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia. Nesta edición o tema central será o fomento do uso do galego no ámbito do lecer e as sesións desenvolveranse os días 12 e 13 de xullo de 2023 no Fórum Carballo. O prazo de matrícula remata o 6 de xullo.

Na páxina web do SNL da UDC atoparás máis información sobre esta iniciativa.
16/05/2023. INVESTIGACIóN

Primeira tese de doutoramento en galego, e sobre o galego, en Croacia

Alejandro Martínez Vicente, profesor asistente no Departamento de Hispanística e Estudos Ibéricos da Universidade de Zadar e responsable do Centro de Estudos Galegos desta cidade, acaba de presentar a tese de doutoramento Colocacións co verbo soporte 'dar' en galego e español mailos seus equivalentes en lingua croata.

Cunha valoración summa cum laude, esta investigación convértese nun fito para o galego nos Balcáns.
16/05/2023. OUTRAS

Spotify cantaba en galego. Agora tamén o fala

A plataforma de música en liña Spotify acaba de incorporar o galego ás opcións idiomáticas dos seus servizos. Deste xeito, amplía a oferta ata chegar a 74 idiomas, nunha política que, nas súas palabras, busca ofrecer experiencias máis próximas a través do acceso nas linguas maternas dos usuarios e as usuarias.
15/05/2023. CURSOS E CONGRESOS

Cursos de linguaxe xurídica para o persoal da Administración de Xustiza que traballa fóra de Galicia

A Escola Galega de Administración Pública convoca, en colaboración coa Secretaría Xeral de Política Lingüística, dous cursos de linguaxe xurídica galega (un de nivel medio e outro de nivel superior) para o ano 2023, destinados ao persoal ao servizo da Administración de Xustiza que preste servizos fóra da Comunidade Autónoma de Galicia. Os cursos impartiranse na modalidade de teleformación. O prazo para presentar solicitudes estará aberto entre o 16 e o 26 de maio de 2023.

Podes consultar o texto completo da convocatoria premendo aquí.
15/05/2023. DINAMIZACIóN

Gadis aposta polo talento emerxente para festexar as Letras Galegas

Gadis súmase un ano máis á conmemoración do Día das Letras Galegas, apostanto nesta ocasión pola ilustración gráfica en galego. O vindeiro 16 de maio en todos os supermercados Gadis de Galicia agasallarán á súa clientela cun exemplar de Tirabeque, no que doce profesionais emerxentes da ilustración e da banda deseñada nos ofrecen as súas propostas creativas arredor do campo temático da alimentación. Ese mesmo día tamén se repartirán marcapáxinas e bolsas de papel reciclado en homenaxe a Francisco Fernández del Riego, autor ao que este ano se lle dedica o Día das Letras Galegas.

Podes ampliar información sobre esta iniciativa premendo aquí.
12/05/2023. EMPREGO

Convocatoria de prazas e bolsas de formación en diferentes centros de estudos galegos

A Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades publica dúas convocatorias para cubrir once bolsas de formación e mais tres prazas en diferentes centros de estudos galegos de universidades de fóra de Galicia. En ambas as dúas convocatorias, o prazo de presentación de solicitudes é dun mes, contado a partir do día seguinte ao da súa publicación.
12/05/2023. CURSOS E CONGRESOS

Xa está aberta a inscrición na xornada
O galego ante o desafío das sociedades multilingües

O 8 de xuño de 2023 terá lugar, no Consello da Cultura Galega, a xornada O galego ante o desafío das sociedades multilingües, como parte do Foro Pensar o Mundo dende Galicia, un ciclo vinculado á celebración dos 40 anos da creación da institución.

O obxectivo desta xornada é debater sobre as posibilidades que para o idioma galego se abren nun futuro que se contempla como un contexto de profunda transformación no relativo á ecoloxía da diversidade lingüística e de reforzo do plurilingüismo.

A inscrición é gratuíta e libre ata completar o aforo, 100 persoas. Podes realizala na mesma páxina na que atoparás o programa completo.