Novas da lingua

Rexistros1051 a 1080 de 5153
19/04/2023. DINAMIZACIóN

Sección para o Novo Cinema Galego no Film Festival de Bozen

A 36ª edición do Film Festival de Bozen-Bolzano, que se desenvolve entre o 19 e o 23 de abril de 2023, dedícalle a Galicia a súa sección "Focus Europa", coas proxeccións en versión orixinal en galego de seis filmes. Trátase de O que arde, de Oliver Laxe, Lúa vermella, de Lois Patiño, Longa noite, de Eloy Enciso, Eles transportan a morte, de Helena Girón e Samuel M. Delgado, Trinta lumes, de Diana Toucedo e mais Trote, de Xacio Baño.

O programa tamén inclúe unha mesa redonda sobre as características comúns e elementos diferenciais do cinema galego independente.
18/04/2023. DINAMIZACIóN

Volve o Galegote Rock con máis música en galego

O Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Pontevedra presenta o programa da nova edición do Galegote Rock, deseñado para promover os grupos musicais que cantan en galego e crear espazos de uso para o noso idioma no ámbito do lecer. Os vindeiros días 5 e 6 de maio de 2023 Pontevedra encherase de música con máis dunha ducia de actuacións de diferentes estilos, tanto para público adulto como infantil.
Na páxina web do Concello de Pontevedra podes consultar o programa completo. Tamén podes manterte ao día das últimas novidades a través do Facebook da iniciativa.
18/04/2023. CURSOS E CONGRESOS

Obradoiro de apoderamento lingüístico na USC

A Comisión de Normalización Lingüística da Facultade de Ciencias da Educación da USC, co apoio do Servizo de Normalización Lingüística, organiza un Obradoiro de apoderamento lingüístico, que ten como obxectivo principal promover a responsabilidade na normalización social do galego como parte do ámbito competencial dos mestres e mestras. Consta de dúas sesións (unha de carácter expositivo e outra de carácter práctico), que se desenvolverán os días 19, 24 e 25 de abril de 2023 na Facultade de Ciencias de Educación (Santiago de Compostela). O obradoiro está dirixido, de xeito preferente, ao alumnado da materia “Experiencias e recursos en Educación Social” da USC; do grao en Educación Social da USC; e dos graos e dobres graos en Mestre/a en Educación Infantil e Mestre/a en Educación Primaria da USC. O prazo de inscrición remata o 18 de abril.

Para ampliar información, preme aquí.
17/04/2023. OUTRAS

Accesibles en liña as contribucións de Fernández del Riego no "Galician Programme"

Coincidindo coa celebración do Día do Día das Letras Galegas 2023 dedicado a Francisco Fernández del Riego, a Real Academia Galega difunde na súa páxina web a copia dixital dos guións do Galician Programme nos que participou Fernández del Riego (un dos principais artífices do programa) con textos propios. Emitido na BBC entre 1947 e 1956, o Galician Programme foi o primeiro espazo radiofónico en lingua galega, concibido desde Londres para difundir a realidade cultural galega en pleno franquismo.
Da totalidade dos guións do programa (máis de oitenta) só se conservan dúas copias, unha custodiada na Fundación Penzol e outra na Real Academia Galega, e a súa relevancia documental é máxima, ao tratarse da única documentación que temos deste emblemático espazo radiofónico, dado que no seu día a propia BBC destruíu os arquivos sonoros.

Na páxina web da RAG podes ampliar información sobre este iniciativa.
14/04/2023. DINAMIZACIóN

Ruta guiada pola historia da lingua galega en Ponteareas

O Concello de Ponteareas organiza unha ruta guiada por Carlos Callón, autor da obra O libro negro da lingua galega, que se porá na pel do escritor e intelectual Fermín Bouza Brey para dar a coñecer os feitos sociolingüísticos máis salientables da historia deste municipio. A visita, de carácter gratuíto, terá lugar hoxe, 14 de abril de 2023, ás 19:00 h e terá como punto de inicio a biblioteca municipal. Para participar, cómpre inscribirse a través do correo electrónico lingua@ponteareas.gal ou do teléfono 986 640 000 (extensión 1010).

No propio web do Concello de Ponteareas podes obter máis información sobre esta iniciativa.
14/04/2023. CURSOS E CONGRESOS

Cursos de galego para migrantes no Concello de Silleda

O Departamento de Benestar Social do Concello de Silleda ofrece de balde cursos lingua galega e castelá. Forman parte do proxecto Anduriña, co que se procura facilitar a integración cultural das persoas migrantes no municipio.

Ademais desta convocatoria para adultos, o plan inclúe intervencións no ciclo de educación infantil.
13/04/2023. DINAMIZACIóN

Queremos Galego convoca a cidanía para manifestarse pola lingua o 17 de maio

Como cada ano, coincidindo coa celebración do Día das Letras Galegas, a plataforma cidadá Queremos Galego, que agrupa a máis de 500 colectivos sociais e culturais, convoca unha manifestación a prol do idioma galego que este ano levará por lema “En galego, aquí e agora”. A maiores, tendo en conta a proximidade das eleccións municipais, reivindicarase tamén a necesidade de que os concellos asuman a responsabilidade que lles corresponde como axentes normalizadores. A manifestación celebrase o vindeiro 17 de maio, a partir das 12 h, nas principais cidades e vilas galegas.

Podes ampliar información premendo aquí.
12/04/2023. DINAMIZACIóN

Aberto o prazo de inscrición en Ciencia Calidade 2023

As divulgadoras científicas Andrea Muras e Eva Cabanelas organizan a segunda edición de Ciencia Calidade, un concurso de monólogos científicos en lingua galega que ten entre os seus principais obxectivos poñer de relevo a idoneidade do noso idioma para transmitir ciencia, así como a calidade da investigación e da divulgación científica que se fai en Galicia. Os monólogos deben ser en galego, ter unha duración de 3 minutos e tratar un tema científico (ciencias puras, ciencias sociais, historia...). O prazo de inscrición remata o 31 de xullo de 2023. O certame terá lugar o 4 de novembro de 2023 no Auditorio do Vello Cárcere (Lugo).
Podes ampliar información sobre esta iniciativa premendo aquí.
10/04/2023. DINAMIZACIóN

Comeza o festival Falando a Boca Chea 2023

Mañá, 11 de abril, comezan no Forum Metropolitano da Coruña as actuacións do festival “Falando a Boca Chea 2023”, un programa organizado polo Concello da Coruña que achegará a narración oral en lingua galega a todos os públicos ata o vindeiro 15 de abril. Podes consultar o programa completo ou obter información sobre as canles para conseguir as entradas e convites, premendo aquí.
10/04/2023. DINAMIZACIóN

Coñece A Coruña das Letras

O Servizo de Normalización Lingüística do Concello da Coruña organiza a iniciativa A Coruña das Letras, un programa de andainas guiadas por tres barrios da cidade, nas que pode participar calquera persoa que o desexe, coas letras galegas como protagonistas. As andainas estarán guiadas polo músico e escritor Xurxo Souto, e os/as asistentes terán a oportunidade de coñecer a toponimia tradicional da cidade, os escritores/as que viviron nos diferentes barrios e, en xeral, afondar sobre aspectos sociolingüísticos de relevancia para a cidade.
Podes coñecer o calendario completo e obter máis información sobre os trámites de inscrición premendo aquí.
10/04/2023. AXUDAS E PREMIOS

Concurso cidadán para escoller a camiseta conmemorativa do Día das Letras Galegas do Concello de Tomiño

A OMIX do Concello de Tomiño convoca unha nova edición do concurso de deseño da camiseta do Día das Letras Galegas. O deseño de 2023, como nas anteriores ocasións, debe ser inspirador e buscar a promoción do uso da lingua galega en todos os ámbitos.

A proposta gañadora será serigrafiada en máis de 800 camisetas que se repartirán de balde entre as persoas que participen nas actividades organizadas polo Concello arredor do Día das Letras Galegas. Ademais, a persoa elixida poderá escoller entre os seguintes premios: unha tableta Lenovo Tab M10 Plus 2K 4+64GB Grey Android, uns airpods de Apple ou un smartwatch Amazfit GTS 4 mini.

Se tes interese en presentarte, podes dirixir un correo electrónico a omix@tomino.gal ata o 1 de maio.
10/04/2023. AXUDAS E PREMIOS

XV Concurso Verbas para comunicar do Concello de Soutomaior

Ata o 11 de maio de 2023, permanece aberto o prazo para presentar traballos en lingua galega (en formato texto ou audiovisual) ao XV Concurso Verbas para comunicar.

O certame éstá dirixido ao alumnado da ESO e bacharelato do IES Soutomaior e do Colexio Santiago Apóstolo, quen deberán transmitir unha idea, sentimento, opinión, etc., que queiran comunicar e compartir con outras persoas. A finalidade, promover a comunicación en galego entre a mocidade fóra dos contextos formais e potenciar os seus valores como unha lingua próxima, útil e moderna.


10/04/2023. AXUDAS E PREMIOS

"A túa palabra favorita en galego" ten premio en Arzúa

O Departamento de Cultura do Concello de Arzúa organiza un concurso para que a cidadanía vote pola súa palabra favorita en galego. A iniciativa, que se vai deselvolver do 2 ao 15 de maio de 2023, ten como propósito fomentar o uso e coñecemento da lingua galega a través dunha actividade participativa.

O premio, dotado con 150 €, será para a persoa afortunada no sorteo que se realizará o Día das Letras galegas. Consulta todos os detalles aquí.
05/04/2023. OUTRAS

A biografía de Celso Emilio Ferreiro incorpórase ao Álbum de Galicia

Ramón Nicolás asina a biografía de Celso Emilio Ferreiro (Celanova, 1912 - Vigo, 1979), que o Consello da Cultura Galega acaba de incorporar ao Álbum de Galicia. Activista cultural e home de forte compromiso político durante toda a súa vida, como creador literario está considerado unha das grandes voces da poesía galega do século XX. Como recoñecemento, en 1989 dedicóuselle o Día das Letras Galegas.
Acompañando ao texto biográfico atoparás outros recursos documentais (galería fotográfica, documentos de interese, recursos en liña...), que permiten achegarse desde diferentes perspectivas á obra e á vida do "gran poeta da longa noite".
05/04/2023. AXUDAS E PREMIOS

Convocatoria de axudas para a elaboración de novos títulos de Esenciais USC

O Servizo de Normalización Lingüística da Universidade de Santiago de Compostela presenta unha nova convocatoria de axudas para financiar a elaboración e a edición dixital de quince novos títulos que se sumarán á colección Esenciais USC. O persoal docente e investigador da USC que desexe participar, ten de prazo para presentar as súa propostas ata o vindeiro 23 de maio de 2023, ás 14:00 horas.
04/04/2023. AXUDAS E PREMIOS

Coñece os proxectos gañadores dos IV Premios Mil Primaveras

O xurado dos IV Premios Mil Primaveras fixo públicos os catro proxectos gañadores desta edición, por seren modelos de boas prácticas no ámbito da normalización lingüística. As iniciativas galardoadas son a Asociación Faladoiros Vigo, a televisión escolar de Moaña Caranvexo TV, o Laboratorio de Apoderamento Lingüístico (LAB) desenvolvido pola cooperativa Rexenerando e a plataforma de obradoiros en liña Na Utopía.
Os Premios Mil Primaveras están organizados pola Coordinadora de Traballadores/as de Normalización da Lingua, coa colaboración económica da Deputación Provincial de Pontevedra.

Podes ampliar esta nova premendo aquí.
04/04/2023. CURSOS E CONGRESOS

Xornada sobre os beneficios do uso do galego no ámbito da psicoloxía

A Comisión de Normalización Lingüística da Facultade de Psicoloxía da Universidade de Santiago de Compostela organiza as Xornadas sobre bilingüismo: o uso do galego na actividade profesional, nas que se tratarán os beneficios de usar o galego con pacientes galegofalantes no ámbito profesional da psicoloxía. As sesións terán lugar o 3 de maio de 2023, a partir das 16:30 h, no salón de actos da Facultade de Psicoloxía da USC. O prazo de inscrición remata o 30 de abril.

Podes obter máis información premendo aquí.
31/03/2023. OUTRAS

A calculadora científica Casio ClassWiz incorpora o galego

A calculadora científica ClassWiz, de CASIO, cumpre dez anos no mercado e para celebrar o seu décimo aniversario lanzará un novo modelo, dispoñible a partir do 1 de xuño de 2023, que incorpora o galego entre as opcións de configuración, sumándose aos outros catro idiomas (catalán, éuscaro, castelán e portugués) que xa ten incorporados esta ferramenta didáctica. O novo modelo foi presentado onte, 30 de marzo, nun acto celebrado na Facultade de Matemáticas da USC, no que tamén se anunciou a incorporación da imaxe da científica galega Ana Freire, líder do Proxecto STOP (Suicide Prevention in Social Platforms), á colección de calculadoras #científicasCASIO.

Así mesmo, a Xunta de Galicia e Casio organizarán obradoiros de aprendizaxe co ánimo de que o profesorado poida aprender a manexar con soltura o novo modelo da calculadora ClassWiz, que ademais de sumar o galego á súa oferta de idiomas, tamén incorpora novas funcionalidades.

Podes ampliar información premendo aquí.
31/03/2023. AXUDAS E PREMIOS

A Escola de Veterinaria de Lugo convoca unha nova edición de "Escolle en galego" e "O teu traballo ten premio"

A Comisión de Normalización Lingüística da Facultade de Veterinaria do Campus de Lugo (USC), coa colaboración do Servizo de Normalización Lingüística, convoca o IV Premio Escolle en Galego. Esta iniciativa busca que o profesorado que dá as clases en castelán proporcione o material de aula tamén en galego. O alumnado que escolla esta opción e a aplique nos seus traballos, poderá optar a premios de 100 e 75 euros, respectivamente, segundo se recolle nas bases.

Por outra parte, a CNL publica a convocatoria da sexta edición do certame O teu traballo ten premio, que recoñecerá con 250 e 125 euros, respectivamente, os traballos de fin de grao redactados e defendidos en galego que presenten unha maior calidade lingüística e formal.

31/03/2023. OUTRAS

Suso de Toro cede ao Consello da Cultura Galega parte dos seus fondos sonoros

A través dun convenio asinado o pasado 24 de marzo de 2023, o escritor Suso de Toro deposita no Arquivo Sonoro de Galicia 30 cintas co contido das entrevistas que realizou para documentar o libro Camilo Nogueira e outras voces.

Entre os numerosos protagonistas da historia recente de Galicia que reúne este traballo, podemos atopar as voces de Xosé Luís Méndez Ferrín, Xesús Alonso Montero, Paz López Facal, Ramón Piñeiro ou Xosé González.
31/03/2023. AXUDAS E PREMIOS

XIX Premios á calidade lingüística en galego

A Universidade de Santiago de Compostela convoca os XIX Premios á calidade lingüística, unha iniciativa impulsada polo Servizo de Normalización Lingüística co obxectivo de vincular calidade e uso do galego no ámbito académico.
Nas bases establécense quince premios en metálico e diploma acreditativo, que se distribúen nestas tres categorías: traballos académicos, de fin de grao e de fin de mestrado. A estes premios pode optar o alumnado da USC matriculado en titulacións oficiais de grao ou mestrado no curso 2022-2023.
30/03/2023. DINAMIZACIóN

Chega Olloboi 2023

A Asociación Olloboi presenta a nova edición do seu certame de cine, dirixido a todos os niveis educativos e ao conxunto da comunidade escolar (profesorado, alumnado e PAS). Poderán presentarse videocreacións (ficción ou documental) realizadas nos últimos tres anos, accesibles en Internet (nas canles Vimeo ou Youtube) e cunha duración non superior aos 20 minutos. A temática e a lingua é libre pero valorarase o uso do idioma galego, a sensibilidade medioambiental e social e o respecto ós dereitos dos animais. O prazo de inscrición dos traballos remata o 5 de maio.

Na páxina web da asociación podes consultar as bases do certame, obter información sobre a oferta de obradoiros en liña e inscribirte na “Muchachada”, a proposta de "creación rápida" que se desenvolverá na propia mañá do festival (26 de maio).
29/03/2023. AXUDAS E PREMIOS

Hoxe arrinca o Carballo Interplay cos premios aos contidos en galego

Carballo Interplay, o festival galego de contidos dixitais, bota a andar a súa décima edición coa entrega dos premios Dinoescolas, que teñen como obxectivo a incentivación e o fomento da creación de contidos audiovisuais orixinais en lingua galega, para a súa difusión por internet mediante a creación de capítulos da serie Dinosaurio.

Esta é só a primeira actividade dun programa que, durante catro días, ofrecerá proxeccións e coloquios, nalgúns casos por estreaming, e que rematará o sábado, 1 de abril de 2023, coa entrega dos premios das seccións oficiais.
29/03/2023. DINAMIZACIóN

#ComunicaEnGalego23 enche as redes

O alumnado da Facultade de Comunicación de Pontevedra, Universidade de Vigo, crea unha campaña para visibilizar os creadores e creadoras de contidos en galego nas redes sociais. Tan simple e efectivo como propoñer etiquetar as publicacións con #ComunicaEnGalego23 e #talentofcom.
28/03/2023. CURSOS E CONGRESOS

I Xornadas de actualización en lingua galega e literatura no ensino

O Grupo de Investigación Lingüística e Literaria Galega da Universidade da Coruña organiza as I Xornadas de actualización en lingua galega e literatura no ensino, baixo a coordinación dos profesores Cilha Lourenço Módia e Xoán López Viñas. As xornadas desenvolveranse en horario de tarde os días 13 e 14 de abril de 2023 na Sala de Xuntas da Facultade de Filoloxía da UDC. O prazo de inscrición remata o 12 de abril.
Podes ampliar información sobre o programa e mais os trámites de inscrición premendo aquí.
27/03/2023. CURSOS E CONGRESOS

Aberto o prazo de matrícula nas XXXII Xornadas de Lingua e Literatura

A Asociación Socio-Pedagóxica Galega e a CIG-Ensino organizan unha nova edición das Xornadas de Lingua e Literatura co obxectivo de ofrecer ferramentas didácticas útiles para a docencia da lingua e a literatura galegas, así como reflexionar sobre o proceso de normalización lingüística no ámbito do ensino. Nesta edición, o eixo sobre o que xirarán os diferentes relatorios e obradoiros será a expresión dramática e teatral nas aulas. As sesións, dirixida ao colectivo de profesorado non universitario de Galicia, terán lugar o 22 de abril de 2023 no IES As Fontiñas (Santiago de Compostela). A matrícula é gratuíta. Podes inscribirte premendo aquí.
24/03/2023. DINAMIZACIóN

O programa Elos precisa voluntarios/as lingüísticos/as

O Departamento de Lingua Galega do Concello de Santiago está a desenvolver nas redes sociais unha campaña de difusión do seu programa de voluntariado lingüístico Elos, co obxectivo de convidar a galegofalantes a que se inscriban no programa e deste xeito axuden a outras persoas que desexan aprender o noso idioma.

No web Delingua podes obter toda a información do programa Elos: folletos informativos, formularios de inscrición, carteis e vídeos divulgativos.
24/03/2023. DINAMIZACIóN

A píllara das dunas protagoniza a campaña de promoción do galego na hostalaría de Carballo

O Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Carballo e a Asociación de Hostalaría de Carballo organizan unha campaña de dinamización lingüística para difundir o patrimonio natural e lingüístico do concello entre a clientela do sector hostaleiro. A principal acción da iniciativa consistirá na distribución de 20.000 gardamanteis con pasatempos en galego da revista A Píllara, nos que tamén se inclúen imaxes da píllara das dunas, un poema de Eduardo Pondal no que fala desta ave protexida e un código QR que permite escoitar o seu canto.

Na páxina web do SNL do Concello de Carballo podes ampliar información sobre esta iniciativa.

24/03/2023. DINAMIZACIóN

Vídeos gañadores da VI edición do Certame Enreguéifate

O xurado da VI edición do Certame Enreguéifate fixo públicos os vídeos gañadores nas diferentes categorías (“regueifa máis brava”, “regueifa máis aguda”, “regueifa máis diversa”, “regueifa máis reivindicativa”, “regueifa mellor falada”, “regueifa mellor cantada”). Os galardóns entregaranse o vindeiro 14 de abril de 2023, no Auditorio de Galicia (Santiago de Compostela), no transcurso do “Enreguéifate-Regueifesta”, un festival conducido por Manolo Maseda, Séchu Sende, Lupe Blanco e Olalla Liñares, ao que asistirá alumnado de centros de ensino galegos e tamén de Cataluña e Euskadi.

Enreguéifate é un proxecto promovido polos servizos de normalización lingüística dos concellos de Ames, Carballo, Pontevedra, Santiago de Compostela e Teo que apoia a difusión da improvisación oral en verso para contribuír, por medio dela, á promoción do uso da lingua galega.
23/03/2023. OUTRAS

Conmemoración conxunta do centenario do Seminario de Estudos Galegos

O Consello da Cultura Galega (CCG) acolleu a presentación pública do programa de actividades que diferentes institucións e entidades galegas, entre as que se atopa o propio CCG, desenvolverán ao longo de 2023 para conmemorar o centenario do Seminario de Estudos Galegos (SEG). Trátase dunha amplo abano de iniciativas entre as que se inclúen exposicións, publicacións (facsímiles, estudos e obras de divulgación), conferencias, espectáculos e un congreso sobre o SEG. A páxina web do centenario, elaborada polo Consello da Cultura Galega, ofrece información detallada sobre os eventos conmemorativos, e tamén recursos documentais sobre a historia e a traxectoria do SEG e dos seus membros.
Con este mesmo obxectivo de divulgar o importante labor científico, cultural e lingüístico desenvolvido no seo do Seminario entre 1923 e 1936, o Álbum de Galicia incorporou esta mesma semana sete novas entradas, coas que se chega xa a un total de 65 biografías de homes e mulleres vencellados ao SEG (número que se irá incrementando no futuro).

Podes ampliar información premendo aquí.