Celso Emilio Ferreiro
Celanova, 1912 - Vigo, 1979Autoría: Ramón Nicolás
DOI: 10.17075/adg.0.23863
O gran poeta da longa noite
O día catro de xaneiro de 1912, ás catro da tarde, nacía en Celanova Celso Emilio Ferreiro Miguez, fillo de Venancio Ferreiro e de Obdulia Miguez Buxán. Foi o máis novo de sete irmáns e creceu nun ambiente republicano e galeguista pois seu pai pertencera ás Irmandades da Fala.
En Acevedo do Río pasará longas tempadas na antiga casa familiar onde se familiariza coa figura do padre escolapio Faustino Miguez, tío avó de Celso Emilio, que dedicou a súa vida á investigación botánica, á educación e ao labor sacerdotal.
Fórmase en Celanova cos frades escolapios establecidos no mosteiro de San Salvador, entre os anos 1919 e 1929. Neses anos, alén de xogar ao fútbol no Sporting de Celanova, comeza a cultivar a escrita e, ao tempo, maniféstanse as súas preocupacións sociais e políticas. Comeza así a publicar os seus primeiros poemas no Faro de Vigo e no Heraldo de Galicia.
En xullo de 1932 funda as Mocedades Galeguistas do distrito de Celanova xunto con outros mozos e no ano 1935, co seu amigo Pepe Velo, idea o Cartafol de poesía, proxecto consistente en enviar poemas a diversos subscritores: xente de letras, xornalistas, familiares e amigos, de maneira gratuíta. En outubro dese ano celebrarase en Celanova un acto da Federación de Mocedades Galeguistas en que participa como orador destacado desempeñando a función de secretario de organización. Pouco antes decidira trasladarse a Madrid para formar parte dun continxente militar de mozos e enfrontarse ao avance do fascismo en Abisinia pero é interceptado por un familiar que o obriga a retornar a Celanova. Ao mesmo tempo, responsabilízase da redacción de Guieiro. Outavoz patriótico da F.M.G. e da publicación nacionalista Adiante. En numerosos espazos divulga artigos cun alto grao de compromiso político e un deles cústalle un proceso xudicial que quedará sen efecto en febreiro de 1936. Un mes despois é designado polo gobernador civil representante das Mocedades Galeguistas na corporación do Concello de Celanova pero renuncia á acta de concelleiro polas súas conviccións arredistas.
En maio de 1936 participa na III Asemblea da Federación de Mocedades Galeguistas mais diante da sospeita fundada dun inminente golpe militar, o 15 de xullo, viaxa ata Ourense, con Remixio González e Xosé Velo, para manter unha audiencia co gobernador civil. Pídenlle permiso para requisar armas e subministrárllelas ás persoas máis afectas á República mais o gobernador ordena a detención dos tres mozos que pasarán tres días no calabozo ata que os falanxistas abran os cárceres e, así, saian cheos de estupor pero convencidos de que aínda deben facer un servizo á República: furtan uns cartuchos de dinamita nunha mina próxima a Ourense e deciden sabotar, sen conseguilo, unha torre do tendido eléctrico situada no monte Furriolo.
Tras fuxir durante uns días un irmán seu obrígao a alistarse como soldado no exército sublevado. Trasládase, así, á fronte de Asturias onde se incorporará a un Rexemento de Infantería durante un ano e, desde decembro de 1937, prestará os seus servizos na sección de Transmisións de Oviedo. Durante esta época escribirá poemas que foron compilados e editados por Xavier Ferreiro baixo o título de Birimbao (2020).
Ao gozar dun permiso para visitar a súa nai doente fala abertamente nunha taberna sobre as barbaries fascistas e dá vivas á URSS. Unha veciña denúnciao ás autoridades militares e pasa catro días e tres noites nun zulo pétreo do mosteiro de San Salvador. Desa experiencia nacería o seu recoñecido poema «Longa noite de pedra».
En Asturias coñecerá a María Luisa Moraima Loredo, con quen casará en Xixón, e con quen terá catro fillos: Luís (1945), José María (1947), Isabel (1948) e Xavier (1950).
Rematada a guerra retorna a Celanova onde obterá o título de bacharel. Tras exercer durante un tempo a docencia comeza por libre os estudos de Dereito e Maxisterio.
En 1941 publica Al aire de tu vuelo: libro de “noivado” con poemas amorosos. En xullo de 1943 oposita e consegue o posto de secretario e logo xefe de Xustiza da Fiscalía de Taxas en Pontevedra e, ao longo desa década, participa activamente na vida cultural da cidade e colabora en Sonata Gallega, Finisterre ou no semanario Ciudad. En 1947 publica Bailadas, cantigas y donaires, composicións neopopularistas prologadas por Fermín Bouza-Brey.
A partir de 1948 colabora coas emisións radiofónicas do Galician Programme, da BBC de Londres e, en 1949, xunto con Sabino Torres Ferrer, Emilio Álvarez Negreira e mais Manuel Cuña Novás coordina a colección Benito Soto de poesía: primeira colección estable que incorpora libros en lingua galega na posguerra.
En outubro de 1949 obtén o título de Procurador dos Tribunais e once meses despois trasladarase a Vigo para exercer como tal, ocupación que compaxinará co de accionista nunha oficina de seguros sociais e co de director dun obradoiro de fotogravado. Desde ese ano comeza a colaborar no Faro de Vigo, onde destacou polas prosas que deu a coñecer baixo a epígrafe de «La jaula de los pájaros raros». Escribiu, igualmente, en Alba, Aturuxo, Vieiros, Papeles de Son Armadans, Eufonía, Litoral ou Vida Gallega, alén de facelo nas páxinas de El Ideal Gallego, La Región ou Diario de Pontevedra.
Publica, en 1951, Musa alemá: unha escolma de quince poemas de diversos autores traducidos do alemán por Antonio Blanco Freijeiro, prologados por Aquilino Iglesia Alvariño e versionados por Celso Emilio. O libro foi secuestrado pola censura e non se puido distribuír.
En 1954 dá a coñecer o seu traballo Curros Enríquez. Biografía (Editorial Moret) e un ano despois autopublica Voz y voto nas gráficas Númen de Vigo aínda que, polo seu carácter clandestino, figurase falsamente impreso na colección Papel de Estraza da Editorial Rex de Montevideo. Ese mesmo ano dá ao prelo O soño sulagado, onde recolle trinta e unha composicións que se achegan ao intimismo saudoso da infancia pasando pola poesía de xorne reivindicativo ata versos de carácter irónico.
En 1962, a colección poética Salnés, vinculada a Galaxia e que el mesmo dirixía xunto con Francisco Fernández del Riego e mais Emilio Álvarez Blázquez, acolle o libro Longa noite de pedra: un dos seus libros poéticos máis relevantes e emblemáticos para toda unha xeración e que o converteu no poeta de preferencia para a música contestataria de numerosos cantautores da época.
En xullo de 1964 participa na fundación da Unión do Povo Galego, partido político ao que pertencerá ata a súa ruptura producida en setembro de 1974. Por razóns derivadas do seu compromiso político, alén doutras de orde económica e da súa participación nos Canti della nuova resistenza spagnola (1939-1961) fan que decida aceptar unha proposta de traballo na Hermandad Gallega de Venezuela, en Caracas. Antes da súa marcha ofréceselle unha homenaxe de despedida en Ourense que se converteu nun dos primeiros actos públicos de contestación anti-franquista.
Xa en Caracas asume diversas responsabilidades na institución e en 1967 fundará e presidirá a Agrupación Nós para politizar cara ao nacionalismo a Hermandad Gallega. Con todo, a través dunhas eleccións fraudulentas, unha nova directiva decidirá expulsalo. Tras crear o Padroado da Cultura Galega, e ser igualmente expulsado por unha facción de filiación anticomunista, comezará unha campaña calumniosa contra el -bo exemplo é a filtración aos xornais galegos da falsa noticia da súa morte e dun fillo seu- e traballará como profesor e corrector de probas nunha imprenta ata que, tras conseguir en 1969 a cidadanía venezolana, accede ao posto de corrector de estilo no gabinete de prensa da Oficina Central de Información do presidente Rafael Caldera.
Alén de ser galardoado en diversos premios literarios redacta o folleto Castelao dixo: unha antoloxía sobre textos do rianxeiro. Ademais, publica Viaxe ao país dos ananos (1968) que, na súa primeira parte, é un corrosivo ataque aos emigrantes envilecidos e, nese ano, publica en Caracas Cantigas de escarnio e maldecir que asina como Arístides Silveira. No ano 1969 dá a coñecer Terra de ningures na colección Val de Lemos dirixida por Manuel María onde tamén quería publicar Antipoemas. A censura mutila este último e decide envialo, en castelán, ao Premio Internacional de Poesía Álamo de Salamanca non sen antes ofrecer un adianto editorial baixo o título de 13 poemas iracundos y una canción desesperada (Expediente, nº 2, 1970). O seu libro é galardoado e, ao saír publicado en 1972, decátase de que os editores eliminaron dez poemas que el vai autoeditar en Caracas baixo o título de Poemas prohibidos. Diez poemas no incluidos en el libro “Antipoemas” por causas no imputables a la voluntad del autor. Tamén nese ano publica o seu primeiro libro de relatos: A fronteira infinda.
En 1973 enriquece a súa produción con dous libros asinados con pseudónimos: Os autentes e Fóronse á puñeta e mais co volume de epitafios burlescos: Cimenterio privado. Nesta década tan frutífera aínda tres anos antes publica, en Ediciós do Castro, un romance de cego titulado Paco Pixiñas.
Igualmente en 1973 retorna con destino a Madrid onde traballará na revista Tribuna médica e dirixirá a sección de Literatura galega da Aula de Cultura do Ateneo. En 1975 publica o seu libro máis intimista -Onde o mundo se chama Celanova- e unha ducia de poemas antifranquistas baixo o título de Al César enano co pseudónimo de Stow Kiwotto Lumen.
Alén de varias antoloxías e dos primeiros volumes da súa obra completa en Akal, en 1978 publicará unha sorte de memorias ficcionadas: A taberna do Galo e, un ano antes, concorre como candidato na Candidatura Democrática Galega. Nos últimos meses da súa vida, cun grupo de militantes do PSG, solicita a súa entrada no PSOE.
O 30 de agosto de 1979 falece na súa casa de Vigo e o 1 de setembro é soterrado en Celanova. Poucos días despois aparece o seu primeiro libro póstumo: O libro das homenaxes (1979). Sucederanse as homenaxes entre as que cómpre salientar a celebrada o 28 de outubro no Polideportivo do Sar en Compostela e a do Palacio dos Deportes de Madrid o 3 de novembro. No ano 1989 dedícaselle o Día das Letras Galegas e hoxe en día é considerado unha das grandes voces da poesía galega do século XX.
Bibliografía
Bibliografía primaria
Ferreiro, Celso Emilio (1975): Obras completas, I. Madrid: Akal.
Ferreiro, Celso Emilio (2003): Obra narrativa. Edición de Mónica Góñez. Vigo: Xerais.
Ferreiro, Celso Emilio (2004): Poesía galega completa. Edición de Ramón Nicolás. Vigo: Xerais.
Ferreiro, Celso Emilio (2005): Semblanzas, crónicas e artigos. Edición de Ramón Nicolás. Vigo: Xerais.
Ferreiro, Celso Emilio (2020): Birimbao. Poemas de mí para ti. Edición de Xavier Ferreiro Loredo. Vigo: Xerais.
Ferreiro, Celso Emilio (2021): Longa noite de pedra. Edición de Ramón Nicolás. Vigo: Xerais.
Bibliografía secundaria
Alonso Montero, Xesús (1982): Celso Emilio Ferreiro. Estudio. Madrid: Júcar.
Álvarez, Aser (coord.) (2005): Celso Emilio fai 95 anos, Arraianos, 6. Celanova: Asociación Arraianos.
Álvarez Blanco, Rosario (coord.) (1992): Estudios dedicados a Celso Emilio Ferreiro, 2 vols. Santiago de Compostela: Universidade de Santiago de Compostela.
Carballa, Xan e outros (coords.) (1989): Celso Emílio Ferreiro: comun temos a pátria. Vigo: A Nosa Terra.
Ferreiro, Charo; Pena, Inmaculada (coords.) (2004): Xornadas sobre Celso Emilio Ferreiro: Actas das Xornadas realizadas pola Dirección Xeral de Promoción Cultural en Vigo. Santiago de Compostela: Xunta de Galicia.
Nicolás, Ramón (1992): O soño sulagado de Celso Emilio Ferreiro. Guía de lectura. Vilaboa: Edicións do Cumio.
Nicolás, Ramón e outros (2008): Celso Emilio Ferreiro. Fotobiografía sonora. Sarria: Ouvirmos.
Nicolás, Ramón (2009): Conversas con Celso Emilio Ferreiro. Vigo: Xerais.
Nicolás, Ramón (2010): «O “Adiante” das Mocedades Galeguistas», Caderno da crítica, (10 de novembro). (https://cadernodacritica.wordpress.com/2010/11/10/o-adiante-das-mocedades-galeguistas-2/) [2023-02-08]
Nicolás, Ramón (2012): Onde o mundo se chama Celso Emilio Ferreiro. Vigo: Xerais.
Nicolás, Ramón (2020): Chorimas para Celso Emilio Ferreiro. Un memorial: 1979-2019. Vigo: Xunta de Galicia-Parlamento de Galicia. (https://www.parlamentodegalicia.es/sitios/web/Publicacions/Chorimas%20para%20Celso%20Emilio%20Ferreiro.pdf) [2023-02-08]
Pena, Xosé Ramón (2019): Historia da Literatura Galega IV. De 1936 a 1975. A “longa noite”. Vigo: Xerais.
Perozo, Xosé Antonio; Porteiro, María Xosé (1981): Celso Emilio Ferreiro (compañeiro do vento e as estrelas). Madrid: Akal.
Sanmartín, Anxos (1996): «Un momento crucial: Longa noite de pedra de Celso Emilio Ferreiro». En Historia da Literatura galega, vol. 4. Vigo: AS-PG.
VV.AA. (1989): Boletín Galego de Literatura, 1. Santiago: Universidade de Santiago.
Como citar: Nicolás, Ramón : Celso Emilio Ferreiro. Publicado o 0/0/0 no Álbum de Galicia (Consello da Cultura Galega) http://consellodacultura.gal/album-de-galicia/detalle.php?persoa=1447. Recuperado o 22/03/2023
DOCUMENTACIÓN DE
Correspondencia de Xosé Neira Vilas con Valentín Paz-Andrade e Celso Emilio Ferreiro
Neira Vilas, Xosé (2012): Cadernos Ramón Piñeiro (XXII). Correspondencia de Xosé Neira Vilas con Valentín Paz-Andrade e Celso Emilio Ferreiro. Santiago de Compostela: Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades.
Fonte: Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades
http://www.cirp.es/pub/docs/crp/crp22.pdf [2022-12-30]
DOCUMENTACIÓN SOBRE
Memorial, elaborado por Ramón Nicolás, dos feitos dos que Celso Emilio Ferreiro foi protagonista tras a súa morte
Nicolás, Ramón (2020): Chorimas para Celso Emilio Ferreiro. Un memorial: 1979-2019. Vigo: Xunta de Galicia / Parlamento de Galicia.
Fonte: Parlamento de Galicia
https://www.parlamentodegalicia.es/sitios/web/Publicacions/Chorimas%20para%20Celso%20Emilio%20Ferreiro.pdf [2022-12-28]
Documento divulgativo sobre Celso Emilio Ferreiro elaborado por Miro Villar
Villar, Miro (2010): Celso Emilio Ferreiro. A Coruña: Asociación de Escritores en Lingua Galega.
Fonte: Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega
https://www.aelg.gal/centro-documentacion/autores-as/miro-villar/paratextos/3038/celso-emilio-ferreiro-versions-deustch-espanol-english-franais-italiano [2022-12-28]
Artigo de Ramón Nicolás sobre a obra poética de Celso Emilio na etapa 1933-1935
NICOLÁS, Ramón: «Poesía e política no primeiro Celso Emilio Ferreiro (1933-1935)», Boletín Galego de Literatura, 13 (1995), 97-104.
Fonte: Minerva. Repositorio Institucional da USC
http://hdl.handle.net/10347/1844 [2022-12-28]
Biobliografía de Celso Emilio Ferreiro elaborada por Blanca Ana Roig Rechou
Roig Rechou, Blanca Ana: «Bio-bibliografía de Celso Emilio Ferreiro Míguez», Boletín Galego de Literatura, 1 (1989), 113-138.
Fonte: Minerva. Repositorio Institucional da USC
http://hdl.handle.net/10347/1531 [2022-12-28]
Ligazóns de interese
Sitio web oficial sobre Celso Emilio Ferreiro
Sitio web elaborado pola Fundación Celso Emilio Ferreiro con información biográfica e bibliográfica sobre autor, galería fotográfica e arquivo sonoro, entre outros recursos.
Fonte: Fundación Celso Emilio Ferreiro
https://celsoemilioferreiro.org/ [consulta: 2022-12-28]
Artigo sobre o achado da acta fundacional da Mocidade Galeguista de Celanova, da que Xosé Velo formou parte importante como representante, con Celso Emilio Ferreiro, da corrente arredista
Fonte: Sánchez Martínez, Pablo: «Achada a acta fundacional da Mocedade Galeguista de Celanova», Murguía, Revista Galega de Historia, (27 de agosto de 2021)
http://www.revistamurguia.com/?p=2922 [Consulta: 2022-12-30]
51 páxinas das nosas Letras
Catálogo da exposición organizada polo Parlamento de Galicia en 2013 para conmemorar o 50 aniversario do Día das Letras Galegas
Fonte: Parlamento de Galicia
https://www.parlamentodegalicia.es/sitios/web/Publicacions/51%20paxinas%20das%20nosas%20letras.pdf [Consulta: 2022-12-30]
Artigo didáctico no que Ramón Nicolás explica a importancia do achado do semanario Adiante das Mocedades Galeguistas
Fonte: NICOLÁS, Ramón: «O “Adiante” das Mocedades Galeguistas», Caderno da crítica, (10 de novembro de 2010)
https://cadernodacritica.wordpress.com/2010/11/10/o-adiante-das-mocedades-galeguistas-2/ [Consulta: 2022-12-30]
Espazo web da Real Academia Galega dedicado a Celso Emilio Ferreiro
Fonte: Real Academia Galega
https://academia.gal/letras-galegas/1989/celso-emilo-ferreiro [consulta: 2022-12-28]
Pezas audiovisuais emitidas na TVG sobre a vida e obra de Celso Emilio Ferreiro
Fonte: Televisión de Galicia
https://www.crtvg.es/cultural/especiais/categoria/celso-emilio-ferreiro [consulta: 2022-12-28]
Información sobre os 10 poemas censurados de Celso Emilio Ferreiro
Espazo do Diario Cultural da Radio Galega, emitido o 30 de novembro de 2022, no que se fala dos dez poemas censurados de Celso Emilio Ferreiro, recuperados agora polo Colexio de Procuradores de Vigo e a Fundación Celso Emilio Ferreiro [10´]
Fonte: Radio Galega
http://www.crtvg.es/atopao/q:%22celso%20emilio%20ferreiro%22 [consulta: 2022-12-28]
Información no Diario Cultural da Radio Galega sobre o poemario Longa noite de pedra
Espazo do Diario Cultural da Radio Galega, emitido o 13 de setembro de 2021, sobre a nova edición de Xerais do poemario "Longa noite de pedra", que conta cun estudo introdutorio de Ramón Nicolás [21´ 38´´]
Fonte: Radio Galega
http://www.crtvg.es/rg/destacados/diario-cultural-diario-cultural-do-dia-13-09-2021-5311787?t=755 [consulta: 2022-12-28]
O Diario Cultural da Radio Galega falas dos textos escritos en castelán por Celso Emilio Ferreiro
Espazo do Diario Cultural da Radio Galega, emitido o 11 de decembro e 2020, no que se fala dos texto de Celso Emilio Ferreiro, escritos en castelán, sobre a súa tarefa de procurador. [9´ 28´´]
Fonte: Radio Galega
http://www.crtvg.es/rg/destacados/a-tarde-a-tarde-do-dia-11-12-2020-4691083?t=16 [consulta: 2022-12-28]
O Diario Cultural da Radio Galega fala da obra Birimbao. Poemas de mí para ti (1937-1939)
Espazo do Diario Cultural da Radio Galega, emitido o 3 de febreiro de 2020, no que se presenta a obra "Birimbao. Poemas de mí para ti (1937-1939)", de Celso Emilio Ferreiro. [18´ 25´´]
Fonte: Radio Galega
http://www.crtvg.es/rg/destacados/diario-cultural-diario-cultural-do-dia-03-02-2020-4289832?t=182 [consulta: 2022-12-28]
Videos
Tríptico, composición de Mili Porta sobre poemas de Celso Emilio Ferreiro
Tríptico. Textos: Celso Emilio Ferreiro; música: Mili Porta; soprano: Clara Panas; piano: Margarita Viso.
Galegas Compositoras. Irmandade da Música Galega. Real Academia Galega de Belas Artes
A Coruña, 14-II-2020
Fonte: https://www.youtube.com/watch?v=ylNw6d0egsw&ab_channel=MargaritaVisoSoto [consulta: 2022-12-30]
Celso Emilio Ferreiro - Entrevistas [1 h, 14´ e 35´´]
Entrevistas realizadas entre 1978 e 1979 por María Xosé Porteiro e Xosé Antonio Perozo ao poeta Celso Emilio Ferreiro, que serviron de base para a publicación, en formato casete, de Celso Emilio Ferreiro. Entrevista (Consello da Cultura Galega, 1996)
Fonte: Consello da Cultura Galega
https://www.youtube.com/watch?v=ZnUC-71yvng [consulta: 2022-12-16]
Declaracións de Celso Emilio Ferreiro sobre a sublevación militar de 1936 en Galicia [1´ 02´´]
Fragmento do documental "¡Arriba, España!", dirixido por José María Berzosa e estreado en Francia no ano 1976, no que se recollen unhas declaracións de Celso Emilio Ferreiro sobre a guerra civil de 1936.
Fonte: canle de Youtube de Ramón Nicolás
https://www.youtube.com/watch?v=wKbKaLn3lF0 [consulta: 2022-12-29]
Celso Emilio Ferreiro, onte e hoxe [12´18´´]
O programa "Reporteiros", da Televisión de Galicia, emitiu en decembro de 2012 esta reportaxe sobre Celso Emilio Ferreiro, con motivo da conmemoración dos 100 anos do seu nacemento.
Fonte: Televisión de Galicia
https://www.youtube.com/watch?v=LyR4zMinIQc [consulta: 2022-12-29]
«Irmaus», de Celso Emilio Ferreiro, interpretado por Fuxan os Ventos
Fonte: https://www.youtube.com/watch?v=EBFZxhCjgyo [consulta: 2022-12-29]
«Deitado fronte a mar», de Celso Emilio Ferreiro, interpretado por Dios ke te crew [3´ 13´´]
Fonte: https://www.youtube.com/watch?v=KRfREFi3eqk [consulta: 2022-12-29]
«Un día», de Celso Emilio Ferreiro, interpretado por Son Trío [4´ 06´´]
Fonte: https://www.youtube.com/watch?v=mkT-KgQwDjQ [consulta: 2022-12-29]
«Monólogo do vello traballador», de Celso Emilio Ferreiro, interpretado por Pucho Boedo [3´ 03´´]
Fonte: https://www.youtube.com/watch?v=dfNKNAxba6o [consulta: 2022-12-29]
100% CEF. Unha biografía de Celso Emilio Ferreiro [60 ´ 08´´]
Longametraxe documental, dirixida por Aser Álvarez en 2012, sobre o poeta Celso Emilio Ferreiro. Intervén, entre outros, Sabino Torres, que fala de quen fora o seu amigo e director da colección Benito Soto [22´ 51´´ e 27´49´´] .
Fonte: Arraianos Producións e Multimedia
https://vimeo.com/351602041 [consulta: 2022-12-29]
Publicacións periódicas
Nosa Galiza, A (-) .
Xornal da Sociedade A Nosa Galiza
Finisterre (1943-1946) .
Revista de Galicia
Eufonía (1958-) .
Pubricación periódica de circulación intercontinental antre os galegos
Abrente (1960-) .
Casa de Galicia de Valladolid
Orientación Gallega (1962-) .
Irmandade (1965-) .
N.º 1-2: Boletín mensual de la Hermandad Gallega de Venezuela
N.º 24-26: Periódico de la Hermandad y para la Hermandad: Apolítico, Cultural, Social, Deportivo y Benéfico
N.º 28-36: Hermandad Gallega de Venezuela
Correo de Galicia (1965-) .
El periódico para los 600.000 hogares gallegos del Río de la Plata
Galicia [Caracas 1968] (1968-) .
Órgano de la Agrupación Galicia
Rego (1974-) .
Documentos pró galeguismo
Libros do ccg sobre Celso Emilio Ferreiro
Ofrenda lírica á nena Silvia Santiago Conde no día da súa Primeira Comuñón.
2017 | Afonso Vázquez-Monxardín, Edición. Patricia Arias Chachero, Edición.
7 de setembro, 1960
Dezaseis cancións para voz e piano.
2012 |
XXV anos da Asociación Galega de Compositores (1987-2012)