Novas da lingua

Rexistros1141 a 1170 de 5280
18/11/2022. DINAMIZACIóN

Campaña "Cambia a túa mirada" na Facultade de Veterinaria de Lugo

A Comisión de Normalización Lingüística da Facultade de Veterinaria do Campus de Lugo da USC pon en marcha unha nova edición da campaña Cambia a túa mirada, dirixida ao alumnado procedente de fóra de Galicia da facultade.

Co propósito de acompañar e acelerar o proceso de integración deste estudantado, promover o respecto lingüístico e favorecer o mantemento lingüístico das persoas galegofalantes, son varias as actuacións programadas no curso 2022-2023. En primeiro lugar, a difusión a través de whatsapp de vídeos con testemuños de estudantes, docentes, investigadores e profesionais en activo. A seguir, a distribución de material promocional e a habilitación dun photocall no aulario.

Na páxina web do Servizo de Normalización Lingüística da USC podes atopar máis información.
17/11/2022. CURSOS E CONGRESOS

O Simposio ILG 2022 céntrase na edición dixital de textos medievais

O Instituto da Lingua Galega da Universidade de Santiago de Compostela, en colaboración co Consello da Cultura Galega, a Universidade de Alcalá e a Xunta de Galicia, organiza o Simposio ILG 2022, que leva por título “Edición Dixital de Textos Antigos: Modelos, Proxectos e Ferramentas”, poñendo o foco na edición dixital de textos galegos do período medieval.
As sesións desenvolveranse entre o 28 de novembro e o 2 de decembro de 2022, no salón e graos da Facultade de Filoloxía da USC. O prazo de inscrición remata o 28 de novembro ás 12 h.

16/11/2022. CURSOS E CONGRESOS

Charla-coloquio sobre o nome da ría de Ribadeo

O xoves 17 de novembro de 2022, ás 20 h, a Casa do Viejo Pancho, en Ribadeo, acolle a charla-coloquio «Na defensa da nosa ría».

Este acto contará coa participación do alcalde de Ribadeo, Fernando Suárez Barcia, o presidente da Mesa pola Normalización Lingüística, Marcos Maceira, e o mariño mercante e estudoso da toponimia local Francisco Campos Dorado.

Desde o propio día 18 ata o 24 de novembro, quen o desexe tamén pode visitar unha exposición de cartas náuticas no mesmo edificio. Máis información aquí.
15/11/2022. INVESTIGACIóN

Nova edición da xornada "Matemáticas: habelas hainas!"

A Comisión de Normalización Lingüística da Facultade de Matemáticas e o Seminario de Iniciación á Investigación (SII) do centro, co apoio do Servizo de Normalización Lingüística (SNL) da Universidade de Santiago de Compostela, organizan unha nova edición da xornada divulgativa "Matemáticas: habelas hainas!", dirixida fundamentalmente a estudantes de grao e máster. Nesta edición de 2022, cinco investigadores/as explicarannos en lingua galega, en charlas breves e amenas, diferentes aspectos relacionados coa investigación matemática. A xornada terá lugar o vindeiro 23 de novembro de 2022, ás 16:00 h, na Aula Magna da Facultade de Matemáticas da USC.

Para obter máis información sobre o programa completo e mais os trámites de inscrición, preme aquí.
14/11/2022. DINAMIZACIóN

Paseo literario en Vigo para conmemorar o centenario do manifesto "Máis alá!"

O 28 de xuño de 1922 a Editorial Nós publicaba o manifesto Máis alá!, asinado polo poeta Manuel Antonio e o debuxante Álvaro Cebreiro, que segue a simbolizar, cen anos despois, un claro compromiso coa liberdade creativa e co idioma galego. Para conmemorar o centenario deste importante manifesto, o Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Vigo organiza o paseo “100 anos do manifesto Máis alá!”, no que o público asistente terá ocasión de descubrir os lugares relacionados coa estadía de Manuel Antonio en Vigo. A actividade terá lugar o vindeiro sábado, 19 de novembro de 2022, a partir das 11:00 horas. A asistencia é libre e non se precisa inscrición previa. Para ampliar información, preme aquí.
11/11/2022. INVESTIGACIóN

A Universidade de Vigo presenta a revista Cumieira das Letras

O Departamento de Filoloxía Galega e Latina da Universidade de Vigo presentou publicamente Cumieira das Letras, unha nova publicación periódica que terá unha periodicidade anual e recollerá traballos científicos en galego sobre a lingua, literatura e cultura galegas. O primeiro número, dedicado á figura de Álvaro Cunqueiro, xa está accesible en liña.
Con esta nova revista complétase un proxecto que comezou hai xa sete anos co nacemento de Cumieira. Cadernos de investigación da Nova Filoloxía Galega, a “irmá xemelga” creada para divulgar os traballos dos/as investigadores/as máis novos/as.

Se o desexas, no Diario da Universidade de Vigo podes ampliar información.
11/11/2022. DINAMIZACIóN

A Deputación da Coruña divulga nas redes sociais #AsPalabrasdaCiencia

Coincidindo coa conmemoración do Mes da Ciencia en Galego, a Área de Normalización Lingüística da Deputación da Coruña presenta a segunda edición da campaña #AsPalabrasdaCiencia, unha iniciativa dirixida a todos os públicos e deseñada para divulgar nas redes sociais da deputación provincial (Facebook, Twitter e Instagram) contidos e información relacionada coa ciencia que se fai en galego. A maiores, entre as persoas que colaboren divulgando a campaña sortearase un telescopio e tres lotes de libros de temática científica.
Para ampliar información, preme aquí.
11/11/2022. OUTRAS

Apoio unánime do Parlamento de Galicia a Ponte... nas Ondas!

O Parlamento de Galicia aprobou, co apoio unánime dos tres grupos políticos con representación parlamentaria, unha declaración institucional na que “agradece e recoñece o labor de Ponte...nas ondas! a prol da salvagarda do noso patrimonio inmaterial e apoia a inscrición do modelo Ponte...nas ondas! no rexistro das boas prácticas co PCI da UNESCO”.
Esta declaración súmase aos diferentes apoios que esta asociación pedagóxica e cultural está a recibir nos días previos á celebración do 17 Comité Intergobernamental para a Salvagarda do Patrimonio Cultural Inmaterial, no que se decidirá se se inscribe o proxecto Ponte... nas ondas! no Rexistro de Boas Prácticas de Salvagarda do Patrimonio Cultural Inmaterial (PCI) da Unesco, tras a presentación oficial conxunta en 2021 da súa candidatura por parte dos gobernos de España e Portugal.

11/11/2022. DINAMIZACIóN

Play.aRi[t]mar, repertorio de música e poesía de Galicia e Portugal

A Escola Oficial de Idiomas de Santiago, co apoio da Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia, presenta o proxecto play.ari[t]mar, un repositorio web dirixido á mocidade que compila máis dun cento de creacións poéticas e musicais dos artistas que participaron nas diferentes edicións do certame aRi[t]mar. A iniciativa aRi[t]mar é un proxecto didáctico e cultural, promovido desde 2016 pola EOI de Santiago de Compostela, co obxectivo de afianzar os vínculos lingüísticos e culturais entre Galicia e Portugal.
Podes ampliar información premendo aquí.
10/11/2022. AXUDAS E PREMIOS

XXIII Premios Manuel Beiras ao uso do galego na empresa

Baixo o lema “Prende o galego. Brilla con luz propia”, o Concello de Santiago de Compostela e a Cámara de Comercio convocan a vixésimo terceira edición dos Premios Manuel Beiras, que teñen como finalidade recoñecer o compromiso coa normalización lingüística no sector empresarial compostelán, premiando o uso do galego na comunicación comercial nas seguintes categorías: "empresa cun uso continuado da lingua galega", "empresa de nova incorporación ao uso da lingua galega" e "empresa innovadora no uso do galego". Poden concorrer a este premio as empresas radicadas do concello de Santiago de Compostela, entendendo aquelas que teñen a súa sede social no municipio ou que realizan unha importante actividade nel. As empresas poderán presentar directamente a súa candidatura ou seren propostas por calquera outra persoa ou entidade. O acto oficial de entrega de premios terá lugar o 19 de decembro de 2022 no Teatro Principal, ás 20 h.
No sitio web da iniciativa atoparás as bases completas da convocatoria, instrucións para presentar as candidaturas e información sobre edicións anteriores.
10/11/2022. CURSOS E CONGRESOS

Xornada sobre lingua galega e sociedade na educación secundaria

O vindeiro 17 de novembro de 2022 terá lugar a xornada “Lingua galega e sociedade na Educación Secundaria”, onde se compartirán e debaterán os datos obtidos durante o traballo de campo do proxecto de investigación “Lingua e sociedade no ensino secundario obrigatorio e no bacharelato. Práctica docente, formación, expectativas de futuro, demandas e propostas de mellora entre o profesorado”, promovido pola Universidade de Vigo e a Deputación de Pontevedra. As sesións terán lugar no salón de plenos da Deputación de Pontevedra e a inscrición é de balde. Para ampliar información sobre a xornada preme aquí.
No Diario da Universidade de Vigo tamén podes obter máis información sobre o proxecto de investigación no que se inscriben.
10/11/2022. OUTRAS

Gonzalo Navaza ingresa na RAG cun discurso sobre a toponimia de Lalín

O pasado sábado, 5 de novembro de 2022, o filólogo Gonzalo Navaza ingresou como membro de número na Real Academia Galega e fíxoo cun discurso sobre os topónimos de Lalín que teñen a súa orixe nun antropónimo. Este discurso está accesible en Internet na publicación Nomes de persoa na toponimia de Lalín, que tamén inclúe a resposta do académico Antón Santamarina. Na páxina web da RAG podes ampliar esta información.
10/11/2022. CURSOS E CONGRESOS

Accesibles todos os vídeos dos XXIV Encontros para a Normalización Lingüística

O pasado 20 de outubro de 2022 tiveron lugar os XXIV Encontros para a Normalización Lingüística, nos que diferentes creadoras e creadores do país debateron sobre como tecer redes no sector artístico para potenciar a lingua de xeito cooperativo. Agora xa podes acceder en liña a todas estas intervencións nos vídeos dos XXIV Encontros, tanto a través da páxina web do CCG como da súa canle de Youtube.
09/11/2022. DINAMIZACIóN

A Deputación de Pontevedra crea de xeito permanente o Catálogo de grupos Musigal

A Deputación de Pontevedra publica as bases de creación do Catálogo de grupos Musigal, deseñado para contribuír á difusión e á promoción da música galega e en galego nos concellos da provincia de Pontevedra. Ao abeiro deste programa crearase un catálogo de grupos musicais profesionais que fagan música galega e en galego nos seus concertos ou, no caso de ser instrumentais, que as súas pezas sexan de autoría galega. Posteriormente, este catálogo ofertaráselles aos concellos da provincia para que poidan solicitar a actuación dos grupos. O catálogo terá unha vixencia indefinida mentres estea en vigor o programa “Musigal”. O prazo de presentación de solicitudes de inclusión, baixa ou modificación de datos neste catálogo é do 15 de novembro ata o 1 de decembro de cada ano natural. Podes consultar as bases completas do programa premendo aquí.
08/11/2022. DINAMIZACIóN

Concurso escolar para elaborar a exposición das Letras Galegas de 2023

A Secretaría Xeral de Política Lingüística convoca unha nova edición do Concurso para elaborar a exposición sobre o autor homenaxeada o Día das Letras Galegas, dirixido aos centros de ensino público non universitario. Os/as participantes deben elaborar unha exposición relacionada coa obra, época e lingua do autor homenaxeado no Día das Letras Galegas 2023, Francisco Fernández del Riego, e/ou a situación sociolingüística da etapa histórica na que viviu. O concurso consta de dúas categorías, unha para os centros de educación infantil e primaria e outra para os restantes (educación secundaria obrigatoria, bacharelato, formación profesional e ensinanzas de réxime especial). Outorgarase un premio en metálico de 2.000 euros para cada categoría. O prazo de presentación dos traballos remata o 20 de xaneiro de 2023. Para obter máis información, preme aquí.
07/11/2022. INVESTIGACIóN

A USC convida a mocidade investigadora a divulgar a química en galego

A Comisión de Normalización Lingüística da Facultade de Química, co apio do Servizo de Normalización Lingüística da USC, está a organizar a II Xuntanza de Investidador@s Nov@s no ámbito da Química, que terá lugar o 25 e 26 de xaneiro de 2023, na Facultade de Química da USC. Trátase dunhas sesións abertas de comunicacións orais nas que a mocidade investigadora no ámbito da química terá ocasión de expoñer, en lingua galega e cun enfoque divulgativo, algúns aspectos dos seus traballos de investigación. A xuntanza está dirixida aos estudantes de máster ou de programas de doutoramento da USC relacionados co ámbito da química. O prazo de inscrición remata o 30 de novembro de 2022.
04/11/2022. DINAMIZACIóN

As bibliotecas súmanse á promoción da ciencia en galego

A Xunta de Galicia organiza unha nova edición do programa Novembro, mes da ciencia en galego nas bibliotecas, que inclúe máis de 40 iniciativas (obradoiros, experimentos, contacontos, charlas e mostras bibliográficas) deseñadas para contribuír á divulgación científica en galego nas bibliotecas públicas e escolares. Igual ca en edicións anteriores, o programa de actividades está acompañado dun manifesto, que nesta ocasión asina o profesor, investigador e divulgador da USC José Tubío.
A maiores, tamén atoparás en Internet unha compilación de materiais didácticos e bibliografía de referencia en galego de temática científica.
04/11/2022. CURSOS E CONGRESOS

Xornada sobre política lingüística nos países federais e descentralizados

A Fundación Manuel Giménez Abad, xunto co Forum of Federations, a Embaixada de Canadá en España, Eurac Research e o Observatorio de Derecho Público, organiza, o vindeiro 9 de novembro de 2022, a xornada "La política lingüística en los países federales y descentralizados".

Este evento require inscrición tanto para a asistencia presencial coma para o seguimento a través de Zoom. Consulta o programa e toda a información na súa páxina web.
04/11/2022. DINAMIZACIóN

Melide aposta polo galego, agora e sempre

O Concello de Melide está a desenvolver, en colaboración coas empresas de servizos fúnebres do municipio (funerarias, marmoreiras e florerías), a campaña “Melide agora e sempre en galego”, co obxectivo de fomentar o uso do noso idioma nos actos fúnebres, derradeiras vontades, placas mortuorias e necrolóxicas. As empresas adheridas á campaña contarán co apoio do Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Melide e, a maiores, recibirán tamén un Manual de recursos en lingua galega para actos funerarios.
Esta iniciativa enmárcase no conxunto de accións que durante este mes de novembro están a promover a Asociación de Funcionarios para a Normalización Lingüística e mais a Secretaría Xeral de Política Lingüística ao abeiro da celebración do Día da Restauración da Memoria Lingüística de Galicia.
Se desexas ampliar información, preme aquí.

04/11/2022. CURSOS E CONGRESOS

XV Xornada Xustiza e Lingua

O Colexio de Avogados de Santiago de Compostela celebra unha nova edición da Xornada Xustiza e Lingua, dirixida a profesionais dos servizos lingüísticos e da xustiza, a alumnado das escolas de práctica xurídica e de Dereito e a persoas interesadas en xeral.

A cita, centrada na reflexión e as propostas arredor da normalización lingüística no ámbito xurídico, terá lugar o 7 de novembro de 2022, ás 20 h, no salón de actos do Colexio de Avogados. A inscrición é de balde e limitada a 80 persoas.
03/11/2022. OUTRAS

Omeupc.gal, novo espazo web con información tecnolóxica en galego

Se non es un experto en informática pero es desas persoas ás que lles gusta estar sempre ao día das novidades tecnolóxicas, en omeupc.gal poderás consultar todo tipo de información sobre os programas e aplicacións que acostumamos instalar nos nosos equipos informáticos e, ademais, poderás facelo en galego. Os contidos deste novo espazo web, distribuídos baixo licenza Creative Commons, teñen carácter divulgativo e están dirixidos ao público xeral.
03/11/2022. AXUDAS E PREMIOS

A Mesa pola Normalización Lingüística recibirá o V Premio Xela Arias

A Asociación Galega de Profesionais da Tradución e da Interpretación fixo pública a resolución do V Premio Xela Arias, convocado para recoñecer o labor de empresas, entidades ou persoas que contribúan á promoción do uso do galego no mercado da tradución e da interpretación. Nesta quinta edición a entidade galardoada é A Mesa pola Normalización Lingüística, polo seu traballo a prol do galego no ámbito da tradución audiovisual, no marco da modificación da Lei do Audiovisual.
O acto de entrega do premio terá lugar na Coruña o 16 de decembro de 2022.
Se o precisas, podes ampliar información na páxina web da AGPTI.
03/11/2022. DINAMIZACIóN

Chega Superheroínas, a nova serie de vídeos da RAG

A poeta Alba Cid, a cantante Andrea Pousa, a creadora de videoxogos Laksmy Irigoyen, a xornalista Esther Estévez, a instagramer Paula Jorge Horta, a fotógrafa Antía Castro e a cociñeira Lucía Freitas son as sete mulleres referentes que protagonizan Superheroínas, a segunda entrega do proxecto Novas voces para a lingua da Real Academia Galega e a Universidade de Santiago de Compostela.

O propósito, nesta ocasión, é amosar unha realidade esperanzadora: as mulleres novas si falan galego no seu día a día. A primeira que nolo conta é Lucía Freitas, na peza audiovisual presentada esta semana pola Academia. A seguir, irán publicándose novas entregas, tanto na web desta institución coma na da USC e nas redes sociais de ambas.
02/11/2022. CURSOS E CONGRESOS

Comeza na Coruña o Simposio Florencio Delgado Gurriarán

Mañá, 3 de novembro de 2022, comeza na sede da Real Academia Galega (A Coruña) o Simposio Florencio Delgado Gurriarán, que terá continuidade cunha segunda xornada o vindeiro 10 de novembro. O eixo temático das diferentes intervencións será a vida e a obra do autor protagonista do Día das Letras Galegas 2022.
As sesións poderán seguirse de xeito presencial na sede da RAG (a entrada é libre ata completar a capacidade da sala) ou a través da súa canle de Youtube. Para consultar o programa completo do simposio, preme aquí.

02/11/2022. AXUDAS E PREMIOS

Resólvense os Premios San Martiño de Normalización Lingüística 2022

O Padroado dos Premios San Martiño de Normalización Lingüística fixo públicos os/as galardoados/as da súa trixésimo primeira edición. Na categoría “A Estrada e Comarca de Terra de Montes”, o premio foi para as empresas Ausama e Ausavil, dirixidas polos irmáns Antonio e Miguel Villar Costoyas. Sabela Maneiro, Aida Tarrío e Olaia Maneiro, integrantes do grupo Tanxugueiras, son as galardoadas na categoría "Galicia Enteira", e a catedrática de Filoloxía Románica Mercedes Brea López é a gañadora na categoría "Toda unha vida". O acto de entrega destes premios, aberto ao público, terá lugar na segunda semana de novembro no Teatro Principal da Estrada.
Podes ampliar información premendo aquí.
31/10/2022. AXUDAS E PREMIOS

V Premios Internacionais de Podcasts Xosé Mosquera Pérez “O vello dos contos”

O IES Rosalía de Castro de Santiago de Compostela e Arraianos Producións, en colaboración con Ponte... nas ondas!, organizan a quinta edición dos Premios de podcast en galego e portugués Xosé Mosquera Pérez "O vello dos contos", dirixidos a alumnado de primaria (quinto e sexto curso) e educación secundaria de centros galegos, así como de centros que impartan ensinanzas de galego de réxime xeral fóra de Galicia. Tamén poderá participar o alumnado de 10 a 18 anos dos centros educativos públicos do norte de Portugal. Os participantes deberán elaborar un podcast inédito e orixinal, cunha duración non superior aos 3 minutos, relacionado coa vida e obra de Francisco Fernández del Riego, e outros aspectos do patrimonio cultural de Galicia e norte de Portugal. O prazo de inscrición remata o 21 de decembro de 2022. Os traballos poden entregarse ata o 1 de maio de 2023.

31/10/2022. CURSOS E CONGRESOS

Escolas Católicas Galicia organiza as XVIII Xornadas de Normalización Lingüística e os Premios Irmán Reboiras

Escolas Católicas Galicia organiza a décimo oitava edición da súa Xornada de Normalización Lingüística, co obxectivo de intercambiar experiencias e recursos didácticos en galego entre o profesorado e os membros dos equipos de dinamización da lingua galega dos centros educativos de Galicia. As sesións terán lugar o 18 de novembro de 2022, en horario de 9:30 h a 14:30 h, na sede do Consello da Cultura Galega. O prazo de inscrición remata o 16 de novembro.
Igual ca en edicións anteriores, no marco destas xornadas entregaranse os Premios Irmán Reboiras ás mellores iniciativas de fomento do galego, organizados tamén por Escolas Católicas Galicia, en colaboración coa Secretaría Xeral de Política Lingüística e co patrocinio da editorial Rodeira-Edebé. A convocatoria está dirixida a todos os centros da rede de Escolas Católicas Galicia, que teñen de prazo para presentar as súas candidaturas ata o vindeiro 10 de novembro.
27/10/2022. AXUDAS E PREMIOS

En marcha o V Premio Lingua e Empresa do Concello de Ames

O Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Ames promove a quinta edición do Premio Lingua e Empresa, que ten como obxectivo fomentar o uso do galego na actividade económica local, de maneira que se contribúa ao aumento e á mellora do uso social da lingua galega dende ese sector.

O certame inclúe dúas categorías: unha para aquelas entidades que veñen realizando un uso continuado da lingua galega desde hai máis de dous anos, e outra para as que incorporaron o galego nos últimos dous anos. Na valoración das candidaturas terase en conta a utilización do galego na comunicación interna e externa, tanto oralmente como por escrito, medindo o impacto que a actividade da empresa poida ter en sectores especialmente relevantes para o proceso de normalización lingüística.

O prazo para participar remata o 8 de novembro de 2022 ás 14:00 h. Podes ampliar a información premendo aquí.
26/10/2022. AXUDAS E PREMIOS

Convocatoria de axudas para a realización de teses de doutoramento en galego

A Vicerreitoría de Transformación Dixital e Innovación da Universidade de Santiago de Compostela, a través do Servizo de Normalización Lingüística, publica unha Convocatoria de axudas para a realización de teses de doutoramento en galego.

Poden acceder a estas axudas os/as estudantes de programas de doutoramento da USC que realicen en lingua galega a redacción e defensa da tese de doutoramento no curso académico 2022/2023. O prazo de solicitude remata o 30 de setembro de 2023.
26/10/2022. CURSOS E CONGRESOS

V Xornadas de Lingua e Literatura Galegas no Ensino

O Instituto da Lingua Galega, o Departamento de Didácticas Aplicadas e o Departamento de Filoloxía Galega da USC convocan as V Xornadas de Lingua e Literatura Galegas no Ensino.

Nesta edición, que vai ter lugar o 18 e 19 de novembro de 2022 na Facultade de Filoloxía, reflexionarase sobre a competencia discursiva plurilingüe, presentaranse propostas didácticas e debaterase sobre retos e estratexias de adaptación aos novos escenarios educativos. Ademais, darase a coñecer o Corpus de textos galegos escritos por estudantes no ámbito académico, CORTEGAL, que inclúe mil textos anotados extraídos da pregunta de comentario das probas de lingua e literatura galegas dos exames ABAU.

O prazo de inscrición para profesorado de centros públicos e concertados remata o 30 de outubro. O público xeral ten ata o 12 de novembro para realizala. Máis información aquí.