Novas da lingua

Rexistros1201 a 1230 de 5436
17/02/2023. DINAMIZACIóN

As familias de Pontevedra coñecen un país de festas e ritos

No marco das actividades do Apego 2023, o Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Pontevedra está a desenvolver o programa Un país de festas e ritos, deseñado para que as familias con nenos e nenas de 3 a 6 anos poidan achegarse ao patrimonio das parroquias e aos ritos e crenzas relacionados coas súas festas. O programa inclúe 16 sesións de diferentes temáticas, de 90 minutos de duración, nas que o público terá oportunidade de participar nunha charla didáctica a cargo do antropólogo Rafael Quintía, nun conto relacionado coa festa ou co rito presentado, e mais nun obradoiro de debuxo guiado. Todas as actividades son de balde, mais é precisa a inscrición previa.

Para ampliar información sobre o programa e os trámites de inscrición, preme aquí.
17/02/2023. DINAMIZACIóN

O Festival Rosalía quere demostrar que o galego é o noso superpoder

Os vindeiros 24 e 25 de febreiro a cidade de Santiago de Compostela acollerá a quinta edición do Festival Rosalía, unha iniciativa organizada pola Área de Normalización Lingüística da Deputación da Coruña, en colaboración co Concello de Santiago, para demostrar que “o galego é o noso superpoder!”. O programa inclúe actividades para todos os públicos, como concertos, paseos literarios, un faladoiro, propostas escénicas e unha feira de produtos rosalianos.

Podes ampliar información premendo aquí.
17/02/2023. DINAMIZACIóN

O Correlingua volve ás rúas o vindeiro mes de maio

A Mesa pola Normalización Lingüística, CIG-Ensino e a AS-PG presentan a nova edición do Correlingua, que o vindeiro mes de maio percorrerá as rúas das principais cidades e vilas galegas baixo o lema “Na casa, na escola, bota a lingua fóra!”. Ademais da coñecida carreira, que se recupera nesta edición despois de varios anos de restricións pola pandemia, o programa de 2023 inclúe tamén unha regueifa colectiva, obradoiros de escrita creativa e dous concursos: crealingua (concurso libre de creación artística en galego) e cantalingua (concurso de música en galego).

No sitio web da iniciativa podes ampliar información.
17/02/2023. DINAMIZACIóN

Outes continúa as campañas para reforzar o uso do galego no comercio

O Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Outes pon en marcha a segunda edición de "en Outes, en galego!", co fin de promover a lingua galega como marca de calidade, proximidade e autenticidade, e incentivar o consumo no tecido económico do municipio.

No marco desta iniciativa, distribuiranse entre os comerciantes e a súa clientela diferentes materiais, como folletos explicativos, bolsas de tea e adhesivos co lema da campaña. Para ampliar a información, contacta co Servizo.
16/02/2023. DINAMIZACIóN

Unha cápsula do tempo gardará as vivencias co idioma galego dos/as nenos/as de Redondela

O Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Redondela presenta “A cápsula do tempo”, unha iniciativa para fomentar o uso e a reflexión sobre o galego entre o alumnado de educación infantil e primaria. No marco deste proxecto, deseñado en colaboración cos equipos de dinamización da lingua galega dos centros escolares públicos de Redondela, os nenos e nenas recibirán unha caixa de agasallo na que atoparán libros que fomentan o uso do galego, unha bolsiña da merenda, lapis de cores ou unha friameira. Entre todos eles, o agasallo principal será un libro que actuará como “cápsula do tempo”, pois nel o alumnado irá realizando en cada curso escolar diferentes exercicios e cando remate o ciclo de primaria o centro entregaralle a súa “cápsula”, onde quedaron gardadas as súas vivencias e experiencias co idioma galego durante esta etapa educativa.

Podes obter máis información sobre a iniciativa premendo aquí.

16/02/2023. DINAMIZACIóN

#Lingua de Namorar 2023

A Secretaría Xeral de Política Lingüística e a Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado da Xunta de Galicia convocan unha nova edición de #Lingua de namorar. Trátase dun concurso en liña de mensaxes de amor en lingua galega, dirixido á mocidade e pensado para dinamizar o uso do galego nas relacións persoais e nas novas tecnoloxías.

As bases establecen 3 categorías: A (persoas de 14 a 19 anos); B (persoas de 20 a 35 anos) e C (persoas de 14 a 35 anos, só para Instagram), con cadanseus tres premios.

O prazo para enviar as mensaxes remata o 17 de marzo de 2023. Para ampliar información, preme aquí.
15/02/2023. EMPREGO

Praza de tradutor/a de lingua galega na Deputación de Ourense

A Deputación de Ourense publica, no BOP do 13 de febreiro de 2023, as bases da convocatoria para a provisión en propiedade dunha praza de tradutor/a de lingua galega (funcionario, A1). O sistema de selección é o de oposición libre. Os/as aspirantes deben estar en posesión do título universitario de grao en Ciencias da Linguaxe e Estudos Literarios (galego e español), estudos de galego e español, de galego e portugués: estudos lingüísticos e literarios, lingua e literatura galegas, tradución e interpretación ou equivalentes ou calquera outro título oficial universitario nivel 3 do marco español de cualificacións para a educación superior (nivel 7 do marco europeo de cualificacións) en calquera rama do coñecemento. O prazo de inscrición é de 20 días naturais, contados a partir da publicación do anuncio no BOE.
15/02/2023. DINAMIZACIóN

A Real Academia Galega e o Concello de Ames activan o modo galego

Onte, 14 de febreiro de 2023, tivo lugar a presentación pública da iniciativa Modo galego, actívao!, promovida de xeito colaborativo pola Real Academia Galega e o Concello de Ames, co obxectivo de incidir nos usos lingüísticos de 3000 nenos e nenas do segundo ciclo de infantil e de primaria escolarizados neste concello. Despois de ter analizado a situación sociolingüística de partida en estudos desenvolvidos en 2018 e 2021, ambas as entidades pasan agora ao plano da intervención cunha serie de accións de fomento do galego que non se cinguirán exclusivamente ao ámbito educativo, senón que actuarán tamén noutros espazos de socialización de vital importancia para a normalización lingüística, como son os servizos de conciliación e as actividades extraescolares (comedores, lúdicos, Escola de Verán, “Bos Días Cole” e “Tardes Divertidas”).

Podes ampliar información no web da RAG ou no do Concello de Ames
15/02/2023. EMPREGO

Bolsas de formación no Servizo de Publicacións do Parlamento de Galicia

O Parlamento de Galicia anuncia a convocatoria de dúas bolsas de formación práctica, de doce meses de duración, vinculadas ao seu Servizo de Publicacións. Poden optar a estas bolsas as persoas que posúan o grao en Tradución e Interpretación, na que a lingua de orixe principal da súa combinación lingüística (1ª lingua ou lingua A1) sexa a lingua galega; o grao en Lingua e Literatura Galegas; o grao en Estudos de Galego e Español con itinerario en lingua galega e española; ou equivalentes. O prazo de presentación de solicitudes é de vinte días hábiles, contados a partir do día seguinte ao da publicación desta convocatoria no DOG. As bases completas podes consultalas premendo aquí.
13/02/2023. DINAMIZACIóN

15 horas de directo, desde Galicia e Portugal, hoxe no Día Mundial da Radio

Este 13 de febreiro, para celebrar o Día Mundial da Radio 2023, Ponte nas Ondas artella a emisión en directo de 15 horas de programación, conducida por 40 centros de ensino e máis de 2000 estudantes.

A iniciativa, conta coa colaboración das universidades de Santiago e Vigo, así como de varias emisoras locais e radios escolares que contan con medios propios, de ambas as beiras do Miño. Conéctate a través de escolasnasondas.com
10/02/2023. CURSOS E CONGRESOS

Cursos preparatorios para obter os Celga 2, 3 e 4

A Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia anuncia a convocatoria de cursos de lingua galega preparatorios das probas para obter os certificados dos niveis Celga 2, Celga 3 e Celga 4. A oferta inclúe tanto cursos na modalidade presencial como na modalidade en liña, que poderán ser solicitados por todas as persoas maiores de dezaseis anos ou por aquelas que os fagan no ano 2023. O prazo para a presentación das solicitudes será de 15 días hábiles, contados a partir do seguinte ao da publicación da convocatoria.
10/02/2023. INVESTIGACIóN

O Concello de Allariz salvagarda a súa toponimia co proxecto "A Memoria das Aldeas"

12 asociacións veciñais son as protagonistas de "A memoria das aldeas", unha iniciativa organizada desde a Concellaría de Igualdade do Concello de Allariz, coa colaboración de Galicia Nomeada, que se levará adiante entre xaneiro e maio de 2023.

A finalidade que se persegue é asegurar a preservación dos nomes das terras, regatos, penedos ou fontes, grazas á memoria das persoas maiores e tamén á capacidade da xente nova para reapropiarse deles e difundilos. Tes máis información aquí.
10/02/2023. AXUDAS E PREMIOS

Convocada a segunda edición do Premio Xosé Luís Franco de Investigación Xurídica en Lingua Galega

A Facultade de Ciencias Xurídicas e do Traballo da Universidade de Vigo anuncia a convocatoria do II Premio Xosé Luís Franco de Investigación Xurídica en Lingua Galega, continuando no seu propósito de fomentar o emprego da lingua nos traballos de investigación xurídica e de promover o proceso de dinamización lingüística.

O premio comprende dúas modalidades: unha para o estudantado de calquera grao ou mestrado matriculado no sistema universitario de Galicia e do Estado e outra para o estudantado da Facultade de Ciencias Xurídicas e do Traballo, nos graos en Dereito, PCEO Ade-Dereito e Relacións Laborais e Recursos Humanos, e nos mestrados en Avogacía, Menores en situación de desprotección e conflito e Dirección e Xestión Laboral. Ademais, as persoas participantes deben acreditar a matrícula nos cursos 2020/2021, 2021/2022 ou 2022/2023.

Segundo as bases da convocatoria, poden presentarse traballos ata o 14 de abril de 2023.
10/02/2023. OUTRAS

A biografía de Antonio Noriega Varela incorpórase ao Álbum de Galicia

En palabras do redactor da entrada e grande especialista en Noriega Varela, Xosé Ramón Freixeiro Mato: este autor "ocupa un lugar sobranceiro na poesía galega, sen esquecermos a súa vea satírico-política, máis descoñecida, e a faceta de colector do saber popular".

Podes consultar todas as biografías relacionadas coa lingua galega aquí.
09/02/2023. DINAMIZACIóN

Festiletras e Festiciencia danse a man en "Lendo a ciencia"

A Fundación Eduardo Pondal achéganos de novo ao Festiciencia e o Festiletras, publicando 22 pílulas literarias e científicas, relacionadas con estes eventos, baixo o nome Lendo a ciencia

De forma amena, ofrécennos entrevistas a creadores e creadoras e explicacións de especialistas a preguntas que habitualmente nos facemos sobre ciencia.
09/02/2023. OUTRAS

Xa podes gozar de Toupiciencia como libro interactivo

A Xanela do Maxín edita, en formato dixital e interactivo, o libro Toupiciencia. Este recurso, pensado para de divulgación científica entre rapaces e rapazas de 7 a 11 anos, contén vídeos, audios e experimentos axustados á súa idade.

Se che interesa coñecer máis materiais asociados a Toupiciencia, contas tamén con oito vídeos divulgativos nos que colaboraron algúns dos científicos e científicas máis relevantes de Galicia.
07/02/2023. INVESTIGACIóN

Accesibles en liña tres novos estudos sobre onomástica galega

A Real Academia Galega difunde no seu web tres novas publicacións relacionadas coa onomástica galega. Trátase concretamente das obras Os camiños de Santiago de Europa a Galicia. Lugares, nomes e patrimonio, que reúne reflexións de investigadores de diversas universidades europeas sobre a toponimia do Camiño de Santiago; Estudos de Onomástica Galega VII. A onomástica literaria, que reune os traballos sobre onomástica literaria presentados na sétima edición da Xornada de Onomástica de Pontevedra; e Toponimia de Ribeira, que indaga na orixe e significados das 215 formas que designan as entidades de poboación de Ribeira.
06/02/2023. CURSOS E CONGRESOS

Oferta de formación lingüística do SNL da Mancomunidade de Ordes

O Servizo de Normalización Lingüística da Mancomunidade de Ordes anuncia a oferta de dous cursos de galego, un deles deseñado para preparar as probas CELGA e outro para preparar as probas de competencia clave en lingua galega.
O curso de preparación Celga, de 40 horas de duración, impartirase os luns e mércores, de 10:00 a 12:30 h, desde o 20 de marzo ao 15 de maio. O curso de preparación de competencias clave, de 20 horas de duración, terá lugar os xoves, de 10:00 a 12:00 h, desde o 16 de marzo ao 1 de xuño (neste último caso, pode haber modificacións en función das datas das probas). As persoas interesadas teñen de prazo para inscribirse ata o 13 de marzo de 2023.

Para obter máis información debes poñerte en contacto co SNL da Mancomunidade de Ordes, a través do teléfono 981680002 (ext.120) ou do enderezo electrónico irene.bravo@mancomunidadeordes.gal.
03/02/2023. DINAMIZACIóN

PuntoGal e a RAG convocan o VI Certame de Microrrelatos

Co obxectivo de reforzar a presenza do idioma galego e da identidade propias no mundo dixital, a Asociación PuntoGal e a Real Academia Galega, coa colaboración da revista Luzes, organizan a sexta edición do seu Concurso de Microrrelatos. Poden participar todas as persoas que o desexen, e para facelo deben presentar un relato en lingua galega, orixinal, inédito, de temática libre e cunha extensión máxima de 200 palabras (título incluído). Establécense tres categorías, segundo a idade dos participantes, e outorgaranse tres premios por cada unha das categorías. O prazo de presentación dos textos remata o 28 de febreiro de 2023.
03/02/2023. CURSOS E CONGRESOS

Nova oferta de formación lingüística na Universidade de Vigo

A Área de Normalización Lingüística da Universidade de Vigo anuncia a nova convocatoria de cursos de formación en lingua galega, dirixidos á comunidade universitaria, para este segundo cuadrimestre do curso académico 2022/2023. Ademais dos cursos habituais en pasadas convocatorias (Iniciación á lingua galega; A calidade lingüística no teu TFG ou TFM; Linguaxe administrativa e xurídica; Os erros máis frecuentes na lingua galega; ou Redacción e estilo), como novidade nesta convocatoria inclúese o Ciclo de lingua e calidade, e mais o Curso de xestión do multilingüismo nas aulas. O prazo de inscrición será do 6 ao 17 de febreiro, e os trámites deben facerse a través da plataforma virtual bubela.uvigo.es.

Se precisas máis información, preme aquí.

03/02/2023. DINAMIZACIóN

X Certame de Monólogos Cómicos en Lingua Galega

O Servizo de Educación do Concello da Coruña organiza a décima edición do Certame de Monólogos Cómicos en Lingua Galega, co obxectivo de fomentar o uso do galego e mellorar a competencia oral entre o alumnado de ESO, bacharelato e FP dos centros de ensino do Concello da Coruña. Establécense tres categorías segundo o nivel educativo, e outorgaranse tres premios (de 50, 30 e 20 euros) en cada unha das tres categorías. O prazo de inscrición remata o 17 de febreiro de 2023.

Para ampliar información preme aquí.
02/02/2023. DINAMIZACIóN

Xornada lúdica e pedagóxica para a crianza en galego

A Mesa pola Normalización Lingüística, o Concello de Allariz, a Deputación de Ourense, o Espazo Ben Común e a Confederación de ANPAS galegas organizan a xornada Medrar en galego, que terá lugar en Allariz o 25 de febreiro de 2023. O programa, dirixido a familias que deciden conscientemente criar os seus fillos e fillas en galego, inclúe obradoiros pedagóxicos de crianza, actividades de carácter lúdico (xogos, contos, música) e unha feira na que as empresas exporán os seus produtos en galego. Todas as actividades son gratuítas e de libre acceso.

Podes ampliar información sobre esta iniciativa premendo aquí.
02/02/2023. AXUDAS E PREMIOS

Axudas para os SNL da Administración local de Pontevedra

A Deputación de Pontevedra convoca unha liña de axudas, dirixida a concellos e outras entidades locais da provincia, para a creación, mantemento ou reforzo dos servizos de normalización lingüística (SNL) municipais durante o ano 2023. Poden optar a estas axudas os concellos da provincia de Pontevedra de ata un máximo de 50.000 habitantes ou ben as agrupacións de concellos, mancomunidades ou entidades locais menores da provincia. O prazo de presentación de solicitudes será dun mes, contado a partir do día seguinte ao da publicación da convocatoria e do extracto no BOP de Pontevedra.
02/02/2023. OUTRAS

O Boletín de Sumarios 2022 do CDSG accesible na web

O Boletín de Sumarios 2022 do Centro de Documentación Sociolingüística de Galicia (CDSG) é un produto documental do centro, que recolle os sumarios das publicacións periódicas recibidas na súa hemeroteca ao longo de 2022. Estas revistas pódense consultar en sala ou levar en préstamo naqueles casos en que dispoñamos de máis dun exemplar. No caso das dixitais, desde este boletín pode accederse directamente aos números completos.

Coas novas incorporacións, poñemos ao dispor do público 527 títulos de publicacións sobre sociolingüística, revistas escolares e de mostra de espazos en que o galego vai abrindo portas. Podes consultar o Catálogo completo de seriadas premendo aquí.
01/02/2023. CURSOS E CONGRESOS

Obradoiros de acollemento lingüístico en Santiago de Compostela

O Departamento de Lingua Galega do Concello de Santiago de Compostela organiza dous obradoiros de acollemento lingüístico, dirixidos principalmente a persoas adultas procedentes doutras comunidades lingüísticas que queiran achegarse ao galego. Os cursos teñen unha duración de 36 horas, distribuídas en dúas sesións semanais. O prazo de inscrición remata o 23 de febreiro de 2023.
Podes obter máis información premendo aquí.
31/01/2023. DINAMIZACIóN

Homenaxe musical a Fernández del Riego no Concerto das Letras Galegas

O xa tradicional Concerto das Letras Galegas, que organiza anualmente o Consello da Cultura Galega, terá lugar nesta décimo terceira edición o 16 de maio de 2023, no Teatro Afundación de Vigo. O programa musical xira arredor da figura homenaxeada nas Letras Galegas, que este ano será Francisco Fernández del Riego, e será interpretado pola Real Filharmonía de Galicia e o Coro de Cámara Rías Baixas. Como xa é habitual, estrearase unha peza, que neste caso será a Sinfonietta, composta por Brais González Pérez (Vigo, 1987) a partir de textos de Salvador García Bodaño e Xaime Isla Couto dedicados a Francisco Fernández del Riego.
Para ampliar esta nova, preme aquí.


30/01/2023. DINAMIZACIóN

A RAG presenta o programa de actividades na honra de Francisco Fernández del Riego

A Real Academia Galega fixo público o programa de actividades coas que vai homenaxear a Francisco Fernández del Riego, autor ao que se lle dedica neste 2023 o Día das Letras Galegas. Entre as iniciativas programadas, que se realizarán co apoio da Xunta de Galicia, o Ministerio de Ciencia e Innovación, a Deputación da Coruña, os concellos de Lourenzá e Vigo e a TVG, destacan a publicación do epistolario entre Francisco Fernández del Riego e Ramón Otero Pedrayo (máis de 450 documentos conservados na Fundación Penzol e editados por Patricia Arias Chachero); a organización dun simposio sobre o autor homenaxeado, que terá lugar no outono; unha biografía teatralizada dirixida ao público infantil, que se presentará no marco do proxecto Primavera das Letras 2023; ou unha serie web de carácter documental sobre Fernández del Riego realizada pola produtora Miramemira.
No sitio web da RAG podes ampliar información sobre esta programación.
30/01/2023. AXUDAS E PREMIOS

Coñece as canles gañadoras dos Premios Youtubeiras 2022

O xurado da sexta edición dos Premios Youtubeiras, un certame dirixido a potenciar a creación de vídeos en galego en Youtube, fixo públicas as canles gañadoras da edición de 2022. A gala de entrega dos premios tivo lugar no Pazo da Cultura de Carballo o pasado sábado, 28 de xaneiro de 2023, e nela foron galardoadas as seguintes canles: "Bembibre coas Tanxugueiras", de Xabi Gómez (Premio do Público); "Falemos do Reino de Galicia" (Premio Calidade Lingüística); "a Lobeira Today" (Premio Rede); "Pingando - Laura Veiga" (Premio Pioneiro); "Eduardita", de Piratas sen Parche (Premio Vídeo); "Histérikas Histórikas" (Premio Youtubeira/a Revelación); "Toxío" (Premio Canle); "Neeumatiko" (Premio Youtubeiro/a).
30/01/2023. DINAMIZACIóN

En liña todos os vídeos da última edición do LGx15

O pasado 27 de outubro de 2022 tivo lugar en Santiago de Compostela a última edición do LGx15, unha iniciativa organizada pola Coordinadora de Traballadores/as de Normalización da Lingua na que diferentes participantes transmiten argumentos e experiencias para influír no futuro do galego a través de charlas breves e amenas. Nesta edición os/as participantes foron Olaia Maneiro (Tanxugueiras), Pedro González Boquete, Fátima Barros, Beatriz Busto Miramontes, Padrorua e Fabiana Ambroa Ibarruri, Isaac González, Elsa Quintas Alborés e Guido Álvarez Parga. Podes ver todas as intervencións na canle de Youtube da CTNL.
30/01/2023. CURSOS E CONGRESOS

Cursos de linguaxe administrativa e xurídica galega para o persoal da Administración pública

A Escola Galega de Administración Pública convoca, en colaboración coa Secretaría Xeral de Política Lingüística, vinte e sete cursos de linguaxe administrativa galega e tres de linguaxe xurídica galega (niveis medio e superior) para persoal ao servizo das distintas administracións da Comunidade Autónoma de Galicia. Todos os cursos se desenvolverán na modalidade de teleformación. O prazo de presentación de solicitudes remata o 7 de febreiro de 2023.
Podes consultar o texto completo da convocatoria premendo aquí.