Novas da lingua

Rexistros1261 a 1290 de 5145
29/09/2022. OUTRAS

Chegou a G-Night

Hoxe, 29 de setembro de 2022, vai ter lugar a segunda edición da G-Night, evento que se desenvolverá simultaneamente en preto de 400 cidades de Europa por iniciativa da Unión Europea.

As tres universidades galegas, xunto con outros sete organismos de investigación, mobilizarán de novo milleiros de persoas ás 70 actividades que se van distribuír por trinta espazos localizados en Vigo, Ourense, Pontevedra, Santiago, A Coruña, Ferrol e Lugo. Entre elas, algunhas centradas nas linguas e as tecnoloxías.
29/09/2022. OUTRAS

Rosalia de Castro xa ten o seu espazo no Bosque da Lingua

O Bosque da Lingua foi o escenario escollido para a presentación do libro O Herbario de Rosalía, un estudo sobre as plantas recollidas na obra de Rosalía de Castro ao que contribuíron a filóloga María López Sández, a bióloga Mabel Fraga e o fotógrafo Miguel Fraga.

Ademais, na honra da escritora galega universal, plantouse unha camelia, arbusto favorito de Rosalía.
27/09/2022. CURSOS E CONGRESOS

Ábrese o prazo de inscrición para as xornadas Enreguéifate

Os servizos de normalización lingüística dos concellos de Ames, Carballo, Santiago, Pontevedra e Teo organizan, no marco do proxecto Enreguéifate, un curso de formación para docentes que queiran comezar ou continuar coa regueifa como ferramenta educativa. As sesións terán lugar no Espazo Apego de Santiago de Compostela o 14 de outubro de 2022. O prazo de inscrición remata o vindeiro 6 de outubro. Podes obter máis información sobre o programa do curso e os trámites de inscrición premendo aquí.
27/09/2022. DINAMIZACIóN

III Certame Galetiktokers

O Servizo de Normalización Lingüística e o Departamento de Mocidade do Concello de Ames convocan a terceira edición do Certame Galetiktokers, dirixido a mozas e mozos a partir de 13 anos, co obxectivo de estimular a creatividade e fomentar a creación de vídeos en galego entre a mocidade, nomeadamente entre a comunidade da rede social TikTok. Os vídeos deben ser de creación propia, ser difundidos a través da aplicación TikTok ou da sección Reels de Instagram, ter unha duración de entre 15 e 60 segundos, e estar en lingua galega (con presenza oral, escrita ou musical). Outorgaranse seis premios de 300 euros . O prazo de inscrición remata o 21 de outubro de 2022. Para ampliar información, preme aquí.
26/09/2022. AXUDAS E PREMIOS

Premio Honorífico Martín Códax para o grupo Fuxan os Ventos

O 5 de outubro, no Pazo da Cultura de Pontevedra, os Premios Martín Códax da Música van recoñecer a Fuxan os Ventos co seu galardón honorífico por seren para a cultura e a lingua galegas un proxecto pioneiro e histórico.

Cando se cumpren 50 anos da súa creación, este premio únese ás moitas homenaxes recibidas durante 2022 polo éxito e a dimensión social das súas creacións, vinculadas á canción protesta e tamén á Galicia rural.
23/09/2022. DINAMIZACIóN

A CRTVG convoca a segunda edición do concurso #DígochoEu

A Compañía de Radio Televisión de Galicia convoca a segunda edición do Concurso #DígochoEu, dirixido a centros escolares de Galicia (educación primaria e secundaria), ou de fóra de Galicia que impartan a materia de lingua galega. O profesorado interesado en participar debe enviar un bosquexo de guión para un capítulo do #DígochoEu dunha duración inferior a 1 minuto, usando a lingua galega e contando coa participación activa do alumnado. Tras seleccionar as 14 propostas máis orixinais e creativas, o equipo do #DígochoEu elaborará o guión definitivo e acudirá ao centro para gravar o programa. Unha vez emitidos todos os episodios (previsiblemente en maio de 2023), un xurado profesional independente outorgará tres premios (de 500, 300 e 200 euros) en cada unha das categorías (primaria e secundaria). O prazo de presentación de propostas remata o 28 de outubro de 2022. Podes consultar as bases completas e obter máis información sobre os trámites de inscrición, premendo aquí.
22/09/2022. CURSOS E CONGRESOS

O galego na xornada do Día Europeo das Linguas en Frankfurt

Con motivo da celebración do Día Europeo das Linguas, o Consello de Cultura Galega, o Instituto Etzxepare, o Institut Ramon Llull e o Instituto Cervantes organizan a xornada Todas as voces a voz. Poesía en español, catalán, eúscaro, galego e alemán, que se realizará na sede do Instituto Cervantes de Frankfurt o próximo día 26 de setembro de 2022.
21/09/2022. DINAMIZACIóN

Volve o proxecto Educación Infantil Familiar na Limia

O Centro de Desenvolvemento Rural O Viso retoma este curso Educación Infantil Familiar, unha contribución á parentalidade positiva que ofrece servizos socieducativos e unha rede de apoio familiar, na liña do exitoso proxecto xa desaparecido Preescolar na Casa. Entre os seus obxectivos mantén, por exemplo, o de contribuír ao reforzamento da lingua galega dentro do espazo familiar.

O programa, que se desenvolverá ao longo do curso en diferentes concellos da Comarca da Limia, oriéntase a familias con nenos e nenas de entre cero e seis anos. Se precisas máis información, podes solicitala presencialmente, na rúa Ladeira 21 de Xinzo de Limia; por teléfono, no número 988461571, ou a través do correo electrónico eifoviso@gmail.com.
21/09/2022. AXUDAS E PREMIOS

Aberto o prazo de inscrición dos IV Premios Mil Primaveras

A Coordinadora de Traballadores/as de Normalización da Lingua (CTNL) convoca a cuarta edición dos Premios Mil Primaveras a proxectos de posta en valor e fomento do galego, co obxectivo de recoñecer e difundir exemplos de boas prácticas no ámbito da normalización lingüística. Poderán presentarse accións, campañas, programas e proxectos destinados ao incremento do prestixio do galego e á promoción do seu uso, desenvolvidas total ou parcialmente en 2019, 2020, 2021 ou 2022. Como novidade con respecto ás edicións anteriores, o xurado outorgará un máximo de catro premios, sen establecer ningún tipo de categoría nin xerarquía entre eles. O prazo para a inscrición dos proxectos, que debe ser realizada pola propia entidade ou persoa organizadora da iniciativa, remata o 31 de xaneiro de 2023. Podes consultar o texto completo da convocatoria premendo aquí.
20/09/2022. AXUDAS E PREMIOS

Resólvense os Premios Bacelos de Prata 2022

A Asociación Álvaro das Casas fixo públicos os galardoados da décimo cuarta edición dos Premios Bacelos de Prata, pensados para recoñecer o labor de empresas que apostan polo galego como marca de calidade na etiquetaxe dos seus produtos. As entidades galardoadas nesta edición son a Adega Terras Bendaña, da denominación de orixe Ribeira Sacra; e a Adega Celme, da denominación de orixe Ribeiro. Os premios entregaranse o 15 de outubro de 2022, no Pazo Ulloa de Esposende (Ribadavia).
19/09/2022. CURSOS E CONGRESOS

Xornada "Realidade e perspectivas de futuro dos medios de comunicación en galego en soporte papel"

O Consello da Cultura Galega organiza a xornada "Realidade e perspectivas de futuro dos medios de comunicación en galego en soporte papel", durante a que se abordarán a súa situación actual, a súa resistencia e a súa adaptación nun contexto fortemente marcado pola dixitalización e pola crise económica. Tamén haberá espazo para presentar diversos modelos xornalísticos e outros tipos de publicacións en papel promovidas polas novas xeracións.

Para esta actividade, que vai ter lugar o 10 de outubro, a inscrición é gratuíta e as prazas limitadas.
19/09/2022. CURSOS E CONGRESOS

A comunidade educativa da Universidade de Vigo ten ao seu dispor cursos para mellorar o dominio da lingua galega

A Área de Normalización Lingüística da Universidade de Vigo convoca, para o primeiro cuadrimestre do curso 2022-2023, seis cursos de temáticas diversas: iniciación á lingua galega para o alumnado estranxeiro, outro de nivel avanzado para perfeccionar o dominio da lingua, outro para mellorar a calidade lingüística nos TFG ou TFM, un sobre corrección da escrita coas TIC, outro de linguaxe administrativa e xurídica e un sexto que xirará arredor dos erros máis frecuentes na lingua galega.

Estes cursos están abertos tanto ao persoal docente e investigador, como ao persoal de administración e servizos e o estudantado. O prazo de matrícula remata o 23 de setembro. Máis información aquí.
19/09/2022. CURSOS E CONGRESOS

Curso de habilidades comunicativas na USC

O Servizo de Normalización Lingüística da USC abre a matrícula da 1ª convocatoria do seu Curso de Habilidades Comunicativas para o período lectivo 2022-2023. O curso diríxese a alumnado que prepara o seu TFG, TFM ou tese e pode cursarse íntegro ou por módulos: A redacción científica, Falar en público e Presentacións eficientes.

Máis información sobre o contido e a inscrición na súa páxina web.
16/09/2022. DINAMIZACIóN

O Concello de Redondela trata de recuperar a memoria da estirpe

O Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Redondela está a desenvolver o proxecto “A memoria da estirpe”, unha iniciativa dirixida aos centros de día do municipio que ten como obxectivo, a través de entrevistas individualizadas, recuperar e poñer en valor o patrimonio oral que atesouran as persoas maiores. O proxecto divídese en cinco áreas de traballo: antropoloxía, toponimia, memoria fotográfica, léxico e música. Toda esta información contribuirá a recuperar a historia e o patrimonio cultural de Redondela e a maiores, o SNL colaborará coa Universidade de Santiago de Compostela e mais coa Real Academia Galega cedendo os datos obtidos sobre léxico dialectal e microtoponimia. Podes ampliar información premendo aquí.
16/09/2022. DINAMIZACIóN

As bandas emerxentes en galego terán o seu espazo nas actuacións do Xacobeo

A Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia presenta “Novas músicas en galego”, un ciclo de concertos que terán lugar no Monte do Gozo, os días 24 e 25 de setembro, no marco do festival Go!Go!Zo! Xacobeo 21-22. Con esta iniciativa trátase de poñer en valor o talento das novas xeracións de mozos e mozas que fan música en galego. No ciclo participarán 18 bandas emerxentes procedentes das escolas Rock School da Coruña e A Casa do Rock de Santiago de Compostela. Podes ampliar información no Portal da Lingua Galega.
16/09/2022. DINAMIZACIóN

A Facultade de Veterinaria da USC comeza o curso cunha partida de trivial en galego

A Comisión de Normalización Lingüística da Facultade de Veterinaria da USC, co apoio do Servizo de Normalización Lingüística, convoca o Trivigal 2022, unha partida de trivial en galego que se desenvolverá o vindeiro 28 de setembro, a partir das 19 h na Cafetaría da Facultade de Veterinaria. O equipo gañador recibirá como premio un lote de produtos galegos e mais un exemplar do xogo de mesa “Ti non es de aquí?”. A inscrición estará aberta ata o 27 de setembro ás 14 h. Para consultar o texto completo da convocatoria preme aquí.
15/09/2022. DINAMIZACIóN

De aquí para alá, descubrindo a diversidade lingüística do planeta

Co gallo da conmemoración, o vindeiro 26 de setembro, do Día Europeo das Linguas, a Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia presenta o proxecto audiovisual “De aquí para alá”, realizado por Lydia Botana. Trátase dun repertorio musical de 21 cancións, dirixido ao público infantil, ás súas familias e á comunidade educativa, que lles permitirá aos máis pequenos da casa achegarse á diversidade cultural e lingüística do planeta a través da música. Os 14 capítulos que compoñen a serie iranse publicando cunha periodicidade semanal, polo que cada mércores teremos accesible en liña unha nova entrega. Para ampliar información, preme aquí.
15/09/2022. OUTRAS

Apple incorpora o galego nas funcións de accesibilidade do IOS 16

Apple acaba de lanzar IOS 16, o novo software que permite que o teu iPhone poida ler texto nos diferentes idiomas oficiais de España, entre eles o galego. Trátase concretamente dunha función de accesibilidade, polo que todas aquelas persoas que o precisen, a partir de agora terán dispoñible a voz “Carmela” para lerlles contido en galego. Podes atopar esta función en Axustes>Accesibilidade>Contido lido>Voces. Este primeiro paso abre as portas a que nunha futura versión se engada a función de comprensión ante ordes de voz, para que Siri sexa quen, por fin, de falarnos e entendernos en galego.

14/09/2022. OUTRAS

Catorce obras de literatura fantástica en galego en formato ePub

Xa podes consultar en liña a Biblioteca Fantástica Dixital, unha iniciativa da cooperativa Sacaúntos desenvolvida ao abeiro do Fondo de Proxectos Culturais Xacobeo 2021-2022. Dentro do seu proxecto de dixitalización dos clásicos da literatura fantástica editados por Urco, agora poñen de balde ao dispor da cidadanía unha primeira entrega de catorce obras de Robert E. Howard e de Jack London, en formato ePub, traducidas ao galego. Xunto con cada volume, atoparás tamén materiais complementarios orientados á docencia.
14/09/2022. CURSOS E CONGRESOS

Segunda edición da Aula Aberta de Educación da Universidade de Vigo

A Facultade de Educación e Traballo Social do campus de Ourense continúa coa proposta Aula Aberta de Educación, un programa posto en marcha o curso pasado co dobre obxectivo de fomentar o uso do galego e a reflexión crítica sobre temas de interese social.

Por unha parte, este espazo contribúe a desenvolver o plan de normalización do uso da lingua galega que ten a Facultade de Educación e Traballo Social nos seus graos de Educación Infantil e de Educación Primaria. Pola outra, pon o foco en aspectos moitas veces invisibilizados na sociedade que, como futuros educadores e educadoras, o alumnado da facultade vai atopar nas aulas.

Podes consultar o programa e as datas das sesións premendo aquí.
13/09/2022. DINAMIZACIóN

A USC convoca a sétima edición do concurso TEDsaúde

As comisións de normalización lingüística das facultades de Ciencias, Enfermaría, Farmacia, Medicina, Óptica, Psicoloxía e Veterinaria da Universidade de Santiago de Compostela, co apoio do Servizo de Normalización Lingüística, convocan o VII Concurso de subtitulación de vídeos TED de ciencias da saúde ao galego. O obxectivo do certame é contribuír á creación de recursos divulgativos en galego en novos soportes na área de ciencias da saúde. Existen dúas modalidades de participación, unha dirixida a membros da comunidade universitaria da USC que non pertenzan á comunidade TED (modalidade A) e outra destinada a membros da comunidade TED (modalidade B). Os participantes da modalidade A terán a posibilidade de inscribirse nun obradoiro formativo. Outorgaranse varios premios cunha dotación económica que vai desde os 150 aos 300 euros, ademais dun diploma honorífico. Para consultar as bases completas do certame, preme aquí.
12/09/2022. CURSOS E CONGRESOS

Curso sobre márketing e as potencialidades do idioma como elemento diferenciador

A Coordinadora de Traballadores/as de Normalización da Lingua organiza o curso "Fundamentos de márketing e comunicación. O idioma como elemento diferenciador", dirixido especialmente a técnicos/as de SNL; docentes ou responsables de EDNLG; traballadores/as de empresas, asociacións e outras entidades relacionadas coa normalización da lingua; e, en xeral, persoas interesadas en traballar na normalización do galego. O curso, impartido por Xosé Luís Reza, terá lugar en Santiago de Compostela os días 29 de setembro e 6 de outubro de 2022. O prazo de inscrición remata o vindeiro 25 de setembro. Podes ampliar información sobre os contidos e mais os trámites de inscrición premendo aquí.
09/09/2022. DINAMIZACIóN

Materiais para organizar o novo curso en galego

Aulas Galegas acaba de poñer ao dispor de toda a comunidade educativa a súa axenda escolar para o curso 2022-2023, que ademais de axudarche a organizar as tarefas deste novo curso que comeza, tamén che ofrece a posibilidade de achegarte a unha selección de música de actualidade en lingua galega, elaborada polo profesor Fernando Fernádez Rego. A axenda podes descargala, totalmente de balde e baixo licenza CC, en formato dixital ou para imprimir en papel. Como complemento, tamén tes ao teu dispor os calendarios escolares, en formato anual, trimestral e mensual. Para ampliar información sobre esta iniciativa, preme aquí.
09/09/2022. CURSOS E CONGRESOS

I Xornadas Vasco-Galegas de Lingüística

O Instituto da Lingua Galega, o Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades, Euskaltzaindia e a Real Academia Galega organizan estas xornadas académicas que poñen o foco en diferentes cuestións da lingüística galega e vasca. As sesións terán lugar o vindeiro luns, 12 de setembro de 2022, na Facultade de Filoloxía da Universidade de Santiago de Compostela. A asistencia é libre. Podes consultar o programa premendo aquí.
09/09/2022. OUTRAS

Probas para a obtención dos Celga 2, 3 e 4

A Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia convoca probas para a obtención dos certificados acreditativos dos niveis de lingua galega Celga 2, 3 e 4. As probas realizaranse en Santiago de Compostela e en Ponferrada na segunda quincena de novembro e, de ser o caso, na primeira de decembro de 2022, sempre que ningunha circunstancia excepcional o impida. As datas concretas publicaranse no Diario Oficial de Galicia, así como na páxina web da Secretaría Xeral de Política Lingüística. O prazo de presentación de solicitudes é de quince días hábiles, contados a partir do seguinte ao da presentación da convocatoria.
09/09/2022. DINAMIZACIóN

Ei, xogamos?

Para que a volta ao cole se faga un chisco máis levadeira, o Servizo de Normalización Lingüística do Concello da Coruña convídate a que aprendas xogando con esta serie de pasatempos de peto. Atoparás labirintos, adiviñas, sopas de letras e xogos variados que farán os recreos máis divertidos.
05/09/2022. CURSOS E CONGRESOS

Xornada de análise sobre a nova Lei do Audiovisual

O Grupo de Estudos Audiovisuais da USC organiza, coa colaboración da Mesa pola Normalización Lingüística, organiza as xornadas "Perante a nova Lei do Audiovisual: análise e perspectivas", onde se analizarán as repercusións que esta lei terá no tecido cinematográfico e audiovisual galego dende a óptica cultural, lingüística e económica. As sesións desenvolveranse o vindeiro 15 de setembro de 2022 no Auditorio da Facultade de Ciencias da Comunicación da USC. A asistencia é de balde, sen necesidade de inscrición previa. Podes obter máis información sobre esta iniciativa, así como consultar o programa completo da xornada, premendo aquí.

02/09/2022. INVESTIGACIóN

Acordo para crear o Observatorio PuntoGal

PuntoGal e a Deputación da Coruña asinaron un acordo de colaboración para desenvolver o Observatorio PuntoGal. Esta web tirará proveito dos datos e ferramentas empregados pola asociación, para centralizar información e realizar análises sobre o uso da rede en Galicia, con especial atención á lingua.

A primeira fase do traballo, que terá lugar entre 2002 e 2023, vaise centrar en ofrecer "unha visión clara e precisa, cun nivel de detalle inédito ata hoxe, da riqueza e a diversidade da rede en Galicia".
02/09/2022. DINAMIZACIóN

Elfos, trasnos e hobbits súmanse aos galegofalantes

Desde hoxe, a plataforma Amazon Prime Video ofrece Os aneis do poder. Trátase dunha serie baseada na obra de Tolkien O señor dos aneis, que o público pode gozar dobrada e subtitulada á lingua galega grazas ás activas campañas sociais por un audiovisual en galego. Previamente, a plataforma Netflix xa anunciara a oferta de 70 títulos dobrados ou subtitulados ao longo deste 2022.
01/09/2022. CURSOS E CONGRESOS

Obradoiro de acollemento lingüístico en Santiago de Compostela

O Departamento de Lingua Galega do Concello de Santiago de Compostela organiza un novo obradoiro de acollemento lingüístico, dirixido principalmente a persoas adultas procedentes doutras comunidades lingüísticas, mais aberto a calquera persoa que queira iniciarse na aprendizaxe do galego. O curso, de 36 horas de duración, estrutúrase en 24 sesións presenciais de hora e media cada unha, que terán lugar todos os luns e mércores entre o 21 de setembro e o 14 de decembro de 2022. Podes obter máis información sobre os trámites de inscrición premendo aquí.