Novas da lingua

Rexistros1261 a 1290 de 5280
12/07/2022. OUTRAS

Guía estandarizada de nomes galegos

A Real Academia Galega presenta unha Guía de nomes galegos, con máis de 1500 nomes que forman parte da nosa tradición antroponímica, moitos deles desde a Idade Media. A guía, coordinada por Ana Isabel Boullón Agrelo, recolle a forma estandarizada dos antropónimos, as súas variantes e hipocorísticos, a etimoloxía, a motivación e a historia dos personaxes que os popularizaron, así como as correspondencias con outras linguas.

O obxectivo é ofrecerlle á cidadanía información estandarizada e accesible que lle facilite a escolla de nomes galegos para os seus fillos.
12/07/2022. EMPREGO

Convocatoria de nove postos para colaborar no Proxecto Nós

A Universidade de Santiago de Compostela publica unha convocatoria para a contratación de persoal colaborador en diferentes proxectos de investigación. Entre os postos ofertados hai nove para colaborar no "Proxecto Nós: O galego na sociedade e economía da intelixencia artificial", impulsado por esta universidade e mais a Xunta de Galicia. A forma de provisión será o concurso de méritos. O prazo de presentación de solicitudes remata o 15 de xullo de 2022. Para ampliar información, preme aquí.
11/07/2022. OUTRAS

Audioslibros en galego onde e cando queiras

Dez obras de oito grandes autores do Rexurdimento abren o catálogo de Léocho, a primeira editorial de audiolibros en galego. Entre os obxectivos dos creadores, Silvia Fernández e Ramón Romero, están a ampliación á literatura contemporánea e tamén a creación dun catálogo infantil.
08/07/2022. OUTRAS

Estréase a primeira produción animada en galego de Netflix

Hoxe, 8 de xullo, Netflix estrea O monstro mariño, a primeira película de animación da plataforma producida directamente en galego. Para 2022, a compañía xa anunciara, ademais, a oferta de 200 horas de subtítulos e unhas 20 horas de dobraxe en lingua galega.
05/07/2022. CURSOS E CONGRESOS

Congreso Internacional de Toponimia no Camiño de Santiago

A Real Academia Galega organiza, coa colaboración do Instituto da Lingua Galega e a Asociación Galega de Onomástica, un congreso internacional de toponimia no que o camiño de Santiago será o fío condutor dos diferentes relatorios. As sesións terán lugar os días 21, 22 e 23 de setembro de 2022 na Facultade de Filoloxía da Universidade de Santiago de Compostela. A matrícula é gratuíta. Para consultar o programa completo do congreso e obter máis información sobre os trámites de inscrición, preme aquí.
05/07/2022. DINAMIZACIóN

O verán vigués énchese de contos, música e xogos en galego

O Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Vigo presenta unha nova edición do programa “No verán… un conto”, co obxectivo de fomentar o uso do galego no ámbito do lecer. O programa (dirixido ao público infantil, familiar e adulto), inclúe contos, obradoiros, xogos tradicionais, música, regueifas, etc. As actividades comezan o vindeiro 8 de xullo e rematan o 31 de agosto. No web do SNL do Concello de Vigo podes consultar o programa completo e a sinopse das actividades (coas datas e lugares de realización).
05/07/2022. DINAMIZACIóN

O Concello de Silleda convídate a levar a lingua de rebaixas

Un ano máis, o Concello de Silleda, a través da súa concellaría de Benestar Social, Igualdade, Educación, Sanidade, Xuventude e Normalización Lingüística, convida a todos/as os/as comerciantes do municipio a adherirse á súa campaña "Rebaixas. O meu comercio, en galego!". Os comercios interesados terán ao seu dispor carteis para anunciar o período de rebaixas, así como adhesivos co lema "Non deixes a lingua na porta, entra! Atendémoste en galego" . Podes obter máis información sobre esta iniciativa contactando co Departamento de Normalización Lingüística municipal no teléfono 986592037.
04/07/2022. DINAMIZACIóN

"Fálao, ti que podes" une a galegofalantes de todo o mundo

A Asociación Faladoiros de Vigo engade ás súas xuntanzas presenciais dos mércores encontros telemáticos entre persoas que falan galego por todo o planeta. O que fora unha necesidade para adaptarse á pandemia, convértese así na oportunidade de darlle unha nova dimensión á iniciativa.

A través da campaña Fálao, ti que podes, queren dinamizar os faladoiros entre persoas que viven en Galicia e aquelas que residen fóra e non teñen a posibilidade de desenvolver a súa vida en galego, ou ben queren establecer contactos con galegofalantes para comezar a falalo.

04/07/2022. AXUDAS E PREMIOS

Novos xuíces e xuízas honorarios do Couto Mixto

O sábado, 2 de xullo, na igrexa de Santiago de Calvos de Randín, a Asociación de Amigos do Couto Mixto recuperou o acto anual de nomeamento de xuíces honorarios que se paralizara coa pandemia.

Nesta ocasión, recibiron tal recoñecemento Consuelo Castro Rei, avogada xeral do Estado; Armando González López, autor da letra do Himno do Couto Mixto, e a cineasta Diana Gonçalves, directora dun documental sobre a fronteira.

Ademais, anunciouse a posta en marcha da Academia das Ciencias Sociais do Couto Mixto, entre cuxos obxectivos está a promoción de estudos e iniciativas que contribúan a dinamizar o territorio e recuperar a súa identidade.
01/07/2022. OUTRAS

Ferrol homenaxea a editorial Céltiga

O Concello de Ferrol quixo conmemorar os 100 anos da creación da editorial Céltiga coa instalación dunha exposición na Praza de Armas da cidade.

Esta mostra, que fala do primeiro proxecto destinado a publicar prosa en galego, pode visitarse ata o 17 de xullo. Quen o desexe, ten a posibilidade de asistir o sábado día 2, ás 11 horas, á visita guiada a cargo de Xosé María Dobarro e Xosé Manuel Varela.
30/06/2022. CURSOS E CONGRESOS

Obradoiro de regueifa en vídeo

O Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Vigo difunde na súa páxina web unha serie de pezas audiovisuais de carácter didáctico sobre a regueifa, unha técnica de improvisación en verso característica da nosa tradición oral. Nos vídeos, dirixidos a alumnado de ensino secundario, Luís “O Caruncho” e Pinto D´Herbón explícannos a historia da regueifa e as súas características técnicas, e ensínannos a facer as coplas (coas súas características métricas e recursos da improvisación).

Para acceder ao obradoiro en liña preme aquí.

29/06/2022. DINAMIZACIóN

En Santiago, o comercio local sabe do que fala

Os departamentos de Comercio e Lingua Galega do Concello de Santiago presentan o proxecto "Videoconsellos: o comercio local sabe de que fala", co que se procura dar visibilidade ao comercio de proximidade e difundir a experiencia e os coñecementos dos profesionais deste ámbito, que consideran un valor engadido o trato directo e o uso do galego. A iniciativa bota a andar con vinte audiovisuais xa editados, aos que se irán sumando todos os videoconsellos que envíen a partir de agora os propios comerciantes composteláns.
Para ampliar información, preme aquí.
29/06/2022. AXUDAS E PREMIOS

A USC premia o traballo de Xosé Manuel Beiras a prol do galego

O xurado do V Premio Luis Porteiro Garea acordou por unanimidade outorgar este galardón a Xosé Manuel Beiras Torrado (catedrático de Estrutura Económica da USC, actualmente xubilado), polo "seu papel activo a prol da lingua galega" tanto nas súas facetas de docente e investigador, coma na de xestor académico durante as súas etapas como director de departamento e decano da Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais.
O premio Luis Porteiro Garea, que leva o nome do profesor de dereito civil e membro das Irmandades da Fala que en 1915 pronunciou a primeira lección en galego na USC, ten como finalidade recoñecer o traballo de persoas, entidades ou colectivos que traballan, ou traballaron, a prol do galego na universidade. No Xornal da USC atoparás máis información sobre esta iniciativa.


29/06/2022. AXUDAS E PREMIOS

Resólvense as axudas para o fomento do galego no ensino

A Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades publica as resolucións das convocatorias de subvencións para proxectos de fomento do galego, correspondentes ao curso escolar 2021/2022, dos centros de ensino non universitario tanto de titularidade pública como privada.

Podes consultar as listaxes de centros beneficiarios nas seguintes ligazóns:
-Centros de ensino non universitario de titularidade pública.
-Centros de ensino non universitario de titularidade privada.
28/06/2022. EMPREGO

Convocatoria de prazas e bolsas de formación en diferentes centros de estudos galegos

A Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades publica dúas convocatorias públicas para cubrir seis bolsas de formación nos lectorados de lingua, literatura e cultura galegas das universidades do Algarve, Berlín, Padua, Río de Janeiro, Roma e Zadar; así como cinco prazas nos lectorados das universidades de Heidelberg, Kiel, Miño, Varsovia e País Vasco. En ambas as dúas convocatorias, o prazo de presentación de solicitudes é dun mes, contado a partir do día seguinte ao da súa publicación.
28/06/2022. AXUDAS E PREMIOS

A Deputación de Pontevedra publica as axudas concedidas para a promoción do galego

A Deputación de Pontevedra publica, no BOP do 28 de xuño de 2022, a resolución das axudas concedidas polo departamento de Servizos Lingüísticos durante o primeiro semestre do ano. A resolución inclúe unha subvención á Universidade de Vigo para a elaboración dun proxecto sociolingüístico e mais as axudas aos concellos da provincia para a creación e mantemento de servizos de normalización lingüística, ou para o desenvolvemento de actividades de dinamización e promoción do idioma galego. Podes consultar a listaxe de entidades beneficiarias premendo aquí.
28/06/2022. OUTRAS

A Universidade de Vigo publica unha guía para mellorar o uso do galego

A Área de Normalización Lingüística (ANL) da Universidade de Vigo suma un novo título á súa colección de materiais didácticos dirixidos a mellorar a competencia lingüística da comunidade universitaria. Nesta nova obra, que se presenta baixo o título Breve guía para mellorarmos o uso do galego, compílanse os erros máis frecuentes atopados nos textos que as técnicas da ANL revisan no seu traballo diario. A guía estrutúrase en tres apartados: un dedicado a cuestións ortográficas e gramaticais, outro dedicado a erros de redacción e estilo, e un terceiro no que se ofrece unha relación de termos e expresións incorrectas, xunto coa opción correcta en galego. Podes ampliar información premendo aquí.
28/06/2022. INVESTIGACIóN

Preséntase na Coruña a obra Lingua, poder e adolescencia

O vindeiro xoves 30 de xuño, ás 20:30 h, presentarase na libraría Sisargas da Coruña a obra Lingua, poder e adolescencia, autoría de Miguel Rodríguez Carnota. A obra, que parte dunha tese doutoral previa do mesmo autor, ofrece un estudo en profundidade, a través de técnicas de análise do discurso, da biografía lingüística de dez rapazas e rapaces galegofalantes, así como das dificultades que afrontan no seu día a día no ámbito educativo para facer do galego unha lingua normal.

27/06/2022. OUTRAS

Tripadvisor premia un proxecto de promoción turística en galego

Guido Álvarez foi premiado pola plataforma Tripadvisor co Traveller's Choice, un recoñecemento que reciben anualmente o 10% dos negocios con mellores críticas dos seus usuarios e usuarias.

Este guía turístico, que desenvolve o seu traballo en Lugo, emprega como idioma profesional o galego, tanto para o turismo de proximidade coma para o exterior, uníndoo á experiencia cultural e creando espazos de comunicación en lingua galega.

Na entrevista que lle realizan na web Neofalantes podes coñecer a iniciativa un pouco mellor.
22/06/2022. LEXISLACIóN

En 2021, a Valedora do Pobo recibiu 261 queixas sobre dereitos lingüísticos

A Valedora do Pobo vén de presentar o Informe Anual 2021, no que as queixas relacionadas coa lingua galega e os dereitos lingüísticos aumentan de forma considerable e ocupan o quinto lugar entre as reclamacións presentadas pola cidadanía.

Son un total de 261, das que un 17% foron remitidas ao Defensor del Pueblo por afectar á Administración do Estado. Supoñen case o triple das presentadas en 2020 (96 queixas) e cinco veces máis ca en 2019. Podes acceder a toda a serie nesta ligazón.
22/06/2022. OUTRAS

O catálogo completo das publicacións da Real Academia Galega accesible en aberto

Incorpóranse ao catálogo en liña as edicións orixinais de discursos de ingreso, epistolarios, estudos significativos, revistas, folletos e dicionarios entre os que se inclúe o Diccionario gallego-castellano que a RAG publicou en fascículos entre 1913 e 1928.

Deste xeito, súmanse ao fondo un total de 177 volumes, 37000 páxinas, dixitalizados para a súa preservación e difusión en colaboración con Galiciana-Patrimono Dixital de Galicia. Xa podes consultalas na sección de publicacións da Real Academia Galega.
21/06/2022. OUTRAS

O Álbum de Galicia incorpora a biografía de Sabino Torres

Desde hoxe xa podes consultar no Álbum de Galicia a biobibliografía de Sabino Torres (Pontevedra, 1924 - Madrid, 2016): escritor, editor e dinamizador de proxectos culturais en lingua galega. Ademais da súa valía como narrador e poeta, Sabino Torres é recoñecido especialmente por protagonizar (xunto con Emilio Álvarez Negreira e Manuel Cuña Novás) un dos grandes fitos da edición en galego: a creación durante a ditadura franquista, na primavera de 1949, dunha colección de poesía bilingüe (en galego e castelán) chamada Benito Soto. O texto biobibliográfico está asinado por Ana Acuña e presentámolo acompañado por outros recursos documentais (galería fotográfica, documentos de interese, vídeos, recursos en liña...), que permiten achegarse desde diferentes ópticas aos traballos e os días do poeta e editor pontevedrés.
21/06/2022. DINAMIZACIóN

Recollida de herbas de san Xoán en Vigo

Ao abeiro do seu programa de celebración das festas cíclicas, o Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Vigo organiza unha recollida de herbas de san Xoán, que terá lugar o vindeiro 23 de xuño de 2022 no torreiro de Matamá (fronte ao CEIP Josefa Alonso). A actividade comezará cunha charla didáctica e divulgativa ás 17:30 h e a continuación realizarase un percorrido dunhas dúas horas de duración, que rematará cunha exposición de herbas do cacho. Tal e como require a data, a actividade pecharase coa celebración dunha cacharela con sardiñada. Na páxina web do SNL de Vigo podes ampliar información.
20/06/2022. EMPREGO

Praza de técnico/a de normalización lingüística no Concello de Val do Dubra

O Concello de Val do Dubra publica, no BOP do 20 de xuño de 2022, as bases da convocatoria para a provisión, en réxime de interinidade, dunha praza de técnico/a de normalización lingüística e apoio á secretaría. O sistema de selección é o de oposición libre. Os/as aspirantes deben estar en posesión da licenciatura en Filoloxía Galego-Portuguesa, Filoloxía Galega ou Filoloxía Hispánica (subsección Galego-Portugués), grao en Lingua Galega, ou titulado en calquera outra licenciatura/grao pertencentes á área de Humanidades ou de Ciencias Xurídicas e Sociais, sempre que se dispoña do Celga 5. O prazo de presentación de instancias para participar no proceso selectivo é de 8 días hábiles, contados a partir do seguinte ao da publicación do anuncio da convocatoria no BOP.
17/06/2022. INVESTIGACIóN

Análise da represión lingüística en Galicia durante os séculos XVI ao XX

A editorial Xerais acaba de tirar do prelo a obra O libro negro da lingua galega, autoría de Carlos Callón. O estudo recolle a analiza os testemuños da represión lingüística en Galicia durante os últimos séculos, concretamente no período comprendido entre 1543 e 1980. Nesta reportaxe de Nós Televisión podes ver as valoracións sobre esta publicación do propio autor, Carlos Callón; do director de Xerais, Fran Alonso; e mais do presidente da Mesa pola Normalización Lingüística, Marcos Maceiras.
16/06/2022.

Seguridade A1, recoñecida no Día da Galeguidade Empresarial

O Foro Enrique Peinador conmemorou, un ano máis, o Día da Galeguidade Empresarial. En 2022, os seus membros distinguiron a empresa Seguridade A1 polo seu comprometido uso da lingua galega e a vinculación do galego ao éxito desta entidade no ámbito socioeconómico.
16/06/2022. DINAMIZACIóN

A Real Academia Galega acorda co Senado asinar un convenio de colaboración para difundir a lingua galega

Ander Gil, presidente do Senado, visitou o 13 de xuño a sede da Real Academia Galega. Neste encontro, ambas as institucións comunicaron que traballan nun convenio de colaboración similar ao que o Senado asinou coa Real Academia Vasca e en breve co Institut d'Estudis Cataláns. O obxectivo que se persegue é a "promoción da lingua e da cultura galegas como parte do patrimonio común do Estado". Tes máis información sobre este acordo na páxina web da RAG.
16/06/2022. OUTRAS

O colectivo cultural Fala Ceibe do Bierzo presenta as súas propostas lingüísticas para o galego

Durante a celebración na Coruña do encontro Medra a lingua, Fala Ceibe deu a coñecer as demandas que desde os territorios do Eonavia, O Bierzo e alta Seabra semellan urxentes para enfrontar o afastamento que padecen os falantes do galego estremeiro.

Ademais de análises e reclamacións, fanse propostas que abranguen o ámbito lexislativo, o ensino ou o turismo. Consulta o documento completo no seu blog.
15/06/2022. OUTRAS

Recursos multimedia para divulgar terminoloxía básica

A Área de Terminoloxía do Servizo de Normalización Lingüística da USC presenta unha compilación de recursos multimedia que no seu día foron difundidos de xeito individual nas redes sociais e que agora, para facilitar a súa localización, tamén podes atopar xuntos nunha mesma páxina web. Trátase dunha serie de imaxes interactivas (enriquecidas con textos, vídeos e ligazóns a outros contidos dixitais) para divulgar terminoloxía básica de diferentes áreas temáticas; así como das presentacións que o SNL elabora mensualmente para divulgar nas redes os especiais temáticos de Proxector.
15/06/2022. CURSOS E CONGRESOS

Curso de verán "Tecnoloxías da linguaxe: as linguas na sociedade e na economía dixitais"

O Centro Singular de Investigación en Tecnoloxías Intelixentes (CiTIUS) e o Instituto da Lingua Galega da Universidade de Santiago de Compostela organizan un curso de verán que ten como obxectivo divulgar as múltiples posibilidades que ofrecen as tecnoloxías da linguaxe para a creación de aplicacións e servizos de uso cotián baseados nas linguas. As sesións terán lugar entre o 12 e o 15 de xullo de 2022, na sede da Escola Técnica Superior de Enxeñaría da USC, en Santiago de Compostela. O prazo de matrícula estará aberto ata o 1 de xullo. Para coñecer o programa completo do curso ou obter máis información sobre a iniciativa, preme aquí.