Novas da lingua

Rexistros1321 a 1350 de 5145
01/07/2022. OUTRAS

Ferrol homenaxea a editorial Céltiga

O Concello de Ferrol quixo conmemorar os 100 anos da creación da editorial Céltiga coa instalación dunha exposición na Praza de Armas da cidade.

Esta mostra, que fala do primeiro proxecto destinado a publicar prosa en galego, pode visitarse ata o 17 de xullo. Quen o desexe, ten a posibilidade de asistir o sábado día 2, ás 11 horas, á visita guiada a cargo de Xosé María Dobarro e Xosé Manuel Varela.
30/06/2022. CURSOS E CONGRESOS

Obradoiro de regueifa en vídeo

O Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Vigo difunde na súa páxina web unha serie de pezas audiovisuais de carácter didáctico sobre a regueifa, unha técnica de improvisación en verso característica da nosa tradición oral. Nos vídeos, dirixidos a alumnado de ensino secundario, Luís “O Caruncho” e Pinto D´Herbón explícannos a historia da regueifa e as súas características técnicas, e ensínannos a facer as coplas (coas súas características métricas e recursos da improvisación).

Para acceder ao obradoiro en liña preme aquí.

29/06/2022. DINAMIZACIóN

En Santiago, o comercio local sabe do que fala

Os departamentos de Comercio e Lingua Galega do Concello de Santiago presentan o proxecto "Videoconsellos: o comercio local sabe de que fala", co que se procura dar visibilidade ao comercio de proximidade e difundir a experiencia e os coñecementos dos profesionais deste ámbito, que consideran un valor engadido o trato directo e o uso do galego. A iniciativa bota a andar con vinte audiovisuais xa editados, aos que se irán sumando todos os videoconsellos que envíen a partir de agora os propios comerciantes composteláns.
Para ampliar información, preme aquí.
29/06/2022. AXUDAS E PREMIOS

A USC premia o traballo de Xosé Manuel Beiras a prol do galego

O xurado do V Premio Luis Porteiro Garea acordou por unanimidade outorgar este galardón a Xosé Manuel Beiras Torrado (catedrático de Estrutura Económica da USC, actualmente xubilado), polo "seu papel activo a prol da lingua galega" tanto nas súas facetas de docente e investigador, coma na de xestor académico durante as súas etapas como director de departamento e decano da Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais.
O premio Luis Porteiro Garea, que leva o nome do profesor de dereito civil e membro das Irmandades da Fala que en 1915 pronunciou a primeira lección en galego na USC, ten como finalidade recoñecer o traballo de persoas, entidades ou colectivos que traballan, ou traballaron, a prol do galego na universidade. No Xornal da USC atoparás máis información sobre esta iniciativa.


29/06/2022. AXUDAS E PREMIOS

Resólvense as axudas para o fomento do galego no ensino

A Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades publica as resolucións das convocatorias de subvencións para proxectos de fomento do galego, correspondentes ao curso escolar 2021/2022, dos centros de ensino non universitario tanto de titularidade pública como privada.

Podes consultar as listaxes de centros beneficiarios nas seguintes ligazóns:
-Centros de ensino non universitario de titularidade pública.
-Centros de ensino non universitario de titularidade privada.
28/06/2022. EMPREGO

Convocatoria de prazas e bolsas de formación en diferentes centros de estudos galegos

A Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades publica dúas convocatorias públicas para cubrir seis bolsas de formación nos lectorados de lingua, literatura e cultura galegas das universidades do Algarve, Berlín, Padua, Río de Janeiro, Roma e Zadar; así como cinco prazas nos lectorados das universidades de Heidelberg, Kiel, Miño, Varsovia e País Vasco. En ambas as dúas convocatorias, o prazo de presentación de solicitudes é dun mes, contado a partir do día seguinte ao da súa publicación.
28/06/2022. AXUDAS E PREMIOS

A Deputación de Pontevedra publica as axudas concedidas para a promoción do galego

A Deputación de Pontevedra publica, no BOP do 28 de xuño de 2022, a resolución das axudas concedidas polo departamento de Servizos Lingüísticos durante o primeiro semestre do ano. A resolución inclúe unha subvención á Universidade de Vigo para a elaboración dun proxecto sociolingüístico e mais as axudas aos concellos da provincia para a creación e mantemento de servizos de normalización lingüística, ou para o desenvolvemento de actividades de dinamización e promoción do idioma galego. Podes consultar a listaxe de entidades beneficiarias premendo aquí.
28/06/2022. OUTRAS

A Universidade de Vigo publica unha guía para mellorar o uso do galego

A Área de Normalización Lingüística (ANL) da Universidade de Vigo suma un novo título á súa colección de materiais didácticos dirixidos a mellorar a competencia lingüística da comunidade universitaria. Nesta nova obra, que se presenta baixo o título Breve guía para mellorarmos o uso do galego, compílanse os erros máis frecuentes atopados nos textos que as técnicas da ANL revisan no seu traballo diario. A guía estrutúrase en tres apartados: un dedicado a cuestións ortográficas e gramaticais, outro dedicado a erros de redacción e estilo, e un terceiro no que se ofrece unha relación de termos e expresións incorrectas, xunto coa opción correcta en galego. Podes ampliar información premendo aquí.
28/06/2022. INVESTIGACIóN

Preséntase na Coruña a obra Lingua, poder e adolescencia

O vindeiro xoves 30 de xuño, ás 20:30 h, presentarase na libraría Sisargas da Coruña a obra Lingua, poder e adolescencia, autoría de Miguel Rodríguez Carnota. A obra, que parte dunha tese doutoral previa do mesmo autor, ofrece un estudo en profundidade, a través de técnicas de análise do discurso, da biografía lingüística de dez rapazas e rapaces galegofalantes, así como das dificultades que afrontan no seu día a día no ámbito educativo para facer do galego unha lingua normal.

27/06/2022. OUTRAS

Tripadvisor premia un proxecto de promoción turística en galego

Guido Álvarez foi premiado pola plataforma Tripadvisor co Traveller's Choice, un recoñecemento que reciben anualmente o 10% dos negocios con mellores críticas dos seus usuarios e usuarias.

Este guía turístico, que desenvolve o seu traballo en Lugo, emprega como idioma profesional o galego, tanto para o turismo de proximidade coma para o exterior, uníndoo á experiencia cultural e creando espazos de comunicación en lingua galega.

Na entrevista que lle realizan na web Neofalantes podes coñecer a iniciativa un pouco mellor.
22/06/2022. LEXISLACIóN

En 2021, a Valedora do Pobo recibiu 261 queixas sobre dereitos lingüísticos

A Valedora do Pobo vén de presentar o Informe Anual 2021, no que as queixas relacionadas coa lingua galega e os dereitos lingüísticos aumentan de forma considerable e ocupan o quinto lugar entre as reclamacións presentadas pola cidadanía.

Son un total de 261, das que un 17% foron remitidas ao Defensor del Pueblo por afectar á Administración do Estado. Supoñen case o triple das presentadas en 2020 (96 queixas) e cinco veces máis ca en 2019. Podes acceder a toda a serie nesta ligazón.
22/06/2022. OUTRAS

O catálogo completo das publicacións da Real Academia Galega accesible en aberto

Incorpóranse ao catálogo en liña as edicións orixinais de discursos de ingreso, epistolarios, estudos significativos, revistas, folletos e dicionarios entre os que se inclúe o Diccionario gallego-castellano que a RAG publicou en fascículos entre 1913 e 1928.

Deste xeito, súmanse ao fondo un total de 177 volumes, 37000 páxinas, dixitalizados para a súa preservación e difusión en colaboración con Galiciana-Patrimono Dixital de Galicia. Xa podes consultalas na sección de publicacións da Real Academia Galega.
21/06/2022. OUTRAS

O Álbum de Galicia incorpora a biografía de Sabino Torres

Desde hoxe xa podes consultar no Álbum de Galicia a biobibliografía de Sabino Torres (Pontevedra, 1924 - Madrid, 2016): escritor, editor e dinamizador de proxectos culturais en lingua galega. Ademais da súa valía como narrador e poeta, Sabino Torres é recoñecido especialmente por protagonizar (xunto con Emilio Álvarez Negreira e Manuel Cuña Novás) un dos grandes fitos da edición en galego: a creación durante a ditadura franquista, na primavera de 1949, dunha colección de poesía bilingüe (en galego e castelán) chamada Benito Soto. O texto biobibliográfico está asinado por Ana Acuña e presentámolo acompañado por outros recursos documentais (galería fotográfica, documentos de interese, vídeos, recursos en liña...), que permiten achegarse desde diferentes ópticas aos traballos e os días do poeta e editor pontevedrés.
21/06/2022. DINAMIZACIóN

Recollida de herbas de san Xoán en Vigo

Ao abeiro do seu programa de celebración das festas cíclicas, o Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Vigo organiza unha recollida de herbas de san Xoán, que terá lugar o vindeiro 23 de xuño de 2022 no torreiro de Matamá (fronte ao CEIP Josefa Alonso). A actividade comezará cunha charla didáctica e divulgativa ás 17:30 h e a continuación realizarase un percorrido dunhas dúas horas de duración, que rematará cunha exposición de herbas do cacho. Tal e como require a data, a actividade pecharase coa celebración dunha cacharela con sardiñada. Na páxina web do SNL de Vigo podes ampliar información.
20/06/2022. EMPREGO

Praza de técnico/a de normalización lingüística no Concello de Val do Dubra

O Concello de Val do Dubra publica, no BOP do 20 de xuño de 2022, as bases da convocatoria para a provisión, en réxime de interinidade, dunha praza de técnico/a de normalización lingüística e apoio á secretaría. O sistema de selección é o de oposición libre. Os/as aspirantes deben estar en posesión da licenciatura en Filoloxía Galego-Portuguesa, Filoloxía Galega ou Filoloxía Hispánica (subsección Galego-Portugués), grao en Lingua Galega, ou titulado en calquera outra licenciatura/grao pertencentes á área de Humanidades ou de Ciencias Xurídicas e Sociais, sempre que se dispoña do Celga 5. O prazo de presentación de instancias para participar no proceso selectivo é de 8 días hábiles, contados a partir do seguinte ao da publicación do anuncio da convocatoria no BOP.
17/06/2022. INVESTIGACIóN

Análise da represión lingüística en Galicia durante os séculos XVI ao XX

A editorial Xerais acaba de tirar do prelo a obra O libro negro da lingua galega, autoría de Carlos Callón. O estudo recolle a analiza os testemuños da represión lingüística en Galicia durante os últimos séculos, concretamente no período comprendido entre 1543 e 1980. Nesta reportaxe de Nós Televisión podes ver as valoracións sobre esta publicación do propio autor, Carlos Callón; do director de Xerais, Fran Alonso; e mais do presidente da Mesa pola Normalización Lingüística, Marcos Maceiras.
16/06/2022.

Seguridade A1, recoñecida no Día da Galeguidade Empresarial

O Foro Enrique Peinador conmemorou, un ano máis, o Día da Galeguidade Empresarial. En 2022, os seus membros distinguiron a empresa Seguridade A1 polo seu comprometido uso da lingua galega e a vinculación do galego ao éxito desta entidade no ámbito socioeconómico.
16/06/2022. DINAMIZACIóN

A Real Academia Galega acorda co Senado asinar un convenio de colaboración para difundir a lingua galega

Ander Gil, presidente do Senado, visitou o 13 de xuño a sede da Real Academia Galega. Neste encontro, ambas as institucións comunicaron que traballan nun convenio de colaboración similar ao que o Senado asinou coa Real Academia Vasca e en breve co Institut d'Estudis Cataláns. O obxectivo que se persegue é a "promoción da lingua e da cultura galegas como parte do patrimonio común do Estado". Tes máis información sobre este acordo na páxina web da RAG.
16/06/2022. OUTRAS

O colectivo cultural Fala Ceibe do Bierzo presenta as súas propostas lingüísticas para o galego

Durante a celebración na Coruña do encontro Medra a lingua, Fala Ceibe deu a coñecer as demandas que desde os territorios do Eonavia, O Bierzo e alta Seabra semellan urxentes para enfrontar o afastamento que padecen os falantes do galego estremeiro.

Ademais de análises e reclamacións, fanse propostas que abranguen o ámbito lexislativo, o ensino ou o turismo. Consulta o documento completo no seu blog.
15/06/2022. OUTRAS

Recursos multimedia para divulgar terminoloxía básica

A Área de Terminoloxía do Servizo de Normalización Lingüística da USC presenta unha compilación de recursos multimedia que no seu día foron difundidos de xeito individual nas redes sociais e que agora, para facilitar a súa localización, tamén podes atopar xuntos nunha mesma páxina web. Trátase dunha serie de imaxes interactivas (enriquecidas con textos, vídeos e ligazóns a outros contidos dixitais) para divulgar terminoloxía básica de diferentes áreas temáticas; así como das presentacións que o SNL elabora mensualmente para divulgar nas redes os especiais temáticos de Proxector.
15/06/2022. CURSOS E CONGRESOS

Curso de verán "Tecnoloxías da linguaxe: as linguas na sociedade e na economía dixitais"

O Centro Singular de Investigación en Tecnoloxías Intelixentes (CiTIUS) e o Instituto da Lingua Galega da Universidade de Santiago de Compostela organizan un curso de verán que ten como obxectivo divulgar as múltiples posibilidades que ofrecen as tecnoloxías da linguaxe para a creación de aplicacións e servizos de uso cotián baseados nas linguas. As sesións terán lugar entre o 12 e o 15 de xullo de 2022, na sede da Escola Técnica Superior de Enxeñaría da USC, en Santiago de Compostela. O prazo de matrícula estará aberto ata o 1 de xullo. Para coñecer o programa completo do curso ou obter máis información sobre a iniciativa, preme aquí.
15/06/2022. EMPREGO

Praza de tradutor/a de lingua galega na Deputación de Ourense

A Deputación de Ourense publica, no BOP do 13 de xuño de 2022, as bases da convocatoria para a provisión en propiedade dunha praza de tradutor/a de lingua galega (A1). O sistema de selección é o de oposición libre. Os/as aspirantes deben estar en posesión do título universitario de grao en Ciencias da Linguaxe e Estudos Literarios (galego e español), estudos de galego e español, de galego e portugués: estudos lingüísticos e literarios, lingua e literatura galegas, tradución e interpretación ou equivalentes ou calquera outro título oficial universitario nivel 3 do marco español de cualificacións para a educación superior (nivel 7 do marco europeo de cualificacións) en calquera rama do coñecemento. O prazo de inscrición é de 20 días naturais, contados a partir da publicación do anuncio no BOE.
10/06/2022. DINAMIZACIóN

III Festa do Apego no Concello de Ames

O Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Ames organiza a terceira edición da súa Festa do Apego, unha actividade lúdica, dirixida ao público infantil e ás súas familias, que ten como obxectivo fomentar a transmisión interxeracional da lingua e crear novos espazos de uso para o galego no ámbito do lecer. O programa inclúe música, contos, mostras de recursos lúdico-educativos e xogos. O encontro terá lugar o sábado 18 de xuño no Pazo da Peregrina (Bertamiráns). O prazo de inscrición está aberto ata o 16 de xuño. Podes obter máis información sobre esta iniciativa, así como sobre os trámites de inscrición, premendo aquí.
10/06/2022. AXUDAS E PREMIOS

II Premio TikTok do Concello de Oleiros

O Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Oleiros convoca a segunda edición do Premio TikTok, para estimular a creatividade entre a mocidade, fomentar a creación de contidos audiovisuais en galego e contribuír á creación dunha comunidade galega en TikTok. O certame está dirixido a todos os rapaces e rapazas da ESO e bacharelato escolarizados/as no Concello de Oleiros. Os vídeos deben ser de creación propia, estar realizados a través da aplicación TikTok e ter unha temática relacionada coa literatura galega, a lingua ou a situación sociolingüística. A duración de cada peza non debe superar 1 minuto de duración. Outorgaranse dous premios tecnolóxicos en cada unha das tres categorías (establecidas segundo o curso ao que pertenza o/a alumno/a). O prazo de inscrición será de 20 días naturais, contados a partir do día seguinte á publicación das bases no Boletín Oficial da Provincia da Coruña.

09/06/2022. AXUDAS E PREMIOS

Convócanse os Premios da Cultura Galega

A Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades convoca os Premios da Cultura Galega para o ano 2002, nas seguintes modalidades: Letras, Artes Visuais, Artes Escénicas, Música, Lingua, Patrimonio Cultural e Proxección Exterior. Concretamente, o premio da modalidade de Lingua está dirixido a persoas, colectivos ou entidades de ampla traxectoria no ámbito da promoción da lingua galega. As candidaturas só poderán ser presentadas por institucións e entidades culturais ou profesionais, públicas ou privadas, relacionadas co obxecto de cada premio, sen que os candidatos se poidan postular a si mesmos. O prazo de presentación de candidaturas será de dous meses, contados desde o día seguinte ao da publicación da convocatoria no Diario Oficial de Galicia.
09/06/2022. LEXISLACIóN

O Concello de Valdoviño xa ten ordenanza de normalización lingüística

O Concello de Valdoviño publica, no BOP do 9 de xuño de 2022, a súa ordenanza municipal de uso social da lingua galega, que regula os usos lingüísticos polos que debe rexerse o concello, así coma as empresas adxudicatarias, concesionarias ou contratadas cando actúen en función desa adxudicación, concesión ou contrato, e tamén as de explotación mixta. No Kit para a normalización en rede podes consultar a listaxe completa de ordenanzas e regulamentos lingüísticos en vigor na Administración local galega.
09/06/2022. DINAMIZACIóN

Comeza unha nova edición da campaña Toponimízate

A Real Academia Galega e a Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia presentan a quinta edición da campaña Toponimízate. Falámosche dos nomes da túa terra, deseñada co obxectivo de preservar e divulgar o patrimonio toponímico galego. A principal acción da campaña consiste na organización de charlas divulgativas, que nesta edición terán lugar en 17 concellos galegos onde a microtoponimia está en especial risco de desaparición. Así mesmo, os/as asistentes a estas charlas terán a ocasión de familiarizarse coa plataforma colaborativa Galicia Nomeada, grazas á cal foi posible recuperar máis de 43000 microtopónimos desde o seu lanzamento público, a finais do 2019. Para ampliar información, preme aquí.
08/06/2022. DINAMIZACIóN

XIII Certame de Cine OUFF Escola

O Concello de Ourense, en colaboración coa Secretaría Xeral de Política Lingüística, convoca a décimo terceira edición do Certame Ouff Escola, que ten como obxectivos impulsar o uso do idioma galego entre a mocidade, fomentar a creatividade audiovisual e promover o traballo en equipo. Poderán participar centros educativos públicos e privados de ensino non universitario de Galicia, así como aqueles de fóra de Galicia que teñan materias en lingua galega. Os/as participantes deben elaborar obras audiovisuais en lingua galega de ata 20 minutos de duración. O prazo de inscrición remata o 8 de xullo de 2022. Para consultar as bases completas, preme aquí.
08/06/2022. DINAMIZACIóN

O Concello de Caldas de Reis presenta a campaña "Eu merco en galego"

Caldas de Reis pon en marcha a campaña de dinamización lingüística "Eu merco en galego", orientada a premiar o uso da lingua galega e a impulsar a súa presenza no sector económico municipal.

A proposta consta de dúas accións que se van desenvolver paralelamente. Por unha parte, entre o 10 e o 30 de xuño, "Falo e gaño co galego", na que se distribuirán materiais promocionais polo comercio e a pequena empresa, así como premios entre a clientela que empregue a lingua galega nas súas compras. Pola outra, "Sacamos o sombreiro ao galego", unha instalación na rúa que permanecerá todo o verán e suporá pendurar 1400 sombreiros con lemas nas vías comerciais polas que transcorre o Camiño de Santiago.
07/06/2022. AXUDAS E PREMIOS

Os III Premios Mil Primaveras entregaranse en Pontevedra

A Coordinadora de Traballadores/as de Normalización da Lingua organiza un acto público de entrega dos III Premios Mil Primaveras, que será conducido pola narradora María da Pontragha e terá lugar o vindeiro 11 de xuño de 2022 ás 11:30 horas na Igrexa do Convento de Santa Clara de Pontevedra. Estes premios teñen como obxectivo a difusión e posta en valor de proxectos que, polo súa calidade, poidan servir de modelo de boas prácticas no ámbito da normalización lingüística. Para ampliar información preme aquí.