Novas da lingua

Rexistros1321 a 1350 de 5280
12/05/2022. OUTRAS

A FEGAMP considera necesario normalizar os usos lingüísticos da policía local

Coincidindo coa celebración das Letras Galegas, a Federación Galega de Municipios e Provincias (FEGAMP) fixo pública unha declaración institucional aprobada pola súa Xunta de Voceiros o pasado 10 de maio de 2022. Neste documento, elaborado a petición da Irmandade Xurídica Galega, a FEGAMP maniféstase a favor do uso do galego como lingua xurídica e administrativa, centrándose concretamente na necesidade de normalizar os usos lingüísticos do persoal da policía local. Podes consultar o texto completo da declaración premendo aquí.
12/05/2022. OUTRAS

A RAG celebrará o acto central das Letras Galegas 2022 en Córgomo

O vindeiro 17 de maio, Día das Letras Galegas, a Real Academia Galega celebrará unha sesión extraordinaria e pública dedicada a Florencio Delgado Gurriarán. O acto terá lugar en Córgomo (Vilamartín de Valdeorras), a vila natal do autor homenaxeado, e nel intervirán a académica Rosario Álvarez e os académicos Ramón Villares e Xesús Alonso Montero, así coma o presidente da institución, Víctor F. Freixanes, que será o encargado de pechar a sesión. Igual que aconteceu en anteriores edicións, a sesión poderá seguirse en directo desde o sitio web da RAG.
Podes ampliar información premendo aquí.
12/05/2022. DINAMIZACIóN

Xa podes consultar os vídeos gañadores do concurso “Petiscos de ciencia”

A Comisión de Normalización Lingüística da Facultade de Ciencias e mais o Servizo de Normalización Lingüística da Universidade de Santiago de Compostela deron a coñecer os vídeos gañadores e os finalistas do concurso “Petiscos de ciencia”, un certame deseñado para fomentar a creación de recursos audiovisuais para transmitir, desde unha perspectiva didáctica e divulgativa, contidos científicos en lingua galega. Na páxina web do SNL da USC podes consultar todos estes vídeos.

A entrega de premios aos gañadores e de diplomas aos finalistas terá lugar o 20 de maio de 2022, ás 12 horas, no Salón de Actos da Facultade de Ciencias de Lugo.
11/05/2022. DINAMIZACIóN

O CCG homenaxea con música e poesía a Florencio Delgado Gurriarán

Nas vésperas da celebración do Día das Letras Galegas, o Consello da Cultura Galega presenta as dúas iniciativas centrais do seu programa de homenaxe a Florencio Delgado Gurriarán. Unha delas é a edición facsimilar do seu Cancioneiro da loita galega, publicado en México en 1943 polo Partido Galeguista. A maiores, o facsímile que agora presenta o CCG conta cun estudo introdutorio de Xesús Alonso Montero e cun apéndice documental de Ricardo Gurriarán. Por outra banda, tamén se celebrará este ano o tradicional Concerto das Letras Galegas, que terá lugar o vindeiro 16 de maio no Teatro Laura Olmo (O Barco de Valdeorras), ás 20:00 horas. O programa desta duodécima edición está deseñado como recoñecemento á persoa de Florencio Delgado Gurriarán e ao colectivo galego de exiliados en México, cunha selección representativa das súas obras. Carme Rodríguez foi nesta ocasión a encargada de compoñer a peza de nova creación, para voz e quinteto de vento, que se estreará o propio día do concerto. A entrada é libre e gratuíta ata completar a capacidade da sala.


09/05/2022. AXUDAS E PREMIOS

Axudas para a tradución do libro galego

A Consellería de Cultura, Educación e Universidade publica a convocatoria de axudas para o libro galego, tanto no que se refire á tradución para outras linguas de obras publicadas orixinariamente en galego como á tradución para o galego de obras publicadas orixinariamente noutras linguas. O prazo de presentación de solicitudes é dun mes, contado a partir do día seguinte ao da publicación da convocatoria.
05/05/2022. DINAMIZACIóN

O alumnado de Redondela aprende xogando no camiño da lingua

O Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Redondela botou a andar esta semana o programa “Camiño da lingua”, unha serie de 16 obradoiros de carácter lúdico e didáctico dirixidos ao alumnado dos centros de primaria redondeláns. A través dun xogo de temática lingüística, os nenos e nenas poderán aprender vocabulario galego, refráns, cantigas..., así como achegarse á historia e cultura de Galicia en xeral, e de Redondela en particular. Podes ampliar información premendo aquí.
05/05/2022. DINAMIZACIóN

Semente de brincar. Xogos cantados de Galicia

Semente Compostela ofrécenos unha colección de 20 vídeos breves que recollen xogos tradicionais cantados, como o calacú, a cesta ou que sei onde. Esta iniciativa pretende ofrecerlles ás familias e docentes, desde a recuperación patrimonial, recursos para o lecer e a oralidade en galego.
05/05/2022. OUTRAS

A dobraxe en galego, un modelo de normalización

Recrea films produce este documental no que actrices e actores de dobraxe explícannos as características da súa profesión, conectándoa coa incidencia que ten sobre a lingua galega. Reflexionan sobre o impacto da aparición de series e películas en galego nos anos 80, a fala e a norma ou a relevancia de continuar ofrecendo produtos audiovisuais en galego para fortalecer os usos e as actitudes da mocidade.
04/05/2022. DINAMIZACIóN

Concurso de booktrailers para alumnado de entre 12 e 18 anos

O Equipo de Dinamización da Lingua Galega do IES Pontepedriña de Santiago de Compostela convoca a V edición do seu Concurso de booktrailers. O obxectivo é contribuír á creación e difusión de traballos audiovisuais escolares no ámbito da normalización lingüística e promover a lectura como entretemento entre a mocidade. O prazo de presentación de traballos remata o 20 de maio. Consulta toda a información nas bases do certame.
03/05/2022. CURSOS E CONGRESOS

Facer xornalismo en galego. É posible

A reflexión sobre a lingua galega e os medios de comunicación vai centrar a segunda mesa da xornada "Censuras e silencios nos medios de comunicación", unha actividade do Consello da Cultura Galega que terá lugar este xoves, 5 de maio. No debate participan Luís Álvarez Pousa, director da revista Tempos Novos, Víctor Freixanes, xornalista e presidente da Real Academia Galega, e María Obelleiro, directora de Nós Diario. Accede ao programa completo e á ficha de inscrición aquí.
29/04/2022. DINAMIZACIóN

Queremos Galego reivindica “un novo futuro para a lingua”

A plataforma cidadá Queremos Galego, que agrupa a máis de 500 colectivos sociais e culturais, convoca a cidadanía a manifestarse o vindeiro 17 de maio, coincidindo coa festividade do Día das Letras Galegas, para reivindicar a plena normalización do noso idioma, este ano baixo o lema “En galego agora e sempre. Por un novo futuro para a lingua”. A manifestación sairá ás 12:00 h da alameda compostelá e percorrerá as rúas de Santiago, ata chegar á Praza da Quintana. Podes ampliar información premendo aquí.
27/04/2022. DINAMIZACIóN

Comeza na Coruña o festival "Falando a Boca Chea"

Hoxe, mércores 27 de abril, comezan no Forum Metropolitano da Coruña as actuacións do festival “Falando a Boca Chea 2022”, un programa organizado polo Concello da Coruña que achegará a narración oral en lingua galega a todos os públicos ata o vindeiro 30 de abril. Podes consultar o programa completo ou obter información sobre as canles para conseguir as entradas e convites, premendo aquí.
27/04/2022. DINAMIZACIóN

O Correlingua 2022 percorrerá máis de 20 centros educativos entre maio e outubro

Fálame! é o lema co que o Correlingua percorrerá este ano máis de vinte centros educativos das catro provincias galegas, reivindicando o uso normal da nosa lingua en todos os contextos sociais. O programa desta edición 2022 inclúe concertos, obradoiros, regueifas e outras actividades de carácter lúdico-didáctico que se desenvolverán nos meses de maio (centros das provincias da Coruña e Pontevedra) e outubro (centros de Lugo e Ourense). Podes manterte informado de todas as novidades no sitio web da iniciativa.
27/04/2022. DINAMIZACIóN

Florencio Delgado Gurriarán protagoniza o arranque de Falaredes 2022

O programa de dinamización lingüística FalaRedes chega á súa undécima edición abrindo coa representación da peza teatral Tras os vieiros de Florencio. Esta actividade é a primeira das corenta que se van desenvolver en concellos e entidades adscritos á Rede de Dinamización Lingüística da Xunta de Galicia, co obxectivo de fomentar a oferta de lecer en galego. Son propostas escénicas e musicais ás que se sumarán as que xordan da convocatoria TeCeRedes de proxectos dinamizadores para a infancia e a mocidade.
25/04/2022. AXUDAS E PREMIOS

Convocatoria da UDC de axudas á investigación en lingua galega

O Servizo de Normalización Lingüística da Universidade da Coruña publica a convocatoria de axudas a alumnado que realice e defenda a tese de doutoramento, o traballo fin de mestrado ou o traballo fin de grao en lingua galega entre o 29/10/2021 e o 31/03/2023. Ademais da axuda económica, as persoas interesadas contarán co asesoramento lingüístico do
SNL.

O prazo para a presentación de solicitudes remata o 31 de outubro de 2022 ou, no seu caso, dous meses despois da defensa do traballo. Se desexas consultar o texto completo da convocatoria, preme aquí.
22/04/2022. DINAMIZACIóN

Música nas Letras en homenaxe a Florencio Delgado Gurriarán

O Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Pontevedra organiza o certame “Música nas Letras”, dirixido a bandas de calquera estilo musical de Pontevedra, ou que acrediten ter un compoñente de Pontevedra. As bandas participantes deben musicar, con composicións orixinais, un poema ou mestura libre de versos de Florencio Delgado Gurriarán, autor homenaxeado no Día das Letras Galegas 2022. Outorgaranse tres premios, de 1.000, 500 e 250 euros. O prazo de presentación de traballos remata o 5 de maio de 2022. Podes consultar as bases completas premendo aquí.
22/04/2022. CURSOS E CONGRESOS

Ferramentas para mellorar a comunicación nas redes sociais

O Centro de Terminoloxía TERMCAT e Realiter presentan unha nova edición ampliada do seu Vocabulario de redes sociais, con 173 termos e as denominacións equivalentes en seis linguas románicas (catalán, castelán -variantes de Europa e de México-, francés, galego, italiano e portugués -variantes de Europa e do Brasil). O Servizo de Normalización Lingüística da USC contribuíu coas propostas de nomes en galego para os novos conceptos. Este mesmo SNL e a Comisión de Normalización Lingüística da Facultade de Ciencias da Comunicación da USC organizan o obradoiro "Escribir para as redes sociais", dirixido ao alumnado dos graos de Comunicación Audiovisual e Xornalismo. As sesións terán lugar os días 3, 4, 9 e 10 de maio do 2022 e o prazo de inscrición remata o vindeiro 30 de abril.

22/04/2022. DINAMIZACIóN

Actividades de apego á lingua para os nenos e nenas de Narón

A comezos deste mes de abril, o Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Narón recibía o galardón ao mellor proxecto estabilizado na terceira edición dos Premios Mil Primaveras, polo seu web Do berce á rúa. Seguindo nesta liña de traballo dirixida á infancia, o SNL de Narón participa tamén desde hai anos no Proxecto Apego, ao abeiro do cal vai organizar durante os vindeiros meses un programa de actividades lúdicas e didácticas deseñadas para familias con nenas e nenos de 0 a 6 anos. Podes obter máis información sobre as datas de celebración e os trámites de inscrición premendo aquí.
20/04/2022. DINAMIZACIóN

Corenta anos enchendo a aldea do Couto de Letras

Como xa é tradición, a Asociación Eduardo Pondal festexará as Letras Galegas cun amplo programa que, baixo o nome de Festiletras, leva corenta anos enchendo a aldea do Couto, en Ponteceso, de música, literatura, artes escénicas, ciencia e actividades culturais de carácter diverso. O ano pasado, por mor da pandemia, a celebración trasladouse ao mes de setembro e nesta edición de 2022, o groso do programa tamén se desenvolverá entre os días 1 e 4 de setembro, mais arredor do dezasete (concretamente, os días 14, 15, 16 e 17 de maio) poderemos gozar dun adianto. Podes manterte informado de todas as novidades relacionadas con esta iniciativa a través súa páxina de Facebook.
18/04/2022. DINAMIZACIóN

Creatividade en galego para recibir o mes de maio

O Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Pontevedra e mais a Coordinadora de Equipos de Normalización e Dinamización da Lingua Galega dos IES e CIFP de Pontevedra organizan a vixésimo novena edición do programa multidisciplinar de certames "Ben veñas, maio", dirixido ao alumnado matriculado nos institutos públicos do concello. O obxectivo é fomentar a creatividade e o uso do galego entre a mocidade. Ademais das modalidades que xa viñan sendo habituais en edicións anteriores (videoclips musicais, curtametraxes, fotografía, banda deseñada, narración curta e poesía), este ano engádese un novo formato centrado nas redes sociais: vídeos de Tik Tok e reels de Instagram. O prazo de admisión de traballos remata o 26 de abril de 2022.
18/04/2022. INVESTIGACIóN

Coñece a historia do primeiro programa de radio en galego

Co gallo da celebración do 75 aniversario do "Galician Programme", emitido na BBC de Londres entre 1947 e 1956, Afonso Vázquez-Monxardín presenta unha publicación na que achega os datos máis salientables deste emblemático programa de radio (o primeiro realizado en lingua galega), así como a historia dos seus principais protagonistas. O volume, editado pola Xunta de Galicia, está accesible en liña no Portal da Lingua Galega.

18/04/2022. DINAMIZACIóN

Concurso de creación de xogos de mesa en galego

O Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Vigo organiza o certame "Xoga en galego", un concurso de creación de xogos de mesa en galego para público infantil e familiar. Establécense dúas categorías, unha para participantes a título individual ou grupos informais, e outra para grupos formais (escolas, asociacións...). Outorgarase un premio de 100 euros en cada unha das categorías e, a maiores, os gañadores da categoría de grupos formais serán galardoados tamén cunha sesión lúdica de "Eira xandobeleira". O prazo para presentar as propostas remata o 20 de maio de 2022. Podes consultar as bases completas, así como informarte sobre as actividades complementarias ao certame (sesión informativa e obradoiro familiar), premendo aquí.

18/04/2022. DINAMIZACIóN

Chega a Pontevedra unha nova edición do Galegote Rock

O Galegote Rock é un proxecto do Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Pontevedra deseñado para promover os grupos musicais que cantan en galego e crear espazos de uso para o noso idioma no ámbito do lecer. Nesta edición de 2022 o festival celebrarase os días 28, 29 e 30 de abril en distintos locais pechados e espazos públicos da cidade, coa participación dos seguintes grupos e intérpretes: Higw Paw; Copa Turbo; Os Silvestres; Ruxe Ruxe; Moucho; Eladio y los Seres Queridos; Kris K DJ; Xeración Sónica; Zeltia Irevire; Grampoder; Berto e Carlos Crespo DJ. Podes consultar o programa e manterte ao día das últimas novidades a través do Facebook da iniciativa.
08/04/2022. DINAMIZACIóN

A RAG presenta unha serie documental sobre Florencio Delgado Gurriarán

A Real Academia Galega presenta a serie documental Florencio Delgado Gurriarán. O soño da Galicia infinda, coa que quere homenaxear ao poeta valdeorrés ao que este ano se lle dedican as Letras Galegas. O proxecto audiovisual consta de cinco capítulos e está producido por Miramemira, con guión de María Yáñez. O primeiro destes capítulos xa está accesible en liña baixo o título “Meu Córgomo de Valdeorras”. A partir da Semana Santa estrearanse os restantes cunha periodicidade semanal (cada xoves). Podes ampliar información sobre esta iniciativa premendo aquí.
08/04/2022. OUTRAS

Aprender gramática, un pasatempo divertido

Carlos L. Medrano, docente e autor de varias publicacións relacionadas coa didáctica da lingua, ofrécenos agora unha nova proposta pedagóxica para aprender a gramática do galego de forma sinxela e divertida, a partir da realización de xeroglíficos. A obra Gramática xeroglífica, editada pola Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia, está accesible en liña co ánimo de que poida ser usada tanto polos docentes no eido educativo (especialmente na materia de Lingua Galega), como polo público xeral en calquera espazo de lecer.
08/04/2022. DINAMIZACIóN

Convocatoria para a creación do repositorio “TeCe Redes en galego”

A Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia publica as bases da primeira convocatoria do repositorio TeCe Redes en galego, dirixida a empresas, cooperativas ou persoas profesionais do sector cultural, creativo e artístico galego que estean vinculadas cos procesos de dinamización da lingua galega. A convocatoria, creada ao abeiro do Fondo Xacobeo 21-22, ten como obxectivo crear un repositorio de produtos dixitais e servizos presenciais que nutran os programas de dinamización lingüística dirixidos á infancia e mocidade que desenvolve a Xunta de Galicia. O prazo de presentación de proxectos estará aberto entre o 9 de abril e o 25 de abril de 2022. Para consultar as bases completas e obter información sobre o procedemento de inscrición, preme aquí.

07/04/2022. INVESTIGACIóN

Estudo toponímico do concello de Tordoia

A Real Academia Galega e a Asociación Galega de Onomástica engaden un novo título á colección Terra Nomeada, creada para recompilar e estudar os nomes de lugar habitados e algúns dos principais accidentes xeográficos dos concellos de Galicia. Trátase do estudo Toponimia de Tordoia, no que Lidia Gómez e Luz Méndez recollen a orixe e posible significado dos máis de 150 nomes das parroquias e lugares deste concello, así como dunha serie de elementos xeográficos, como o río Dubra. Para ampliar información, preme aquí.

05/04/2022. DINAMIZACIóN

A CTNL dá a coñecer os gañadores dos III Premios Mil Primaveras

Tras valorar as 23 candidaturas presentadas ao certame, o xurado dos III Premios Mil Primaveras acordou galardoar as seguintes iniciativas de promoción do galego: "Do berce á rúa", na categoría de “mellor proxecto estabilizado”; CatáMOLA en galego, na categoría de “mellor proxecto novo”; "Twitter en galego" e "Instagram en galego", na categoría de “mellor comunicación e impacto”; "Somos xogo", na categoría de “proxecto máis innovador”; "Dicionario galego para boomers", na categoría de “mellor proxecto de fomento de galego na infancia e/ou mocidade"; e "Media laranxa", na categoría de “mellor proxecto de fomento do galego nun ámbito sectorial”. Podes ampliar esta nova e consultar información detallada sobre os proxectos premiados premendo aquí.
01/04/2022. DINAMIZACIóN

Contaconto-obradoiro para público infantil na Coruña

O Servizo de Normalización Lingüística do Concello da Coruña abre a inscrición para participar nun contaconto-obradoiro baseado no álbum ilustrado de Apiario Caer de cu polo universo. As sesións, dirixidas a público infantil de entre 5 e 6 anos, terán lugar o vindeiro 5 de abril de 2022 no Centro Sociocultural Ágora (A Coruña). Para ampliar información, preme aquí.
01/04/2022. DINAMIZACIóN

Novos recursos para a dinamización lingüística no Portal da Lingua Galega

O Portal da Lingua Galega acaba de incorporar ao seu repositorio de recursos unha serie de materiais de temática diversa elaborados ao abeiro do “Fondo de proxectos culturais en lingua galega Xacobeo 2021-2022”. Atoparás, entre outros, recursos literarios para público infantil (Contos de Roxín Roxal), unha aventura gráfica en vídeo dirixida á mocidade (Xiana Treboliño), teatro cómico para todos os públicos (Dúo Vaguedades), unha video-creación sobre música tradicional (Pandeiro beat), documentais sobre música e audivisual en galego (Ahí ven o maio e O bosque animado 20 anos despois), un traballo discográfico en homenaxe á emigración galega (Quinta provincia) ou un manual divulgativo sobre o noso patrimonio cultural (Escenarios da prehistoria. Provincia de Pontevedra). Podes consultar o repositorio completo do Fondo Xacobeo 2021-2022 premendo aquí.