Novas da lingua

Rexistros1411 a 1440 de 5436
26/07/2022. LEXISLACIóN

O Concello de Neda regula os usos lingüísticos municipais

O Concello de Neda publica, no BOP do 26 de xullo de 2022, a súa ordenanza de normalización lingüística, documento que recolle as normas que rexerán os usos lingüísticos tanto deste ente municipal como das empresas adxudicatarias, concesionarias ou contratadas cando actúen en función desa adxudicación, concesión ou contrato; así como das de explotación mixta.
No Kit para a normalización en rede podes consultar a listaxe completa de ordenanzas e regulamentos lingüísticos en vigor na Administración local galega.
22/07/2022. EMPREGO

Bolsas de formación no Centro Ramón Piñeiro

A Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades publica o concurso público de dez bolsas de formación no Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades. Os/as beneficiarios/as colaborarán nos seguintes proxectos: Bibliografía da literatura galega (1 bolsa), Fraseoloxía galega (2 bolsas), Corpus de referencia do galego actual (1 bolsa), Cantigas de Santa María (1 bolsa), Prosa literaria medieval (1 bolsa), Terminoloxía científico-técnica (1 bolsa), Recursos para o desenvolvemento das tecnoloxías a fala (1 bolsa), Base de datos do ALIR (1 bolsa) e Dicionarios de literatura (1 bolsa). A data estimada de comezo é o 1 de decembro de 2022 e os/as bolseiros/as rematarán, en calquera caso, o 30 de novembro de 2024. O prazo de presentación de solicitudes é dun mes, contado a partir do día seguinte ao da publicación desta convocatoria.

20/07/2022. OUTRAS

O Álbum de Galicia incorpora a biografía de Daniel García Ramos

Xa podes consultar no Álbum de Galicia a biobibliografía de Daniel García Ramos (A Baña, 1933 - Santiago de Compostela, 1998). Maxistrado do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, foi pioneiro no uso da lingua galega no ámbito xudicial e non menos combativo na defensa e desenvolvemento das institucións xurídicas galegas. A biografía está asinada por Luciano Varela, grande amigo e compañeiro de proxectos, e complétase con documentos e imaxes que axudan a debuxar a vida e a obra deste Galego Egrexio.
14/07/2022. INVESTIGACIóN

Presentación pública do volume que recolle a toponimia da parroquia de Valadares

Hoxe, 14 de xullo, ás 20:00 h, terá lugar na biblioteca do Centro Veciñal e Cultural de Valadares a presentación pública do oitavo volume da colección Toponimia do Val do Fragoso, que recolle os nomes de lugar da parroquia de Valadares. No acto participarán Arantzazu Luna e Gonzalo Navaza (autores do volume), xunto con representantes da parroquia de Valadares e mais do Concello de Vigo e a Universidade de Vigo (entidades promotoras do proxecto). No web do Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Vigo podes ampliar esta información.
13/07/2022. DINAMIZACIóN

Programa de "en3vistas" en Pontevedra a referentes da lingua galega

O Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Pontevedra presenta a terceira edición do programa "en3vistas", no que se lle dá voz a diferentes referentes da cultura galega que empregan o galego con normalidade na súa vida persoal e profesional. As conversas, conducidas pola xornalista Susana Pedreira, terán lugar entre o 18 e o 22 de xullo de 2022 e nesta edición os/as protagonistas serán María Xosé Silvar 'Sés', Baiuca, Ledicia Costas, Antía Otero, Dores Tembrás, Elena Ferro, Jordi 'Aí Falaches', Ángel Carracedo, Loli Beloso, Nee Barros, Eric Dopazo e María Rúa Rodríguez. Para ampliar información sobre esta iniciativa, preme aquí.
13/07/2022. CURSOS E CONGRESOS

VII Xornada de Onomástica Galega

A Real Academia Galega, coa colaboración da Deputación Provincial de Pontevedra e o Museo de Pontevedra, organiza a sétima edición da Xornada de Onomástica Galega, que nesta ocasión terá como fío condutor a onomástica literaria, que estuda a función e a significación dos nomes propios na literatura. A xornada terá lugar o 15 de outubro de 2022 no Museo de Pontevedra, e tamén será emitida en directo a través do sitio web institucional da RAG. O prazo de inscrición remata o 12 de outubro. Podes consultar o programa completo premendo aquí.
13/07/2022. DINAMIZACIóN

Novos recursos para que o comercio de Narón gañe co galego

Os comerciantes adheridos á campaña "Narón gaña co galego" (que o Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Narón leva xa varios meses desenvolvendo coa colaboración a Asociación de Comerciantes de Narón) teñen ao seu dispor novos materiais para comunicarse coa súa clientela en galego. Trátase concretamente de imaxes para empregar a través do WhatsApp, carteis de aberto e pechado ou carteis informativos sobre o servizo de atención en galego. Os materiais poden descargarse en versión dixital no web do SNL ou recollerse en formato físico nas dependencias municipais. Para obter máis información, preme aquí.
12/07/2022. OUTRAS

Guía estandarizada de nomes galegos

A Real Academia Galega presenta unha Guía de nomes galegos, con máis de 1500 nomes que forman parte da nosa tradición antroponímica, moitos deles desde a Idade Media. A guía, coordinada por Ana Isabel Boullón Agrelo, recolle a forma estandarizada dos antropónimos, as súas variantes e hipocorísticos, a etimoloxía, a motivación e a historia dos personaxes que os popularizaron, así como as correspondencias con outras linguas.

O obxectivo é ofrecerlle á cidadanía información estandarizada e accesible que lle facilite a escolla de nomes galegos para os seus fillos.
12/07/2022. EMPREGO

Convocatoria de nove postos para colaborar no Proxecto Nós

A Universidade de Santiago de Compostela publica unha convocatoria para a contratación de persoal colaborador en diferentes proxectos de investigación. Entre os postos ofertados hai nove para colaborar no "Proxecto Nós: O galego na sociedade e economía da intelixencia artificial", impulsado por esta universidade e mais a Xunta de Galicia. A forma de provisión será o concurso de méritos. O prazo de presentación de solicitudes remata o 15 de xullo de 2022. Para ampliar información, preme aquí.
11/07/2022. OUTRAS

Audioslibros en galego onde e cando queiras

Dez obras de oito grandes autores do Rexurdimento abren o catálogo de Léocho, a primeira editorial de audiolibros en galego. Entre os obxectivos dos creadores, Silvia Fernández e Ramón Romero, están a ampliación á literatura contemporánea e tamén a creación dun catálogo infantil.
08/07/2022. OUTRAS

Estréase a primeira produción animada en galego de Netflix

Hoxe, 8 de xullo, Netflix estrea O monstro mariño, a primeira película de animación da plataforma producida directamente en galego. Para 2022, a compañía xa anunciara, ademais, a oferta de 200 horas de subtítulos e unhas 20 horas de dobraxe en lingua galega.
05/07/2022. CURSOS E CONGRESOS

Congreso Internacional de Toponimia no Camiño de Santiago

A Real Academia Galega organiza, coa colaboración do Instituto da Lingua Galega e a Asociación Galega de Onomástica, un congreso internacional de toponimia no que o camiño de Santiago será o fío condutor dos diferentes relatorios. As sesións terán lugar os días 21, 22 e 23 de setembro de 2022 na Facultade de Filoloxía da Universidade de Santiago de Compostela. A matrícula é gratuíta. Para consultar o programa completo do congreso e obter máis información sobre os trámites de inscrición, preme aquí.
05/07/2022. DINAMIZACIóN

O verán vigués énchese de contos, música e xogos en galego

O Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Vigo presenta unha nova edición do programa “No verán… un conto”, co obxectivo de fomentar o uso do galego no ámbito do lecer. O programa (dirixido ao público infantil, familiar e adulto), inclúe contos, obradoiros, xogos tradicionais, música, regueifas, etc. As actividades comezan o vindeiro 8 de xullo e rematan o 31 de agosto. No web do SNL do Concello de Vigo podes consultar o programa completo e a sinopse das actividades (coas datas e lugares de realización).
05/07/2022. DINAMIZACIóN

O Concello de Silleda convídate a levar a lingua de rebaixas

Un ano máis, o Concello de Silleda, a través da súa concellaría de Benestar Social, Igualdade, Educación, Sanidade, Xuventude e Normalización Lingüística, convida a todos/as os/as comerciantes do municipio a adherirse á súa campaña "Rebaixas. O meu comercio, en galego!". Os comercios interesados terán ao seu dispor carteis para anunciar o período de rebaixas, así como adhesivos co lema "Non deixes a lingua na porta, entra! Atendémoste en galego" . Podes obter máis información sobre esta iniciativa contactando co Departamento de Normalización Lingüística municipal no teléfono 986592037.
04/07/2022. DINAMIZACIóN

"Fálao, ti que podes" une a galegofalantes de todo o mundo

A Asociación Faladoiros de Vigo engade ás súas xuntanzas presenciais dos mércores encontros telemáticos entre persoas que falan galego por todo o planeta. O que fora unha necesidade para adaptarse á pandemia, convértese así na oportunidade de darlle unha nova dimensión á iniciativa.

A través da campaña Fálao, ti que podes, queren dinamizar os faladoiros entre persoas que viven en Galicia e aquelas que residen fóra e non teñen a posibilidade de desenvolver a súa vida en galego, ou ben queren establecer contactos con galegofalantes para comezar a falalo.

04/07/2022. AXUDAS E PREMIOS

Novos xuíces e xuízas honorarios do Couto Mixto

O sábado, 2 de xullo, na igrexa de Santiago de Calvos de Randín, a Asociación de Amigos do Couto Mixto recuperou o acto anual de nomeamento de xuíces honorarios que se paralizara coa pandemia.

Nesta ocasión, recibiron tal recoñecemento Consuelo Castro Rei, avogada xeral do Estado; Armando González López, autor da letra do Himno do Couto Mixto, e a cineasta Diana Gonçalves, directora dun documental sobre a fronteira.

Ademais, anunciouse a posta en marcha da Academia das Ciencias Sociais do Couto Mixto, entre cuxos obxectivos está a promoción de estudos e iniciativas que contribúan a dinamizar o territorio e recuperar a súa identidade.
01/07/2022. OUTRAS

Ferrol homenaxea a editorial Céltiga

O Concello de Ferrol quixo conmemorar os 100 anos da creación da editorial Céltiga coa instalación dunha exposición na Praza de Armas da cidade.

Esta mostra, que fala do primeiro proxecto destinado a publicar prosa en galego, pode visitarse ata o 17 de xullo. Quen o desexe, ten a posibilidade de asistir o sábado día 2, ás 11 horas, á visita guiada a cargo de Xosé María Dobarro e Xosé Manuel Varela.
30/06/2022. CURSOS E CONGRESOS

Obradoiro de regueifa en vídeo

O Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Vigo difunde na súa páxina web unha serie de pezas audiovisuais de carácter didáctico sobre a regueifa, unha técnica de improvisación en verso característica da nosa tradición oral. Nos vídeos, dirixidos a alumnado de ensino secundario, Luís “O Caruncho” e Pinto D´Herbón explícannos a historia da regueifa e as súas características técnicas, e ensínannos a facer as coplas (coas súas características métricas e recursos da improvisación).

Para acceder ao obradoiro en liña preme aquí.

29/06/2022. DINAMIZACIóN

En Santiago, o comercio local sabe do que fala

Os departamentos de Comercio e Lingua Galega do Concello de Santiago presentan o proxecto "Videoconsellos: o comercio local sabe de que fala", co que se procura dar visibilidade ao comercio de proximidade e difundir a experiencia e os coñecementos dos profesionais deste ámbito, que consideran un valor engadido o trato directo e o uso do galego. A iniciativa bota a andar con vinte audiovisuais xa editados, aos que se irán sumando todos os videoconsellos que envíen a partir de agora os propios comerciantes composteláns.
Para ampliar información, preme aquí.
29/06/2022. AXUDAS E PREMIOS

A USC premia o traballo de Xosé Manuel Beiras a prol do galego

O xurado do V Premio Luis Porteiro Garea acordou por unanimidade outorgar este galardón a Xosé Manuel Beiras Torrado (catedrático de Estrutura Económica da USC, actualmente xubilado), polo "seu papel activo a prol da lingua galega" tanto nas súas facetas de docente e investigador, coma na de xestor académico durante as súas etapas como director de departamento e decano da Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais.
O premio Luis Porteiro Garea, que leva o nome do profesor de dereito civil e membro das Irmandades da Fala que en 1915 pronunciou a primeira lección en galego na USC, ten como finalidade recoñecer o traballo de persoas, entidades ou colectivos que traballan, ou traballaron, a prol do galego na universidade. No Xornal da USC atoparás máis información sobre esta iniciativa.


29/06/2022. AXUDAS E PREMIOS

Resólvense as axudas para o fomento do galego no ensino

A Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades publica as resolucións das convocatorias de subvencións para proxectos de fomento do galego, correspondentes ao curso escolar 2021/2022, dos centros de ensino non universitario tanto de titularidade pública como privada.

Podes consultar as listaxes de centros beneficiarios nas seguintes ligazóns:
-Centros de ensino non universitario de titularidade pública.
-Centros de ensino non universitario de titularidade privada.
28/06/2022. EMPREGO

Convocatoria de prazas e bolsas de formación en diferentes centros de estudos galegos

A Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades publica dúas convocatorias públicas para cubrir seis bolsas de formación nos lectorados de lingua, literatura e cultura galegas das universidades do Algarve, Berlín, Padua, Río de Janeiro, Roma e Zadar; así como cinco prazas nos lectorados das universidades de Heidelberg, Kiel, Miño, Varsovia e País Vasco. En ambas as dúas convocatorias, o prazo de presentación de solicitudes é dun mes, contado a partir do día seguinte ao da súa publicación.
28/06/2022. AXUDAS E PREMIOS

A Deputación de Pontevedra publica as axudas concedidas para a promoción do galego

A Deputación de Pontevedra publica, no BOP do 28 de xuño de 2022, a resolución das axudas concedidas polo departamento de Servizos Lingüísticos durante o primeiro semestre do ano. A resolución inclúe unha subvención á Universidade de Vigo para a elaboración dun proxecto sociolingüístico e mais as axudas aos concellos da provincia para a creación e mantemento de servizos de normalización lingüística, ou para o desenvolvemento de actividades de dinamización e promoción do idioma galego. Podes consultar a listaxe de entidades beneficiarias premendo aquí.
28/06/2022. OUTRAS

A Universidade de Vigo publica unha guía para mellorar o uso do galego

A Área de Normalización Lingüística (ANL) da Universidade de Vigo suma un novo título á súa colección de materiais didácticos dirixidos a mellorar a competencia lingüística da comunidade universitaria. Nesta nova obra, que se presenta baixo o título Breve guía para mellorarmos o uso do galego, compílanse os erros máis frecuentes atopados nos textos que as técnicas da ANL revisan no seu traballo diario. A guía estrutúrase en tres apartados: un dedicado a cuestións ortográficas e gramaticais, outro dedicado a erros de redacción e estilo, e un terceiro no que se ofrece unha relación de termos e expresións incorrectas, xunto coa opción correcta en galego. Podes ampliar información premendo aquí.
28/06/2022. INVESTIGACIóN

Preséntase na Coruña a obra Lingua, poder e adolescencia

O vindeiro xoves 30 de xuño, ás 20:30 h, presentarase na libraría Sisargas da Coruña a obra Lingua, poder e adolescencia, autoría de Miguel Rodríguez Carnota. A obra, que parte dunha tese doutoral previa do mesmo autor, ofrece un estudo en profundidade, a través de técnicas de análise do discurso, da biografía lingüística de dez rapazas e rapaces galegofalantes, así como das dificultades que afrontan no seu día a día no ámbito educativo para facer do galego unha lingua normal.

27/06/2022. OUTRAS

Tripadvisor premia un proxecto de promoción turística en galego

Guido Álvarez foi premiado pola plataforma Tripadvisor co Traveller's Choice, un recoñecemento que reciben anualmente o 10% dos negocios con mellores críticas dos seus usuarios e usuarias.

Este guía turístico, que desenvolve o seu traballo en Lugo, emprega como idioma profesional o galego, tanto para o turismo de proximidade coma para o exterior, uníndoo á experiencia cultural e creando espazos de comunicación en lingua galega.

Na entrevista que lle realizan na web Neofalantes podes coñecer a iniciativa un pouco mellor.
22/06/2022. LEXISLACIóN

En 2021, a Valedora do Pobo recibiu 261 queixas sobre dereitos lingüísticos

A Valedora do Pobo vén de presentar o Informe Anual 2021, no que as queixas relacionadas coa lingua galega e os dereitos lingüísticos aumentan de forma considerable e ocupan o quinto lugar entre as reclamacións presentadas pola cidadanía.

Son un total de 261, das que un 17% foron remitidas ao Defensor del Pueblo por afectar á Administración do Estado. Supoñen case o triple das presentadas en 2020 (96 queixas) e cinco veces máis ca en 2019. Podes acceder a toda a serie nesta ligazón.
22/06/2022. OUTRAS

O catálogo completo das publicacións da Real Academia Galega accesible en aberto

Incorpóranse ao catálogo en liña as edicións orixinais de discursos de ingreso, epistolarios, estudos significativos, revistas, folletos e dicionarios entre os que se inclúe o Diccionario gallego-castellano que a RAG publicou en fascículos entre 1913 e 1928.

Deste xeito, súmanse ao fondo un total de 177 volumes, 37000 páxinas, dixitalizados para a súa preservación e difusión en colaboración con Galiciana-Patrimono Dixital de Galicia. Xa podes consultalas na sección de publicacións da Real Academia Galega.
21/06/2022. OUTRAS

O Álbum de Galicia incorpora a biografía de Sabino Torres

Desde hoxe xa podes consultar no Álbum de Galicia a biobibliografía de Sabino Torres (Pontevedra, 1924 - Madrid, 2016): escritor, editor e dinamizador de proxectos culturais en lingua galega. Ademais da súa valía como narrador e poeta, Sabino Torres é recoñecido especialmente por protagonizar (xunto con Emilio Álvarez Negreira e Manuel Cuña Novás) un dos grandes fitos da edición en galego: a creación durante a ditadura franquista, na primavera de 1949, dunha colección de poesía bilingüe (en galego e castelán) chamada Benito Soto. O texto biobibliográfico está asinado por Ana Acuña e presentámolo acompañado por outros recursos documentais (galería fotográfica, documentos de interese, vídeos, recursos en liña...), que permiten achegarse desde diferentes ópticas aos traballos e os días do poeta e editor pontevedrés.
21/06/2022. DINAMIZACIóN

Recollida de herbas de san Xoán en Vigo

Ao abeiro do seu programa de celebración das festas cíclicas, o Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Vigo organiza unha recollida de herbas de san Xoán, que terá lugar o vindeiro 23 de xuño de 2022 no torreiro de Matamá (fronte ao CEIP Josefa Alonso). A actividade comezará cunha charla didáctica e divulgativa ás 17:30 h e a continuación realizarase un percorrido dunhas dúas horas de duración, que rematará cunha exposición de herbas do cacho. Tal e como require a data, a actividade pecharase coa celebración dunha cacharela con sardiñada. Na páxina web do SNL de Vigo podes ampliar información.