A Compañía de Radio Televisión de Galicia presenta o Concurso #DígochoEu, dirixido a centros escolares de Galicia (educación primaria e secundaria), ou de fóra de Galicia que impartan a materia de lingua galega. O profesorado interesado en participar debe enviar un bosquexo de guión para un capítulo do #DígochoEu dunha duración aproximada de 1 minuto, usando a lingua galega e contando coa participación activa do alumnado. Tras seleccionar as 10 propostas máis orixinais e creativas, o equipo do #DígochoEu elaborará o guión definitivo e acudirá ao centro para gravar o programa. Unha vez emitidos todos os episodios (previsiblemente en maio de 2022), un xurado independente outorgará tres premios: un primeiro de 2. 000 euros, un segundo de 1.000 euros e un terceiro, de 500. O prazo de presentación de propostas remata o 12 de decembro de 2021. Podes consultar as bases completas e obter máis información sobre os trámites de inscrición, premendo aquí.
26/11/2021. DINAMIZACIóN
24/11/2021. DINAMIZACIóN
A Comisión de Normalización Lingüística da Facultade de Matemáticas e o Seminario de Iniciación á Investigación (SII) da Universidade de Santiago de Compostela organizan unha nova edición das xornadas de divulgación “Habelas, hainas”, que se desenvolverán hoxe, 24 de novembro de 2021, a partir das 16:00 h. A iniciativa está dirixida fundamentalmente a estudantes de grao/máster, que terán a oportunidade de escoitar a investigadores/as da facultade explicar, de xeito desenfadado, diferentes conceptos do ámbito matemático. As sesións poden seguirse libremente a través de Teams. Para ampliar información, preme aquí.
23/11/2021. DINAMIZACIóN
Coincidindo coa conmemoración do Mes da Ciencia en Galego, a Área de Normalización Lingüística da Deputación da Coruña está a difundir #AsPalabrasDaCiencia, unha campaña deseñada para promover a divulgación científica en lingua galega. Ao abeiro desta iniciativa, dirixida a todos os sectores da sociedade, o ente provincial está a difundir a través das súas redes sociais (Facebook, Twitter e Instagram) unha selección de datos e información que che permitirán descubrir, en galego, o traballo de centros de referencia ou de científicos/as concretos que acadaron fitos históricos no eido científico. Para ampliar información, preme aquí.
17/11/2021. OUTRAS
Xa podes consultar no Álbum de Galicia, colección dixital de biobibliografías do Consello da Cultura Galega, a entrada sobre Ernesto Guerra da Cal, poeta e intelectual galeguista e lusitanista que traballou, desde o seu exilio nos Estados Unidos, para internacionalizar a cultura galega. Foi o principal axente canonizador de Eça de Queirós e, como investigador nos EEUU, difundiu a obra de Pessoa nos países anglófonos e fomentou a internacionalización do neotrovadorismo galego-portugués e de Rosalía de Castro. Desde o punto de vista filolóxico, defendía para o galego un código ortográfico próximo ao portugués. O texto biográfico que presentamos, asinado por Joel R. Gômez, está acompañado doutros recursos documentais (bibliografía, galería fotográfica, recursos en liña...), que permiten achegarse desde diferentes ópticas á vida e obra deste autor.
15/11/2021. DINAMIZACIóN
Xa está en marcha unha nova edición do Club de Debate, un proxecto colaborativo, promovido polos servizos de normalización lingüística de diferentes concellos galegos, que ten como obxectivo a dinamización lingüística e cultural no ámbito educativo, fomentando a fluidez comunicativa en galego, o pensamento crítico e o respecto pola diversidade de opinións. Poden participar equipos mixtos de entre 4 e 10 mozos/as de 3º e 4º de ESO, 1º de Bacharelato e ciclos formativos. Haberá diferentes premios nas fases de zona e o equipo que gañe a fase final será premiado cunha viaxe en grupo. O prazo de inscrición remata o 14 de decembro de 2021.
15/11/2021. OUTRAS
Os pasados 12 e 13 de novembro de 2021 tivo lugar en Santiago de Compostela a Asemblea Xeral da Rede Europea para a Igualdade das Linguas (ELEN), unha entidade para a protección das linguas europeas minorizadas, na que están representadas 47 comunidades lingüísticas, a través de 168 entidades de 23 Estados europeos. No transcurso da Asemblea tratáronse diferentes temas relacionados coa política lingüística, tanto a nivel europeo como dos diferentes estados a nivel particular. No que atinxe ao idioma galego, ELEN reclamou publicamente que os gobernos galego e español atendesen as recomendacións do Consello de Europa no que respecta ao cumprimento da Carta. En concreto, solicita que se derogue o Decreto do Plurilingüismo e se garanta a igualdade de todas as linguas cooficiais do Estado na futura Lei do Audiovisual. Para ampliar información, preme aquí.
09/11/2021. CURSOS E CONGRESOS
Os vindeiros días 11, 18 e 25 de novembro desenvolverase na Coruña o Simposio Xela Arias, organizado pola Real Academia Galega no marco do seu programa de actos en homenaxe á figura das Letras Galegas 2021. O eixo temático das tres sesións centrarase no compromiso vital da autora coa lingua e cultura galegas, así como no seu legado no eido da tradución e a creación poética. O simposio pecharase coa presentación da serie documental Xela Arias. A palabra esgazada, que fará a súa guionista, María Yáñez. As sesións poderán seguirse de xeito presencial na sede da RAG (a entrada é libre ata completar a capacidade da sala) ou a través da súa canle de Youtube. Para ampliar información, preme aquí.
09/11/2021. CURSOS E CONGRESOS
O Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Vigo organiza unha nova edición do "Curso de auga salgada: Chegou o mar á ribeira", que se desenvolverá ao longo dos meses de novembro e decembro de 2021. A iniciativa está dirixida a persoas adultas con coñecementos previos de lingua galega, que queiran perfeccionar a súa competencia lingüística achegándose ao coñecemento do medio cultural e natural de Vigo, e á súa relación histórica co medio mariño. Para obter máis información sobre o programa do curso, así como sobre os trámites de inscrición, preme aquí.
09/11/2021. AXUDAS E PREMIOS
O IES Rosalía de Castro de Santiago de Compostela e Arraianos Producións, en colaboración con Ponte... nas ondas!, organizan a cuarta edición dos Premios de podcast en galego e portugués Xosé Mosquera Pérez "O vello dos contos", dirixidos a alumnado de primaria (quinto e sexto curso) e educación secundaria de centros galegos, así como de centros que impartan ensinanzas de galego de réxime xeral fóra de Galicia. Tamén poderá participar o alumnado de 10 a 18 anos dos centros educativos públicos do norte de Portugal. Os participantes deberán elaborar un podcast inédito e orixinal, cunha duración non superior aos 3 minutos, relacionado coa vida e obra de Florencio Delgado Gurriarán, e outros aspectos do patrimonio cultural de Galicia e norte de Portugal. O prazo de inscrición remata o 21 de decembro de 2021. Os traballos poden entregarse ata o 14 de maio de 2022.
08/11/2021. DINAMIZACIóN
A Xunta de Galicia organiza unha nova edición do programa Novembro, mes da ciencia en galego nas bibliotecas, co obxectivo de contribuír á divulgación científica en galego en todas as bibliotecas públicas e escolares. Igual ca en edicións anteriores, o programa de actividades está acompañado polo manifesto dun científico/a galego/a e nesta edición asínao Amparo Alonso Betanzos, enxeñeira química e investigadora en intelixencia artificial. A maiores, tamén atoparás en Internet unha compilación de materiais didácticos e bibliografía de referencia en galego de temática científica.
03/11/2021. AXUDAS E PREMIOS
A Coordinadora de Traballadores/as de Normalización da Lingua (CTNL) convoca a terceira edición dos Premios Mil Primaveras, co obxectivo de recoñecer e difundir exemplos de boas prácticas no ámbito da normalización lingüística. Poderán presentarse accións, campañas, programas e proxectos destinados ao incremento do prestixio do galego e á promoción do seu uso, desenvolvidas total ou parcialmente en 2019, 2020 ou 2021. O prazo para a inscrición das candidaturas, que debe ser realizada pola propia entidade organizadora da iniciativa, remata o 31 de xaneiro de 2022.
03/11/2021. AXUDAS E PREMIOS
O xurado dos Premios da Cultura Galega fixo públicos os/as galardoados/as que son recoñecidos/as este ano 2021 polo seu labor no ámbito da creación, conservación e difusión cultural. Na categoría de Lingua, nesta edición outorgóuselle o premio ao programa “Dígocho eu”, presentado por Esther Estévez na TVG, no que se resolven dúbidas relacionadas co uso correcto do galego usando unha linguaxe comunicativa moderna que conecta co público de todas as idades. Nas restantes categorías, os/as premiados/as son Bernardino Graña (Letras), Antón Pulido (Artes Plásticas), Nova Galega de Danza (Artes Escénicas), Natalia Lamas (música), Zeza Ceballos (Audiovisual), o Mosteiro de San Pedro de Rocas (Patrimonio Cultural) e a Federación de Asociacións Galegas da República Arxentina (Proxección Exterior). Para ampliar esta información, preme aquí.
02/11/2021. AXUDAS E PREMIOS
O Consello da Cultura Galega (CCG) acordou, na súa sesión plenaria do pasado 27 de outubro, concederlles as medallas do Consello da Cultura Galega (distinción instaurada en 2018 para recoñecer o labor de persoas que sobresaen polos servizos prestados ao CCG ou á cultura galega en xeral) a Luis García Montero, actual director do Instituto Cervantes, e mais a Helena González, profesora de literatura galega na Universidade de Barcelona. En ambos os dous casos, con estas distincións o CCG quere poñer o foco na importancia estratéxica da diplomacia cultural e da promoción da lingua e cultura galegas no exterior. Para ampliar esta nova, preme aquí.
02/11/2021. EMPREGO
O Concello de Narón publicou no BOP da Coruña do 28 de xuño de 2021 as bases para a provisión dunha praza de técnico/a superior de normalización lingüística (grupo A1). O sistema de selección será o concurso-oposición. Os/as aspirantes deben estar en posesión da licenciatura en Filoloxía Galego-Portuguesa; Filoloxía Galega ou Filoloxía Hispánica (subsección Galego-Portugués); ou do grao en Lingua Galega ou equivalente. O prazo de presentación de solicitudes é de vinte días naturais, contados a partir do seguinte ao da publicación da resolución no BOE.
29/10/2021. INVESTIGACIóN
Fernando Ramallo, profesor e director da Área de Normalización Lingüística da Universidade de Vigo, presenta a publicación A lingua en 2050, editada por Catro Ventos. Baixo a súa coordinación, a obra recolle as reflexións sobre o futuro do galego de 25 persoas ligadas (a nivel profesional, político ou ideolóxico) á promoción e defensa do noso idioma. O obxectivo é contribuír ao debate sobre a situación sociolingüística actual e propoñer estratexias e metodoloxías de traballo que garantan un futuro próspero para o galego. Podes ampliar información premendo aquí.
28/10/2021. AXUDAS E PREMIOS
O Concello de Ponteareas convoca a terceira edición do Premio “Ponteareas, lingua e empresa”, co obxectivo de promover o uso do galego no ámbito empresarial e, ao mesmo tempo, recoñecer publicamente o compromiso coa normalización lingüística das empresas e profesionais con sede social ou actividade económica en Ponteareas. Concederase un premio por cada unha das seguintes categorías: “uso continuado da lingua galega”, “incorporación recente ao uso da lingua galega” e “traxectoria do uso da lingua galega ao longo de décadas”. O prazo de presentación de candidaturas é de 20 días naturais, contados a partir do seguinte á publicación do extracto no BOP de Pontevedra. Podes consultar as bases do premio premendo aquí.
27/10/2021. DINAMIZACIóN
A Institución Galega de Ciencia (Igaciencia) promove o XII Día da Ciencia en Galego, coincidindo coa celebración o vindeiro 10 de novembro do Día Mundial da Ciencia para a Paz e o Desenvolvemento, instaurada en 2001 pola Unesco. Neste 2021, declarado "Ano da economía creativa para o desenvolvemento sostible, a IA e os novos poliedros", os científicos homenaxeados son Alan Turing, considerado o precursor da informática moderna, e Tarsy Carballas, pioneira na realización de estudos sobre a xénese, clasificación e cartografía dos solos da zona tépeda e húmida de España, e especialista no impacto dos incendios nos ecosistemas forestais. Ao abeiro desta iniciativa, deseñouse un programa de videoconferencias didácticas, dirixidas aos centros educativos galegos, que se desenvolverán ao longo do vindeiro mes de novembro. Podes consultar as datas e horarios premendo aquí.
27/10/2021. DINAMIZACIóN
A Secretaría Xeral de Política Lingüística convoca unha nova edición do Concurso para elaborar a exposición sobre o autor homenaxeado o Día das Letras Galegas, dirixido aos centros de ensino público non universitario. Os centros participantes deben elaborar unha exposición relacionada coa obra, época e lingua de Florencio Delgado Gurriarán, e/ou a situación sociolingüística da etapa histórica na que viviu. O concurso consta de dúas categorías, unha para os centros de educación infantil e primaria e outra para os restantes. Outorgarase un premio en metálico de 2.000 euros para o gañador de cada categoría. O prazo de presentación dos traballos remata o 25 de xaneiro de 2022. Para obter máis información, preme aquí.
25/10/2021. DINAMIZACIóN
Co gallo da vindeira celebración do Día de Defuntos, a Asociación de Funcionarios para a Normalización Lingüística (AFNLG) promove, un ano máis, o Mes da Restauración da Memoria Lingüística de Galicia, co obxectivo de fomentar o uso do galego no ámbito dos ritos funerarios e das últimas vontades. Con esta finalidade, a AFNLG convida ás forzas políticas galegas e aos rexedores/as municipais a adherirse á iniciativa, ao abeiro da cal se desenvolven as seguintes accións: colocación de placas nas entradas dos cemiterios co texto: “Na memoria de todas as persoas que xacen aquí, porque grazas a elas Galicia segue a ter cultura e lingua de seu”; substitución simbólica de lápidas en castelán por outras en galego; e promoción de actos públicos de sinatura de actas de vontades.
25/10/2021. INVESTIGACIóN
A Universidade de Vigo publica o Dicionario do Galego de Asturias, autoría de Carlos Xesús Varela Aenlle, doutor en Filoloxía Galega pola UVigo e académico correspondente da Real Academia Galega para o Eo-Navia. Trátase da primeira obra lexicográfica que recolle a riqueza léxica (con máis de 32.000 entradas) dos 19 concellos do occidente de Asturias que conforman a comarca do Eo-Navia, xa que ata o momento só contabamos con vocabularios de determinados concellos ou lugares concretos. Podes ampliar información premendo aquí.
25/10/2021. AXUDAS E PREMIOS
O Padroado dos Premios San Martiño de Normalización Lingüística fixo públicos os gañadores da súa trixésima edición. Na categoría “A Estrada e comarca de Terra de Montes”, o galardoado foi José Manuel Bértolo, catedrático de grego e investigador sobre temas culturais e históricos da comarca. O colectivo poético Rompente (integrado por Alberto Avendaño, Antón Reixa e Manuel Romón) recibiu o premio na categoría "Galicia enteira", e o programa de radio Sempre en Galiza (creado en 1950 en Montevideo por emigrantes galegos) foi o galardoado na modalidade "Toda unha vida".
25/10/2021. DINAMIZACIóN
O Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Vigo presenta un programa de actividades para celebrar en familia o Samaín. O programa inclúe espectáculos infantís, obradoiros lúdicos e didácticos, actuacións musicais, teatro e contacontos. As actividades desenvolveranse entre o 30 de outubro e o 1 de novembro de 2021 (na Doblada e en Navia), e entre o 12 e o 14 de novembro (en Coia e en Bouzas). Podes consultar o programa completo con todos os horarios premendo aquí.
22/10/2021. CURSOS E CONGRESOS
Desde o CDSG presentámosche o programa dos XXIII Encontros para a Normalización Lingüística, que nesta edición terán un formato mixto (telemático e presencial) e xirarán arredor da transmisión interxeracional da lingua galega. Os vindeiros 25 e 26 de outubro difundiremos en "consellodacultura.gal" unha serie de vídeos nos que adiantamos aqueles contidos de carácter máis teórico ou expositivo. Posteriormente, o 4 de novembro, terá lugar na sede do Consello da Cultura Galega (Santiago de Compostela) a xornada presencial, que tamén será retransmitida en directo a través da nosa canle de Youtube, onde celebraremos catro coloquios con especialistas académicos, profesionais e representantes de colectivos que traballan co sector da infancia. Por suposto, tamén incorporaremos as reflexións do público asistente, tanto desde a propia sala como desde Internet. A matrícula é de balde e as prazas cubriranse por rigorosa orde de inscrición.
22/10/2021. EMPREGO
A Universidade de Santiago de Compostela anuncia a convocatoria pública de contratación de persoal para colaborar en diferentes proxectos de investigación. Entre as prazas ofertadas anúnciase unha con perfil lingüístico para colaborar no proxecto “A lingua das novas xeracións: competencia, cambio lingüístico, actitudes, mantemento e transmisión da lingua”, que se está a desenvolver no Instituto da Lingua Galega. A forma de provisión é o concurso de méritos. A duración do contrato será de cinco meses. O prazo de presentación de solicitudes remata o 26 de outubro de 2021. Para consultar as bases completas da convocatoria, preme aquí.
20/10/2021. DINAMIZACIóN
O Concello de Rianxo, como entidade integrante do Proxecto Apego, publica o álbum “As miñas 25 primeiras palabras”, onde as familias poden deixar reflectidos os primeiros termos que pronuncian os bebés que se crían con apego ao galego. A publicación está promovida de xeito colaborativo polas concellerías de “Educación e Normalización Lingüística” e “Benestar, Igualdade e Diversidade” e diríxese especialmente ás 150 familias de Rianxo que participan na Comunidade do Apego, mais pode descargarse de balde na páxina web do SNL municipal.
20/10/2021. CURSOS E CONGRESOS
A Comisión de Normalización Lingüística da Facultade de Ciencias da Educación da Universidade de Santiago organiza a XIV Xornada "Os recursos educativos en galego”, que nesta edición se centrará nos materiais elaborados no contexto da Covid-19. A xornada, dirixida a alumnado, PDI e PAS das universidades galegas, desenvolverase o 18 de novembro de 2021 mediante videoconferencia a través de Lifesize. O prazo de matrícula remata o 14 de novembro de 2021. Para coñecer o programa ou ampliar información sobre os trámites de inscrición, preme aquí.
19/10/2021. DINAMIZACIóN
O Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Redondela, coa colaboración da Asociación de Empresarios de Redondela e a Real Academia Galega, organizan a campaña "Nós Galego 365", deseñada para promover o uso do noso idioma nas panadarías e nos establecementos de venda de pan, así como para fomentar a etiquetaxe en galego como marca de calidade. Ao abeiro desta iniciativa distribuiranse 25.000 sobres de pan e 2.000 bolsas comerciais entre os establecementos colaboradores, convidando a reflexionar sobre o valor do idioma como elemento identificador de produtos de proximidade e calidade. Se queres ampliar información sobre a campaña, preme aquí.
19/10/2021. AXUDAS E PREMIOS
O Servizo de Normalización Lingüística e o Departamento de Promoción Económica do Concello de Ames promoven a cuarta edición do Premio Lingua e Empresa, que ten como obxectivo fomentar o uso do galego na actividade económica municipal e recoñecer publicamente o compromiso das empresas que apostan decididamente polo noso idioma. Poden optar a este premio as empresas que teñan a súa sede social ou un centro de actividade no Concello de Ames. O certame inclúe dúas categorías: unha para aquelas entidades que veñen realizando un uso continuado da lingua galega desde hai máis de dous anos, e outra para as que incorporaron o galego nos últimos dous anos. Outorgarase un premio de 1.500 euros en cada unha das categorías. O prazo de presentación de candidaturas remata o 16 de novembro de 2021. Podes ampliar información premendo aquí.
18/10/2021. DINAMIZACIóN
O Correlingua 2021, iniciativa lúdico-didáctica deseñada para que o alumnado de todos os ciclos educativos reivindique o uso do galego, comezará o vindeiro 20 de outubro baixo o lema “Inmunízate co galego!”. O programa desta edición inclúe oito concertos dirixidos a máis de 1.500 escolares, que se celebrarán polo sistema de "aula burbulla" e tamén serán retransmitidos a través de Youtube. Podes consultar o calendario destas festas concerto, así como ampliar información sobre a iniciativa, premendo aquí.
15/10/2021. DINAMIZACIóN
A Comisión de Normalización Lingüística da Facultade de Medicina e Odontoloxía da USC promove a campaña de normalización lingüística "A boa medicina", deseñada para axudar a desbotar os posibles prexuízos sobre a lingua e cultura galegas, promover o mantemento lingüístico do alumnado galegofalante e sensibilizar sobre a importancia do factor comunicativo no exercicio profesional da medicina. Ademais da campaña de sensibilización que se está a difundir a través da Rede, ao abeiro desta iniciativa desenvolveranse outras accións, como un obradoiro de xestión das linguas nas aulas, un curso de galego para non galegofalantes, un programa de voluntariado lingüístico ou a difusión dunha guía de recursos en liña para estudar medicina en galego. Para ampliar información, preme aquí.

