A Real Academia Galega e a Fundación Barrié, coa colaboración do colectivo docente Galiza Visual, convocan o Concurso Olla a Palabra do Día!, co obxectivo de promover o léxico galego entre o alumnado e potenciar a creatividade, a capacidade de síntese e a aprendizaxe de conceptos mediante o pensamento visual. O certame está dirixido ao alumnado de educación infantil, primaria e ESO de todos os centros educativos de Galicia, que deberán transformar en linguaxe visual as palabras do día do Portal das Palabras dunha das semanas comprendidas entre o 5 de outubro e o 1 de novembro de 2020. O prazo para a presentación dos traballos comeza o 1 de novembro e remata o 1 de decembro de 2020. Para coñecer as bases completas preme aquí.
09/10/2020. DINAMIZACIóN
09/10/2020. OUTRAS
O Departamento de Tecnoloxía do IES de Soutomaior pon ao dispor de toda a comunidade educativa unha serie de infografías en lingua galega con indicacións básicas para o uso das TIC no ámbito educativo. No seu web atoparás, accesibles para descarga en formato .jpg ou .pdf, as indicacións básicas que o alumnado precisa para poder enviar un correo electrónico, facer fotos das tarefas, saber indentificar os principais tipos de arquivos e aprender a gardalos.
08/10/2020. DINAMIZACIóN
Mañá, 9 de outubro de 2020, inaugúrase na Coruña Filmesturas, un festival de curtametraxes rodadas en linguas minorizadas que se celebrará entre os días 9 e 12 de outubro nos concellos da Coruña, Sada, Oleiros e Cambre. Os asistentes terán a oportunidade de visionar obras en galego, catalán, éuscaro, quechua, tagalo, afrikaans ou samoano. Como actividade complementaria ás proxeccións, diferentes profesionais da interpretación, o ensino e a normalización lingüística reflexionarán sobre a vertente sociolóxica, educativa e lingüística do audiovisual. Podes coñecer a programación completa do certame premendo aquí.
07/10/2020. AXUDAS E PREMIOS
A Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia fai pública a resolución da convocatoria de subvencións ás entidades locais de Galicia para a promoción do uso da lingua galega. No texto da resolución podes consultar a listaxe de concellos que, ben de xeito individual ou agrupado, recibirán axuda económica para o mantemento ou reforzamento dos seus servizos de normalización lingüística.
07/10/2020. INVESTIGACIóN
Xa podes consultar en liña o Dicionario castelán-galego en liña de Rinoceronte Editora, con máis de 27.000 entradas, que recolle todas as do Dicionario Castelán-Galego publicado pola RAG en 2004 e, a maiores, engade abundante fraseoloxía e uns 2.500 topónimos do mundo. Trátase dunha nova ferramenta lexicográfica, accesible de balde na rede, en continuo proceso de actualización, polo que os editores convidan aos usuarios/as a colaborar enviando as súas achegas.
07/10/2020. CURSOS E CONGRESOS
O Centro de Interpretación da Oralidade de Vigo (CIOV) organiza un curso de improvisación oral en verso que ten como obxectivos, entre outros, fomentar entre o alumnado o interese polo noso patrimonio cultural, nomeadamente pola poesía oral improvisada; así como aumentar as competencias lingüísticas e escénicas na expresión oral e na dimensión lúdica da lingua. As sesións desenvolveranse entre os meses de outubro de 2020 e maio de 2021 no Auditorio do Mar de Vigo. A inscrición é gratuíta e debe tramitarse a través deste formulario web, indicando no título “improvisación en verso”. Podes ampliar información sobre os obxectivos e os contidos do curso premendo aquí.
07/10/2020. DINAMIZACIóN
O Servizo de Normalización Lingüística (SNL) do Concello de Redondela está a desenvolver novas medidas de promoción do uso do galego en diferentes ámbitos do sector socioeconómico do municipio. No pasado mes de setembro o Concello de Redondela e a Confraría de Pescadores de San Xoán de Redondela asinaron un convenio para promover o uso do galego na lonxa de Cesantes, un espazo onde o galego xa é a lingua maioritaria dos usuarios/as mais ten escasa presenza na documentación administrativa e nos carteis informativos. Así mesmo, coa colaboración da Asociación de Empresarios de Redondela, distribuíronse entre os establecementos de hostalaría redondeláns 50.000 manteis de papel dun só uso con léxico galego. Nos vindeiros meses, o SNL ten previsto continuar a desenvolver accións dirixidas á normalización lingüística no ámbito socioeconómico. Para ampliar esta nova, preme aquí.
05/10/2020. INVESTIGACIóN
A Universidade de Málaga, coa colaboración da Asociación da Prensa de Valladolid, da Fundación Alonso Quijano e da Fundación da Prensa de Almería, está a desenvolver desde 2008 o proxecto Lingua e prensa, dedicado a compilar novas xornalísticas sobre as linguas de España e as súas variedades. Actualmente, a versión 3.0 do proxecto permite acceder a unha hemeroteca lingüística virtual con máis de 22.000 novas etiquetadas procedentes de diferentes medios de comunicación, polo que se trata dunha interesante ferramenta sociolingüística para estudosos da política lingüística e do plurilingüismo no Estado español.
05/10/2020. CURSOS E CONGRESOS
A Coordinadora de Traballadores/as de Normalización da Lingua, en colaboración coa Universidade de Vigo e a Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia, organiza un curso en liña sobre estratexias comunicativas dirixido especialmente a técnicos/as de servizos de normalización lingüística (SNL) e traballadores/as de empresas, asociacións ou outras entidades relacionadas coa normalización do galego. O curso, que será impartido por Emma Torres Romay, profesora titular de Estratexia Publicitaria da UVigo, desenvolverase a través do Campus Remoto da Uvigo os días 22, 23, 29 e 30 de outubro e 5 e 6 de novembro, en horario de 9:00 a 11:00 h. O prazo de inscrición será entre o 5 e o 16 de outubro de 2020. Podes ampliar información sobre os contidos e mais os trámites de inscrición premendo aquí.
01/10/2020. AXUDAS E PREMIOS
A Asociación Galega de Profesionais da Tradución e da Interpretación (AGPTI) fixo pública a resolución do xurado da terceira edición do Premio Xela Arias, que este ano 2020 acordou outorgar o galardón á cooperativa NUMAX, pola súa aposta polo galego como lingua de uso no eido audiovisual, tanto na programación habitual do seu cinema como no seu proxecto didáctico “NUMAX na escola”. A AGPTI convoca anualmente este premio co obxectivo de homenaxear a figura de Xela Arias e reivindicar o idioma galego como lingua de traballo no ámbito da tradución. Para ampliar información, preme aquí.
28/09/2020. DINAMIZACIóN
Mañá, 29 de setembro de 2020, comeza no Forum Metropolitano da Coruña o festival de narración oral “Falando a boca chea”, que se celebrará en diferentes sesións ata o vindeiro 3 de outubro. Trátase dunha iniciativa, organizada desde 2017 pola empresa de xestión cultural Artestudio, coa colaboración do Concello da Coruña, que pretende achegar a todos os públicos a arte da narración oral en lingua galega. Para consultar o programa completo ou obter información sobre as canles de venda de entradas, preme aquí.
25/09/2020. OUTRAS
O Consello de Europa festexa un ano máis, desde que se instaurou esta celebración en 2001, o Día Europeo das Linguas, co obxectivo de promover a diversidade lingüística de Europa e fomentar o plurilingüismo entre a cidadanía. No sitio web que o Consello de Europa desenvolveu con motivo desta celebración atoparás máis información sobre a riqueza cultural que supón o multilingüismo europeo. Pola súa parte, o Consello da Cultura Galega tamén se adheriu a esta conmemoración participando na mesa redonda “Comunidade e diversidade. O futuro do multilingüismo en Europa”, que tivo lugar o xoves 24 de setembro na sede do Instituto Cervantes en Berlín.
25/09/2020. CURSOS E CONGRESOS
A Real Academia Galega retoma a celebración das Letras Galegas que fora adiada o pasado mes de maio, coa celebración o vindeiro mes de outubro do Simposio Ricardo Carbalho Calero 2020. O evento desenvolverase en catro sesións, que terán lugar os días 8, 15, 22 e 29 de outubro na sede da institución, na rúa Tabernas da Coruña. Poderase asistir presencialmente, previa inscrición. Con todo, todas as sesións serán tamén difundidas en directo a través da páxina web da RAG. Para ampliar información, preme aquí.
25/09/2020. DINAMIZACIóN
O Concello de Melide e a Asociación de Empresarios Terra de Melide (Asetem), en colaboración co Foro Enrique Peinador e a Xunta de Galicia, presentaron publicamente a campaña “Os nosos prudutos, en galego”, co obxectivo de asociar o uso do galego na etiquetaxe comercial coa marca de calidade e autenticidade do produto. No marco desta campaña distribuiranse entre os establecementos comerciais e empresas da comarca Terra de Melide carteis e dípticos informativos sobre as vantaxes da etiquetaxe en galego por parte das empresas, e sobre a importancia do consumo de produtos de proximidade por parte da cidadanía.
24/09/2020. CURSOS E CONGRESOS
O Departamento de Lingua Galega do Concello de Santiago de Compostela organiza un obradoiro de acollemento lingüístico, dirixido a persoas adultas procedentes doutras comunidades lingüísticas que queiran realizar un primeiro achegamento ao galego e á nosa realidade cultural e social. O obradoiro estrutúrase en 18 sesións, que se desenvolverán entre o 13 de outubro e o 15 de decembro de 2020. Para ampliar información sobre esta actividade, así como sobre os trámites de inscrición, preme aquí.
24/09/2020. CURSOS E CONGRESOS
O Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Vigo organiza o obradoiro “Recursos informáticos para traballar en galego”, dirixido a todas aquelas persoas que desexen ampliar os seus coñecementos sobre este tema. As sesións terán lugar os días 13, 15, 20, 22, 27 e 29 de outubro de 2020 no Auditorio do Mar de Vigo. A inscrición debe tramitarse a través deste formulario web, indicando no título da actividade “recursos informáticos”. Podes ampliar información sobre o programa desta actividade premendo aquí.
23/09/2020. DINAMIZACIóN
A Área de Normalización Lingüística da Universidade de Vigo e mais o Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Pontevedra promoven un programa de dinamización lingüística deseñado para crear novos espazos de uso para o galego no campus de Pontevedra. Se estudas neste campus e estás interesado/a en coñecer xente e realizar actividades divertidas en galego, xa podes adherirte ao programa Falamos, e a partir do vindeiro 5 de outubro terás oportunidade de inscribirte nas diferentes actividades que se desenvolverán no marco desta iniciativa: club de lectura, curso de cociña, visionamento de películas ou voluntariado lingüístico, entre outras. Podes ampliar esta nova premendo aquí.
22/09/2020. OUTRAS
No marco do acordo institucional asinado o pasado mes de maio, o Instituto Cervantes, o Institut Ramón Llull, o Etxepare Euskal Institutua e o Consello da Cultura Galega organizan a mesa redonda “Comunidade e diversidade. O futuro do multilingüismo en Europa”, que terá lugar o vindeiro xoves, 24 de setembro, a partir das 19:00 h na sede do Instituto Cervantes de Berlín, e que tamén poderás seguir a través de Youtube. No acto, deseñado para festexar o Día Europeo das Linguas, participarán Ramón Villares, Juan José Alvarez, Luis García Montero, María José Gálvez, Dieter Ingenschay e Jordi Amat.
18/09/2020. DINAMIZACIóN
Tras o éxito da campaña para demandar a creación dunha canle “Xabarín Club” que emita as 24 horas contidos en galego na TVG, A Mesa pola Normalización Lingüística anuncia que promoverá unha proposición non de lei de iniciativa popular, co obxectivo de que o Parlamento de Galicia inste ao goberno galego a incrementar a programación infantil e xuvenil en lingua galega na TVG a través da creación dunha canle “Xabarín”. Así mesmo, demandarase a creación dunha aplicación informática con programas e xogos, que se garanta a opción dobrada e subtitulada ao galego nas plataformas dixitais e mais na programación infantil e xuvenil de TVE, así como a adopción das medidas necesarias que permitan a recepción mutua RTP – TVG en Galicia e Portugal. Podes ampliar esta nova premendo aquí
16/09/2020. EMPREGO
A Universidade de Santiago de Compostela anuncia a convocatoria pública de contratación de persoal para colaborar en diferentes proxectos de investigación. Entre as prazas ofertadas anúnciase unha con perfil lingüístico para colaborar no proxecto “Anotación e revisión dos textos do Corpus de textos galegos escritos por estudantes no ámbito académico (CORTEGAL)”, que se está a desenvolver no Instituto da Lingua Galega. A forma de provisión é o concurso de méritos. A duración do contrato será de seis meses. O prazo de presentación de solicitudes remata o 18 de setembro de 2020. Para consultar as bases completas da convocatoria, preme aquí.
A Universidade de Santiago de Compostela anuncia a convocatoria pública de contratación de persoal para colaborar en diferentes proxectos de investigación. Entre as prazas ofertadas anúnciase unha con perfil lingüístico para colaborar no proxecto “Anotación e revisión dos textos do Corpus de textos galegos escritos por estudantes no ámbito académico (CORTEGAL)”, que se está a desenvolver no Instituto da Lingua Galega. A forma de provisión é o concurso de méritos. A duración do contrato será de seis meses. O prazo de presentación de solicitudes remata o 18 de setembro de 2020. Para consultar as bases completas da convocatoria, preme aquí.
11/09/2020. OUTRAS
O sitio web Heavens-Above, no que se difunde información sobre astronomía e permite observar e rastrexar satélites orbitando a Terra, ofrece agora tamén a posibilidade de consultar o mapa celeste cos nomes das constelacións en lingua galega. Este traballo de tradución, desenvolto polo físico da USC Salva Bará e o divulgador científico Martin Pawley, supón un novo pulo para a normalización do noso idioma no ámbito da ciencia.
11/09/2020. OUTRAS
O Núcleo de Estudos Galegos da Universidade Federal Fluminense (UFF) , en colaboración con diferentes grupos de investigación lingüística desta universidade, organiza a mesa redonda en liña "Galego-Portugês-Brasileiro. Relações históricas", que terá lugar o vindeiro martes, 15 de setembro de 2020. Nela participarán os lingüistas Henrique Monteagudo (Universidade de Santiago de Compostela); Fernando Venâncio (Universidade de Amsterdam) e Marcos Bagno (Universidade de Brasília). Podes seguila en directo a partir das 21 h desde a canle de Youtube do Núcleo de Estudos Galegos da UFF.
09/09/2020. OUTRAS
A Secretaría Xeral de Política Lingüística publicou o pasado de mes de marzo de 2020 a convocatoria de probas para a obtención dos certificados de lingua galega (niveis Celga 1, 2, 3 e 4), que posteriormente foron adiadas ata o mes de setembro e/ou outubro de 2020 por mor da crise sanitaria ocasionada pola Covid-19. As datas concretas de realización destas probas publícanse hoxe, 9 de setembro, no Diario Oficial de Galicia e podes consultalas premendo aquí.
04/09/2020. DINAMIZACIóN
O Festiletras, o programa cultural co que anualmente a Fundación Eduardo Pondal conmemora en maio as Letras Galegas e que tivo que adiarse este ano por mor da Covid-19, estase a celebrar estes días nun formato adaptado ás actuais circunstancias sanitarias pero sen perder un chisco da súa esencia. O Esencia Festiletras encherá a aldea do Couto (Ponteceso) de música, obradoiros didácticos, divulgación científica e diversas actividades lúdicas e culturais entre o 31 de agosto e o 6 de setembro de 2020. Podes consultar o programa completo premendo aquí.
25/08/2020. EMPREGO
O Concello de Noia publica as bases da convocatoria para a selección, mediante o sistema de concurso-oposición, dun funcionario/a interino/a para prover temporalmente o posto de técnica/o de normalización lingüística. Así mesmo, crearase unha bolsa de traballo coas persoas candidatas que superaron as probas do proceso selectivo. O nomeamento do funcionario/a realizarase a xornada parcial (50% da xornada ordinaria), ata o 31 de decembro de 2020. O prazo para a presentación de solicitudes remata o vindeiro 3 de setembro. Podes consultar o texto completo da convocatoria premendo aquí.
25/08/2020. CURSOS E CONGRESOS
A Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional convoca cursos de linguaxe administrativa galega e mais cursos preparatorios para a obtención dos certificados de lingua galega (Celga), que se impartirán nas escolas oficiais de idiomas de Galicia no curso 2020/2021. Os cursos de linguaxe administrativa están dirixidos ao persoal das administracións autonómica e local galegas, así como ao da Administración periférica do Estado en Galicia, exceptuando o persoal docente e sanitario. Aos cursos preparatorios dos Celga poderán asistir todas as persoas maiores de dezaseis anos interesadas. O prazo para presentar as solicitudes abranguerá desde o 2 ata o 11 de setembro de 2020, para os cursos do primeiro cuadrimestre, e desde o 5 ata o 15 de xaneiro de 2021, para os cursos do segundo cuadrimestre. Para consultar o texto completo da convocatoria, preme aquí. [Corrección de erros do texto da convocatoria]
25/08/2020. EMPREGO
A Consellería de Cultura e Turismo publica o concurso público de dez bolsas de formación no Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades. Os/as beneficiarios/as colaborarán nos seguintes proxectos: Dicionario galego-italiano (Galita), Bibliografía da literatura galega, Fraseoloxía Galega, Corpus de referencia do galego actual (Corga), Cantigas de Santa María, Prosa literaria medieval, Terminoloxía científico-técnica, Recursos para o desenvolvemento das tecnoloxías da fala, Base de datos do ALIR e Dicionarios de literatura. O prazo de presentación de solicitudes é dun mes, contado a partir do día seguinte ao da publicación desta convocatoria.
25/08/2020. AXUDAS E PREMIOS
O Concello de Ponteareas convoca a segunda edición do Premio “Ponteareas, lingua e empresa”, co obxectivo de promover o uso do galego no ámbito empresarial e, ao mesmo tempo, recoñecer publicamente o compromiso coa normalización lingüística das empresas e profesionais deste sector. Concederase un premio por cada unha das seguintes categorías: “uso continuado da lingua galega”, “incorporación recente ao uso da lingua galega” e “traxectoria do uso da lingua galega ao longo de décadas”. O prazo de presentación de candidaturas remata o vindeiro 3 de setembro. Podes consultar as bases do premio premendo aquí.
24/08/2020. EMPREGO
O Concello de Sada convoca un proceso selectivo para a elaboración dunha bolsa de emprego para a contratación dun/dunha técnico/a de normalización lingüística. O sistema de selección será o de oposición. Os/as aspirantes deben estar en posesión do título de licenciatura en Filoloxía Galega-Portuguesa, Filoloxía Galega ou Filoloxía Hispánica (subsección Galego-Portugués), grao en Lingua Galega, ou calquera outra licenciatura/grao sempre que acrediten o Celga 5. O prazo para a presentación de solicitudes remata o 24 de agosto. Podes consultar as bases completas da convocatoria premendo aquí.
24/07/2020. DINAMIZACIóN
Neste último xoves de xullo convídamoste a misturar letras e ciencias con dous novos taboleiros de Pinterest: Enredad@s coa literatura e Enredad@s coa ciencia e a tecnoloxía. No primeiro, atoparás diferentes recursos literarios en formato dixital para público infantil e xuvenil. No segundo, ofrécemosche unha selección de contidos en galego sobre ciencia e tecnoloxía. Con eles pechamos a serie de seis taboleiros temáticos que integran o produto documental Galego 2.0, onde tes ao teu dispor unha selección de 150 recursos en liña deseñados para fomentar o uso da lingua galega entre a infancia e a mocidade.

