O Consello da Cultura Galega, o Institut Ramón LLull, o Instituto Vasco Etxepare e o Instituto Cervantes asinan o seu primeiro convenio conxunto

A presidenta do Consello da Cultura Galega, Rosario Álvarez; o director do Instituto Cervantes, Luis García Montero; a directora do Institut Ramón Llull, Iolanda Batallé, e a directora do Etxepare Euskal Institutua, Irene Larraza, asinaron esta mañá un acordo de colaboración conxunto entre estas entidades para promover a lingua e a cultura galega, española, catalá e vasca. É o primeiro que asinan as catro entidades xuntas. “Somos institucións diversas pero é moito máis o que nos une que o que nos separa” asegurou Rosario Álvarez no acto de sinatura que se realizou de maneira dixital e se emitiu a través da canle de Youtube do Instituto Cervantes.



Este acordo entre as catro institucións quere tender pontes para o coñecemento mutuo da espléndida realidade creativa das culturas catalá, vasca, galega e española, e das linguas respectivas. “Cremos que este é un gran paso adiante importante para mostrar, dentro e fóra das fronteiras do Estado español, a diversidade do pulo creativo deste mosaico de culturas e linguas. E facelo apoiándonos mutuamente, de forma colaborativa, en irmandade de intereses, convencidos de que o respecto e aprecio mutuo son a base da convivencia democrática e unha excelente imaxe que proxectar ao mundo” asegurou Rosario Álvarez no transcurso da súa intervención.
O acordo de colaboración subscrito ten unha vixencia de catro anos, que poden ser prorrogables. O protocolo foi asinado en galego, castelán, catalán e éuscaro e establece un marco de cooperación para participar en accións comúns que promovan, “dentro dos seus ámbitos de actuación e as súas posibilidades, as diferentes culturas e linguas propias do Estado español” asegurou Luis García Montero.

Pola súa parte, Iolanda Batallé destacou “que este convenio forma parte dunha estratexia de falar con todas a con todos”, e Irene Larraza, directora do Etxepare Euskal Institutua, “traballamos na internacionalización das nosas linguas e culturas porque sabemos que poden e deben ser coñecidas e recoñecidas no exterior. Hai que facer un traballo importante de alcance e transmisión”.

Antecedentes
Este primeiro acordo a catro bandas ten a súa orixe na xuntanza que os responsables destas institucións mantiveron en Barcelona en xuño do ano pasado. el abordaron posibles vías de colaboración para mellorar a proxección da cultura e as diversas linguas de España a nivel internacional. Con todo, este acordo recolle anos de traballo conxunto desenvolvido entre estas entidades desde hai máis dunha década.
Entre os antecedentes da relación destas entidades destaca o primeiro protocolo xeral de colaboración asinado en 2010 entre o Instituto Cervantes e o CCG que fixaba como obxectivos, entre outros, a divulgación do coñecemento da lingua galega, con atención preferente á tradición literaria. Este acordo permitiu a realización de exposicións e actividades culturais nos centros do Instituto Cervantes no exterior, nomeadamente en Brasil e Arxentina, onde existe unha ampla colectividade galega.
Outra das actividades que marca esta relación previa que sementou o camiño para a sinatura do acordo que hoxe tivo lugar foi o ciclo “Poetas itinerantes” entre o CCG, o Institut Ramón Llull e o Etxepare Euskal Institutua, que permitíu dialogar a poética galega, vasca e catalá.