A Coordinadora de Traballadores/as de Normalización da Lingua publica o Manual de procesos selectivos para técnicos/as de normalización lingüística, unha guía elaborada por Andrea Garrido Juncal e Carla Casanueva Muruais, especialistas en Dereito Administrativo, pensando principalmente nas administracións locais. O obxectivo é que as persoas aspirantes a estas prazas poidan coñecer o funcionamento dos procesos selectivos desde a perspectiva xurídica. Así mesmo, o documento tamén é útil para as administracións convocantes, pois compila a principal normativa aplicable aos procesos selectivos e achega recomendacións para desenvolver convocatorias de emprego. Para ampliar esta información, preme aquí.
27/01/2021. EMPREGO
26/01/2021. INVESTIGACIóN
A Área de Normalización Lingüística e a Unidade de Cultura Científica da Universidade de Vigo presentan unha serie de guías didácticas elaboradas ao abeiro da iniciativa En Galego! Investigación e divulgación científica . O obxectivo é divulgar entre o estudantado de ensino secundario o resultado das investigacións desenvolvidas na UVigo. Neste momento están accesibles en liña os seguintes títulos (edición dixital): Procesos de separación, A saúde e os coidados no camiño miñoto ribeiro, Máis aló do prato. Analizando a dieta alimentaria na miña contorna e En galego 24/7. Da minorización ao neofalantismo. A maiores, todos os centros de educación secundaria das provincias de Ourense e Pontevedra recibirán unha copia destas guías editadas en papel. Para ampliar esta nova, preme aquí.
26/01/2021. EMPREGO
A Mancomunidade de Concellos da Comarca de Ferrol publica as bases para a selección dun técnico/a de normalización de lingüística (persoal funcionario interino), que desenvolverá o seu traballo nos concellos de Ares, Cabanas, Mugardos, Neda e Valdoviño de forma itinerante. O sistema de selección será o de concurso-oposición. Os/as aspirantes deben estar en posesión do título de licenciatura en Filoloxía Galega-Portuguesa, Filoloxía Galega ou Filoloxía Hispánica (subsección Galego-Portugués), grao en Lingua Galega, ou calquera outra licenciatura/grao sempre que acrediten o Celga 5. O prazo de presentación de solicitudes é de 8 días hábiles a partir do seguinte ao da publicación do anuncio da convocatoria no Boletín Oficial da Provincia da Coruña. Podes consultar as bases completas da convocatoria premendo aquí.
26/01/2021. DINAMIZACIóN
A Facultade de Matemáticas da USC, en colaboración co Servizo de Normalización Lingüística da USC, organiza a IX edición do concurso Explícoche matemáticas 2.0, co obxectivo de promover o uso do galego como medio de transmisión do coñecemento matemático, así como a creatividade do alumnado. O certame está dirixido ao alumnado das universidades públicas do Estado español, estudantes de 3º e 4º da ESO e 1º e 2º de Bacharelato e ciclos de Formación Profesional dos centros de educación secundaria de Galicia e comunidades limítrofes. Para participar cómpre realizar un vídeo, dunha duración de entre 1:30 e 2:30 minutos, onde se explique en galego un tema relacionado coas matemáticas. O xurado outorgará tres premios de 200 euros e haberá un cuarto premio, de 100 euros, para o vídeo mellor valorado polos internautas . O prazo para enviar os proxectos remata o 26 de marzo de 2021.
20/01/2021. CURSOS E CONGRESOS
O Instituto da Lingua Galega da Universidade de Santiago de Compostela, en colaboración co Consello da Cultura Galega, organiza o Simposio ILG 2020, que debido á situación de emerxencia sanitaria ocasionada pola pandemia da Covid-19 non puido celebrarse o ano pasado e terá lugar neste 2021, entre os días 8 e 25 de febreiro. Nesta edición, o tema que centrará as diferentes intervencións e debates será o seguinte: “Estándar, norma e variación: procesos, problemas e perspectivas”. A maior parte das intervencións serán gravadas previamente e con posterioridade, nos días sinalados no programa, celebraranse os debates en liña. A maiores, dúas sesións celebraranse de xeito presencial no Salón de Graos da Facultade de Filoloxía da USC e serán transmitidas en directo. O prazo de inscrición remata o 4 de febreiro de 2021.
20/01/2021. DINAMIZACIóN
A Secretaría Xeral de Política Lingüística convoca unha nova edición do Concurso para elaborar a exposición sobre a autora homenaxeada o Día das Letras Galegas, dirixido aos centros de ensino público non universitario. Os/as participantes deben elaborar unha exposición relacionada coa obra, época e lingua da autora homenaxeada no Día das Letras Galegas 2021, Xela Arias, e/ou a situación sociolingüística da etapa histórica na que viviu. O concurso consta de dúas categorías, unha para os centros de educación infantil e primaria e outra para os restantes. Outorgarase un premio en metálico de 2.000 euros para cada categoría. O prazo de presentación dos traballos remata o 1 de marzo de 2021. Para obter máis información, preme aquí.
18/01/2021. DINAMIZACIóN
O Instituto de Ganadería de Montaña, centro mixto do Consejo Superior de Investigaciones Científicas (CSIC) e da Universidade de León, difunde no seu web o Calendario científico escolar 2021, unha iniciativa dirixida ao alumnado de primaria e ESO que recolle en cada día do ano un aniversario científico ou tecnolóxico (nacementos de investigadores e investigadoras de renome, avances científicos, curiosidades...). Ademais do calendario, tamén se elaborou unha guía didáctica con orientacións e actividades adaptadas aos diferentes niveis educativos (pendente de subir á rede). Estes materiais están dispoñibles en asturiano, castelán, catalán, éuscaro, galego e inglés.
18/01/2021. CURSOS E CONGRESOS
O Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Vigo organiza dous cursos en liña de iniciación á lingua galega, un de nivel cero e outro de nivel 1, que se desenvolverán durante os meses de febreiro e marzo de 2021. O curso de nivel cero está deseñado para persoas, de dentro e fóra de Galicia, sen apenas coñecementos de galego. O curso de nivel 1 está dirixido a alumnado, de dentro ou fóra de Galicia, que poida acreditar unha formación básica do idioma ou que realizase previamente o curso de nivel cero. Para obter máis información sobre o programa destes cursos e os trámites de inscrición, preme aquí.
18/01/2021. AXUDAS E PREMIOS
A Consellería de Cultura, Educación e Universidade publica dúas convocatorias de axudas para a presentación de proxectos de fomento do galego no ámbito do ensino non universitario durante o curso 2020/2021; unha dirixida a centros de titularidade pública e outra a centros de titularidade privada. En ambos os casos, o prazo de presentación de solicitudes é dun mes, que se contará a partir do día seguinte ao da publicación das respectivas convocatorias.
18/01/2021. INVESTIGACIóN
A editorial Galaxia anuncia que están accesibles en liña de balde, en formato PDF, os 156 primeiros números da revista Grial. Trátase dunha publicación periódica de carácter cultural, que inclúe tamén de xeito habitual contidos de temática sociolingüística. A revista estivo dirixida desde a súa creación por persoeiros como Ramón Piñeiro e Francisco Fernández del Riego; Carlos Casares e Víctor F. Freixanes con Henrique Monteagudo, onde colaboraron estudosos/as e especialistas tanto do ámbito galego como internacional. Para ampliar esta información, preme aquí.
13/01/2021. OUTRAS
Co gallo da conmemoración do 800 aniversario do nacemento de Afonso X, o Consello da Cultura Galega organiza unha exposición para dar a coñecer o legado afonsino en Galicia, a través de documentos, testemuños literarios, arqueolóxicos e musicais. Na mostra cobran especial protagonismo as Cantigas de Santa María, como testemuño do noso patrimonio lingüístico e como constatación da importancia da lingua galega no mundo románico medieval. A mostra pode visitarse na Igrexa da Universidade (Santiago de Compostela) ata o 24 de abril de 2021. A maiores, tamén podes consultar a páxina web da exposición. Para ampliar esta nova, preme aquí.
13/01/2021. OUTRAS
O Boletín de Sumarios 2020 do Centro de Documentación Sociolingüística de Galicia (CDSG) é un produto documental que inclúe os sumarios dos 25 números de publicacións periódicas, correspondentes a 14 títulos diferentes, que ingresaron na hemeroteca do centro ao longo do ano 2020. Estas revistas pódense consultar en sala ou levar en préstamo naqueles casos en que dispoñamos de máis dun exemplar. No caso das dixitais, desde este boletín pode accederse directamente aos números completos. Para consultar a nosa colección completa de seriadas, preme aquí.
13/01/2021. CURSOS E CONGRESOS
A Mesa pola Normalización Lingüística organiza, coa colaboración da Asociación Socio-Pedagóxica Galega (AS-PG) e de CIG-Ensino, as II Xornadas de Normalización Lingüística, que terán lugar o vindeiro 23 de xaneiro de 2021, en formato virtual a través da plataforma Webex. O fío condutor que centrará as diferentes intervencións e debates será a situación da lingua no ensino. A matrícula é gratuíta, mais requírese inscrición previa. Para ampliar información sobre o programa e mais os trámites de inscrición, preme aquí.
13/01/2021. DINAMIZACIóN
Xandobela presenta Somos Xogo, un proxecto de divulgación do patrimonio lúdico galego e da creatividade xogantina. Ao abeiro desta iniciativa estanse a desenvolver as seguintes accións: unha feira xogantina (repositorio e escaparate de entidades, iniciativas e recursos lúdicos galegos), a escola do xogar (propostas de obradoiros didácticos) e o concurso “Xoga en galego” (certame de creación de xogos de mesa en galego para público infantil e familiar). O prazo de inscrición no certame, dirixido a persoas da provincia da Coruña, remata o 28 de febreiro de 2021. Podes consultar as bases premendo aquí.
11/01/2021. INVESTIGACIóN
A Concellaría de Patrimonio Histórico do Concello de Pontevedra presenta a publicación Léxico de costureiras, unha compilación de termos e expresións profesionais transmitidas por costureiras de Mourente, Lérez e Santa María de Xeve. A iniciativa enmárcase no programa "A memoria das mulleres do Concello de Pontevedra", que nace no ano 2013 coa finalidade de construír, de modo colectivo e cooperativo, un fondo documental, gráfico e audiovisual da historia das mulleres en Pontevedra.
11/01/2021. INVESTIGACIóN
O Instituto da Lingua Galega convida a cidadanía a colaborar no programa DOA, unha iniciativa de participación cidadá para a achega de datos léxicos, integrada no proxecto Patrimonio léxico da Gallaecia. Todas as persoas interesadas en colaborar deben cubrir os formularios accesibles en liña, cuxas temáticas se irán actualizando en sucesivas campañas. Actualmente están dispoñibles dous formularios sobre nomes de insectos. Os termos recollidos a través deste programa integraranse tamén no banco de datos do Tesouro do léxico patrimonial galego e portugués.
11/01/2021. DINAMIZACIóN
Como é habitual a comezos de ano, a Área de Normalización Lingüística da Universidade de Vigo publica o seu calendario anual, que incorpora en cada edición unha temática diferente relacionada coa planificación e normalización lingüísticas. O calendario 2021 céntrase no alumnado galegofalante, recollendo as experiencias, consellos e opinións de 12 estudantes da UVigo que viven en galego a súa cotiandade universitaria, co ánimo de que sirvan de referente para outros/as compañeiros/as que aínda non deron o paso, e para a mocidade no seu conxunto. Podes ampliar esta nova premendo aquí.
11/01/2021. AXUDAS E PREMIOS
A Deputación de Pontevedra publica, no BOP do 11 de xaneiro de 2021, as resolucións de dúas liñas de subvencións para a promoción do galego na provincia. Trátase en concreto das axudas a concellos e entidades culturais para a realización de actividades de dinamización da lingua galega (ver a resolución coas entidades beneficiarias), e as axudas aos concellos para a creación, mantemento e reforzo de servizos de normalización lingüística (ver a resolución).
04/01/2021. INVESTIGACIóN
O Consello da Cultura Galega presenta unha nova edición, a cargo de Luz Méndez, dos tres textos que contén o Tombo das viñas de Ribadavia, un rolo de pergamiño procedente do mosteiro de Melón e custodiado no Arquivo da Catedral de Ourense. A maiores, a obra inclúe unha análise paleográfica, diplomática, lingüística e histórica destes textos; un estudo onomástico de nomes persoais e topónimos, un glosario léxico e os índices de persoas e lugares citados. No remate, os/as lectores/as tamén atoparán uns anexos documentais que conteñen textos medievais en latín e galego correspondentes a procesos inquisitivos, así coma unha transcrición do traslado do Tombo das viñas a outro tombo do mosteiro de Melón no ano 1800.
04/01/2021. OUTRAS
O Servizo de Normalización Lingüística da Universidade de Santiago de Compostela presentou dezanove novas guías que se suman á colección Esenciais USC. Xunto coas outras cinco editadas a comezos de 2020, neste momento a colección conta cun total de vinte e catro recursos para a docencia que condensan en poucas páxinas a parte máis significativa dunha materia, co obxectivo de que se convertan en material de referencia para o alumnado. Podes obter máis información sobre esta nova aquí.
04/01/2021. INVESTIGACIóN
A Mesa pola Normalización Lingüística, co apoio da Deputación de Pontevedra, publica o estudo A lingua galega no sector téxtil. Visión, opinión e posición da xeración millennial galega, elaborado por Anabel Antela. O traballo analiza a comunicación das grandes marcas do sector téxtil e sondea a opinión da mocidade sobre esa realidade. Das 16 marcas e grupos galegos analizados, todas empregan o castelán na comuniciación das súas páxinas web, pero só as de Indetex ofrecen a opción do galego. Con respecto á opinión da mocidade sobre esta situación, o 95% dos/as enquisados/as considera necesaria a normalización lingüística neste sector e un 60% afirma que o uso do galego na publicidade dun produto os induce á súa compra. Para ampliar a nova, preme aquí.
04/01/2021. OUTRAS
O Portal das Palabras, proxecto promovido pola Real Academia Galega e a Fundación Barrié, anuncia que o termo elixido como Palabra do Ano 2020 por votación popular foi nós. Sen dúbida, a escolla fai alusión á celebración do centenario da xeración Nós, mais tratándose do pronome persoal tónico da primeira persoa do plural, tamén reivindica o poder do colectivo (como pobo e como cultura) para afrontarmos os desafíos do futuro. Podes ampliar información premendo aquí.
04/01/2021. AXUDAS E PREMIOS
A Secretaría Xeral de Medios da Xunta de Galicia publica a resolución da convocatoria de subvencións para o ano 2020 destinadas a empresas que realizan publicacións periódicas escritas integramente en galego. Podes consultar a listaxe de empresas beneficiarias premendo aquí.
23/12/2020. OUTRAS
O Plenario da Real Academia Galega acordou, na sesión ordinaria do 22 de decembro de 2020, que o autora homenaxeada no Día das Letras Galegas 2021 será a poeta e tradutora Xela Arias (Sarria, 1962 - Vigo, 2003). Tal e como recolle a propia RAG no seu comunicado, Xela Arias foi unha das voces máis destacadas da poesía galega contemporánea, con obras como Denuncia do equilibrio, Tigres coma cabalos, Darío a diario e Intempériome. Así mesmo, é igualmente salientable a súa faceta como editora e tradutora, xa que o seu traballo foi fundamental para que hoxe poidamos ler no noso idioma moitos dos clásicos da literatura universal. Nos últimos anos da súa vida tamén exerceu como docente de lingua e literatura galegas en diferentes centros de ensino medio do país.
23/12/2020. INVESTIGACIóN
O Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades presenta a Base de datos paleográfica da lírica galego-portuguesa, unha ferramenta accesible en Internet que ofrece a transcrición paleográfica de todos os testemuños manuscritos da tradición trobadoresca. A base permite contrastar en todo momento as transcricións coas imaxes dos manuscritos e está concibida para facilitar traballos de investigación de carácter paleográfico, grafemático, lingüístico e ecdótico sobre a lírica galego-portuguesa.
23/12/2020. DINAMIZACIóN
A Cámara de Comercio e o Concello de Santiago de Compostela fixeron entrega, nun acto que tivo lugar o pasado 21 de decembro no Teatro Principal, dos galardóns da vixésimo primeira edición dos Premios Manuel Beiras. Os premiados deste ano foron a empresa Revista Pincha, na categoría de nova incorporación ao uso do galego; Dinahosting, na categoría de empresas que veñen realizando un uso continuado do idioma galego; e a zapatería Moksin, na categoría de empresa cunha comunicación innovadora. Podes ampliar esta información premendo aquí.
22/12/2020. AXUDAS E PREMIOS
A Deputación da Coruña publica as bases da convocatoria de axudas, dirixidas ás entidades locais da provincia, para a creación, mantemento e reforzo dos seus servizos de normalización lingüística (SNL) durante o ano 2021. Poderán participar todos os concellos da provincia da Coruña de 5.000 ou máis habitantes, ou agrupacións de concellos e mancomunidades que, entre eles, cheguen a esa cifra mínima. Así mesmo, tamén poden solicitar as axudas os concellos da Coruña, Santiago de Compostela e Ferrol, mais unicamente para persoal técnico de reforzo do SNL xa creado. O prazo de presentación de solicitudes remata o 29 de xaneiro de 2021, segundo consta no extracto no que se anuncia a publicación desta convocatoria a través da Base de Datos Nacional de Subvencións.
22/12/2020. AXUDAS E PREMIOS
O programa Musigal 2021, promovido pola Deputación de Pontevedra, está deseñado para contribuír á difusión e á promoción da música galega e en galego nos concellos da provincia de Pontevedra. Poden inscribirse no programa os grupos musicais profesionais que aborden de xeito específico contidos sociolingüísticos e de dinamización da lingua galega e que fagan música en galego nos seus concertos ou, no caso de ser instrumentais, que as súas pezas sexan de autoría galega. O prazo de inscrición remata o 20 de xaneiro de 2021. Unha vez que se faga pública a relación de artistas e grupos inscritos, os concellos da provincia con menos de 50.000 habitantes terán de prazo ata o 15 de febreiro de 2021 para tramitar as súas solicitudes de actuacións. Para consultar as bases completas do programa, preme aquí.
21/12/2020. DINAMIZACIóN
As actuais circunstancias sanitarias están a provocar que teñamos que vivir este Nadal de xeito diferente, mais o Servizo de Normalización Lingüística do Concello da Coruña quere que os máis pequenos/as poidan celebralo con moita música, cultura e lingua, polo que organizou un programa adaptado ao formato virtual que estará accesible en liña durante todas as festas do Nadal. Desde a páxina web do SNL poderás acceder ás actuacións gravadas de, entre outros, Xoán Curiel e a Banda do Verán, Mamá Cabra, Chuches Amil, Lydia Botana, Cris de Caldas, A Xanela do Maxín ou Pablo Díaz. Neste momento, está xa accesibles os vídeos das actividades "Contos pequeniños" e "Monstros con ou sen consentimento".
18/12/2020. DINAMIZACIóN
A Asociación Galega de Comunicación para o Cambio Social (AGARESO) presenta unha colección de Dicionarios de ida e volta, onde seis persoas que chegaron a Galicia procedentes de diferentes países (Venezuela, México, Honduras, Guinea Ecuatorial, Senegal e Romanía) nos falan do proceso migratorio, do poder integrador da lingua galega nas súas vidas e da riqueza lingüística dos seus lugares de orixe. Trátase dunha serie de seis pílulas audiovisuais, de entre 3 e 4 minutos de duración, deseñadas para ser empregadas como recursos educativos nos centros de ensino. Para ampliar esta nova, preme aquí.

