O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, presentou no Parlamento de Galicia o Plan de dinamización da lingua galega na mocidade 2019-2022, un documento que recolle 39 medidas, clasificadas en 9 áreas de intervención, para promover o uso do galego entre a poboación cunha idade comprendida entre os 14 e os 30 anos. O Goberno galego ten previsto implementar este plan nos vindeiros catro anos, coa colaboración de todos os sectores sociais (Administración local, medios de comunicación, partidos políticos, tecido asociativo e colectivos xuvenís) que teñen incidencia nos usos e actitudes da mocidade. Para ampliar esta información, preme aquí.
04/07/2019. DINAMIZACIóN
02/07/2019. OUTRAS
Xa podes consultar en liña a segunda edición do vocabulario “Terminoloxía de xestión da calidade”, elaborado no marco de Realiter (Rede Panlatina de Terminoloxía), que recolle 140 termos procedentes da Norma ISO 9000:2015, Quality management systems. Fundamentals and vocabulary. Trátase da actualización dunha primeira edición do ano 2010, que recolle as denominacións equivalentes en inglés e en sete linguas románicas (catalán, castelán, francés, galego, italiano, portugués e romanés), cos seus indicadores de categoría gramatical correspondentes.
02/07/2019. DINAMIZACIóN
O Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Vigo presenta unha nova edición do programa “No verán… un conto”, co obxectivo de fomentar o uso do galego no ámbito do lecer. O programa (dirixido ao público infantil, familiar e adulto), inclúe contos, monicreques, regueifa, obradoiros, xogos tradicionais, música, etc. As actividades comezan o 1 de xullo e rematan o 6 de agosto. No web do SNL do Concello de Vigo podes consultar o programa completo de actividades (coas datas e lugares de realización).
27/06/2019. AXUDAS E PREMIOS
O xurado dos Premios Mil Primaveras deu a coñecer os seis proxectos gañadores da súa primeira edición, seleccionados entre as 47 candidaturas presentadas a concurso. Estes premios están promovidos pola Coordinadora de Traballadores/as de Normalización da Lingua co obxectivo de recoñecer e difundir iniciativas, campañas ou proxectos destinados ao fomento do galego e ao incremento do seu uso e prestixio. Os gañadores desta edición son: Modelo Burela, na categoría de “mellor proxecto estabilizado”; Falemos de ti e min, na categoría de “mellor proxecto novo”; Desafío 48 h, na categoría de “mellor comunicación e impacto”; Youtubeir@s, na categoría de “proxecto máis innovador”; Eu presumo de galego, na categoría de “mellor proxecto de fomento de galego na infancia e/ou mocidade"; e Gciencia, na categoría de “mellor proxecto de fomento do galego nun ámbito sectorial”. En breve estará disponible no sitio web do certame toda a documentación técnica das iniciativas premiadas.
27/06/2019. AXUDAS E PREMIOS
A Consellería de Cultura e Turismo publica as resolucións das axudas para os proxectos de fomento do galego dos equipos de dinamización da lingua galega dos centros de ensino non universitario, para o curso escolar 2018/2019. Podes consultar as listaxes de centros beneficiarios aquí: centros galegos de titularidade pública; centro privados da Coruña; centros privados de Lugo, centros privados de Ourense, centros privados de Pontevedra.
24/06/2019. OUTRAS
O Plenario da Real Academia Galega acordou, na sesión ordinaria do 22 de xuño de 2019, que o autor homenaxeado no Día das Letras Galegas 2020 será Ricardo Carballo Calero (Ferrol, 1910 – Santiago de Compostela, 1990), intelectual e académico que destacou tanto no ámbito da creación literaria como na crítica e na investigación filolóxica. Na súa mocidade foi membro do Seminario de Estudos Galegos e participou na redacción do Estatuto de Autonomía de 1936. En 1958 ingresou na Real Academia Galega e uns anos despois, en 1965, incorporouse como profesor interino á Universidade de Santiago de Compostela, onde foi o primeiro docente das materias de Lingua e Literatura Galegas e, desde 1972, o primeiro catedrático de Lingua e Literatura Galegas. A partir de mediados da década dos 70, pasou a defender a adopción dunha ortografía próxima á portuguesa, converténdose nun intelectual de referencia para o reintegracionismo académico. Para ampliar esta información, preme aquí.
21/06/2019. AXUDAS E PREMIOS
O xurado do X Premio Rosalía de Castro de Lingua, que promove a Deputación da Coruña co obxectivo de recoñecer o labor de dignificación do noso patrimonio lingüístico, deu a coñecer os galardoados da súa décima edición. Nesta ocasión os premiados foron o xornal Gciencia, na categoría de colectivo, entidade ou asociación que destaca na promoción da lingua galega; e o proxecto 21 Días co Galego, como recoñecemento ao seu traballo coa mocidade.
19/06/2019. AXUDAS E PREMIOS
A Secretaría Xeral de Política Lingüística publica a resolución da convocatoria para a realización dos proxectos de innovación en dinamización lingüística nos centros públicos de ensino durante o curso académico 2018/2019. Os cinco proxectos seleccionados pola súa excelencia son: “O Prado fala galego” (IES Carlos Casares e IES Santa Irene, Vigo); “A cidade sen barreiras” (CEE Nosa Señora do Rosario, A Coruña); “Ao son delas” (IES Maximino Romero de Lema, Zas); “Cóxegas: caixas de investigación e creación como experiencia estética e emocional de acompañamento lingüístico” (CEIP Heroínas de Sálvora, Ribeira) e “Miserábeis (IES Illa de Ons, Bueu). Cada un destes proxectos recibirá 2.000 euros para a súa execución.
18/06/2019. EMPREGO
A Consellería de Cultura e Turismo publica o concurso público de nove bolsas de formación no Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades. Os/as beneficiarios/as colaborarán nos seguintes proxectos: Legado científico de Jürgen Untermann (1 bolsa), Corpus de referencia do galego actual (1 bolsa), Corpus ducumentale latinum Gallaeciae (1 bolsa), Bibliografía informatizada da lingua galega (1 bolsa), Terminoloxía científico-técnica (1 bolsa), Informes de literatura (1 bolsa), Recuperación de textos literarios e xornalísticos galegos (1 bolsa), Lírica profana galego-portuguesa (1 bolsa), Dimensións da indentidade colectiva de Galicia (1 bolsa). O prazo de presentación de solicitudes é dun mes, contado a partir do día seguinte ao da publicación desta convocatoria.
17/06/2019. EMPREGO
O Parlamento de Galicia anuncia a convocatoria de dúas bolsas de formación, de doce meses de duración, vinculadas ao seu Servizo de Publicacións. Poden optar a estas bolsas as persoas que posúan o grao/licenciatura en Tradución e Interpretación, sempre que a lingua de orixe principal da súa combinación lingüística (1ª lingua ou lingua A1) sexa a lingua galega, ou a licenciatura en Filoloxía Galega. O prazo de presentación de solicitudes é de quince días naturais a partir do día seguinte ao da publicación desta convocatoria no DOG. As bases completas da convocatoria podes consultalas premendo aquí.
13/06/2019. OUTRAS
A Mesa pola Normalización Lingüística acaba de presentar publicamente a Guía para o uso do galego na Administración local (2019-2023), que vai distribuír entre os máis de 3.700 concelleiros e concelleiras que este sábado tomarán posesión nos 313 concellos do país. O obxectivo da guía é promover a normalización lingüística na Administración local propoñendo unha serie de orientacións e medidas de fomento do galego que poidan implementarse desde as diferentes áreas de goberno municipal. O grao de cumprimento destas medidas será avaliado no futuro a través dun formulario que A Mesa enviará a todas as entidades locais. Podes ampliar esta nova premendo aquí.
13/06/2019. DINAMIZACIóN
A Concellería de Mocidade e o Departamento de Lingua Galega do Concello de Santiago de Compostela presentan a edición estival do programa #SenCancelas, un proxecto de intervención socioeducativa dirixido a toda a mocidade entre 14 e 17 anos, que ten como obxectivo crear espazos de socialización en galego nos que a rapazada poida desenvolver a súa creatividade e habilidades persoais. O programa desenvolverase os mércores de 11:00 a 13:00 horas no Centro Xove da Almáciga. O prazo de inscrición remata o 1 de xullo.
10/06/2019. OUTRAS
O Seminario de Lingüística Informática da Universidade de Vigo presenta a aplicación móbil do Dicionario Galnet, deseñada para dispositivos con sistema operativo Android. Trátase dun dicionario plurilingüe con traducións e sinónimos para dez linguas (galego, portugués, catalán, éuscaro, español, inglés, alemán, latín, italiano e chinés), que contén 725.000 palabras, das que 70.000 son formas léxicas en galego. O proxecto Galnet forma parte do Multilingual Central Repository e do Open Multilingual Wordnet. A maiores da aplicación móbil, o dicionario tamén está accesible desde unha plataforma web e o seu contido pode descargarse en formato RDF o LMF con licencia libre. Para ampliar información, preme aquí.
10/06/2019. EMPREGO
A Deputación Provincial de Ourense publica as bases do proceso selectivo para a contratación, como persoal funcionario interino (subgrupo A1), dun/unha tradutor/a de galego. O proceso de selección será o concurso-oposición. Os/as aspirantes deben estar en posesión da licenciatura en Filoloxía Galega, Filoloxía Hispánica (subsección de Galego-Portugués) ou Filosofía e Letras (sección Filoloxía Hispánica, subsección Galego-Portugués); dalgún dos seguintes graos: Ciencias da Linguaxe e Estudos Literarios (galego e español), Estudos de Galego e Español, Galego e Portugués: Estudos Lingüísticos e Literarios, Lingua e Literatura Galegas; licenciatura/grao en Tradución e Interpretación, ou equivalentes. O prazo para a presentación de solicitudes é de 7 días naturais, contados a partir do seguinte ao da publicación da convocatoria.
06/06/2019. CURSOS E CONGRESOS
Onte, 5 de xuño de 2019, tivo lugar en Niterói (Brasil) a inauguración do I Seminário Internacional de Estudos Linguísticos. Galego e português: o passado presente, organizado pola Universidade Federal Fluminense (UFF), a Universidade de Santiago de Compostela, o Grupo de Pesquisa Galego e Português, o Núcleo de Estudos Galegos da UFF, o Programa de Estudos Galegos da Universidade do Estado do Rio de Janeiro, o Conselho Nacional de Desenvolvimento Científico e Tecnológico e a Xunta de Galicia. Ao longo de 3 días, ata o vindeiro 7 de xuño, terán lugar diferentes minicursos e simposios onde expertos en lingua galega e portuguesa reflexionarán sobre aspectos sociais, históricos, discursivos, pragmáticos e cognitivos destes dous idiomas.
04/06/2019. CURSOS E CONGRESOS
O Servizo de Normalización Lingüística da Universidade da Coruña, en colaboración co Concello de Carballo e a Secretaría Xeral de Política Lingüística, organiza o XV Curso de verán sobre dinamización lingüística "Traballando en lingua", que nesta edición se centrará en analizar a situación do idioma galego no sector turístico e en deseñar estratexias para incrementar o seu uso. As sesións desenvolveranse os días 17 e 18 de xullo de 2019 no Fórum Carballo. O prazo de matrícula remata o 10 de xullo.
31/05/2019. DINAMIZACIóN
O Concello de Ourense, en colaboración coa Secretaría Xeral de Política Lingüística, convoca o X Certame de Cinema OUFF Escola, que se desenvolverá no marco da vixésimo cuarta edición do Festival de Cine Internacional de Ourense (OUFF). O obxectivo deste certame escolar é impulsar o uso do idioma galego entre a mocidade, fomentar a creatividade audiovisual e promover o traballo en equipo. Poderá participar o alumnado matriculado en centros públicos e privados de ensino non universitario de Galicia durante o curso 2018-2019, así como aqueles de fóra de Galicia que teñan no seu currículo materias en lingua galega. Os/as participantes deben elaborar obras audiovisuais en lingua galega de ata 20 minutos de duración. O prazo de inscrición remata o 2 de xullo de 2019. Para consultar as bases completas, preme aquí.
27/05/2019. AXUDAS E PREMIOS
O xurado dos Premios Lois Peña Novo deu a coñecer os/as gañadores/as da vixésimo quinta edición destes galardóns, deseñados para animar o proceso de normalización lingüística no eido das administracións públicas, na vida institucional de Galicia e na sociedade en xeral. Nesta edición os/as premiados/as son o profesor emérito da USC Manuel Bermejo Patiño, pola coherencia na utilización da lingua galega durante toda a súa vida académica; a maxistrada Paz Filgueira Paz, por desenvolver a súa actividade profesional en galego desde hai máis de 20 anos; e Carlos Salgado López, profesor do Departamento de Física de Partículas da USC, polo seu compromiso coa lingua galega na súa actividade docente e investigadora.
27/05/2019. OUTRAS
O que arde, de Oliver Laxe, foi galardoado co premio do xurado na sección “Un certain regard” da 72ª edición do Festival de Cannes, que se celebrou entre os días 14 e 25 de maio de 2019. O filme, rodado en versión orixinal en lingua galega e proxectado tamén neste idioma durante o festival, xa conseguira facer historia ao converterse na primeira película en galego seleccionada para competir neste prestixioso certame. Con este galardón Oliver Laxe demostra que a lingua galega non é en absoluto unha pexa para que unha obra audiovisual poida acadar o recoñecemento internacional. A película, rodada integramente en Galicia e ambientada nos Ancares, trata sobre os incendios forestais. A estrea nas salas está prevista para finais de 2019, con distribución de Numax.
27/05/2019. EMPREGO
A Consellería de Cultura e Turismo da Xunta de Galicia publica as convocatorias públicas para cubrir cinco prazas nos lectorados de lingua, literatura e cultura galegas nas universidades de Bangor, Heidelberg, Kiel, Leipzig e Varsovia e mais outras cinco bolsas de formación nos lectorados de lingua, literatura e cultura galegas nas universidades de Algarve, Berlín, Río de Xaneiro, Roma e Zadar. En ambas as dúas convocatorias, o prazo de presentación de solicitudes é dun mes, contado a partir do día seguinte ao da súa publicación.
23/05/2019. DINAMIZACIóN
O pasado 16 de maio, nun acto organizado polo colectivo Xuliva, o Equipo de Normalización Lingüística do IES A Sangriña presentou publicamente o documental “As linguas na Guarda. (RE)construíndo a autoestima”. A obra, coordinada por Denis Vicente e Menchu Costa, foi elaborada co alumnado de 3º da ESO durante o curso 2017/2018. O obxectivo da iniciativa é que o alumnado e a poboación en xeral reflexionen sobre a perda de falantes de galego no Concello da Guarda e tentar reverter esta situación reforzando a súa autoestima.
21/05/2019. INVESTIGACIóN
A Deputación da Coruña presenta a publicación Malas linguas, deseñada como unha guía práctica onde atopar información e recursos relacionados coas xornadas homónimas que tiveron lugar entre outubro do 2018 e novembro de 2019. Estas xornadas, organizadas en catro sesións, estiveron dirixidas principalmente aos profesionais que traballan no ámbito da normalización lingüística e das políticas públicas, co ánimo de reflexionar e deseñar estratexias para activar os/as falantes do século XXI.
20/05/2019. AXUDAS E PREMIOS
A Consellería de Cultura e Turismo publica a convocatoria de subvencións para a edición en lingua galega de recursos didácticos curriculares para niveis non universitarios. As axudas están dirixidas ás empresas mercantís do sector editorial e o prazo para a presentación de solicitudes é dun mes, contado a partir do día seguinte ao da publicación desta convocatoria.
16/05/2019. INVESTIGACIóN
Os pasados días 4 e 5 de abril tiveron lugar os XXI Encontros para a Normalización Lingüística, que neste ano 2019 estiveron dedicados á divulgación científica en lingua galega. Recollendo as reflexións, debates e suxestións que foron aflorando ao longo destas dúas xornadas, o Consello da Cultura Galega publica o documento de conclusións que pon ao dispor do conxunto da cidadanía a través da súa páxina web.
16/05/2019. DINAMIZACIóN
Mañá, 17 de maio, a Real Academia Galega celebrará o Día das Letras Galegas cunha sesión extraordinaria e pública dedicada a Antonio Fraguas Fraguas, que terá lugar ás 11:30 h na carballeira de Famelga, no concello de Cerdedo-Cotobade. No acto intervirán os/as académicos/as Clodio González Pérez, Fina Casalderrey e Francisco Díaz-Fierros Viqueira, así coma o presidente da institución, Víctor F. Freixanes, que será o encargado de pechar a sesión. Para coñecer máis sobre o autor homenaxeado, preme aquí.
15/05/2019. DINAMIZACIóN
O Equipo de Normalización Lingüística do IES María Casares de Oleiros, tras constatar que ningún dos 600 alumnos/as do centro era falante habitual de galego, deseñou a iniciativa “Desafío 48 h”. Despois dunha campaña de expectación previa, propúxoselle ao alumnado asinar un contrato de compromiso lingüístico durante 48 horas, onde podían escoller dous niveis: ProGalego (falar galego todo o tempo no IES) e ProGalegoPlus (usalo sempre, nos usos orais e escritos, dentro e fóra do IES). Arredor de 200 rapaces e rapazas adheríronse ao contrato (a maioría no nivel ProGalegoPlus) e a iniciativa está a desenvolverse na actualidade con grande acollida entre a comunidade educativa. Podes manterte ao día do desenvolvemento da campaña nas redes sociais (Twitter e Instagram) a través do cancelo #Desafío48h.
15/05/2019. AXUDAS E PREMIOS
A Deputación da Coruña publica, no BOP do 15 de maio de 2019, a resolución definitiva da convocatoria de subvencións a concellos e entidades locais da provincia da Coruña para a creación, mantemento e reforzo dos servizos de normalización lingüística (SNL) durante o ano 2019. Para consultar o texto completo da resolución, preme aquí.
15/05/2019. OUTRAS
A Secretaría Xeral de Política Lingüística (SXPL) anuncia as datas de realización das probas para a obtención dos certificados de lingua galega (niveis Celga 1, 2, 3 e 4), que foron convocadas ao abeiro da resolución publicada no DOG do pasado 25 de marzo. As datas son as seguintes: Celga 1 (16 de xuño), Celga 2 (15 de xuño), Celga 3 (8 de xuño en Ponferrada; 8 e 9 de xuño en Santiago); Celga 4 (1 e 2 de xuño). As sedes e horarios de realización das probas, así como as listaxes de persoas admitidas para cada nivel e localidade, poden consultarse no web da SXPL.
14/05/2019. DINAMIZACIóN
Un ano máis, as empresas alimentarias Velgasa-Eroski e Gadis súmanse con diferentes iniciativas á conmemoración do Día das Letras Galegas, no marco das súas actividades de responsabilidade social empresarial. Gadis homenaxea a Antonio Fraguas coa edición e distribución de 30.000 exemplares da obra Relatos da Ulloa, que inclúe 13 pezas curtas de autores galegos, así como de 30.000 marcapáxinas e 60.000 bolsas de papel con fragmentos da obra do autor homenaxeado. Pola súa parte, Vegalsa-Eroski, en colaboración coa Secretaría Xeral de Política Lingüística, festexará as Letras Galegas coa edición de 500 exemplares dunha lámina titulada Amor a Galicia e a distribución de 1.256.000 bolsas conmemorativas.
14/05/2019. OUTRAS
O Instituto Galego do Talento organiza hoxe, 14 de maio de 2019, unha mesa de redonda que leva por título “O galego no marketing e na comunicación”, na que profesionais das áreas de comunicación e mercadotecnia reflexionarán sobre o papel que xoga o galego nestes departamentos empresariais. No acto, que terá lugar ás 17:30 h no IESIDE da Coruña, participarán Xosé Luís Reza, presidente da Asociación Galega de Marketing; Ana Veiga, responsable de comunicación do grupo Galejobs; e Gloria Rodríguez, coordinadora de comunicación de Afundación.

