XXI ENCONTROS PARA A NORMALIZACIÓN LINGÜÍSTICA.

Encontro. Encontros para a normalización

XXI ENCONTROS PARA A NORMALIZACIÓN LINGÜÍSTICA.

Divulgación científica en Galicia: cal é o peso (atómico) do galego?

4 e 5 de abril de 2019
Santiago de Compostela
Encontro
Encontros para a normalización

XXI ENCONTROS PARA A NORMALIZACIÓN LINGÜÍSTICA.

Divulgación científica en Galicia: cal é o peso (atómico) do galego?

4 e 5 de abril de 2019 Santiago de Compostela

Con esta nova edición dos Encontros para a normalización lingüística iniciamos a terceira decena desta cita anual coas persoas interesadas pola situación da lingua galega e pola planificación tendente á súa normalización, sexa por razóns derivadas dos respectivos ámbitos laborais sexa por unha preocupación que nace do seu compromiso cívico.


Non é a primeira vez que nos Encontros agroma o tema da lingua en relación coa ciencia.  É inevitable batermos con el ao falarmos do ensino, tanto polo elenco de materias que se ensinan en galego coma polas carencias materiais detectadas en diversos campos do saber e niveis curriculares; mais tamén cando falamos dos usos e actitudes da mocidade, das carencias de oferta para as afeccións e o tempo libre, da visibilización da lingua en determinados ámbitos sociais e culturais, do seu emprego nos recursos audiovisuais e dixitais, etc.  Pero si é a primeira vez que colocamos o noso foco de maneira específica sobre este tema, e entre as moitas orientacións posibles escollemos a divulgación científica en lingua galega.


Na diagnose sobre a cultura galega realizada polo Consello da Cultura Galega en 2017, observouse que os temas de cultura científica e tecnolóxica ocupan un lugar pouco relevante entre os intereses informativos da poboación galega (algo superior en todo caso á media española), e isto debemos entendelo como un déficit cultural e, por tanto, un sinal de que cómpren medidas para o cambio.  Fronte a esas sombras, unhas poucas luces: a constatación de que Galicia é unha comunidade de referencia na produción de cultura científica, da man de particulares, colectivos independentes, asociacións de profesionais, universidades...; engádanse contribucións divulgadoras desde a radio, museos científicos, observatorios... e o portal do Consello da Cultura Galega. A Artesa de 2019 está chea de recursos agardándovos.


¿Como espertar o interese dos potenciais receptores e trasladar toda esa “efervesciencia” ao fardel cultural do conxunto da poboación? E... ¿en que lingua se está a producir ese despregue de actividade?, ¿ata que punto é este un campo de oportunidade para a lingua galega? Por iso, ao nos determos na presentación da situación da Divulgación científica en Galicia, nun momento que algúns consideran vizoso e esperanzador, preguntamos: Cal é o peso (atómico) do galego? (Vai no título unha chiscadela á efeméride que preside a cultura científica deste ano, co 150º aniversario da táboa periódica.)


O Consello da Cultura Galega ten como divisa desde as orixes traballar a prol dun concepto de cultura que contemple tanto a produción humanística coma a científica e tecnolóxica, sempre co fomento da lingua e a cultura galegas como principio irrenunciable. A súa moi activa Sección de Ciencia, Natureza, Tecnoloxía e Sociedade colabora nesta ocasión coa Comisión Técnica do CDSG no deseño desta xornada.  


Esta nova edición dos encontros é unha nova ocasión para a reflexión e o debate, para o intercambio de información e experiencias, para a presentación de  proxectos e propostas de futuro..., mais tamén para o reencontro e para estimular os afectos. 

ASISTENCIA

INSCRICIÓN
A inscrición é gratuíta.
O número de prazas é limitado (100 persoas).
As prazas cubriranse por rigorosa orde de inscrición.
Entregarase diploma acreditativo de asistencia aos Encontros.
Para obter o diploma é preciso asistir ao 75% das sesións.

LUGAR

LUGAR
Cidade da Cultura de Galicia
Edificio Biblioteca e Arquivo de Galicia
Auditorio Xosé Neira Vilas 
Monte Gaiás s/n
15707 Santiago de Compostela

MAÍS INFORMACIÓN

MÁIS INFORMACIÓN
www.consellodacultura.gal
difusion@consellodacultura.gal
Consulta os materiais en http://consellodacultura.gal/mediateca