Novas da lingua

Rexistros2041 a 2070 de 5280
02/04/2019. INVESTIGACIóN

A obra “Toponimia de Ames” súmase á colección Terra Nomeada

A Real Academia Galega, a Asociación Galega de Onomástica e o Concello de Ames presentan o vindeiro xoves, 4 de abril, a obra Toponimia de Ames, autoría de Xosé Ramón López Boullón. A publicación, que se inscribe na colección Terra Nomeada, explica a orixe de 116 nomes de parroquias e lugares habitados do municipio, así como doutros 13 topónimos de especial interese, como A Maía (que dá nome ao val e á comarca). O acto de presentación terá lugar no Pazo da Peregrina (Bertamiráns - Ames) ás 20:30 horas. Podes ampliar información premendo aquí.
01/04/2019. DINAMIZACIóN

O Galegote Rock enche Pontevedra de música en galego

O Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Pontevedra organiza a oitava edición do Galegote Rock, un programa de concertos que ten como obxectivos promover os grupos musicais que cantan en galego e crear espazos de uso para o noso idioma no ámbito do lecer. Nesta edición o festival celebrarase os días 25, 26 e 27 de abril en distintos locais pechados e espazos públicos da cidade. O programa inclúe catorce concertos dos seguintes intérpretes e grupos: Ela e Dylan, as Flores Solitarias; High Paw; Boyanka Kostova; Sr. Anido; Gancho Sanches; Marcelo Dobode; Pantis; Xeración Sónica; Manuele Caamagno; Grilo; Chicharrón; Oh! Ayatollah; Malandrómeda e Terbutalina. Podes manterte ao día das últimas novidades a través do Facebook da iniciativa.
01/04/2019. DINAMIZACIóN

Preséntase a terceira edición do proxecto Enreguéifate

Os servizos de normalización lingüística dos concellos de Ames, Santiago de Compostela e Teo presentan unha nova edición do proxecto Enreguéifate, que ten como obxectivo impulsar a improvisación oral en verso e contribuír a través dela á promoción do uso da lingua galega entre a mocidade. No marco deste proxecto convócase un certame de regueifas en vídeo, dirixido a alumnado de ensino non universitario e a público xeral. O prazo para participar no certame remata o 10 de xuño. Como actividades formativas complementarias, tamén se organizarán diferentes obradoiros de improvisación oral para o alumnado. Podes ampliar información premendo aquí.

29/03/2019. AXUDAS E PREMIOS

Axudas ás entidades locais para a promoción do galego

A Consellería de Cultura e Turismo da Xunta de Galicia publica as bases das subvencións destinadas á creación, mantemento ou reforzamento de servizos de normalización lingüística nas entidades locais, así como ao desenvolvemento de programas de dinamización lingüística. Poderán acollerse a estas axudas os concellos ou agrupacións de concellos con poboación igual ou superior aos 3.000 habitantes. O prazo de presentación de solicitudes é dun mes, contado a partir do día seguinte ao da publicación desta convocatoria.
25/03/2019. CURSOS E CONGRESOS

Congreso sobre as linguas amezadas da Península Ibérica

O Centro Interdisciplinar de Documentação Linguística e Social organiza o II Simposio Internacional “Línguas e variedades linguísticas ameaçadas na Península Ibérica”, que ten como obxectivo incentivar o debate interdisciplinario e divulgar o traballo de promoción e normalización da linguas ameazadas que se está desenvolvendo na Península Ibérica. As sesións terán lugar os días 4 e 5 de xullo de 2019 en Lisboa. O comité organizador convida a investidores/as que traballen no ámbito da diversidade lingüística na Península Ibérica a enviar a súa proposta de comunicación antes do vindeiro 31 de marzo. A data límite para formalizar a inscrición remata o 10 de xuño de 2019.
25/03/2019. OUTRAS

Probas para obter os certificados de lingua galega (Celga)

A Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia convoca as probas para a obtención dos certificados de lingua galega (niveis Celga 1, 2, 3 e 4) no ano 2019. As probas realizaranse ao longo do mes de xuño de 2019 en Santiago de Compostela e Ponferrada. O prazo de presentación de solicitudes é dun mes, contado a partir do día seguinte ao da publicación desta convocatoria.
22/03/2019. AXUDAS E PREMIOS

Axudas a entidades culturais da provincia de Pontevedra para a promoción do galego

A Deputación de Pontevedra publica as bases reguladoras da concesión de subvencións, dirixidas a entidades culturais sen fin de lucro da provincia de Pontevedra, para desenvolver actividades de promoción do galego durante o ano 2019. As accións subvencionables deben pertencer a algunha das seguintes tipoloxías: certames literarios e xornalísticos; creación audiovisual e literaria; feiras/eventos de promoción da creación en galego; estudos de sociolingüística; xornadas e publicacións sobre recuperación da toponimia; iniciativas de dinamización comercial en galego; iniciativas de conmemoración do Día das Letras Galegas, ou recoñecementos a persoas e colectivos que aposten polo galego. O prazo para a presentación de solicitudes remata o vindeiro 15 de abril.
21/03/2019. CURSOS E CONGRESOS

Un debate sobre lingua e xéneros pecha as xornadas Malas Linguas

A Deputación da Coruña ponlle o ramo ás Xornadas Malas Linguas cunha cuarta sesión que leva por título “Lingua e xéneros”, na que o fío condutor será o debate sobre a necesaria complementariedade entre as políticas lingüísticas e de xénero. Esta última xornada terá lugar o 12 de abril de 2019 no Pazo Provincial (A Coruña). Podes inscribirte de balde cubrindo este formulario. Se non asistiches ás sesións anteriores, tes ao teu dispor todos os vídeos das intervencións accesibles en Youtube.

20/03/2019. DINAMIZACIóN

Nova edición do Festival audiovisual escolar Olloboi

Chega a novena edición do Festival Audiovisual Escolar Olloboi, organizado pola Asociación Olloboi e dirixido a alumnado, profesorado e PAS de centros escolares de todos os niveis educativos (primaria, secundaria, bacharelato, formación profesional, universidade, escolas audiovisuais). Tamén poderán participar centros educativos de formación non regrada sempre e cando os traballos involucren a alumnado. Poden presentarse ao certame videocreacións (documental ou ficción) realizadas nos últimos tres anos, accesibles en Internet, de temática libre e cunha duración non superior aos 20 minutos. Se o precisas, na sección do seu web “Aprendo con Olloboi” atoparás diferentes recursos didácticos sobre as diferentes fases do proceso cinematográfico. O prazo para inscribir as propostas remata o 30 de abril. Podes consultar as bases completas premendo aquí.
18/03/2019. DINAMIZACIóN

Razóns para elixir o galego na declaración da renda

Ante a proximidade do inicio da “Campaña da Renda 2018”, que comeza o vindeiro 2 de abril de 2019, a Asociación de Funcionarios para a Normalización Lingüística presenta a iniciativa “Eu declaro [a renda] en galego. É lóxico. Por dereito”, que ten como obxectivo concienciar os/as contribuíntes para que escollan o galego cando presenten a súa declaración da renda. Os promotores da campaña queren que a cidadanía tome conciencia da importancia de exercer os seus dereitos lingüísticos ante a Administración, pois os dereitos que non se exercen están en maior risco de perderse. Podes manterte ao día de todas as novidades da iniciativa na súa páxina de Facebook.
15/03/2019. OUTRAS

Táboa periódica dos elementos en lingua galega

O Consello da Cultura Galega, a Secretaría Xeral de Política Lingüística, a Real Academia Galega de Ciencias, a Real Academia Galega e o grupo de investigación da USC CienciaNOSA presentaron a versión en galego da táboa periódica dos elementos, co gallo da conmemoración do 150 aniversario da súa publicación. Ademais da versión dixital, dispoñible na rede para a súa descarga, tamén se distribuirá entre a comunidade científica e educativa unha tiraxe de 13.000 exemplares en formato físico. Para obter máis información sobre esta iniciativa, preme aquí.
15/03/2019. DINAMIZACIóN

V Concurso “Quero Cantar” de música infantil e xuvenil en galego

A Deputación da Coruña convoca unha nova edición do concurso musical “Quero Cantar”, coa intención de fomentar o uso da lingua galega, así como a creatividade poética e musical. O certame está dirixido a solistas ou grupos musicais de ámbito galego, formados por rapaces e rapazas de ata 16 anos, que interpreten unha composición en galego con letra e música orixinais e inéditas. Establécense dúas categorías, segundo a idade dos participantes. Os cinco primeiros clasificados de cada categoría terán a oportunidade de gravar a súa canción en estudio, que será incluída nun CD colectivo. Os tres primeiros clasificados de cada categoría recibirán tamén como premio material musical e/ou produtos culturais en galego. O prazo para a presentación de solicitudes remata o 15 de outubro de 2019, ás 14:00 h. Para ampliar esta información, preme aquí.
14/03/2019. CURSOS E CONGRESOS

XXI Encontros para a Normalización Lingüística

Chega unha nova edición dos Encontros para a Normalización Lingüística, que nesta ocasión terá como fío condutor a divulgación científica en lingua galega. Convidámoste a que participes neste foro de debate e reflexión que terá lugar os días 4 e 5 de abril de 2019 na Cidade da Cultura de Galicia (Auditorio Xosé Neira Vilas). Igual ca en anos anteriores, volveremos destinar un espazo propio á presentación de iniciativas normalizadoras na Artesa 2019, a nosa mostra de recursos. Tamén manteremos un grupo de Facebook, que nos permitirá compartir información e iniciar o debate antes das sesións presenciais. A inscrición realizarase exclusivamente a través do formulario habilitado para este efecto e as prazas cubriranse por estrita orde de inscrición.
14/03/2019. DINAMIZACIóN

Tardes xogantinas para socializar en galego en Compostela

O Departamento de Lingua Galega do Concello de Santiago de Compostela presenta a actividade Tardes Xogantinas, unha iniciativa de lecer e socialización en galego dirixida a nenos e nenas de 3 a 6 anos, que se desenvolve no marco do Proxecto Apego. As actividades, guiadas por Xandobela, terán lugar todos os mércores ata o 26 de xuño, en horario de 18:00 a 19:30 horas, no Espazo Educativo e de Lecer María Miramontes (As Fontiñas). Para ampliar información, preme aquí.

14/03/2019. AXUDAS E PREMIOS

Convócase o X Premio Rosalía de Castro de Lingua

A Unidade Técnica de Normalización Lingüística da Deputación da Coruña convoca o X Premio “Rosalía de Castro” de Lingua 2019, que ten como obxectivo recoñecer o traballo de persoas, colectivos, asociacións ou entidades que destaquen polo seu compromiso coa promoción e dignificación do noso patrimonio lingüístico. Establécense dúas categorías, unha para recoñecer o labor de promoción da lingua galega de persoas, colectivos ou asociacións, e outra para premiar o traballo específico cos sectores da infancia e a mocidade. A dotación económica do premio é de 3.000 euros para cada unha das categorías. O prazo de presentación das candidaturas remata o 30 de maio.
13/03/2019. OUTRAS

Colección de suplementos temáticos para correctores

O Servizo de Normalización Lingüística da Universidade de Santiago de Compostela presenta unha colección de
suplementos temáticos para correctores ortográficos
, que permiten ampliar o dicionario xeral que usa por defecto o corrector e engadir terminoloxía técnica centrada nunha determinada área de especialidade. A colección bota a andar cos dicionarios personalizados para as áreas de economía e empresa e de dereito, e irase completando cos dos restantes ámbitos. Os suplementos temáticos da USC funcionan en contornas Windows, Linux e macOS (Apple). O SNL da USC tamén elaborou un breve vídeo titorial para facilitar as tarefas de instalación.
13/03/2019. AXUDAS E PREMIOS

II Premio Morales para a promoción da lingua galega no Bierzo e Sanabria

No marco das XI Xornadas Martín Sarmiento, que tiveron lugar o pasado 11 de marzo, presentouse o II Premio Morales para a Promoción da Lingua Galega no Bierzo e Sanabria, promovido por Edicións Positivas, o Grupo As Médulas para a Lingua e Cultura Galegas do Bierzo, A Xunta de Galicia, a Junta de Castilla y León, o Consejo Comarcal de El Bierzo, O Instituto de Estudios Bercianos, a Real Academia Galega e os concellos de Corullón e Lubián. O premio está dirixido ao alumnado do “Programa de Promoción da Lingua Galega no Bierzo e Sanabria” (categorías A e B); e ao alumnado de galego e portugués da Escola Oficial de Idiomas de Ponferrada e á poboación adulta do Bierzo e Sanabria (categoría C). Os/as participantes deben elaborar unha ilustración ou creación literaria a partir do poema “O fiandón da aldea”, de Antonio Fernández Morales. O prazo para a presentación de traballos remata o 15 de outubro de 2019. As obras premiadas serán recollidas nunha publicación. O acto de entrega dos premios terá lugar o 30 de novembro en Corullón.
11/03/2019. EMPREGO

Bolsas de investigación na área de planificación sociolingüística

A Deputación Provincial da Coruña publica a convocatoria de bolsas de investigación para o ano 2019, entre as que se inclúen dúas bolsas para investigar na área de planificación sociolingüística da lingua galega. A convocatoria está dirixida a persoas con titulación universitaria (licenciatura, diplomatura, grao ou equivalente) que residan en calquera concello da provincia da Coruña. O prazo de presentación de solicitudes remata o 5 de abril de 2019, ás 14:00 h. Para consultar o texto completo da convocatoria, preme aquí.
11/03/2019. EMPREGO

Prazas de profesor/a de lingua galega no IES Rafael Puga Ramón

A Deputación da Coruña publica as bases da convocatoria para a cobertura de 3 prazas de profesor/a de secundaria, especialidade Lingua Galega (fucionario/a, subgrupo A1), no IES Rafael Puga Ramón. O sistema de selección será o de concurso-oposición. Os/as aspirantes deberán estar en posesión da licenciatura en Filoloxía Galega ou Filoloxía Hispánica (subsección de Galego-Portugués), ou do título de grao equivalente. O prazo de presentación de solicitudes é de 20 días naturais desde a publicación do anuncio no BOE.

11/03/2019. EMPREGO

Prazas para profesorado de ensino secundario da especialidade de Lingua Galega e Literatura

A Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional publica a convocatoria do procedemento selectivo para ingreso e acceso ao corpo de profesorado de ensino secundario. Entre as prazas ofertadas inclúense 60 para a especialidade de Lingua Galega e Literatura. O proceso de selección será o de concurso-oposición. O prazo de presentación de solicitudes é de quince días hábiles computados a partir do día seguinte ao da publicación da convocatoria.
05/03/2019. CURSOS E CONGRESOS

XI Xornadas Martín Sarmiento

A Comisión Cultural Martín Sarmiento, en colaboración coa Xunta de Galicia, A Junta de Castilla y León, a Real Academia Galega, o Instituto de Estudios Bercianos, o Consejo Comarcal del Bierzo, o Grupo As Médulas e os concellos de Corullón e Vilafranca do Bierzo, organizan as XI Xornadas Martín Sarmiento, que terán lugar o vindeiro 11 de marzo de 2019 e nesta edición están dedicadas aos concellos galegofalantes do Bierzo. As xornadas están deseñadas como un encontro para o intercambio de experiencias entre o alumnado dos centros adscritos ao Programa de promoción da lingua galega no Bierzo e Sanabria. No seu transcurso presentarase tamén a II edición dos Premios Morales, dirixidos a este mesmo alumnado.
04/03/2019. CURSOS E CONGRESOS

XXXII Cursos de verán de lingua e cultura galegas

A Real Academia Galega, coa colaboración da Secretaría Xeral de Política Lingüística, o Instituto da Lingua Galega da Universidade de Santiago e a Deputación da Coruña, organiza a XXXII edición dos Cursos de verán de lingua e cultura galegas, dirixidos preferentemente a alumnado e profesorado universitario vinculado aos centros de estudos galegos do exterior, aínda que tamén están abertos a calquera persoa maior de idade de fóra de Galicia interesada no noso idioma. Os cursos, que se desenvolverán entre os días 2 e 24 de xullo de 2019, contan con diferentes niveis (elemental, medio e superior). O prazo de inscrición remata o 5 de abril de 2019.
25/02/2019. DINAMIZACIóN

Programación institucional para festexar as Letras Galegas 2019

A Xunta de Galicia, a Real Academia Galega, o Museo do Pobo Galego e o Consello da Cultura Galega, en colaboración con diferentes concellos, entidades culturais e empresas, presentan o programa conxunto de actividades para homenaxear a Antonio Fraguas Fraguas, persoeiro ao que se lle dedica o Día das Letras Galegas 2019. O programa inclúe exposicións, actividades musicais e audiovisuais, iniciativas de participación social (certames, contacontos, obradoiros...), actividades académicas e propostas variadas para o ámbito educativo. No que respecta ao Consello da Cultura Galega, organizará o seu tradicional Concerto das Letras, editará unha publicación conmemorativa con textos de Antonio Fraguas, programará un roteiro cultural polas terras de Cotobade e colaborará (xunto coa Xunta de Galicia e o Museo do Pobo Galego) na organización dun simposio sobre a vida e obra do autor homenaxeado.
22/02/2019. DINAMIZACIóN

O tecido cultural e educativo galego homenaxea a Rosalía

Desde 2010, a Asociación de Escritores en Lingua Galega (AELG) promove que cada 24 de febreiro se conmemore o Día de Rosalía de Castro, figura clave na reivindicación e prestixio do idioma galego no século XIX, convidando á cidadanía a agasallar un libro en galego e unha flor neste día. A maiores, diferentes institucións, entidades culturais e centros de ensino do país promoven tamén actividades e actos de homenaxe. A Asociación de Escritores en Lingua Galega organizará o seu acto central o vindeiro domingo, 24 de febreiro, no Panteón de Galegos Ilustres. No web da AELG podes manterte ao día de todo o relacionado con esta celebración.
22/02/2019. DINAMIZACIóN

Chega a Pontevedra unha nova edición de “Ben veñas, maio”

O Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Pontevedra e mais a Coordinadora de Equipos de Normalización e Dinamización da Lingua Galega dos IES e CIFP de Pontevedra organizan unha nova edición do programa Ben veñas, maio, dirixido ao alumnado matriculado nos institutos públicos do concello. O alumnado ten de prazo ata o 23 de abril para participar en diferentes certames: banda deseñada, narración curta, fotografía, poesía, curtametraxe e videoclip musical. A maiores, durante os días 7, 8 e 9 de maio celebrarase no Teatro Principal a XXIII Semana Teatral, onde se amosará o traballo realizado polos grupos de teatro dos institutos ao longo do curso.
21/02/2019. OUTRAS

21 de febreiro: Día Internacional da Lingua Materna

A UNESCO conmemora hoxe, 21 de febreiro, o Día Internacional da Lingua Materna, unha celebración instaurada en 1999 que chega á súa vixésima edición. Neste día celebramos a riqueza que supón a diversidade lingüística do planeta, con programas e actividades destinadas a preservar este patrimonio e a promover o plurilingüismo. A directora xeral da UNESCO, Audrey Azoulay, fai especial énfase este ano na súa mensaxe institucional no papel das linguas maternas como vehículo para construír a paz e fomentar o desenvolvemento sostible. Tendo en conta que este ano 2019 é o Ano Internacional das Linguas Indíxenas, a Unesco decidiu dedicar tamén esta vixésima edición do Día Internacional da Lingua Materna ás linguas indíxenas, convidando a todos os estados membros a que recoñezan e fagan efectivos os dereitos dos pobos que as falan.

20/02/2019. CURSOS E CONGRESOS

Curso de sociolingüística cuantitativa no ILG

O Instituto da Lingua Galega (ILG) e o Grupo de Investigación Filoloxía e Lingüística Galega (FILGA) da Universidade de Santiago de Compostela organiza o curso Sociolingüística cuantitativa: presupostos teóricos e análise de datos no programa Goldvarb, que terá lugar os días 25, 26 e 27 de febreiro de 2019 na Sala de Conferencias do Instituto da Lingua Galega (Santiago de Compostela). O curso será impartido pola profesora Márluce Coan, da Universidade Federal do Ceará. A matrícula é gratuíta e as prazas (20) cubriranse por orde de inscrición. Podes ampliar información premendo aquí.
19/02/2019. OUTRAS

Só o 22,5% da docencia da USC se imparte en galego

O Servizo de Normalización Lingüística da Universidade de Santiago publica no último número d´O Cartafol dixital os datos sobre usos lingüísticos na actividade docente no curso 2018-2019. En termos xerais, impártese en castelán o 73,69% das horas docentes, en galego o 22,57% e noutras linguas (inglés, portugués…) o 2,74%. No mesmo número ofrécese información detallada sobre usos lingüísticos segundo o tipo de titulación (grao, mestrado, licenciatura), ou o departamento e a categoría do persoal docente e investigador. Así mesmo, tamén podes consultar a evolución dos usos lingüísticos nos últimos anos.

19/02/2019. CURSOS E CONGRESOS

Cursos preparatorios para obter os certificados Celga

A Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia anuncia a convocatoria de cursos de lingua galega preparatorios das probas para obter os certificados Celga 1, Celga 2, Celga 3 e Celga 4, tanto na modalidade presencial como de teleformación. Estes cursos poderán ser solicitados por todas as persoas maiores de dezaseis anos ou por aquelas que os fagan no ano 2019. O prazo para a presentación das solicitudes será de 20 días naturais, contados a partir do día seguinte ao da publicación da convocatoria (corrección de erros).
18/02/2019. DINAMIZACIóN

Constitúese a Asociación de Entidades Locais pola Lingua

O pasado venres, 15 de febreiro de 2019, constituíuse formalmente a Asociación de Entidades Locais pola Lingua, formada inicialmente por 15 concellos galegos: Ames, A Baña, A Coruña, Ferrol, O Grove, Moaña, Narón, Ponteceso, Pontevedra, Rianxo, Ribadeo, Rois, Santiago de Compostela, Teo e Vilagarcía. O obxectivo da entidade é desenvolver proxectos de normalización lingüística de xeito conxunto, co ánimo de acadar unha xestión máis eficaz. A asociación está aberta a novas incorporacións. O requisito para os novos concellos que desexen integrarse é desenvolver políticas de normalización lingüística e contar no organigrama cunha unidade técnica para executalas. Podes ampliar información premendo aquí.