Preséntase a táboa periódica en galego na xornada que celebra os 150 anos da súa publicación

Cal é a relación da táboa periódica con Youtube? E coa música? Ou coas mulleres? E que achegou Galicia ao sistema periódico? As respostas a estas preguntas están na xornada que terá lugar mañá no Consello da Cultura Galega e que se titula “O ano internacional do sistema periódico: reflexións desde Galicia”. A cita está coordinada por Manuel Bermejo, Ana González e Marcelino Maneiro e inclúe un fito importante: a presentación da táboa periódica en galego. Rosario Álvarez, presidenta do Consello da Cultura Galega, vai inaugurar esta cita xunto con Valentín García, secretario xeral de Política Lingüística. A xornada retransmitirase en directo no noso web.
Conéctate co Consello da Cultura Galega en Facebook, Twitter ou comparte esta nova:

“A intención desta xornada é facer unha reflexión desde Galicia dun feito tan importante para a sociedade como foi a publicación hai 150 anos da táboa periódica por Dimitri Mendeleev” explica Manuel Bermejo, un dos coordinadores deste encontro. Aquel feito supuxo “que por primeira vez se ordenaban os 63 elementos químicos que eran coñecidos e permitiulle a Mendeleev decatarse que a táboa era periódica, é dicir, que estaban colocados de tal xeito que tiñan periodicidade no seu comportamento e nas súas propiedades”. Eses elementos ordenados deixaban tras de si unha serie de ocos e Mendeleev vaticinou que debían estar ocupados por elementos e había que buscalos. E así foi. Mendeleev fixo a predición en 1869 e en 1875 Paul Émile Lecoq de Boisbaudran descubriu o galio. “A descuberta confirmou as sospeitas de Mendeleev e, ademais, permitiu a posibilidade aos químicos de facer máis química”, asegurou o coordinador.

Do Youtube á aula pasando polo xénero: outros achegamentos ao sistema periódico
A xornada ten un marcado carácter divulgativo e pretende dar a coñecer a relevancia e a utilidade da táboa periódica a través de perspectivas e enfoques pouco explorados. Isabel Pintos falará da música dos elementos químicos, Ánxel Gómez e Xosé Vázquez expoñerán como está explicada e difundida en Youtube e María Xosé Romero fará o mesmo pero desde unha perspectiva de xénero. Pola súa parte, Manuel Vicente dará conta de como divulgar o sistema periódico hoxe en día.
En decembro de 2018 incorporáronse 4 novos elementos á táboa, os 113, 115, 117 e 118, sobre os que falará Marcelino Maneiro, mentres que Sergio Casas se centrará nun só: “o mercurio, un elemento con moitas facianas”. Sobre a necesidade de adaptación da táboa para a aula ou a súa utilidade haberá dous relatorios. Un de Ana González titulado “As predicións de Mendeleev no sistema periódico e a súa utilidade na aula hoxe” e outro de Manuel Bermejo que se chama “O sistema periódico na didáctica dunha aula de química”.

Esa reflexión desde Galicia inclúe tamén botar a vista atrás e Ramón Cid Manzano analizará a clasificación dos elementos no ensino da química en Galicia no século XIX. Un relatorio no que se falará tamén de Antonio Casares, quen, xunto con Tomás Batuecas, foi un dos grandes persoeiros da ciencia galega que tiveron que ver co sistema periódico. Se Casares foi o primeiro catedrático de química da USC, Batuecas foi presidente da comisión internacional da IUPAC (International Union of Pure and Applied Chemistry), entidade que celebra este ano o seu centenario.
O programa comeza co relatorio de Xabier Cid Vidal que exporá a nucleosíntense dos elementos químicos do sistema periódico.

A presentación da táboa periódica en galego
No marco da xornada, ás 12:00 horas, presentarase a tradución ao galego da táboa periódica e o libro “Guía dos elementos químicos” de Ana González Noya, Manolo Bermejo e Marcelino Maneiro. Estarán presentes Rosario Álvarez, presidenta do Consello da Cultura Galega, e Víctor Freixanes, presidente da Real Academia Galega. Da táboa periódica en galego editáronse 13.000 exemplares que están en diferentes formatos (1.000 pósters, 2.000 A4 e 10.000 A5) e difundiranse entre centros educativos e sociedades de ámbito científico.

Sección de Ciencia, Natureza, Tecnoloxía e Sociedade
A Sección de Ciencia, Tecnoloxía, Natureza e Sociedade está coordinada por Elena Vázquez Cendón e nos próximos meses poñerá o foco nunha cuestión de máxima actualidade como é unha xornada arredor do problema da velutina en Galicia, en colaboración coa Academia de Ciencias Veterinarias de Galicia. Ademais, a vixésimo primeira edición dos Encontros para a Normalización Lingüística poñerán este ano o foco na divulgación científica en galego.
A ciencia formou parte das actividades do Consello da Cultura Galega desde o seu nacemento. Isto concretouse no fomento de xornadas arredor destas materias pero tamén na busca de proxectos e iniciativas encamiñados a conseguir unha maior divulgación científica. Nesta liña de accións destacamos a edición dunha serie de varias bandas deseñadas como “¿De quen é a auga?” (2000), “O sabor das mazás” (2010), “Parando a marea negra” (2003) ou “Vivir no solo” (con edición en galego, castelán, catalán e inglés). Máis recentemente, a Sección publicou a primeira tradución da teoría da relatividade de Albert Einstein en lingua galega, ou o informe “A divulgación da ciencia en Galicia”, que compila a variedade e calidade de iniciativas que existen no noso país para a difusión do coñecemento científico. Ángel Carracedo, Jorge Mira, Xurxo Mariño ou Marilar Aleixandre son algúns dos membros desta Sección.

Outras noticias que te poden interesar: