Novas da lingua

Rexistros2071 a 2100 de 5145
02/05/2019. DINAMIZACIóN

Maio, mes da lingua en Pontevedra

O Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Pontevedra presenta a nova edición do programa Maio, mes da lingua, sumándose así aos actos conmemorativos do Día das Letras Galegas que ao longo deste mes terán lugar por todo o país. O programa, organizado en colaboración con diferentes centros de ensino e entidades asociativas, inclúe música, teatro, cinema, andainas, xogos, obradoiros, etc. Podes consultar o programa completo premendo aquí.
29/04/2019. DINAMIZACIóN

Preséntase a oitava edición do certame “Somos a curta!”

A Comisión de Normalización Lingüística da Facultade de Ciencias da Comunicación da USC convoca os VIII Premios “Somos a curta!”, que premian as mellores pezas audiovisuais curtas en galego do cinema do real. Esta iniciativa ten como obxectivo fomentar a análise da realidade galega e promover o uso da lingua galega nos novos valores do audiovisual. O certame está destinado ao alumnado das universidades galegas, das titulacións impartidas nas escolas oficiais de Imaxe e Son ou da titulación de bacharelato artístico de calquera dos institutos de educación secundaria de Galicia. O xurado outorgará dous premios, de 500 e 250 euros respectivamente, e diploma honorífico. Haberá tamén un premio do público, dotado dun diploma honorífico. O prazo de presentación das propostas remata o 11 de outubro de 2019.
29/04/2019. EMPREGO

Contrato de tradutor/a de galego na Deputación de Ourense

A Deputación Provincial de Ourense publica as bases do proceso selectivo para a contratación, como persoal laboral temporal, dun/unha tradutor/a de galego. O contrato terá unha duración máxima de tres meses. O proceso de selección será o concurso de méritos. Os/as aspirantes deben estar en posesión da licenciatura en Filoloxía Galega, Filoloxía Hispánica (subsección de Galego-Portugués) ou Filosofía e Letras (sección Filoloxía Hispánica, subsección Galego-Portugués); algún dos seguintes graos: Ciencias da Linguaxe e Estudos Literarios (galego e español); Estudos de Galego e Español; Galego e Portugués: Estudos Lingüísticos e Literarios; Lingua e Literatura Galegas, ou licenciatura/grao en Tradución e Interpretación (formación en galego e castelán), ou equivalentes. O prazo para a presentación de solicitudes é de 5 días naturais, contados a partir do seguinte ao da publicación da convocatoria.

29/04/2019. EMPREGO

Bolsas de colaboración no Consello da Cultura Galega

O Consello da Cultura Galega publica a convocatoria de 5 bolsas de colaboración en proxectos de investigación que se están a desenvolver nesta entidade. Trátase de proxectos adscritos ás seguintes áreas: Área de Publicacións (1 bolsa), Área de Documentación (2 bolsas) e Área de Comunicación (2 bolsas). A duración de cada unha das bolsas será de sete meses. A data estimada de comezo é o 1 de xuño de 2019 e a de remate, en calquera caso, o 31 de decembro de 2019. O prazo de presentación de solicitudes é dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación desta convocatoria.
26/04/2019. OUTRAS

Un filme en galego competirá por primeira vez no Festival de Cannes

O idioma galego chega por primeira vez ao Festival de Cannes da man do cineasta Oliver Laxe, que na edición deste ano 2019 competirá na sección “Un Certain Regard” co seu terceiro filme “O que arde”, que se proxectará na súa versión orixinal en lingua galega. A película, rodada integramente en Galicia e ambientada nos Ancares, trata sobre os incendios forestais. A 72ª edición do Festival de Cannes celebrarase entre os días 14 e 25 de maio. A estrea nas salas de O que arde está prevista para finais de 2019, con distribución de Numax.
25/04/2019. DINAMIZACIóN

Chega a terceira tempada das Sesións Destelo

O grupo vigués Bakarrá! e o seu tema NeoRural inauguran a terceira tempada das Sesións Destelo, un proxecto cultural en Internet que ten como obxectivo dar a coñecer bandas e solistas que fan música en galego. Esta terceira tempada completarase nas vindeiras semanas con outras cinco actuacións en contornas especiais, con versións diferentes ás que o público está acostumado a escoitar nas salas de concertos ou nos festivais. Podes ampliar información premendo aquí.
25/04/2019. AXUDAS E PREMIOS

Resólvense as axudas para a promoción do galego na Administración local de Pontevedra

A Deputación Provincial de Pontevedra publica a resolución da convocatoria de subvencións para a dinamización lingüística nos concellos e outras entidades locais da provincia. O obxecto destas axudas é a creación ou mantemento de servizos de normalización lingüística (SNL), así como o desenvolvemento de programas de dinamización do galego. Consulta a listaxe de beneficiarios aquí.
24/04/2019. CURSOS E CONGRESOS

Xornadas sobre divulgación científica en galego en Marín

A asociación Queremos Galego Marín organiza as Xornadas da Ciencia en Galego, que terán lugar os días 3 e 31 de maio e 7 de xuño de 2019 no Museo Manuel Torres en Marín. O obxectivo principal é combater aqueles prexuízos lingüísticos que instalan no imaxinario colectivo a idea de que o galego non é un idioma válido para a ciencia. Nas xornadas participarán Manuel Vicente, director do programa de radio Efervesciencia; David Domínguez, responsable do blog RedMeteo; e Dositeo Veiga, redactor da páxina web Ceos Galegos. Como remate celebrarase unha saída nocturna para fotografar as estrelas e a vía láctea desde a Lagoa de Castiñeiras.


22/04/2019. CURSOS E CONGRESOS

Xornadas sobre recursos educativos en galego

O Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Vigo organiza as Xornadas sobre recursos educativos para traballarmos en galego, dirixidas ao profesorado de todas as etapas educativas e aos membros dos equipos de dinamización da lingua galega dos centros de ensino de Vigo. O obxectivo é dar a coñecer proxectos ou recursos didácticos que poidan contribuír a normalizar o uso da lingua galega no ensino. As sesións terán lugar os días 2, 3 e 9 de maio de 2019 no Verbum (Vigo). O prazo de inscrición comeza o vindeiro 24 de abril.
17/04/2019. DINAMIZACIóN

Inaugúrase a exposición “Antonio Fraguas, memoria dun soño”

O pasado 15 de abril tivo lugar na biblioteca Ánxel Casal de Santiago de Compostela a inauguración da exposición “Antonio Fraguas, memoria dun soño. Viaxe a unha Galicia orgullosa de si mesma”, organizada pola Xunta de Galicia no marco da programación institucional Letras Galegas 2019. A mostra está conformada por doce paneis nos que se explican os aspectos máis relevantes da vida, obra e contexto social de Antonio Fraguas. A exposición, de carácter itinerante, poderá visitarse ao longo dos vindeiros meses noutras once localidades galegas. Podes ampliar información premendo aquí.

12/04/2019. INVESTIGACIóN

Investigadores do eido da Física calculan a velocidade do cambio lingüístico en Galicia

Catro investigadores do campo da Física acaban de publicar na revista Nature Communications o estudo “Urbanity and the dynamics of language shift in Galicia” no que, a través dunha serie de ecuacións matemáticas, se calcula a velocidade do cambio lingüístico en vinte áreas xeográficas galegas con diferente grao de urbanización. O estudo, asinado por Mariamo Mussa, Luís F. Seoane, Alberto P. Muñuzuri e Jorge Mira, conclúe que a velocidade de variación no uso dos dous idiomas (galego e castelán) é máis rápida nas zonas rurais ca nas urbanas, o que leva a pensar aos investigadores que o efecto globalizador dos espazos urbanos, lonxe de contribuír á homoxeneización lingüística, pode axudar a manter a diversidade. No xornal Gciencia podes ampliar información.
12/04/2019. OUTRAS

Varias entidades culturais presentan un manifesto a prol da pluralidade lingüística

O pasado mércores, 10 de abril, presentouse simultaneamente en Pontevedra, Barcelona, Valencia e Donostia o Manifesto a prol da pluralidade lingüística: liberdade, igualdade, democracia, que promoven diferentes entidades culturais do Estado español, como son A Mesa pola Normalización Lingüística, Kontseilua, Ómnium Cultural, Ciemen, Plataforma per la Llengua, Acció Cultural del País Valencià, Nogará e Iniciativa pel Asturianu. No manifesto reivindícase o cumprimento dos acordos e tratados internacionais relacionados coa protección de linguas minorizadas, así como a igualdade de dereitos para toda cidadanía, tendo en conta que o 45% dos cidadáns do Estado español viven en territorios con lingua propia diferente do castelán. Se o desexas, podes adherirte ao manifesto nesta ligazón.
12/04/2019. CURSOS E CONGRESOS

XI Curso de Verán de Lingua e Cultura Galegas para Persoas de Fóra de Galicia

O Servizo de Normalización Lingüística da Universidade da Coruña convoca, en colaboración coa Secretaría Xeral de Política Lingüística, o XI Curso de Verán de Lingua e Cultura Galegas para Persoas de Fóra de Galicia. O curso, de 80 horas lectivas, conta con dous niveis de formación, un nivel elemental (A1-A2) e un nivel intermedio (B1-B2). As sesións impartirase entre o 1 e 23 de xullo de 2019 na Universidade da Coruña. O prazo para formalizar a inscrición remata o 10 de maio.
11/04/2019. DINAMIZACIóN

Queremos Galego reivindica “liberdade, igualdade e xustiza” para o galego

A plataforma cidadá Queremos Galego, que agrupa a persoas e colectivos sociais de diversos ámbitos, presenta a convocatoria das manifestacións do vindeiro 17 de maio, que coincidindo coa festividade do Día das Letras Galegas reivindicarán “liberdade, igualdade e xustiza” para o galego. As manifestacións convocaranse de xeito simultáneo, o 17 de maio ás 12 horas, en diferentes cidades e vilas galegas baixo o lema “Máis que nunca, Queremos Galego”. Nesta edición faise especial énfase na importancia que teñen para a normalización do galego os servizos municipais de normalización lingüística, os usos lingüísticos das empresas concesionarias de servizos públicos ou a formación do funcionariado. Para ampliar a nova, preme aquí.
11/04/2019. AXUDAS E PREMIOS

Resolución das axudas para SNL da provincia da Coruña

A Deputación da Coruña publica a resolución provisional das subvencións a concellos e entidades locais da provincia da Coruña para a creación, mantemento e reforzo dos servizos de normalización lingüística durante o ano 2019. A partir do día seguinte á publicación desta resolución, os solicitantes teñen un prazo de 10 días hábiles para comunicar, se fose o caso, a desistencia da solicitude. De non tramitar a desistencia no citado prazo, enténdese que aceptan a axuda. Para consultar o texto completo da resolución, preme aquí.

10/04/2019. INVESTIGACIóN

A colección Terra Nomeada medra con catro novos volumes

A Real Academia Galega e a Asociación Galega de Onomástica presentan os catro novos volumes que se incorporan á colección Terra Nomeada, creada para recompilar e estudar os nomes de lugar habitados e algúns dos principais accidentes xeográficos dos concellos de Galicia. As publicacións que se suman á colección son: Toponimia da Estrada, de Fernando Cabeza Quiles, Toponimia de Ames, de Xosé Ramón López Boullón, Toponimia de Bogonte e Rábade, de Paulo Martínez Lema, e Toponimia de Trabada, de Xulia Marqués Valea. Podes ampliar información sobre esta nova premendo aquí.
09/04/2019. DINAMIZACIóN

O Correlingua 2019 reivindica que o galego é a formula

O pasado venres, 5 de abril de 2019, tivo lugar a presentación da nova edición do Correlingua, actividade lúdico-didáctica organizada pola CIG-Ensino, A Mesa pola Normalización Lingüística e a Asociación Socio-Pedagóxica Galega (AS-PG), que este ano se desenvolverá baixo o lema “O galego é a fórmula”. A iniciativa, deseñada para que o alumnado de todos os ciclos educativos reivindique publicamente o uso do galego, inclúe a convocatoria de diferentes concursos escolares, a organización dunha carreira reivindicativa e a celebración dunha festa final con actuacións musicais e teatrais. O Correlingua 2019 comezará o vindeiro 2 de maio en Cangas e rematará, despois de percorrer diferentes cidades e vilas do país, o 16 de maio en Pontevedra.
09/04/2019. OUTRAS

O audiovisual en galego chega a Netflix

Netflix, a coñecida plataforma de contidos multimedia por Internet, acaba de incorporar ao seu catálogo a serie “O sabor das margaridas”, que se ofrece na súa versión orixinal en galego e, a maiores, na versión dobrada ao español, converténdose deste xeito na primeira produción en lingua galega que oferta a plataforma. Trátase dunha serie de suspense de 6 capítulos de duración, dirixida por Miguel Conde e protagonizada por María Mera, Toni Salgado e Miquel Insua. No xornal Código Cero podes obter máis información sobre esta nova.
09/04/2019. EMPREGO

Contrato de tradutor/a de galego na Deputación de Ourense

A Deputación Provincial de Ourense publica as bases do proceso selectivo para a contratación, como persoal laboral temporal, dun/unha tradutor/a de galego. O contrato terá unha duración máxima de tres meses. O proceso de selección será o concurso de méritos. Os/as aspirantes deben estar en posesión da licenciatura en Filoloxía Galega, Filoloxía Hispánica (subsección de Galego-Portugués) ou Filosofía e Letras (sección Filoloxía Hispánica, subsección Galego-Portugués); ou dalgún dos seguintes graos: Ciencias da Linguaxe e Estudos Literarios (galego e español); Estudos de Galego e Español; Galego e Portugués: Estudos Lingüísticos e Literarios; Lingua e Literatura Galegas, ou equivalentes. O prazo para a presentación de solicitudes é de 5 días naturais, contados a partir do seguinte ao da publicación da convocatoria.
04/04/2019. INVESTIGACIóN

Guía didáctica sobre os procesos sociolingüísticos en Moaña

A Área de Normalización Lingüística da Universidade de Vigo e a Deputación de Pontevedra presentan os resultados do traballo sociolingüístico que leva por título Lingua e sociedade. Guía didáctica sobre os procesos sociolingüísticos en Moaña, elaborado por Martín Vázquez e Rubén Moralejo, da Universidade de Vigo. Trátase dunha ferramenta en formato web deseñada para achegarlle á comunidade educativa contidos didácticos, de carácter teórico e práctico, relacionados co ámbito da sociolingüística, exemplificándoos con discursos e experiencias persoais dalgúns moañeses e moañesas. O obxectivo principal é fomentar no alumnado unha visión informada, realista e crítica sobre a situación social da lingua en Galicia, e máis en concreto, no concello de Moaña.
03/04/2019. DINAMIZACIóN

Novos espazos de socialización para unha mocidade #SenCancelas

A Concellería de Mocidade e o Departamento de Lingua Galega do Concello de Santiago de Compostela presentan #SenCancelas, un proxecto de intervención socioeducativa dirixido á mocidade compostelá, que ten como obxectivo crear espazos de socialización en galego nos que a rapazada poida desenvolver as súas habilidades e capacidades persoais. Os participantes poderán realizar o seu propio proxecto creativo (montar un podcast, crear un videoxogo, gravar un disco de hip-hop, publicar un cómic, ter a súa canle de Youtube...) colaborando de forma autónoma con iguais. O programa #SenCancelas desenvolverase os luns de 18:00 a 20:00 horas no Centro Xove da Almáciga, desde o 22 de abril ao 15 de xullo e do 2 de setembro ao 16 de decembro. O prazo de inscrición remata o 15 de abril.
03/04/2019. OUTRAS

Homenaxe a Xabier P. Docampo no Festival “Falando a boca chea”

O Servizo de Normalización Lingüística do Concello da Coruña organiza unha homenaxe a Xabier P. Docampo (mestre, escritor e recoñecido activista na defensa da lingua e cultura galegas), finado na Coruña o 26 de xuño de 2018. A homenaxe consistirá nunha sesión conxunta de narración oral, que terá lugar o martes 9 de abril, ás 20:00 h, no Fórum Metropolitano, no marco da terceira edición do Festival de Narración Oral “Falando a boca chea”. Na sesión de homenaxe participarán Caxoto, Charo Pita e Soledad Felloza. A entrada é de balde. Podes ampliar información premendo aquí.
02/04/2019. AXUDAS E PREMIOS

Convócanse os Premios Mil Primaveras

A Coordinadora de Traballadores/as de Normalización da Lingua (CTNL) convoca os Premios Mil Primaveras, co obxectivo de recoñecer e difundir accións, campañas, programas e proxectos destinados ao fomento da lingua galega e ao incremento do seu uso e prestixio. Premiaranse proxectos que tivesen vixencia, total ou parcialmente, en 2017, 2018 ou 2019. O xurado outorgará un premio por cada unha destas seis categorías: “mellor proxecto estabilizado”, “mellor proxecto novo”, “mellor comunicación e impacto”, “proxecto máis innovador”, “fomento do galego na infancia e/ou mocidade” e “fomento do galego nun ámbito sectorial”. O prazo para a inscrición das iniciativas, que debe ser feita pola propia entidade organizadora, remata o 17 de maio de 2019.
02/04/2019. INVESTIGACIóN

A obra “Toponimia de Ames” súmase á colección Terra Nomeada

A Real Academia Galega, a Asociación Galega de Onomástica e o Concello de Ames presentan o vindeiro xoves, 4 de abril, a obra Toponimia de Ames, autoría de Xosé Ramón López Boullón. A publicación, que se inscribe na colección Terra Nomeada, explica a orixe de 116 nomes de parroquias e lugares habitados do municipio, así como doutros 13 topónimos de especial interese, como A Maía (que dá nome ao val e á comarca). O acto de presentación terá lugar no Pazo da Peregrina (Bertamiráns - Ames) ás 20:30 horas. Podes ampliar información premendo aquí.
01/04/2019. DINAMIZACIóN

O Galegote Rock enche Pontevedra de música en galego

O Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Pontevedra organiza a oitava edición do Galegote Rock, un programa de concertos que ten como obxectivos promover os grupos musicais que cantan en galego e crear espazos de uso para o noso idioma no ámbito do lecer. Nesta edición o festival celebrarase os días 25, 26 e 27 de abril en distintos locais pechados e espazos públicos da cidade. O programa inclúe catorce concertos dos seguintes intérpretes e grupos: Ela e Dylan, as Flores Solitarias; High Paw; Boyanka Kostova; Sr. Anido; Gancho Sanches; Marcelo Dobode; Pantis; Xeración Sónica; Manuele Caamagno; Grilo; Chicharrón; Oh! Ayatollah; Malandrómeda e Terbutalina. Podes manterte ao día das últimas novidades a través do Facebook da iniciativa.
01/04/2019. DINAMIZACIóN

Preséntase a terceira edición do proxecto Enreguéifate

Os servizos de normalización lingüística dos concellos de Ames, Santiago de Compostela e Teo presentan unha nova edición do proxecto Enreguéifate, que ten como obxectivo impulsar a improvisación oral en verso e contribuír a través dela á promoción do uso da lingua galega entre a mocidade. No marco deste proxecto convócase un certame de regueifas en vídeo, dirixido a alumnado de ensino non universitario e a público xeral. O prazo para participar no certame remata o 10 de xuño. Como actividades formativas complementarias, tamén se organizarán diferentes obradoiros de improvisación oral para o alumnado. Podes ampliar información premendo aquí.

29/03/2019. AXUDAS E PREMIOS

Axudas ás entidades locais para a promoción do galego

A Consellería de Cultura e Turismo da Xunta de Galicia publica as bases das subvencións destinadas á creación, mantemento ou reforzamento de servizos de normalización lingüística nas entidades locais, así como ao desenvolvemento de programas de dinamización lingüística. Poderán acollerse a estas axudas os concellos ou agrupacións de concellos con poboación igual ou superior aos 3.000 habitantes. O prazo de presentación de solicitudes é dun mes, contado a partir do día seguinte ao da publicación desta convocatoria.
25/03/2019. CURSOS E CONGRESOS

Congreso sobre as linguas amezadas da Península Ibérica

O Centro Interdisciplinar de Documentação Linguística e Social organiza o II Simposio Internacional “Línguas e variedades linguísticas ameaçadas na Península Ibérica”, que ten como obxectivo incentivar o debate interdisciplinario e divulgar o traballo de promoción e normalización da linguas ameazadas que se está desenvolvendo na Península Ibérica. As sesións terán lugar os días 4 e 5 de xullo de 2019 en Lisboa. O comité organizador convida a investidores/as que traballen no ámbito da diversidade lingüística na Península Ibérica a enviar a súa proposta de comunicación antes do vindeiro 31 de marzo. A data límite para formalizar a inscrición remata o 10 de xuño de 2019.
25/03/2019. OUTRAS

Probas para obter os certificados de lingua galega (Celga)

A Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia convoca as probas para a obtención dos certificados de lingua galega (niveis Celga 1, 2, 3 e 4) no ano 2019. As probas realizaranse ao longo do mes de xuño de 2019 en Santiago de Compostela e Ponferrada. O prazo de presentación de solicitudes é dun mes, contado a partir do día seguinte ao da publicación desta convocatoria.
22/03/2019. AXUDAS E PREMIOS

Axudas a entidades culturais da provincia de Pontevedra para a promoción do galego

A Deputación de Pontevedra publica as bases reguladoras da concesión de subvencións, dirixidas a entidades culturais sen fin de lucro da provincia de Pontevedra, para desenvolver actividades de promoción do galego durante o ano 2019. As accións subvencionables deben pertencer a algunha das seguintes tipoloxías: certames literarios e xornalísticos; creación audiovisual e literaria; feiras/eventos de promoción da creación en galego; estudos de sociolingüística; xornadas e publicacións sobre recuperación da toponimia; iniciativas de dinamización comercial en galego; iniciativas de conmemoración do Día das Letras Galegas, ou recoñecementos a persoas e colectivos que aposten polo galego. O prazo para a presentación de solicitudes remata o vindeiro 15 de abril.