O Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Ames organiza unha nova edición dos Obradoiros de Lingua e Cultura “En galego, co teu acento!”. Os obradoiros están dirixidos principalmente a persoas procedentes de fóra de Galicia que vivan en Ames e, en xeral, a calquera persoa interesada en achegarse á lingua e á cultura galegas. As sesións desenvolveranse nas localidades de Bertamiráns e do Milladoiro durante os meses de outubro e novembro. O prazo de inscrición estará aberto ata o 26 de setembro de 2018. Podes ampliar información premendo aquí.
07/09/2018. CURSOS E CONGRESOS
30/08/2018. DINAMIZACIóN
A Mesa pola Normalización Lingüística presenta a Guía turística alternativa de Santiago de Compostela, editada en galego e inglés, en colaboración coa asociación cultural Cidade Vella e o Festival Feito á man. Ademais de ofrecer información sobre lugares e monumentos de especial interese turístico da cidade, os promotores da iniciativa queren que os visitantes coñezan os datos máis salientables da súa historia e da súa lingua propia. A guía inclúe tamén un pequeno glosario de conversa básica galego-inglés.
27/08/2018. CURSOS E CONGRESOS
A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria convoca cursos de linguaxe administrativa galega (niveis medio e superior) e mais cursos preparatorios para a obtención dos certificados de lingua galega (Celga), que se impartirán nas escolas oficiais de idiomas de Galicia no curso 2018/2019. Os cursos de linguaxe administrativa están dirixidos ao persoal das administracións autonómica e local galegas, así como ao da Administración periférica do Estado en Galicia (excepto o persoal docente e sanitario). Aos cursos preparatorios dos Celga poderán asistir todas as persoas maiores de dezaseis anos interesadas. O prazo para presentar as solicitudes abranguerá desde o 3 ata o 12 de setembro de 2018, para os cursos do primeiro cuadrimestre, e desde o 2 ata o 11 de xaneiro de 2019, para os cursos do segundo cuadrimestre. Para consultar o texto da convocatoria, preme aquí.
27/08/2018. EMPREGO
O Concello de Nigrán publica as bases para a contratación temporal dun técnico/a de normalización lingüística. O sistema de selección será o concurso-oposición. Os/as aspirantes deben estar en posesión do título de licenciatura en Filoloxía Galega-Portuguesa, Filoloxía Galega ou Filoloxía Hispánica (sección Galego-Portugués), do grao en Lingua e Literatura Galegas ou do grao en Estudos de Galego e Español (módulos “lingua e literatura galegas” ou “lingua galega e española”). A duración do contrato será de 12 meses. O prazo para a presentación de solicitudes remata o vindeiro 4 de setembro. Podes consultar o texto completo da convocatoria premendo aquí.
02/08/2018. AXUDAS E PREMIOS
A Secretaría Xeral de Política Lingüística, o Parlamento de Galicia e o Foro Enrique Peinador convocan conxuntamente a XXV edición dos Premios de Publicidade en Galego.
Como nas edicións anteriores, establécense catro categorías segundo o medio de difusión: radio, televisión, internet ou prensa escrita. A maiores, como novidade, créase un premio extraordinario para proxectos elaborados polo alumnado de centros educativos. O prazo de inscrición está aberto ata o 11 de outubro de 2018. Accede ás bases premendo aquí.
Como nas edicións anteriores, establécense catro categorías segundo o medio de difusión: radio, televisión, internet ou prensa escrita. A maiores, como novidade, créase un premio extraordinario para proxectos elaborados polo alumnado de centros educativos. O prazo de inscrición está aberto ata o 11 de outubro de 2018. Accede ás bases premendo aquí.
26/07/2018. DINAMIZACIóN
A Mesa pola Normalización Lingüística presentou o manifesto “O cinema heroico galego”, que se enmarca nunha campaña de promoción do cinema rodado no noso idioma. A iniciativa parte co apoio inicial de 150 profesionais do sector audiovisual e quere concienciar a cidadanía da importancia do cinema galego como sector estratéxico para a normalización lingüística, para o reforzamento dos nosos alicerces culturais e para o desenvolvemento económico de Galicia. Os promotores do manifesto buscan tamén un compromiso firme a prol do cinema rodado en galego tanto por parte dos profesionais do sector (directoras/directores, guionistas, empresas de produción, salas de exhibición, distribuidoras...) como das institucións e poderes públicos. Podes ampliar a nova premendo aquí.
19/07/2018. DINAMIZACIóN
O Departamento de Lingua Galega do Concello de Santiago de Compostela presenta un programa de actividades lúdicas para que nenas e nenos poidan gozar en galego do seu tempo de lecer este verán. O programa, desenvolvido no marco do proxecto Apego, inclúe obradoiros didácticos, contacontos, espectáculos circenses, maxia, danza e mesmo espazos para o xogo libre. Podes informarte dos lugares e datas exactas de cada actividade premendo aquí.
19/07/2018. AXUDAS E PREMIOS
A Deputación Provincial de Pontevedra publica a resolución da convocatoria de subvencións para a dinamización lingüística nos concellos e outras entidades locais da provincia de Pontevedra. O obxecto destas axudas é a creación ou mantemento de servizos de normalización lingüística (SNL), así como o desenvolvemento de programas de dinamización do galego. Consulta a listaxe de beneficiarios aquí.
19/07/2018. EMPREGO
A Universidade de Vigo convoca un concurso público para a elaboración de listas de substitución de persoal docente interino, para o curso académico 2018-2019. Entre as prazas convocadas para a elaboración destas listas de agarda, hai unha da área de coñecemento de Filoloxía Galega e Portuguesa, adscrita ao Departamento de Filoloxía Galega e Latina. O prazo de presentación de solicitudes é de dez días hábiles contados desde o día
seguinte ao da publicación do anuncio no Diario Oficial de Galicia (remata o 20 de xullo). Para obter máis información sobre os trámites de inscrición, preme aquí.
seguinte ao da publicación do anuncio no Diario Oficial de Galicia (remata o 20 de xullo). Para obter máis información sobre os trámites de inscrición, preme aquí.
19/07/2018. AXUDAS E PREMIOS
A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria publica a resolución da convocatoria de axudas para o libro galego, tanto no que se refire á tradución para outras linguas de obras publicadas orixinariamente en galego como á tradución para o galego de obras publicadas orixinariamente noutras linguas. Para coñecer a listaxe de beneficiarios, preme aquí.
18/07/2018. OUTRAS
A cidade de Leeuwarden (Frisia, Holanda) foi nomeada Capital da Cultura Europea de 2018, e entre os diferentes proxectos de conmemoración que se están a desenvolver destaca o Pavillón das linguas, un espazo para difundir a diversidade lingüística de Europa no que, cada semana, unha lingua minorizada diferente é a protagonista. Grazas á colaboración entre Afûk (institución que promove o frisio), a Mesa pola Normalización Lingüística e a Fundación Vía Galego, entre os vindeiros 22 e 29 de xullo, os habitantes e visitantes da cidade de Leeuwarden terán ocasión de coñecer tamén o noso idioma a través dun programa de actividades nos que a música e a literatura galegas serán os eixos principais. Podes ampliar esta nova premendo aquí.
13/07/2018. AXUDAS E PREMIOS
A Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia fai pública a resolución da convocatoria de subvencións ás entidades locais de Galicia para a promoción do uso do galego. No texto da resolución podes consultar a listaxe de concellos que, ben de xeito individual ou agrupado, recibirán axuda económica para a creación ou mantemento dun servizo de normalización lingüística, así como para o desenvolvemento de programas de dinamización da lingua.
12/07/2018. DINAMIZACIóN
O Servizo de Normalización Lingüística da Mancomunidade de Ordes organiza un obradoiro de lingua galega de carácter lúdico, na modalidade de xincana lingüística, destinado a nenas e nenos de 6 a 12 anos. A iniciativa, que se enmarca no programa de actividades de conciliación de verán, busca crear espazos de uso para o galego no ámbito do lecer, promovendo a comunicación oral e difundindo, de forma lúdica, vocabulario relacionado coas actividades deportivas. O obradoiro realizarase durante os meses de xullo e agosto nos diferentes concellos que conforman a mancomunidade.
12/07/2018. CURSOS E CONGRESOS
A Rede de Lexicografía RELEX organiza o curso “O emprego do dicionario no ensino e na aprendizaxe da lingua galega”, dirixido ao profesorado de lingua e literatura galegas do ensino non universitario, co obxectivo de analizar as potencialidades didácticas das ferramentas lexicográficas (como pode ser o dicionario) no proceso de ensino e aprendizaxe do idioma galego. As sesión desenvolveranse os días 20, 21, 27 e 28 de setembro de 2018 na Facultade de Filoloxía da Universidade da Coruña. O prazo de inscrición remata o vindeiro 13 de setembro. Para obter máis información sobre o programa e os trámites da matrícula, preme aquí.
11/07/2018. DINAMIZACIóN
As concellarías de Xuventude e Normalización Lingüística do Concello de Vigo presentan o programa “Os libros ao sol”, unha campaña de dinamización da lectura en galego que vai levar ata a praia da Argazada (no paseo de Samil) unha ampla variedade de libros en galego, de diferentes xéneros, grazas á colaboración das editoriais Elvira, Galaxia, Ir Indo e Xerais. Todas as persoas que o desexen terán ao seu dispor esta orixinal “biblioteca de praia” durante o mes de xullo, de luns a venres (en horario de mañá e tarde). A maiores, tamén se desenvolverán diferentes actividades complementarias (contos, cantos, música, xogos), para que os máis pequenos/as poidan gozar do seu tempo de lecer en galego. Podes ampliar información premendo aquí.
11/07/2018. AXUDAS E PREMIOS
O xurado da décimo novena edición de Ciencia en Acción, certame internacional de divulgación científica, acordou outorgarlle o primeiro premio na modalidade de “curtametraxes científicas” ás videoleccións XeoClip, unha serie de curtas didácticas sobre xeoloxía en galego elaboradas por Xacobo de Toro e Adela Otero, docentes do IES Fernando Wirtz da Coruña. O xurado destaca o rigor científico desta serie de curtas, que potencian o entretemento como vía para a aprendizaxe da xeoloxía.
11/07/2018. DINAMIZACIóN
A Secretaría Xeral de Política Lingüística súmase á iniciativa FEST Galicia coa campaña “O galego crea ambiente”, que busca crear espazos de uso para o galego entre a xente nova e promover a reflexión sobre o seu valor como parte do noso patrimonio. Así mesmo, aproveitarase para difundir entre os mozos e mozas o Plan xeral de dinamización da lingua galega na mocidade que están elaborando a Secretaría Xeral de Política Lingüística e a Dirección Xeral de Participación, Xuventude e Voluntariado, convidándoos a que participen achegando ideas ou suxestións.
09/07/2018. OUTRAS
O Plenario da Real Academia Galega acordou, na sesión ordinaria do pasado sábado, 7 de xullo de 2018, que o autor homenaxeado no Día das Letras Galegas 2019 será o historiador e etnógrafo Antón Fraguas Fraguas (Loureiro, Cotobade, 1905 – Santiago de Compostela, 1999). Antón Fraguas foi na súa mocidade membro das Irmandades da Fala e do Seminario de Estudos Galegos. Posteriormente, compaxinou a docencia coa investigación, destacando no eido da antropoloxía galega. Foi director do Museo Municipal de Santiago en Bonaval e en 1976 participou na creación do Museo do Pobo Galego, do que tamén foi director e presidente. Para ampliar esta información, preme aquí.
05/07/2018. AXUDAS E PREMIOS
O xurado do IX Premio Rosalía de Castro de Lingua, que promove a Deputación da Coruña co obxectivo de recoñecer o labor de dignificación do noso patrimonio lingüístico, deu a coñecer os galardoados desta novena edición. Nesta ocasión os premiados foron a Galipedia, na categoría de colectivo, entidade ou asociación que destaca na promoción da lingua galega; e o grupo musical Pirilampo, como recoñecemento ao seu traballo coa infancia e a mocidade. Podes ampliar información premendo aquí.
27/06/2018. EMPREGO
O Concello de Abegondo publica as bases específicas da convocatoria dun proceso selectivo para a cobertura en propiedade dunha praza de técnico/a de normalización lingüística. O sistema de selección será o de concurso-oposición. Os/as aspirantes deben estar en posesión do título de licenciatura/grao en Filoloxía Galego-Portuguesa, Filoloxía Galega ou Filoloxía Hispánica (sección Galego-Portuguesa), ou outras titulacións superiores pertencentes á área de humanidades ou de ciencias xurídicas sociais, sempre que estean en posesión do certificado Celga 5. O prazo de presentación de solicitudes será de 20 días naturais, contados a partir do seguinte ao da publicación da convocatoria no Boletín Oficial do Estado (BOE).
26/06/2018. AXUDAS E PREMIOS
A Secretaría Xeral de Política Lingüística publica as resolucións das axudas para os proxectos de fomento do galego dos equipos de dinamización da lingua galega dos centros de ensino non universitario de titularidade privada, para o curso escolar 2017/2018. Podes consultar a listaxe de centros beneficiarios premendo aquí: centros das provincias da Coruña e Pontevedra; centros das provincias de Lugo e Ourense.
22/06/2018. DINAMIZACIóN
A Compañía de Radio Televisión de Galicia crea Radio Picariña, unha emisora dixital de música infantil e xuvenil en lingua galega. Trátase dunha canle dixital especializada, a primeira deste tipo que se crea na Radio Galega, que pon ao dispor do público infantil e xuvenil unha selección de mil cancións en lingua galega. Para ampliar información, preme aquí.
21/06/2018. AXUDAS E PREMIOS
A Secretaría Xeral de Política Lingüística publica a resolución da convocatoria para a realización dos proxectos de innovación en dinamización lingüística nos centros públicos de ensino durante o curso académico 2017/2018. Os cinco proxectos seleccionados son: “O barrio: ambiente de aprendizaxe da vida cotiá. Proxecto sen data de caducidade” (CEIP Heroínas de Sálvora, Ribeira); “A roda do ano” (IES Plurilingüe A Cachada, Boiro); “Pegadas...” (CEIP Viñagrande-Deiro, Vilanova de Arousa e CEE de Vilagarcía de Arousa); “Ondas do Mar de Vigo/Trouxestes o pergamiño amigo” (IES Carlos Casares, Vigo); “Coñeces Cerdido?” (CEIP da Barqueira, Cerdido). Todos eles recibirán 2.000 euros para executar os seus proxectos de promoción lingüística.
21/06/2018. DINAMIZACIóN
O Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Vigo presenta unha nova edición do programa “No verán… un conto”, co obxectivo de fomentar o uso do galego no ámbito do lecer. O programa, dirixido ao público infantil, familiar e adulto, inclúe contos, monicreques, obradoiros, xogos tradicionais, música, etc. As actividades comezan o 2 de xullo e rematan o 31 de agosto. No web do SNL do Concello de Vigo podes consultar o programa completo de actividades (coas datas e lugares de realización), así como unha sinopse das mesmas.
21/06/2018. EMPREGO
A Deputación de Pontevedra publica a convocatoria de varios procesos selectivos para cubrir prazas vacantes no seu cadro de persoal funcionario. Entre as prazas convocadas, inclúese unha de técnica ou técnico auxiliar de tradución, encadrada na escala de Administración especial, subescala técnica, clase técnico auxiliar e integrada no grupo C1, por quenda libre. O prazo para presentar as solicitudes será de 20 días naturais, contados a partir do día seguinte ao da publicación da convocatoria no Boletín Oficial do Estado (BOE). Podes consultar o texto completo da convocatoria premendo aquí.
15/06/2018. INVESTIGACIóN
O Seminario de Sociolingüística da Real Academia Galega presentou en Barcelona, no marco dunhas xornadas organizadas polo Institut d'Estudis Catalans, un primeiro avance dos datos obtidos no proxecto “O galego da mocidade. Quince anos despois”, un estudo que a RAG está a desenvolver, co apoio da Deputación de Pontevedra, para coñecer os usos e actitudes lingüísticas da poboación máis nova. Deste primeiro avance extráense dúas conclusións básicas: por un lado, obsérvase un aumento evidente na tendencia cara ao monolingüismo en castelán na chamada xeración Z (persoas nadas entre 1990 e 1999); e por outro, constátase unha diminución dos prexuízos negativos cara ao idioma galego neste mesmo sector de poboación. Para ampliar esta información, preme aquí.
15/06/2018. LEXISLACIóN
O Concello de Redondela, pioneiro na galeguización da Administración local, celebra hoxe, 15 de xuño de 2018, un acto institucional para conmemorar o 35 aniversario da Lei de normalización lingüística. No acto, que se celebrará diante da Casa de Cultura ás 12:00 h, participarán Miguel Santalices, presidente do Parlamento de Galicia; Valentín García, secretario xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia; Javier Bas, alcalde de Redondela; Xosé González, promotor do primeiro SNL municipal; e Xurxo Martínez, técnico de normalización lingüística de Redondela. A homenaxe estará amenizada coa actuación musical de Luís Emilio Batallán.
13/06/2018. DINAMIZACIóN
O Concello de Cedeira organiza a segunda edición do Festival de música galego-portuguesa “Traz outro amigo também”, que se celebrará entre os días 15 e 17 de xuño en Cedeira, co obxectivo de reivindicar o valor da música como arma de transformación social e crear puntos de encontro no ámbito da lusofonía. Ademais das actuacións musicais, no marco deste festival terán lugar unhas xornadas de lingua centradas tamén no ámbito da lusofonía, nas que intervirán os profesores José Luís Fernández (EOI da Coruña), Mauricio Castro (EOI de Ferrol) e Ramón Mariño (USC). Para ampliar esta información, preme aquí.
12/06/2018. INVESTIGACIóN
O Grupo de Estudos Audiovisuais e a Editorial Galaxia presentan a obra Marcas na paisaxe. Para unha historia do cinema en lingua galega, na que oito investigadoras, baixo a coordinación de Margarita Ledo Andión, trazan a relación do cinema galego con outros aspectos socioculturais, como a emigración, a paisaxe ou o idioma. O acto de presentación terá lugar hoxe, 12 de xuño, ás 20:00 h, na librería Numax. Para ampliar esta información, preme aquí.
11/06/2018. INVESTIGACIóN
O vindeiro xoves, 14 de xuño, terá lugar no centro social A Gentalha do Pichel (Santiago de Compostela) unha charla sobre linguas minorizadas e procesos de revitalización. No acto, que terá lugar ás 18:45 h, participarán Bernadette O’Rourke e Alejandro Dayán-Fernández (da Universidade de Heriot-Watt, Escocia), que centrarán a súa exposición na presentación do proxecto interdisciplinar SMILE, que está a investigar diferentes iniciativas de revitalización de linguas minorizadas en Europa.

