Novas da lingua

Rexistros2341 a 2370 de 5145
30/01/2018. DINAMIZACIóN

Campaña para recuperar os nomes tradicionais dos días da semana

A Mesa pola Normalización Lingüística e a Associaçom Galega da Língua (AGAL), xunto coa Fundación Vía Galego, presentan a campaña “Nós feiramos de segunda a sexta”, deseñada para promover os nomes tradicionais dos días da semana (domingo, segunda feira, terza feira, cuarta feira, quinta feira, sexta feira e sábado). A iniciativa, dirixida especialmente ao público infantil e mais aos medios informativos dixitais, será presentada oficialmente o vindeiro 19 de febreiro, nunha rolda de prensa en Santiago de Compostela. Para a súa difusión deseñouse diferente material gráfico, como chapas, manteis de mesa infantís e mais un calendario. Tamén está accesible xa na rede o videoclip da campaña, da banda de música infantil Mamá Cabra. Para ampliar esta información, preme aquí.
26/01/2018. DINAMIZACIóN

En liña os vídeos da última edición do LGx15

A Coordinadora de Traballadores/as de Normalización da Lingua subiu á súa canle de Youtube os vídeos das intervencións da última edición do LGx15, un proxecto de dinamización lingüística no que, a través de charlas breves e amenas, se transmiten argumentos e experiencias para influír no futuro do galego. Se non puideches asistir ao acto que tivo lugar o pasado 9 de novembro en Santiago de Compostela, agora podes consultar en liña os vídeos dos/as participantes desta última edición: Alonso Caxade; estudantes do Club de Debate de Negreira; Cecilia Fernández; Nuria Espasandín; Patricia Buxán e Miguel Braña; Iria Veiga; José Antonio Rubal e Pedro Brandariz. Na mesma canle, podes ver tamén unha das actuacións musicais de MJ Pérez.
26/01/2018. OUTRAS

Xa podes consultar o novo Boletín de Sumarios do CDSG

Xa está accesible en liña o noso Boletín de Sumarios 2017, produto documental que inclúe os 39 números de publicacións periódicas, correspondentes a 21 títulos diferentes, que ingresaron na hemeroteca do CDSG ao longo do ano 2017. No caso de publicacións en papel, ofrécense, mediante ligazóns, os seus sumarios. Estas revistas pódense consultar en sala ou levar en préstamo naqueles casos en que dispoñamos de máis dun exemplar. No caso das dixitais, desde este boletín pode accederse directamente aos números completos. Para consultar a nosa colección completa de seriadas, preme aquí.
25/01/2018. DINAMIZACIóN

Preséntase a segunda edición do programa Enreguéifate

Os concellos de Ames, Carballo, Santiago de Compostela e Teo organizan a segunda edición do proxecto Enreguéifate, deseñado para difundir a improvisación oral en verso e en galego. No marco deste proxecto desenvolveranse catro accións, o certame de regueifas en vídeo e o festival Regueifesta (que xa se desenvolveron na primeira edición que organizou o Concello de Santiago), así como unha xornada conxunta de formación para docentes e varias xornadas formativas para o alumnado dos catro concellos organizadores (que se engaden como novidade nesta segunda edición). Tanto as bases do certame, que será convocado en breve, como a información sobre as diferentes accións vinculadas ao proxecto poderás atopala no sitio web da iniciativa.
25/01/2018. OUTRAS

Informe sobre o cumprimento das garantías lingüísticas nos concellos de Pontevedra

A Mesa pola Normalización Lingüística e a Deputación de Pontevedra presentaron, no marco da III Xornada de Normalización Lingüística que organiza a propia Deputación, as conclusións da Auditoría lingüística dos concellos de Pontevedra. Trátase dun informe elaborado pola Mesa, a pedimento da Deputación de Pontevedra, no que se examina o grao de cumprimento das garantías lingüísticas nos concellos da provincia, avaliando cuestións como os idiomas empregados en diferentes servizos á cidadanía (comunicación web, uso das redes sociais, atención telefónica, banca electrónica...), ou a existencia de servizos de normalización lingüística municipais. Malia que en termos xerais se constata un avance na normalización do galego nestes concellos, nas conclusións do informe saliéntanse carencias nos apartados de perfil do contratante, transparencia e banca electrónica, onde se continúa a empregar en exclusiva o castelán. Outro dato preocupante é que só 12 dos 61 concellos avaliados contaban en febreiro de 2017 (data da recollida de datos) cun servizo de normalización lingüística.
24/01/2018. OUTRAS

Corenta anos de pensamento cristián en galego

Encrucillada, a primeira revista de pensamento cristián da Transición escrita en galego, celebra os seus 40 anos editando a monografía As Letras Galegas na Encrucillada, unha publicación en dous tomos nos que se recollen os artigos publicados desde 1977 sobre destacados autores/as da nosa literatura, reservando un destes tomos para aqueles aos que se lles dedicou o Día das Letras Galegas. O acto público de presentación da monografía tivo lugar o pasado 19 de xaneiro na sede da Real Academia Galega.
24/01/2018. CURSOS E CONGRESOS

Curso de achegamento ao galego no Concello de Vigo

O Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Vigo convoca o curso Achégate ao galego, nivel básico, dirixido a todas aquelas persoas, de dentro e fóra de Galicia, sen apenas coñecementos do idioma. O curso desenvolverase durante os meses de febreiro, marzo e abril de 2018. As persoas interesadas en asistir deben enviar os seus datos (nome completo e teléfono) ao correo electrónico actividades.snl@vigo.org, indicando no asunto da mensaxe “curso galego nivel básico”. Para ampliar información sobre as datas de realización e mais o programa do curso, preme aquí.
22/01/2018. EMPREGO

Praza de técnico/a de normalización lingüística no Concello de Vimianzo

O Concello de Vimianzo publica as bases do proceso de selección para a formación dunha bolsa de emprego destinada á contratación dun/ha técnico/a de normalización lingüística. O sistema de selección será o de concurso-oposición. Os/as aspirantes deben estar en posesión do título de Licenciatura en Filoloxía Galega-Portuguesa, Filoloxía Galega ou Filoloxía Hispánica (subsección Galego-Portugués), do Grao en Lingua e Literatura Galegas, ou calquera outra licenciatura/grao sempre que dispoña do Celga 5. O prazo de presentación de solicitudes remata o vindeiro 29 de xaneiro de 2018. Podes consultar as bases completas da convocatoria premendo aquí.
17/01/2018. CURSOS E CONGRESOS

XII Congreso Internacional da AIEG

A Asociación Internacional de Estudos Galegos (AIEG) está a organizar a décimo segunda edición do seu congreso internacional, que levará por título “Novos horizontes para unha Galicia global: Redes, Territorio e Memoria”. Os temas lingüísticos trataranse nesta edición desde a perspectiva do “territorio”, polo que se incluirán no programa traballos e relatorios relacionados coa cartografía lingüística. Ademais destes tres eixos temáticos recollidos no propio título, tamén terán cabida novas achegas sobre os estudos galegos en xeral (perfil lingüístico, literario, histórico, económico, antropolóxico, filosófico, sociolóxico, artístico, etc.). O comité organizador convida a investigadores/as que traballen neste ámbito a enviar a súa proposta de relatorio ou panel antes do vindeiro 1 de marzo de 2018. O congreso terá lugar en Madrid entre os días 18 e 22 de setembro de 2018.
16/01/2018. DINAMIZACIóN

Nova edición do concurso “Lingua de namorar”

A Secretaría Xeral de Política Lingüística e a Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado da Xunta de Galicia organizan unha nova edición de Lingua de namorar, un concurso en liña de mensaxes de amor en lingua galega dirixido a mozos e mozas de 14 a 35 anos. A iniciativa está deseñada para dinamizar o uso do galego nas relacións persoais e nas novas tecnoloxías, nomeadamente en Internet e na mensaxería instantánea. Outorgaranse tres premios tecnolóxicos por cada unha das categorías de idade establecidas. O prazo para enviar as mensaxes remata o 29 de xaneiro de 2018.
10/01/2018. AXUDAS E PREMIOS

Aberto o prazo de solicitude de axudas para os SNL municipais da provincia da Coruña

A Deputación da Coruña publica os prazos de solicitude e xustificación das axudas ás entidades locais da provincia para a creación ou mantemento dos seus servizos de normalización lingüística, segundo a remisión da Base de Datos Nacional de Subvencións. Os concellos de 5000 habitantes ou máis, así como a agrupacións de concellos e mancomunidades que, entre eles, cheguen ao mesmo número mínimo de habitantes, teñen prazo ata o 19 de xaneiro ás 14 h para tramitar as súas solicitudes.
As bases completas da convocatoria de axudas foron publicadas no BOP da Coruña o pasado 19 de decembro.
08/01/2018. DINAMIZACIóN

2018 tráelle á Universidade de Vigo retranca contra os prexuízos

A Área de Normalización Lingüística da Universidade de Vigo edita de novo o seu calendario para loitar contra os prexuízos lingüísticos. En 2018, será o ilustrador Kiko Da Silva quen nos faga reflexionar sobre as imaxes negativas que pesan sobre o noso idioma, desde o humor e a ilusión por derrubalas.
Podes facerte cun dos 2000 exemplares en papel nos distintos centros da universidade ou ben descargar a edición dixital aquí.
08/01/2018. CURSOS E CONGRESOS

Cursos de linguaxe xurídica galega para persoal que traballa fóra de Galicia

A Escola Galega de Administración Pública convoca cursos de linguaxe xurídica galega, niveis medio e superior, na modalidade de teleformación. Estes cursos están destinados ao persoal da Administración de Xustiza que presta servizos fóra de Galicia. O prazo de presentación de solicitudes é de oito días naturais, contados a partir do seguinte ao da publicación da convocatoria.
08/01/2018. CURSOS E CONGRESOS

Cursos de linguaxe administrativa e xurídica galegas para persoal da Comunidade Autónoma de Galicia

A Escola Galega de Administración Pública convoca, en colaboración coa Secretaría Xeral de Política Lingüística, cursos de linguaxe administrativa e xurídica galegas, niveis medio e superior. Os cursos van dirixidos ao persoal de administración e servizos das universidades galegas, da administración xeral da Comunidade autónoma, das institucións e entidades públicas instrumentais do sector público autonómico, das entidades locais de Galicia e da Administración de Xustiza de Galicia. As solicitudes de matrícula deben presentarse a través do formulario en liña da EGAP antes das 14 h do 10 de xaneiro.
28/12/2017. DINAMIZACIóN

Preséntase o Correlingua 2018

As entidades promotoras do Correlingua (A Asociación Socio-Pedagóxica Galega, a CIG-Ensino, A Mesa pola Normalización Lingüística, as deputacións de Pontevedra, A Coruña e Lugo e os concellos de Santiago de Compostela, A Coruña, Ourense, Pontevedra, Vigo e Lugo) presentan o novo sitio web da inicitiva e mais o calendario da vindeira edición de 2018, que levará por lema: “A lingua non para!”. Así mesmo, xa están accesibles tamén as bases dos concursos escolares, nas modalidades de "elaboración de manifesto”, “banda deseñada", “vídeo” e “cantalingua”.
27/12/2017. DINAMIZACIóN

Afouteza, palabra do ano 2017

O Portal das Palabras, proxecto promovido pola Real Academia Galega e a Fundación Barrié, fixo público o resultado da votación popular para escoller a Palabra do Ano 2017. Afouteza foi a palabra elixida, despois de recibir o 48% dos votos, dun total de 6.228 persoas que participaron na elección. Debido a unha campaña do Celta de Vigo, afouteza foi durante varios meses deste ano a palabra máis buscada no dicionario en liña da RAG, mais a grande porcentaxe de votos recibidos transcende o ámbito futbolístico e débese probablemente ao seu poder semántico, en alusión a esa actitude colectiva, de ousadía e valor, coa que o pobo galego se enfrontou neste 2017 a algunhas circunstancias adversas, como a vaga de lumes. Para ampliar esta nova, preme aquí.

26/12/2017. AXUDAS E PREMIOS

Abertos ao Galego publica o seu novo catálogo de Nadal

A rede de empresas Abertos ao Galego, iniciativa promovida pola Mesa pola Normalización Lingüística, difunde unha nova edición do seu catálogo de Nadal, que compila unha selección de servizos e produtos que se ofertan en galego. O obxectivo é achegarlles aos potenciais consumidores ideas de agasallos para esas datas festivas e, ao mesmo tempo, fomentar un consumo responsable que aposte pola calidade, a proximidade e o idioma.

20/12/2017. AXUDAS E PREMIOS

Resólvense os Premios Manuel Beiras

A Cámara de Comercio e o Concello de Santiago de Compostela deron a coñecer os galardoados da décimo oitava edición dos Premios Manuel Beiras. Os premiados deste ano foron a produtora creativa Illa Bufarda, na categoría de empresas que veñen realizando un uso continuado do idioma galego; a empresa Brazolinda, na categoría de nova incorporación ao uso do galego; e o Ilustre Colexio de Avogados de Santiago de Compostela, que recibiu unha mención especial polo seu compromiso co idioma galego. Para ampliar esta información, preme aquí.
20/12/2017. AXUDAS E PREMIOS

Convocatoria para a realización de proxectos de innovación en dinamización lingüística

A Secretaría Xeral de Política Lingüística e a Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa convocan os centros de ensino de titularidade pública para que participen en proxectos educativos de innovación en dinamización lingüística durante o curso académico 2017-2018. Entre os proxectos presentados seleccionaranse cinco, considerados como excelentes, que recibirán unha dotación económica de 2000 euros. As experiencias e os materiais didácticos producidos difundiranse a través do sitio web da SXPL. O prazo de presentación de solicitudes remata o 9 de febreiro de 2018. Para consultar o texto completo da convocatoria preme aquí.

20/12/2017. AXUDAS E PREMIOS

Axudas á creación de obras audiovisuais en lingua galega

A Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) convoca axudas para o ano 2018 destinadas á creación de obras audiovisuais, en versión orixinal en lingua galega, con decidida vocación artística e cultural. En concreto, subvenciónase a escrita individual de guións en galego, a realización de proxectos de curtametraxes gravadas en versión orixinal galega e a elaboración de proxectos de longametraxes cinematográficas en versión orixinal galega. O prazo para a presentación de solicitudes é dun mes, contado a partir do día seguinte ao da publicación desta convocatoria.
19/12/2017. DINAMIZACIóN

Volve o Nadal en Rede con actividades para os máis pequenos

A Secretaría Xeral de Política Lingüística presenta unha nova edición do programa Nadal en Rede, que percorrerá 41 concellos adscritos á Rede de Dinamización Lingüística entre o 16 de decembro de 2017 e o 7 de xaneiro de 2018, co obxectivo de crear espazos de uso para o galego nestas datas festivas. O programa inclúe as seguintes actividades: Os Bolechas. Un conto de Nadal, actividades lúdicas amenizadas polos membros da familia Os Bolechas; O castiñeiro do Apalpador, peza de monicreques da compañía Fantoches Baj; Nadal Novoneyra. Uxía canta a Uxío, concerto de Nadal no que Uxía Senlle interpreta textos do poeta do Courel; Picariño, concerto didáctico con Senén Vaamonde e mais Alfredo e Manuel, músicos da formación A Roda; e Cancións para nenos e nenas, concerto infantil ofrecido por María do Ceo.
19/12/2017. AXUDAS E PREMIOS

Axudas para os SNL municipais da provincia da Coruña

A Deputación da Coruña publica no BOP da provincia as bases da convocatoria de axudas dirixida a concellos, agrupacións de concellos, mancomunidades e outras entidades locais da Coruña, destinadas á creación, mantemento ou reforzo de servizos de normalización lingüística. Estas subvencións diríxense a concellos de 5000 habitantes ou máis, así como a agrupacións de concellos e mancomunidades que, entre eles, cheguen ao mesmo número mínimo de habitantes. Tendo en conta a continua perda de galegofalantes nas grandes cidades, os concellos da Coruña, Santiago de Compostela e Ferrol só poderán solicitar a subvención
para persoal técnico de reforzo do SNL xa creado. O prazo de presentación de solicitudes determinarase a partir da publicación no BOP da convocatoria segundo a remisión da Base de Datos Nacional de Subvencións.
12/12/2017. DINAMIZACIóN

O Foro Enrique Peinador anima a levar o galego á mesa este Nadal

O Foro Enrique Peinador presenta, cola colaboración da Xunta de Galicia, a campaña “Nadal + Galego”, coa que convida a toda a cidadanía a aproveitar estas festas de Nadal para apoiar as marcas que etiquetan os seus produtos en lingua galega. A iniciativa consiste na difusión dun vídeo publicitario que foi presentado publicamente o pasado 7 de decembro no Pazo de San Roque, en Santiago de Compostela. Podes ampliar a información, premendo aquí.
11/12/2017. EMPREGO

Bolsas nos lectorados das universidades Nova de Lisboa e Federal da Bahia

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria publica as bases da convocatoria pública para cubrir dúas bolsas de formación nos lectorados de lingua, literatura e cultura galegas nas universidades Nova de Lisboa e Federal da Bahia. O prazo de presentación de solicitudes é dun mes, contado a partir do día seguinte ao da publicación da convocatoria.
05/12/2017. DINAMIZACIóN

Toponimízate, novo proxecto para a recollida da microtoponimia galega

A Secretaría Xeral de Política Lingüística presenta a iniciativa Toponimízate, que se desenvolverá no marco da Rede de Dinamización Lingüística (RDL) e que ten como obxectivo preservar e difundir o patrimonio toponímico de Galicia. Ao longo dos vindeiros meses o filólogo Vicente Feijoo, coordinador do Proxecto Toponimia da Real Academia Galega, ofrecerá varias conferencias divulgativas en diferentes concellos adscritos á RDL para convidar á veciñanza a colaborar no labor de recollida e xeolocalización dos microtopónimos do seu contorno. Podes coñecer toda a microtoponimia recollida ata o momento no web do Proxecto Toponimia de Galicia, a través do seu buscador avanzado, e en breve poderás descargar tamén desde ese mesmo web a aplicación colaborativa “Galicia nomeada”, coa que calquera cidadán poderá recoller e xeolocalizar aqueles microtopónimos que aínda non están recollidos.
05/12/2017. DINAMIZACIóN

Elixe a palabra que mellor define o ano 2017

O Portal das Palabras organiza unha nova edición da iniciativa Palabra do ano, co obxectivo de que a sociedade tome conciencia de que o idioma nos representa como pobo e a través das súas palabras podemos definir colectiva e simbolicamente o ano que remata. Todas as persoas interesadas poden enviar as súas propostas ata o vindeiro 17 de decembro. Tras seleccionar os termos máis populares e de maior carga semántica, abrirase unha votación para seleccionar a palabra favorita, que se converterá na Palabra do ano 2017.
05/12/2017. AXUDAS E PREMIOS

Premio para a animación infantil en galego

A Secretaría Xeral de Política Lingüística e a Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa, coa colaboración da CRTVG e de OQOeditora, convocan os VII Premios a curtas de animación en galego "Nós tamén creamos!". O certame está dirixido a alumnado e profesorado de educación infantil e primeiro a cuarto curso de primaria, pertencente a centros de titularidade pública. O prazo de presentación de solicitudes de participación remata o 12 de xaneiro e o de presentación dos traballos o 30 de abril de 2018. Para ampliar esta nova, preme aquí.
01/12/2017. DINAMIZACIóN

Preséntase a segunda edición do proxecto Youtubeir@s

Nove concellos galegos, a Deputación da Coruña e as universidades da Coruña, Santiago de Compostela e Vigo presentan a segunda edición do proxecto Youtubeir@s, un concurso de creación de vídeos que nace co obxectivo de incrementar o uso do galego na canle Youtube. O concurso, dirixido a persoas maiores de 14 anos, ten tres categorías: “Vídeo-Facermos”, para vídeo-titoriais en galego nos que se amosen saberes e procesos de elaboración; “Vídeo-Opinarmos”, para vídeos en galego nos que se expoñan opinións ou valoracións sobre un tema; e “Canle”, para unha canle propia con todos os seus vídeos. O prazo de inscrición remata o 15 de marzo de 2018. Outorgaranse diferentes premios en metálico nos que se valorará a calidade técnica, a creatividade, a calidade lingüística e a eficiencia comunicativa das pezas. Podes consultar as bases completas do concurso premendo aquí.
29/11/2017. DINAMIZACIóN

O Concello de Ames convida a veciñanza a ser galeg@ para sempre

O Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Ames presenta a campaña Galeg@ para sempre, deseñada para fomentar o uso do galego no ámbito funerario. Hoxe, 29 de novembro de 2017, ás 19:00 h, no Centro Social de Agrón terá lugar un acto público no que diferentes representantes do mundo do ensino, do deporte, da universidade, da empresa e da cultura asinarán un documento de declaración de vontades no que manifestan o seu desexo de seren recordados en galego na hora do pasamento. Toda a veciñanza que o desexe poderá sumarse á iniciativa. No transcurso do acto presentarase tamén o “Manual de recursos funerarios en galego”, que inclúe suxestións de frases para lápidas, ramos e coroas, así como unha escolma de poesías e textos para as cerimonias laicas. Para ampliar esta nova, preme a aquí.
28/11/2017. AXUDAS E PREMIOS

Axudas para o fomento do galego nos centros de ensino

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria publica dúas convocatorias de axudas para a presentación de proxectos de fomento do galego no ámbito do ensino non universitario durante o curso 2017/2018, unha dirixida a centros de titularidade pública e outra a centros de titularidade privada. En ambos os casos, o prazo de presentación de solicitudes remata o 15 de xaneiro de 2018.