Novas da lingua

Rexistros2371 a 2400 de 5280
17/07/2017. DINAMIZACIóN

O noso, en galego

O Foro Enrique Peinador e a Irmandade Galega de Agroalimentarios e Adegueiros (IRGADE), coa colaboración da Secretaría Xeral de Política Lingüística, presentaron o pasado venres, 14 de xullo, no Pazo de San Roque (Santiago de Compostela), unha selección de productos etiquetados en galego. A iniciativa enmárcase na campaña a prol do consumo responsable e solidario que estas entidades promoven desde o ano 2013. No acto participaron representantes das seguintes empresas: Vermú Petroni, Leitenoso, Cooperativas Lácteas Unidas (Clun), Adega Terra de Asorei, Licores Os Mallos, Amorodos (conservas vexetais), Cooperativa A Capela, Lácteos Hoxe, Cooperativa Amarelante, Bodegas Coto Redondo, Embutidos Lalinenses e Sociedade Cooperativa Agraria Condado-Paradanta. Para ampliar a nova preme aquí.
17/07/2017. EMPREGO

Praza de profesor de Lingua Galega para ESO e Bacharelato

O portal de emprego Infojobs publica a oferta para seleccionar un/unha profesor/a de Lingua Galega para impartir docencia en ESO e Bacharelato nun colexio concertado de Vigo. Os/as aspirantes deben posuír a licenciatura en Filoloxía Galega e o máster universitario en Profesorado de ESO e Bacharelato, ademais de experiencia docente. Podes ampliar información sobre esta oferta aquí.
12/07/2017. AXUDAS E PREMIOS

Premio Rosalía de Castro para a AS-PG e o proxecto Apego

O xurado do VIII Premio Rosalía de Castro de Lingua, que promove a Deputación da Coruña co obxectivo de recoñecer o labor de dignificación do noso patrimonio lingüístico, deu a coñecer os galardoados desta oitava edición. Nesta ocasión os premiados foron a Asociación Sociopedagóxica Galega (ASPG), pola súa longa traxectoria a prol da normalización do idioma galego, e o proxecto Apego, representado pola CTNL, pola súa promoción do uso do galego nun sector de poboación tan decisivo como é o da infancia. Podes ampliar información premendo aquí.
11/07/2017. DINAMIZACIóN

Xincana lingüística para aprender xogando nos meses de verán

O Servizo de Normalización Lingüística da Mancomunidade de Ordes organiza unha xincana lingüística, dirixida a nenas e nenos de 6 a 12 anos, que se desenvolverá nos meses de xullo e agosto de 2017. O obxectivo é crear espazos de uso para o galego no ámbito do lecer, promovendo a comunicación oral e difundindo, de forma lúdica, vocabulario relacionado coas actividades deportivas. O obradoiro desenvolverase ao longo do período estival nos diferentes concellos que conforman a mancomunidade.
10/07/2017. AXUDAS E PREMIOS

Resólvense as axudas para o fomento do galego no ensino privado

A Secretaría Xeral de Política Lingüística publica a resolución das axudas para os proxectos de fomento do uso do galego dos equipos de dinamización da lingua galega dos centros de ensino non universitario de titularidade privada, para o curso escolar 2016/2017. Podes consultar a listaxe de centros beneficiarios premendo aquí: centros da provincia da Coruña, centros de Lugo, centros de Ourense e centros de Pontevedra.

10/07/2017. AXUDAS E PREMIOS

Xornada para avaliar o factor lingüístico na proxección económica internacional

O Concello de Santiago e a União das Cidades Capitais de Língua Portuguesa (UCCLA) organizan conxuntamente a xornada A lingua como oportunidade, que terá lugar hoxe, 10 de xullo de 2017, no edificio Cersia de Santiago de Compostela. O obxectivo da xornada é analizar a importancia da lingua e as vantaxes da proximidade entre o portugués e o galego en sectores como a economía e o turismo. O Concello de Santiago adheriuse á UCCLA como membro observador en novembro de 2016, converténdose deste xeito na única cidade do Estado español que forma parte deste organismo internacional. Podes ampliar información premendo aquí.
05/07/2017. EMPREGO

Convocatoria para a creación dunha bolsa de emprego no Concello de Vigo

O Concello de Vigo publica as bases reitoras e mais a convocatoria do proceso selectivo para a formación dunha bolsa de emprego que permita os nomeamentos interinos como técnico/a medio de normalización lingüística (A2). O sistema de selección será o de oposición libre. Os/as aspirantes deben estar en posesión ou en condición de obter o título de Grao en Filoloxía Galego-Portuguesa, Filoloxía Galega ou Filoloxía Hispánica (sección galego-portugués), Lingua e Literatura Galegas ou equivalentes sempre que tamén se posúa o certificado de lingua galega do nivel 5. O prazo para presentar as solicitudes é de 20 días naturais contados dende o seguinte ao da publicación do anuncio da convocatoria no Boletín Oficial da Provincia de Pontevedra.

27/06/2017. CURSOS E CONGRESOS

Cursos de linguaxe administrativa galega para persoal de distintas administracións públicas

A Escola Galega de Administración Pública convoca, en colaboración coa Secretaría Xeral de Política Lingüística, cursos de linguaxe administrativa galega, niveis medio e superior, na modalidade de teleformación. Os cursos van dirixidos ao persoal de administración e servizos (PAS) das universidades galegas, aos empregados/as públicos/as que presten servizos nas entidades públicas instrumentais do sector público autonómico de Galicia e aos empregados/as públicos/as das entidades locais de Galicia. O prazo de presentación de solicitudes será de dez días naturais contados a partir do seguinte ao da publicación da convocatoria.
26/06/2017. EMPREGO

Praza temporal de tradutor/a de galego na Deputación de Ourense

A Deputación de Ourense publica, no BOP do 24 de xuño de 2017, a convocatoria para a contratación laboral temporal polo procedemento especial de urxencia dun/dunha tradutor/a de galego para o Gabinete de Galego. A duración do contrato será de tres meses. O sistema de selección é o de concurso. Os interesados/as deben estar en posesión da titulación de grao en filoloxía galega ou equivalente. O prazo de presentación de instancias é de 5 días naturais contados desde o seguinte ao da publicación da convocatoria no BOP.
26/06/2017. DINAMIZACIóN

Volve a Vigo “No verán... un conto”

O Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Vigo presenta unha nova edición do programa “No verán… un conto”, co obxectivo de fomentar o uso do galego no ámbito do lecer. O programa, dirixido ao público infantil, familiar e adulto, inclúe contos, monicreques, obradoiros, xogos tradicionais, música, etc. As actividades comezan o 7 de xullo e rematan o 1 de setembro. No web do SNL do Concello de Vigo podes consultar o programa completo de actividades (coas datas e lugares de realización), así como unha sinopse das mesmas.
21/06/2017. AXUDAS E PREMIOS

XXII Premio Xornalístico Manuel Reimóndez Portela

A Fundación de Exposicións e Congresos da Estrada, en colaboración co Concello da Estrada e a Deputación de Pontevedra, convocan a vixésimo segunda edición deste premio, que se outorgará ao mellor traballo ou serie de traballos xornalísticos (ata un máximo de cinco), publicados en lingua galega en calquera dos medios de comunicación escritos. Poden optar ao premio, cuxa dotación económica é de 1000 euros, os traballos publicados ata o 31 de agosto de 2017. O prazo de recepción remata o 6 de setembro. Podes consultar as bases premendo aquí.
20/06/2017. AXUDAS E PREMIOS

Premio para a tecnoloxía en galego

Igaciencia, entidade que traballa a prol da introdución do galego na ciencia, fixo entrega dos galardóns do III Premio Inventa en Galego, unha iniciativa que promove esta entidade co apoio da Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia. A través deste proxecto, propónselles aos centros educativos que elaboren unha app Android na linguaxe de programación de App Inventor, co obxectivo de axudarlle ao alumnado a desenvolver o pensamento computacional e, ao mesmo tempo, contribuír á creación de aplicacións en galego. Nesta edición, o primeiro premio foi para a aplicación “BiciCoruña”, elaborada polo alumnado de 2º de Bacharelato do IES Ramón Menéndez Pidal, da Coruña. O IES de Culleredo tamén recibiu o segundo premio por un conxunto de sete aplicacións. Podes consultar a listaxe dos proxectos finalistas e gañadores no web de Igaciencia.
20/06/2017. INVESTIGACIóN

XI Certame Condado de Pallares

A Asociación de Amigos do Mosteiro de Ferreira de Pallares organiza a décimo primeira edición deste certame que ten por obxecto fomentar a investigación en lingua galega sobre o antigo territorio que conformaba o Condado de Pallares (concellos de Guntín, Portomarín, Taboada, Chantada e Carballedo). Os traballos deben ser orixinais e inéditos, estar redactados en galego e ter unha extensión mínima de 100 folios. A temática debe cinguirse aos ámbitos lingüístico, histórico, artístico, arqueolóxico, antropolóxico, etnográfico e folclórico. O gañador/a recibirá un premio de 3.000 euros. O prazo de presentación remata o 31 de outubro de 2017. Para consultar as bases preme aquí.
19/06/2017. OUTRAS

María Victoria Moreno será a autora homenaxeada no Día das Letras Galegas de 2018

O Plenario da Real Academia Galega (RAG) acordou, na sesión ordinaria do pasado sábado, 17 de xuño de 2017, que a autora homenaxeada no Día das Letras Galegas 2018 será María Victoria Moreno Márquez (Valencia de Alcántara, Cáceres, 1941 – Pontevedra, 2005), profesora, escritora, tradutora e dinamizadora cultural. No eido literario cultivou diferentes xéneros, pero foi na narrativa infantil e xuvenil onde acadou os maiores éxitos. Desenvolveu tamén un papel destacado no campo da didáctica, asinando algúns dos libros de texto de referencia para o ensino da lingua e literatura galegas. Como dinamizadora cultural, en 1968 abriu xunto con outros intelectuais, a libraría Xuntaza en Pontevedra. Tamén foi codirectora desde o seu inicio da colección infantil Árbore, de Galaxia. Para ampliar a información, preme aquí.
19/06/2017. CURSOS E CONGRESOS

Foro de debate sobre a Carta Europea para as Linguas Rexionais ou Minoritarias

O Consello da Cultura Galega (CCG) organiza o Foro de debate sobre a Carta Europea para as Linguas Rexionais ou Minoritarias, que terá lugar os vindeiros 29 e 30 de xuño de 2017 na sede do CCG, en Santiago de Compostela. Vinte e cinco anos despois da aprobación deste tratado internacional, o foro quere contribuír á avaliación da súa repercusión e actualidade, poñendo o foco na reflexión sobre o cumprimento dos compromisos adquiridos nos artigos 7 a 13 da Carta. Ao longo das xornadas participarán máis dunha trintena de especialistas e representantes das diferentes linguas rexionais ou minoritarias faladas no Estado español. A inscrición é gratuíta. As prazas (con número limitado a 40 persoas) cubriranse por orde de inscrición.
16/06/2017. EMPREGO

Bolsa de prácticas no SNL do Concello de Ames

O Concello de Ames oferta unha bolsa de prácticas para traballar no seu Servizo de Normalización Lingüística, a través do programa de formación FEUGA, dirixido a titulados/as universitarios/as nalgunha das tres universidades galegas, menores de 31 anos, que rematasen os seus estudos nos últimos tres anos e que carezan de experiencia laboral. No caso desta oferta, os/as aspirantes deben posuír a licenciatura en Filoloxía Galega ou o grao en Lingua e Literatura Galegas, ademais de estar inscritos/as no Servizo Público de Emprego de Galicia. A duración da bolsa será de 5 meses (prorrogables) a xornada completa. O salario será de 605 euros mensuais. O prazo para inscribirse na oferta remata o 23 de xuño de 2017.
13/06/2017. EMPREGO

Praza de técnico/a de normalización lingüística no Concello de Oroso

O Concello de Oroso publica as bases para a selección dun/ha técnico/a de normalización lingüística e a creación dunha bolsa de emprego para cubrir prazas de xeito temporal de normalizador/a lingüístico/a. O sistema de selección é o de oposición libre. Os/as aspirantes deben estar en posesión dalgunha das seguintes titulacións: Licenciatura en Filoloxía Galego–Portuguesa, Filoloxía Galega ou Filoloxía Hispánica (subsección Galego–Portugués), Grao en Lingua Galega, ou titulado en calquera outra licenciatura ou grao sempre que dispoña do Celga 5. O prazo de presentación de solicitudes é de dez días hábiles, contados a partir da publicación das bases no BOP da Coruña.
13/06/2017. AXUDAS E PREMIOS

Resólvense as axudas para o fomento do galego no ensino público

A Secretaría Xeral de Política Lingüística publica a resolución das axudas para os proxectos de fomento do uso do galego nos centros de ensino non universitario de titularidade pública, para o curso escolar 2016/2017. Podes consultar a listaxe de centros beneficiarios premendo aquí.
12/06/2017. DINAMIZACIóN

Resólvese as axudas para proxectos de innovación en dinamización lingüística


A Secretaría Xeral de Política Lingüística publica a resolución das axudas para a realización dos proxectos de innovación en dinamización lingüística nos centros públicos de ensino. Os cinco proxectos seleccionados son: “A lingua delas, a nosa lingua” (IES Plurilingüe Aquis Celenis), “A palabra é vida e vai ao lonxe” (CPI Plurilingüe de Vedra), “Nós somos un mundo. Cuntis, concello amigo da lingua” (CPI Aurelio Marcelino Rey García), “Proxecto Informa.gal” (CEIP de Viñagrande-Deiro) e “Un novo Broadway en Verín: o musical ‘Grease’”. Estes centros recibirán unha dotación económica de 2000 euros para executar os proxectos.
08/06/2017. AXUDAS E PREMIOS

Convócase o I Premio “Luís Porteiro Garea”

A Universidade de Santiago de Compostela convoca o I Premio “Luís Porteiro Garea”, co obxectivo de recoñecer publicamente o traballo de persoas, entidades ou colectivos a prol do uso do galego na universidade. O premio, que ten carácter de distinción pública e consistirá nun elemento artístico, entregarase nun acto público o vindeiro 15 de setembro de 2017, coincidindo co aniversario da primeira lección en galego pronunciada en 1915 polo profesor Porteiro Garea. O prazo para presentar as candidaturas remata o 15 de xullo.
08/06/2017. AXUDAS E PREMIOS

Premio para un videoensaio sobre a lingua galega no audiovisual

A Academia Galega do Audiovisual fixo públicos os/as gañadores/as da primeira edición dos Premios María Luz Morales de ensaio sobre o audiovisual. Na categoría de “Videoensaio sobre audiovisual galego” resultou gañador Brais Romero coa obra Films From Galicia (?), que achega unha visión crítica da marxinación do idioma galego na produción audiovisual. O mesmo autor recibiu un accésit polo seu traballo “O galego no cinema galego”, co que participou na categoría de “Ensaio escrito sobre audiovisual galego”. Podes ampliar a nova no web da Academia Galega do Audiovisual.
06/06/2017. DINAMIZACIóN

Obradoiro de escrita creativa para a rapazada de Vigo

O Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Vigo e mais a asociación de veciños Novo Vigo organizan un obradoiro de escrita creativa para a rapazada de entre 8 e 12 anos, que lles permitirá achegarse aos mecanismos da creación literaria empregando diferentes técnicas narrativas e exercitando o pensamento diverxente. O obradoiro desenvolverase os días 18 e 20 de xullo no local da asociación Novo Vigo (rúa As Teixugueiras, 11-portal 6 oficina 9-B). O prazo de inscrición comeza o 12 de xuño e manterase aberto ata completar as prazas. Podes obter máis información premendo aquí.
06/06/2017. CURSOS E CONGRESOS

Formación lingüística para o persoal da Administración autonómica

A Escola Galega de Administración Pública convoca cursos de formación continua para o persoal ao servizo da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia e das entidades públicas instrumentais do sector público autonómico. Entre a formación programada, ofértanse os seguintes cursos de contido lingüístico: “Manual de estilo do DOG e outras publicacións institucionais”, “Desenvolvemento e fomento das habilidades comunicativas na Administración pública”, “Ferramentas e técnicas para falar mellor en público”, “Destrezas lingüísticas para a redacción de textos na web” e “Comunicación escrita e elaboración de informes”. O prazo de presentación de solicitudes será de dez días naturais, contados a partir do seguinte ao da publicación da convocatoria.

06/06/2017. EMPREGO

Bolsas nos lectorados de lingua, literatura e cultura galegas

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria publica a convocatoria de cinco bolsas de formación nos lectorados de lingua, literatura e cultura galegas. As bolsas ofertadas son nas seguintes universidades: Universidade do Algarve, Universidade de Estremadura, Universidade de Granada, Universidade Complutense de Madrid e Università degli Studi di Padova. O prazo de presentación de solicitudes é dun mes, contado a partir do día seguinte ao da publicación da convocatoria.
05/06/2017. EMPREGO

Praza de técnico/a de normalización lingüística no Concello de Cambre

O Concello de Cambre publica as bases para o nomeamento interino dun técnico/a de normalización lingüística e a creación dunha relación de candidatos/as para nomeamentos interinos de técnicos/as de normalización lingüística. O sistema de selección é o de concurso-oposición. Os/as aspirantes deben estar en posesión dalgunha das seguintes titulacións: Licenciatura en Filoloxía Galego-Portuguesa, Filoloxía Galega ou Filoloxía Hispánica (Subsección Galego-Portugués), Grao en Lingua e Literatura Galega, ou outro grao/licenciatura sempre que estean en posesión do Celga 5. O prazo de presentación de solicitudes comeza o 7 de xuño e remata o 15 de xuño de 2017. Podes consultar as bases no web do Concello de Cambre.
02/06/2017. CURSOS E CONGRESOS

XIII Curso de verán sobre dinamización lingüística

O Servizo de Normalización Lingüística da Universidade da Coruña, en colaboración co Concello de Carballo, a Coordinadora de Traballadores/as de Normalización da Lingua e a Secretaría Xeral de Política Lingüística, organiza a décimo terceira edición do Curso de verán sobre dinamización lingüística "Traballando en lingua", que nesta edición se centrará en analizar o sector da música e a súa contribución no proceso de normalización lingüística. As sesións desenvolveranse os días 19 e 20 de xullo de 2017 no Fórum Carballo. O prazo de matrícula remata o 13 de xullo.
02/06/2017. EMPREGO

Praza de técnico/a de normalización lingüística no Concello de Sada

O Concello de Sada publica as bases que rexerán a convocatoria para a selección dun técnico/a de normalización lingüística, que será contratado/a como persoal laboral temporal. O sistema de selección é o de oposición libre. Os aspirantes deben estar en posesión dalgunha das seguintes titulacións: Licenciatura en Filoloxía Galego-Portuguesa, Filoloxía Galega ou Filoloxía Hispánica (sección Galego-Portugués), Grao en Lingua e Literatura Galegas, ou outras titulacións grao/licenciatura sempre que estean en posesión do Celga 5. O prazo de presentación de solicitudes é de 10 días naturais, contados a partir do día seguinte ao da publicación do anuncio da convocatoria no Boletín Oficial da Provincia. Podes consultar as bases no web do Concello de Sada.
02/06/2017. AXUDAS E PREMIOS

Resólvense os XXIII Premios Lois Peña Novo

O xurado dos Premios Lois Peña Novo deu a coñecer os gañadores da vixésimo terceira edición destes galardóns, deseñados para animar o proceso de normalización lingüística no eido das administracións públicas, na vida institucional de Galicia e na sociedade en xeral. Nesta edición os/as premiados/as son Sandra Piñeiro Vilas, maxistrada no Xulgado do Social nº 3 de Lugo; Xurxo Mariño Alfonso, biólogo, profesor do Departamento de Medicina da UDC e divulgador científico; e a Asociación Cultural Ponte... nas Ondas!, polos seus máis de 20 anos de traballo a prol do patrimonio inmaterial galego-portugués. O acto de entrega dos galardóns terá lugar o 29 de xuño, ás 19:30 h, no Castelo de Soutomaior. Podes ampliar a nova premendo aquí.
02/06/2017. DINAMIZACIóN

O Concello de Santiago premia a publicidade comercial en galego

O Concello de Santiago presenta a quinta edición do Concurso de proxectos de publicidade comercial en galego, co obxectivo de fomentar o uso do galego na comunicación do sector socioeconómico compostelán. Para participar cómpre presentar un proxecto publicitario orixinal, elaborado por profesionais do deseño, dirixido a publicitar un establecemento comercial, hostaleiro ou empresarial compostelán. O xurado outorgará dous premios, cunha dotación económica de 5.000 euros cada un. O prazo de inscrición remata o 30 de xuño de 2017. Para ampliar a información, preme aquí.
31/05/2017. EMPREGO

Praza de técnico/a de normalización lingüística no Concello de Arzúa

O Concello de Arzúa publica as bases que rexerán a convocatoria para a selección dun técnico de normalización lingüística, a xornada parcial, na modalidade de funcionario/a interino/a. O sistema de selección é o de oposición libre. Os/as aspirantes deben estar en posesión dalgunha das seguintes titulacións: Licenciatura en Filoloxía Galego-Portuguesa, Filoloxía Galega ou Filoloxía Hispánica (subsección Galego-Portugués), Grao en Lingua e Literatura Galegas, ou outras titulacións grao/licenciatura sempre que estean en posesión do Celga 5. O prazo de presentación de solicitudes é de 10 días hábiles, contados a partir do día seguinte ao da publicación do anuncio da convocatoria no Diario Oficial de Galicia. Podes consultar as bases da convocatoria, premendo aquí.