Novas da lingua

Rexistros2371 a 2400 de 5436
11/05/2018. AXUDAS E PREMIOS

Axudas para a edición en galego de materiais didácticos

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria publica a convocatoria de subvencións para a edición en lingua galega de recursos didácticos curriculares para niveis non universitarios. As axudas están dirixidas ás empresas mercantís do sector editorial e o prazo para a presentación de solicitudes é dun mes, contado a partir do día seguinte ao da publicación desta convocatoria.
09/05/2018. DINAMIZACIóN

Chega unha nova edición do concurso #fotolingua

O Departamento de Lingua Galega do Concello de Santiago de Compostela presenta a terceira edición do concurso #fotolingua, co obxectivo de darlles visibilidade aos establecementos comerciais da cidade comprometidos co uso do galego. Para participar debes facerte seguidor/a da conta de Facebook ou Instagram da iniciativa e subir unha fotografía na que se amose o galego na paisaxe empresarial e comercial de Santiago de Compostela (cartelería, escaparates, elementos decorativos, letreiros, etiquetaxe, sinalética...). As fotos deben publicarse con estes tres cancelos: #establecementoengalego, #fotolingua, #ogalegovende. O prazo para subir as imaxes remata o 7 de xuño de 2018. As persoas gañadoras recibirán como premio unha cámara Polaroid Snap. Consulta as bases completas premendo aquí.
07/05/2018. DINAMIZACIóN

Premio para a creatividade audiovisual en galego

O Concello de Zas convoca a terceira edición dos Premios Fouciño, deseñados para premiar o talento creativo no eido audiovisual e incentivar o uso do galego na rede. O certame contempla dúas categorías, unha para centros de ensino e outra aberta para o público xeral. Os/as participantes deben elaborar unha curtametraxe cunha duración máxima de 5 minutos. A temática é libre e a lingua da gravación debe ser o galego, ou posuír subtítulos en galego. O prazo de inscrición remata o 31 de maio de 2018. As curtametraxes finalistas proxectaranse nun festival que terá lugar o 30 de xuño. Outorgarase un premio de 300 euros para o centro gañador na categoría de centros de ensino, e outro premio de 700 euros para o gañador/a na categoría aberta ao público xeral. Podes consultar as bases completas do concurso premendo aquí.
07/05/2018. DINAMIZACIóN

O Couto convértese un ano máis na aldea das letras

A Asociación de Veciños Monte Branco e a Fundación Eduardo Pondal presentan o Festiletras 2018, un amplo programa de actividades lúdicas e educativas que converterán un ano máis O Couto, en Ponteceso, na “aldea das letras”. O festival, que se celebra anualmente para conmemorar o Día das Letras Galegas, terá lugar este ano entre os días 16 e 20 de maio, cun programa que inclúe actuacións musicais, obradoiros didácticos, feira de artesanía, espectáculos infantís, etc. Nesta edición, o ámbito científico terá un especial protagonismo, pois o programa dedica unha xornada completa ao proxecto Festiciencia, un evento deseñado para difundir a ciencia e a tecnoloxía en galego. Podes manterte ao día das novidades relacionadas co Festiletras a través da súa páxina de Facebook.
04/05/2018. CURSOS E CONGRESOS

Propostas de promoción do galego oral a través da creación poética

O Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Vigo organiza para este mes de maio dúas novas actividades dirixidas a promover o uso oral do galego a través da creación poética. O vindeiro 22 de maio terá lugar no Centro de Interpretación da Oralidade de Vigo (CIOV) o Obradoiro de Slam, onde os participantes coñecerán que é o slam e aprenderán técnicas de composición e interpretación de textos propios. Unha semana máis tarde, comezará tamén no CIOV o Obradoiro de creación e interpretación poética, no que se fará un repaso pola poesía oral galega e tamén se ensinarán técnicas de improvisación oral e creación literaria. Os dous obradoiros están dirixidos a persoas maiores de 16 anos e serán impartidos por Silvia Penas.
04/05/2018. DINAMIZACIóN

Feiraco súmase á celebración das Letras Galegas

A cooperativa Feiraco presentou as iniciativas que este ano organiza con motivo do Día das Letras Galegas 2018, dedicado á escritora María Victoria Moreno. Unha das accións máis salientables é a convocatoria dunha nova edición do Certame de Microrrelatos Feiraco, organizado en colaboración coa Secretaría Xeral de Política Lingüística e Pousadas de Compostela. A maiores, tamén se desenvolverá durante o mes de maio a campaña de animación á lectura “Practica a Leitura”, e os máis cativos/as teñen accesible xa en liña a reedición dos contos De onde vén o leite?. Podes ampliar a información premendo aquí.
03/05/2018. DINAMIZACIóN

Nova edición do Concerto das Letras Galegas

O Consello da Cultura Galega organiza unha nova edición do seu tradicional Concerto das Letras Galegas, que este ano terá lugar o 16 de maio de 2018, ás 21:00 h, no Auditorio da Sede Afundación de Pontevedra. A Real Filharmonía de Galicia, dirixida por Maximino Zumalave, contará co acompañamento da soprano Anaís G. Fernández Cerneira e dun coro formado por intérpretes do Collegium Compostellanum, Sólo Voces e o Coro de Cámara Rías Baixas, que interpretarán un repertorio integrado por obras galegas en homenaxe a María Victoria Moreno. A entrada é libre e gratuíta, previa inscrición. Podes obter máis información sobre o programa do concerto e mais os trámites de inscrición premendo aquí.
03/05/2018. OUTRAS

Medra a oferta xornalística en galego

Nesta primeira metade do ano 2018 botan a andar dous novos xornais dixitais, Adiante.gal e Xornal de Vigo, que se suman á oferta xornalística en liña no noso idioma. Adiante.gal é un proxecto de ámbito galego para a difusión de información e análise da actualidade social e política do país. Pola súa parte, Xornal de Vigo defínese como un xornal dixital en galego para Vigo e a súa área metropolitana centrado na actualidade política, económica, cultural, deportiva e social de todo o sur da provincia.

02/05/2018. DINAMIZACIóN

III Certame de música infantil e xuvenil Quero Cantar

A Deputación da Coruña convoca a terceira edición do concurso musical infantil “Quero Cantar”, coa intención de fomentar o uso da lingua galega, así como a creatividade poética e musical. O certame está dirixido a solistas ou grupos musicais de ámbito galego, formados por rapaces e rapazas de ata 16 anos, que interpreten unha composición en galego con letra e música orixinais e inéditas. Establécense dúas categorías, segundo a idade dos participantes. Outorgaranse diferentes premios entre os cinco primeiros clasificados de cada categoría, que recibirán material musical, produtos culturais en galego e terán a oportunidade de gravar a súa canción en estudio. O prazo para a presentación de solicitudes remata o 19 de outubro de 2018. Para ampliar esta información, preme aquí.
02/05/2018. INVESTIGACIóN

Cadernos de Lingua, agora tamén en edición dixital

A Real Academia Galega presenta a nova plataforma web, de acceso libre, da súa revista Cadernos de Lingua, co obxectivo de promover a difusión internacional dos seus contidos. Cadernos de Lingua creouse en 1990 e está centrada fundamentalmente no estudo do idioma galego, aínda que tamén presta atención a cuestións referidas a outras linguas que poidan ser relevantes para un mellor coñecemento do galego. A partir deste momento todos os números da revista están accesibles en liña e a actualización dos seus contidos será constante. A maiores, unha vez ao ano seguirá saíndo do prelo un novo número en papel con todas as achegas recibidas. Para ampliar esta nova, preme aquí.
27/04/2018. DINAMIZACIóN

Nova campaña para fortalecer a identidade lingüística da mocidade

A Deputación da Coruña presentou publicamente a campaña “O galego: a miña lingua”, que ten como obxectivos fomentar o uso do galego en todos os ámbitos da vida e fortalecer a identidade lingüística da poboación moza. Así pois, a partir do vindeiro 7 de maio diferentes representantes da literatura, a música, o xornalismo, as novas tecnoloxías e as artes plásticas percorrerán os centros de ensino de 43 concellos da provincia da Coruña para sensibilizar aos/ás adolescentes da importancia do uso do galego. Podes ampliar esta nova premendo aquí.
25/04/2018. AXUDAS E PREMIOS

XV Premio Luísa Villalta a Iniciativas Normalizadoras

Os servizos de normalización lingüística das tres universidades galegas, coa colaboración da Secretaría Xeral de Política Lingüística, organizan a décimo quinta edición do Premio Luísa Villalta a Iniciativas Normalizadoras, que ten como principal obxectivo promover a reflexión e dinamización lingüísticas no ámbito universitario. O premio está dirixido a toda a comunidade universitaria galega e conta con dúas modalidades: “idea para a promoción do galego” e “deseño dunha campaña normalizadora”. O prazo de presentación de solicitudes remata ás 14:00 h do día 25 de outubro de 2018.
25/04/2018. DINAMIZACIóN

Queremos Galego reivindica o dereito a vivir en galego día a día

A plataforma cidadá Queremos Galego, que agrupa a máis de 500 colectivos sociais de diversos ámbitos, presenta a convocatoria da manifestación do vindeiro 17 de maio, que coincidindo coa festividade do Día das Letras Galegas reivindicará de xeito festivo o dereito a vivir en galego con normalidade. A manifestación sairá ás 12:00 h da alameda compostelá e percorrerá as rúas de Santiago baixo o lema “En galego día a día”. Para ampliar esta información, preme aquí.
24/04/2018. CURSOS E CONGRESOS

Formación lingüística para o persoal da Administración autonómica

A Escola Galega de Administración Pública convoca cursos de formación continua para o
persoal ao servizo da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, das entidades públicas instrumentais do sector público autonómico e da Administración institucional. Entre a formación programada, ofértanse os seguintes cursos de contido lingüístico: “Linguaxe administrativa non sexista e imaxe igualitaria na práctica da xestión pública” e “Actualización gramatical e ortográfica da lingua galega”. O prazo de presentación de solicitudes será de dez días naturais, contados a partir do seguinte ao da publicación da convocatoria.
23/04/2018. AXUDAS E PREMIOS

Resolución definitiva das axudas para SNL da provincia da Coruña

A Deputación da Coruña publica, no BOP do 23 de abril de 2018, a resolución definitiva da convocatoria de subvencións a concellos e entidades locais da provincia da Coruña para a creación, mantemento e reforzo dos servizos de normalización lingüística (SNL) durante o ano 2018. Para consultar o texto completo da resolución, preme aquí.
16/04/2018. DINAMIZACIóN

Homenaxe para os/as nenos/as que falan galego "porque lles peta"

Co gallo da conmemoración do vindeiro Día das Letras Galegas, un grupo de persoas está a difundir en Internet a iniciativa Porque me peta!, co obxectivo de renderlles unha homenaxe a todas as nenas e nenos que falan galego. Os/as promotores/as da iniciativa fan un chamamento á cidadanía no seu conxunto, e especialmente a aquelas persoas que traballan en ámbitos mediáticos coma o deporte, a música ou o audiovisual, para que elaboren pequenos vídeos de 5 ou 10 segundos con mensaxes de agradecemento a todos estes nenos e nenas que manteñen vivo o noso idioma. Con todas as mensaxe farase un vídeo colectivo que se estreará nunha festa infantil (con música, xogos, comida, maxia, contos, pintura...) que terá lugar o vindeiro 17 de maio de 2018 en Ourense.
16/04/2018. CURSOS E CONGRESOS

O CCG analiza a relación entre lingua, medios públicos e dobraxe

A Sección de Lingua, Literatura e Comunicación do Consello da Cultura Galega organiza a
xornada Lingua, medios públicos e dobraxe. Perspectivas dun modelo cambiante, que terá lugar o 3 de maio de 2018 no Consello da Cultura Galega. Esta xornada pretende analizar o panorama actual do emprego do galego nos medios de comunicación públicos, prestando especial atención á dobraxe. A inscrición realizarase a través do formulario habilitado para este efecto e as prazas cubriranse por estrita orde de chegada.
11/04/2018. AXUDAS E PREMIOS

Subvencións para a distribución de contidos audiovisuais en galego na provincia da Coruña

A Deputación da Coruña publica as bases do programa de subvencións a empresas audiovisuais para apoiar a distribución, comercialización e exhibición audiovisual en lingua galega na provincia da Coruña durante o ano 2018. O programa contempla dúas modalidades, unha de apoio aos contidos audiovisuais galegos para a súa distribución e exhibición en lingua galega (VO, VOSG ou dobraxe); e outra para a distribución en galego (VO, VOSG ou dobraxe) de contidos audiovisuais non galegos, feitos fóra de Galicia. O prazo de presentación de solicitudes, segundo o extracto publicado no BOP do 9 de abril, remata o vindeiro 8 de maio. Podes consultar o texto completo da convocatoria premendo aquí.
03/04/2018. AXUDAS E PREMIOS

Axudas a entidades culturais da provincia de Pontevedra para a promoción do galego

A Deputación de Pontevedra publica as bases reguladoras da concesión de subvencións, dirixidas a entidades culturais sen fin de lucro da provincia de Pontevedra, para desenvolver actividades de promoción do galego durante o ano 2018. As accións subvencionables deben pertencer a algunha das seguintes tipoloxías: certames literarios e xornalísticos; creación audiovisual e literaria; feiras/eventos de promoción da creación en galego; estudos de sociolingüística; xornadas e publicacións sobre recuperación da toponimia; iniciativas de dinamización comercial en galego; iniciativas de conmemoración do Día das Letras Galegas, ou recoñecementos a persoas e colectivos que aposten polo galego. O prazo para a presentación de solicitudes remata o vindeiro 30 de abril.
02/04/2018. DINAMIZACIóN

Lingua, música e mocidade volven xuntarse en Ferrol

A Coordinadora de Equipas de Normalización Lingüística de Ferrolterra e o Concello de Ferrol organizan a vixésima sexta edición do festival “A mocidade coa lingua”, unha iniciativa que busca fomentar a creatividade e o uso do galego no ámbito do lecer. Esta edición contará coa colaboración especial do grupo A Banda da Loba, así como as actuacións das formacións estudantís: Coro Solidarium (IES Terra de Trasancos), Irene Beceiro e Manolo Dopico (IES Concepción Arenal), Arredemo, (IES de Fene), Raptios (CPI de Atios de Valdoviño), Carvalho Quartet (IES Carvalho Calero), Pay FUNk-Ta (CPR Tirso) e Indianos (IES Fernando Esquío de Neda). O festival celebrarase o 5 de abril de 2018, a partir das 10:30 h, no Auditorio de Ferrol. Para ampliar a nova, preme aquí.
02/04/2018. AXUDAS E PREMIOS

Axudas ás entidades locais para a promoción do galego

A Secretaría Xeral de Política Lingüística convoca subvencións destinadas á creación, mantemento ou reforzamento de servizos de normalización lingüística nas entidades locais, así como ao desenvolvemento de proxectos de dinamización lingüística. Poderán acollerse a estas axudas os concellos ou agrupacións de concellos con poboación igual ou superior aos 3.000 habitantes. O prazo de presentación de solicitudes é dun mes, contado a partir do día seguinte ao da publicación desta convocatoria.
27/03/2018. DINAMIZACIóN

O galego é produto estrela para o alumnado do IES A Sangriña

O Equipo de Normalización Lingüística do IES A Sangriña, en colaboración co Concello da Guarda, presentan a campaña “O galego, produto estrela”, unha iniciativa deseñada para fomentar e normalizar o uso do galego no comercio e ampliar os seus ámbitos de uso. Os promotores da iniciativa contactaron xa cos representantes das tres principais asociacións de comerciantes do concello (AGUDE, Mercado do Reló e ACIGU) para convidalos a adherirse á campaña. O alumnado axudará na tradución e deseño de carteis e documentación publicitaria que dea visibilidade ao galego como elemento distintivo do comercio local. Así mesmo, tamén se ofrecen a traducir as cartas e menús dos restaurantes a diferentes idiomas. Podes ampliar esta nova premendo aquí.
27/03/2018. CURSOS E CONGRESOS

XVII Xornadas de Lingua e Literatura

A Asociación Socio-Pedagóxica Galega e a CIG-Ensino organizan unha nova edición das Xornadas de Lingua e Literatura. Os obxectivos son ofrecer ferramentas didácticas útiles para a docencia da lingua e a literatura galegas, así como reflexionar sobre o proceso de normalización lingüística no ámbito do ensino. A xornada, dirixida ao colectivo de profesorado non universitario de Galicia, terá lugar o 14 de abril de 2018 no IES As Fontiñas (Santiago de Compostela). O prazo de matrícula remata o 12 de abril.
27/03/2018. DINAMIZACIóN

Volve a Pontevedra o Galegote Rock

O Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Pontevedra presenta a sétima edición do Galegote Rock, un programa de concertos que ten como obxectivos promover os grupos musicais que cantan en galego e crear espazos de uso para o noso idioma no ámbito do lecer. O Galegote Rock celebrarase entre os días 25 a 28 de abril de 2018 en distintos espazos da cidade. Nesta edición actuarán Eu Son Voodoo, Boyanka Kostova, Monoulious DOP, Son da Rúa, Cinta Adhesiva, Espiño, Esposa, Ataque Escampe, The Lelly Kelly's, Os Amigos dos Músicos e Dakidarría. Podes consultar o programa completo premendo aquí. Tamén podes manterte ao día das últimas novidades a través do Facebook da iniciativa.
27/03/2018. CURSOS E CONGRESOS

Xornadas de fraseoloxía multilingüe na aula

Os vindeiros 4, 5 e 12 de maio de 2018 terán lugar en Santiago de Compostela as Xornadas de fraseoloxía multilingüe na aula, unha iniciativa de formación para o profesorado non universitario que quere establecer un espazo de traballo e reflexión conxunta sobre a fraseoloxía, tendo en conta a súa potencialidade didáctica para transmitir ao alumnado as particularidades socioculturais de cada comunidade lingüística. As sesións terán lugar no salón de graos da Facultade de Filoloxía (4 de maio) e no salón de graos do MUPEGA (5 e 12 de maio). O prazo de matrícula remata o 2 de maio.
22/03/2018. OUTRAS

A Mesa avalía a presenza do galego na programación televisiva infantil

A Mesa pola Normalización Lingüística presenta o informe A situación da lingua galega na programación televisiva infantil, elaborado por esta entidade no mes de febreiro de 2018. O estudo constata que a programación infantil en galego só está presente na segunda canle da Televisión de Galicia (TVG2), cun 41,70% do tempo de emisión nos días laborables e un 24,3% na fin de semana. Se temos en conta o total das canles, a presenza do galego sería dun 4,6% nos días laborables e dun 2,7% nas fins de semana. Para reverter o evidente retroceso do galego na programación televisiva infantil, A Mesa propón unha serie de medias, como crear unha terceira canle na TVG exclusiva para público infantil, garantir a opción de dobraxe ao galego na programación infantil das outras canles, activar as licenzas galegas de TDT existentes ou ampliar a oferta de DVD e outro material audiovisual en galego.
21/03/2018. AXUDAS E PREMIOS

XIV Premio a artigos xornalísticos normalizadores

O Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Carballo convoca a décimo cuarta edición deste premio deseñado para promover a reflexión sobre a situación social da lingua galega e incentivar o seu uso na prensa escrita. Outorgarase un único premio de 1.250 euros, ademais da publicación do artigo gañador nos nove medios de comunicación que colaboran coa iniciativa. O prazo de presentación dos artigos, que deben ser inéditos, remata o 20 de abril de 2018. Podes consultar as bases completas do certame premendo aquí.
21/03/2018. EMPREGO

Prazas para profesorado de Lingua Galega e Literatura no ensino secundario

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria publica a convocatoria do procedemento selectivo para ingreso e acceso ao corpo de profesorado de ensino secundario. Entre as prazas ofertadas inclúense 75 para a especialidade de “Lingua Galega e Literatura”. O proceso de selección será o de concurso-oposición. O prazo de presentación de solicitudes é de quince días hábiles, contados a partir do seguinte ao da publicación da convocatoria.
21/03/2018. DINAMIZACIóN

25 anos recibindo o mes de maio en galego en Pontevedra

O Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Pontevedra e mais a Coordinadora de Equipos de Normalización da Lingua Galega dos IES e CIFP de Pontevedra organizan unha nova edición do programa Ben veñas, maio, que este ano conmemora o seu 25 aniversario. A iniciativa, dirixida ao alumnado de ensino medio, está deseñada para fomentar o uso do galego nas actividades propias da mocidade. O alumnado ten de prazo ata o 20 de abril para participar en diferentes certames: fotografía, banda deseñada, narración curta, poesía, música e curtametraxes. A maiores, durante os días 9, 10 e 11 de maio celebrarase no Teatro Principal a XXII Semana Teatral, onde se amosará o traballo realizado polos grupos de teatro dos institutos ao longo do curso.
20/03/2018. OUTRAS

Preséntase a colección “Vídeos didácticos USC”

O Servizo de Normalización Lingüística (SNL) da Universidade de Santiago presenta unha colección de vídeos didácticos en galego útiles para a docencia e a divulgación científica, que tamén poden contribuír a crear novas canles de comunicación para o profesorado e alumnado universitario. A colección estréase cunha ducia de vídeos, dunha duración media de entre 8 e 10 minutos, de diferentes áreas de coñecemento (física, bioloxía, dereito, xeografía...) Con este proxecto, que ten carácter aberto e irá medrando con novas pezas audiovisuais, o SNL quere promover a incorporación do galego a novos espazos comunicativos (como a docencia virtual) e fomentar a difusión do coñecemento científico fóra das aulas universitarias. Podes ampliar a nova premendo aquí.