O Consello da Cultura Galega, a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria da Xunta de Galicia e o Concello de Mondoñedo organizan a quinta edición do certame musical No bico un cantar, co obxectivo de trasladar a paixón pola música culta e a poesía galega a escolares de toda Galicia e, ao tempo, axudar a crear un repertorio musical en galego para coros. Nesta edición, o alumnado dos conservatorios profesionais e escolas de música de Galicia interpretarán poemas de Álvaro Cunqueiro, A. Noriega Varela, Manuel Leiras Pulpeiro, Aquilino Iglesias Alvariño e Xosé Díaz Jácome. O concerto, dirixido por Maximino Zumalave co acompañamento do quinteto de metais Hércules Brass, celebrarase o vindeiro venres, 2 de xuño de 2017, ás 17:30 h, na Praza da Catedral de Mondoñedo.
29/05/2017. DINAMIZACIóN
29/05/2017. DINAMIZACIóN
O xurado do proxecto Youtubeir@s fixo públicos os vídeos gañadores da primeira edición deste concurso, elixidos entre máis de 200 pezas presentadas. A entrega de premios tivo lugar o pasado venres, 26 de maio, no Teatro Principal de Ourense. Na categoría “vídeo-facermos” a peza gañadora foi “Guiso especial Anti-San Valentín” e na categoría “vídeo-opinarmos” o premio foi para “Prohibido plantar patacas: a praga da couza guatemalteca". Tamén se entregaron catro mencións honoríficas aos seguintes vídeos: “SmartFol G6! Unha REVIEW moi especial...” (polo seu enxeño e creatividade), “Tortilla de Pascua” (pola súa eficiencia comunicativa), “1000rpm - A noite” (pola súa calidade técnica) e “Seis pasos para falar malpicán” (pola súa calidade lingüística).
26/05/2017. EMPREGO
A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria publica a convocatoria para cubrir cinco prazas nos lectorados de lingua, literatura e cultura galegas. As prazas ofertadas son nos centros de estudos galegos das seguintes universidades: Universidade Autónoma de Barcelona, Universidade de Cork, Universidade de Deusto, Universidade de Heidelberg e Universidade de Miño. O prazo de presentación de solicitudes é dun mes, contado a partir do día seguinte ao da publicación da convocatoria.
22/05/2017. AXUDAS E PREMIOS
O xurado do XIII Premio a Artigos Xornalísticos Normalizadores do Concello de Carballo acordou, o pasado 9 de maio de 2017, outorgarlle o galardón na súa décimo terceira edición ao artigo Inchazón, de Iria Veiga, médica psiquiatra no Hospital do Barbanza. Xa podes lelo en Internet en Galicia Confidencial, Que pasa na Costa, La Opinión A Coruña, Praza Pública, Sermos Galiza e La Voz de Galicia. Tamén podes ler os artigos premiados en anteriores edicións nesta ligazón.
19/05/2017. EMPREGO
A Universidade de Santiago de Compostela anuncia a convocatoria pública de contratación de persoal para colaborar en actividades de investigación mediante contrato de obra ou servizo determinado. Seleccionarase persoal, entre outros, para o proxecto “Consolidación e estruturación. REDES 2016 GI-1743 TECANDALI Tecnoloxía e Análise de Datos Lingüísticos”, que se está a desenvolver no Instituto da Lingua Galega. Os aspirantes deben posuír a Licenciatura ou Grao en Filoloxía Galega / Lingua e Literatura Galegas e estar matriculados/as nun programa de doutoramento na USC. O prazo de presentación de solicitudes remata o 21 de maio de 2017. Para ampliar información, preme aquí.
19/05/2017. AXUDAS E PREMIOS
A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria publica a convocatoria de subvencións para a edición en lingua galega de recursos didácticos curriculares para niveis non universitarios. As axudas están dirixidas ás empresas mercantís do sector editorial e o prazo para a presentación de solicitudes é dun mes, contado a partir do día seguinte ao da publicación desta convocatoria.
16/05/2017. AXUDAS E PREMIOS
Os servizos de normalización lingüística das tres universidades galegas, coa colaboración da Secretaría Xeral de Política Lingüística, organizan a décimo cuarta edición do Premio Luísa Villalta a Iniciativas Normalizadoras, que ten como principal obxectivo promover a reflexión e dinamización lingüísticas no ámbito universitario. O premio está dirixido a toda a comunidade universitaria galega e conta con dúas modalidades: “idea para a promoción do galego” e “deseño dunha campaña normalizadora”. O prazo de presentación de solicitudes remata o 27 de outubro de 2017.
16/05/2017. CURSOS E CONGRESOS
O Servizo de Normalización Lingüística da Universidade da Coruña convoca, en colaboración coa Secretaría Xeral de Política Lingüística, o IX Curso de Verán de Lingua e Cultura Galegas para Persoas Estranxeiras, dirixido a persoas de fóra de Galicia interesadas en se introduciren no estudo do noso idioma ou perfeccionaren a súa competencia. O curso, de 80 horas lectivas, conta con dous niveis de formación, un nivel elemental (A1-A2) e un nivel intermedio (B1-B2). As sesións impartirase entre o 3 e 24 de xullo de 2017 na Facultade de Filoloxía da UDC (campus da Zapateira). O prazo para formalizar a inscrición remata o 29 de maio de 2017.
16/05/2017. DINAMIZACIóN
Co gallo da celebración do Día das Letras Galegas, a asociación PuntoGal e a empresa Dinahosting presentan o sitio web “Velaquí”, un servizo en galego que permite o intercambio gratuíto de arquivos entre usuarios/as. O servizo permite compartir arquivos de ata 2GB en múltiples formatos, así como a subida simultánea de varios arquivos na mesma solicitude. O/a usuario/a do servizo pode compartir os arquivos de xeito público ou privado, elixir a posibilidade de cifrar a información, elixir os destinatarios/as, limitar o número de descargas ou establecer unha data de caducidade do enlace. Así memo, do 17 ao 31 de maio de 2017 tamén se poderá obter un dominio .gal a un prezo rebaixado. Para ampliar información, preme aquí.
15/05/2017. INVESTIGACIóN
A Asociación Cultural O Galo e a editorial Xerais anuncian a presentación en Santiago de Compostela da obra Galegocalantes e galegofalantes, autoría de Carlos Callón. A obra ofrece unha análise da situación sociolingüística en Galicia desde o ano 2009 e fornece argumentos para continuar na defensa do noso idioma. O acto de presentación terá lugar mañá, 16 de maio de 2017, ás 20:30 horas, na libraría Pedreira (rúa do Home Santo, 55) e nel intervirán Marcos Maceiras e mais o propio autor, Carlos Callón.
15/05/2017. DINAMIZACIóN
A Comisión de Normalización Lingüística da Facultade de Filoloxía da Universidade de Santiago de Compostela coordina, en colaboración co Servizo de Normalización Lingüística e mais as comisións de normalización de diferentes facultades da USC, o I Certame de música galega da USC, deseñado para fomentar a escritura de letras de cancións en galego e a creatividade por parte da mocidade universitaria. Poderán participar tanto solistas como formacións musicais de calquera xénero musical. O certame está dirixido ao alumnado da USC, mais no caso das formacións será suficiente con que un dos integrantes estea cursando estudos nesta universidade. O xurado outorgará tres premios en metálico e, a maiores, os finalistas actuarán a finais de outubro no Teatro Principal de Santiago. O prazo de presentación de traballos remata o mércores 22 de setembro de 2017 ás 14:00 horas.
12/05/2017. DINAMIZACIóN
A Real Academia Galega celebrará unha sesión extraordinaria aberta ao público o vindeiro 17 de maio en Xinzo de Limia, a vila na que medrou Carlos Casares, autor ao que se lle rende homenaxe este ano no Día das Letras Galegas. O acto terá lugar no salón de plenos do concello a partir das 11:30 horas. Na cerimonia intervirán os/as académicos Fina Casalderrey, Henrique Monteagudo e Xesús Alonso Montero. O presidente da RAG, Víctor F. Freixanes, será o encargado de pechar o acto. Para ampliar esta nova, preme aquí.
11/05/2017. DINAMIZACIóN
O proxecto Apego, para a socialización da infancia en galego, presenta o vídeo musical “Vou para a cama”, con letra e música de Paco Nogueiras. Trátase dun novo recurso na nosa lingua que pode axudar aos máis pequenos/as a que adquiran hábitos e rutinas saudables, como ir para a cama á súa hora. Este recurso súmase á serie As aventuras de Po, unha colección de vídeos infantís a través dos cales o polbo Po, mascota do Apego, ensina cores e froitas, os son e os nomes dos animais, as partes do corpo, etc.
11/05/2017. DINAMIZACIóN
No marco das súas actividades de responsabilidade social empresarial, as empresas alimentarias Vegalsa-Eroski e Supermercados Gadis volven sumarse un ano máis á celebración do Día das Letras Galegas, homenaxeando a figura de Carlos Casares. Supermercados Gadis está distribuíndo desde comezos de maio máis de dous millóns de bolsas cun fragmento da colección de ensaios “Un país de palabras”, autoría de Carlos Casares. Así mesmo, a clientela que acuda ás súas tendas o vindeiro 16 de maio recibirá un marcapáxinas cunha pasaxe da “A galiña azul”, do mesmo autor, e un exemplar de “Contos do sol e da lúa”, recompilatorio de contos infantís da escritora Helena Villar Janeiro. Pola súa parte, Velgasa-Eroski, en colaboración coa Secretaría Xeral de Política Lingüística, tamén distribuirá 400.000 bolsas de edición especial e 500 carteis para difundir a figura de Carlos Casares entre a clientela da súa rede de supermercados en Galicia.
10/05/2017. AXUDAS E PREMIOS
O xurado do XIII Premio a artigos xornalísticos normalizadores, iniciativa do Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Carballo, fixo público o artigo gañador da décimo terceira edición deste certame. Iria Veiga Ramos, médica psiquiatra no Hospital do Barbanza, foi a gañadora co artigo titulado “Inchazón”. A autora recibirá un premio en metálico de 1.250 euros, ademais da publicación do artigo nos medios de comunicación colaboradores. Podes obter máis información premendo aquí.
09/05/2017. DINAMIZACIóN
No marco da campaña Cárgate de sentido común, A Mesa pola Normalización Lingüística presenta a curtametraxe S.C. Atréveste a vivir a experiencia?, inspirada nun capítulo da serie Black Mirror. Trátase dunha peza audiovisual na que se amosan as dificultades sociais, económicas e laborais que unha persoa pode chegar a ter no seu día a día se decide expresarse con naturalidade en galego en calquera ámbito ou situación. O obxectivo é xerar debate social e concienciar a cidadanía da conculcación de dereitos lingüísticos que habitualmente sofren os galegofalantes.
09/05/2017. DINAMIZACIóN
A Coordinadora de Traballadores/as de Normalización da Lingua organiza unha nova edición do concurso en Twitter Que se vexa! O galego, para visibilizar e reivindicar o uso do galego en todos os ámbitos sociais. Para participar cómpre facer unha foto nun lugar onde o galego estea presente e publicala en Twitter coa etiqueta #quesevexaogalego, xunto cunha frase positiva. Outorgaranse tres premios: un para o/a autor/a do chío que máis rechouchíos acade, outro para o/a autor/a do chío que a directiva da CTNL considere máis orixinal e positivo, e un terceiro par a persoa máis participativa (quen suba máis fotos diferentes). O prazo para participar remata o 30 de maio ás 17:00 h. Para ampliar información, preme aquí.
05/05/2017. DINAMIZACIóN
Co gallo da celebración do Día das Letras Galegas de 2017 en homenaxe a Carlos Casares, o Consello da Cultura Galega (CCG) presentou hoxe a edición facsimilar da coñecida peza de teatro infantil As laranxas máis laranxas de todas as laranxas. A edición conta cun limiar de Ramón Villares e un estudo crítico de Montse Pena Presas. En homenaxe a Carlos Casares, o CCG organiza tamén o seu tradicional Concerto das Letras Galegas, que nesta edición se celebrará en dúas datas diferentes, o 16 de maio, ás 20:30 h, no Auditorio de Ourense; e o 18 de maio, ás 20:30 h, no Auditorio de Galicia, en Santiago de Compostela. Para ampliar información, preme aquí.
04/05/2017. DINAMIZACIóN
A Asociación de Veciños Monte Branco e a Fundación Eduardo Pondal presentan o programa do Festiletras 2017, un festival que cumpre 35 anos reivindicando e celebrando, cun amplo programa de actividades, a festividade do Día das Letras Galegas. O festival terá lugar entre os días 14 e 21 de maio na aldea do Couto, en Ponteceso, e o programa inclúe exposicións, actuacións musicais, espectáculos infantís, representacións teatrais, degustacións gastronómicas, etc. Podes manterte ao día das novidades relacionadas con este evento a través da súa páxina de Facebook.
03/05/2017. OUTRAS
O Centro de Estudos Galegos (CEG) da Universidade de Padua celebra neste ano académico 2016-2017 o seu décimo quinto aniversario e, con este motivo, está a organizar un seminario internacional que terá lugar o vindeiro martes, 9 de maio, na Sala dall'Archivio Antico, no histórico Palazzo Bo desta universidade. No seminario, no que participarán diferentes estudosos/as da lingua e literatura galegas, tamén terán voz os docentes e o estudantado que ao longo deste quince anos estiveron vinculados ao CEG. O acto rematará cun recital de poesía galega a cargo da actriz Manuela Varela. Podes consultar o programa, así como outra información de interese, nesta páxina web.
03/05/2017. DINAMIZACIóN
A cooperativa Feiraco presentou onte a súa campaña de homenaxe a Carlos Casares, co gallo da celebración do Día das Letras Galegas. No marco desta iniciativa, realizouse a edición especial Feiraco Letras Galegas 2017, que leva a imaxe de Carlos Casares impresa nos cartóns de leite, así como a impresión dun código QR que permite a descarga dun dos títulos do autor. Nesta mesma liña de compromiso co idioma galego, Feiraco tamén organiza, en colaboración coa Xunta de Galicia, a sexta edición do seu certame de relatos breves, no que podes participar ata o 17 de maio de 2017. Podes ampliar a información premendo aquí.
03/05/2017. AXUDAS E PREMIOS
A Consellería de Política Social publica dúas liñas de axudas para o desenvolvemento de iniciativas dirixidas ao sector da mocidade, unha destinada ás entidades locais e outra enmarcada no programa “Iniciativa Xove”. En ambas as dúas convocatorias inclúese, entre as áreas de atención prioritaria, a dinamización da lingua galega. Nos dous casos, o prazo de presentación de solicitudes é dun mes, contado a partir do día seguinte ao da publicación das convocatorias.
02/05/2017. OUTRAS
O profesorado da Área de Filoloxías Galega e Portuguesa da Universidade da Coruña, coa colaboración da Comisión de Cultura da Facultade de Filoloxía, organizan un ciclo de tres mesas redondas nas que se ofrecen tres olladas sobre a política lingüística en Galicia desde diferentes ámbitos: a universidade, o asociacionismo e o Parlamento. O ciclo comezou o pasado 26 de abril, cunha análise da política lingüística feita desde o ámbito universitario e terá continuidade mañá, 3 de maio, ás 13:00 h, cunha mesa redonda na que participarán Marcos Maceira, Eduardo Sanches e Anxos Sobriño, como representantes do tecido asociativo. O ciclo pecharase o vindeiro 11 de maio cunha terceira análise realizada nesta ocasión por representantes dos diferentes grupos parlamentarios.
02/05/2017. DINAMIZACIóN
O Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Pontevedra organiza, como cada ano por estas datas, unha nova edición do programa Maio, Mes da Lingua, sumándose así aos actos conmemorativos do Día das Letras Galegas que ao longo deste mes terán lugar por todo o país. O programa, organizado en colaboración con diferentes centros de ensino e entidades asociativas, inclúe música, cinema, andainas, xogos, lecturas ao vivo, etc. As actividades desenvolveranse ao longo de todo o mes de maio. Podes consultar o programa completo premendo aquí.
02/05/2017. DINAMIZACIóN
A plataforma cidadá Queremos Galego, que agrupa a máis de 500 colectivos sociais de diversos ámbitos, presenta a convocatoria da manifestación do vindeiro 17 de maio, que coincidindo coa festividade do Día das Letras Galegas reivindicará de xeito festivo o dereito a vivir en galego con normalidade. A manifestación sairá ás 12:00 h da alameda compostelá e percorrerá as rúas de Santiago baixo o lema “En galego sen límites”. Para ampliar esta información, preme aquí.
02/05/2017. AXUDAS E PREMIOS
A Secretaría Xeral de Política Lingüística convoca subvencións destinadas á creación, mantemento ou reforzamento de servizos de normalización lingüística nas entidades locais, así como ao desenvolvemento de proxectos de dinamización lingüística. Poderán acollerse a estas axudas os concellos ou agrupacións de concellos con poboación igual ou superior aos 3.000 habitantes. O prazo de presentación de solicitudes é dun mes, contado a partir do día seguinte ao da publicación desta convocatoria.
26/04/2017. OUTRAS
O Ministerio de Educación, Cultura e Deporte presenta un avance dos datos referidos ao ano 2016 da Panorámica da Edición Española de Libros con ISBN. No que respecta aos libros publicados en galego, os datos constatan un descenso do 13,1% (1.211 títulos en 2016 fronte aos 1.394 publicados en 2015). Tamén diminúe o número de títulos traducidos ao galego; neste caso o descenso é dun 15,6% (54 títulos en 2016 fronte aos 64 de 2015). No referido á edición no conxunto do Estado, os libros editados en galego supoñen un 1,5% do total. No web do Ministerio podes acceder ás cifras concretas da edición en 2016 segundo o idioma de publicación e tradución, así como aos cadros evolutivos do período 2012-2016. Se o desexas, tamén podes consultar a nota co resumo dos datos facilitada polo Ministerio.
26/04/2017. DINAMIZACIóN
O Departamento de Lingua Galega do Concello de Santiago de Compostela organiza a segunda edición do concurso #fotolingua, que ten como obxectivo darlle visibilidade á paisaxe lingüística do concello. Para participar debes facerte seguidor/a da conta de Facebook ou Instagram da iniciativa e subir unha fotografía na que se amose o galego na paisaxe empresarial e comercial do territorio de Santiago de Compostela (cartelería, escaparates, elementos decorativos, letreiros, etiquetaxe, sinalética...). As fotos deben publicarse cos tres cancelos do concurso: #establecementoengalego, #fotolingua, #ogalegovende. A iniciativa desenvolverase do 8 ao 29 de maio de 2017. As persoas gañadoras recibirán como premio unha cámara Polaroid Snap. Consulta as bases completas premendo aquí.
19/04/2017. DINAMIZACIóN
CIG-Ensino, A Mesa pola Normalización Lingüística e a Asociación Socio-Pedagóxica Galega presentaron publicamente o Correlingua 2017, que este ano ten como lema “En galego, sen cancelas”. No acto de presentación tamén se entregaron os premios dos diferentes certames vinculados á iniciativa. O Correlingua é unha actividade lúdica e didáctica deseñada para que o alumnado de todos os ciclos educativos reivindique publicamente o uso do galego. A carreira comezará o vindeiro 2 de maio en Monforte de Lemos e percorrerá 12 localidades galegas ata rematar na Estrada o 16 de maio.
17/04/2017. EMPREGO
A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria publica a convocatoria do procedemento selectivo para ingreso e acceso ao corpo de profesorado de ensino secundario. Entre as prazas ofertadas inclúense 50 para a especialidade de “Lingua Galega e Literatura”. O proceso de selección será o de concurso-oposición. O prazo de presentación de solicitudes iniciarase o día 18 de abril e rematará o 9 de maio de 2017. Para consultar o texto completo da convocatoria, preme aquí.

