Novas da lingua

Rexistros2701 a 2730 de 4427
19/05/2016. DINAMIZACIóN

Compostela súmase á conmemoración do centenario das Irmandades da Fala

O 28 de maio de 1916 nacía a Irmandade da Fala de Santiago de Compostela, dez días despois de que se constituíse na Coruña a primeira Irmandade dos Amigos da Fala. Para conmemorar esta efeméride, o Concello de Santiago organiza un programa de actividades que se desenvolverán o 28 de maio en diferentes puntos da cidade. O programa inclúe doce actividades (teatro, poesía, música, mesas redondas…), en relación aos doce puntos nos que se estruturou o discurso inaugural de Luís Porteiro Garea, fundador da Irmandade da Fala de Santiago de Compostela. As asociacións compostelás Gentalha do Pichel, Asociación San Martiño Pinario e Asociación Cultural Cidade Vella de Compostela colaboran na organización desta iniciativa. Para ampliar a nova, preme aquí.
19/05/2016. DINAMIZACIóN

Terra de Lobos, un festival para reivindicar o rock en galego

No marco dos actos de conmemoración das Letras Galegas que están a desenvolverse ao longo deste mes de maio, as bandas de rock Raiba, Deseqilibrio Mental e Aspergillus de Coira organizan o festival Terra de Lobos, coa intención de reivindicar a utilidade do idioma galego como lingua válida para as artes escénicas e a música. O festival celebrarase hoxe, 19 de maio de 2016, ás 21:00 h, na Sala Capitol de Santiago de Compostela. Podes adquirir a entrada anticipada na tenda A Reixa ou no bar O Pozo (Santiago de Compostela).
18/05/2016. DINAMIZACIóN

Conmemórase na Coruña o centenario das Irmandades da Fala

Hoxe, 18 de maio de 2016, conmemórase o centenario da creación das Irmandades da Fala, un movemento que nacía en 1916 para dignificar e reivindicar o uso do idioma galego en todos os contextos sociais. Cen anos despois, a Real Academia Galega e o Concello da Coruña organizan, como homenaxe aos protagonistas daquel movemento, un acto literario e musical que terá lugar hoxe, ás 20:30 h, no Teatro Rosalía de Castro da Coruña. A entrada é libre e gratuíta ata completar aforo. Podes obter máis información no web da RAG.
16/05/2016. EMPREGO

Praza de técnico/a de normalización lingüística no Concello de Redondela

O Concello de Redondela convoca o proceso selectivo para cubrir unha praza de técnico/a de normalización lingüística, como persoal laboral fixo, equipado ao subgrupo A2 da función pública. O procedemento de selección será o de oposición libre. Os/as aspirantes deberán posuír, como mínimo, a titulación de Grao en Filoloxía Galego-Portuguesa, Filoloxía Galega ou Filoloxía Hispánica (sección galego-portugués), Lingua e Literatura Galegas ou equivalentes. Tamén poderán presentarse as persoas que posúa a diplomatura en ditas especialidades, sempre que teñan o nivel de Celga 4 ou equivalente. O prazo de presentación de solicitudes comeza o 17 de maio e remata o 6 de xuño de 2016. Para consultar as bases da convocatoria, preme aquí.
13/05/2016. AXUDAS E PREMIOS

Entréganse os XXIII Premios de Publicidade en Galego

O Consello Asesor de RTVE en Galicia e da CRTVG entregou os XXIII Premios de Publicidade en Galego, que teñen como obxectivo recoñecer o traballo realizado a prol da normalización lingüística por parte de empresas e entidades que se publicitan nos medios de comunicación.
Nesta edición os traballos premiados foron “Fai historia con nós" (creado pola axencia Nasas para a Universidade de Vigo), na modalidade de Internet; "Fogar de Estrella Galicia" (elaborado por Idea, Creatividad y Comunicación para Estrella Galicia), na modalidade de radio; e "En confianza" (desenvolvido por BAP&Conde para Gadis), na modalidade de televisión.
12/05/2016. DINAMIZACIóN

A RAG celebrará o acto central do Día das Letras en Outeiro de Rei

A Real Academia Galega celebrará o acto central do Día das Letras Galegas 2016 en Outeiro de Rei, terra natal de Manuel María Fernández Teixeiro, autor homenaxeado nesta edición. O acto consistirá nunha sesión extraordinaria aberta ao público que terá lugar ás 12:30 h na Casa-Museo Manuel María. Na cerimonia intervirán os/as académicos/as Manuel Rivas Barrós, Margarita Ledo Andión e Darío Xohán Cabana. O presidente da RAG, Xesús Alonso Montero, será o encargado de pechar o acto. Para ampliar esta nova, preme aquí.
12/05/2016. EMPREGO

Convocatoria de lectorados de lingua, literatura e cultura galegas

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria publica a convocatoria para cubrir seis prazas nos lectorados de lingua, literatura e cultura galegas. As prazas ofertadas son nas seguintes universidades: Universidade Autónoma de Barcelona, Universidade de Gales - Bangor, Universidade de Heidelberg, Universidade de Kiel, Universidade de Leipzig e Universidade de Varsovia. O prazo de presentación de solicitudes é dun mes, contado a partir do día seguinte ao da publicación da convocatoria.
12/05/2016. EMPREGO

Oferta para profesores/as de lingua e literatura galegas

A Escola Rosalía de Castro, en Vigo, oferta un posto de profesor/a de lingua e literatura galegas para os niveis de ESO e Bacharelato. Os/as candidatos/as deben posuír a licenciatura de Filoloxía Galega, a habilitación oficial da Consellería de Educación para impartir Lingua Castelá e mais o CAP, ou Máster en Profesorado de ESO. Podes obter máis información en Galejobs.
12/05/2016. DINAMIZACIóN

A Deputación da Coruña reivindica a Manuel María na rúa e nas redes sociais

A Deputación da Coruña presenta o programa “Manuel María somos nós: a xente e mais a fala”, co ánimo de festexar as Letras Galegas traballando a poesía expandida, a videopoesía e a conexión social. O programa, deseñado fundamentalmente para desenvolver na rúa e nas redes sociais, inclúe diferentes actividades, como un photocall cos versos do poeta, a estrea dun videopoema documental, un obradoiro infantil de poesía e ilustración ou a elaboración dun videopoema colectivo para difundir nas redes sociais.
11/05/2016. DINAMIZACIóN

O galego vende no Concello de Santiago

O Departamento de Lingua Galega do Concello de Santiago de Compostela organiza o concurso #fotolingua, que ten como obxectivo darlle visibilidade á paisaxe lingüística do concello. Para participar debes facerte seguidor/a da conta de Facebook ou Instagram da iniciativa e subir unha fotografía na que amoses o uso do galego nos establecementos comerciais, hostaleiros ou empresas de Santiago (cartelería, escaparates, elementos decorativos, letreiros, etiquetaxe, sinalética...). A maiores, debes engadir un comentario explicando onde fixeches a foto, xunto coas etiquetas #fotolingua e/ou #ogalegovende. Outorgaranse dous premios, un para a foto que acade máis “gústame” nas redes sociais e outro para aquela que o xurado considere máis orixinal. Consulta as bases completas premendo aquí.
10/05/2016. AXUDAS E PREMIOS

Resólvense as axudas a proxectos de innovación lingüística no ensino

A Secretaría Xeral de Política Lingüística publica a resolución das axudas para a realización dos proxectos de innovación en dinamización lingüística nos centros públicos de ensino. Os cinco proxectos seleccionados son: “Star Gal” (IES A Cachada, Boiro), “Aspiramos a ser simplemente un paraíso lingüístico” (IES Félix Muriel, Rianxo), “Regueifesta” (IES Maximino Romero de Lema, Baio, e IES Marco do Camballón, Vila de Cruces), “Galegocinémate” (CEIP San Xoán, Becerreá) e “Galaxia Casares. Leriando no Casares” (IES Carlos Casares, Vigo). Estes centros recibirán 2000 euros para executar os seus proxectos de promoción lingüística.
09/05/2016. DINAMIZACIóN

Concurso en twitter para que se vexa o galego

A Coordinadora de Traballadores/as de Normalización da Lingua organiza o concurso en twitter Que se vexa! o galego, co ánimo de darlle visibilidade á lingua galega e reivindicar o seu uso en todos os ámbitos sociais. Para participar cómpre facer unha foto nun lugar onde estea presente o galego e sexa pouco habitual ou, simplemente, resulte gratificante velo nese espazo. Despois, hai que subir a foto ao twitter coa etiqueta #quesevexaogalego, seguida dunha frase positiva. Serán premiados tanto o chío que teña máis rechíos dos usuarios/as de twitter, como o que máis lle guste ao xurado. O prazo para publicar as fotos en twitter remata o 30 de maio ás 17:00 h. Para ampliar a nova, preme aquí.
09/05/2016.

Milladoiro e Manuel María, protagonistas do Concerto das Letras Galegas 2016

Co gallo da conmemoración do Día das Letras Galegas, o Consello da Cultura Galega organiza unha nova edición do seu xa tradicional Concerto das Letras Galegas, que este ano terá lugar o 17 de maio, ás 21:00 h, no Teatro Rosalía de Castro da Coruña. Nesta edición, o grupo Milladoiro interpretará, entre outros, poemas de Manuel María recollidos no seu álbum Unha estrela por guía. As entradas son de balde e pódense recoller na Taquilla Central da Praza de Ourense, na Coruña.
09/05/2016. DINAMIZACIóN

Os concellos galegos súmanse á homenaxe a Manuel María

Ademais dos actos oficiais que as principais institucións culturais do país teñen programados para festexar o Día das Letras Galegas o vindeiro 17 de maio, moitos concellos están a organizar tamén programas de actividades en homenaxe a Manuel María. Ao longo de todo este mes a cidadanía pode participar nun amplo abano de actividades culturais (como concertos musicais, presentacións de libros, conferencias, recitais poéticos ou obradoiros didácticos para os máis pequenos/as) que están a ter lugar en diferentes puntos do país. Algúns dos concellos que presentaron estes días programas específicos en homenaxe a Manuel María son: Carballo, Lugo, Narón, Pontevedra, Redondela, Santiago de Compostela, ou Silleda, entre outros.
09/05/2016. AXUDAS E PREMIOS

Axudas para a edición en lingua galega de recursos didácticos

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria publica a convocatoria de subvencións para a edición en lingua galega de recursos didácticos curriculares para niveis non universitarios. As axudas están dirixidas ás empresas mercantís do sector editorial e o prazo para a presentación de solicitudes é dun mes, contado a partir do día seguinte ao da publicación desta convocatoria.
09/05/2016. DINAMIZACIóN

Inaugúrase na Coruña a exposición itinerante sobre Manuel María

O pasado 5 de maio tivo lugar na Coruña a inauguración da exposición “Manuel María. Beleza, amor e compromiso (1929-2004)”, promovida pola Xunta de Galicia e a Casa-Museo Manuel María. A mostra está conformada por dez paneis nos que se explican os aspectos máis relevantes da vida, obra e contexto social de Manuel María. A exposición permanecerá na Biblioteca Pública da Coruña Miguel González Garcés ata o 16 de maio. A partir do 17 de maio poderá visitarse en Outeiro de Rei, terra natal do autor homenaxeado, e posteriormente poderá verse tamén noutros once concellos. Para ampliar información, preme aquí.
09/05/2016. DINAMIZACIóN

Chega a Santiago a Regueifesta

O IES Marco do Camballón (Vila de Cruces), o IES Maximino Romero (Baio) e o IES Arratia (Biscaia) impulsan o proxecto Regueibertso Galiza-Euskal Herría, un encontro entre alumnado galego e vasco deseñado para desenvolver habilidades lingüísticas, promover a creación musical e impulsar a improvisación oral como forma de socialización entre a xente nova. Hoxe, 4 de maio, a partir das 11:30 h, terá lugar a Regueifesta (festa de improvisación oral en galego e éuscaro) no edificio Cersia de San Lázaro (Santiago de Compostela). A xornada continuará, a partir das 16:30 h, cunha mesa redonda sobre a regueifa no Museo do Pobo Galego. O intercambio escolar continuará entre os días 13 e 16 de maio, cando o alumnado galego visite o País Vasco.
03/05/2016. DINAMIZACIóN

Queremos Galego reivindica o dereito a vivir en galego

A plataforma cidadá Queremos Galego, que agrupa a máis de 600 colectivos sociais de diversos ámbitos, presenta a convocatoria da manifestación do 17 de maio, que coincidindo coa festividade do Día das Letras, percorrerá as rúas de Santiago de Compostela para reivindicar de xeito festivo o dereito a vivir en galego. O lema escollido nesta edición é “O idioma é a vida”, un verso do poema “A fala” de Manuel María, autor homenaxeado no Día das Letras Galegas este ano. O acto, no que tamén se conmemorará o centenario da creación das Irmandades da Fala, rematará coas actuacións musicais de Mini e Mero, e de Fran Amil e A Tribo Incompresíbel.
03/05/2016. DINAMIZACIóN

Actividades para festexar o mes da lingua en Pontevedra

O Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Pontevedra presenta unha nova edición do seu programa Maio, Mes da Lingua, sumándose así aos actos conmemorativos do Día das Letras Galegas que ao longo deste mes terán lugar por todo o país. O programa, organizado en colaboración con diferentes centros de ensino e entidades asociativas do concello, desenvolverase ao longo de todo mes maio. Entre outras actividades, organizaranse proxeccións de cine, teatro, presentacións literarias, recitais poéticos, concertos musicais ou obradoiros para a crianza con apego ao idioma.
02/05/2016. AXUDAS E PREMIOS

XIII Premio Luísa Villalta a Iniciativas Normalizadoras

Os servizos de normalización lingüística das tres universidades galegas, coa colaboración da Secretaría Xeral de Política Lingüística, organizan a décimo terceira edición do Premio Luísa Villalta a Iniciativas Normalizadoras, que ten como principal obxectivo promover a reflexión e dinamización lingüísticas no ámbito universitario. O premio está dirixido a toda a comunidade universitaria galega e conta con dúas modalidades: “idea para a promoción do galego” e “deseño dunha campaña normalizadora”. O prazo de presentación de proxectos e/ou ideas remata o 28 de outubro de 2016.
02/05/2016. DINAMIZACIóN

Debate sobre o futuro da lingua galega no Concello da Guarda

O Concello da Guarda organiza o coloquio “A lingua galega: actualidade e futuro”, que terá lugar o vindeiro 7 de maio de 2016, ás 20:00 h, no Centro Cultural da Guarda. No coloquio intervirán Denis Vicente, que falará da situación social do galego na Guarda e en Galicia; Marisa Guerra, que reflexionará sobre o galego no ensino e na mocidade; e Pablo Vicente, que explicará o que significa ser neofalante. Tamén se proxectará o documental “A memoria da lingua”, da Asociación Cultural As Candongas do Quirombo.
02/05/2016. OUTRAS

Dispoñible en galego a versión 16.04 de Ubuntu

O equipo de tradución ao galego de Ubuntu informa que xa está ao dispor dos/as usuarios/as a versión 16.04 do sistema operativo Ubuntu, con asistencia durante 5 anos e tradución completa ao galego. Podes descargar esta versión, distribuída baixo o nome Xenial Xerus, premendo aquí. No web do Proxecto Trasno podes acceder a información especializada sobre esta nova, así como sobre outros proxectos de localización de software libre ao galego.
29/04/2016. DINAMIZACIóN

Premio á mellor conta de twitter en galego

A iniciativa Twitter en galego convoca a segunda edición do concurso Premio á Conta 2016, co obxectivo de premiar o uso do galego por parte das usuarias e usuarios desta rede social. Os usuarios/as teñen de prazo ata o 7 de maio para propoñer aquela conta que consideran merecedora do premio. A conta gañadora, que será elixida por un xurado de entre as tres contas máis mencionadas polos usuarios/as, darase a coñecer o 17 de maio, coincidindo co Día das Letras Galegas. O premio, de carácter meritorio, consistirá na entrega dunha figura conmemorativa e mais dun exemplar da revista Infumable. Así mesmo, a conta premiada gozará durante un ano dun espazo destacado no propio web da iniciativa.
28/04/2016. DINAMIZACIóN

A USC convoca unha nova edición do certame “Somos a curta!”

A Comisión de Normalización Lingüística da Facultade de Ciencias da Comunicación e o Servizo de Normalización Lingüística da USC convocan o V Premio de pezas audiovisuais curtas de comedia "Somos a curta!", que ten como obxectivo promover o uso da lingua galega nos novos valores do audiovisual galego. O certame está destinado ao alumnado das universidades galegas, das titulacións impartidas nas escolas oficiais de Imaxe e Son ou da titulación de bacharelato artístico de calquera dos institutos de educación secundaria de Galicia. O xurado outorgará dous premios, de 500 e 250 euros respectivamente, e diploma honorífico. Haberá tamén un premio do público, dotado dun diploma honorífico. O prazo para presentar as propostas remata o 12 de outubro de 2016.
28/04/2016. INVESTIGACIóN

Nace o proxecto “A Chave” para prestixiar a riqueza léxica do galego

A Chave é un proxecto colectivo deseñado para prestixiar a lingua galega, concienciado a cidadanía da súa riqueza léxica e expresiva. O seu obxectivo é empregar o galego para vehicular a comunicación en calquera nivel, en todas as áreas do coñecemento e da cultura, e coa máxima calidade lingüística. As principais liñas de traballo céntranse no ámbito lexicográfico. Neste momento está accesible en liña a colección de léxicos de elaboración propia cos nomes galegos das algas, os cogomelos, as bolboretas, os anfibios, os réptiles, as aves e os cetáceos. No futuro tamén teñen previsto traballar na elaboración de dicionarios. Ademais, A Chave ofrece un directorio coas ligazóns a sitios web de referencia do ámbito da lingua, a cultura e a sociedade.
26/04/2016. DINAMIZACIóN

Nova edición do Galegote Rock en Pontevedra

O Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Pontevedra organiza unha nova edición do Galegote Rock, un programa de concertos que ten como obxectivos promover os grupos musicais que cantan en galego e crear espazos de uso para o noso idioma no ámbito do lecer. O Galegote Rock celebrarase os días 12, 13 e 14 de maio de 2016 na cidade de Pontevedra. Nesta edición actuarán Familia Caamagno, Camarada Nimoy, Santos Morcegos, Roger de Flor, Querido Extraño, Poetarras, Davide Salvado, Champurrada, Tatan Chapeu, Tanto Nos Ten, Alley Stompers, Escola de Baile Lindy Hop, O Cadelo Lunático, Mike Grelo e Curmán, Sokram e O Xabarín de Bora. Para ampliar a nova, preme aquí.
25/04/2016. DINAMIZACIóN

Volve o Festiletras á aldea do Couto

A Fundación Eduardo Pondal presenta o Festiletras 2016, un amplo programa de actividades culturais que se desenvolverá entre os días 15 e 22 de maio na aldea do Couto, en Ponteceso, para conmemorar o vindeiro Día das Letras Galegas. O programa inclúe actuacións musicais, exposicións de pintura e escultura, degustacións gastronómicas, recitais poéticos, teatro ou mostras literarias, entre outras actividades. Podes ampliar esta información na páxina de Facebook do Festiletras.
25/04/2016. AXUDAS E PREMIOS

Axudas aos concellos para a dotación de novidades editoriais en galego

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria convoca axudas destinadas aos concellos de Galicia para a dotación de novidades editoriais en galego en formato físico, con destino a bibliotecas e/ou axencias de lectura públicas de titularidade municipal, integradas na Rede de bibliotecas de Galicia. Os concellos teñen un mes de prazo para presentar as súas solicitudes, contado a partir do día seguinte ao da publicación do extracto desta convocatoria.
22/04/2016. DINAMIZACIóN

A CTNL demanda que se vexa o galego en todos os ámbitos sociais

A Coordinadora de Traballadores/as de Normalización da Lingua presenta a segunda edición da campaña Que se vexa! O galego, coa que solicitan que se utilice a celebración das Letras Galegas para dar máis visibilidade ao noso idioma en todas as situacións sociais. Con este obxectivo, a CTNL enviará a todos os concellos, institucións, centros de ensino e entidades unha proposta convidándoos a ofrecer, nos actos que organicen arredor do Día das Letras Galegas, unha imaxe do galego como lingua moderna e útil para todos os ámbitos.

22/04/2016. DINAMIZACIóN

Actividades de fomento da lectura en galego en Moaña

O Servizo de Normalización Lingüística e a Biblioteca municipal do Concello de Moaña organizan diferentes actividades de dinamización lingüística e fomento da lectura dirixidas ao público familiar, que se desenvolverán ao longo dos meses de abril, maio e xuño. O programa (que inclúe contacontos, maxia e música) inaugúrase hoxe, 22 de abril, ás 18:00 h, na Axencia Municipal de Lectura de Domaio co espectáculo "As historias de Kamishibai", unha actividade de narración oral con papel e teatro.