O Equipo de normalización e dinamización lingüística da Escola Oficial de Idiomas da Coruña organiza un obradoiro de iniciación á curtamentraxe en galego, no marco do proxecto anual de promoción do Festival CinEOI Coruña Curtas, que terá lugar en abril do vindeiro ano. Este obradoiro, de 30 horas de duración, está dirixido a estudantes da EOI da Coruña, ESO, bacharelato e FP dos centros públicos e concertados da cidade da Coruña e será impartido por Omar Rabuñal Varela (actor, guionista e director). O prazo de inscrición remata o 12 de novembro de 2015.
11/11/2015. CURSOS E CONGRESOS
11/11/2015. DINAMIZACIóN
A Secretaría Xeral de Política Lingüística convoca unha nova edición do Concurso Exposición Letras Galegas, dirixido aos centros de ensino público non universitario para a elaboración dunha exposición relacionada coa obra, época e lingua do autor homenaxeado no Día das Letras Galegas 2016, Manuel María Fernández Teixeiro. O concurso consta de dúas categorías, unha para os centros de educación infantil e primaria e outra para os restantes. A exposición gañadora en cada unha destas categorías será distribuída en máis de 1600 puntos de Galicia e do exterior e os equipos de traballo que elaboren estas exposicións recibirán cadanseu premio en metálico de 2000 euros. O prazo de presentación dos traballos remata o 22 de xaneiro de 2016.
09/11/2015. CURSOS E CONGRESOS
A Coordinadora de Traballadores/as de Normalización da Lingua (CTNL) e o Concello de Santiago organizan o Encontro de política lingüística municipal, co ánimo de actualizar o entusiasmo, activar a implicación dos concellos no fomento do galego e acordar pautas comúns en materia de normalización do idioma. O encontro terá lugar o 16 de novembro de 2015 na Sala Mozart do Auditorio de Galicia, en Santiago de Compostela. Están convidadas/os a participar neste encontro alcaldesas e alcaldes, concelleiras/os, representantes políticas/os de deputacións ou outras entidades, técnicas/os de normalización lingüística, representantes de entidades implicadas no proceso de normalización da lingua, etc. Para ampliar información, preme aquí.
09/11/2015. AXUDAS E PREMIOS
A Asociación Cultural O Brado, da Estrada, fixo públicos os galardoados dos XXV Premios San Martiño de Normalización Lingüística, convocados anualmente para premiar a persoas e colectivos que destacan polo seu labor de promoción do idioma galego. Os premiados nesta edición son o clube estradense de fútbol gaélico Irmandinhos, na categoría “A Estrada e Comarca de Tabeirós-Terra de Montes”; a cooperativa Feiraco, na categoría “Galicia enteira”; e o catedrático de Dereito Mercantil da USC José Antonio Gómez Segade, na categoría “Toda unha vida”. Os galardóns serán entregados nun acto público que terá lugar o vindeiro 24 de novembro no Teatro Principal da Estrada.
09/11/2015. DINAMIZACIóN
O Servizo de Normalización Lingüística da Universidade de Santiago organiza un Seminario de dinamización lingüística dirixido ao alumnado desta universidade, que se desenvolverá tanto no Campus de Santiago (13 de novembro de 2015) como no de Lugo (27 de novembro de 2015). Os obxectivos da xornada son reflexionar sobre a situación lingüística da USC; fornecer coñecementos básicos para a dinamización lingüística; favorecer a creación e o funcionamento de comisións de normalización lingüística nos centros; e promover o traballo en rede das organizacións estudantís a prol do galego. Para ampliar información, preme aquí.
05/11/2015. DINAMIZACIóN
O Concello de Moaña difunde no seu web o manual “En galego para sempre”, elaborado polo Servizo de Normalización Lingüística municipal e presentado publicamente o pasado 22 de outubro no marco dunha campaña de normalización lingüística deseñada para promover o galego nos actos funerarios. Trátase dun manual de recursos en lingua galega, tanto para actos católicos como laicos, dirixido principalmente a florarías, marmorarías e empresas funerarias. O manual inclúe modelos de necrolóxicas, recordatorios e lápidas; lemas para fitas de flores e propostas para celebrar a cerimonia funeraria.
04/11/2015. AXUDAS E PREMIOS
A Mesa pola Normalización Lingüística convoca a cuarta edición do Premio Abertos ao Galego, co ánimo de recoñecer publicamente o labor de empresas que fan un uso normal do noso idioma. Nesta edición outorgaranse cinco premios, catro deles segundo o tamaño da empresa e outro para unha empresa creada no 2014 ou 2015. O prazo para a presentación de candidaturas remata o 30 de novembro. Para obter máis información, preme aquí.
03/11/2015. DINAMIZACIóN
O Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Pontevedra presenta o programa de actividades que desenvolverá, no marco do programa Apego, durante os meses de outono de 2015. O programa inclúe xornadas de formación sobre materiais didácticos en galego para profesionais da educación infantil, obradoiros para familias con nenos/as de 0 a 6 anos (ou que están agardando un bebé) e presentacións de proxectos dirixidos ao público infantil. Para ampliar información sobre o programa ou os trámites de inscrición, preme aquí.
29/10/2015. DINAMIZACIóN
O Servizo de Normalización Lingüística do Concello da Coruña organiza o Obradoiro de nanas “Arrolos de Salitre”, dirixido a familias con bebés menores de 3 anos e futuras nais e pais. O obradoiro, impartido por Xabier Díaz, coa colaboración de Guillerme Fernández, desenvolverase os días 20 e 21 de novembro de 2015 no Centro Ágora. A inscrición é de balde. Podes reservar a túa praza a partir do vindeiro 3 de novembro na conserxaría do Ágora ou chamando ao 981 189 888.
28/10/2015. DINAMIZACIóN
O Clube da Lingua do IES Marco do Camballón (Vila de Cruces) organiza o Concurso de Fotografía Boina de Ouro, dirixido a profesionais ou afeccionados/as á fotografía. Entre os obxectivos da iniciativa están os de promover a boina como accesorio de moda, vincular o idioma ás últimas tendencias e promover o uso do galego na comunicación social en rede. Establécense dúas categorías: “Premio Boina de Ouro”, onde se valorará especialmente a calidade artística da foto, e “Premio Boina de Simpatía”, que premiará a foto que mellor promova (con humor e simpatía) a imaxe da boina nas redes sociais. Para consultar as bases completas do concurso, preme aquí.
27/10/2015. DINAMIZACIóN
O Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Carballo organiza a actividade Cantacontos con Pablo Díaz, unha sesión de contos con música na que Pablo Díaz misturará contos con algunhas cancións dos seus discos Tic Tac, Toc Toc e Xente miúda, moita fartura. O espectáculo, dirixido a nenas e nenos de 0 a 3 anos, terá lugar o xoves 5 de novembro de 2015, a partir das 17:30 h, no Pazo da Cultura de Carballo. Para ampliar esta nova, preme aquí.
27/10/2015. DINAMIZACIóN
A asociación de veciños Eduardo Pondal, de Pontevedra, organiza a iniciativa Falamos galego!, co obxectivo de crear espazos onde a veciñanza poida practicar o idioma nun contexto amigable e coa axuda dun mestre que resolverá as dúbidas lingüísticas. Os faladoiros celebraranse cada semana (os mércores de 19:00 h a 20:00 h) e nalgunhas sesións acudirán persoeiros destacados para falar de cinema, música, literatura… As persoas interesadas poden inscribirse no centro social do Gorgullón.
22/10/2015. CURSOS E CONGRESOS
A Asociación Socio-Pedagóxica Galega organiza as XVI Xornadas de expresión oral “Tíralle da lingua”, dirixidas ao profesorado co obxectivo de transmitirlles a importancia do factor oral na recuperación da lingua e proporcionarlles técnicas para traballar a oralidade na aula. As sesións desenvolveranse o 21 de novembro de 2015 no IES As Fontiñas (Santiago de Compostela). O prazo de matrícula (que debe realizarse a través do web da AS-PG) remata o 20 de novembro.
Ademais destas xornadas, dirixidas ao profesorado, o proxecto “Tíralle da Lingua” consta tamén dun concurso de relato oral, dirixido ao alumnado, cunha fase final que se celebra no mes de abril en Santiago de Compostela.
Ademais destas xornadas, dirixidas ao profesorado, o proxecto “Tíralle da Lingua” consta tamén dun concurso de relato oral, dirixido ao alumnado, cunha fase final que se celebra no mes de abril en Santiago de Compostela.
22/10/2015. DINAMIZACIóN
A Universidade de Santiago de Compostela, a través do proxecto Proxéctate en Galego, quere conmemorar o vindeiro Día da Ciencia en Galego organizando a actividade “A historia que contan as pedras que pisas”. Trátase dunha ruta xeolóxica polas rúas de Lugo que terá lugar o vindeiro 4 de novembro de 2015, desde as 16:30 h ata as 19:00 h. A ruta comenzará no miradoiro do Parque Rosalía de Castro e a asistencia é libre. Para ampliar esta información, preme aquí.
21/10/2015. CURSOS E CONGRESOS
Despois de que a Modern Language Association (asociación norteamericana de referencia para investigadores de lingua e literatura) crease en 2014 o “Galician Language, Literature and Culture Forum”, o idioma galego volve dar un importante paso na súa proxección internacional ao incorporarse, con catro sesións, ao programa do Congreso Anual da Modern Language Association, que terá lugar entre os días 7 e 10 de xaneiro de 2016 en Austin (Texas). A primeira sesión centrarase nas relacións transfronteirizas entre as culturas galega e portuguesa; unha segunda, na tradución, bilingüismo e glocalización nos estudos galegos; a terceira, na produción literaria en castelán no Rexurdimento; e a cuarta, na literatura galega.
21/10/2015. DINAMIZACIóN
O Servizo de Normalización Lingüística do Concello da Coruña organiza o espectáculo musical Brinca Vai!, baseado no libro homónimo de Paco Nogueiras. A iniciativa, dirixida a familias con nenas e nenos de 4 a 10 anos, terá lugar o 7 de novembro de 2015, ás 18:30 h, no Centro Ágora da Coruña. A entrada é de balde e as invitacións poderán recollerse a partir do vindeiro luns 26 de outubro. Para ampliar información, preme aquí.
20/10/2015. DINAMIZACIóN
A Comisión de Normalización Lingüística da Facultade de Ciencias da Educación da USC organiza a VIII Xornada "Recursos educativos en galego”, que terán lugar o 5 de novembro de 2015 na Facultade de Ciencias da Educación (Campus Norte). A xornada, que nesta edición se centrará na educación artística, está destinada aos membros da comunidade educativa (alumnado, profesorado e PAS) desta facultade interesados en coñecer novas estratexias e recursos didácticos en galego. Para obter máis información sobre o programa e os trámites de inscrición, preme aquí.
20/10/2015. DINAMIZACIóN
A Asociación de Funcionarios para a Normalización Lingüística presentou, o pasado 15 de outubro no Paraninfo do Instituto Otero Pedrayo de Ourense, o volume “Agora e sempre”, no que se recollen as mandas testamentarias dun cento de ourensáns. No transcurso dese mesmo acto, tivo lugar a sinatura da acta de derradeiras vontades, baixo o lema “Procúralle futuro á lingua”. Así mesmo, reivindicouse O Día da Restauración da Memoria Lingüística, que se celebrará o vindeiro 25 de outubro en máis de cincuenta concellos. Todas esta accións enmárcanse na campaña “En galego, agora e sempre!”, que esta asociación promove desde hai máis dunha década co ánimo de fomentar o galego no eido das últimas vontades e dos ritos fúnebres.
19/10/2015. DINAMIZACIóN
Con motivo do VI Día da Ciencia en Galego, a Coordinadora Galega de Equipos de Normalización e Dinamización Lingüística (CGENDL) organiza un videoconferencia dirixida ao alumnado de 2º ciclo da ESO e Bacharelato de centros de ensino non universitario. A actividade terá lugar o mércores 4 de novembro de 2015, entre as 12:30 h e as 13:30 h. Nesta edición o relator será Xurxo Mariño, especialista en neurofisioloxía da UdC, que presentará o relatorio "A máquina que constrúe a mente e a realidade". Para ampliar información, preme aquí.
19/10/2015. DINAMIZACIóN
O Equipo de Dinamización da Lingua Galega do IES Aquis Celenis (Caldas de Reis) organiza o Concurso Científico en Galego “Feito a conCIENCIA”. Os participantes deben gravar un vídeo no que se amose a realización dun experimento científico, incluíndo unha explicación oral ou escrita (en subtítulos) en galego. Os traballos, ou a súa ligazón, deben enviarse ao enderezo aquisfalamos@gmail.com antes do vindeiro 6 de novembro de 2015. Para ampliar información, preme aquí.
15/10/2015. CURSOS E CONGRESOS
O Instituto da Lingua Galega (USC) organiza, coa colaboración do Consello da Cultura Galega, o simposio “Cambio lingüístico no galego actual”, que pretende afondar no estudo do cambio lingüístico e nos factores que están detrás deste proceso. As sesións terán lugar os días 16, 17, 18, 24 e 25 de novembro de 2015 na Facultade de Filoloxía da USC e mais no Consello da Cultura Galega. Para obter máis información sobre o programa e os trámites de inscrición, preme aquí.
15/10/2015. EMPREGO
A Universidade de Santiago de Compostela anuncia a convocatoria pública de contratación de persoal para colaborar en actividades de investigación mediante contrato de obra ou servizo determinado. Entre os proxectos para os que se vai seleccionar persoal está o “Corpus dixital de textos galegos da Idade Moderna. Catalogación, multiedición, glosario e estudo”, que se está a desenvolver no Instituto da Lingua Galega. Os aspirantes deben posuír a Licenciatura ou Grao en Filoloxía Galega / Lingua e Literatura Galegas e estar matriculados/as nun programa de doutoramento na USC. O prazo de presentación de solicitudes remata o 15 de outubro de 2015. Para ampliar información, preme aquí.
15/10/2015. DINAMIZACIóN
O Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Narón organiza o espectáculo musical “Unha viaxe polo mundo”, organizado no marco do proxecto Apego, para fomentar a transmisión lingüística e crear espazos de uso en galego no ámbito do lecer. A actividade, dirixida a familias con nenos/as de 0 a 10 anos, terá lugar o vindeiro domingo 18 de outubro de 2015, na Praza de Galicia (Narón). A actividade é de balde e non é preciso reservar praza.
15/10/2015. DINAMIZACIóN
O Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Carballo organiza, no marco do proxecto Apego, a Xornada sobre recursos en galego para formadores infantís, que terá lugar o sábado 24 de outubro de 2015 no Fórum Carballo. O programa da xornada inclúe a presentación de recursos didácticos en galego, información sobre o seu manexo e actividades de sensibilización para fomentar o uso destes materiais no ámbito educativo e de lecer dos máis pequenos/as. Podes solicitar a inscrición no teléfono 981 704 304 ou a través do correo electrónico: nelvidal@carballo.gal.
13/10/2015. DINAMIZACIóN
O Servizo de Normalización Lingüística do Concello da Coruña organiza unha nova edición da actividade “Son xogos, xogos sons”, dirixido a nenas e nenos de entre 4 e 9 anos. Trátase dun concerto-obradoiro de xogos e bailes tradicionais, acompañados das melodías de Pablo Díaz e Olga Kirk, co obxectivo de promover a transmisión do noso patrimonio cultural e lingüístico e fomentar a creación de espazos de lecer en galego. A actividade terá lugar o 24 de outubro, ás 12:00 h, no Centro Ágora (A Coruña). O prazo de inscrición comeza o luns 19 de outubro. Para obter máis información, preme aquí.
13/10/2015. DINAMIZACIóN
A Rede de Dinamización Lingüística (RDL) da Xunta de Galicia presenta a actividade Contos en Rede, que se desenvolverá no marco do programa FalaRedes 2015, co obxectivo de promover o uso do galego oral como ferramenta de creación artística. Os contadores Inacio Vilariño, Ana Carreira e Santi Prego levarán as súas historias, aptas para todas as idades, por 30 entidades (27 municipios e 3 mancomunidades) adheridas á RDL durante os meses de outubro e novembro de 2015.
09/10/2015. DINAMIZACIóN
O Equipo de Dinamización da Lingua Galega do CEIP López Ferreiro (Santiago de Compostela) convoca o XII Concurso de Redacción Histórica Falemos da Nosa Historia, dirixido aos escolares da Comunidade Autónoma de Galicia que ao longo do curso escolar 2015- 2016 cursen estudos de 5º e 6º curso de Educación Primaria ou 1º ciclo da ESO. O obxectivo é reflexionar sobre a nosa historia a partir de ditos, refráns, modismos ou lendas. Nesta edición os participantes deberán descubrir a orixe e a explicación histórica do dito “Se vas a San Benitiño, non vaias ao de Paredes”. O prazo de presentación dos traballos é do 1 ao 29 de febreiro de 2016. Para consultar as bases completas do concurso preme aquí.
08/10/2015. CURSOS E CONGRESOS
A Deputación da Coruña presenta o programa para o fomento da lingua, dirixido ao persoal da propia deputación, así como ao dos concellos e entidades adheridas ao plan de formación. O programa inclúe diferentes cursos (sobre comunicación oral, linguaxe inclusiva e dinamización activa da lingua) que se desenvolverán entre os meses de febreiro e maio de 2016. O prazo para a presentación de solicitudes remata o 16 de outubro de 2015. Para ampliar información sobre os trámites de inscrición, preme aquí.
06/10/2015. DINAMIZACIóN
O Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Ames organiza, coa colaboración dos equipos de dinamización lingüística dos centros de ensino secundario deste municipio, o V Concurso Radiofónico de Teatro Lido Desata a Lingua!!, co obxectivo de dinamizar o uso oral e escrito do galego entre a mocidade de xeito lúdico e creativo. O certame está dirixido ao alumnado de 2º ciclo da ESO e do Bacharelato. O prazo de inscrición remata o 15 de outubro de 2015. Todo o alumnado inscrito participará nunha xornada de formación na que se achegarán claves de guionización, locución e interpretación. Para consultar as bases completas, preme aquí.
02/10/2015. OUTRAS
O vindeiro sábado, 3 de outubro de 2015, ás 12:00 horas, no salón de actos da Real Academia Galega terá lugar o acto de ingreso de Basilio Losada Castro como académico de honra. Entre os méritos de Basilio Losada destacan o de ter sido o primeiro catedrático de Filoloxía Galega na Universitat de Barcelona e referencia obrigada da cultura galega en Cataluña desde os anos 60. Na sesión extraordinaria, que será pública, Basilio Losada dará lectura ao discurso de ingreso: “Reflexións sobre as primeiras novelas de Rosalía de Castro”. Para ampliar esta nova, preme aquí.

