No marco do proxecto Apego, os servizos de normalización lingüística dos concellos de Carballo e Redondela desenvolverán nos vindeiros meses de outubro e novembro diferentes actividades de dinamización lingüística dirixidas ao público infantil e ás familias. O vindeiro mércores, 7 de outubro, terá lugar na Biblioteca Rego da Balsa (Carballo) a sesión de contacontos para bebés “Palma repalma”, organizada polo SNL do Concello de Carballo. Pola súa parte, o SNL do Concello de Redondela presenta un programa de tres actividades (contacontos, festa dos Axóuxeres e cinema infantil), que se desenvolverá no Multiusos da Xunqueira os días 3 de outubro, 25 de outubro e 22 de novembro.
01/10/2015. DINAMIZACIóN
30/09/2015. AXUDAS E PREMIOS
A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria publica, no DOG do 30 de setembro de 2015, a resolución da convocatoria de axudas para o libro galego, tanto no que se refire á tradución para outras linguas de obras publicadas orixinariamente en galego como á tradución para o galego de obras publicadas orixinariamente noutras linguas. Para coñecer a listaxe de beneficiarios, preme aquí.
29/09/2015. DINAMIZACIóN
A Coordinadora de Traballadores/as de Normalización Lingüística organiza un obradoiro para coñecer técnicas e ferramentas que nos axuden a usar de xeito eficiente as redes sociais no traballo de normalización lingüística. O curso está dirixido a persoas que manexen redes sociais de servizos de normalización lingüística (SNL), equipos de dinamización lingüística (EDL) ou outras entidades relacionadas coa promoción do galego. Organizaranse dúas edicións do obradoiro, unha en Pontevedra (20 de outubro) e outra en Santiago de Compostela (22 de outubro). O prazo de solicitude remata o 8 de outubro de 2015 ás 12:00 h. Para ampliar información, preme aquí.
29/09/2015. INVESTIGACIóN
A Real Academia Galega organiza unha xornada na honra de Ramón Piñeiro para conmemorar o centenario do seu nacemento. Na mesa redonda, moderada por Xesús Alonso Montero, intervirán Xosé Manuel Dasilva, co relatorio “Achegas documentais para a biografía de Ramón Piñeiro”; Henrique Monteagudo, co relatorio “Ramón Piñeiro e a lingua galega”; e Andrés Torres Queiruga, co relatorio “Ramón Piñeiro: compromiso integral e integrador”. O acto terá lugar hoxe, 29 de setembro de 2015, ás 19:30 h, no Salón de plenos do Concello de Lugo.
25/09/2015. OUTRAS
O Consello de Europa festexa o 26 de setembro como Día Europeo das Linguas, co obxectivo de promover a diversidade lingüística de Europa e fomentar o plurilingüismo entre os seus cidadáns. Un ano máis, desde que se instaurou esta celebración en 2001, os 47 estados que compoñen o Consello de Europa animan a cidadanía europea a festexar esta riqueza cultural e a participar nalgún dos moitos eventos que se celebran con este motivo.
25/09/2015. DINAMIZACIóN
O Servizo de Normalización Lingüística e a Concellaría de Educación do Concello de Negreira presentan tres novas iniciativas destinadas a fomentar o uso do galego que se desenvolverán a partir do vindeiro mes de outubro. A iniciativa Avelaíños e Rebuldeiros (encontros dirixidos a familias con nenos/as de entre 0 e 6 anos) ten como obxectivo crear espazos para o uso do galego nos ámbitos da familia e o lecer. Outra das actividades que se ofertan é o Club de lectura Barcala en galego, dirixida á poboación en xeral e destinada a fomentar a lectura na nosa lingua. Por último, todas as persoas que queiran adquirir ou perfeccionar a súa competencia oral en galego poden inscribirse no Curso de galego oral. Para obter máis información sobre as datas e prazos de inscrición, preme aquí.
23/09/2015. AXUDAS E PREMIOS
O xurado dos Premios da Cultura Galega 2015 fixo públicos os/as oito galardoados/as que son recoñecidos/as este ano polo seu labor no ámbito da creación, conservación e difusión cultural. Na categoría de Lingua, nesta edición outorgóuselle o premio á Coordinadora Galega de Equipos de Normalización e Dinamización Lingüística, entidade creada en 2009 que se converteu nun referente da promoción do galego no ámbito educativo. Nas outras categorías, os galardoados/as son Fina Casalderrey (Letras), Miguelanxo Prado (Artes Plásticas), María Bouzas (Artes Escénicas), o Coro Toxos e Froles (Música), Ignacio Vilar (Audiovisual), a Federación Galega pola Cultura Marítima e Fluvial (Patrimonio Cultural) e Kathleen Nora March (Proxección Exterior). Para ampliar esta información, preme aquí.
23/09/2015. DINAMIZACIóN
No vindeiro mes de outubro desenvólvense, no marco do proxecto Apego, dúas iniciativas de dinamización lingüística destinadas a fomentar a transmisión lingüística no ámbito da familia. O Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Ourense organiza “Chove. Teatro para bebés”, terá lugar o 2 de outubro no Auditorio Municipal de Ourense. Por outra parte, o Departamento de Lingua Galega do Concello de Santiago organiza “A casa encantada de Alí” (narración oral, plástica e musical baseada no portal Alí), que se celebrará o 14 de outubro no Local Social da Caramoniña, en Santiago de Compostela.
22/09/2015. DINAMIZACIóN
O Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Vimianzo presenta a campaña “A que sabe o galego en Vimianzo?”, co obxectivo de fomentar o uso do galego no ámbito socioeconómico, en particular na actividade relacionada coa gastronomía e a hostalería. No marco desta campaña desenvolveranse diferentes accións, como un concurso de receitas tradicionais, un concurso nas redes sociais ou a elaboración dun dicionario dos sabores de Vimianzo. Estas iniciativas están dirixidas tanto ao sector socioeconómico como á cidadanía en xeral. A maiores, o SNL do concello oferta un servizo de apoio técnico ao empresariado que se adhira aos obxectivos da campaña galeguizando a súa carta de produtos, o menú do día, a cartelería e os catálogos de produtos.
22/09/2015. EMPREGO
O Concello da Estrada anuncia a convocatoria para a contratación temporal dun técnico/a de normalización lingüística, que terá como principal obxectivo planificar e desenvolver as tarefas de asesoramento e dinamización lingüística que organice o concello. Os aspirantes debe posuír a licenciatura en Filoloxía Galego-Portuguesa, Filoloxía Hispánica (sección Galego-Portugués) ou Filoloxía Galega, ou outra titulación universitaria superior, sempre que se posúa o Celga 5. O proceso de selección consistirá en dúas probas, unha teórica (cuestionario de 50 preguntas tipo test sobre un temario) e outra práctica (resolución dun suposto sobre as tarefas a desenvolver). O prazo de presentación de solicitudes remata o 23 de setembro de 2015. Se desexa consultar o texto completo da convocatoria, prema aquí.
21/09/2015. DINAMIZACIóN
O Servizo de Normalización Lingüística do Concello do Grove, en colaboración coa Concellaría de Educación deste concello, organiza o concurso de adhesivos “Apégate ao Galego”, que ten como obxectivo fomentar o uso e as actitudes positivas cara ao idioma galego entre a mocidade. O concurso está dirixido ao alumnado de primaria e ESO dos centros públicos do municipio. Os participantes deben deseñar un adhesivo cun texto ou lema relacionado coa promoción da lingua galega, acompañado dun debuxo. O prazo de presentación dos traballos remata o 9 de outubro de 2015. Os gañadores de cada categoría (primaria e ESO) recibirán un bono-agasallo de 50 euros para cambiar por libros ou material audiovisual en galego.
17/09/2015. CURSOS E CONGRESOS
Xa podes consultar en liña o programa dos XVII Encontros para a Normalización Lingüística, que terán lugar os días 15 e 16 de outubro de 2015 no Consello da Cultura Galega. Nesta edición os Encontros van prestar unha especial atención aos distintos traballos de pesquisa e análises de datos que se están desenvolvendo arredor da mocidade e os seus comportamentos lingüísticos. Tamén serán obxecto de reflexión a planificación e política lingüísticas no ámbito local e a transmisión lingüística. Como novidade, este ano as persoas inscritas poden participar en catro grupos de Facebook, creados para fomentar a participación e o debater arredor do idioma en novos espazos de comunicación. A inscrición realizarase exclusivamente a través do formulario habilitado para este efecto e as prazas cubriranse por estrita orde de inscrición.
17/09/2015. DINAMIZACIóN
O Concello de Pontevedra organiza o III Festival das Núbebes. Artes escénicas para bebés e familia, que se vai desenvolver en Pontevedra os vindeiros días 18, 19, 20, 25, 26 e 27 de setembro de 2015. O programa, dirixido a familias con nenos/as de entre 0 e 6 anos, inclúe distintas actividades do ámbito das artes escénicas: teatro, danza, música, contacontos... Entre as actividades destacamos a presentación do programa de transmisión lingüística Apego, que terá lugar o 25 de setembro, ás 19:30 h, e contará coa intervención de Conchi Cochón (técnica do SNL do Concello de Pontevedra) e Baobab Teatro.
16/09/2015. DINAMIZACIóN
A Secretaría Xeral de Política Lingüística presenta unha nova edición dos Axóuxeres, un programa de dinamización lingüística deseñado para fomentar a transmisión da lingua nas familias con nenos/as de entre 0 a 6 anos. O espectáculo, que integra teatro, música en directo e xogos en galego, percorrerá 26 localidades da Rede de Dinamización Lingüística (RDL) entre o 12 de setembro e o 8 de novembro de 2015. Para obter máis información sobre o programa, preme aquí.
16/09/2015. OUTRAS
O pasado 10 de setembro abriu as súas portas en Vigo a escola Semente Vigo, un centro de ensino integramente en galego destinado a nenas e nenos de entre 2 e 6 anos. O seu proxecto pedagóxico baséase nos principios da coeducación, a laicidade, o asemblearismo, a interacción coa natureza, o respecto pola autorregulación da/o nena/o e a integración no contexto do seu barrio e cidade. Trátase da segunda escola que nace no marco das Escolas de Ensino Galego Semente, unha iniciativa social sen ánimo de lucro promovida inicialmente pola Gentalha do Pichel. Outras escolas infantís que se desenvolven integramente en galego son Semente Compostela ou a Escola Infantil Avoaescola Ferrolterra .
16/09/2015. DINAMIZACIóN
O Servizo de Normalización Lingüística e as comisións de normalización lingüística da Universidade de Santiago promoven o programa “Escolle en galego: pagarache máis a pena”, unha iniciativa deseñada para promover o uso do galego nos materiais docentes. Neste comezo de curso xa se sumaron ao proxecto dúas facultades do Campus de Lugo, a Facultade de Veterinaria (que participa por terceiro ano) e a Facultade de Ciencias (que participa por primeira vez).
15/09/2015. CURSOS E CONGRESOS
A Escola Galega de Administración Pública (EGAP) publica, no DOG do 15 de setembro de 2015, tres convocatorias de cursos de linguaxes específicas para diferentes colectivos da Administración pública. En concreto, convócanse cursos de linguaxe xurídica galega (nivel medio) para persoal da Administración de xustiza que preste servizos fóra de Galicia; cursos de linguaxe xurídica galega (nivel medio) para persoal da Administración de xustiza, e colectivos relacionados, que presten servizos dentro de Galicia; e cursos de linguaxe administrativa galega (nivel medio) para persoal da Administración autonómica de Galicia. En calquera das tres convocatorias, o prazo de presentación de solicitudes é de 10 días naturais, contados a partir do seguinte ao da publicación da convocatoria no DOG.
15/09/2015. DINAMIZACIóN
O Servizo de Normalización Lingüística e a Concellaría de Ensino do Concello de Redondela, en colaboración cos centros de ensino público redondeláns, presentan unha nova edición da Axenda escolar redondelá, deseñada para o curso 2015-2016. Nesta edición, ademais de ferramentas para a organización das tarefas escolares, a axenda inclúe tamén información sobre actividades de dinamización lingüística desenvolvidas polo SNL e os centros de ensino, así como contidos relacionados co patrimonio lingüístico do concello (toponimia, literatura oral, etc.). Para ampliar esta información, preme aquí.
14/09/2015. DINAMIZACIóN
No marco do programa Apego, o Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Redondela presenta un novo programa de actividades de dinamización lingüística destinadas a promover a transmisión do galego no ámbito da familia. O programa inclúe o obradoiro didáctico Prende no colo, con Luís Prego, destinado a nais e pais con nenos e nenas de 0 a 3 anos, no que se traballarán cantos de berce, xogos de dedos, recitados e cantigas. Este obradoiro desenvolverase os vindeiros días 20 de setembro (Auditorio da Xunqueira, Redondela) e 27 de setembro (Auditorio do Piñeiral do Crego, Chapela). O prazo de inscrición remata o 16 de setembro. Para ampliar esta nova, preme aquí.
14/09/2015. DINAMIZACIóN
A Coordinadora Galega de Equipos de Normalización e Dinamización Lingüística (CGENDL) pon ao dispor de toda a comunidade educativa diferentes modelos do calendario escolar 2015-2016 en lingua galega. No web da CGENDL pódese descargar o calendario escolar, en formato PDF ou Excel, en distintas versións: anual e mensual. Así mesmo, tamén ofrecen modelos de calendario para facer a temporalización anual e trimestral nos diferentes niveis educativos.
14/09/2015. DINAMIZACIóN
A Secretaría Xeral de Política Lingüística (SXPL) presenta o Portal da Lingua Galega, novo sitio web que ofrece contidos de interese sobre o idioma galego (datos básicos, recursos para a aprendizaxe, programas de fomento, proxectos de investigación e información sobre proxección exterior), así como información administrativa sobre a propia SXPL. Entre as principais novidades destaca o acceso para toda a cidadanía ao tradutor automático Gaio, que ata o momento só estaba dispoñible para os traballadores/as da Administración pública.
07/09/2015. CURSOS E CONGRESOS
O Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Ames organiza unha nova edición do obradoiro de lingua e cultura galega "En galego, co teu acento", dirixido a inmigrantes, emigrantes retornados e persoas de fóra de Galicia que residen en Ames. No curso impartiranse nocións básicas para a comunicación escrita e oral en galego, así como coñecementos sobre a cultura e a historia de Galicia, promovendo a cohesión social e o intercambio cultural. O prazo de inscrición estará aberto desde o 7 ao 25 de setembro de 2015. Para ampliar esta información preme aquí.
31/08/2015. CURSOS E CONGRESOS
A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria publica no DOG do 13 de agosto de 2015 a convocatoria de cursos de linguaxe administrativa galega e cursos preparatorios para os certificados de lingua galega (CELGA), que se desenvolverán nas escolas oficiais de idiomas de Galicia. Os prazos de presentación de solicitudes son: ata o 11 de setembro de 2015 para os cursos do primeiro cuadrimestre; e desde o 14 de decembro de 2015 ata o 4 de xaneiro de 2016 para os cursos do segundo cuadrimestre.
Así mesmo, no DOG do 21 de agosto de 2015, publícase unha nova convocatoria de cursos preparatorios para os Celga (niveis 2, 3 e 4), que terán lugar en diferentes concellos de Galicia. Neste caso, o prazo de presentación de solicitudes é de 15 días hábiles, a partir do seguinte ao da publicación da convocatoria no DOG.
Así mesmo, no DOG do 21 de agosto de 2015, publícase unha nova convocatoria de cursos preparatorios para os Celga (niveis 2, 3 e 4), que terán lugar en diferentes concellos de Galicia. Neste caso, o prazo de presentación de solicitudes é de 15 días hábiles, a partir do seguinte ao da publicación da convocatoria no DOG.
31/07/2015. AXUDAS E PREMIOS
A Secretaría Xeral de Política Lingüística fai pública a resolución da convocatoria de subvencións ás entidades locais de Galicia para a promoción do uso da lingua galega. No texto da resolución podes consultar a listaxe de entidades locais que, ben de xeito individual ou agrupado, recibirán axuda económica para a creación ou mantemento dun servizo de normalización lingüística, así como para o desenvolvemento de programas de dinamización lingüística.
31/07/2015. DINAMIZACIóN
O xurado do III Concurso de proxectos de publicidade comercial en galego, promovido polo Concello de Santiago de Compostela, acordou outorgarlle o premio ao proxecto publicitario “Zapatos e outras historias", que se desenvolverá na zapataría Moksín, ubicada na rúa Montero Ríos do Ensanche compostelán. O proxecto, deseñado polo comunicador Tino Barreiro, consiste en que varios artistas creen cadansúa obra (performativa, plástica, escénica, literaria) que integre os propios zapatos da tenda, a partir de palabras que formule a clientela. Periodicamente organizaranse eventos para expoñer e difundir estas obras. Para ampliar esta nova, preme aquí.
29/07/2015. DINAMIZACIóN
A Secretaría Xeral de Política Lingüística e a Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado presentan unha nova edición do programa O galego campa!, deseñado para crear espazos de uso en galego nos campamentos de verán da Xunta de Galicia, así como para fornecer ao monitorado de materiais didácticos en lingua galega. Esta iniciativa desenvolverase, no marco do programa “Acción de verán 2015”, en 17 campamentos durante os meses de xullo e agosto. Para obter máis información sobre a iniciativa ou acceder ao repositorio de materiais didácticos, preme aquí.
28/07/2015. DINAMIZACIóN
A Asociación de Amigos do Mosteiro de Ferreira de Pallares organiza a novena edición deste certame que ten por obxecto fomentar a investigación en lingua galega sobre o antigo territorio que conformaba o Condado de Pallares (concellos de Guntín, Portomarín, Taboada, Chantada e Carballedo). Os traballos debe ser orixinais e inéditos, estar redactados en galego e ter unha extensión mínima de 100 folios. A temática debe cinguirse aos ámbitos lingüístico, histórico, artístico, arqueolóxico, antropolóxico, etnográfico e folclórico. O gañador/a recibirá un premio de 3.000 euros. O prazo de presentación remata o 2 de novembro de 2015. Para consultar as bases preme aquí.
24/07/2015. DINAMIZACIóN
A Irmandada Xurídica Galega e o Xulgado de Fonsagrada celebraron, o pasado 18 de xullo de 2015, un acto público para conmemorar os 25 anos de galeguización deste xulgado. O acto contou coa participación especial de todos os xuíces que ocuparon esa praza estes últimos 25 anos (Xoán Montes, Alberto Benéitez, Luís Villares e o actual titular, Eladio Prieto), que estiveron acompañados de funcionarios, profesionais do dereito e representantes de diferentes institucións culturais e académicas. Con motivo desta celebración a Irmandade Xurídica Galega editou o díptico “En galego é de lei”, con información útil sobre os dereitos lingüísticos da cidadanía.
24/07/2015. DINAMIZACIóN
O Conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez, e o deán da Catedral de Santiago, Segundo Pérez, presentaron a versión en galego da Credencial do peregrino (documento que os viaxeiros deben selar en cada etapa) e do Certificado de distancia do Camiño de Santiago (documento que certifica a súa viaxe). A iniciativa, que xurdiu a partir da demanda dos propios peregrinos que están a facer o camiño, inscríbese no marco de colaboración entre a Igrexa Católica e o Goberno galego, que colabora desde hai anos, a través da súa Secretaría Xeral de Política Lingüística, coa tradución de materiais para a catequese e o culto. Para ampliar esta nova preme aquí.
22/07/2015. INVESTIGACIóN
O Instituto da Lingua Galega (ILG) da Universidade de Santiago presenta o volume En memoria de tanto miragre: estudos dedicados ó profesor David Mackenzie, que recolle dezaoito contribucións desde o ámbito da lingüística iberorrománica e da lingüística e literatura galegas. A obra foi presentada onte, 21 de xullo de 2015, no marco dunha homenaxe que o ILG lle rendeu ao profesor David Mackenzie, polo seu papel decisivo na creación e expansión dos estudos galegos no mundo académico anglófono e internacional. Para ampliar esta nova preme aquí.

