O Equipo de Dinamización da Lingua Galega do IES Aquis Celenis (Caldas de Reis) organiza o Concurso Científico en Galego “Feito a conCIENCIA”. Os participantes deben gravar un vídeo no que se amose a realización dun experimento científico, incluíndo unha explicación oral ou escrita (en subtítulos) en galego. Os traballos, ou a súa ligazón, deben enviarse ao enderezo aquisfalamos@gmail.com antes do vindeiro 6 de novembro de 2015. Para ampliar información, preme aquí.
19/10/2015. DINAMIZACIóN
15/10/2015. CURSOS E CONGRESOS
O Instituto da Lingua Galega (USC) organiza, coa colaboración do Consello da Cultura Galega, o simposio “Cambio lingüístico no galego actual”, que pretende afondar no estudo do cambio lingüístico e nos factores que están detrás deste proceso. As sesións terán lugar os días 16, 17, 18, 24 e 25 de novembro de 2015 na Facultade de Filoloxía da USC e mais no Consello da Cultura Galega. Para obter máis información sobre o programa e os trámites de inscrición, preme aquí.
15/10/2015. EMPREGO
A Universidade de Santiago de Compostela anuncia a convocatoria pública de contratación de persoal para colaborar en actividades de investigación mediante contrato de obra ou servizo determinado. Entre os proxectos para os que se vai seleccionar persoal está o “Corpus dixital de textos galegos da Idade Moderna. Catalogación, multiedición, glosario e estudo”, que se está a desenvolver no Instituto da Lingua Galega. Os aspirantes deben posuír a Licenciatura ou Grao en Filoloxía Galega / Lingua e Literatura Galegas e estar matriculados/as nun programa de doutoramento na USC. O prazo de presentación de solicitudes remata o 15 de outubro de 2015. Para ampliar información, preme aquí.
15/10/2015. DINAMIZACIóN
O Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Narón organiza o espectáculo musical “Unha viaxe polo mundo”, organizado no marco do proxecto Apego, para fomentar a transmisión lingüística e crear espazos de uso en galego no ámbito do lecer. A actividade, dirixida a familias con nenos/as de 0 a 10 anos, terá lugar o vindeiro domingo 18 de outubro de 2015, na Praza de Galicia (Narón). A actividade é de balde e non é preciso reservar praza.
15/10/2015. DINAMIZACIóN
O Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Carballo organiza, no marco do proxecto Apego, a Xornada sobre recursos en galego para formadores infantís, que terá lugar o sábado 24 de outubro de 2015 no Fórum Carballo. O programa da xornada inclúe a presentación de recursos didácticos en galego, información sobre o seu manexo e actividades de sensibilización para fomentar o uso destes materiais no ámbito educativo e de lecer dos máis pequenos/as. Podes solicitar a inscrición no teléfono 981 704 304 ou a través do correo electrónico: nelvidal@carballo.gal.
13/10/2015. DINAMIZACIóN
O Servizo de Normalización Lingüística do Concello da Coruña organiza unha nova edición da actividade “Son xogos, xogos sons”, dirixido a nenas e nenos de entre 4 e 9 anos. Trátase dun concerto-obradoiro de xogos e bailes tradicionais, acompañados das melodías de Pablo Díaz e Olga Kirk, co obxectivo de promover a transmisión do noso patrimonio cultural e lingüístico e fomentar a creación de espazos de lecer en galego. A actividade terá lugar o 24 de outubro, ás 12:00 h, no Centro Ágora (A Coruña). O prazo de inscrición comeza o luns 19 de outubro. Para obter máis información, preme aquí.
13/10/2015. DINAMIZACIóN
A Rede de Dinamización Lingüística (RDL) da Xunta de Galicia presenta a actividade Contos en Rede, que se desenvolverá no marco do programa FalaRedes 2015, co obxectivo de promover o uso do galego oral como ferramenta de creación artística. Os contadores Inacio Vilariño, Ana Carreira e Santi Prego levarán as súas historias, aptas para todas as idades, por 30 entidades (27 municipios e 3 mancomunidades) adheridas á RDL durante os meses de outubro e novembro de 2015.
09/10/2015. DINAMIZACIóN
O Equipo de Dinamización da Lingua Galega do CEIP López Ferreiro (Santiago de Compostela) convoca o XII Concurso de Redacción Histórica Falemos da Nosa Historia, dirixido aos escolares da Comunidade Autónoma de Galicia que ao longo do curso escolar 2015- 2016 cursen estudos de 5º e 6º curso de Educación Primaria ou 1º ciclo da ESO. O obxectivo é reflexionar sobre a nosa historia a partir de ditos, refráns, modismos ou lendas. Nesta edición os participantes deberán descubrir a orixe e a explicación histórica do dito “Se vas a San Benitiño, non vaias ao de Paredes”. O prazo de presentación dos traballos é do 1 ao 29 de febreiro de 2016. Para consultar as bases completas do concurso preme aquí.
08/10/2015. CURSOS E CONGRESOS
A Deputación da Coruña presenta o programa para o fomento da lingua, dirixido ao persoal da propia deputación, así como ao dos concellos e entidades adheridas ao plan de formación. O programa inclúe diferentes cursos (sobre comunicación oral, linguaxe inclusiva e dinamización activa da lingua) que se desenvolverán entre os meses de febreiro e maio de 2016. O prazo para a presentación de solicitudes remata o 16 de outubro de 2015. Para ampliar información sobre os trámites de inscrición, preme aquí.
06/10/2015. DINAMIZACIóN
O Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Ames organiza, coa colaboración dos equipos de dinamización lingüística dos centros de ensino secundario deste municipio, o V Concurso Radiofónico de Teatro Lido Desata a Lingua!!, co obxectivo de dinamizar o uso oral e escrito do galego entre a mocidade de xeito lúdico e creativo. O certame está dirixido ao alumnado de 2º ciclo da ESO e do Bacharelato. O prazo de inscrición remata o 15 de outubro de 2015. Todo o alumnado inscrito participará nunha xornada de formación na que se achegarán claves de guionización, locución e interpretación. Para consultar as bases completas, preme aquí.
02/10/2015. OUTRAS
O vindeiro sábado, 3 de outubro de 2015, ás 12:00 horas, no salón de actos da Real Academia Galega terá lugar o acto de ingreso de Basilio Losada Castro como académico de honra. Entre os méritos de Basilio Losada destacan o de ter sido o primeiro catedrático de Filoloxía Galega na Universitat de Barcelona e referencia obrigada da cultura galega en Cataluña desde os anos 60. Na sesión extraordinaria, que será pública, Basilio Losada dará lectura ao discurso de ingreso: “Reflexións sobre as primeiras novelas de Rosalía de Castro”. Para ampliar esta nova, preme aquí.
01/10/2015. DINAMIZACIóN
No marco do proxecto Apego, os servizos de normalización lingüística dos concellos de Carballo e Redondela desenvolverán nos vindeiros meses de outubro e novembro diferentes actividades de dinamización lingüística dirixidas ao público infantil e ás familias. O vindeiro mércores, 7 de outubro, terá lugar na Biblioteca Rego da Balsa (Carballo) a sesión de contacontos para bebés “Palma repalma”, organizada polo SNL do Concello de Carballo. Pola súa parte, o SNL do Concello de Redondela presenta un programa de tres actividades (contacontos, festa dos Axóuxeres e cinema infantil), que se desenvolverá no Multiusos da Xunqueira os días 3 de outubro, 25 de outubro e 22 de novembro.
30/09/2015. AXUDAS E PREMIOS
A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria publica, no DOG do 30 de setembro de 2015, a resolución da convocatoria de axudas para o libro galego, tanto no que se refire á tradución para outras linguas de obras publicadas orixinariamente en galego como á tradución para o galego de obras publicadas orixinariamente noutras linguas. Para coñecer a listaxe de beneficiarios, preme aquí.
29/09/2015. DINAMIZACIóN
A Coordinadora de Traballadores/as de Normalización Lingüística organiza un obradoiro para coñecer técnicas e ferramentas que nos axuden a usar de xeito eficiente as redes sociais no traballo de normalización lingüística. O curso está dirixido a persoas que manexen redes sociais de servizos de normalización lingüística (SNL), equipos de dinamización lingüística (EDL) ou outras entidades relacionadas coa promoción do galego. Organizaranse dúas edicións do obradoiro, unha en Pontevedra (20 de outubro) e outra en Santiago de Compostela (22 de outubro). O prazo de solicitude remata o 8 de outubro de 2015 ás 12:00 h. Para ampliar información, preme aquí.
29/09/2015. INVESTIGACIóN
A Real Academia Galega organiza unha xornada na honra de Ramón Piñeiro para conmemorar o centenario do seu nacemento. Na mesa redonda, moderada por Xesús Alonso Montero, intervirán Xosé Manuel Dasilva, co relatorio “Achegas documentais para a biografía de Ramón Piñeiro”; Henrique Monteagudo, co relatorio “Ramón Piñeiro e a lingua galega”; e Andrés Torres Queiruga, co relatorio “Ramón Piñeiro: compromiso integral e integrador”. O acto terá lugar hoxe, 29 de setembro de 2015, ás 19:30 h, no Salón de plenos do Concello de Lugo.
25/09/2015. OUTRAS
O Consello de Europa festexa o 26 de setembro como Día Europeo das Linguas, co obxectivo de promover a diversidade lingüística de Europa e fomentar o plurilingüismo entre os seus cidadáns. Un ano máis, desde que se instaurou esta celebración en 2001, os 47 estados que compoñen o Consello de Europa animan a cidadanía europea a festexar esta riqueza cultural e a participar nalgún dos moitos eventos que se celebran con este motivo.
25/09/2015. DINAMIZACIóN
O Servizo de Normalización Lingüística e a Concellaría de Educación do Concello de Negreira presentan tres novas iniciativas destinadas a fomentar o uso do galego que se desenvolverán a partir do vindeiro mes de outubro. A iniciativa Avelaíños e Rebuldeiros (encontros dirixidos a familias con nenos/as de entre 0 e 6 anos) ten como obxectivo crear espazos para o uso do galego nos ámbitos da familia e o lecer. Outra das actividades que se ofertan é o Club de lectura Barcala en galego, dirixida á poboación en xeral e destinada a fomentar a lectura na nosa lingua. Por último, todas as persoas que queiran adquirir ou perfeccionar a súa competencia oral en galego poden inscribirse no Curso de galego oral. Para obter máis información sobre as datas e prazos de inscrición, preme aquí.
23/09/2015. AXUDAS E PREMIOS
O xurado dos Premios da Cultura Galega 2015 fixo públicos os/as oito galardoados/as que son recoñecidos/as este ano polo seu labor no ámbito da creación, conservación e difusión cultural. Na categoría de Lingua, nesta edición outorgóuselle o premio á Coordinadora Galega de Equipos de Normalización e Dinamización Lingüística, entidade creada en 2009 que se converteu nun referente da promoción do galego no ámbito educativo. Nas outras categorías, os galardoados/as son Fina Casalderrey (Letras), Miguelanxo Prado (Artes Plásticas), María Bouzas (Artes Escénicas), o Coro Toxos e Froles (Música), Ignacio Vilar (Audiovisual), a Federación Galega pola Cultura Marítima e Fluvial (Patrimonio Cultural) e Kathleen Nora March (Proxección Exterior). Para ampliar esta información, preme aquí.
23/09/2015. DINAMIZACIóN
No vindeiro mes de outubro desenvólvense, no marco do proxecto Apego, dúas iniciativas de dinamización lingüística destinadas a fomentar a transmisión lingüística no ámbito da familia. O Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Ourense organiza “Chove. Teatro para bebés”, terá lugar o 2 de outubro no Auditorio Municipal de Ourense. Por outra parte, o Departamento de Lingua Galega do Concello de Santiago organiza “A casa encantada de Alí” (narración oral, plástica e musical baseada no portal Alí), que se celebrará o 14 de outubro no Local Social da Caramoniña, en Santiago de Compostela.
22/09/2015. DINAMIZACIóN
O Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Vimianzo presenta a campaña “A que sabe o galego en Vimianzo?”, co obxectivo de fomentar o uso do galego no ámbito socioeconómico, en particular na actividade relacionada coa gastronomía e a hostalería. No marco desta campaña desenvolveranse diferentes accións, como un concurso de receitas tradicionais, un concurso nas redes sociais ou a elaboración dun dicionario dos sabores de Vimianzo. Estas iniciativas están dirixidas tanto ao sector socioeconómico como á cidadanía en xeral. A maiores, o SNL do concello oferta un servizo de apoio técnico ao empresariado que se adhira aos obxectivos da campaña galeguizando a súa carta de produtos, o menú do día, a cartelería e os catálogos de produtos.
22/09/2015. EMPREGO
O Concello da Estrada anuncia a convocatoria para a contratación temporal dun técnico/a de normalización lingüística, que terá como principal obxectivo planificar e desenvolver as tarefas de asesoramento e dinamización lingüística que organice o concello. Os aspirantes debe posuír a licenciatura en Filoloxía Galego-Portuguesa, Filoloxía Hispánica (sección Galego-Portugués) ou Filoloxía Galega, ou outra titulación universitaria superior, sempre que se posúa o Celga 5. O proceso de selección consistirá en dúas probas, unha teórica (cuestionario de 50 preguntas tipo test sobre un temario) e outra práctica (resolución dun suposto sobre as tarefas a desenvolver). O prazo de presentación de solicitudes remata o 23 de setembro de 2015. Se desexa consultar o texto completo da convocatoria, prema aquí.
21/09/2015. DINAMIZACIóN
O Servizo de Normalización Lingüística do Concello do Grove, en colaboración coa Concellaría de Educación deste concello, organiza o concurso de adhesivos “Apégate ao Galego”, que ten como obxectivo fomentar o uso e as actitudes positivas cara ao idioma galego entre a mocidade. O concurso está dirixido ao alumnado de primaria e ESO dos centros públicos do municipio. Os participantes deben deseñar un adhesivo cun texto ou lema relacionado coa promoción da lingua galega, acompañado dun debuxo. O prazo de presentación dos traballos remata o 9 de outubro de 2015. Os gañadores de cada categoría (primaria e ESO) recibirán un bono-agasallo de 50 euros para cambiar por libros ou material audiovisual en galego.
17/09/2015. CURSOS E CONGRESOS
Xa podes consultar en liña o programa dos XVII Encontros para a Normalización Lingüística, que terán lugar os días 15 e 16 de outubro de 2015 no Consello da Cultura Galega. Nesta edición os Encontros van prestar unha especial atención aos distintos traballos de pesquisa e análises de datos que se están desenvolvendo arredor da mocidade e os seus comportamentos lingüísticos. Tamén serán obxecto de reflexión a planificación e política lingüísticas no ámbito local e a transmisión lingüística. Como novidade, este ano as persoas inscritas poden participar en catro grupos de Facebook, creados para fomentar a participación e o debater arredor do idioma en novos espazos de comunicación. A inscrición realizarase exclusivamente a través do formulario habilitado para este efecto e as prazas cubriranse por estrita orde de inscrición.
17/09/2015. DINAMIZACIóN
O Concello de Pontevedra organiza o III Festival das Núbebes. Artes escénicas para bebés e familia, que se vai desenvolver en Pontevedra os vindeiros días 18, 19, 20, 25, 26 e 27 de setembro de 2015. O programa, dirixido a familias con nenos/as de entre 0 e 6 anos, inclúe distintas actividades do ámbito das artes escénicas: teatro, danza, música, contacontos... Entre as actividades destacamos a presentación do programa de transmisión lingüística Apego, que terá lugar o 25 de setembro, ás 19:30 h, e contará coa intervención de Conchi Cochón (técnica do SNL do Concello de Pontevedra) e Baobab Teatro.
16/09/2015. DINAMIZACIóN
A Secretaría Xeral de Política Lingüística presenta unha nova edición dos Axóuxeres, un programa de dinamización lingüística deseñado para fomentar a transmisión da lingua nas familias con nenos/as de entre 0 a 6 anos. O espectáculo, que integra teatro, música en directo e xogos en galego, percorrerá 26 localidades da Rede de Dinamización Lingüística (RDL) entre o 12 de setembro e o 8 de novembro de 2015. Para obter máis información sobre o programa, preme aquí.
16/09/2015. OUTRAS
O pasado 10 de setembro abriu as súas portas en Vigo a escola Semente Vigo, un centro de ensino integramente en galego destinado a nenas e nenos de entre 2 e 6 anos. O seu proxecto pedagóxico baséase nos principios da coeducación, a laicidade, o asemblearismo, a interacción coa natureza, o respecto pola autorregulación da/o nena/o e a integración no contexto do seu barrio e cidade. Trátase da segunda escola que nace no marco das Escolas de Ensino Galego Semente, unha iniciativa social sen ánimo de lucro promovida inicialmente pola Gentalha do Pichel. Outras escolas infantís que se desenvolven integramente en galego son Semente Compostela ou a Escola Infantil Avoaescola Ferrolterra .
16/09/2015. DINAMIZACIóN
O Servizo de Normalización Lingüística e as comisións de normalización lingüística da Universidade de Santiago promoven o programa “Escolle en galego: pagarache máis a pena”, unha iniciativa deseñada para promover o uso do galego nos materiais docentes. Neste comezo de curso xa se sumaron ao proxecto dúas facultades do Campus de Lugo, a Facultade de Veterinaria (que participa por terceiro ano) e a Facultade de Ciencias (que participa por primeira vez).
15/09/2015. CURSOS E CONGRESOS
A Escola Galega de Administración Pública (EGAP) publica, no DOG do 15 de setembro de 2015, tres convocatorias de cursos de linguaxes específicas para diferentes colectivos da Administración pública. En concreto, convócanse cursos de linguaxe xurídica galega (nivel medio) para persoal da Administración de xustiza que preste servizos fóra de Galicia; cursos de linguaxe xurídica galega (nivel medio) para persoal da Administración de xustiza, e colectivos relacionados, que presten servizos dentro de Galicia; e cursos de linguaxe administrativa galega (nivel medio) para persoal da Administración autonómica de Galicia. En calquera das tres convocatorias, o prazo de presentación de solicitudes é de 10 días naturais, contados a partir do seguinte ao da publicación da convocatoria no DOG.
15/09/2015. DINAMIZACIóN
O Servizo de Normalización Lingüística e a Concellaría de Ensino do Concello de Redondela, en colaboración cos centros de ensino público redondeláns, presentan unha nova edición da Axenda escolar redondelá, deseñada para o curso 2015-2016. Nesta edición, ademais de ferramentas para a organización das tarefas escolares, a axenda inclúe tamén información sobre actividades de dinamización lingüística desenvolvidas polo SNL e os centros de ensino, así como contidos relacionados co patrimonio lingüístico do concello (toponimia, literatura oral, etc.). Para ampliar esta información, preme aquí.
14/09/2015. DINAMIZACIóN
No marco do programa Apego, o Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Redondela presenta un novo programa de actividades de dinamización lingüística destinadas a promover a transmisión do galego no ámbito da familia. O programa inclúe o obradoiro didáctico Prende no colo, con Luís Prego, destinado a nais e pais con nenos e nenas de 0 a 3 anos, no que se traballarán cantos de berce, xogos de dedos, recitados e cantigas. Este obradoiro desenvolverase os vindeiros días 20 de setembro (Auditorio da Xunqueira, Redondela) e 27 de setembro (Auditorio do Piñeiral do Crego, Chapela). O prazo de inscrición remata o 16 de setembro. Para ampliar esta nova, preme aquí.

