O Boletín Oficial do Estado do 27 de maio de 2015 publica a Lei 10/2015, de 26 de maio, para a salvagarda do Patrimonio Cultural Inmaterial, que acaba de aprobar o Congreso dos Deputados co obxecto de regular a acción de salvagarda que deben exercer os poderes públicos sobre os bens que integran este patrimonio. No artigo 2 desta lei inclúense, dentro do concepto de patrimonio cultural inmaterial, as “tradicións e expresións orais, incluídas as modalidades e particularidades lingüísticas como vehículo do patrimonio cultural inmaterial; así como a toponimia tradicional como instrumento para a concreción da denominación xeográfica dos territorios”.
01/06/2015. LEXISLACIóN
29/05/2015. DINAMIZACIóN
Hoxe, 29 de maio de 2015, estrearase en 14 cines de oito localidades galegas a comedia británica “O noso último verán en Escocia”, en versión dobrada ao galego. A iniciativa, que ten como obxectivo promover o uso do noso idioma no ámbito do audiovisual, é froito da colaboración entre a Xunta de Galicia (través da Secretaría Xeral de Política Lingüística e da Axencia Galega das Industrias Culturais), a Televisión de Galicia e a distribuidora A Contracorriente Films. As localidades nas que pode verse o filme en galego son A Coruña, Lugo, Narón, Ourense, Pontevedra, Santiago de Compostela, Vigo e Vilagarcía de Arousa. Para ampliar esta nova, preme aquí.
28/05/2015. AXUDAS E PREMIOS
A Comisión de Normalización Lingüística da Facultade de Ciencias da Comunicación da USC convoca o I Premio de Radiodramas en galego, que premiará o mellor guión radiofónico dramático en lingua galega. O certame está dirixido ao alumnado da USC, ao alumnado das titulacións de Comunicación Audiovisual de calquera das universidades galegas e aos estudantes das titulacións das escolas oficiais de Imaxe e Son. O prazo para presentar os traballos remata o 15 de outubro de 2015. Para ampliar esta información, preme aquí.
28/05/2015. AXUDAS E PREMIOS
O Servizo de Normalización Lingüística da Terra de Melide (integrado polos concellos de Melide, Toques e Santiso, polo IES de Melide e todos os colexios da comarca Terra de Melide) acordou entregar o Premio Terra de Melide 2015 á defensa da lingua ao docente e dinamizador cultural Paco Veiga. O acto de entrega terá lugar o 5 de xuño de 2015, ás 20:30 h, na Casa de Cultura de Melide.
27/05/2015. AXUDAS E PREMIOS
O xurado dos Premios Lois Peña Novo deu a coñecer os gañadores da súa XXI edición. Estes galardóns están pensados para animar o proceso de normalización lingüística no eido das administracións públicas, na vida institucional de Galicia e na sociedade en xeral. Nesta edición os/as premiados/as son Ángel Carracedo, catedrático de Medicina Legal da USC, Consuelo Castro Rey, xefa territorial da Avogacía do Estado en Galicia, e Ricardo Gurriarán Rodríguez, director da área de Historia da Fundación 10 de Marzo. Para ampliar esta nova, preme aquí.
26/05/2015. DINAMIZACIóN
A Coordenadora de Equipas de Normalización Ferrolterra, en colaboración co Concello de Ferrol, organiza o XXIII Festival musical “A mocidade coa lingua”, co obxectivo de fomentar a creatividade e o uso do galego no ámbito do lecer. Esta edición contará coa actuación especial de Sés e a participación de tres formacións musicais estudantís: Rapatios (do CPI Atios de Valdoviño), Toxos Bravos (do IES Fernando Esquío de Neda) e Jhonny Fernández (do IES Carballo Calero). O festival celebrarase o 18 de xuño de 2015, a partir das 10:30 h, no Teatro Jofre de Ferrol. Os centros que desexen asistir teñen de prazo ata o 29 de maio para enviar a solicitude ao enderezo electrónico cequipnormalizacion@gmail.com.
25/05/2015. CURSOS E CONGRESOS
O Instituto da Lingua Galega da Universidade de Santiago de Compostela organiza, en colaboración coa Universidade Federal da Bahia e a Universidade de São Paulo, Gallæcia – III Congresso Internacional de Lingüística Histórica, dedicado a honrar os profesores Ramón Lorenzo e Antón Santamarina. O comité organizador convida a participar a investigadores/as da lingüística portuguesa e galega, especialmente nos ámbitos da lingüística histórica e da historia da lingua, mais tamén noutras disciplinas como a sociolingüística. As sesións terán lugar entre os días 27 e 30 de xullo de 2015 en Santiago de Compostela.
20/05/2015. DINAMIZACIóN
O Consello da Cultura Galega e a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria da Xunta de Galicia, coa colaboración do Concello de Cambados, organizan a terceira edición do certame musical No bico un cantar, co obxectivo de trasladar a paixón pola música culta e a poesía galega a escolares de toda Galicia. Nesta edición as nenas e nenos cantarán catro poemas de Ramón Cabanillas (“Pregaria”, “Fala unha laverca”, “Era un piniño novo”, “Aureana do Sil”) e un de Rosalía (“Maio longo”). O acto terá lugar o vindeiro 5 de xuño, ás 18:00 h, na praza de Fefiñáns de Cambados.
19/05/2015. AXUDAS E PREMIOS
Os servizos de normalización lingüística das tres universidades galegas, coa colaboración da Secretaría Xeral de Política Lingüística, organizan a duodécima edición do Premio Luísa Villalta a Iniciativas Normalizadoras, que ten como principal obxectivo promover a reflexión e dinamización lingüísticas no ámbito universitario. O premio está dirixido a toda a comunidade universitaria galega e conta con dúas modalidades: “idea para a promoción do galego” e “deseño dunha campaña normalizadora”. O prazo de presentación de proxectos e/ou ideas remata o 4 de novembro de 2015.
15/05/2015. DINAMIZACIóN
A Coordinadora de Traballadores/as de Normalización da Lingua organiza o concurso en twitter Que se vexa! o galego, co ánimo de darlle visibilidade e reivindicar o uso do galego en todos os ámbitos sociais. Para participar cómpre facer unha foto nun lugar onde estea presente o galego e sexa pouco habitual ou, simplemente, resulte gratificante velo nese espazo. Despois, hai que subir a foto ao twitter coa etiqueta #quesevexaogalego, seguida dunha frase positiva. Serán premiados tanto o chío que teña máis rechíos dos usuarios/as de twitter, como o que máis lle guste ao xurado. Para ampliar a nova, preme aquí.
15/05/2015. AXUDAS E PREMIOS
A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria convoca os Premios da Cultura Galega para o ano 2015 nas seguintes modalidades: Letras, Artes Plásticas, Artes Escénicas, Música, Audiovisual, Patrimonio Cultural, Promoción Exterior e Lingua. Poderán ser candidatas as persoas físicas ou xurídicas, públicas ou privadas, que se distingan pola súa traxectoria vinculada co obxecto da modalidade correspondente. As candidaturas só poderán ser presentadas por institucións e entidades culturais ou profesionais, públicas ou privadas, relacionadas co obxecto de cada premio. O prazo de presentación será de dous meses, contados desde o día seguinte ao da publicación da convocatoria.
15/05/2015. AXUDAS E PREMIOS
A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria publica a convocatoria de subvencións para a edición en lingua galega de recursos didácticos curriculares para niveis non universitarios. As axudas están dirixidas ás empresas mercantís do sector editorial e o prazo para a presentación de solicitudes é dun mes, contado a partir do día seguinte ao da publicación desta convocatoria.
13/05/2015. DINAMIZACIóN
Co gallo da celebración do vindeiro Día das Letras Galegas, Afundación presenta a campaña Empápate co Galego, no marco da cal se desenvolverá un programa de actividades culturais, se difundirá na rede un vídeo promocional e se distribuirán tarxetas e chapas reivindicativas nas sedes físicas que Afundación ten nas cidades galegas. O programa de actividades inclúe un concerto musical, promovido polo Consello da Cultura Galega, e diferentes actividades educativas sobre a figura de Xosé Filgueira Valverde.
13/05/2015. DINAMIZACIóN
A Coordinadora Galega de Equipos de Normalización e Dinamización Lingüística (CGENDL) proponlle á comunidade educativa, e en xeral a toda a cidadanía galega, que presuman de galego todo o ano, difundindo entre as súas amizades unha mensaxe positiva de orgullo lingüístico que transcenda a efeméride puntual do 17 de maio. Con este obxectivo, a CGENDL presenta o vídeo “Presume de galego”, para que cada persoa o comparta con outras 17 o vindeiro 17 de maio, ata facelo viral nas redes sociais.
13/05/2015. DINAMIZACIóN
No marco das súas actividades de responsabilidade social empresarial, as empresas alimentarias Vegalsa-Eroski e Gadisa súmanse un ano máis á celebración do Día das Letras Galegas, homenaxeando a figura de Xosé Filgueira Valverde. Vegalsa-Eroski, en colaboración coa Secretaría Xeral de Política Lingüística, elaborou unha edición especial de máis dun millón de bolsas da compra que levan impresos textos do Adral e mais un retrato do autor homenaxeado feito por Antón Pulido. Pola súa parte, Supermercados Gadis celebrará as Letras Galegas distribuíndo entre a súa clientela 20.000 exemplares do recompilatorio inédito "Cantos de berce" e dous millóns de bolsas da compra con información sobre a figura e a obra de Filgueira Valverde.
13/05/2015. DINAMIZACIóN
A Deputación da Coruña, coa colaboración do Concello da Coruña, organiza unha nova edición da Festa das Letras Galegas, dirixida ao público familiar. O programa inclúe a actividade “Os xogos do paporrubio” e o espectáculo musical de Mama Cabra “15 primaveras”. As actividades terán lugar o 17 de maio nos xardíns de Méndez Núñez (ou no Centro Ágora, no caso de chuvia).
12/05/2015. DINAMIZACIóN
A Real Academia Galega anuncia que o acto central do Día das Letras Galegas 2015 terá lugar o domingo, 17 de maio, ás 18:30 h, no Museo de Pontevedra. Nesta sesión extraordinaria, que a RAG organiza en homenaxe a Xosé Filgueira Valverde, intervirán os académicos Víctor Fernández Freixanes, Francisco Díaz-Fierros Viqueira e Xosé Ramón Barreiro Fernández. O encargado de pechar o acto será o presidente, Xesús Alonso Montero. Ao remate, celebrarase un breve concerto da Coral Polifónica de Pontevedra, acompañada pola Orquestra Filharmónica Cidade de Pontevedra.
12/05/2015. OUTRAS
Os responsables dos departamentos universitarios de Galego-Portugués, Francés e Lingüística (Universidade da Coruña), Filoloxía Galega (Universidade de Santiago de Compostela) e Filoloxía Galega e Latina (Universidade de Vigo) publican unha declaración conxunta na que amosan a súa preocupación pola situación sociolingüística actual e polo futuro da lingua e da cultura galegas. Entre as causas desta situación, sinalan a non aplicación do Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega e a aprobación en 2010 do “Decreto do Plurilingüismo”. Por todo isto, instan aos poderes públicos a apostar decididamente pola normalización lingüística, preservando un idioma que nos permite acceder a 276 millóns de falantes en 27 países e á quinta parte de Internet.
12/05/2015. DINAMIZACIóN
O Equipo de Dinamización da Lingua Galega do IES Castro Alobre, en colaboración co Concello de Vilagarcía e a Asociación de Hostaleiros de Vilagarcía, está a desenvolver unha campaña de fomento do uso do galego no sector hostaleiro local. Aproveitando a conmemoración das Letras Galegas, os restaurantes, bares e cafeterías da cidade lucirán nas súas mesas salvamanteis con deseños e lemas reivindicativos do uso do galego. En total, repartiranse 6.000 salvamanteis que reproducen os deseños gañadores no concurso de carteis que previamente organizou o IES Castro Alobre entre o seu alumnado.
11/05/2015. DINAMIZACIóN
Os servizos de normalización lingüística de doce concellos galegos presentan Apego, un proxecto de transmisión interxeracional do galego deseñado para fornecer recursos e crear espazos de uso que permitan a socialización en galego desde a primeira infancia. No web da iniciativa xa están accesibles diferentes recursos, consellos e información de interese para as familias. A maiores, as persoas que estean a agardar un bebé poden achegarse a calquera dos SNL dos concellos participantes e recibirán de agasallo unha caixa de recursos útiles para o tempo de espera.
11/05/2015. AXUDAS E PREMIOS
A Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega fixo públicos os/as galardoados/as dos Premios AELG 2015, co ánimo de recoñecer as mellores obras editadas en galego en 2014. As obras gañadoras son: Caderno da crítica, de Ramón Nicolás, na categoría de Blog Literiario; Galiza, um povo sentimental? Género, política e cultura no imaginário nacional galego, de Helena Miguélez-Carballeira, na categoría de Ensaio; Penúltimas tendencias, de Carlos Negro, na categoría de Literatura Infanto-xuvenil; Montse Dopico, na categoría de Xornalismo Cultural; A viaxe de Gagarin, de Agustín Fernández Paz, na categoría de Narrativa; A distancia do tambor, de Eva Veiga, na categoría de Poesía; Obras Completas. Volume IV, de Roberto Vidal Bolaño, na categoría de Teatro; e A Divina Comedia, de Dante Alighieri, traducida por Darío Xohán Cabana, na categoría de Tradución. Para ampliar esta nova, preme aquí.
11/05/2015. DINAMIZACIóN
As secretarías xerais de Política Lingüística e de Cultura convocan a II Carreira Camiño das Letras, que se celebrará o sábado 16 de maio, ás 17:30 h, en Santiago de Compostela co obxectivo de festexar as Letras Galegas e difundir o Camiño de Santiago a través da práctica deportiva. A carreira constará dunha proba absoluta dende A Lavacolla ata o Monte do Gozo, e dun circuíto para as categorías de menores no Monte do Gozo. Todos os participantes que rematen a proba recibirán un libro e un diploma. A maiores, a organización outorgará diferentes premios aos/ás gañadores/as. O prazo de inscrición remata o 13 de maio. Para ampliar esta nova, preme aquí.
07/05/2015. DINAMIZACIóN
O Consello da Cultura Galega organiza unha nova edición do Concerto das Letras Galegas, co obxectivo de render unha homenaxe musical a Xosé Filgueira Valverde, autor ao que se lle dedica este ano o Día das Letras Galegas. No acto participarán a Real Filharmonía de Galicia, a soprano Carmen Durán e o barítono Gabriel Alonso Díaz, baixo a dirección de Maximino Zumalave, interprentado obras de Joly Braga Santos, Xosé Castro "Chané", Antonio Iglesias Vilarelle e Xavier de Paz. As partituras foron compostas sobre textos de Rosalía de Castro, Manuel Curros Enríquez e Xosé Filgueira Valverde. O concerto terá lugar o 16 de maio de 2015, ás 21:00 h, na sede Afundación de Pontevedra. As entradas poden retirarse a partir do 8 de maio nas sedes de Afundación na Coruña, Ferrol, Lugo, Ourense, Pontevedra, Santiago de Compostela e Vigo.
07/05/2015. INVESTIGACIóN
O Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Carballo organiza un faladoiro co científico Jorge Mira, que leva por título "Desde o corazón do futuro da lingua". O convidado fará unha análise da situación sociolingüística actual, a partir da cal determinará cal vai ser o futuro do idioma galego nos vindeiros anos. O acto, de entrada libre e de balde, terá lugar hoxe, 7 de maio, ás 19:00 h, na Biblioteca Rego da Balsa de Carballo. Para ampliar esta nova, preme aquí.
06/05/2015. AXUDAS E PREMIOS
A Deputación de Lugo convoca subvencións, dirixidas a agrupacións de concellos desta provincia, para a creación ou mantemento de servizos de normalización lingüística (SNL) durante a anualidade 2015–2016. Poderán solicitar estas axudas aquelas agrupacións de concellos (dous ou máis) que sumen, como mínimo, 7.000 habitantes. O prazo de presentación de solicitudes será de trinta días naturais, contados a partir do seguinte ao da publicación desta convocatoria.
06/05/2015. DINAMIZACIóN
O Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Pontevedra presenta unha nova edición do seu programa de actividades Maio, Mes da Lingua, sumándose así aos actos conmemorativos do Día das Letras Galegas que ao longo deste mes terán lugar por todo o país. O programa, organizado en colaboración con diferentes centros de ensino e entidades asociativas do concello, desenvolverase entre os días 1 de maio e 16 de xuño de 2015. Inclúe, entre outras actividades, actuacións musicais, roteiros literarios, exposicións, conferencias ou obradoiros sobre materiais didácticos en galego.
06/05/2015. EMPREGO
O Concello de Vimianzo anuncia a convocatoria para a contratación temporal dun técnico/a de normalización lingüística que terá como principal obxectivo planificar e desenvolver as tarefas de asesoramento e dinamización lingüística que organice o concello. Os aspirantes deben posuír a licenciatura en Filoloxía Galego-Portuguesa, Filoloxía Galega ou Filoloxía Hispánica (sección galego-portugués), grao en Lingua e Literatura Galegas, ou outras titulacións grao/licenciatura sempre que estean en posesión do Celga 5.
O sistema de selección é o de concurso-oposición. O prazo de presentación de solicitudes é de 8 días naturais, contados a partir do seguinte ao da publicación do anuncio no BOP. Para consultar as bases completas da convocatoria, preme aquí.
O sistema de selección é o de concurso-oposición. O prazo de presentación de solicitudes é de 8 días naturais, contados a partir do seguinte ao da publicación do anuncio no BOP. Para consultar as bases completas da convocatoria, preme aquí.
05/05/2015. AXUDAS E PREMIOS
O xurado da décimo primeira edición do Premio a Artigos Xornalísticos Normalizadores acordou outorgar o premio, dotado de 1.000 euros, ao traballo “Etiquetaxe”, autoría da filóloga e profesora Luz Cures Vázquez. O artigo premiado publicarase nos medios de comunicación colaboradores o domingo 17 de maio, no caso dos medios diarios, e no número inmediatamente posterior a esa data no caso dos medios non diarios. Para ampliar esta nova, preme aquí.
05/05/2015. AXUDAS E PREMIOS
O Consello Asesor de RTVE en Galicia e da CRTVG entregou os XXII Premios de Publicidade en Galego, que teñen como obxectivo recoñecer o traballo realizado a prol da normalización lingüística por parte de empresas e entidades que se publicitan nos medios de comunicación.
Nesta edición os traballos premiados foron “Galeguesa, a diferenza" (creado por Arraianos Multimedia para Casa Galeguesa), na modalidade de Internet; "Hai cousas que canto menos cambien, mellor" (desenvolvido por BAP&Conde para Larsa), na modalidade de radio; e "O noso é o noso" (dirixido pola axencia Imaxe para Estrella Galicia), na modalidade de televisión.
Nesta edición os traballos premiados foron “Galeguesa, a diferenza" (creado por Arraianos Multimedia para Casa Galeguesa), na modalidade de Internet; "Hai cousas que canto menos cambien, mellor" (desenvolvido por BAP&Conde para Larsa), na modalidade de radio; e "O noso é o noso" (dirixido pola axencia Imaxe para Estrella Galicia), na modalidade de televisión.
04/05/2015. DINAMIZACIóN
O Servizo de Normalización Lingüística da Universidade de Santiago presenta a campaña “Ensinas máis do que cres”, dirixida ao persoal docente desta universidade. A iniciativa ten como obxectivo sensibilizar este colectivo sobre a súa relevancia como axente normalizador, lembrándolle o papel que desenvolve tanto na difusión do coñecemento como na transmisión de actitudes lingüísticas. Para isto, creouse unha páxina web na que o SNL achega datos sobre o uso do galego na docencia e ofrece o seu apoio técnico para aumentar e mellorar este uso.

