O Conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez, e o deán da Catedral de Santiago, Segundo Pérez, presentaron a versión en galego da Credencial do peregrino (documento que os viaxeiros deben selar en cada etapa) e do Certificado de distancia do Camiño de Santiago (documento que certifica a súa viaxe). A iniciativa, que xurdiu a partir da demanda dos propios peregrinos que están a facer o camiño, inscríbese no marco de colaboración entre a Igrexa Católica e o Goberno galego, que colabora desde hai anos, a través da súa Secretaría Xeral de Política Lingüística, coa tradución de materiais para a catequese e o culto. Para ampliar esta nova preme aquí.
24/07/2015. DINAMIZACIóN
22/07/2015. INVESTIGACIóN
O Instituto da Lingua Galega (ILG) da Universidade de Santiago presenta o volume En memoria de tanto miragre: estudos dedicados ó profesor David Mackenzie, que recolle dezaoito contribucións desde o ámbito da lingüística iberorrománica e da lingüística e literatura galegas. A obra foi presentada onte, 21 de xullo de 2015, no marco dunha homenaxe que o ILG lle rendeu ao profesor David Mackenzie, polo seu papel decisivo na creación e expansión dos estudos galegos no mundo académico anglófono e internacional. Para ampliar esta nova preme aquí.
15/07/2015. OUTRAS
Hoxe, 15 de xullo de 2015, ás 12:00 h, terá lugar no monumento a Rosalía da Alameda de Santiago o acto de sinatura da Declaración de unidade a prol da normalización da lingua galega, promovida pola Mesa pola Normalización Lingüística e asinada por todas as organizacións políticas de ámbito galego. No acto, conducido pola actriz Iria Sobrado, intervirán o presidente da Mesa, Marcos Maceira, e mais os representantes das organización políticas asinantes. Tamén contará coa actuación musical de Guadi Galego e Guillerme Fernández. Para ampliar esta nova, preme aquí.
15/07/2015. OUTRAS
O Observatorio da Cultura Galega presenta o documento de traballo O libro e a edición en Galicia, que achega unha panorámica do sector editorial en Galicia, ofrecendo datos estatísticos específicos sobre edición de libros, así como outros parámetros transversais relacionados co sector empresarial e o mercado laboral. No que respecta a edición en galego, os datos de 2014 son positivos. A cifra de libros publicados en galego supón un 61,3% do total de libros con ISBN publicados en Galicia en 2014, aumentando un 23% o número de títulos en galego con respecto ao 2013. Con todo, cómpre ter en conta que a edición en galego sufriu unha caída dun 28,6% no período 2008-2014. Tamén son preocupantes os datos da drástica caída do número de títulos traducidos ao galego, que indican un descenso do 69,5% con respecto a 2010. No informe podes consultar estes datos segundo a materia, prezo, formato ou carácter xurídico da entidade editora.
15/07/2015. LEXISLACIóN
O Consello de Goberno da Universidade de Vigo aprobou, o pasado 2 de marzo de 2015, o Regulamento de uso da lingua galega. Trátase dunha norma de referencia para o uso institucional do galego, tanto no que se refire aos usos orais como escritos, no ámbito universitario (facultades, escolas, centros, institutos, departamentos e servizos). Coa aprobación desta norma a Universidade de Vigo súmase ás outras dúas universidades galegas, que xa dispuñan dos seus propios regulamentos de uso do galego.
13/07/2015. EMPREGO
A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria publica a convocatoria de oito bolsas de formación en diferentes proxectos de investigación que se están a desenvolver no Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades. O prazo de presentación de solicitudes é dun mes, contado a partir do día seguinte ao da publicación desta convocatoria.
08/07/2015. DINAMIZACIóN
Aproveitando a chegada do período estival, a Asociación de Funcionarios para a Normalización Lingüística está a difundir o vídeo promocional SonDeSeu, as emocións dun pobo, que narra a traxectoria da orquestra folk SonDeSeu e serve de presentación da nova edición da campaña Mil festas máis para a lingua galega. Esta iniciativa está dirixida aos concellos, comisións de festas e entidades culturais galegas, co ánimo de incentivalos a que teñan en conta o idioma galego á hora de programar as festas populares, referente da vida social dos galegos/as.
06/07/2015. DINAMIZACIóN
O Plenario da Real Academia Galega (RAG) acordou, na sesión ordinaria do pasado sábado, 4 de xullo de 2015, dedicar o Día das Letras Galegas 2016 a Manuel María Fernández Teixeiro, poeta, narrador e dramaturgo que destacou tamén polo seu firme compromiso coa normalización do idioma galego. A súa obra literaria é extensa e diversa, abranguendo diferentes xéneros: ensaio, narrativa, teatro e poesía. Como dinamizador cultural, en 1952 crea a Editorial Xistral en Lugo e posteriormente, en 1970, xunto coa súa dona, abre a libraría Xistral en Monforte de Lemos. Tamén participou activamente en entidades asociativas como a Asociación Socio-Pedagóxica Galega ou a Asociación de Escritores en Lingua Galega. Para ampliar esta nova, preme aquí.
06/07/2015. EMPREGO
A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria anuncia a convocatoria dun concurso público de méritos para a provisión dunha praza de profesor/a de lingua e literatura galegas no colexio Vicente Cañada Blanch de Londres. Poden participar no concurso os funcionarios/as do corpo de mestres licenciados/as en Filoloxía Hispánica (subsección Galego-Portugués), Filoloxía Románica (subsección Galaico-Portuguesa) ou Filoloxía Galega, así coma os catedráticos/as e profesores/as de lingua e literatura galegas de ensino secundario con destino en Galicia. O prazo para a presentación de solicitudes é de 20 días naturais, contados a partir do día seguinte ao da publicación desta convocatoria.
01/07/2015. OUTRAS
O Consello de Europa acaba de facer público un novo informe avaliativo sobre a aplicación en España do Convenio marco para a protección das minorías nacionais. Trátase dun informe periódico sobre o cumprimento dun acordo internacional ratificado polo Estado español en 1995, que desde 2012 inclúe o galego entre os idiomas avaliados. No que respecta á lingua galega, o Comité Consultivo sinala o retroceso que supuxo para o uso do galego no ensino a aprobación en 2010 do chamado “Decreto para o plurilingüismo”. Así mesmo, detecta un menor apoio gobernamental na protección do galego nos territorios estremeiros de Asturias e Castela-León. Entre as recomendacións que o Consello de Europa lle fai ao Estado en materia lingüística destaca a activación de canles de diálogo cos falantes de linguas minorizadas e coas asociacións que os representan e promoven os seus dereitos.
01/07/2015. DINAMIZACIóN
O Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Vigo presenta unha nova edición do programa “No verán… un conto”, que se desenvolverá entre o 1 de xullo e o 5 de setembro de 2015 co obxectivo de difundir o patrimonio oral da comunidade a través de actividades lúdicas. O programa inclúe, entre outras actividades, contadas, monicreques, obradoiros, contos escenificados, regueifa e rap. Para coñecer a programación completa, preme aquí.
29/06/2015. INVESTIGACIóN
O Observatorio de Terminoloxía e Política Lingüística da Universidade Católica do Sagrado Corazón de Milán e máis a Rede Panlatina de Terminoloxía (Realiter) presentan o Léxico panlatino de sistemas fotovoltaicos, unha obra que compila 187 termos relacionados cos sistemas fotovoltaicos, coas súas equivalencias en oito linguas (castelán, catalán, galego, francés, italiano, portugués, romanés e inglés). Das correspondencias en galego ocupouse o Grupo de Investigación en Tecnoloxías e Aplicacións da Lingua Galega (Grupo TALG), da Universidade de Vigo.
25/06/2015. EMPREGO
A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria convoca dúas bolsas e tres prazas para a formación nos lectorados de lingua, literatura e cultura galegas de varias universidades españolas e do estranxeiro. En concreto, convócanse dúas bolsas na Universidade Federal da Bahía e na Universidade da Sorbona Nova-París III e tres prazas nas universidades do País Vasco, Oxford e Birmingham. O prazo de presentación de solicitudes é dun mes, contado a partir do día seguinte ao da publicación das respectivas ordes (convocatoria de 2 bolsas e convocatoria de 3 prazas) no Diario Oficial de Galicia.
19/06/2015. DINAMIZACIóN
Co motivo da vindeira constitución dos plenos e os gobernos das catro deputacións galegas, a Coordinadora de Traballadores/as de Normalización da Lingua acaba de remitirlles a todas as organizacións políticas unha proposta concreta para a implicación das deputacións no fomento do galego. A proposta estrutúrase en tres puntos básicos: creación dun programa de cooperación para o fomento do galego desde os concellos, creación dun Servizo de Normalización Lingüística propio e aplicación dun plan de actuación e/ou regulamento transversal para o fomento da lingua. Para coñecer a proposta completa, preme aquí.
16/06/2015. DINAMIZACIóN
No marco da cuarta edición do programa de dinamización lingüística FalaRedes!, a Secretaría Xeral de Política Lingüística organiza a actividade “Estamos no verán!!!”, un concerto de Xoán Curiel e a banda Son+d2 destinado a nenas e nenos de 7 a 12 anos. Esta iniciativa, deseñada co obxectivo de fomentar o uso do galego no ámbito do lecer, percorrerá durante os meses de xuño e xullo 18 concellos adscritos á Rede de Dinamización Lingüística. Para coñecer o calendario concreto da actividade, preme aquí.
12/06/2015. CURSOS E CONGRESOS
O Servizo de Normalización Lingüística da Universidade da Coruña, en colaboración co Concello de Carballo, a CTNL e a SXPL, organiza o XI Curso de Verán sobre Dinamización Lingüística "Traballando en Lingua", que nesta edición se centrará na análise dos cambios e afianzamentos lingüísticos que se dan na mocidade. As sesións desenvolveranse os días 8, 9 e 10 de xullo de 2015 no Fórum Carballo. O prazo de matrícula remata o 2 de xullo. Para obter máis información, preme aquí.
12/06/2015. DINAMIZACIóN
O Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Carballo organiza “Contos do chupete”, unha sesión de contos para bebés de 0 a 3 anos que incluirá música, literatura e tradición oral. A actividade, que se desenvolve no marco do proxecto Apego, terá lugar o vindeiro mércores 17 de xuño, ás 18.00 h, na Biblioteca Rego da Balsa de Carballo. A entrada é de balde con inscrición previa. Para ampliar información, preme aquí.
09/06/2015. CURSOS E CONGRESOS
O Servizo de Normalización Lingüística da Universidade de Santiago organiza diferentes actividades formativas dirixidas ao persoal docente e investigador (PDI) e ao alumnado desta universidade. En concreto, para o PDI están convocados o Obradoiro de xestión do multilingüismo nas aulas (prazo de matrícula ata o 15 de xuño) e o Obradoiro de elaboración de unidades didácticas en galego (matrícula ata o 10 de xuño). Pola súa parte, o alumnado pode inscribirse nos Obradoiros de elaboración e defensa de TFG/TFM en galego (matrícula ata o 9 de xuño). Podes ampliar información no web do SNL da USC.
08/06/2015. INVESTIGACIóN
Xa están accesibles, no web do Servizo de Normalización Lingüística da Universidade da Coruña, as actas das XI Xornadas de Lingua e Usos. Lingua e Universidade, que tiveron lugar na Coruña en novembro de 2014. Neste mesmo sitio web pode acceder tamén aos audios e actas das edicións anteriores destas xornadas, que o SNL da UDC organiza anualmente para reflexionar sobre a situación do idioma galego nos diferentes ámbitos sociais.
04/06/2015. DINAMIZACIóN
O Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Vigo organiza, o sábado 20 de xuño de 2015, un roteiro literario e toponímico pola Ría de Vigo e a Illa de Ons, seguindo o desenvolvemento argumental da novela “Os fillos do mar”, de Pedro Feijoo. Guiarán este percorrido Pedro Feijoo (escritor), Xosé Lois Vilar (arqueólogo) e Gonzalo Navaza (especialista en toponimia). Para obter máis información sobre o itinerario e os prazos de inscrición e matrícula, preme aquí.
03/06/2015. AXUDAS E PREMIOS
A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria publica, no DOG do 3 xuño de 2015, a resolución das axudas para desenvolver, durante o curso escolar 2014-2015, proxectos de fomento do uso do galego nos centros de ensino non universitario de Galicia tanto de titularidade pública como privada. Para consultar estas resolucións preme aquí.
01/06/2015. LEXISLACIóN
O Boletín Oficial do Estado do 27 de maio de 2015 publica a Lei 10/2015, de 26 de maio, para a salvagarda do Patrimonio Cultural Inmaterial, que acaba de aprobar o Congreso dos Deputados co obxecto de regular a acción de salvagarda que deben exercer os poderes públicos sobre os bens que integran este patrimonio. No artigo 2 desta lei inclúense, dentro do concepto de patrimonio cultural inmaterial, as “tradicións e expresións orais, incluídas as modalidades e particularidades lingüísticas como vehículo do patrimonio cultural inmaterial; así como a toponimia tradicional como instrumento para a concreción da denominación xeográfica dos territorios”.
29/05/2015. DINAMIZACIóN
Hoxe, 29 de maio de 2015, estrearase en 14 cines de oito localidades galegas a comedia británica “O noso último verán en Escocia”, en versión dobrada ao galego. A iniciativa, que ten como obxectivo promover o uso do noso idioma no ámbito do audiovisual, é froito da colaboración entre a Xunta de Galicia (través da Secretaría Xeral de Política Lingüística e da Axencia Galega das Industrias Culturais), a Televisión de Galicia e a distribuidora A Contracorriente Films. As localidades nas que pode verse o filme en galego son A Coruña, Lugo, Narón, Ourense, Pontevedra, Santiago de Compostela, Vigo e Vilagarcía de Arousa. Para ampliar esta nova, preme aquí.
28/05/2015. AXUDAS E PREMIOS
A Comisión de Normalización Lingüística da Facultade de Ciencias da Comunicación da USC convoca o I Premio de Radiodramas en galego, que premiará o mellor guión radiofónico dramático en lingua galega. O certame está dirixido ao alumnado da USC, ao alumnado das titulacións de Comunicación Audiovisual de calquera das universidades galegas e aos estudantes das titulacións das escolas oficiais de Imaxe e Son. O prazo para presentar os traballos remata o 15 de outubro de 2015. Para ampliar esta información, preme aquí.
28/05/2015. AXUDAS E PREMIOS
O Servizo de Normalización Lingüística da Terra de Melide (integrado polos concellos de Melide, Toques e Santiso, polo IES de Melide e todos os colexios da comarca Terra de Melide) acordou entregar o Premio Terra de Melide 2015 á defensa da lingua ao docente e dinamizador cultural Paco Veiga. O acto de entrega terá lugar o 5 de xuño de 2015, ás 20:30 h, na Casa de Cultura de Melide.
27/05/2015. AXUDAS E PREMIOS
O xurado dos Premios Lois Peña Novo deu a coñecer os gañadores da súa XXI edición. Estes galardóns están pensados para animar o proceso de normalización lingüística no eido das administracións públicas, na vida institucional de Galicia e na sociedade en xeral. Nesta edición os/as premiados/as son Ángel Carracedo, catedrático de Medicina Legal da USC, Consuelo Castro Rey, xefa territorial da Avogacía do Estado en Galicia, e Ricardo Gurriarán Rodríguez, director da área de Historia da Fundación 10 de Marzo. Para ampliar esta nova, preme aquí.
26/05/2015. DINAMIZACIóN
A Coordenadora de Equipas de Normalización Ferrolterra, en colaboración co Concello de Ferrol, organiza o XXIII Festival musical “A mocidade coa lingua”, co obxectivo de fomentar a creatividade e o uso do galego no ámbito do lecer. Esta edición contará coa actuación especial de Sés e a participación de tres formacións musicais estudantís: Rapatios (do CPI Atios de Valdoviño), Toxos Bravos (do IES Fernando Esquío de Neda) e Jhonny Fernández (do IES Carballo Calero). O festival celebrarase o 18 de xuño de 2015, a partir das 10:30 h, no Teatro Jofre de Ferrol. Os centros que desexen asistir teñen de prazo ata o 29 de maio para enviar a solicitude ao enderezo electrónico cequipnormalizacion@gmail.com.
25/05/2015. CURSOS E CONGRESOS
O Instituto da Lingua Galega da Universidade de Santiago de Compostela organiza, en colaboración coa Universidade Federal da Bahia e a Universidade de São Paulo, Gallæcia – III Congresso Internacional de Lingüística Histórica, dedicado a honrar os profesores Ramón Lorenzo e Antón Santamarina. O comité organizador convida a participar a investigadores/as da lingüística portuguesa e galega, especialmente nos ámbitos da lingüística histórica e da historia da lingua, mais tamén noutras disciplinas como a sociolingüística. As sesións terán lugar entre os días 27 e 30 de xullo de 2015 en Santiago de Compostela.
20/05/2015. DINAMIZACIóN
O Consello da Cultura Galega e a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria da Xunta de Galicia, coa colaboración do Concello de Cambados, organizan a terceira edición do certame musical No bico un cantar, co obxectivo de trasladar a paixón pola música culta e a poesía galega a escolares de toda Galicia. Nesta edición as nenas e nenos cantarán catro poemas de Ramón Cabanillas (“Pregaria”, “Fala unha laverca”, “Era un piniño novo”, “Aureana do Sil”) e un de Rosalía (“Maio longo”). O acto terá lugar o vindeiro 5 de xuño, ás 18:00 h, na praza de Fefiñáns de Cambados.
19/05/2015. AXUDAS E PREMIOS
Os servizos de normalización lingüística das tres universidades galegas, coa colaboración da Secretaría Xeral de Política Lingüística, organizan a duodécima edición do Premio Luísa Villalta a Iniciativas Normalizadoras, que ten como principal obxectivo promover a reflexión e dinamización lingüísticas no ámbito universitario. O premio está dirixido a toda a comunidade universitaria galega e conta con dúas modalidades: “idea para a promoción do galego” e “deseño dunha campaña normalizadora”. O prazo de presentación de proxectos e/ou ideas remata o 4 de novembro de 2015.

