A Unidade Técnica de Normalización Lingüística da Deputación da Coruña convoca o VI Premio Rosalía de Castro de Lingua e Cultura 2015, que ten como principais obxectivos manter viva a figura de Rosalía de Castro e recoñecer aquelas iniciativas, persoas ou entidades que traballan a prol da promoción social e dignificación do idioma galego. O prazo para a presentación de candidaturas remata o 30 de abril de 2015.
11/03/2015. AXUDAS E PREMIOS
10/03/2015. AXUDAS E PREMIOS
O Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Carballo convoca a undécima edición deste premio que ten como obxectivo principal promover a reflexión sobre a situación social da lingua galega e crear espazos nos xornais para fomentar o seu uso e prestixio. Outorgarase un único premio de 1000 euros, ademais da publicación do artigo gañador nos nove medios de comunicación que colaboran coa iniciativa. O prazo de presentación dos artigos, que deben ser inéditos, remata o 15 de abril de 2015. Se desexa consultar as bases, prema aquí.
09/03/2015. DINAMIZACIóN
O Equipo de Dinamización da Lingua da Escola Oficial de Idiomas de Pontevedra, en colaboración co Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Pontevedra, convoca o VI Certame de Microrrelato en Galego “EOI de Pontevedra”. Os participantes deberán crear un texto literario dun máximo de 150 palabras no momento, a partir da inspiración que lles suxiran tres palabras escollidas ao chou no mesmo intre de realizar a proba, de dúas horas de duración. O certame celebrarase mañá, 10 de marzo de 2015, ás 19:00 h, de xeito simultáneo no salón de actos da EOI de Pontevedra e nos centros da Estrada e de Lalín.
06/03/2015. DINAMIZACIóN
A Mesa pola Normalización Lingüística presenta un documento con seis medidas urxentes para a normalización da lingua galega centradas nos ámbitos dos medios de comunicación públicos (de Galicia e Portugal), do ensino, da administración, dos transportes públicos e das subvencións. Con este documento a Mesa fai un chamamento ao conxunto da sociedade galega e a todas as organizacións sociais, sindicais e políticas para que aposten decididamente polo uso da lingua galega. Así mesmo, os dirixentes da Mesa solicitarán unha reunión co presidente do Goberno galego para presentarlle estas medidas e debater posibles vías de implementación.
04/03/2015. DINAMIZACIóN
O Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Pontevedra e a Coordinadora de Equipos de Normalización da Lingua Galega dos IES e CIFP de Pontevedra organizan unha nova edición do programa Ben veñas, maio, dirixido ao alumnado de ensino medio do concello. A iniciativa, que inclúe diferentes certames (fotografía, banda deseñada, narración curta, poesía e música) e unha mostra de teatro, está deseñada para fomentar o uso do galego nas actividades propias da mocidade, así como incentivar a reflexión sobre a situación actual do idioma. O prazo de presentación dos traballos remata o 10 de abril de 2015.
03/03/2015. DINAMIZACIóN
A Asociación Cultural Novo Cruceiro, de Vila de Cruces, organiza o I Concurso de bandas en galego, Novo Cruceiro Rock, co obxectivo de darlles visibilidade ás bandas de rock que fan música en galego. As bandas interesadas deben presentar, antes do 31 de marzo de 2015, tres temas orixinais cantados en galego. Ademais dun premio en metálico de 300 euros, a gañadora na fase final actuará como banda convidada no festival Novo Cruceiro Rock, que se celebrará o 7 de Agosto de 2015 en Vila de Cruces. Podes obter máis información, na páxina de Facebook da iniciativa.
02/03/2015. DINAMIZACIóN
O Servizo de Normalización Lingüística do Concello da Coruña organiza “Son xogos, xogos sons”, dirixido a nenas e nenos de entre 4 e 9 anos. Trátase dun concerto obradoiro de xogos e bailes tradicionais, acompañados das melodías de Pablo Díaz e Olga Kirk, co obxectivo de promover a transmisión xeracional do noso patrimonio cultural e lingüístico e fomentar a creación de espazos de lecer en galego. Organizaranse dúas edicións, a primeira o vindeiro sábado, 7 de marzo, e unha segunda o sábado 9 de maio, ás 12.00 h, no Centro Ágora. Para obter máis información, preme aquí.
26/02/2015. DINAMIZACIóN
O Equipo de Dinamización da Lingua Galega e mais o Departamento de Lingua Galega do IES da Pobra do Caramiñal organizan a terceira edición da campaña de dinamización lingüística 21 días co galego, que ten como obxectivos perfeccionar a competencia lingüística do alumnado e promover a reflexión individual sobre os propios usos lingüísticos. A iniciativa, que se desenvolverá entre os días 23 febreiro e 15 de marzo, centrarase nesta ocasión na presenza do galego na rede. Podes manterte ao día do desenvolvemento da campaña a través do seu blog.
24/02/2015. DINAMIZACIóN
O coñecido buscador de Internet Google dedícalle hoxe, 24 de febreiro de 2015, o seu “doodle” (imaxe coa que o buscador decora as letras do seu logo) a Rosalía de Castro, con motivo do 178 aniversario do nacemento da autora. Así mesmo, a cidadanía no seu conxunto e, nomeadamente, o ámbito cultural galego están tamén a festexar esta data participando nos diferentes actos que, a proposta da Asociación de Escritores en Lingua Galega, se están a celebrar ao longo do país.
24/02/2015. DINAMIZACIóN
O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez, presentou a programación oficial que promove a Xunta de Galicia para conmemorar o Día das Letras Galegas 2015, que a Real Academia Galega acordou dedicar ao escritor e intelectual pontevedrés Xosé Filgueira Valverde. O programa inclúe edicións conmemorativas, traducións, exposicións, concertos musicais e propostas de dinamización lingüística nos centros de ensino, entre outras actividades. Ademais da Xunta de Galicia, colaboran no programa a Deputación de Pontevedra, a Real Academia Galega, a Fundación Filgueira Valverde, o Consello da Cultura Galega, a CRTVG e a Fundación Cidade da Cultura de Galicia. Podes ampliar esta nova premendo aquí.
24/02/2015. DINAMIZACIóN
O Departamento de Lingua Galega do Concello de Santiago organiza unha nova edición do Conto viaxeiro, dirixido ao alumnado de 1º, 2º, 3º e 4º de educación primaria do concello. A actividade consiste na creación colectiva dun conto, co obxectivo de achegar os escolares á lingua galega e á literatura oral e escrita a través da creatividade. Todas as fotografías, os debuxos, o conto ilustrado e o vídeo-conto publicaranse no blog da actividade. Os centros interesados en participar deben enviar a ficha de inscrición antes do vindeiro 3 de marzo de 2015. Para ampliar esta nova, preme aquí.
23/02/2015. EMPREGO
A Universidade de Vigo convoca dúas bolsas de formación na súa Área de Normalización Lingüística (ANL) destinadas á formación complementaria do estudantado, participando nas actividades que se desenvolven na ANL. Os solicitantes deben ser estudantes de Filoloxía Galega, Grao en Estudos de Galego e Español (itinerario lingua galega e española/lingua e literatura galega) ou de Tradución e Interpretación (Lingua A: Galego) da Universidade de Vigo no curso 2014/2015 e ter cursado polo menos a metade dos créditos da titulación.
O prazo de presentación de solicitudes remata o vindeiro 13 de marzo de 2015, ás 14:00 h.
O prazo de presentación de solicitudes remata o vindeiro 13 de marzo de 2015, ás 14:00 h.
20/02/2015. OUTRAS
En novembro de 1999 a UNESCO declarou o 21 de febreiro Día Internacional da Lingua Materna. Dende entón, cada ano conmemórase neste día a riqueza que supón a diversidade lingüística do planeta, con programas e actividades destinadas a preservar este patrimonio e a promover o plurilingüismo. Como é costume, a directora xeral da UNESCO, Irina Bokova, fixo pública a mensaxe institucional de 2015 con motivo desta celebración.
20/02/2015. OUTRAS
A Xunta de Galicia e a Embaixada da República de Portugal en España asinaron onte, 19 de febreiro de 2015, na sede da Real Academia Galega, un Memorando de entendendo para a adopción do portugués como lingua estranxeira de opción e avaliación curricular no sistema educativo non universitario de Galicia. Con este acordo quérese revitalizar o noso pasado lingüístico común e aproveitar a proximidade dos dous idiomas, galego e portugués, para estreitar as relacións cos países da lusofonía, a sexta comunidade lingüística do mundo por número de falantes, con 250 millóns. Para ampliar esta nova, preme aquí.
20/02/2015. DINAMIZACIóN
A Federación Galega de Parques Empresariais (FEGAPE) e a Secretaría Xeral de Política Lingüística presentan Exportar en galego, unha plataforma en liña de apoio á exportación galega aos paises da lusofonía. A plataforma inclúe, entre outros recursos, o Buscador Paz Andrade, un banco de datos con información específica sobre mercados, sectores de actividade e oportunidades de negocio. O acto de presentación pública terá lugar hoxe, 20 de febreiro, ás 11:00 h., na Cámara de Comercio e Navegación de Tui.
19/02/2015. DINAMIZACIóN
O Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Melide e a asociación Melide Móvese, coa colaboración da Secretaría Xeral de Política Lingüística, presentan a campaña "Seduce en galego. Goza de Melide". O obxectivo é fomentar e prestixiar o galego entre a mocidade que acode a Melide para gozar do seu ambiente nocturno. No marco desta iniciativa gravaranse espazos radiofónicos en galego e repartiranse carteis e dípticos informativos nos 17 concellos galegos que están conectados con Melide a través da liña nocturna de autobuses. Así mesmo, nos locais nocturnos da asociación Melide Móvese porase música de grupos galegos e en galego. Para ampliar esta nova, preme aquí.
18/02/2015. CURSOS E CONGRESOS
O Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Vigo organiza unha nova edición do Curso de auga salgada "Chegou o mar á ribeira", que ten como obxectivo achegarse á lingua galega (léxico, fraseoloxía, toponimia…) empregando como fío condutor a auga salgada. As sesións desenvolverase os días 19, 24, 25 e 26 de febreiro; e 3, 5, 10 e 12 de marzo de 2015 no Centro de Visitantes do Parque Nacional das Illas Atlánticas. A inscrición é de balde e todas as persoas interesadas poden facela enviando os seus datos (nome, apelidos, DNI e teléfono) a actividades.snl@vigo.org.
16/02/2015. OUTRAS
Proxéctate en Galego, espazo de debate promovido polas comisións de normalización lingüística do Campus de Lugo da USC, organiza a mesa redonda “Riqueza lingüística e ensino”, co ánimo de unirse á conmemoración do Día Internacional da Lingua Materna. Na mesa participarán Modesto A. Rodríguez Neira, profesor da Área de Lingüística Xeral da USC; Valentina Formoso Gosende, da Coordinadora Galega de Equipos de Normalización e Dinamización Lingüística; e José María Álvarez Castro, editor do libro Ás voltas coa diversidade cultural. A moderadora será María Xosé Rodríguez Valcárcel, profesora de lingua e literatura galega. O acto terá lugar o 21 de febreiro, a partir das 11,30 h na Casa do Saber (Vicerreitoría do Campus de Lugo).
13/02/2015. AXUDAS E PREMIOS
A Deputación da Coruña publica, no BOP do 13 de febreiro de 2015, a resolución provisional da convocatoria de subvencións a concellos e entidades locais da provincia da Coruña para a creación ou mantemento dos servizos lingüísticos durante o ano 2015. A partir desta publicación, os solicitantes teñen un prazo de 10 días hábiles para aceptar ou renunciar a estas axudas. Para consultar o texto completo da resolución, preme aquí.
13/02/2015. DINAMIZACIóN
O Servizo de Normalización Lingüística (SNL) da Mancomunidade de Ordes presenta a campaña “O galego vende”, co obxectivo de estender o uso da lingua galega no ámbito do comercio. O SNL colaborará coas asociacións de comerciantes para fomentar a oferta positiva do galego na atención á clientela. Así mesmo, contactará cos diferentes establecementos para promover o seu compromiso no uso do galego, tanto na comunicación oral (atención á clientela) como na escrita (tíckets, carteis publicitarios, redes sociais…). Para obter máis información, preme aquí.
12/02/2015. DINAMIZACIóN
O Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Carballo e a Mesa pola Normalización Lingüística presentan o videoclip Parabéns para ti!, elaborado coa colaboración do Coro Vagalume. A finalidade desta iniciativa é promover a celebración de aniversarios en galego, fornecendo este recurso musical que pode compartirse nas redes sociais ou empregarse nas festas de aniversario. O SNL do Concello de Carballo encargarase de distribuílo nas escolas infantís, centros de ensino e ludotecas do municipio. Podes ampliar esta información premendo aquí.
12/02/2015. AXUDAS E PREMIOS
O Programa de Creación de Empresas da Universidade de Santiago de Compostela Uniemprende convoca o XV Concurso de Proxectos Empresariais Innovadores da USC, co obxectivo de impulsar a creación de empresas innovadoras promovidas por estudantes, licenciados/as ou investigadores/as, así como a innovación empresarial e a xeración de emprego. Por primeira vez, este concurso inclúe a categoría “Premio á promoción da lingua galega”, impulsada pola Comisión de Normalización Lingüística da Facultade de Económicas. O prazo de presentación de proxectos remata o vindeiro 7 de abril de 2015.
11/02/2015. DINAMIZACIóN
A Coordinadora de Traballadores/as de Normalización da Lingua (CTNL) presenta a campaña Fain@ gozar coa lingua, vinculada á plataforma Agasallo.eu, co obxectivo de vincular o galego co amor e promover a escolla de agasallos para a parella neste idioma. A CTNL convida a toda a cidadanía a difundir a iniciativa a través das redes sociais e a visitar a plataforma Agasallo.eu para escoller o regalo que consideren máis acaído para festexar o vindeiro 14 de febreiro. Para ampliar esta información, preme aquí.
11/02/2015. DINAMIZACIóN
A Comisión de Normalización Lingüística da Facultade de Matemáticas da USC e a Fundación Barrié organizan o concurso Explícoche matemáticas 2.0, co obxectivo de promover o uso do galego como medio de transmisión do coñecemento matemático. O certame está dirixido ao alumnado do Sistema Universitario de Galicia e a estudantes de 3º e 4º de ESO e 1º e 2º de Bacharelato dos centros de educación secundaria de Galicia. Cada participante (ou grupo) debe presentar un vídeo de 2 minutos de duración sobre un tema relacionado coas Matemáticas. Outorgaranse dous premios (un por categoría), que consistirán en material informático, audiovisual ou didáctico. O prazo para enviar os proxectos remata o 8 de abril de 2015.
10/02/2015. AXUDAS E PREMIOS
A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria publica a convocatoria de axudas para o libro galego, tanto no que se refire á tradución para outras linguas de obras publicadas orixinariamente en galego como á tradución para o galego de obras publicadas orixinariamente noutras linguas. O prazo de presentación de solicitudes é dun mes, contado a partir do día seguinte ao da publicación desta convocatoria.
10/02/2015. DINAMIZACIóN
O Servizo de Normalización Lingüística e a Radio Municipal de Redondela súmanse á iniciativa “Eu son Rosalía“, que promove a Asociación de Escritores en Lingua Galega (AELG). A celebración do Día de Rosalía en Redondela consistirá na gravación en Radio Redondela, entre os días 10 e 20 de febreiro, de lecturas da obra rosaliana e de opinións que, seguindo indicacións da AELG, deben comezar coa frase “Eu son Rosalía porque/cando/para…”. As gravacións emitiranse na semana do 23 ao 27 de febreiro. Para ampliar esta información, preme aquí.
10/02/2015. DINAMIZACIóN
Co gallo da celebración do Día Internacional da Lingua Materna, a Biblioteca Pública de Santiago Ánxel Casal organiza o obradoiro "A miña palabra favorita en galego", deseñado para nenas e nenos de 5 a 12 anos. Ata o vindeiro 20 de febreiro de 2015 todos os nenos e nenas poden depositar na caixa de correos da sala infantil da biblioteca a súa palabra favorita en galego. Posteriormente, o 20 de febreiro terá lugar o obradoiro que consistirá na elaboración de bandeirolas coas palabras escollidas. Podes obter máis información premendo aquí.
09/02/2015. DINAMIZACIóN
A Secretaría Xeral de Política Lingüística e a Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado organizan unha nova edición de Lingua de Namorar, un concurso en liña de mensaxes de amor en lingua galega dirixido a mozos e mozas de 14 a 35 anos. A iniciativa está deseñada para dinamizar o uso do galego nas súas relacións persoais e nas novas tecnoloxías, nomeadamente en internet e na mensaxería instantánea. Outorgaranse tres premios tecnolóxicos por cada unha das categorías de idade establecidas. O prazo para enviar as mensaxes remata o 22 de febreiro de 2015.
06/02/2015. DINAMIZACIóN
O Concello de Teo, coa colaboración da Secretaría Xeral de Política Lingüística e Gadis, convoca o II Certame de canción de autor en galego “Concello de Teo”, co obxectivo de promover a creación artística no noso idioma. Poderán participar os/as cantautores/as maiores de 15 anos que non posúan ningún disco editado. As composicións, de calquera estilo musical, deberán ser orixinais e de creación propia, e as letras terán que estar escritas en galego. O prazo de inscrición remata o 29 de marzo de 2015. Para obter máis información, preme aquí.
05/02/2015. CURSOS E CONGRESOS
A Escola Galega de Administración Pública publica, no DOG núm. 22, do 3 de febreiro de 2015, a convocatoria de actividades de formación continua dirixidas aos empregados públicos da Administración autonómica, agás o persoal docente e sanitario. Na oferta inclúense os seguintes cursos de temática lingüística: “A calidade da redacción administrativa. Técnicas para mellorala”, “Actualización gramatical e ortográfica da lingua galega”, “Desenvolvemento e fomento das habilidades comunicativas na Administración pública” e “Redacción de documentos técnico-xurídicos en galego”. O prazo de solicitudes, que deben tramitarse a través do web da EGAP, remata o vindeiro 13 de febreiro, ás 14:00 h. Para consultar o texto completo da convocatoria, preme aquí.

