f Filomena Dato | Álbum de Galicia | Consello da Cultura Galega

Filomena Dato

Ourense, 1856 - A Coruña, 1929

Biografía

----

Filomena Dato

Ourense, 1856 - A Coruña, 1929

Autoria: Helena González Fernández

DOI: 10.17075/adg.1013

A poeta galega máis premiada de finais do XIX

O debate feminista galego de finais do século XIX ten parada obrigada no certame que se convocaba Ourense en homenaxe a Feijoo. Se a primeira edición quedou asombrada pola polémica sobre a autora premiada (concorreron Concepción Arenal e Emilia Pardo Bazán, que foi a controvertida gañadora), na edición do 10 de setembro de 1887 non houbo lugar á dúbida: Filomena Dato levou o premio co seu texto máis coñecido hoxe, "En defensa das mulleres". Neste poema, recollido despois no seu único libro en galego, Follatos, Filomena Dato combina partes nas que argumenta a sabedoría probada das mulleres con argumentos bíblicos e históricos, con outras nas que, como fixo Chistine de Pizan en A cidade das mulleres, debulla unha xenealoxía de mulleres ilustres, entre as que están raíñas e emperatrices pero tamén outras egrexias autóctonas, como María Pita e Rosalía de Castro.

Como afirma Aurora Marco, a súa é unha "poesía romántica, descritiva, poesía de feitura popular (romances e cantares), onde abrolla a saudade cando está escrita fóra da súa terra". Escritora bilingüe, é colaboradora habitual nos xornais da súa época como El Heraldo Gallego; revista que dirixía Lamas Carvajal, A Monteira; Patria Gallega; as catalás La Ilustración Ibérica e Barcelona Cómica; ou as habaneiras Eco de Galicia, Follas Novas e Galicia. Pronunciou conferencias de comprometido ton antimisóxino en seráns literarios, xogos florais, homenaxes e outras intervencións públicas, como a que ofreceu en 1913 no Círculo de Artesáns da Coruña.

A biografía de Filomena Dato é escura. Coñécense polo agora pouquísimos datos persoais, pero sábese que mantivo desde nova unha estreita amizade coa escritora Sofía Casanova, e proba diso son os poemas que se dedican mutuamente. Con ela, con Emilia Pardo Bazán, Fanny Garrido e outras intelectuais coetáneas, compartiu tertulia e inquedanzas feministas. E como elas, participou activamente na vida literaria da época, como se constata, por exemplo, na súa intervención na homenaxe a Curros Enríquez feita en Ourense en 1913.

Na década dos oitenta Filomena Dato converteuse non só nunha poeta profusamente premiada senón, e sobre todo, nunha das voces máis sobranceiras do feminismo galeguista de entre séculos. De feito é a segunda escritora, logo de Rosalía, que publica un libro en galego no século XIX. O seu era un feminismo católico e "racional", como diría Sara Ínsua, ben diferente do feminismo radical e masculino que caracterizaba ás sufraxistas inglesas contemporáneas. Pero, iso si, nos seus escritos e nos seus discursos constátase o protagonismo das mulleres, especialmente das que pertencían ás clases populares, sobre as que escribiu diversos cadros en verso e prosa salientando as súas cualidades e a súa difícil situación.
En 1906, ano da fundación da RAG, foi nomeada académica correspondente xunto con outras literatas contemporáneas como Carmen Beceiro, Emilia Calé, Sofía Casanova, Sarah Lorenzana, Clara Corral Aller...

Como citar: González Fernández, Helena : Filomena Dato. Recuperado o 26/05/2020 do Álbum de Galicia (Consello da Cultura Galega) http://consellodacultura.gal/album-de-galicia/detalle.php?persoa=1013 DOI: 10.17075/adg.1013]

Obra de Filomena Dato

Poema dedicado a Rosalía

Poema dedicado a Rosalía publicado en Patria Gallega co que gañou en 1891 os Xogos Florais de Tui, presididos por Murguía.

Obra sobre Filomena Dato

As primeiras académicas da RAG

En 1906, ano da creación da RAG, o debate feminista é de intenso. Noméanse académicas correspondentes varias escritoras: Filomena Dato, Carmen Beceiro de Pato, Sofía Casanova, Emilia Calé, Sarah Lorenzana, Clara Corral Aller, Rita Corral Aller, Elisa Lestache de Caramelo, Ramona de la Peña y Salvador, Mercedes Vieito, Hipólita Muiño, Fanny Garrido, Carolina Micaelis de Vasconcelos, Mercedes Tella e María Vinyals. Descarga aquí o arquivo coas fotos dalgunha delas.

Audios

Defensa d’as mulleres

Filomena Dato na voz de Kristal Veiga. Recita o fragmento VII do poema «Defensa d’as mulleres» do libro Follatos. Poesías gallegas, Imprenta de Antonio Otero. Ourense. 1891, p. 17-18,
Procedente do Álbum de Mulleres

Bibliografía

- MARCO, A.: “Filomena Dato Muruais e a defensa das mulleres”, en As precursoras, A Coruña, La Voz de Galicia, 1993, p. 63-65

Artigos Filomena Dato

Aviso Listado automático de documentación relacionada con Filomena Dato nos fondos documentais en liña ofrecidos polo Consello da Cultura Galega.
DATO, F. (3/1985) [Fragmento de "Defensa d'as mulleres"]. Festa da palabra silenciada. (02), 9.
Ver poesía Fonte da dixitalización: Feministas Independentes Galegas;
Mencións: