Marcial del Adalid
A Coruña, 24/ 8/1826 - Lóngora (Oleiros), 16/10/1881Autoría: Isabel Villoch
O introdutor máis importante do romantismo musical en España
Pianista e compositor nado en 1826 na Coruña, no seo dunha familia de grande tradición musical. Comezou os seus estudos musicais na súa cidade natal. En 1844 viaxou a París coa intención de estudar con Frédéric Chopin pero ante a imposibilidade de conseguir tal propósito, instalouse en Londres como alumno do checo I. Moscheles, con quen permanecería ata 1849. Finalizados os seus estudos, realizou diversas viaxes por Europa e despois de vivir varios anos en Madrid, retirouse ó seu pazo de Lóngora, onde residiu compoñendo ata a súa morte.
Pódense distinguir tres etapas na súa música: a primeira, romántica, á que corresponde a maior parte da súa música para piano só e voz e piano. O estilo destas obras en relación coa súa data de composición e edición en España fai de Adalid o introdutor máis importante do romantismo musical en España. A segunda etapa, clásica, á que corresponden as sonatas para piano, piano e violín, cuartetos de corda, marchas e motetes. E a terceira, que comprende a ópera, melodías e cantares para voz e piano e algunhas marchas orquestrais. Na obra para voz e piano utiliza textos de poetas tanto estranxeiros coma galegos, e entre estes últimos, sobre todo obras da súa muller, Fanny Garrido e de Rosalía de Castro.
A el débese o inicio do cultivo dun xénero que perduraría ata as primeiras décadas do século XX: a melodía galega. Dentro deste xénero, o compositor introduxo os primeiros aires dun crecente Nacionalismo/Rexionalismo.
A marcha fúnebre está escrita para piano a 4 mans, Adalid concibía este tipo de música como música doméstica, de entretemento particular. Foi escrita, probablemente, para a súa execución na Sociedade de Concertos, como unha homenaxe ao mariscal O'Donnell no seo dunha sociedade semi-privada. Pertencente á súa segunda etapa, “clásica”, presenta un ritmo firmemente sinalado con frases simétricas, deseñada para acompañar o paso dun cortexo. A melodía serve de ornamentación dun ritmo repetido e regular marcado polo uso do puntillo.
Como citar: Villoch, Isabel : Marcial del Adalid. Publicado o 4/5/2011 no Álbum de Galicia (Consello da Cultura Galega) http://consellodacultura.gal/album-de-galicia/detalle.php?persoa=1065. Recuperado o 30/03/2023
Marcial del Adalid
A Coruña, 24/ 8/1826 - Lóngora (Oleiros), 16/10/1881Autoría: Laura Touriñán Morandeira
De Lóngora para Europa: precursor na procura do son de Galicia na música académica
De orixe burguesa e enmarcado no Romanticismo centroeuropeo, Marcial del Adalid foi un músico decimonónico galego, de formación europea e autor de composicións acordes coas tendencias estilísticas imperantes na súa época, mais baixo un selo propio e distintivo, que lle outorgou, xa dende o século XIX, un lugar destacado na Historia da Música Española e Galega.
Nace na cidade da Coruña o 24 de agosto de 1826 e foi bautizado ao día seguinte polo rito católico, recibindo o nome de Marcial Francisco Juan Bartolomé del Adalid y Gurrea. Foi o terceiro dos cinco fillos nados do matrimonio entre Francisco del Adalid y Loredo (1792–1855) e Josefa Gurrea Carbonell (1804–1836), pertencentes á alta burguesía coruñesa. Lamentablemente, a súa infancia quedou marcada polo falecemento da súa nai e de todos os seus irmáns, quedando como fillo único e a cargo do seu pai dende moi novo.
Dada a privilexiada posición da familia, Adalid recibiu unha ampla formación cultural e artística na que a música ocupou un lugar fundamental, mais como «arte de salón», trazo característico da educación burguesa. Comezou os estudos musicais na propia contorna familiar, como era habitual nas prácticas socioculturais e domésticas da época, feito incentivado pola prolixa biblioteca privada de partituras da que dispoñían. Xa máis próximo á idade adulta, na década de 1840, viaxou por Europa para instruírse en idiomas, cultura e costumes, co propósito de potenciar as súas relacións en sociedade e nos negocios. Deste período é de destacar que recibiu no eido musical orientacións de Indalecio Soriano Fuertes en Madrid e de Ignaz Moscheles en Londres. Chamado polo seu pai a retornar para dedicarse aos negocios familiares, Adalid viu interrompida a súa formación musical, feito que, segundo expresaron os seus coetáneos, lle causou un gran pesar.
Asentado de novo na Coruña, Adalid implicouse activamente na vida cultural da cidade a través das sociedades instruto-recreativas, en calidade de socio e profesor de música da Sociedade Artística e Literaria, do Liceo Artístico e Literario e do Circo de Recreación. A prensa da época deixou testemuña do seu labor docente como mestre de piano, mais tamén do éxito e recoñecemento como compositor e pianista e director de orquestra en concerto.
A partir da década de 1850 e ata a fin dos seus días, Adalid acadou progresivamente unha maior notoriedade nos círculos artísticos da capital, figurando asiduamente o seu nome na prensa con motivo de publicacións de obras e estreas en concerto. Ademais, forxou dende entón consolidadas amizades cos tamén músicos Guelbenzu, Allú, Monasterio, Soriano Fuertes, Mariano Vázquez, Barbieri, o Conde Morphy, etc. E salientable é a súa conexión coa Sociedad de Conciertos e coa Sociedad de Cuartetos, nas que se interpretaron diversas obras da súa produción.
Culmina o seu recoñecemento no panorama internacional especialmente en París, cidade que visitaría en varias ocasións. A capital francesa foi berce para a publicación de varias obras nos selos editoriais Richault e Flaxland, foi fonte de inspiración tamén para a composición de moitas das súas obras en distintos momentos da súa vida e foi lugar elixido para a estrea finalmente frustrada da súa ópera.
Caracterizouse Adalid por unha vasta e actualizada cultura musical, coñecedor da obra de grandes mestres europeos coma Beethoven, Chopin, Liszt, Mendelssohn, Pleyel ou Rossini entre tantos outros. Foi creador, principalmente, de repertorio para piano só e melodía vocal acompañada, aínda que tamén fixo incursións nos xéneros sinfónico, camerístico, escénico e relixioso. O seu estilo compositivo evolucionou dunha liña puramente romántica na súa etapa de xuventude, a unha tendencia máis clásica na súa madurez. E destaca especialmente entre a súa produción un conxunto de obras inspiradas no folclore autóctono galego, que deron son á galeguidade nos salóns burgueses en forma de música académica
: Galicia. Marcha triunfal para piano solo, a colección de cancións Cantares viejos y nuevos de Galicia, a melodía Mondariz, a peza para piano só Danse Galicienne, a zarzuela Pedro Madruga despois convertida na ópera Ynes è Bianca e Galicia. Marcha triunfal para Grande Orquesta. Estas obras teñen especial relevancia e significación no contexto histórico do Rexurdimento e dos nacionalismos musicais, así como tamén a súa participación como xurado nos Xogos Florais de Galicia de 1861 e de 1880, que reflicten a súa inquedanza pola cultura de Galicia. Así, a achega de Adalid á música galega foi recoñecida por numerosos autores, como Pardo Bazán, Rodríguez Mourelo, Felipe Pedrell, Ramón de Arana, Carlos Martínez Barbeito, Baltasar Saldoni, Varela Silvari ou o Marqués de Figueroa, que o destacaron entre os máis importantes músicos galegos xunto a Montes, Chané ou Baldomir.
No eido persoal, cómpre salientar dúas datas de especial transcendencia. A primeira delas, o 16 de agosto de 1860, día no que Adalid contrae matrimonio na Capela-Oratorio do Palacio do Excmo. Señor Capitán Xeral (actual Pazo da Capitanía Xeneral da Coruña) coa literata galega Francisca Claudia Josefa Antonia González-Garrido y García (A Coruña, 30/10/1842-Madrid, 11/11/1917) -popularmente coñecida como Fanny Garrido-, baixo a bendición nupcial dos padriños, o militar Atanasio Alesón e Dolores Bonilla y Valdivia, en representación da realeza. Varias son as obras que reflicten o amor do músico pola súa esposa a comezos da década de 1860: Bonheur du Ménage. Recueil de 3 romances (sans paroles), foi impreso coa dedicatoria Composée et dediées à sa femme bien aimée
e La Pasionaria. Polka para piano, vai encabezada por A mi muy querida Fanny
. E tamén neste período firma Romance sans paroles, Op. 8-9, Nº 4 Berceuse. Dulces recuerdos coas palabras de agarimo para o seu pai político À mon cher beau père le Docteur Garrido
. A segunda data a destacar é o 31 de maio de 1874, día do nacemento de María de los Dolores del Adalid (Madrid, 31/05/1874-A Coruña, 17/01/1930), única filla do matrimonio, quen tamén foi muller singular e de distinguida educación na súa época, formada na Escuela de Bellas Artes de San Fernando de Madrid e de traxectoria artística destacable pola súa participación en diversas exposicións pictóricas nacionais e internacionais.
Marcial del Adalid falece de forma prematura aos 55 anos de idade por enfermidade, o 16 de outubro de 1881, na Granxa de Lóngora
-como así chamaba o músico o seu pazo en Oleiros-, lugar predilecto onde tan longas tempadas gozara durante a súa vida. A súa morte causaría gran consternación na sociedade, especialmente no mundo da cultura. Mostra do pesar xeneralizado foron a homenaxe póstuma en forma de procesión que encabezou o Liceo Brigantino aos poucos días do pasamento ou as numerosas necrolóxicas publicadas na prensa nacional: para Pedrell perdeuse unha verdadera gloria de la patria
; para Víctor María Vázquez a morte levou consigo ao más fecundo y original de los maestros gallegos
”; e Martínez Velasco destacou que el nombre de Adalid será un recuerdo imperecedero en los anales artísticos de la región de España que le vio nacer
.
Fontes documentais
Partida bautismal de Marcial Francisco Juan Bartolomé del Adalid y Gurrea [Arquivo Histórico Diocesano de Santiago de Compostela, Fondo Parroquial de San Xurxo (A Coruña), L. S. 19, folio 215 vto., (P008880)].
Partida de defunción de Marcial del Adalid y Gurrea [Arquivo Histórico Diocesano de Santiago de Compostela, Libro Sacramental de la Parroquia de Santa Baia de Liáns (Oleiros), n.º 12, folio 157 vto., (P012950)].
Certificación literal de defunción de Marcial del Adalid y Gurrea [Xulgado de Paz de Oleiros, Sección 3ª, Tomo 8, Páxina 62 vto.].
Partida bautismal de Francisca González-Garrido y García (Fanny Garrido) [Arquivo Eclesiástico do Exército de Terra (Madrid), Libro castrense n.º 2281, folio 148].
Partida de defunción de Francisca Claudia Josefa Antonia González Garrido y García [Fondo Parroquial de Santa Bárbara de Madrid, L. S. 9, folio 61 vto., p. 118].
Certificado de nacemento de María de los Dolores del Adalid [Rexistro Civil de Madrid, Sección 1ª, Libro 13-1, folio 254 vto.].
Partida de defunción de María de los Dolores Francisca María la Trinidad del Adalid González, [Fondo Parroquial de Santa María do Campo (A Coruña), L. S. 30, folio 68 to., conservado na Parroquia de Santiago da Coruña].
Partida matrimonial de Marcial del Adalid y Gurrea e Francisca González-Garrido y García [Arquivo Eclesiástico do Exército de Terra (Madrid), Libro 1973, folio 77]
Bibliografía
Carreira Antelo, Xosé Manuel (1979): «Notas preliminares a unha historia da música galega nos séculos XIX e XX. I. Un músico europeo en Lóngora. Marcial del Adalid». En Carreira Antelo, Xosé Manuel; Balboa Rodríguez, Manuel: 150 anos de música galega. Santiago de Compostela: Xunta de Galicia; 17-23.
Centeno Sanmartín, Leopoldo (1982): «Marcial del Adalid (1826-1881)», Pontevedra. Revista de estudios provinciais, No 1-2 (2o semestre), 89-98.
Martínez de Velasco, Eusebio (1882): «Don Marcial del Adalid. Maestro compositor, La Ilustración Española y Americana, 22 (30 de marzo).
Martínez-Barbeito y Morás, Carlos (1953): «La castellana de Lóngora», La Voz de Galicia, (4 de agosto).
Naya Pérez, Juan (1950): «Fanny Garrido», La Voz de Galicia, (19 de maio).
Naya Pérez, Juan (1966): «Una notable escritora coruñesa. Fanny Garrido», La Hoja del Lunes, (7 de marzo).
Padín Panizo, Ángel (2005): Pazo de Lóngora. A Coruña: Universidade da Coruña. Servicio de Publicacións.
Pardo Bazán, Emilia (1882): «Un compositor español (Marcial del Adalid)», La Época. Periódico político diario, (2 de marzo) 3-4.
Pedrell Sabaté, Felipe (1897): «Adalid y Gurrea (Marcial del)». En Diccionario biográfico y bibliográfico de músicos y escritores de música españoles, portugueses e hispano-americanos antiguos y modernos: Acopio de datos y documentos para servir a la historia del arte musical en nuestra nación. Imprenta de Víctor Berdós y Feliu; 7-15.
Rodríguez Mourelo, José (1880): «Marcial del Adalid. Apuntes críticos y biográficos», La Ilustración Gallega y Asturiana. Revista decenal ilustrada, (8 de decembro), 3.
Soriano Fuertes , Mariano (1871): «Marcial del Adalid», El Heraldo de las Artes, de las Letras y de los Espectáculos, (1 de outubro), 4.
Soto Viso, Margarita (2002): «Adalid Gurrea, Marcial del». En Casares Rodicio, Emilio; Fernández de la Cuesta, Ismael; López Calo, José (eds.): Diccionario de la Música Española e Hispanoamericana. Madrid: Fundación Autor – SGAE; I, 60-70.
Touriñán Morandeira, Laura (2017): «Fanny Garrido, personaxe ilustre da nosa Historia». En Fanny Garrido. Un percorrido pola súa vida e polos seus versos musicados. Santiago de Compostela: Xunta de Galicia. Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria; 5-9.
Touriñán Morandeira, Laura (2020): Marcial del Adalid (1826-1881): Biografía, catalogación de su obra musical y su vinculación con la creatividad cultural socio-identitaria. Santiago de Compostela: Universidade. Tese de doutoramento. Accesible en https://minerva.usc.es/xmlui/handle/10347/24166 [Consulta: 2022-09-08]
Touriñán Morandeira, Laura (2021): «Marcial del Adalid (1826-1881): un capítulo único de nuestra Historia de la Música Española y Gallega». En Camiños de Coñecemento e Experiencia 2020. Santiago de Compostela: Campus na nube; 64-82. Accesible en: https://www.academia.edu/49135402/Marcial_del_Adalid_1826_1881_un_cap%C3%ADtulo_%C3%BAnico_de_nuestra_Historia_de_la_M%C3%BAsica_Espa%C3%B1ola_y_Gallega [Consulta: 2022-09-08]
Como citar: Touriñán Morandeira, Laura : Marcial del Adalid. Publicado o 13/9/2022 no Álbum de Galicia (Consello da Cultura Galega) http://consellodacultura.gal/album-de-galicia/detalle.php?persoa=1065. Recuperado o 30/03/2023
DOCUMENTACIÓN SOBRE
Artigo sobre o pazo de Marcial del Adalid e Fanny Garrido, lugar de música e literatura
Bugallal, Isabel: «El pazo de Marcial del Adalid y Fanny Garrido, en Oleiros, fue foco de la vida musical, literaria y científica de A Coruña», La Opinión, (23/06/2013)
Fonte: web de La Opinión [data de descarga: 07/07/2013]
A ópera Inés e Bianca de Marcial del Adalid
Pérez Fernández, Julián Jesús: «A ópera Inés e Bianca de Marcial del Adalid: historia, ficción e música». En Xornadas de Divulgación do Patrimonio Musical Galego na Universidad da Coruña. (1º. 2009. A Coruña). A Coruña: Universidade, 2009; 107-123.
Fonte: https://ruc.udc.es/dspace/handle/2183/13004 [Descarga: 2022:09-12]
Achegas das cancións de Marcial del Adalid á música galega
Soto Viso, Margarita: «Aportación á música galega de Marcial del Adalid coas súas cancións», Grial: revista galega de cultura,, 64 (abril-xuño de 1979), 153-173.
Fonte: Biblioteca do Consello da Cultura Galega
Artigo publicado por Juan Naya en La Voz de Galicia (19 de maio de 1950) e recollido en «Leyendo la prensa: Fanny Garrido», El Progreso, n.º 13311 (1 de xuño de 1950), p. 4
Fonte: Galiciana
http://www.galiciana.bibliotecadegalicia.xunta.es/gl/consulta/resultados_ocr.do?general_ocr=on&id=35557&tipoResultados=PAG&posicion=51
Información da doazón á RAG, por María del Adalid, da biblioteca familiar: «Para el Museo de la Academia Gallega», El Correo de Galicia: órgano de la colectividad gallega en la República Argentina, 1206 (03/03/1929), 16
Fonte: Galiciana
https://biblioteca.galiciana.gal/gl/publicaciones/numeros_por_mes.do?idPublicacion=70&anyo=1929
Ligazóns de interese
Laura Touriñan escribe sobre Fanny Garrido, a escritora «Eulalia de Liáns»
Fonte: https://grupo-organistrum.com/gl/galerias/fanny-garrido [consulta: 2021-08-30]
Entrada de María del Adalid na web da AEPE
Fonte: https://apintoresyescultores.es/las-primeras-artistas-de-la-asociacion-espanola-de-pintores-y-escultores/
Sobre o libro Cidade das mulleres. Veciñas ilustres da Coruña, que inclúe unha biografía de Fanny Garrido
Fonte: https://grupo-organistrum.com/gl/fanny-garrido-no-libro-cidade-das-mulleres-vecinas-ilustres-da-coruna/[Consulta: 2022/08/02]
Partitura Impromptu para piano de Marcial del Adalid
Fonte: https://www.academia.edu/46852019/Impromptu_para_piano_de_Marcial_del_Adalid_y_Gurrea_edici%C3%B3n_cr%C3%ADtica_de_partitura_[Consulta:2022/08/02]
Partitura Vals brillante; Improvisación; Elegía; Andantino con variaciones (para pinao) de Marcial del Adalid
Fonte:https://publicacions.academia.gal/index.php/rag/catalog/book/41 [Consulta: 2022/08/02]
«Soedades» (Cantares viejos y nuevos de Galicia. 1877). Del amor... Canciones del romanticismo español / letra de Fanny Garrido, música de Marcial del Adalid; ; intérpretes Marta Almajano (soprano), Michel Kiener (piano). Harmonia Mundi, 2002
Fonte: L'armata armonica
https://www.youtube.com/watch?v=BbHncbufXdk&ab_channel=L%27armataarmonica
«Frouseira» (Cantares viejos y nuevos de Galicia. 1877). Del amor... Canciones del romanticismo español / letra de Fanny Garrido, música de Marcial del Adalid; intérpretes Marta Almajano (soprano), Michel Kiener (piano). Harmonia Mundi, 2002
Fonte: L'armata armonica
https://www.youtube.com/watch?v=mhJuCabZiUI&ab_channel=L%27armataarmonica
«Canto de berce» (Cantares viejos y nuevos de Galicia. 1877). Del amor... Canciones del romanticismo español / letra de Fanny Garrido, música de Marcial del Adalid; intérpretes Marta Almajano (soprano), Michel Kiener (piano). Harmonia Mundi, 2002
Fonte: L'armata armonica
https://www.youtube.com/watch?v=NAc8OgTYlR4&ab_channel=L%27armataarmonica
Biografía de Fanny Garrido no Álbum de Galicia do Consello da Cultura Galega
Fonte: http://consellodacultura.gal/album-de-galicia/detalle.php?persoa=27985 [Consulta: 2022-09-13]
Biografía de Marcial del Adalid na páxina no web do grupo Organistrum
Fonte: https://grupo-organistrum.com/gl/protagonistas/marcial-del-adalid/ [Consulta: 2022-09-13]
Videos
O Lamento de Marcial del Adalid interpretado por Mario Prisuelos
Adalid: the romantic piano. Mario Prisuelos, piano. Universal Music.
Fonte: https://www.youtube.com/watch?v=Gt5nm9EIohs
Audios
«Mondariz»
«Marcha fúnebre. Tempo di marcia Maestoso»
«A bordo». Música, Marcial del Adalid; letra Fanny Garrido. En A canción de concerto. Antoloxía. V. I. Laura Alonso, soprano; Manuel Burgueras, piano. Xunta de Galicia, 2000
«A sorte». Música, Marcial del Adalid; letra Fanny Garrido. En A canción de concerto. Antoloxía. V. I. Laura Alonso, soprano; Manuel Burgueras, piano. Xunta de Galicia, 2000. ASG-CD-L-0015
«Afrixida»
Chagrin d'amour
Non te quero por bonita
Vals brillante
Negra sombra