Maruja Mallo

Viveiro (Lugo), 1902 - Madrid, 1995

Biografía

----

Maruja Mallo

Viveiro (Lugo), 1902 - Madrid, 1995

Autoria: María Luisa Sobrino Manzanares

DOI: 10.17075/adg.1733

A máis recoñecida das artistas galegas do século XX

Nada en Viveiro, a profesión do seu pai -funcionario de aduanas- levouna a residir en distintas provincias españolas até a definitiva instalación da familia en Madrid en 1922. Anos máis tarde ingresa na Academia de Belas Artes e empeza a relacionarse coa nova xuventude de poetas e artistas que irrompen na escena española, algúns deles conformarían a Xeración do 27. Coñece a Salvador Dalí e á poetisa Concha Méndez, que a introducen no círculo da Residencia de Estudiantes, onde estreita lazos de amizade e camaradaría con Lorca, Buñuel e en especial con Rafael Alberti, co que mantén unha relación amorosa importante e longo tempo silenciada tanto na súa biografía como na do poeta. Concha Méndez e Maruja pasearon por Madrid como mulleres modernas e emancipadas, manexando bicicletas, facendo deporte, asistindo aos cafés, a eventos literarios ou a verbenas populares. Nestes anos, Maruja crea a súa propia linguaxe artística, atenta aos ecos das distintas vangardas que empezan a chegar a España -futurismo, surrealismo, cine- e cos ollos abertos á arte popular. Mestura todo coa súa particular interpretación.

En 1928 Ortega y Gasset lle brinda os salóns da Revista de Occidente para realizar a súa primeira exposición, se converte entón nunha das protagonistas da tensión creadora que se viviu en España dende os derradeiros anos vinte até a Guerra Civil. O debut estivo arroupado por comentarios e recensións de prensa, referendado por intelectuais e pola alta sociedade madrileña fascinada por aquelas combinacións de elementos festivos e burlescos, pola alegría da cor, as distorsionadas composicións das súas verbenas e polas atléticas mulleres que protagonizan as súas estampas deportivas.

A finais de 1928 pasa por unha inflexión e un acercamento particular cara ao surrealismo froito dos seus avatares persoais e da relación que establece con Alberto Sánchez e Benjamín Palencia. Baixo o nome da Escuela de Vallecas percorrerán as paisaxes desapracibles e duras que rodean Madrid, as zonas finais do urbano e o inicio do contorno rural. Atraíanlle, segundo as súas propias palabras, "os espazos cubertos por cinzas, as superficies inundadas polo limo habitadas por vexetais ásperos, cloacas empurradas polos ventos, campanarios atropelados polos vendavais". Até 1931 explora este tipo de paisaxes que darán lugar á serie "Cloacas e campanarios", que compaxina con colaboracións en escenarios teatrais, coa realización de debuxos para a portada da Revista de Occidente e o deseño de cubertas de libros.

No 1931 viaxa a París, acompañada do seu pai, onde permanece varios meses e expon a súa obra. Numerosos intelectuais e artistas como Picasso e André Bretón visitan e acollen con entusiasmo a mostra. O seu regreso a Madrid, a finais de 1932, supón un novo xiro no seu estilo. As súas novas series "Arquitecturas minerais", inspiradas en pedra, e "Arquitecturas vegetais", poboadas por estrañas froitas, son teas que aínda que manteñen a sobriedade cromática someten agora as súas formas a esquemas xeométricos. Durante esta época combina o seu traballo artístico cunha intensa actividade de compromiso coa República.

Previo ao estalido da Guerra Civil, no 1936, realiza una obra clave para o período artístico que desenvolverá ao outro lado do Atlántico: "La sorpresa del trigo". Este cadro mural, primeiro da serie "La religión del trabajo", presidirá a súa derradeira exposición en España, promovida polo grupo ADLAN. A Guerra Civil sorpréndea en Galicia, onde viaxa coas Misións Pedagóxicas, e aquí permanece até 1937. Este mesmo ano, tras embarcar en Portugal, chega ao porto de Bos Aires onde é recibida como unha artista de renome. Dará numerosas entrevistas e conferencias, escribe artigos e realiza a súa obra pictórica "Arquitectura humana", debedora de "A sorpresa do trigo". Seguirá traballando en lenzos que compoñen un amplo ciclo dedicado a dous temas principais: o mar e a terra. Viaxa moito por Latinoamérica. En Chile coincide co seu amigo Pablo Neruda. En 1942 Ramón Gómez de la Serna e Atilio Rossi dedícanlle un libro editado pola Editorial Losada. No tocante ao traballo artístico realiza varias series: "Retratos bidimensionais" sobre rostros femininos de fronte e perfil, imaxes planas e prototípicas; "Bailarinas"; "Máscaras"; esquemáticos debuxos reunidos en "Arquitecturas" e, finalmente, "Naturezas vivas", variacións sobre estraños seres zoomórficos inspirados na xeoloxía e na fauna sudamericana. Estas últimas son unha serie de gravados, debuxo e óleo que se alongan até o ano 1960, cando decide voltar a España.

A súa obra é cada vez máis valorada por galeristas e críticos, especialmente a crítica española máis nova, que ve nela a encarnación dunha vangarda ocultada polo franquismo. Tras a morte de Franco chegalle o recoñecemento total; a súa culminación podería establecerse na Medalla de Ouro de Belas Artes, no 1982, e na exposición antolóxica que en 1993 lle dedica, entre unha forte polémica polo inadecuado do momento, o Centro Galego de Arte Contemporánea. Para entón Maruja está xa moi enferma. Encamada, rodeada de postais e recordos, morre o 6 de febreiro de 1995 na residencia de anciáns Menéndez Pidal de Madrid.

Como citar: Sobrino Manzanares, María Luisa : Maruja Mallo. Recuperado o 24/02/2020 do Álbum de Galicia (Consello da Cultura Galega) http://consellodacultura.gal/album-de-galicia/detalle.php?persoa=1733 DOI: 10.17075/adg.1733]

Maruja Mallo

Viveiro (Lugo), 1902 - Madrid, 1995

Autoria: Xosé Ramón Fandiño

DOI: 10.17075/adg.1733

A musa do surrealismo español

Nacida en Viveiro nunha familia de 13 irmáns, fillos de pai madrileño e nai viguesa, a intensa vida de Maruja Mallo, a musa do surrealismo español, atravesa todo o século XX, pois nace nos seus inicios (1902) e morre no seu ocaso (1995). Polo traballo de seu pai, que era funcionario de aduanas, tivo unha infancia itinerante: Tui, Verín, Corcubión, Xixón, Madrid e Avilés. Co seu irmán Cristino comezou a estudar Belas Artes, que rematou en 1926, na Escola de San Fernando. Nos últimos cursos da carreira, a Deputación de Lugo concedeulle unha bolsa de estudos á que ela correspondeu co regalo de varios cadros, asinados todos co seu nome verdadeiro: Ana María Gómez González. En 1923 participou con tres obras (Retrato, Monserrat e Cabeza) na Exposición Rexional galega de Belas Artes, celebrada nos salóns do Casino de Santiago, invitación que volveu aceptar en 1926, esta vez esta vez con cadros de paisaxes de Corcubión e varios retratos femininos. E outra vez por encargo da Deputación luguesa realizou o lenzo Guía postal de Lugo para incluír no volume Lugo y su provincia (Libro de Oro).

En Madrid tivo trato moi asiduo cos poetas da xeración do 27 e coa xente da Residencia de Estudantes: Rafel Alberti, María Zambrano, Bergamín, García Lorca, Buñuel, Dalí... Nos seus cadros de incipiente surrealismo xoga cun clima de aparente verbena e prodiga entusiasmo e optimismo. É a época na que Ramón Gómez de la Serna se transforma nun dos seus devotos e na que Ortega y Gasset, de forma excepcional, lle ofreceu os salóns da Revista de Occidente para facer a súa primeira exposición: dez óleos e trinta estampas coloreadas, inspirados en raíces populares, pero moi en sintonía coas últimas tendencias dos movementos vangardistas.

Desta época é tamén o seu apaixonado romance amoroso co poeta Rafael Alberti, que en 1929 publicou en La Gaceta Literaria “La primera ascensión de Maruja Mallo al subsuelo”:

Tu, tu que bajas a las cloacas donde las flores son ya unos tristes salivazos sin sueños y mueres por las alcantarillas que desembocan a las verbenas desiertas para resucitar al filo de una piedra mordida por un hongo estancado, dime por qué las lluvias pudren las hojas y las maderas.
Aclárame esta duda que tengo sobre los paisajes.
Despiértame...

Pouco despois, coincidindo cos paseos polos arrabaldes de Madrid con Miguel Hernández, Alberto Sánchez e Benxamín Palencia, integrantes da Escola de Vallecas, a súa pintura abandona a luminosidade das verbenas e o universo carnavalesco e inicia un brusco cambio que se concretará na serie Cloacas e campanarios, o seu momento máis claramente surrealista, que foi o título da súa segunda exposición, celebrada na galería Pierre Loeb de París en 1932, cando disfrutaba dunha bolsa da Junta de Ampliación de Estudios para estudar arte escenográfica. Os surrealistas franceses, con André Breton á cabeza, que lle adquire o cadro Espantallo, aceptaron entusiasmados esta obra de paisaxes dramáticos de ocres pintados cunha xorda rabia. Jean Cassou, director do Museo de Arte Moderna dixo dela, con motivo desta exposición, “que estaba tocada por un permanente estado lírico”. En París coñece e relaciónase con Paul Eluard, Aragon, Kandinsky, Hans Arp, Picasso...

A súa actividade durante a República foi frenética. Asidua ás actividades da Residencia de Estudantes, interesouse pola orde xeométrica e formou parte do Grupo Construtivo, fundado polo o uruguaio Torres García en 1933. Pouco despois obtivo a cátedra de Debuxo do Instituto de Segundo Ensino de Arévalo, aínda que seguiu desempeñando as súas actividades docentes na Escola de Cerámica, no Instituto-Escola e na Residencia de Estudantes.

A terceira exposición individual e última antes da guerra civil tivo lugar no Centro de Estudos e Información da Construción de Madrid. Nela presentou as súas moi construtivistas Arquitecturas minerais e vexetais, os debuxos da serie Construcións rurais e os bocexos para o ballet Clavileño, con música de Rodolfo Halffter, que polo estalido da guerra nunca foi representado.

A guerra civil sorprendeuna en Galicia, nunha viaxe organizada polas Misións Pedagóxicas. Refuxiouse na casa dos seus tíos, pero logrou entrar en Portugal, onde foi auxiliada por Gabriela Mistral, embaixadora de Chile en Lisboa, que a axudou a preparar a viaxe rumbo a Bos Aires. Os longos anos que durou o exilio arxentino de Maruja Mallo foron, tamén, exaltados e frutíferos: escribiu, pintou, deu conferencias, viaxou e viviu con intensidade. En 1938 crea a montaxe teatral de Cantata en la tumba de Federico García Lorca, de Alfonso Reyes, que se estreou en Bos Aires, onde tamén pintou as alegorías mariñas e as súas extraordinarias cabezas, nas que a súa arte acada un alto grao de concentración. En 1941 viaxou á costa do Pacífico chileno, onde pintou o núcleo central das súas Naturezas vivas: buguinas, algas, estrelas mariñas, medusas e cangrexos, uns enriba doutros, que Gómez de la Serna definiu como “peinetas do fondo do mar”. Catro anos máis tarde, con Pablo Neruda visitou a illa de Pascua, onde creou a serie Moradores do baleiro, unha serie de debuxos feitos de formas primarias e colores vivas. En 1945 pinta na capital bonaerense unha obra mural de tres corpos no vestíbulo do cine “Los Ángeles”, co que cumpre o degoiro de levar a pintura de cabalete á arquitectura; unha das súas obras cimeiras, incomprensiblemente destruída. Desta época son A relixión do traballo, As cabezas, As, obras de plástica clara e luminosa. En 1946 viaxa a Brasil e en 1949 expón e obtén o primeiro premio da XII Exposición de Nova York cunha das súas cabezas de negra, nas que sintetiza indixenismo e modernismo.
Fuxindo do peronismo, en 1965 retornou a España e o panorama que se atopou en Madrid non era moi alentador (“Os meus amigos estaban enterrados ou desterrados e eu soa no hotel Palace, e as galerías cheas de pinturas informalistas, que é un estilo totalmente franquista). A súa extravagante silueta suscitou moita curiosidade, pero moi pouca atención. Máis cá súa extraordinaria talla de pintora surrealista celebrábanse as anécdotas da súa excéntrica personalidade, como a de presentarse nun acto público, aos seus 70 anos, cun abrigo de peles con nada por debaixo, resultar gañadora dun concurso de blasfemias ou pasearse en bicicleta por unha igrexa na que se celebraba unha concorrida misa dominical. A súa última exposición madrileña celebrouse na galería Ruíz-Castillo en 1980 e pouco antes editáranlle unha carpeta con seis litografías que reproducían ilustracións súas para a Revista de Occidente. Cando xa tiña 80 anos comezou a confirmación do seu recoñecemento público nunha España que a tivo ignorada durante toda a ditadura franquista. Así, distinguírona coa Medalla de Ouro de Belas Artes en 1982, a Medalla de Ouro da Comunidade de Madrid en 1990 e a Medalla de Ouro da Xunta de Galicia en 1991 e en 1993 o Centro de Arte Contemporánea de Galicia dedicoulle unha exposición retrospectiva. Finou en Madrid en 1995 e os seus restos foron trasladados á súa vila natal de Viveiro.

Como citar: Fandiño, Xosé Ramón : Maruja Mallo. Recuperado o 24/02/2020 do Álbum de Galicia (Consello da Cultura Galega) http://consellodacultura.gal/album-de-galicia/detalle.php?persoa=1733 DOI: 10.17075/adg.1733]

Obra sobre Maruja Mallo

«Maruja Mallo: o soño e a recreación submarina», Madrigal. Revista de Estudios Gallegos, nº 5, (2002), p. 81-84

Artigo de Yolanda López López

Fonte: Madrigal. Revista de Estudios Gallegos, nº 5, (2002), p. 81-84

http://revistas.ucm.es/index.php/MADR/article/view/MADR0202110081A [data de descarga: 13-11-2012]

«Maruja Mallo: a aventura poliédrica»,

Artigo de Elvira Martínez

Fonte: Festa da palabra silenciada, nº 10 (1994), p. 59-62.

Exemplar da Hemeroteca Feminista Galega A Saia

Artigo «Maruja Mallo, lo eterno feminista»

Artigo de Estrella de Diego

Fonte: La mujer feminista. Revista de la Unión de Mujeres Feministas, nº 18 (abril-maio 1985)

Exemplar da Hemeroteca feminista Galega. A Saia.

Artigo sobre a exposición da obra de Maruja Mallo no CGAC en 1993

«Maruja Mallo: pintora».

Artigo de Maika Gomez Novoa sobre a exposición da obra de Maruja Mallo no CGAC en 1993. En Andaina. Revista galega de pensamento feminista Nº7 (segunda época). Decembro de 1993.

Caderno Maruja Mallo

Contén artigos de Xosé Antón Castro, X. A. Castro, Antón Patiño, Mercedes Rozas, Alberto González – Alegre, Pilar Corredoira e Carlos L. Bernárdez

Publicado en Gallegos, nº 12 (2010), p. 50-91.

Bibliografía

- FERRIS, J.L., Maruja Mallo. La gran transgresora del 27, Madrid,Temas de hoy, 2004, (Biografías).
- FERRIS, J.L.: Maruja Mallo. La gran transgresora del 27, editorial Temas de Hoy, Madrid, 2004.
- VV.AA.: MARUJA Mallo, Santiago de Compostela, Xunta de Galicia, Consellería de Cultura, 2003.
- VIDAL, C., Maruxa Mallo. Vigo, A nosa terra, 1999
- VIDAL, C.: Maruja Mallo, A Nosa Terra, Vigo, 1999.
- VVAA. Maruja Mallo, Catálogo da exposición antolóxica de Centro de Arte Contemporánea de Galicia, Santiago, 1993.
- VV.AA.: MARUJA Mallo, Madrid, Galeria Guillermo de Osma, 1992
- DE CASTRO ARINES, J.: “Mallo, Maruja”, en Gran Enciclopedia Gallega, Santiago/Xixón s/d.
- MÉNDEZ, C.: Memorias habladas, memorias armadas, Mondadori, Madrid,1990.
- DE LA GÁNDARA, C.: Maruja Mallo, Servicio de Publicaciones del Ministerio de Educación y Ciencia, Madrid, 1978.
- GÓMEZ DE LA SERNA, R., Maruja Mallo, Buenos Aires, Losada, 1942.
- GÓMEZ DE LA SERNA, R.: Maruja Mallo, editorial Losada, Bos Aires, 1942.

Artigos Maruja Mallo

Aviso Listado automático de documentación relacionada con Maruja Mallo nos fondos documentais en liña ofrecidos polo Consello da Cultura Galega.
MALLO, M. (7/1990) O maniquí. Andaina. 1ª época (21), 26.
Ver ilustración Fonte da dixitalización: Colectivo Andaina de Mulleres;
Mencións:
MALLO, M. (12/1993) La verbena de Pascua, 1927. Andaina. 2ª época 1ª xeira (07), 1.
Ver ilustración Fonte da dixitalización: Colectivo Andaina de Mulleres;
Mencións:
MALLO, M. (12/1993) Retratos bidimensionais, 1941. Andaina. 2ª época 1ª xeira (07), 52.
Ver ilustración Fonte da dixitalización: Colectivo Andaina de Mulleres;
Mencións:
MALLO, M. (12/1993) Espantallo, 1932. Andaina. 2ª época 1ª xeira (07), 52.
Ver ilustración Fonte da dixitalización: Colectivo Andaina de Mulleres;
Mencións:
MALLO, M. (1994) [Arxentina, 1952]. Festa da palabra silenciada. (10), 60.
Ver ilustración Fonte da dixitalización: Feministas Independentes Galegas;
Mencións:
MALLO, M. (2005) Retrato de muller negra. Festa da palabra silenciada. (20), 46.
Ver ilustración Fonte da dixitalización: Feministas Independentes Galegas;
Mencións:
MALLO, M. (2005) Muller con cabra, 1927. Festa da palabra silenciada. (20), 49.
Ver ilustración Fonte da dixitalización: Feministas Independentes Galegas;
Mencións:
MALLO, M. (2010) [A sorpresa do trigo]. Festa da palabra silenciada. (26), 109.
Ver ilustración Fonte da dixitalización: Feministas Independentes Galegas;
Mencións:
MALLO, M. (2010) [Natureza viva]. Festa da palabra silenciada. (26), 109.
Ver ilustración Fonte da dixitalización: Feministas Independentes Galegas;
Mencións:
MALLO, M. (2010) [A ciclista]. Festa da palabra silenciada. (26), 111.
Ver ilustración Fonte da dixitalización: Feministas Independentes Galegas;
Mencións:
MALLO, M. (2010) [Estrelamares]. Festa da palabra silenciada. (26), 112.
Ver ilustración Fonte da dixitalización: Feministas Independentes Galegas;
Mencións:
MALLO, M. (2012) [Elementos para o deporte]. Festa da palabra silenciada. (28), 107.
Ver ilustración Fonte da dixitalización: Feministas Independentes Galegas;
Mencións:
MALLO, M. (2012) [Espanta peixes]. Festa da palabra silenciada. (28), 108.
Ver ilustración Fonte da dixitalización: Feministas Independentes Galegas;
Mencións: