María Brey Mariño
A Pobra de Trives, 4/ 9/1910 - Madrid, 8/2/1995Autoría: Francisco Xavier Redondo Abal
Bibliotecaria honesta, xenerosa e defensora dos valores democráticos
María Brey Mariño naceu no concello ourensán da Pobra de Trives en 1910 e foi inscrita no rexistro civil co nome de María del Corazón de Jesús Josefa Mercedes Juana. Cursou o bacharelato en Bilbo, lugar onde estaba destinado o seu pai, maxistrado de profesión. Realiza os seus estudos superiores de Filosofía e Letras na Universidade Central de Madrid e alí mesmo obtén o doutoramento. Consegue máis adiante unha bolsa da Xunta para a Ampliación de Estudos e Investigacións Científicas para traballar no Centro de Estudos Históricos, onde coñecerá e tratará a intelectualidade máis sobranceira do momento, entre outros o seu mestre Claudio Sánchez Albornoz, Américo Castro, Manuel Gómez Moreno, Ramón Menéndez Pidal, etc. O 8 de agosto de 1931 ingresa por oposición no Corpo Facultativo de Arquiveiros, Bibliotecarios e Arqueólogos (CFABA) e consegue o seu último ascenso dous anos despois.
O seu primeiro destino como profesional foi a biblioteca da Universidade de Santiago de Compostela, mais ficará pouco tempo en Galiza. Contra 1933, María traballa na Biblioteca da Presidencia do Consello de Ministros, onde permanecerá até o inicio da Guerra Civil e onde traba amizade con Manuel Azaña.
Os anos que durou a Segunda República foron, sen dúbida, moi especiais para ela. Pertence a aquela nova xeración de homes e mulleres, nacidas ao redor da primeira década do século XX, fortemente comprometida co proxecto cultural e educativo republicano e cunha nova forma de entender a súa profesión, priorizando a socialización do libro e a lectura, a apertura dos arquivos e os museos arqueolóxicos, a renovación bibliográfica e, en definitiva, o espallamento da cultura por todos os recunchos do país. Neste ambiente María Brey coñece tamén a Antonio Rodríguez-Moñino, con quen realiza traballos de investigación e publicacións e con quen casará nunha cerimonia civil celebrada en Valencia o 30 de xaneiro de 1939. Meses despois, concretamente en novembro, Antonio vai ser xulgado en Consello de Guerra e, inda que quedou libre de todos os cargos, máis tarde foi inhabilitado para o ensino durante vinte anos e despoxado da súa cátedra. Morreu en Madrid en 1970.
En 1934, María Brey publicou o seu primeiro traballo como tradutora, participa en congresos e xuntanzas de investigación bibliotecaria e dirixe eventos como a I Exposición do Libro Estremeño. A guerra mudouno todo e, en novembro de 1936, vai ser evacuada xunto co seu pai a Valencia, onde traballou na Casa da Cultura, dirixida por Antonio Machado, e logo na Oficina de Adquisición de Libros xunto a María Moliner. O feito de permanecer na cidade do Turia será determinante no seu proceso de depuración. Vai pasar por un xuízo extremadamente duro, onde as acusacións vertidas polo instrutor Gómez del Campillo serán devastadoras e inapelábeis. Así mesmo, moitos compañeiros de profesión declararán contra María. E, finalmente, unha Orde do Ministerio de Educación Nacional do día 30 de outubro déixaa “suspensa en el ejercicio de su cargo y sujeta al 50% de su haber mensual”.
Sabemos que María Brey foi chamada a comparecer no xulgado instalado no Arquivo Histórico Nacional o día 11 de xaneiro de 1940, co fin xa coñecido de presentar o seu prego de descargos e demais documentos que puidesen exculpala. María presentara as súas alegacións, mais foi en van. As propostas do xuíz instrutor, incluída a de perder trinta postos na escada do corpo facultativo, foron asumidas integramente nunha Orde asinada polo ministro de Educación Nacional Ibáñez Martín o 30 de xaneiro de 1940. Este mesmo ano, María Brey comezou a traballar no Arquivo da Delegación de Facenda de Huelva. En 1942, a bibliotecaria agora “reconvertida” en arquiveira escríbelle unha carta á súa sogra na que lle di que está acostumada “a recibir batacazos” e na que se laia de “ver perderse injustamente años de trabajo”. Con todo, a persecución a María Brey Mariño aínda non rematara. Meses despois, estando en comisión de servizo na Biblioteca das Cortes, posto que vai a ocupar desde 1943 ata 1961, sofre unha segunda depuración.
A pesar dos atrancos durante todos estes anos e facendo fronte común cultural co seu home, María traballará arreo na tradución e edición de textos clásicos e vai publicar tamén estudos orixinais. María realizou a tradución de obra de Charles Nodier, Charles Asselinau, Paul Lacroix, redactou as edicións críticas do Libro del Buen Amor, de Juan Ruiz, o arcipreste de Hita, e o Lapidario, de Alfonso X o Sabio, publicou o estudo Viaje a España del pintor Henri Regnault (1868-1870): España en la vida y en la obra de un artista francés.
O veto do ministro franquista de Educación Jesús Rubio para que o seu marido entrase na Real Academia Española vai provocar o exilio voluntario da parella en Nova York desde 1961. O seu traballo conxunto deu os seus froitos cando, entre 1965 e 1966, a Hispanic Society of America publicou os tres volumes do Catálogo de los manuscritos poéticos castellanos existentes en la Biblioteca de la Hispanic Society of América (siglos XV, XVI y XVII). Tamén esa mesma institución publicou en 1965 a biografía de A. M. Huntington narrada por Beatrice Gilman Proske e traducida por ela.
Cando María Brey Mariño faleceu en Madrid aos 85 anos de idade, por disposición testamentaria, legou á Real Academia Española unha das bibliotecas privadas de e sobre literatura española máis importantes do mundo; para acollela foi preciso acondicionar na Real Academia unha sala especial, que foi inaugurada o 5 de outubro de 1995.
Así foi de xenerosa esta bibliotecaria intelixente e honesta co país que tanto a maltratou.
Nota: No apartado “obra sobre María” desta entrada biobibliográfica ofrécese unha versión máis extensa sobre a vida e obra de María Brey Mariño.
Como citar: Redondo Abal, Francisco Xavier : María Brey Mariño. Publicado o 1/1/2015 no Álbum de Galicia (Consello da Cultura Galega) http://consellodacultura.gal/album-de-galicia/detalle.php?persoa=22268. Recuperado o 29/03/2023
DOCUMENTACIÓN DE
Obra de María Brey Mariño
Selección da versión modernizada do Libro de buen amor de Juan Ruiz «Arcipreste de Hita» realizada por María Brey Mariño
Fonte: https://moodle.ubi.pt/pluginfile.php/43848/mod_resource/content/6/Libro%20de%20Buen%20Amor%20%28selecci%C3%B3n%29.pdf [Data de descarga: 15-12-2014]
DOCUMENTACIÓN SOBRE
REDONDO ABAL, Francisco: «María Brey Mariño», Álbum de mulleres, 2014
REDONDO ABAL, Francisco Xavier: «As ‘infames’ bibliotecarias», Luzes, nº 7, (2014), p. 98-103
FUENTE, Inmaculada de la: «María Brey: amor, humor y bibliotecas», Clarín. Revista de nueva literatura, nº 97, (xaneiro - febreiro 2012), p. 42-45.
SALGADO, Xurxo: «María Brey, la tía ilustrada y perseguida de Rajoy», El mundo (11/12/2011)
INFANTES DE MIGUEL, Victor: «Ha muerto María Brey Mariño», El País (8/2/1995)
NÚÑEZ DE ARENAS, M: María Brey Mariño, Viaje a España del pintor Henri Regnault (1868- 1870). España en la vida y en la obra de un artista francés, Bulletin Hispanique, vol. 52, nº 3, (1950), p. 294
Fonte: http://www.persee.fr
SAN SEGUNDO MANUEL, Rosa: Mujeres bibliotecarias durante la II República: de vanguardia intelectual a la depuración, CEE Participación Educativa, número extraordinario 2010, p. 143-164
Ligazóns de interese
María Brey no web da COABDM
María Brey Mariño na wikipedia
María BRey Mariño en Historia das nosas mulleres ourensás
María Brey Mariño na Biblioteca Eduardo Santos
María Brey Mariño na Biblioteca Eduardo Santos
María Brey e o seu marido António Rodríguez Moñino no Museo Lázaro Galdiano
[última consulta: 06/07/2021]
Referencias bibliográficas
- Escalafón del Cuerpo Facultativo de Archiveros, Bibliotecarios y Arqueólogos, totalizado en 31 de octubre de 1935, Madrid: Imprenta Góngora, 1935.
- Escalilla del Cuerpo Facultativo de Archiveros, Bibliotecarios y Arqueólogos, totalizada en 20-2-1941, Madrid: Imprenta Góngora, 1941.
- Protección del tesoro bibliográfico nacional: réplica a Miguel Artigas, Biblioteca en guerra, Madrid: Biblioteca Nacional, 2005.
- ÁLVAREZ LOPERA, José: “La protección de los archivos y bibliotecas en el Madrid de la Guerra Civil”, Cultura escrita y sociedad, nº 6 (2008).
- CENTRO DOCUMENTAL DA MEMORIA HISTÓRICA (Salamanca). Fondo: Delegación Nacional de Servicios Documentales. Serie: Fichero General de la Sección Político-Social, núm. 19456.
- FUENTE, Inmaculada de la: “María Brey: humor, amor y bibliotecas”, Clarín: revista de nueva literatura, n.º 97 (2012).
- REDONDO ABAL, Francisco Xavier: “A honestidade dunha bibliotecaria galega e republicana: María Brey Mariño”. Galegos, n.º 13 (2011).
- RUIZ CABRIADA, Agustín: Bio-bibliografía del Cuerpo Facultativo de Archiveros, Bibliotecarios y Arqueólogos: 1858-1958, Madrid: Junta Técnica de Archivos y Bibliotecas, 1958.