Florentino López Cuevillas
Ourense, 14/ 11/1886 - Ourense, 30/7/1958Autoría: Xosé Ramón Fandiño
Sistematizador da prehistoria galega
Florentino López Alonso-Cuevillas nace en Ourense en 1886. Fillo único e póstumo de pai pasou a infancia moi apegado a súa nai, integrante dunha tradicional familia ourensá na que confluía a xinea castelá dos Cuevillas e a dos Seara, vella estirpe ourensá emparentada coa fidalguía. Inclinado á música aprende a tocar o violín mentres fai o bacharelato no Instituto.
Concluído o bacharelato trasládase a Santiago para iniciar a carreira de Farmacia, que finalizou en 1906 e que case nunca exercería. Durante o seu ciclo universitario interesouse pola literatura ao tempo que asiste ás veladas literarias do Ateneo León XIII e ás conferencias organizadas polos alumnos das facultades de Medicina e Dereito. Xa licenciado reintégrase ao ambiente ourensán, frecuenta as reunións da Comisión Provincial de Monumentos, constituída arredor de Marcelo Macías e Vázquez Núñez, e comeza a interesarse pola historia contemporánea. En 1911 trasládase a Madrid e asiste a clases de Historia e Literatura española. Convive con Otero Pedrayo, Primitivo Rodríguez Sanjurjo e Urbano Feijoo de Sotomayor, asiste a reunións no Ateneo, a funcións de teatro e ópera e frecuenta as máis sonadas tertulias madrileñas da época, Sen embargo, ao sentirse un pouco perdido, abandona os cursos e regresa a Ourense. Arrrincona a titulación de farmacéutico e ingresa como funcionario de Facenda, destino que desempeñou sempre, agás unha estadía inicial de poucos meses en Salamanca, na súa cidade natal, onde casou con Milagros Rodríguez, coa que tivo tres fillas.
Naquel ambiente socio-cultural tiñan un papel relevante Primitivo Rodríguez Sanjurjo, animador intelectual de Risco, Pedrayo e Cuevillas, e Xulio Alonso-Cuevillas, tío de Florentino, modelo de senlleira cultura para o sobriño. Formaban parte da igrexa teosófica de Roso de Luna, vivían afastados da realidade circundante e adquiren certa aura de “raros”. Eran uns “inadaptados”, en palabras de Risco, e “os insatisfeitos do mundo que nos arrodea”, nas de Cuevillas. En 1917 fundan a revista neosófica La Centuria.
Sen que se coñezan ben os motivos, entre os que contaría a influencia que neles exerceu Antón Losada Diéguez, en 1917 a tríade formada por Risco, Pedrayo e Cuevillas decidiu implicarse no campo do galeguismo. Con eles, Cuevillas ingresou nas Irmandades da Fala, participou na creación da revista Nós, no Seminario de Estudos Galegos e incidiu desde un segundo plano na política galega de pre-guerra, pois foi designado conselleiro da Irmandade Nazonalista Galega, participou na fundación do Partido Nazonalista Republicano de Ourense e desde a creación militou con fidelidade no Partido Galeguista, sen que el e Otero Pedrayo acompañasen ao seu íntimo Risco na escisión da Dereita Galeguista. Arredor de 1920 deixa de dirixir a súa atención á Historia Contemporánea e comeza a dedicarlla á arqueoloxía, á definición da cultura xenuína e diferenciada de Galicia. En 1922 publica os seus primeiros traballos de arqueoloxía en Nós, onde publicara, no nº 1, o artigo Dos nosos tempos, que xunto ao de Risco, Nós os inadaptados (1933), e á novela de Pedrayo Arredor de si (1930), son o manifesto xeracional do cenáculo ourensán.
O nacionalismo historicista practicado por este grupo necesitaba unha apoiatura científica que permitise establecer as bases dunha cultura autóctona. Pedrayo dedicouse a estudar a terra, Risco o home e Cuevillas as orixes máis remotas. Ao pouco de se crear o Seminario de Estudos Galegos incorpórase a el e presenta como traballo de ingreso A edade de ferro na Galiza. Con axudas económicas da Comisión de Estudos de Galicia, promovida pola Junta para Ampliación de Estudios, en 1927 tomou parte da primeira viaxe arqueolóxica a través de Galicia e con Fermín Bouza Brey estudou os xacementos arqueolóxicos de Sobroso e Briteiros.
Trala guerra civil, como boa parte dos galeguistas, Cuevillas, en forzado retiro e obrigado a purgar o expediente de responsabilidades políticas, prosegue as súas investigacións e a partir de 1939, a causa dunha doenza de reumatismo articular, ten que abandonar as investigacións de campo polo que se concentra en sistematizar o momento da prehistoria galega. En 1941 ingresa na Real Academia Galega e en 1944 no Instituto de Estudios Galegos P. Sarmiento ao mesmo tempo que prepara o seu tomo sobre “Prehistoria”, que é o terceiro da Historia de Galiza, dirixida por Otero Pedrayo. Como resultado das súas investigacións, as publicacións de Cuevillas foron coñecidas e moi valoradas fóra de Galicia e foi acollido en numerosas academias e sociedades arqueolóxicas de toda Europa.
Antes e despois da guerra civil, Cuevillas cultivou o ensaio e artigos de crítica, todos cun estilo sinxelo e requintado, tendentes a recuperar a autenticidade do país, ciscados por publicacións periódicas que en 1962 foron recollidos en libro pola editorial Galaxia co título de Prosas Galegas.
Florentino López Cuevillas, o sistematizador da prehistoria galega, espírito xentil e metódico, católico afervoado, escrupuloso e mesmo atildado no seu aspecto persoal, agravada a súa doenza reumática, Floro para os íntimos, morre na súa casa da rúa de Santo Domingo o 30 de xullo de 1958. Fermín Bouza Brey, colaborador seu co que perfilou o máis remoto pasado galego, tamén foi exquisito poeta e no cemiterio de Ourense, no momento mesmo da inhumación do cadáver do seu mestre e amigo recitou o seu Requiem a Cuevillas, que remata con esta estrofa:
Que os anxos que che agardan
na citania divina,
cas máis puras diademas che coroen,
cos máis enxebres torques che reciban,
e a man do Eterno mesmo
loura espada che cinga,
¡ouh príncipe antre “os bos e xenerosos”,
Florentino Cuevillas,
régulo dos combates
máis rexos e máis nobres por Galiza!
Como citar: Fandiño, Xosé Ramón : Florentino López Cuevillas. Publicado o 12/12/2012 no Álbum de Galicia (Consello da Cultura Galega) https://consellodacultura.gal/album-de-galicia/detalle.php?persoa=2245. Recuperado o 06/04/2025
Florentino López Cuevillas
Ourense, 14/ 11/1886 - Ourense, 30/7/1958Autoría: Patricia Arias Chachero
Arqueólogo e historiador, pasou á historia da cultura galega como un dos piares da Xeración Nós, elaborando parte importante do seu discurso histórico
Comezou os seus estudos primarios no colexio León XIII e pasou logo ao instituto da cidade, onde cadraría con Vicente Risco, dous anos maior, co que o unía un afastado lazo familiar, e onde asistiría ás aulas de Salvador Padilla, Marcelo Macías e Moreno López. Excelente estudante, chegou a ser un aceptable violinista e mesmo formou parte da capela de música da catedral. Con apenas quince anos, en 1901, foi escollido para representar os mozos ourensáns nunha merenda que se organizaba no Concello para homenaxear a escritora Emilia Pardo Bazán, que visitaba a cidade como mantedora dos Xogos Florais. Acompañábao outro alumno exemplar, o seu veciño e compañeiro de xogos Ramón Otero Pedrayo, dous anos menor.
En setembro de 1901 inicia os estudos de Farmacia na facultade de Santiago de Compostela, carreira que rematará en xuño de 1906 e que non chegará a exercer. De volta a Ourense, comeza a traballar como auxiliar meritorio no Laboratorio Municipal e máis tarde na administración pública, primeiro en Gobernación e despois na Delegación de Facenda, onde durante moitos anos será o encargado do Negociado de Contrabando e Defraudación.
Neste período entrégase ás lecturas, especialmente de novela e de historia, á conversa cos amigos e aos debates e faladoiros que se organizan nos cafés da cidade, entre eles o da Comisión Provincial de Monumentos, presidido por Marcelo Macías, no que tamén participaba o seu tío, o culto avogado Julio Alonso-Cuevillas, modelo do seu sobriño. No curso 1911-1912 asiste por libre á facultade de Filosofía e Letras do caserón de San Fernando, en Madrid, cidade na pasa algunha tempada e comparte pensión con Urbano Feijoo de Sotomayor, Primitivo Rodríguez Sanjurjo e o propio Otero Pedrayo. Este feixe de mozos acomodados, cultos e despreocupados, acoden ao Ateneo, aos cafés e aos diversos espectáculos que lles ofrece a cidade. Nestes anos, López Cuevillas comeza a colaborar co xornal liberal El Miño, onde tamén escribe Vicente Risco, en La Zarpa, El Pueblo Gallego e o Diario de Pontevedra.
En 1917 atopámolo na fundación da revista neosófica La Centuria, en cuxo primeiro exemplar publicaría o texto histórico «Rusia y su revolución. Primer momento», que continuaría no segundo e sexto número. No cuarto número atopamos outro artigo seu, «Divagaciones al margen de un cuento de Las Mil y Una noches». Son os anos de inconformismo, de actitude culturalista, estranxeirizante e algo esotérica que, anos despois, describirá no artigo «Dos nosos tempos», considerado un autorretrato do seu grupo xeracional, publicado no primeiro número da revista Nós.
En 1918 Cuevillas ingresa nas Irmandades da Fala xunto a Losada Diéguez, Otero Pedrayo e Vicente Risco, entregándose de cheo á causa galeguista. En 1920 traballa con entusiasmo nos primeiros pasos da revista Nós, de cuxa primeira directiva forma parte. Simultaneamente comeza a interesarse pola prehistoria galega, na que se formará autodidacta e intensamente até converterse no grande arqueólogo da súa xeración. Fíxoo, segundo diría tempo despois, pola
necesidade de cubrir un burato na nosa cultura. Na actualidade está considerado o pai da nosa prehistoria. Ben pouco tardarían en aparecer nas páxinas de Nós os seus primeiros traballos sobre arqueoloxía. O primeiro «A mansión de Aquis Querquenis» (1922) recollendo a súa experiencia nas escavacións de tan singular espazo. A este, seguirán «O castro “A Cibdade“, en San Ciprián de Lás», nos números 10 e 12 da revista, «Os dólmenes do monte das Motas en Lobeira», no 18, ou «Unha lápida romana inédita» publicado en 1925.
O 18 de abril de 1924, ao pouco de fundarse o Seminario de Estudos Galegos, presentou o seu traballo de ingreso «A edade de ferro na Galiza», que se publicaría por entregas en Nós entre o 25 de xullo de 1925 e o 15 de novembro de 1926. En 1926 o seu tesón e coñecemento convertérono no director da sección de Prehistoria do Seminario, e desde esta posición, dirixiría escavacións, proxectos de investigación interdisciplinar e traballos colectivos nos que soubo implicar con habilidade mozos entusiastas como Antonio Fraguas, Xaquín Lorenzo ou Fermín Bouza Brey. Entre 1922 e 1925 traballou no castro de San Cibrao de Las. En 1925, dentro xa do Seminario de Estudos Galegos e en colaboración con Fermín Bouza Brey, comezou a escavar no castro do Neixón. Dous anos despois, en 1927, estudou os castros de Sobroso e Briteiros, e en 1931 o de Troña.
Froito da súa preocupación pola nosa prehistoria serán traballos como ViIa de Calvos de Randín (1930), en colaboración con Xaquín Lorenzo; «Prehistoria de Melide» en Terra de Melide (Santiago de Compostela 1933); Parroquia de Velle (1936), en colaboración con Xaquín Lorenzo e Vicente Fernández Hermida, e numerosísimos artigos e densas monografías. Parte importante do seu saber está condensado no volume La civilización céltica en Galicia (Porto, 1953). Ademais, asinou o capítulo dedicado á prehistoria de Galicia no tomo correspondente da monumental Historia de Galiza que dirixiría Otero Pedrayo e patrocinaría Manuel Puente. En 1962 a editorial Galaxia publicou postumamente Prosas Galegas.
Aínda que dedicado fundamentalmente ao traballo de investigación, coa firme convicción de que para apoiar o ideario dos seus compañeiros era preciso elaborar un discurso científico que permitise demostrar a existencia dunha cultura específica e unha historia diferenciada, participou, desde un segundo plano, na política de preguerra. Designado conselleiro de Finanzas da Irmandade Nazonalista Galega, fundou con Otero Pedrayo e os seus compañeiros ourensáns o Partido Nazonalista Repubricán de Ourense e militou no Partido Galeguista desde a súa fundación no Nadal de 1931.
Co inicio da Guerra Civil foi expedientado e multado. Son anos difíciles aos que cómpre sumar o feito de que en 1939 unha enfermidade reumática, que lle ocasionaba fortes dores e problemas de mobilidade, o apartaría dos traballos de campo que tanta satisfacción lle producían. En 1941 ingresou na Real Academia Galega a proposta de Otero Pedrayo, Alejandro Barreiro e Ángel del Castillo. Tres anos despois fíxoo no Instituto de Estudios Gallegos Padre Sarmiento. Pouco antes de retirarse da vida pública tivo a oportunidade de participar no III Congreso Nacional de Arqueloxía celebrado en 1953 en Galicia e no norte de Portugal.
Xubilado desde 1956, faleceu en Ourense o 30 de xuño de 1958, tras ser recoñecido por investigadores portugueses, franceses e españois.
- Referencias
- OBRA
- En galego
- «Dos nosos tempos» (1920)
- Novas cerámicas das antas galegas (1930)
- A edade de Ferro na Galiza (1968)
- Prosas galegas (1962)
- «Dos nosos tempos» (1920)
- En castelán
- Puertas de castros gallegos (1935)
- Las joyas castreñas (1951)
- La civilización céltica en Galicia (1953)
- Cosas de Orense (1969)
- Puertas de castros gallegos (1935)
- En galego
- BIBLIOGRAFÍA
- Casares, Juan Manuel (2011): O pensamento político de Florentino López Cuevillas. Ourense: Duen de Bux.
- Otero Pedrayo, Ramón (1980): Florentino L. Cuevillas. Vigo: Galaxia.
- Bouza Brey, Fermín et al. (1957): Frol e froito de un fidalgo vivir: homaxe dos amigos e discípulos do Petrucio da Prehistoria galega, Florentino L.A. Cuevillas, no LXX aniversario do seu nacemento. Vigo: Galaxia
- Casares, Juan Manuel (2011): O pensamento político de Florentino López Cuevillas. Ourense: Duen de Bux.
- OBRA
Como citar: Arias Chachero, Patricia : Florentino López Cuevillas. Publicado o 30/4/2020 no Álbum de Galicia (Consello da Cultura Galega) https://consellodacultura.gal/album-de-galicia/detalle.php?persoa=2245. Recuperado o 06/04/2025

DOCUMENTACIÓN DE
Xaquín Lorenzo colabora co seu irmán Xurxo e con López Cuevillas na catalogación dos castros de Galicia. Ver Documento. Artigo
López Cuevillas, Florentino; Lorenzo Fernández, Xurxo; Lorenzo Fernández, Xaquín: «Catálogo dos castros galegos. Núm. II: O coto da Xulleira: (proseguimento)», Nós: boletín mensual da cultura galega: órgao da Sociedade Galega de Pubricacións Nós, 117 (15 de setembro de 1933), 189-200
Fonte: Biblioteca do Consello da Cultura Galega
DOCUMENTACIÓN SOBRE
Páxina de prensa «Hoxe día das Letras Galegas» «Antología urgente» etc.. Ver Documento. Páxina de prensa
Recensión da vida e da obra de Florentino López Cuevillas, cadrando coa celebración do día das Letras Galegas a el dedicadas. A mesma páxina inclúe unha breve antoloxía, mención do programa de actos e unha «Miniencuesta sobre la lectura en gallego: ¿Tiene la juventud interés por el idioma vernáculo?»
Fonte: El Pueblo Gallego vía Galiciana
Artigo de Bouza-Brey no que enumera unha importante cantidade de traballos inéditos de López Cuevillas. Ver Documento. Artigo
Fonte: Bouza Brey, Fermín: «LosTrabajos inéditosdel prehistoriador Cuevillas», La Noche, (9 de xuño de 1959)
Galiciana
Artigo de Borobó «Homaxe a Cuevillas». Ver Documento. Artigo
Borobó dá conta na sección «Anacos» da homenaxe que se lle rende a Cuevillas un ano despois da súa xubilación
Fonte: La Noche vía Galiciana
Artigos de Otero Pedrayo e outros sobre Cuevillas. Ver Documento. Páxina de prensa
Ramón Otero Pedrayo, amigo desde a infancia de Cuevillas, lembra algún dos trazos do intelectual na sección «Artes y Letras» baixo o título «Hoy se jubila Florentino López Cuevillas». Completa a páxina o artigo «El ejemplo de Cuevillas» de José Ramón y Fernández e unha «Bibliografía de Cuevillas» co subtítulo
Fonte: La Noche vía GalicianaLleva publicados cerca de un centenar de trabajos.
Artigo de Taboada Chivite «En el aniversario de Cuevillas». Ver Documento. Artigo
Lembranza por parte do historiador Xesús Taboada Chivite, discípulo de Cuevillas
Fonte: Fundación Vicente Risco
Ligazóns de interese
Sitio web conmemorativo do centenario do Seminario de Estudos Galegos, elaborado polo Consello da Cultura Galega
Fonte: Consello da Cultura Galega
http://consellodacultura.gal/area2.php?arq=4372 [2023-03-08]
O Seminario de Estudos Galegos (1923-1936) en Galiciana. Biblioteca Dixital de Galicia
Fonte: http://biblioteca.galiciana.gal/gl/consulta_aut/registro.do?id=35606 [Consulta: 2022-12-28]
Catálogo en liña da exposición Galicia, de Nós a nós, coordinada por Afonso Vázquez-Monxardín e Ana Acuña. Cidade da Cultura, 2 de outubro de 2020 - 17 de xaneiro de 2021
Fonte: https://www.cidadedacultura.gal/gl/evento/galicia-de-nos-nos
51 páxinas das nosas Letras
Catálogo da exposición organizada polo Parlamento de Galicia en 2013 para conmemorar o 50 aniversario do Día das Letras Galegas
Fonte: Parlamento de Galicia
https://www.parlamentodegalicia.es/sitios/web/Publicacions/51%20paxinas%20das%20nosas%20letras.pdf [consulta: 2022-12-30]
Historia do Instituto de Estudos Galegos Padre Sarmiento, de 1944 a 2004
Pardo de Guevara y Valdés, Eduardo (dir.): O Instituto de Estudos Galegas «Padre Sarmiento»: Sesenta anos ó servicio de Galicia (1944- 2004). Santiago de Compostela: CSIC, Instituto de Estudios Gallegos Padre Sarmiento (IEGPS), 2005. http://hdl.handle.net/10261/225007
Fonte: CSIC.
https://digital.csic.es/handle/10261/225007
Referencias bibliográficas
- CARVALLO CALERO, R.: Historia da literatura galega contemporánea, Galaxia, Vigo, 1975, 2ª edición
- GARCÍA MARTÍNEZ, M.C.: “López Cuevillas, Florentino”, en Gran Enciclopedia Gallega, T. 19, Santiago-Xixón, s.d.
- OTERO PEDRAYO, R.: Florentino L. Cuevillas, Galaxia, Vigo, 1980.
- PERICOT, Ll.: “Algunos recuerdos personales de Cuevillas”, en Boletín de la Comisión Provincial de Monumentos Históricos y Artísticos de Orense, T. 20, fasc. 1-4 (1959-1960) ; p. 45-48.
- TABOADA CHIVITE, X.: “Cuevillas e o seu maxisterio”, en Grial, nº 21, 1968. VVAA, Homenaxe a Florentino L. A Cuevillas, Galaxia, Vigo, 1957.
Publicacións periódicas
Saudade (1942-) .
Verba Galega nas Américas
Opinión Gallega (1945-) .
Alborada (1952-1956) .
2ª época ata a actualidade: Órgano del Centro Gallego de Barcelona
Vieiros (1959-1968) .
Revista do Padroado da Cultura Galega de México
Libros do ccg sobre Florentino López Cuevillas
No centenario do Museo Arqueolóxico de Ourense.
1995 | Afonso Cid González, Locución. Afonso Vázquez-Monxardín, Coordinación.