Suso Vaamonde
Pontecaldelas (Pontevedra), 20/ 12/1950 - Vigo (Pontevedra), 16/2/2000Autoría: Fernando Fernández Rego
A voz dun pobo
Suso Vaamonde foi un dos cantantes máis comprometidos que deu a música galega. Creu sempre no país da utopía, loitou pola defensa dun pobo, dunha terra e dunha lingua. Loitou por mudar o mundo que lle tocou vivir -aqueles tempos da ditadura e de Voces Ceibes- e todo iso tradúcese na súa conversión nunha das máis relevantes figuras da música galega. El foi un dos primeiros cantautores que se achegou á poesía galega, musicando poemas dos poetas da terra, e tamén tivo unha importante proximidade co pobo, tocando habitualmente en aldeas e dedicando moitos dos seus temas ao pobo e ao rural. Ademais apoia e axuda á formación do gran grupo tabernario e popular galego: A Roda. El e o seu irmán Luis foron membros fundadores. Tamén fixo importantes achegas á música infantil como Os Soños na Gaiola (Dial / Limoeiro, 1978), disco adicado a Manuel María; Cantarolas pra Xente Miúda (Dial, 1986), centrado na poesía de Neira Vilas, ou Rapazas, Rapaces e Rapazadas (Trebón, 1998), con poemas de Uxío Novoneyra e Bernardino Graña, entre outros.
O compromiso de Suso foi moi alto, e levouno incluso a sacrificar a súa liberdade persoal e a ter que vivir no exilio político. Nuns tempos nos que verbas como xustiza, progreso e liberdade escaseaban, e os valores de Galicia intentaban ser anulados, Suso Vaamonde erixiuse como o bardo que o país precisaba.
Dicía John Steinbeck sobre Woody Guthrie: é unha voz e unha guitarra. Canta as cancións dun pobo e sospeito que el mesmo é en certo modo ese pobo. Hai algo importante para os que o escoitan: a vontade de resistir, de loitar contra a opresión
. Estas palabras podemos aplicalas perfectamente á figura do de Regodobargo (Ponte Caldelas). Suso partiu sempre do pobo, falándolle directamente nas súas cancións, pero tamén prestándolles a súa voz. Especialmente aos poetas.
Comeza moi novo a tocar. En canto chega ás súas mans unha guitarra empeza a compoñer as súas primeiras cancións. Con apenas dezaseis anos dáse a coñecer na Asociación Cultural de Vigo. Os seus inicios son máis ben beat e rock, en formacións como Os Copens e Marco Balorento. Con Os Copens xa se acercaba ao folk, a Bob Dylan, Joan Baez, Peter, Paul & Mary… e xa comeza a compoñer cancións en galego. Marco Balorento era un trío co que gaña o seu primeiro premio nun festival organizado por una emisora de radio de Vigo, pero o grupo desfaise cando un dos compoñentes vai estudar a Madrid e a outro lle entra medo coa detención de Benedicto.
Logo chegan os tempos de Voces Ceibes. En 1974 Suso Vaamonde grava furtivamente en Barcelona a casete Loitando (Iberia Cultura, 1975). Atopámonos con poemas de Celso Emilio Ferreiro –«A paz», «Derradeira vontade de Fuxo Buxán», «O dedo na chaga», «Spritoal»- e Curros Enríquez –«En corso»-, Ramón Cabanillas –«Miserere»-, ademais de cancións importantes do seu repertorio como «Uah!». Dous anos despois chega o seu primeiro LP: Nin Rosmar un Laído (Movieplay / Xeira, 1977), gravado o 28 de outubro no Teatro-Cine Veiga de Moaña. Nel participan Pilocha, Verbas Xeitosas e Fuxan os Ventos. Un traballo que nos deixa grandes momentos cargados de emoción como ese «Volvín á terra pro perdín o amor» (Bernardino Graña), que é unha das máis grandes cancións da música galega.
O 3 de xuño do 1979 participa na Praza da Ferrería de Pontevedra nun recital antinuclear. Mentres canta «Uah!», o público engádelle unha estrofa máis á canción: Cando me falan de España / sempre teño unha disputa / que se España é miña nai / eu son un fillo de puta
. Entre o público había un tenente do exército, salmantino e militante de Fuerza Nueva, que o denuncia. En novembro de 1980 recibe a sentenza: seis anos e un día de prisión por inxurias á Patria con publicidade
. Suso vese abocado ao exilio. Trasládase a Londres, a Alemaña..., ata establecerse finalmente en Venezuela, en Caracas. Volve a Galicia en 1984 a entregarse, esperando que o goberno socialista deixase a un lado a condena. Permanece corenta e seis días na prisión de Ourense ata que recibe o indulto. Nesta decisión inflúen as presións do senador socialista Xaime Barreiro, antigo compañeiro en Voces Ceibes.
Crea o seu selo discográfico, Trebón, co que promociona a súa propia música e a doutros artistas. Mantense en activo ata que unha grave enfermidade o obriga a reducir o ritmo. Tres meses antes da súa morte, concretamente o 12 de novembro de 1999, recibe unha homenaxe en Salvaterra de Miño, nun acto celebrado pola Sociedade Cultural e Recreativa do Condado. Congréganse máis de 3000 persoas e artistas como A Quenlla, Muxicas, Bieito Romero (Luar na Lubre), Emilio Cao, Uxía Senlle, Tino Baz, Saraibas, As Cantareiras do Berbés, María Manuela, A Roda, Treixadura… Contan que ás cinco da mañá aínda había artistas tocando. Suso Vaamonde quixo subir ao escenario pero non puido cantar. O 16 de febreiro de 2000 falecía na Clínica Fátima de Vigo. Tres días despois as súas cinzas son ciscadas no río Oitavén ao seu paso por Regodobargo.
Son moitos os aspectos polos que temos que reivindicar a súa figura: a loita pola terra, a fala e a cultura galegas; a reivindicación da poesía galega e o vencello da literatura co pobo, a renovación da canción infantil en galego… Suso non destacou no ámbito comercial, pero deixounos unha colección de cancións a reivindicar ademais de axudar a apuntalar a música galega e en galego. Directa ou indirectamente, artistas como Suso Vaamonde ou Andrés do Barro, definiron a canción galega, deixándolle un fermoso e importante legado ás futuras xeracións.
Aínda que as súas cinzas percorran as augas do río Oitavén, Suso nunca morrerá mentres haxa xente que cante as súas cancións.
Bibliografía
Fernández Rego, Fernando (2019): Unha Historia da Música en Galicia 1952-2018. Vigo: Galaxia.
Fernández Rego, Fernando (2022): Suso Vaamonde. A Voz Libre e Comprometida dun Pobo. Vigo: Galaxia.
Boo, Miguel (2019): Suso Vaamonde. Voz de Trebón. Vigo: Grupo de Comunicación de Galicia en el Mundo.
Como citar: Fernández Rego, Fernando : Suso Vaamonde. Publicado o 27/2/2023 no Álbum de Galicia (Consello da Cultura Galega) http://consellodacultura.gal/album-de-galicia/detalle.php?persoa=26425. Recuperado o 27/03/2023
DOCUMENTACIÓN DE
Entrevista a Suso Vaamonde, antes do xuízo por
inxurias á Patria con publicidadeEyre, Alfonso: «Suso Vaamonde: non hai liberdade de expresión», A Nosa Terra, 132 ( do 14 ao 20 de novembro 1980 ), 7.
Fonte: A Nosa Terra / Consello da Cultura Galega
DOCUMENTACIÓN SOBRE
Artigo de Xurxo Souto sobre a poesía de Manuel María e a Nova Canción Galega
Souto, Xurxo: «Unha canción marabillosa, galega e panteísta», Boletín da Real Academia Galega, 377 (2016), 169-177
Fonte: Boletín da Real Academia Galega
https://dialnet.unirioja.es/servlet/articulo?codigo=6481587
Mario Regueira analiza varios libros sobre compoñentes de Voces Ceibes
Regueira, Mario: «A memoria das voces», Vieiros.com, (14 de febreiro de 2009)
Fonte; vieiros.com / AELG
Tese de doutoramento sobre a música popular galega nos anos da transición política, na que se estuda, entre outras figuras da canción, a Suso Vaamonde
Campos Calvo-Sotelo, Javier: La música popular gallega en los años de la transición política (1975-1982): reificaciones expresivas del paradigma identitario. Madrid: Universidad Complutense de Madrid, 2008. [Tese de doutoramento dirixida por Victoria Eli Rodríguez]
Fonte: UniversidadeComplutense
https://eprints.ucm.es/id/eprint/8801/1/T30909.pdf [Descarga: 2023-02-27]
Entrada biográfica de Suso Vaamonde na Gran Enciclopedia Galega Silverio Cañada
«Vaamonde, Suso». En Gran Enciclopedia Galega Silverio Cañada. 42. Lugo: El Proreso, DL 2003; 207.
Fonte: Biblioteca do Consello da Cultura Galega
Obituario de Suso Vaamonde, por Xan Carballa
Carballa, Xan: «Foise Suso Vaamonde, o cantor dos poetas galegos», A Nosa Terra, 922 (17 de febreiro de 2000), 25.
Fonte: A Nosa Terra / Consello da Cultura Galega
Dúas notas necrolóxicas en memoria de Suso Vaamonde publicadas n'A Nosa Terra
A Nosa Terra, 922 (17 de febreiro de 2000), 23.
Fonte: A Nosa Terra / Consello da Cultura Galega
Sobre o concerto en homenaxe de Suso Vaamonde celebrado en Salvaterra o 12 de novembro de 1999
G.L.: «Concerto de corazón para Suso Vaamonde», A Nosa Terra, 909 (18 de novembro de 1999), 32.
Fonte: A Nosa Terra / Consello da Cultura Galega
Sobre os cantos de taberna, A Roda e Suso Vaamonde
Carreira, Xoán M.: «As cancións de taberna: do documento ao rizo rizado», A Nosa Terra, 132 (do 14 ao 13 de novembro 1980), 18
Fonte: A Nosa Terra / Consello da Cultura Galega
Noticia sobre o concerto de apoio aos traballadores dos estaleiros vigueses
Ascón«Hoy, festival solidario con los trabajadores de Ascón», El pueblo gallego; rotativo de la mañana , 20314 ( 8 de abril de 1978), 11
Fonte: Biblioteca Pública Antonio Odriozola / Galiciana. Biblioteca Dixital de Galicia.
https://biblioteca.galiciana.gal/gl/consulta/registro.do?id=10000255620 [Descarga: 2023-02-27]
Ligazóns de interese
«Tres pés para un Suso: unha nova vida para as cancións de Suso Vaamonde». Entrevista con Roberto Sobrado, Xosé Constenla e O Leo no Diario Cultural da Radio Galega
Fonte: http://www.diariocultural.gal/radio-galega/tres-pes-para-un-suso-nova-vida-para-as-cancions-de-suso-vaamonde/ [Consulta: 2023-02-17]
Artigo en elDiario.es, de Alfonso Pato. 27 de marzo de 2022
Fonte: https://www.eldiario.es/galicia/suso-vaamonde-cantautor-rebelde-primer-artista-con denado-censura-democracia_1_8865125.html [Consulta: 2023/02/08]
«Suso Vaamonde. A canción libre e comprometida dun pobo», artigo de Fernando Fernández Rego na revista Luzes. 23 de abril de 2022
Fonte: https://luzes.gal/23/04/2022/temas/cultura-temas/suso-vamonde-a-cancion-libre-e- comprometida-dun-pobo/ [Consulta: 2023/02/08]
«Suso Vaamonde,
Fonte: https://praza.gal/cultura/suso-vaamonde-o-bardo-que-o-pais-necesitaba. [Consulta: 2023-02-27]o bardo que o país necesitaba», artigo en praza.gal. 14 de abril de 2022
Vinte anos Sen Suso: o Concello de Pontecaldelas homenaxea a Suso Vaamonde no seu cabodano
Fonte: https://www.anovapeneira.gal/index.php/2020/03/02/xx-anos-sen-suso-o-concello-de-pontecaldelas-homenaxea-a-suso-vaamonde/ [Consulta: 2023-02-28]
Homenaxe a Suso Vaamonde en Regodobargo, no seu vinte cabodano
Fonte: blog de José Iglesias Fernández.
https://joseiglesiasfernandez.wordpress.com/2020/02/19/homenaxe-a-suso-vaamonde/ [Consulta: 2023-02-28]
Vaamonde, Gael (2015) : Suso Vaamonde. O derradeiro bardo de Galicia
Fonte: http://www.susovaamonde.com/ [Consulta: 2023-02-08]
«Suso Vaamonde: nin rosmar un laído», artigo de Manuel Bragado no seu blog brétemas. 11 de febreiro de 201o
Fonte: http://bretemas.gal/suso-vaamonde-nin-rosmar-un-laido/ [Consulta: 2023-02-27]
Biografía de Suso Vaamonde na Galipedia
Fonte: https://es.wikipedia.org/wiki/Suso_Vaamonde [Consulta: 2023-02-08]
Artigo en La fonoteca sobre Suso Vaamonde
Fonte: https://lafonoteca.net/grupo/suso-vaamonde/ [Consulta: 2023/02/08]
Videos
Suso Vaamonde canta o poema de Manuel María «Galicia» no programa A trabe de ouro da TVG. 17 de xuño de 1987
Fonte: https://www.youtube.com/watch?v=WrpSXdextTc [Consulta: 2023-02-27]
Suso Vaamonde cantando «Romance do feitizo de amor».
Fonte: https://www.youtube.com/watch?v=CNCxJdlMVw4 [Consulta: 2023-02-27]
Suso Vaamonde en Luar da TVG, interpretando o poema de Celso Emilio Ferreiro «Un soño». 13 de xaneiro de 1993
Fonte: https://youtu.be/XsB19taekyU [Consulta: 2023-02-27]
Audios
«Volvín á terra pero perdín o amor», interpretado por Suso Vaamonde
«Moi lonxe», interpretado por Suso Vaamonde
«O cuco», interpretado por Suso Vaamonde
«Galicia», interpretado por Suso Vaamonde
«Campás», interpretado por Suso Vaamonde